main content

main content
09/06/202014:06
Teleformación.
Santiago de Compostela

A Xunta habilita a posibilidade de impartir teleformación nos programas que contan co bono formación

  • A iniciativa, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, pretende paliar os efectos do impacto económico e social derivado da COVID-19
  • Beneficiará aos colectivos incluídos no Galicia Emprega: mulleres, menores de 30 anos, persoas con discapacidade e parados de longa duración
     

A Xunta de Galicia habilita, a través da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a posibilidade de que o Bono Formación se imparta na modalidade de teleformación para aquelas accións formativas financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Esta posibilidade, que non se recollía nas bases que regulaban os incentivos á contratación por conta allea e formación, ofrécese agora como consecuencia da situación derivada da COVID-19 e co obxectivo de paliar os seus efectos e optimizar a empregabilidade das persoas traballadoras e desempregadas, contribuíndo así á mellora da competitividade dos diferentes sectores económicos de Galicia.

Entre as ordes de axudas que se poderán beneficiar desta modificación nas bases reguladoras destaca o programa Galicia Emprega e as súas diferentes liñas: Emprega Xuventude (destinada a persoas mozas), Emprega Discapacidade (dirixida ás persoas máis vulnerables), Emprega Muller e o programa para estimular a contratación de parados de longa duración. Todas estas axudas combinan os incentivos á contratación por conta allea con medidas de apoio para a mellora das capacidades das persoas traballadoras que se incorporan ao seu posto. Os apoios, cuxa solicitude está aberta ata o 30 de setembro, contan cun orzamento de 10,5M€ e poden chegar a máis de 2900 persoas.

Para poder impartir o Bono formación que estas axudas levan asociado na modalidade de teleformación, será necesario contar cunha plataforma virtual de aprendizaxe que posibilite a interactividade, asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizado, seguimento continuo en tempo real e a avaliación de todo o proceso. Ademais, programaranse controis periódicos de aprendizaxe.

08/06/202011:06
Mans sostendo uns papeis.
Santiago de Compostela

A Xunta activa un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 persoas

  • A iniciativa, enmarcada no Plan de reactivación económica, inclúe un programa dirixido a autónomos, unha iniciativa para formadores e docentes, outra para a mellora da empregabilidade dos menores de 30 anos en situación de desemprego e un ciclo de obradoiros dixitais

A Xunta de Galicia pon en marcha, dentro do Plan de reactivación económica, un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 persoas no que se inclúe un programa para autónomos, outro para formadores, unha liña para menores de 30 anos sen emprego e un ciclo de obradoiros.

A primeira das iniciativas, Autónomos dixitais, é un novo programa formativo que pretende reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos. O programa, que xa está en marcha cos primeiros 160 participantes, ofrece dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, o márketing, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce. As persoas que realizan unha actividade económica por conta propia interesadas nestes cursos poden solicitar a súa praza cubrindo un formulario web na páxina https://www.autonomosdixitais.com. O último curso comezará o 23 de xullo.

Formadores dixitais é un programa de formación online destinado a docentes e formadores para que adquiran coñecementos nas técnicas e métodos para impartir formación online. Destinado a 100 persoas, preferentemente docentes de formación profesional para o emprego, os interesados poderán realizar a súa inscrición ata o 14 de xuño a través dun formulario web na páxina http://www.formadoresdixitais.com e as clases comezarán o 17 de xuño. Os alumnos recibirán 50 horas de formación e poderán acceder a diferentes recursos, foros e un proxecto titorizado.

Impulso da empregabilidade é a terceira das iniciativas. Permitirá mellorar a empregabilidade dos menores de 30 anos en situación de desemprego nos últimos tres meses. O obxectivo é ofrecer formación e capacitación para incrementar as súas habilidades á hora de atopar un emprego. Celebraranse un total de cinco edicións de 20 alumnos cada unha en formato online que incluirán sesións grupais pero tamén sesións individuais de coaching. En total, ofrécense máis de 55 horas de formación.

Por último, Pon Rumbo é un ciclo de obradoiros virtuais con capacidade para 500 personas que se completa con sesións de coaching individual para os 20 alumnos que reúnan os requisitos exixidos no programa. Cunha duración de 50 horas ao longo de tres semanas, traballarase en nove competencias: a análise, o traballo en equipo, a creatividade, a xestión emocional, a capacidade resolutiva, a comunicación, a conexión, a actualización e a organización para aplicar tanto no traballo e no teletraballo como na busca de oportunidades. Está dirixido a persoas en situación de desemprego, emprendedoras e autónomas. O obxectivo é comezar o 15 de xuño.

Con estes novos programas en liña a Xunta mantén a súa aposta pola formación como a mellor ferramenta para avanzar nun emprego de calidade e na mellora competitiva das empresas galegas.

05/06/202008:06
Dous voluntarios usando unha tableta.
Santiago de Compostela

O voluntariado de BBVA e a Cruz Vermella formarán dixitalmente a case 300 maiores galegos

A entidade bancaria BBVA e a organización Cruz Vermella xuntaron forzas na nosa terra para facilitar e impulsar a plena adaptación das persoas maiores á nova orde de cousas instaurada pola COVID, unha nova normalidade que, xunto co confinamento previo, agravou o problema da fenda dixital, ao esixir de todos os cidadáns (tiveran ou non recursos e coñecementos) capacitación tecnolóxica para comunicarse, formarse e atopar información e lecer. Para combater este problema de discriminación cos nosos maiores, voluntarios de BBVA e de Cruz Vermella impartirán preto de 50 obradoiros en Galicia para formar a 267 persoas no uso das tecnoloxías.

O obxectivo: que adquiran competencias dixitais e que poidan realizar accións tan comúns como falar cos seus familiares en vídeo ou visitar museos virtuais para exercitar as súas funcións cognitivas. Estes cursos serán unha realidade grazas ás doazóns da entidade bancaria e dos seus empregados para o Plan Cruz Vermella Responde, unha campaña que recadou en España 1.062.000 euros, a metade procedente dos empregados e a outra metade unha contribución do BBVA. Da contía total, BBVA destinou 177.000 euros a Cruz Vermella á compra de 600 tabletas e a posta en marcha de 500 talleres (offline e online) para un total de 3.000 persoas maiores en España.

En Galicia, Cruz Vermella impartirá xunto a con os voluntarios de BBVA 44 talleres de formación en xuño para persoas maiores co obxectivo concreto de ensinarlles o uso de ferramentas dixitais como WhatsApp, dos principais programas de ofimática ou das aplicacións móbiles de uso máis común. Os cursos de formación en Galicia repartiranse da seguinte maneira: 13 obradoiros na Coruña, 7 en Lugo, 13 en Ourense e 11 en Pontevedra. En total, grazas a campaña solidaria de BBVA, estímase que as actividades formativas axuden directamente a 267 maiores e que poidan entregarse un total de 53 tabletas para continuar coa súa formación. Doutra banda e de maneira adicional, o voluntariado da entidade bancaria fará un acompañamento virtual para pór en práctica o coñecemento adquirido e informarase aos participantes sobre actividades culturais e de lecer co fin de estimular as súas funcións cognitivas.

04/06/202008:06
Sala de estudos dunha universidade.
A Coruña

A UDC ofrece espazos Wi-Fi para realizar exames online, dentro e fóra dos seus campus

Universidade da Coruña habilitou diversos espazos de acceso á Rede sen fíos (Wi-Fi) para que o alumnado universitario con dificultades de acceso a Internet poida realizar os seus exames online nas instalacións dos seus campus, doutras universidades e nas aulas da Rede CeMIT que a Xunta ten en diversos concellos galegos. O obxectivo é que o alumnado poida acudir, previa solicitude, aos espazos acondicionados no Centro Universitario de Riazor (Campus de Riazor); no Edificio Xoana Capdevielle (Campus de Elviña) no Edificio de Apoio ao Estudo (Campus de Esteiro-Ferrol).

A UDC lembra que as súas instalacións estarán dispoñíbles para o alumnado propio pero tamén para o procedente das universidades de Santiago de Compostela, Vigo, Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura, Les Illes Balears, La Rioja, Oviedo, País Vasco, Pública de Navarra, Zaragoza, Burgos e Valladolid. O alumnado da UDC, residente preto dos campus de Compostela e de Lugo poderá, así mesmo, acudir aos espazos Wi-Fi da USC, por un acordo entre ambas as dúas universidades. Os espazos dispoñíbles están na Sala Norvet na Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo) e na Sala de lectura da Facultade de Dereito (Campus de Santiago). A UDC subscribiu tamén un acordo coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para que o alumnado universitario poida realizar os seus exames online nas aulas da Rede CeMIT, integrada por 98 espazos de dinamización dixital de 53 comarcas de Galicia. A ocupación das aulas será por orde petición, ata completar aforo.

Así mesmo, o reitor da UDC, Julio Abalde, asinou un convenio co grupo G-9 de universidades que integra os campus de Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura, Les Illes Balears, La Rioja, Oviedo, País Vasco, Pública de Navarra e Zaragoza, para que o alumnado da UDC que resida preto destas universidades poida usar as súas instalacións para a realización de exames online. Ademais, sumáronse a este convenio as universidades de Burgos e Valladolid. As e os estudantes destas universidades poderá á súa vez acudir á UDC previa solicitude na súa universidade de orixe.

04/06/202007:06
Francisco Conde no encontro por videoconferencia con participantes na iniciativa Autónomos dixitais.
Santiago de Compostela

A Xunta achega formación en comercio electrónico a 1200 autónomos para reforzar a competitividade dos seus negocios

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro por videoconferencia con participantes na iniciativa Autónomos Dixitais, na que 420 persoas comezaron xa a formarse neste eido
  • Inclúe dúas accións formativas en liña: Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce
  • Compleméntase co Plan de dixitalización, que mobiliza 40 millóns de euros para impulsar a implantación das novas tecnoloxías no tecido empresarial galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con participantes na iniciativa Autónomos dixitais, un novo programa formativo que busca reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos.

Na súa intervención, Conde puxo de relevo que os autónomos xogarán un papel central para garantir que a reactivación económica sexa o máis rápida e eficaz, apuntando que o comercio electrónico veu para quedarse, polo que a relación final co consumidor dependerá da destreza de cada autónomo para adaptarse ás tendencias dixitais.

A iniciativa Autónomos dixitais, a través da cal 420 persoas comezaron xa a formarse neste eido, ofrece dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, o márketing, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce.

O programa compleméntase co Plan de dixitalización co que a Xunta mobiliza 40 millóns de euros para impulsar a implantación de novas tecnoloxías e a Industria 4.0 no tecido empresarial galego. Dentro deste plan, contémplanse axudas para fomentar as iniciativas empresariais no rural; incorporar tecnoloxías que faciliten a renovación e modernización dos procesos produtivos, e promover a internacionalización a través do comercio electrónico e as novas canles de venda, entre outros aspectos.

04/06/202007:06
Un home maior utiliza riseiro o seu teléfono móbil.
Santiago de Compostela

Action Blocks: tecnoloxía que facilita usar o móbil a maiores e persoas con discapacidade

O manexo dun smartphone non sempre é sinxelo, especialmente para persoas con discapacidade cognitiva ou persoas maiores con deterioración cognitiva para as que realizar certas accións pode resultar complicado. Para axudalos, Google desenvolveu Action Blocks, unha tecnoloxía que engloba distintas accións nun mesmo botón.

Con Action Blocks, unha app que está dispoñible na Play Store para dispositivos con Android 5.0 ou superior, os usuarios poderán programar accións que se iniciarán cun simple toque nunha icona.

Así, por exemplo, realizar unha chamada a un contacto ou poñer o teléfono en silencio e activar unha alarma para irnos a durmir poderanse configurar para que se activen cun único paso.

O obxectivo desta tecnoloxía é facilitar a realización de tarefas rutineiras no smartphone, xa sexa realizar unha videochamada, mirar o tempo que fai ou ler as noticias, accións que normalmente requirirían de varias accións e que con Action Blocks pódense concentrar nunha única.

Esta tecnoloxía é capaz de facilitar a realización de calquera tarefa que Google Assistant poida realizar e pódense personalizar con imaxes para que o usuario poida recoñecelas e identificalas de forma sinxela.

03/06/202015:06
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Amtega e o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia abren o prazo de inscrición para un curso online dirixido aos delegados de protección de datos

  • Celebrarase as dúas últimas fins de semana de xuño en horario de venres pola tarde e sábados pola mañá
  • O curso ofrece unha formación especializada para os profesionais que desempeñan a súa función como DPD ou que queiran exercer esta responsabilidade no futuro

Hoxe ábrese o prazo de inscrición para o curso “O día a día do DPD”, que dará comezo o 19 de xuño organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.

O curso, que será impartido na modalidade online pola Asociación Española para a Calidade, AEC, está estruturado en catro sesións que se celebrarán as dúas últimas fins de semana de xuño, os días 19, 20, 26 e 27, en horario de venres pola tarde e sábados pola mañá.

Os contidos do curso abordarán ao longo das catro sesións o principio de accountability no RGPD e a súa aplicación á figura do delegado de protección de datos (DPD); os primeiros pasos a seguir unha vez asumida a responsabilidade do nomeamento de DPD; as funcións do DPD e a xestión documental; para rematar con dous casos prácticos de gran actualidade, como son a intervención do DPD ante unha fenda de seguridade e as negociacións con interesados.

Esta formación está dirixida a aqueles profesionais que xa desempeñan a responsabilidade de DPD ou que se preparen para facelo nun futuro; así como responsables de seguridade TIC; persoal das oficinas de seguridade, auditores internos ou externos, consultores, avogados e, en xeral, profesionais interesados en adquirir coñecementos en materia de privacidade e seguridade.

Obxectivos

O curso ten como obxectivo proporcionar unha formación especializada e facilitar materiais e casuísticas prácticas de gran utilidade para os profesionais que desempeñan a súa función como DPD ou que queiran exercer esta responsabilidade no futuro.

As persoas participantes accederán a información exhaustiva sobre os instrumentos para a xestión documental das tarefas derivadas das funcións asignadas ao DPD, conforme ao principio de accountability ou “rendición de contas”.

Formadores

A formación será impartida por Javier Villegas Flores e Francisco Ramón González-Calero Manzanares, profesionais de Govertis Advisory Services, expertos no campo xurídico e tecnolóxico.

As persoas interesadas no curso poden acceder a unha información completa do programa e formalizar a súa inscrición en https://diaadiadpd.eventbrite.es.

03/06/202014:06
Logo Voldix.
Santiago de Compostela

A Amtega suma esforzos con everis e a Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro para reducir a fenda dixital entre nenos e mozos

  • O Programa de Voluntariado Dixital (Voldix) en colaboración cos aliados dixitais, activan as súas canles solidarias para achegar a tecnoloxía a nenos e mozos para continuar coas súas clases online.
  • Esta colaboración materialízase a través da doazón de equipos informáticos por parte do mecenas dixital everis e a súa entrega aos rapaces no barrio de Vista Alegre en Santiago de Compostela grazas á Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) axunta esforzos e grazas ao Programa de Voluntariado Dixital (Voldix) pon en común as necesidades identificadas pola Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro e a doazón de equipos informáticos realizada polo mecenas dixital everis.

Desde o comezo do confinamento, a Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro atende ás necesidades do barrio de Vista Alegre en Santiago de Compostela e entre outras iniciativas, cederon os seus ordenadores aos mozos do barrio para que puidesen continuar coas súas clases online. A necesidade de dispor de máis equipamento para atender as necesidades do barrio, fixo que a Asociación contactase co Programa de Voluntariado Dixital.

Pola súa banda, a consultora multinacional de negocio everis, no marco do seu proceso periódico de renovación de equipamento informático, e concretamente na oficina de everis Galicia contaba con 9 equipos informáticos obsoletos para o desenvolvemento da súa actividade, pero que seguen en perfecto funcionamento e que entendían podían ser de interese para o seu uso con menores requirimentos técnicos, especialmente, dada a situación actual de crise sanitaria, polo que decide doar este equipamento.

Ambas partes son integrantes do Programa de Voluntariado Dixital, o que permitiu poñer en común a estas dúas entidades e atender necesidades. Hoxe materializouse a entrega do equipamento, que pronto estará a disposición dos mozos de Vista Alegre que poderán seguir as súas clases desde a casa grazas á segunda vida do equipamento dos traballadores de everis Galicia.

O Programa de Voluntariado Dixital

O Programa de Voluntariado Dixital conta con preto de 600 persoas voluntarias dixitais, máis de 100 entidades de acción voluntaria e 24 mecenas dixitais, que coa súa solidariedade achegan a tecnoloxía á poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos.

Voldix é un dos principais instrumentos do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para ofrecer á cidadanía recursos de alfabetización e capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta máis de 800 aliados dixitais, entre os que se inclúe a empresa everis, a cal ven colaborando coa Xunta de Galicia dende o seu inicio en 2016 como aliado dixital realizando actividades formativas no eido da busca de emprego, novos perfís profesionais, administración electrónica, eSaúde, etc, e desde 2012 participa como mecenas dixital do Programa de Voluntariado Dixital, programa do que tamén forma parte a Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro.

03/06/202008:06
Pantallazo do xogo.
Santiago de Compostela

Así é Google Interland: o xogo para que os nenos aprendan sobre ciberseguridade

  • Google Interland é un xogo para nenos pensado para que aprendan sobre ciberseguridade dunha forma simple e divertida ao que se pode acceder xa.

Na actualidade é moi común que os nenos na casa teñan acceso a Internet, tanto cun computador como co seu propio smartphone. Cada vez tense un teléfono a unha idade máis temperá, cos riscos que iso conleva, xa que é necesaria unha educación sobre a seguridade na rede. Google crea un xogo co que axudar aos máis pequenos neste tema.

Google Interland é o nome deste xogo co que é posible aprender sobre ciberseguridade. Un xogo que chega dentro da iniciativa Se xenial na internet, ao que podemos xogar desde o noso teléfono, directamente no navegador. Así, dunha forma entretida poderase aprender moito sobre ciberseguridade.

Aprende sobre ciberseguridade con Google Interland

Google Interland divide o xogo en catro aventuras diferentes, onde se poderá aprender sobre diversos temas de seguridade na rede. Desde evitar caer en trampas e estafas, aprender sobre contrasinais, desenvolver comportamentos saudables e positivos en redes sociais e sobre compartir información na rede. Cada un destes temas divídese nun xogo, onde temos que ir pasando unha serie de probas e niveis, con preguntas ou realizando algúns xogos. Os catro minixogos son:

  • Río de Realidade: este xogo destínase a que os nenos aprendan a recoñecer estafas e mentiras na rede, como correos falsos ou phishing, ademais de que facer ante as devanditas situacións.
  • Torre do Tesouro: Este xogo céntrase nos contrasinais. Apréndese sobre os criterios necesarios para que un contrasinal sexa seguro, ademais de dar consellos para evitar ser hackeados.
  • Montaña Sensata: Este xogo céntrase na información persoal que se comparte na rede. O obxectivo é aprender a ter coidado sobre que se comparte, con quen e as consecuencias que ten compartir información con quen non se debería.
  • Reino Amable: Este xogo céntrase sobre comportamentos en redes sociais. Búscase que os nenos aprendan a ter un comportamento positivo e amable nas redes sociais, ademais de bloquear a aquelas persoas que os ataquen, insulten ou falten ao respecto

Este xogo ten todos os elementos que o fan ideal para nenos. Ten uns gráficos con cores, rechamantes e interesantes, que xeran interese e capturan a atención. Os controis son moi fáciles, perfecto para nenos e as preguntas son claras e directas, polo que se entenden ben, permitindo que se aprenda en todo momento, tanto se se dá unha resposta acertada ou unha incorrecta.

Google Interland é un xogo educativo ideal. Permite aprender novos conceptos grazas ao uso dunha linguaxe simple e directa, comprensible para os nenos. Ademais de ser tamén ideal para pais, xa que tamén os axuda a poder saber máis sobre como deben actuar na internet, especialmente en temas de privacidade ou redes sociais, un tema que xera moitas preocupacións.

Ademais do xogo, hai unha web con máis información sobre este tema, pautas sobre como actuar e expertos de seguridade na rede, aos que acudir tamén para obter máis datos ou buscar axuda no caso de que sexa necesario.

1 mes 1 profesión dixital
Online

Disability Serious Game

A Fundación ONCE e o Polo Nacional de Contidos Dixitais convocan o Concurso de Ideas "Disability Serious Game" co obxectivo de fomentar o desenvolvemento de ideas e iniciativas entre os emprendedores e estudos de videoxogos que promovan a inclusión da discapacidade no desenvolvemento de videoxogos, integrándoa na normalidade do lecer de mozos e adultos.

Poderá presentarse ao concurso calquera idea nova sobre o desenvolvemento dun videoxogo que incorpore a temática da discapacidade co obxectivo de sensibilizar, concienciar e normalizar a percepción que ten a poboación xeral sobre o colectivo de persoas con discapacidade.

A participación no Concurso pode ser individual ou en equipo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS