A Xunta de Galicia e a Fundación Vodafone España lanzan o Reto DigiCraft Online para os alumnos e alumnas dos 50 centros que participan no programa educativo DigiCraft: no teu cole, que busca potenciar as competencias dixitais de rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. Esta actividade, que estaba prevista para desenvolverse de forma presencial para pechar o curso, adaptouse ao novo contexto da educación online derivada da crise do coronavirus.
A actividade, denominada Reto DigiCraft Online, compartiuse cos profesores e profesoras dos 50 centros escolares galegos participantes no programa DigiCraft. Os alumnos e alumnas terán que crear, de forma colaborativa, un cómic dixital e, para que sexa o máis divertido e sinxelo posible, proporcionaráselles a historia base, os escenarios e os personaxes, de forma que eles terán que completar o texto e debuxar as súas propias viñetas.
Os colexios terán ata o 12 de xuño para enviar a súa proposta e posteriormente, ao longo da seguinte semana, elixirase o equipo gañador. O centro gañador recibirá novos materiais para traballar con realidade aumentada, videoxogos, intelixencia artificial e robótica e continuar desenvolvendo o programa DigiCraft nas súas aulas.
Para facilitar o labor dos docentes, a Fundación Vodafone levará a cabo ademais unha sesión de formación o próximo 26 de maio para explicar aos profesores e profesoras o desenvolvemento da actividade, as ferramentas de traballo online e a metodoloxía para seguir para realizala en remoto coas súas clases.
Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración asinado en xuño de 2019 pola Fundación Vodafone España, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para implementar DigiCraft nas aulas de Galicia.
Neste primeiro ano de programa participan 50 centros, 3.800 nenos e nenas e 250 profesores e profesoras, e continuará desenvolvéndose o próximo curso escolar con novos itinerarios e as tecnoloxías máis innovadoras. Ademais, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, a plataforma online e aberta do programa tivo tamén moi boa acollida, superando xa os 2.700 usuarios en Galicia desde o pasado 11 de marzo, pouco antes de que se iniciara o confinamento.
DigiCraft é o primeiro programa educativo creado en España para potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na infancia e a mocidade, poñendo ao dispor de nenas e nenos de entre 6 e 12 anos (con especial foco en infancia vulnerable) diferentes xogos colaborativos e manualidades para aprender utilizando como vehículo a intelixencia artificial, a realidade aumentada ou o deseño 3D dunha forma fácil e divertida. Todo iso articulado a través dunha metodoloxía de aprendizaxe baseada no xogo e a experimentación deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca.
A Fundación Telefónica presentou hoxe o seu informe La Sociedad Digital en España 2019 no que analizan a revolución que estamos a vivir por mor da dixitalización e os datos que provocan cambios radicais nas nosas vidas, nos xeitos de traballar e nos modelos de negocio, provocando unha transformación que hoxe está aínda máis presente por mor da crise da COVID-19, que en España puido sobrelevarse bastante ben grazas ao elevado nivel de dixitalización.
Unha vez máis, o informe da Fundación Telefónica incide na necesaria aceleración da dixitalización da industria (especialmente nas pequenas e medianas empresas e autónomos), así como unha maior formación dixital dos cidadáns, elementos chave para a reactivación da economía tras a crise sanitaria que estamos a vivir.
A nivel de infraestruturas constatan a boa posición de España a nivel europeo, o que posibilita que 9 de cada 10 españois sexan usuarios da Internet e 3 de cada 4 fogares teñan cobertura de fibra óptica, sendo esta a tecnoloxía que máis está a medrar, pasando dunha cobertura do 63% ao 77% en só 2 anos.
No ámbito galego o informe recolle que o 88,8% dos fogares contan con conexión á Internet, o que supón un crecemento internaual de 6,2 puntos, medrando tamén un 6% as contratacións de banda larga. Consideran que o uso da Internet en Galicia é universal entre os menores de 34 anos, mentres que entre os individuos de entre 65 e 74 anos experimentouse un incremento importante.
O informe da Fundación Telefónica salienta especialmente o incremento galego do comercio electrónico, que acadou o 39,2% en 2019, superando en máis de 20 puntos o resultado rexistrado en 2017. As microempresas tamén medraron considerablemente na contratación de conexións á Rede, chegando ao 72,8%; e tamén resulta destacable ver que o 62,4% dos cidadáns galegos que fan uso da Rede interactuasen coas Administracións Públicas por canles electrónicas.
O documento publicado hoxe tamén menciona a moitas das iniciativas da Administración para avanzar na dixitalización, como o Plan de Banda Larga de Galicia 2020, o Plan Galicia 5G, a Axenda Dixital de Galicia 2020, o proxecto de libro dixital e-Dixgal, a Historia Social Única Electrónica, o Plan de Innovación Sanitaria Código100, a plataforma É-saúde, o Plan DigiTalent, o Plan DICO MindSet, o programa Galicia Open Future, o programa Connecting for Good Galicia, a estratexia Edudixital 2020, o Plan Senda 2020 de modernización da Administración de Xustiza e incluso o Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020.
Son moitas as innovacións tecnolóxicas que pretenden mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas: desde extremidades biónicas, algoritmos, wearables e chips intelixentes. Aqueles que viven con cegueira seguramente poderán beneficiarse no futuro de descubrimentos como este eléctrodo cerebral.
Como se detalla nun novo artigo publicado na revista Cell, o dispositivo creado por científicos do Baylor College of Medicine en Houston funciona transmitindo información visual desde unha cámara directamente aos eléctrodos implantados no cerebro. É un paso cara a unha prótese visual perfeccionada que permitiría ás persoas cegas recuperar a visión por completo, cando a ciencia e a tecnoloxía nos doten de recursos para iso.
Este implante cerebral propiciou que os participantes sexan capaces de 'ver' os contornos das formas, grazas ás complexas secuencias de pulsos eléctricos enviados aos seus cerebros. 'Usamos a estimulación eléctrica para rastrexar dinámicamente as letras directamente no cerebro dos pacientes'. que puideron identificar correctamente os distintos exemplos, explicou Daniel Yoshor, un dos principais autores.
O novo dispositivo difire das axudas visuais anteriores que trataban cada eléctrodo como un píxel. Nese caso, no canto de construír formas partindo de múltiples puntos de luz, trázanse contornos. 'A nosa inspiración para isto foi a idea de trazar unha carta na palma da man de alguén', agregou Michael Beauchamp, outro dos responsables deste proxecto innovador.
'A capacidade de detectar a forma dun membro da familia ou permitir unha navegación máis independente sería un avance marabilloso para moitos pacientes cegos', dixo Yoshor a Live Science. Polo momento, non hai que cantar vitoria antes de tempo, xa que a creación do dispositivo atópase nas súas primeiras etapas e trátase dun implante situado nun órgano tan tremendamente complexo como é o cerebro.
O equipo ten claro o camiño para seguir. 'Un próximo paso importante será traballar con neuroenxeñeiros para desenvolver conxuntos de eléctrodos con miles de eléctrodos, o que nos permitirá estimular con maior precisión', agregou. 'Xunto co novo hardware, os algoritmos de estimulación mellorados axudarán a facer realidade o soño de ofrecer información visual útil ás persoas cegas'.
Estas plantillas están deseñadas para facilitar o seu uso por persoas que utilizan sistemas de comunicación alternativos e aumentativos (AAC), tanto os que utilizan símbolos ou pictogramas, como aqueles que usan textos e saben escribir.
A nova plantilla de Grid3 está pensada para axudar aos nenos para descubrir e ver os seus debuxos ou vídeos preferidos dunha forma simple e segura.
YouTube Kids permite buscar os vídeos dunha forma rápida e sinxela, con controis fáciles para poñer e parar o vídeo e para axustar o volume.
Tamén facilita o acceso mediante unha lista personalizada de favoritos e recomendacións para cada usuario.
Estas plantillas están personalizadas para calquera tipo de control por parte do usuario, xa sexa mediante varrido ou con control da mirada.
Os usuarios de Grid3 xa poden acceder a esta nova plantilla a través do menú de engadir cuadrículas.
A Fundación Vodafone fixo balance este luns da actividade xerada a través da nova fase do seu programa educativo DigiCratf, a iniciativa da operadora para favorecer a educación dixital entre a poboación máis nova. O programa, que ten unha notable presenza na nosa terra a través do acordo da fundación coa axencia AMTEGA, desenvolveu esta tempada un papel crucial no activismo contra a fenda dixital. En concreto, intensificou as actividades desenvolvidas con Cruz Vermella Mocidade e Save the Children e conseguiu chegar á cifra dos 72.000 usuarios. Deles, 57.000 creáronse dende o cese das clases o 11 de marzo.
DigiCraft é o primeiro programa educativo creado en España para potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na nenez e a mocidade, pondo a disposición das crianzas de entre 6 e 12 anos (con especial foco en infancia vulnerable) diferentes xogos colaborativos e manualidades para aprender utilizando como vehículo a Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada ou o Deseño 3D dunha forma “fácil e divertida”. Entre as novidades postas en marcha nesta nova fase do programa para axudar aos nenos e nenas máis novas a adaptarse á sociedade dixital e ver todas as súas posibilidades, a fundación salientou o Reto DigiCraft Online en Galicia, que se complementou con sesións de formación a profesores e profesoras para o desenvolvemento de actividades de forma colaborativa.
En traballo conxunto coa Xunta de Galicia (a través de AMTEGA), a Fundación Vodafone adaptou unha das actividades que tiña até agora no seu programa de formación presencial para facela online. Así, indica a entidade, “compartimos cos profesores e profesoras dos 50 centros escolares participantes no programa DigiCraft un novo reto online para realizar co seu alumnado de forma colaborativa”. Seguindo este fío, a Fundación Vodafone levará a cabo unha sesión de formación cos docentes para axudarlles a organizar as actividades en remoto. Os colexios terán un prazo de 2 semanas para enviar unha proposta e o centro gañador recibirá novos recursos para continuar desenvolvendo o programa DigiCraft nas súas aulas.
Outra das propostas destacadas foi a Iniciativa DigiCraft infancia vulnerable: reforzo escolar en tempos de confinamento realizado en colaboración con Save the Children e Cruz Vermella Mocidade. A Fundación Vodafone proporcionou aos educadores e educadoras destas organizacións un vídeo titorial con instrucións para que todos os nenos e nenas poidan traballar desde as súas casas no deseño dun castelo en 3D. Teñen un prazo de 10-15 días para realizalo e publicar o seu deseño. O próximo 21 de maio realizarase unha sesión online en directo para presentar os mellores traballos e seleccionar aos gañadores dun kit DigiCraft, que inclúe diversos materiais tecnolóxicos para seguir desenvolvendo as súas competencias dixitais desde casa.
A Xunta de Galicia puxo en marcha o blog O centro de día na casa que achega guías de coidados e actividades para mente e corpo aos usuarios de centros de día cuxas instalacións están pechadas desde o pasado 13 de marzo por mor da emerxencia sanitaria da COVID-19.
Os contidos foron desenvoltos polos profesionais do departamento de Xerontoloxía dos centros de día da Consellería de Política Social, co obxectivo de que as familias teñan á súa disposición materiais necesarios para que os maiores continúen as actividades que realizaban nos centros desde a casa e teñan un método de entretemento e envellecemento activo.
As actividades están centradas na estimulación cognitiva, en compartir experiencias e anécdotas e realizar exercicio físico. En definitiva, pretende reproducir en pequena escala o día a día das persoas maiores que acudían a estes centros desde a súa casa e coa axuda dos seus familiares.
Durante este tempo de emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia realizou un seguimento diario dos 14.400 usuarios de centros de día e ocupacionais. Unha medida que se enmarca dentro do Plan social de continxencia elaborado polo Executivo autonómico.
Así mesmo, tamén se puxo en marcha o blog A escola infantil na casa que achega contidos e actividades ás familias con nenas e nenos máis pequenos. Esta iniciativa procura que as nais e pais galegos teñan acceso a xogos, pautas e propostas para entreter aos seus fillos e que continúen aprendendo durante esta etapa de confinamento.
A situación actual puxo de manifesto a necesidade de dotar á sociedade de competencias dixitais, nun momento de illamento como o que estamos a vivir, as habilidades tecnolóxicas dos usuarios son as que lles permitiron, en gran medida, cumprir co seu traballo e manterse en contacto cos seus familiares.
Os centros de competencias dixitais e os seus profesionais, foron un apoio para aquelas persoas con menos habilidades dixitais, pois a súa proximidade ao territorio e o coñecemento das necesidades dos cidadáns, permitiulles ofrecer o asesoramento tecnolóxico necesario para cubrir as demandas dos usuarios.
Desde a Asociación Somos Digital a través deste informe de política, preténdese poñer en valor estes centros, para vehicular políticas públicas relacionadas coa transformación dixital da cidadanía, xa que se require liderado, coordinación e apoio, tanto técnico como económico, por parte das administracións para que estes centros poidan canalizar as diferentes políticas de cidadanía dixital.
O informe que foi consensuado e apoiado polas 13 redes que forman a Asociación Somos Dixital e que se fará publico o 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día da internet, sostense en tres recomendacións finais:
A distribución deste informe, súmase á realización do estudo sobre as competencias dixitais do futuro, presentado no mes de abril, e que define un amplo conxunto de servizos cara ao que tenderán os actuais centros para responder aos novos retos socioeconómicos que se prevén como consecuencia da transformación dixital nos próximos anos.
A Rede CeMIT, xunto co Programa de Voluntariado Dixital (Voldix), impulsados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), celebran este ano o Día Mundial de Internet coa iniciativa "CeMIT e Voldix contigo: Conectad@s estámolo conseguindo!". Trátase dun vídeo colaborativo onde axentes TIC, persoas voluntarias e usuarios da Rede CeMIT contan como a tecnoloxía lles axuda a levar o confinamento como consecuencia da COVID-19.
Este ano todos os actos do #diadeinternet estanse a celebrar online, permitindo que calquera cidadán poida participar neles desde a súa casa. O tema central das actividades é destacar o papel da Internet e da tecnoloxía na crise sanitaria.
As aulas da Rede CeMIT sumáronse a diferentes iniciativas para conmemorar o Día de Internet, como a colaboración coa Asociación Somos Digital para difundir a oferta de seminarios en liña e webinars con expertos sobre tecnoloxía en tempos do coronavirus durante toda esta semana. Esta actividade buscaba sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da Internet así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable.
Tamén se ofreceu a posibilidade de participar no #RetoScratch para crear un videoxogo e participar na iniciativa Súmate ao Reto ODS dirixido a formadores e educadores co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre como poden utilizar Internet e os dispositivos tecnolóxicos de forma sostible e contribuír así aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Ademais, as actividades en liña programadas desde a Rede CeMIT contan cunha oferta moi variada que abrangue temáticas como o manexo de ferramentas para a realización de videoconferencias e aulas virtuais, buscadores e consellos de navegación, protección de dispositivos electrónicos, iniciación á informática, trámites electrónicos en liña, uso do smartphone, edición de imaxes, ferramentas de control parental, manexo das redes sociais, etc.
A Rede CeMIT conta coa colaboración de 92 concellos e está presente nas 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.
O Programa de Voluntariado Dixital conta con preto de 600 persoas voluntarias dixitais que coa súa solidariedade achegan a tecnoloxía á poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos.
A rede CeMIT e Voldix son os principais instrumentos do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para ofrecer á cidadanía recursos de alfabetización e capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
Coa corentena, os menores de idade aumentaron o tempo que pasan diante dunha pantalla, xa sexa por motivos educativos ou de entretemento, xa que aínda non poden saír de casa. Ante esta situación, cada vez son máis os adultos que se interesan polas apps e sitios web que visitan os seus fillos, así como polo tempo que destinan á utilización de dispositivos electrónicos.
Segundo unha enquisa encargada por Samsung a IPSOS o pasado mes de agosto, o 74% dos pais móstranse preocupados pola seguridade dos seus fillos cando usan o móbil, mentres que a súa maior preocupación é o acceso a contidos non adecuados (59%). Ademais, tendo en conta que moitos pais atópanse actualmente teletraballando, non sempre poden estar a atender o que fan os seus fillos cando utilizan dispositivos móbiles ou tabletas, polo que a sensación de intranquilidade pode acentuarse.
Con todo, existen ferramentas moi útiles e eficaces para introducir aos menores nun uso responsable da tecnoloxía. Aplicacións como Samsung Kids non son unicamente un sistema tradicional de control parental, senón unha maneira de permitir aos fillos explorar e conectar co mundo nunha contorna segura. Espazos dixitais deste tipo son a mellor maneira de incentivar a creatividade, a imaxinación e, sobre todo, a motivación a través da tecnoloxía, e mesmo poden axudar a desenvolver capacidades intelectuais e aprender a controlar as emocións.
Ademais, o propio funcionamento de Samsung Kids permite que os teus fillos se familiaricen rapidamente coa app e que se conecten de maneira sinxela, facilitando tamén o labor dos pais. Tan só é necesario pulsar Samsung Kids ou Modo Nenos no panel de Axustes rápidos e utilizar o mesmo PIN ou datos biométricos xa configurados no dispositivo para entrar e saír da aplicación. A app axuda aos menores para desenvolver bos hábitos dixitais, establecendo límites no tempo de uso e concedendo acceso só a contactos e aplicacións específicas. Os pais, pola súa banda, poden monitorar periodicamente a actividade dixital dos seus fillos, a través dos informes de uso que xera a app, de maneira que se pode consultar como investiron o tempo ou asegurarse de que só ven contido adecuado á súa idade.
Ademais de estar protexido a través dun código PIN, o espazo funciona independentemente ao resto do móbil, de forma que o menor non ten acceso aos contidos dos proxenitores, o que evita problemas como a eliminación de arquivos por erro ou a modificación accidental da configuración do dispositivo. Aínda que Samsung Kids está deseñada para permitir a utilización autónoma do dispositivo por parte do menor, os expertos aconsellan que sexan os pais quenes revisen e acompañen a súa experiencia na medida do posible, de maneira que poidan resolver as súas dúbidas e introducirlo adecuadamente no universo dixital.
A app dispón de xogos e contidos audiovisuais que fomentan a aprendizaxe e o desenvolvemento intelectual. Poden debuxar, ver vídeos, gravar as súas voces e aplicar efectos, ademais de realizar fotografías. Desta maneira, Samsung Kids constitúe en si unha oportunidade para adaptarse a unha realidade latente, como é o crecente peso dos contidos dixitais nos sistemas educativos, algo que ademais abre un mundo de posibilidades pedagóxicas para os menores e complementa a súa aprendizaxe, establecendo un equilibrio entre o mundo físico e o virtual.
A operadora galega R segue adiante co seu labor solidario-tecnolóxico para facer fronte aos efectos da pandemia. Este xoves 14 deu a coñecer que vai achegar tarxetas e plans de datos de 20 GB para facilitar a formación e a orientación laboral que a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) leva a cabo con 31 mulleres vítimas de violencia de xénero na comarca de Vigo. O material é de balde para as persoas beneficiarias. O obxectivo é facer avanzar a súa inserción laboral a través do emprego de tecnoloxías.
A iniciativa forma parte dun programa de colaboración que xa ven de antigo entre a operadora e a asociación de Mos. O fornecemento de recursos tecnolóxicos canalízase a través do programa Insere Activa 4, que financia a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e desenvolve AEMOS, achegando a máis de trinta mulleres formación, seguimento e orientación laboral co “fin último de multiplicar as súas oportunidades de inserción no mercado laboral”. Segundo explica R, esta iniciativa chega nun intre crítico para todos os colectivos que loitan por superar a crise sanitaria e económica: “Nunha conxuntura extraordinaria como a que estamos a vivir, onde o emprego pasa por momentos de grande incerteza, con gran cantidade de traballadores en situación de ERTE ou desemprego. A situación é aínda máis grave no caso de colectivos desfavorecidos, ou con maiores barreiras no acceso ao mercado laboral, como ocorre con estas mulleres vítimas da violencia de xénero”. A compañía galega de cable engade, a respecto das motivacións desta iniciativa solidaria, “que a formación camiña necesariamente da man das novas tecnoloxías, o que nos sitúa ante un reto descoñecido, inédito nas nosas vidas. Non podemos permitir que ninguén quede atrás neste camiño, e moito menos nun período tan extraordinario como este onde as telecomunicacións convertéronse por activa e por pasiva nun recurso esencial”.