O Día Internacional das Rapazas nas TIC de 2020 pasará á historia como o Día das Rapazas nas TIC máis decididamente “TIC”. Por que motivo? Pois basicamente polo Estado de Alarma que estamos a vivir e que obrigou ás entidades organizadoras a adaptar a celebración da xornada en formato cen por cen por virtual, un formato que xa estaba presente na actividade dende a súa primeira edición e que se ten materializado en múltiples conexións en streaming cos nosos centros docentes. A cita é este 23 de abril, entre as 11.00 e as 12.00 horas, con xanelas directas ás casas dos escolares de toda a nosa xeografía. Organizan o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL.
Participarán catro tecnólogas galegas mostrando o seu día a día e a importancia de seguir preparando o terreo para a incorporación de novas profesionais do coñecemento e a innovación. Na cita, escolares de toda Galicia están convidadas e convidados a coñecer, da man das catro relatoras, importantes achados en materia de Intelixencia Artificial, videoxogos, comunicacións de radio e tecnoloxías de arqueoloxía moderna. A cita deste 23 de abril é a oitava convocatoria galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day).
Este ano, debido á situación de Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, a xornada organizarase dunha maneira diferente mediante multiconferencia web. Será, en palabras da organización, “unha gran oportunidade para coñecer a catro protagonistas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos e todas”. A través destes catro relatorios, o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:
Pódese seguir e difundir toda a información do evento e das actividades na web de eLearning do CESGA e no seu Twitter @ICTGoGirls
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL. Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e MujeresTech. A Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.
Primeira entrada da "Guía para entreterte na casa con nen@s".
A situación de confinamento actual na que nos atopamos debido á crise do coronavirus está a incrementar a nosa preocupación sobre como seguir coa formación dos nosos fill@s ademais de buscar alternativas para enriquecer e ocupar o tempo de lecer en familia.
A tecnoloxía e o uso das TIC convértese así nunha ferramenta fundamental para o deseño e planificación do noso día a día en familia, achegando recursos tanto educativos como para desfrutar do tempo libre sen necesidade de saír da casa.
Así pois, para a planificación de ambas cousas debemos ter en conta, nun primeiro intre, o tempo de atención que os nosos nen@s nos van a proporcionar dependendo da súa idade. A continuación amosámosvos unha táboa que vos servirá como referencia á hora de distribuír o tempo para cada tarefa:
Tempo de atención media segundo a idade
|
Idade |
Tempo atención |
|
1 ano |
3-5 minutos |
|
2 anos |
4 a 10 minutos |
|
3 anos |
6 a 15 minutos |
|
4 anos |
8 a 20 minutos |
|
5 anos |
10 a 25 minutos |
|
6 anos |
Ata 30 minutos |
|
7 anos |
Ata 35 minutos |
|
8 anos |
Ata 40 minutos |
|
9 anos |
Ata 45 minutos |
|
10 anos |
Ata 50 minutos |
Pode que neste intre, algúns esteades a pensar que o día se vos vai facer moi longo se tedes que deseñar actividades que duren poucos minutos pero, aínda que non está demais ter pensadas varias para realizar ao longo do día, non pasa nada porque cada certo tempo se repita algunha.
Ademais é incluso recomendable que tamén aprendan a aburrirse, posto que isto estimula a creatividade e o autocontrol.
Será de vital importancia ter claro que o noso presente e esta situación excepcional de confinamento fai necesariamente que as nosas rutinas de vida muden e isto pode afectar a todos os membros da familia. Por esta razón unha das opcións que vos propoñemos é a realización dunha xuntanza familiar que nos axude a tomar decisións e acordos conxuntos que faciliten o transcurso dos días.
Nesta reunión falaremos das novas rutinas que imos a formular, podemos incluso propoñer entre todas cales son as mellores, incluso establecer un horario para poder ser conscientes de que toca en cada momento evitando así o descontrol, pero a flexibilidade en todo é fundamental!
A continuación, facilitamos unha listaxe de tarefas a realizar compartido por Unicef, que debería estar presente no noso planning diario:
Ante esta situación na que moitos rapaces e as súas familias pasan máis tempo do habitual na casa é fundamental ir adaptando as rutinas de aprendizaxe, traballo, ocio, tempo libre e descanso.
Así pois, neste contexto é posible que dediquen máis tempo fronte as pantallas polo que a continuación vos propoñemos unhas pautas sinxelas pero eficaces que recolle Unicef, para adaptarnos ao entorno dixital de forma sa e respectuosa:
Algunhas organizacións teñen unha longa experiencia na educación das TIC e ofrecen recursos que vos poden resultar de axuda:
Esperamos que coa información recollida nesta publicación, poidades afrontar esta nova rutina cos vosos fill@s tentando en todo momento transmitir calma e seguridade, así como controlar a exposición á información e ás “fake news” e aproveitar o tempo con eles.
Enfrontámonos como sociedade a un momento crítico que está a demandar o mellor de cada un de nós. A Fundación Telefónica, desde o comezo da crise da COVID-19, sumou forzas uníndose a administracións públicas e ONGs para loitar xuntas contra a pandemia axudando aos que máis están a sufrir. Pero tamén é momento de reflexionar e buscar ideas para reconstruír o novo mundo ao que nos enfrontamos.
Que solucións se poden crear tras a COVID-19 e que papel xoga a tecnoloxía nas necesidades social do "día D+1"? Estas son algunhas das preguntas que a Fundación Telefónica lanza aos mozos a través do #desafíoSTEAM animándoos a repensar o mañá con retos educativos e tecnolóxicos.
Dirixido a persoas desde os 14 aos 25 anos, trátase dunha chamada á acción a todos aqueles que queiran crear e poñer en práctica ideas, solucións e startups de carácter social capaces de resolver o reto ao que nos enfronta a pandemia da COVID-19 e buscar solucións para un mundo mellor agora e no futuro.
Baixo a temática, "Desafía ao virus con STEAM", o reto está orientado a desenvolver as competencias STEAM (Science, Technology, Arts, Engineering e Mathematics) de forma lúdica e reflexiva para achegar solucións a esta nova contorna social na que nos atopamos. Así, poderanse presentar candidaturas en equipo ou individualmente desenvolvendo proxectos dixitais de programación, robótica e ciencias mentres reflexionan sobre o momento actual e afianzan actitudes como o traballo cooperativo, a utilización critica da información, a creatividade, o emprendemento e a autoaprendizaxe
Os premios incluirán unha impresora 3D para o equipo ou participante gañador, e unha tablet para cada membro do equipo/participante que obtivesen o segundo premio.
O prazo de inscrición xa está aberto ata o 5 de xuño de 2020 na web https://www.stembyme.com/web/desafio-steam.
O reto #desafioSTEAM englóbase na plataforma Creating for Humanity, que pretende impulsar unha mobilización masiva de mozos e implicalos na procura de solucións eficaces e rápidas contra a crise sanitaria e social actual.
O proxecto está formato por nove entidades impulsoras da innovación social que unen forzas para lanzar, e fomentar unha mobilización masiva dos mozos na procura de solucións eficaces e rápidas contra a crise do coronavirus. Nesta iniciativa participan Danone, Fundación Telefónica, Ashoka, Bridge for Billions, Ship2B, Mondragon, MTA-LEINN, EduCaixa e IrsiCaixa: empresas e organizacións sociais con experiencia en fomentar, impulsar e acompañar ata a súa culminación proxectos de impacto social.
A Fundación Telefónica, ademais do #desafioSTEAM, lanzou a mozos o #RetoEducativoFulller dando visibilidade a proxectos desenvolvidos por mozos que melloren a contorna na que vivimos inspirados na figura do deseñador, inventor e creador estadounidense Buckminster Fuller.
O Plan de Promoción do Talento Dixital da Xunta (DigiTalent) suma unha nova iniciativa ao seu catálogo de actuacións, coa incorporación da edición especial de Campus Dual, unha iniciativa impulsada polo Clúster TIC Galicia, asinante do Pacto Dixital e adherido ao Plan, que ofrece capacitación no ámbito tecnolóxico.
Ante a situación creada polo COVID-19, Campus Dual ofrece formación gratuíta e online, sobre programación para o desenvolvemento de aplicacións dirixido a estudantes de FP e de Universidade que están a acabar os seus estudos e non contan cunha empresa onde realizar as prácticas; e, doutra banda, a persoas con experiencia profesional en situación de desemprego por mor da crise sanitaria. En ambos os casos, as prazas son limitadas e efectuarase un proceso de selección. O prazo de inscrición termina este xoves e o curso comezará o luns, 27 de abril.
Os cursos terán unha duración de 12 semanas e organizaranse en grupos de 9 alumnos e equipos de 3. Trátase dunha formación empírica 100% similar á que poida atopar un usuario nun posto de traballo, combinando sesións en grupo, aprendizaxe individual e traballo en equipo. Todo o traballo realizarase en remoto, aplicando metodoloxías áxiles e apoiándose nas plataformas de colaboración dixital e de formación online máis utilizadas nas empresas. Máis información en https://www.campusdual.com/curso-full-stack/.
Campus Dual é unha iniciativa innovadora para a capacitación, empregabilidade e inserción laboral que puxeron en marcha o Clúster TIC Galicia, Universidade de Vigo e Imatia Innovation, para contribuir a consolidar unha canteira de talento TIC na Comunidade.
Desde o pasado mes de setembro as tres entidades promotoras estiveron colaborando nun Posgrao de Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital, impartido na Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, no cal titulados de ADE, Dereito e outras carreiras, sen coñecementos previos en programación, están a formarse en empresas TIC de maneira remunerada e desenvolvendo proxectos reais.
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola Amtega en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, ofrece actividades, formación e especialización no ámbito dixital ao longo de todo o ciclo vital da persoa co fin de impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades do desenvolvemento profesional na economía dixital.
As bibliotecas públicas da Xunta de Galicia celebran o Día do Libro cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Entre as accións que se levan a cabo a través das distintas dotacións da Comunidade figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas.
Unha das principais actividades na que todos os anos toman parte os museos xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.
Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.
Desde A Coruña, a Biblioteca Miguel González Garcés pon en marcha nas súas redes sociais o concurso Encriptados de ida e volta, mediante o cal os participantes deben enviar, ata o 21 de abril, unha mensaxe a través do seu perfil de Facebook co título do libro que están a ler durante o confinamento descrito en emoticonos. Unha vez recompiladas todas as mensaxes, publicarase unha listaxe o día 23 con todos os títulos e os participantes deberán adiviñar o título deses libros.
A Biblioteca Pública de Lugo está a desenvolver o programa Balcóns de lectura. Trátase dun roteiro dixital por librerías, escritores e mediadores culturais que desde os seus balcóns deixan as súas suxestións lectoras e os seus textos. Estas son recollidas e publicadas nas súas redes sociais.
Ourense tamén está a impulsar accións a través das redes sociais da súa biblioteca. Os interesados dispoñen de recomendacións de libros por parte do seu persoal así como imaxes ou opinións sobre libros que están acompañando aos usuarios da biblioteca durante este período excepcional.
A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola ofrecerá desde o 23 de abril ata o 15 de maio unha exposición virtual na súa páxina web arredor dos Libros prohibidos, unha mostra sobre a censura literaria ao longo dos séculos.
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal creará, a partir do 20 de abril, unha historia colaborativa a través de Twitter baixo o título Conto a moitas mans. Este conto comezará cunha pequena frase de arranque que estará seguido das instrucións para poder participar e que consisten en “copia, continúa a historia e comparte como comentario”. Ao remate, publicarase o relato completo e en función da extensión final realizarase un cartel ou unha publicación. Ademais, o Día do Libro publicarán unha serie de videorecomendacións de lecturas de amigos deste Biblioteca.
Viaxar sen saír da casa é unha das propostas da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, que invita aos seus usuarios a encher nas súas redes sociais unha guía de viaxe e unha guía de lectura cos seus lugares e libros destacados. O mapa e listaxe resultantes publicaranse o Día do Libro. Ese mesmo día, a súa web acollerá a exposición virtual Libros e cidades: rúas e relatos, camiños converxentes, na que se repasan obras significativas da literatura galega e internacional, destacando fragmentos que describen as cidades ou vilas nas que transcorren.
Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, desde a Cidade da Cultura, destacará algúns títulos con exemplares únicos que se atopan na rede de bibliotecas da nosa comunidade autónoma. Tomando como referencia o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Galego, visibilizaranse algunhas obras estudadas polos técnicos da biblioteca dos que só unha biblioteca galega conserva un único exemplar.
Igualmente, a Libraría Institucional da Xunta destacará publicacións como o catálogo de libros infantís e xuvenís, Biblioterapia. Lecturas saudables: Guía de libros recomendados, a guía de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria II, os Cadernos Ramón Piñeiro XXIII. Epistolario Ricardo Carballo Calero, as Cartas a Fermín Penzol e Libros e lectura en Galicia. Séculos XVI-XIX.
As bibliotecas autonómicas seguen tamén abertas a través de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico desde a que é posible acceder a máis de 4.500 títulos. Con motivo do confinamento, a Xunta vén de mellorar as condicións de acceso, para o que só é necesario rexistrarse online. Estase revelando como un servizo moi demandado nestas semanas, pois a súa utilización incrementouse de maneira exponencial.
Todas estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta, etiqueta baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a través da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), continúa ofrecendo formación dixital online, a través a plataforma de teleformación EMA, que conta cun amplo catálogo de cursos para poder continuar formándose no eido dixital sen saír da casa.
Os cursos están catalogados desde un nivel máis básico, como o uso da tableta, o aproveitamento do smartphone, as redes sociais, ata o uso da administración electrónica, operacións dixitais, o tratamento de imaxes e vídeos, etc. Para acceder a estes recursos tan só é preciso darse de alta na Rede a través da páxina web de CeMIT.
A Rede, cuxa actividade fai especial fincapé nas persoas con máis dificultades no acceso a tecnoloxía, entre eles o colectivo de maiores, colabora estes días co aliado dixital Fegaus na iniciativa #MayoresActivosEnCasa, e a través da plataforma web Canal Sénior, Calquera cidadán con conexión a internet, pode participar nas charlas sobre tecnoloxía, historia, arte, manualidades, etc.
Ademais, axentes TIC responsables da formación das aulas CeMIT están a centrar a súa labor formativa estas semanas no acompañamento personalizado e titorización, principalmente, das persoas maiores, ben a través do teléfono para os alumnos e alumnas con menos coñecementos, ou a través de correo electrónico, redes sociais ou aplicacións de videoconferencia.
Neste último mes, a formación dixital para as persoas maiores orientouse principalmente á comunicación a través das ferramentas e aplicacións dixitais e tamén no uso de servizos dixitais, coma a solicitude de cita no médico (para a consulta telefónica) a través da plataforma de É-Saúde ou a banca electrónica. A formación complétase con propostas de ocio como xogos de memoria, culturais e visitas virtuais, exercicio ou receitas.
Para coñecer as aulas que están a desenvolver este tipo de actividades, aconséllase contactar directamente cos responsables dos centros CeMIT.
A Amtega, desde o comezo do estado de alerta sumouse a iniciativa #EuQuedoNaCasa e desde a web Faitedixital publica diariamente unha gran variedade de entardas para toda a cidadanía con propostas de recursos tecnolóxicos que permiten sacar un maior aproveitamento desta situación que estamos a vivir, impulsando un uso seguro e responsable da tecnoloxía no fogar, asegurando un bo teletraballo ou manténdote activo física e mentalmente.
Esta semana as publicacións estiveron dirixidas ás persoas maiores e tamén publicarase a Guía para persoas maiores “Aproveita o tempo na casa coa tecnoloxía“.
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
As administracións están a pór en marcha estes días medidas para evitar que a fenda se agrande e permitir que todas as familias poidan seguir coa actividade escolar a través da teledocencia. A Xunta atópase entre estas administracións. Estes días pasados, de feito, repartiu un importante número de computadores e conexións a Internet entre as familias con escasos recursos. O primeiro subministro de material desenvolveuse en menos dunha semana. O segundo foi anunciado este venres 17 de abril para ser repartido na segunda quincena de mes.
O primeiro lote estaba constituído por 1.000 equipos informáticos con cadansúas conexións a Internet de balde para fogares con estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. O segundo lote (anunciado este 17 de abril) inclúe 1.750 computadores máis, con cadansúas conectividades. En total, 2.750 equipos prontos para empregar e navegar. Segundo explicou a AMTEGA, cada subministro informático é un pack formado por un ordenador ultraportátil idéntico aos empregados polo alumnado no proxecto de Educación Dixital E-DIXGAL, xunto cun kit que permite a súa conexión de balde á Rede (grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange) e mediante un router Wi-Fi 4G xunto coa correspondente liña de datos 4G. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o Estado de Alarma.
Que haberá un antes e un despois da pandemia de coronavirus, sabémolo ben, como tamén sabemos ben que é probable que nunca antes houbera tanta oferta de teleformación como neste período de confinamento. Neste senso, o Concello de Santiago vén de facer historia argallando a cifra nada desprezable dun centenar de cursos pertencentes a 20 áreas profesionais: 1.500 prazas ofertas para que a xuventude saque partido dunha situación adversa como a que estamos a vivir para avanzar en capacidade de innovación, adestramento e empregabilidade. Por certo que tamén están a ser históricas as cifras de participación: contabilizáronse 850 reservas de praza nun só día.
O período de inscrición para as 1.500 prazas ofertadas (inscrición gratuíta) abriuse onte a través da web de Talentia Summit. Na mañá deste xoves 16 de abril xa estaban cubertas máis da metade das prazas.
Segundo informou o Concello, a oferta de formación en idiomas como o inglés e o francés en diferentes niveis (A1, A2, B1, B2) foi “un éxito”, esgotándose as prazas en menos de 24 horas. Polo que respecta aos cursos relacionados con administración de empresas, os de mercadotecnia (marketing) e comunicación, así como os de turismo, tamén se rexistrou “un abundante volume de inscricións, quedando poucas prazas dispoñibles no mediodía deste xoves”.
Tamén quedan prazas sen cubrir na ampla oferta de aplicacións informáticas, como o paquete Microsoft (Word, Excel, Access e Powerpoint), que lle permitirá ás persoas que os cursen obter un certificado que avale os seus coñecementos en ofimática. Neste momento, dende a área de Emprego anunciaron que están a verificar as inscricións para comprobar que se cumpren os requirimentos da oferta formativa: ser maiores de 16 anos e estar empadroados no Concello de Santiago. O inicio dos cursos está previsto para este luns 20 de abril, aínda que a formación online permite comezar cando o alumnado estime conveniente.