A compañía tecnolóxica Wellness TechGroup e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) van organizar o vindeiro xoves 14 de maio un webinar de balde sobre como aplicar medidas eficaces de protección nestes tempos de crise sanitaria nos que todo apunta a un notable incremento do malware e dos ataques informáticos perpetrándose na Internet e nas redes en xeral. A sesión online Estratexia de ciberseguridade en tempos de crise será impartida por Ismael Morales, experto en protección dixital e está organizada coa colaboración da entidade profesional galega que preside Fernando Suárez.
Segundo fan saber Welness e o CPEIG a conto do webinar e as razóns para convocalo, a ciberseguridade cobrou estes días un carácter aínda máis crucial, en parte polo incremento da nosa presenza nas contornas online (debido ao teletraballo, á teleformación e á necesidade de levar a cabo xestións en liña de todo tipo e estar en contacto cos nosos amigos e familiares), polo que aumentaron as ameazas informáticas de toda índole, por exemplo as derivadas de erros non intencionados ou ben de ataques premeditados e deseñados para eventualidades tan excepcionais como a que estamos a vivir.
Neste seminario en liña repasaranse as ameazas que podemos enfrontar no transcurso dunha crise e coñeceremos como reducir a exposición ante os ciberriscos.
A sesión, como dixemos, será impartida por Ismael Morales Alonso, técnico en Xestión da Ciberseguridade de Wellness TechGroup, e contará como anfitrión con Fernando Suárez Lorenzo, director do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia). A xornada está dirixida a persoas que traballen en equipos de IT ou seguridade tanto técnicos como responsables. Comentaranse aspectos técnicos, aínda que persoas que non teñan coñecementos en ciberseguridade poderán seguir o webinar sen problemas.
O Concello de Boiro, xunto coa asociación ComparTIC continua coa oferta formativa de cursos que se imparten por vídeo-conferencia na aula CeMIT local durante o confinamento. As dúas últimas accións formatiavs que se van impartir tratarán sobre as seguintes temáticas: Sketchup web e máis Espionaxe e Cibervixilancia. Celebraranse na ultima quincena do mes de maio.
O curso de Sketchup web vaise impartir os días 19, 21, 26 e 28 de maio, de 11.00 a 11.45 horas, e nel os participantes farán unha introdución ao deseño asistido e coñecerán o funcionamento da interface da aplicación, as ferramentas básicas para traballar con ela e unha serie de exercicios prácticos para o seu funcionamento.
Pola súa banda, o curso Espionaxe e Cibervixilancia vaise impartir os días 22, 25, 27 e 29 de maio, en horario de 11.00 a 11.45 horas, e as persoas participantes terán a oportunidade de aprender métodos de procura de información, análise de metadatos, cifrado e descifrado de mensaxes e ocultación e obtención de información.
Todos os interesados poden informarse e inscribirse aos cursos na aula CeMIT de Boiro, mediante o correo electrónico axentetic@boiro.org ou o número de teléfono 981 842 635.
En tempos de COVID-19, a innovación ábrese camiño e faino, sobre todo, en formatos virtuais que posibiliten a continuidade de iniciativas e proxectos á espera de que a situación se normalice. Un exemplo disto é o programa de Lanzadeiras Conecta Emprego de Galicia, que, segundo puidemos saber esta semana, comezarán a funcionar en formato dixital por mor da pandemia e o Decreto de Alarma, o que implica que as súas actividades de formación e asesoramento desenvolveranse online co fin de ofrecer a máxima seguridade aos participantes.
O programa terá tres iniciativas concretas na nosa terra: a de Coruña, a de Arteixo e a de Santiago. Comezarán a actividade a finais de mes coa idea de volver á metodoloxía presencial ao longo do verán, cando “as autoridades o permitan”. Esta iniciativa está impulsada por Fundación Santa María La Real e Fundación Telefónica, que contan coa colaboración da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia e o co-financiamento do Fondo Social Europeo, dentro do programa operativo POISES. As lanzadeiras terán presenza en dúas ducias de cidades de todo o ámbito estatal. Estes acubillos de formación e asesoramento comezarán a última semana de maio con 60 participantes, 20 por cidade, que se reunirán de forma virtual a través de diferentes aplicacións informáticas para reactivar a súa procura de traballo con novas técnicas e ferramentas, acordes ao novo mercado laboral.
O programa funcionará até mediados de setembro; e a idea, como dixemos, é que poida retomar o seu carácter presencial ao longo do verán. “En marzo adaptamos os contidos de alfabetización dixital para que a actividade puidese continuar de forma telemática e agora volvemos facer outro esforzo para dixitalizar a metodoloxía de Lanzadeiras Conecta Emprego e poder seguir ofrecendo orientación laboral ás persoas en desemprego, especialmente neste novo contexto que nos deixa o coronavirus”, explica Natalia Serrano, directora de Emprego da Fundación Santa María La Real. Cada iniciativa terá 20 participantes, que se reunirán de forma virtual para reactivar a súa procura de traballo. Contarán co acompañamento e a orientación dun técnico especializado da dita fundación, que lles guiará para mellorar a súa empregabilidade e perseguir a súa inserción. Realizarán dinámicas de intelixencia emocional para aprender a desenvolver un plan de prospección laboral; actualización de currículos e simulacións de entrevistas de traballo; mapas de inserción e contactos con empresas. O prazo de inscrición para participar neste programa de orientación laboral, totalmente gratuíto, continúa aberto en Arteixo e en Santiago de Compostela. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición na páxina web das lanzadeiras.
Poden participar homes e mulleres en situación de desemprego, con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos, con calquera nivel de formación e procedentes de calquera sector laboral, teñan ou non experiencia previa.
A complicada situación provocada pola pandemia levou á organización do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media que dende hai preto de dúas décadas vénse celebrando na cidade da Coruña, Mundos Digitales, a verse na obriga de suspender a edición deste ano prevista entre os días 9 e 11 de xullo, ante a imposibilidade de poder garantir a seguridade de todos os asistentes, relatores e resto de persoas involucradas neste evento internacional.
Durante os últimos anos colleu moito peso a feira de emprego que se desenvolve durante Mundos Digitales, e que contribúe claramente á dinamización do sector
Aparte das dificultades para poder celebrar con seguridade un evento de participación masiva, tamén existe unha grande incerteza sobre as restrición de circulación de persoas, o que podería ser un grande atranco para os asistentes e relatores que veñen de fóra de España, incógnitas que fai imposible prever en que condicións podería celebrarse o congreso en xullo, o que levou á súa anulación.
Dende a organización de Mundos Digitales aseguran tomar esta decisión por causas de forza maior, ou sexa, que o seu compromiso polo sector permanece inmutable, e comezan xa a traballar na edición de 2021 do evento, á vez que procurarán involucrarse en iniciativas que estean ao seu alcance para axudar a saír da presente crise á industria dos contidos dixitais.
Balidea, a empresa tecnolóxica galega, vai iniciar en xuño o piloto da súa “neta” virtual, o asistente por voz para combater a soidade das persoas maiores e facilitarlles o día a día. Será unha iniciativa para probar en todos os seus detalles, nun contexto real, o asistente virtual NETA, que foi concibido para facer o máis doada e sinxela posible a relación da xente de idade coa súa contorna, ao achegarlles comunicación a través da voz. Esta tecnoloxía ten o engadido extra de saír ao paso dunha das grandes problemáticas do noso tempo e lugar: o envellecemento da poboación e a desatención e illamento na que viven moitas persoas maiores, unha circunstancia que se agravou co inicio da pandemia de COVID-19.
Así nolo explican dende Balidea: “Nunha situación como a que estamos a vivir hoxe a raíz da crise sanitaria, o asistente pode ser unha grande axuda para aquelas persoas confinadas en soidade, especialmente as máis vulnerables: as persoas maiores”. Trátase dunha aplicación á que se pode acceder a través de dispositivos móbiles, ben sexa un teléfono ou unha tableta, para a que, segundo explica Balidea, “non se precisa ser un experto dixital”, xa que permite interactuar con ela por voz, en galego ou en castelán.
A través de NETA poderíanse recibir consellos especializados en relación á COVID-19, vídeos con recomendacións, actividades que axuden a levar mellor o confinamento etc., e “todo isto baixo a supervisión dun equipo especializado, evitando novas falsas, información errónea ou desinformación”.
Balidea explica que apoiando o desenvolvemento desta tecnoloxía houbo un amplo equipo de especialistas achegando as súas contribucións: psicólogos, neuropsicólogos, xeriatras, terapeutas ocupacionais e sociólogos que levan máis de 20 anos coidando de persoas maiores a través da empresa de servizos sociosanitarios Atendo (que na actualidade presta os seus servizos a máis de 3000 persoas) e que, no caso de NETA Balidea, xuntaron forzas para optimizar o deseño funcional. A maiores, a previsión é contar cunha solución robotizada que incorpore NETA tamén nos vindeiros meses, deseñada pola empresa FrutoDS, enxeñaría especializada en deseño, e Ledisson, empresa experta en automatización industrial e que está apostando pola robótica social.
Balidea pon o foco no amplo abano de funcionalidades de NETA, xa que permite transmitir á persoa usuaria todo tipo de recordatorios (medicación, aniversarios, citas médicas...) empregando sempre “unha linguaxe amigable e próxima”. Ademais, pode recompilar diversas variables de control médico da persoa usuaria, como a tensión, os niveis de azucre en sangue, o nivel de osíxeno ou o peso, que logo tería a opción de compartir con quen quixese, por exemplo, o médico de cabeceira ou os familiares que están preocupados por se se está a coidar. A empresa con sede en Santiago tamén salienta que “NETA é útil para facer máis sinxelas as actividades da vida diaria, poñendo en contacto á persoa usuaria con provedores de servizos de proximidade (tendas de alimentación, farmacias…) para facer encargas e recibir a compra no seu domicilio”. Por certo que a ferramenta tamén deixa marxe para o lecer, xa que posibilita a comunicación cos seres queridos a través de videoconferencia, teléfono ou mensaxes instantáneas; escoitar música, ver fotos e vídeos; ou acceder a xogos. NETA está deseñada baixo unha óptica de Atención Centrada na Persoa, polo que cada quen pode decidir como quere que a súa neta virtual a desperte cada día: cunha canción, cunha mensaxe da neta real ou mesmo coa previsión do tempo. Pódese configurar segundo as preferencias e gustos da persoa usuaria e, o mellor de todo, cando regresemos á normalidade achegará información de todo o que sucede na contorna: teatro, concertos, eventos, obradoiros...
X-COV, unha ferramenta en liña desenvolvida por un grupo de alumnos liderados por Joaquín López Herraiz, profesor da Facultade de Ciencias Físicas da Universidade Complutense de Madrid, resultou gañadora absoluta no hackathon global virtual CodetheCurve, organizado pola UNESCO. O equipo creou un modelo de datos que usa a intelixencia artificial e a tecnoloxía de visualización de imaxes para axudar aos médicos para tomar decisións na actual pandemia.
O resultado do hackathon global virtual CodetheCurve, organizado o pasado mes de abril pola Unesco, en colaboración coas firmas informáticas IBM e SAP, tiña como obxectivo que mozos desenvolvedores e innovadores de todo o mundo competisen coas súas propostas para crear solucións dixitais que axuden a aliviar as consecuencias da pandemia da COVID-19.
O gañador absoluto da competición foi o proxecto presentado por un equipo de estudantes liderados por Joaquín López Herraiz, profesor da Facultade de Ciencias Físicas da Universidade Complutense de Madrid (UCM), denominado X-COV para a clasificación de pacientes con intelixencia artificial.
Trátase, segundo a organización, dunha ferramenta en liña que trata de abordar a necesidade dos médicos de analizar grandes cantidades de datos, como as radiografías de tórax, para comprender a gravidade da COVID-19 nos pacientes.
O equipo creou en X-COV un modelo de datos baseado en intelixencia artificial, aprendizaxe automática e tecnoloxía de visualización de imaxes para analizar as radiografías de tórax, utilizando datos e recursos dispoñibles.
"O resultado é unha ferramenta en liña que axuda aos médicos para tomar decisións máis rápidas e obxectivas, contribuíndo así ao alivio do sistema de saúde", din estas fontes.
En total recibíronse un total de 199 proxectos de todo o mundo, dos que se seleccionaron 40. Os finalistas foron nove, de entre os que o xurado, formado por representantes dos organizadores, expertos de varios campos e membros das asociacións ITU e FOSSASIA, elixiu tres proxectos gañadores, un por categoría, e de entre eles un gañador absoluto, que foi o da UCM.
Os gañadores poderán acceder durante un ano a IBM LinuxONE Community Cloud, e recibirán mentoring de expertos de IBM Z. Ademais, serán convidados a senllos eventos virtuais para que presenten o seu proxecto a empregados e colaboradores globais de IBM.
Pola súa banda, SAP proporcionaralles, durante seis meses, mentoring dun equipo de expertos, así como soporte guiado para acceder á plataforma de formación OpenSAP. En 2021, se as condicións económicas e para realizar viaxes internacionais o permiten, os membros do equipo español de X-COV poderán desenvolver un período de prácticas en SAP Labs, en Irlanda.
O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que impulsa (en colaboración coa Consellería de Educación) o primeiro campamento tecnolóxico online de verán da nosa Comunidade, vén de facer balance da participación e repercusión lograda coa primeira convocatoria dixital desta iniciativa, que xa vén de antigo na súa fórmula presencial (a actual sería a oitava edición). Segundo fixo saber, este luns poñíase en marcha a convocatoria deste campamento e na mañá deste xoves 7 de maio xa estaban cubertas as 100 prazas dispoñíbles.
“Que en apenas catro días se cubriran todas as prazas ofertadas é un indicador da alta aceptación e do alto valor engadido deste tipo de actividades de difusión e desenvolvemento científico entre os máis novos”, manifestou o director xerente do Parque, Ricardo Capilla, engadindo que resulta un “éxito enorme para a Tecnópole que nos obriga a abrir unha segunda quenda para dar cabida á demanda crecente que estamos a rexistrar desde que se comunicou a noticia ao público”. Segundo fixo saber, a boa acollida do evento “énchenos de satisfacción e, sen dúbida, elevará aínda máis os xa de por si altos niveis de esixencia e calidade cos que desenvolvamos as nosas actividades”. A segunda quenda deste campamento, que tamén se organizará por grupos de idade, diríxese a un máximo de 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. Celebrarase do 20 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 12 de xuño ou ata cubrir a totalidade das prazas.
Segundo informou a Tecnópole, nas súas instalacións en San Cibrao das Viñas (Ourense) habilitarase, ao abeiro do campamento, un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van a desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara á mocidade participante, “de maneira moi amena, práctica e innovadora”. Haberá un amplo abano temático de obradoiros, nos que os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker, hacking, biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnológico) e retos STEAM (traballaranse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de maneira multidisciplinar, abranguendo os eidos Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).
No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os alumnos iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades. Este campamento tecnolóxico forma parte da aposta do Parque Tecnolóxico de Galicia pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Así, o Parque promove ademais outras actividades nesta liña como as Aulas Tecnópole (formación en ciencia e tecnoloxía para nenos de 12 a 18 anos), STEAM Kids Tecnópole (para nenos de 8 a 11 anos) e Galiciencia, a maior feira científica que se celebra cada ano en Galicia, na que os protagonistas son estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato.
Galicia avoga por aproveitar todo o potencial da tecnoloxía para apoiar a saída da crise sanitaria, sempre baixo as premisas de privacidade, proporcionalidade e interoperabilidade. Así llo trasladou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, aos representes estatais na xuntanza telemática do grupo de traballo sobre rastreo e interoperabilidade, convocado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.
No encontro a responsable autonómica incidiu en que as solucións tecnolóxicas deben formar parte dos protocolos que establezan as autoridades sanitarias e, en consonancia cos criterios e directrices fixados no marco da rede de vixilancia epidemiolóxica. Neste sentido, Pereira destacou que a integración cos sistemas e plataformas de xestión clínica e asistencial dos servizos de saúde e cos seus mecanismos de alertas e seguimento da enfermidade, permiten un mellor aproveitamento e eficacia das solucións tecnolóxicas que se habiliten para a xestión da crise sanitaria.
A responsable autonómica avanzou que, sobre esta base, Galicia está a traballar nunha app que permitirá o establecemento dunha canle de comunicación personalizada en función do perfil de vulnerabilidade da persoa, así como unha xestión de contactos que facilite o seguimento dos mesmos por parte das autoridades sanitarias. Os contactos identificaranse, a través da declaración da persoa de xeito voluntario.
A aplicación permitirá a incorporación posterior de mecanismos de detección automática a través de bluetooth, para o que Galicia solicita ao Goberno de España que estableza os criterios e os mecanismos de interoperabilidade que permitan o funcionamento a nivel global con todas as garantías de respecto a privacidade que exixe a regulación europea e estatal.
Mar Pereira explicou que a solución tecnolóxica que se está a desenvolver en Galicia respecta en todo momento o regulamento europeo de protección de datos e leva asociadas as correspondentes análises de impacto na privacidade. Os algoritmos empregados así como o funcionamento do mesmo serán públicos e auditables.
No encontro a directora da Amtega sinalou que a trazabilidade dixital de contactos pode ser unha boa ferramenta de axuda aos protocolos de rastreo de contactos que definan as autoridades sanitarias, máis efectivos en tanto se consiga a interoperabilidade técnica e semántica entre rexións europeas.
No caso de Galicia, que conta con potentes sistemas de información e plataformas tecnolóxicas integrais que permiten o seguimento clínico dos pacientes a través de mecanismos de teleasistencia, as novas solucións tecnolóxicas que se adopten deberán ser un complemento para que os cidadáns se sentan mais seguros para abordar a fase de desescalada.
En situacións excepcionais, como a actual crise sanitaria nas que os empregados non poden ou non deben acudir ao centro de traballo, o teletraballo pode ser unha solución.
Permitir o teletraballo sen seguir unhas pautas de seguridade pode ser un risco para a empresa, xa que os ciberdelincuentes poderían acceder á rede da organización e a información que se xestiona, ou os empregados poderían facer uso de ferramentas non permitidas pondo en risco á empresa. Por iso, antes de permitilo hai que asegurarse de cumprir boas prácticas e recomendacións de seguridade.
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) continúa a súa actividade de sesións formativas en streaming con catro novas xornadas programadas para a primeira semana de maio. Organizadas en colaboración con diversos axentes tecnolóxicos, estas sesións por streaming están destinadas a pemes e autónomos e, co formato #DemosXweb, teñen como obxectivo fomentar o teletraballo ao longo desta etapa de confinamento derivada da crise sanitaria provocada pola COVID-19.
A programación de maio comezará o día 5 con “Inmersos no teletraballo. Estamos a facelo ben?”. Seguiralle, o mércores 6, unha sesión sobre ciberseguridade, a cargo do Incibe. A consultora tecnoloxía Unayta falará, o día 7, sobre a sinatura biométrica; e o 8 unha sesión abordará o funcionamento da plataforma viguesa de comercio en liña DBarrio.
Todas as actividades están programadas en horario de 10.00 a 10.45, son de balde e calquera persoa interesada pode inscribirse para seguilas na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.
Igualmente, calquera provedor tecnolóxico que desexe facer unha sesión para presentar algún dos seus produtos ou servizos pode tomar a iniciativa e solicitarllo ao CDTIC.
Desde a entrada en vigor do estado de alarma celebráronse catorce actividades que tiveron unha grande acollida e nas que se bateron récords de seguimento, pois duplicouse o número de asistentes respecto ás sesións presenciais feitas con anterioridade. Así, a cifra de participantes superou os 1800, o que supón unha media de 134 persoas por sesión.
Ademais, produciuse unha elevada interacción na maioría delas, coa formulación de preguntas polo chat, atendidas no momento, coma nunha sesión presencial, por parte dos relatores. Para quen non puido seguir en directo estes seminarios, na web do CDTIC están dispoñibles para a súa visualización.
As temáticas abordadas ata o momento foron variadas, sempre relacionadas con aspectos e ferramentas que poden resultar de interese para pemes e autónomos nestes momentos de crise sanitaria, nas que o confinamento incrementa o teletraballo e a actividade en liña. Así, ciberseguridade e privacidade, comercio electrónico, uso de WhatsApp na empresa, comunicación corporativa, xestión de procesos administrativos en remoto, xestión a distancia de proxectos, videoconferencias, aspectos legais do teletraballo ou marketing dixital foron algúns dos temas tratados nas sesións retransmitidas no último mes e medio.
A emerxencia sanitaria do coronavirus forzou a moitas empresas a recorrer ao teletraballo. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través do CDTIC, quere servir de guía para favorecer esta modalidade de traballo publicando, cada día, un post sobre diferentes ferramentas que poden ser de utilidade a todas as persoas que, na actualidade, están recorrendo a esta práctica. Todas estas publicacións están dispoñibles a través da seguinte ligazón: https://cdtic.xunta.gal/node/9138.
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.