main content

main content
06/07/202008:07
Camiño de Santiago.
Santiago de Compostela

A Xunta invita ás Comunidades a sumarse a canle do Camiño de Santiago que porá en marcha con Google

  • A Administración autonómica remite ás Comunidades interesadas o protocolo para adherirse á iniciativa liderada por Galicia
  • Galicia xa trasladara no Consejo Jacobeo celebrado o pasado mes de maio a invitación ao resto de comunidades para que se incorporen a un proxecto estratéxico na difusión do Xacobeo 2021
  • A canle abrirase na plataforma Google Arts&Culture e contempla a creación de exposicións interactivas así como a dixitalización a grande escala das Rutas e os seus monumentos a través da tecnoloxía Street View
     

A Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de remitir ás Comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago o protocolo para adherirse a canle sobre a Ruta Xacobea que porán en marcha a Xunta e Google. Con este protocolo búscase formalizar a invitación que a Administración autonómica trasladou ás Comunidades no reunión do Consejo Jacobeo celebrada o pasado 4 de maio, para sumarse a iniciativa liderada por Galicia e colaborar na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago.

O Goberno autonómico e o xigante tecnolóxico están xa a definir as liñas de traballo desta colaboración que se considera estratéxica na proxección do Xacobeo 2021 e que se concretará na creación dunha canle de contidos que divulgue a riqueza cultural do Camiño na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco.

Trátase dunha canle que se abrirá na plataforma Google Arts&Culture, o proxecto cultural de Google, e que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a grande escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía Street View.

Ata o momento non existía ningunha exposición virtual deste calado dedicada ao Camiño e o fenómeno xacobeo desde a súa dimensión artística, cultural e patrimonial. O seu papel como elemento vertebrador de Europa trasládase así a novas contornas que, como está a demostrar a actual crise sanitaria, é un ámbito privilexiado para o uso, consumo e desfrute cultural, así como un punto de encontro de persoas e pobos cun potencial enorme.

Este foi un dos temas abordados nunha recente Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, celebrada a petición de Galicia e que serviu para avanzar na posta en común de medidas para a reactivación do Camiño de Santiago de maneira coordinada a nivel estatal.

06/07/202008:07
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O primeiro hackatón virtual de Galicia premia un supermercado 3D, unha app para feiras virtuais e un dispositivo para minimizar o contacto con superficies

  • O evento, organizado pola Xunta en colaboración con preto de 40 entidades, celebrouse entre os días 27 e 30 de xuño, co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras para axudar á industria, o comercio e o emprego na nova realidade
  • As propostas presentadas por equipos formados por participantes de Vigo, Santiago, Lugo, A Coruña, Oleiros, Muros, Murcia e Madrid foron escollidas como as tres mellores solucións tecnolóxicas aos retos industriais da covid-19
  • Os seleccionados levarán un premio de 1.000 euros e o asesoramento e seguimento personalizado dos proxectos durante un período de seis meses
  • Máis de 50 participantes traballaron durante catro xornadas en 16 equipos para intentar dar resposta a cinco retos

Un dispositivo para minimizar o contacto con superficies como pantallas informativas ou máquinas de vending, un supermercado online que mellore a experiencia de compra a través da simulación en 3D e unha aplicación para organizar feiras virtuais son os tres proxectos que resultaron seleccionados no HACKatHOME, o evento en liña no que a Xunta de Galicia xuntou durante catro xornadas a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos, para desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas polo coronavirus na industria, o comercio e o emprego.

Os tres proxectos seleccionados no pitching final levarán un premio de 1.000 euros e o asesoramento e seguimento personalizado dos proxectos durante un período de seis meses polas entidades organizadoras e colaboradoras.

Máis de medio cento de persoas procedentes principalmente de España pero tamén doutros países como Reino Unido ou Polonia traballaron en equipo para dar resposta a cinco retos definidos conxuntamente pola Administración e as entidades colaboradoras. Durante 4 xornadas intensivas de traballo, os participantes agrupados en equipos transformaron as propostas de produtos físicos ou solucións TIC en prototipos minimamente viables, coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao ecosistema innovador galego.

Das 23 ideas presentadas chegaron á fase final 16, nas que estaban representados os cinco retos: solucións “de baixo contacto” para minimizar o contacto de traballadores e clientes co virus nos espazos de traballo; incrementar a seguridade dos espazos comerciais; optimizar o teletraballo e minimizar o contacto interpersoal naqueles sectores que requiren traballo presencial; reducir as necesidades de desprazamento da industria; e coordinar equipos de traballo no novo contexto de separación física.

Proxectos seleccionados

O equipo TouchLess Technologies, formado por Xabier Crespo Álvarez; Luis Miranda Acebedo e Daniel Pérez Milian da empresa viguesa Scrobotics e Pedro José González González e Rafael R. Gerardo Weisz da empresa madrileña Ubiquotechs, titorizados por Iago Soto da empresa Quobis, presentou unha solución ao reto de Solucións “de baixo contacto”. SC Touchless é un dispositivo deseñado para minimizar o contacto con superficies coas que habitualmente interactúan múltiples usuarios, como por exemplo as pantallas de información ou as máquinas de vending. Ao longo do HACKatHOME desenvolveron un caso de uso concreto que resulta nunha usabilidade elevada e unha curva de aprendizaxe reducida para evitar que o dispositivo sexa unha barreira de entrada a aquelas persoas que queren facer uso das máquinas.

O equipo Virtual Market, formado por Manuel Canedo Tabarés de Santiago de Compostela; Amanda Cifuentes Dengra de Murcia e Alba Arrojo Centeno de Lugo, e mentorizados por Santi Vidal, María Luaces e Estefanía Montero da empresa Kelea, responderon ao reto “Repensando a venda ao público”. A partir dunha análise dos factores que inflúen no volume de ventas dos supermercados online, desenvolveron un prototipo de supermercado virtual que mellora a experiencia de compra satisfacendo necesidades como a de percepción visual, interacción social, etc.

Por último, o equipo FEDI, composto por Pablo Boullosa García de Cambre; Jacobo Fiaño Salinas de Oleiros e Jesse Anthony Lago López de Muros e titorizados por Andrés Gómez do CESGA presentaron unha solución ao reto dun novo comercio. Para elo, desenvolveron unha aplicación que serve como solución estándar para organizar feiras virtuais en 3D de diferentes características, ofrecendo múltiples opcións de personalización.

Colaboración

Na organización do evento a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia contou coa colaboración de preto de 40 entidades que participaron na validación dos retos, na difusión do evento, na mentorización dos proxectos e no comité de avaliación. Entre os colaboradores cóntanse clústeres e asociacións empresariais de Galicia (Clúster TIC Galicia, Aclunaga, Cointega, Bioga, Clúster Alimentario de Galicia, Ceaga, Federación Galega de Comercio, Clúster da Madeira, DiH DATAlife e Clúster Saúde Galicia), empresas (Grupo Nueva Pescanova, Imatia, Zendal, Televes, Mestrelab Research, Quobis, PSA, Kelea e El Corte Inglés) as tres universidades galegas (Universidade de Vigo, Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela) e centros de coñecemento (Citic, Citius, Itmati e atlanTTic), os centros tecnolóxicos (Instituto Tecnológico de Galicia, Gradiant, Atiga, CTAG, Fedit, Aimen e Cetim), outras organizacións e axentes (Cesga e Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), así como distintos departamentos da Administración autonómica.

09/07/202010:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Telefonía móbil e internet: contratos, tarifas e reclamacións

Tiveches algunha vez algún problema coa túa compañía de teléfono? Sabes como reclamar en caso de necesitalo?

Nesta charla, un formador especialista do Instituto Galego de Consumo informaranos dos principais conceptos que debemos manexar na contratación e relación coas compañías de telefonía móbil así como o que temos que ter en conta nos diferentes servizos ofertados por estas (Internet, datos, etc.).

Simplifica a xestión do teu teléfono!

Contidos:

  • Tipos de tarifas, permanencia, etc.
  • Dereitos que nos amparan en materia de consumo.
  • Análise das principais reclamacións en materia de telefonía móbil e Internet (combos, fusión...)
  • Consellos para un uso responsable desde o punto de vista do consumo.
07/07/202012:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Fai do teu verán a túa mellor película: creación e edición de vídeos II

Nesta segunda sesión do ciclo de creación e edición de vídeos veremos como podemos editar de modo sinxelo as nosas gravacións. 

Mostrarémosche diversas aplicacións para editar vídeos, incorporando animacións, transicións e outros moitos recursos e detallaremos como podes compartir as túas creacións.

Converte o vídeo no teu mellor recordo!

Contidos:

  • Apps fundamentais de edición de vídeos
  • Vídeos a partir de plantillas
  • Crea vídeos animados
  • Comparte as túas creacións
06/07/202012:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Fai do teu verán a túa mellor película: creación e edición de vídeos I

Os vídeos convertéronse nun recurso imprescindible en todas as plataformas de redes sociais. Cada día miles de usuarios soben aos seus perfís millóns de vídeos que comparten cos seus amigos, familiares e tamén seguidores.

Pero non fai falta ser un influencer para querer montar os nosos propios vídeos e compartilos. Neste seminario veremos a primeira parte dun ciclo de dúas sesións sobre creación e edición e aprenderemos onde podemos atopar recursos útiles para os nosos vídeos e como podemos preparar vídeos a partir de fotografías.

Combina recursos para mellorar os teus vídeos!

Contidos:

  • Recomendacións básicas
  • Fuentes de recursos gratuítos?
  • Organización de álbums
  • Crear facilmente o teu primeiro vídeo
03/07/202008:07
Sinatura do convenio Amtega, Uvigo, Retegal.
Vigo

O Laboratorio 5G da AMTEGA e a UVigo inicia a súa actividade cun proxecto de Network Slicing

Universidade de Vigo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) informaron este xoves 2 de xullo do inicio da actividade do Laboratorio 5G. Faino cun proxecto de innovación de Segmentación de Rede (Network Slicing), que permite aproveitar as características de virtualización do dito estándar móbil para crear redes illadas e adaptadas ás necesidades específicas, como por exemplo as das redes especializadas en Internet das Cousas, de banda larga, as do vehículo conectado ou redes privadas para usuarios corporativos, etc.

Estas redes habilitaríanse sobre a mesma infraestrutura coa vantaxe de non ter que despregar novos equipos específicos, engadiu a axencia autonómica, que lembra que o dito laboratorio é unha iniciativa impulsada ao abeiro do acordo asinado en marzo entre a Xunta e a Universidade de Vigo. A AMTEGA e a Uvigo lembran que a Segmentación de Rede é unha das características máis innovadoras do estándar da tecnoloxía 5G, pero, aclaran, “o seu desenvolvemento aínda está nun punto moi inicial a pesar das grandes vantaxes que introduce na eventual compartición de redes, na asignación de largo de banda de acordo cos requisitos de cada usuario en cada momento ou para poder garantir as calidades de servizo acordadas”. O novo laboratorio ofrece, por unha banda, equipamento específico para realizar todo tipo de probas sobre esta tecnoloxía e, pola outra, asesoramento dos especialistas da Universidade.

A súa constitución enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en 2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica, Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G. “Temos equipamento e experiencia e interésanos poñelo ao servizo da contorna que nos rodea, de empresas e institucións que queiran colaborar coa Universidade. É o que damos en chamar a innovación aberta, un espazo de transferencia no que poder sacar partido dos coñecementos que hai na UVigo”, explicaba Felipe Gil no intre de constituírse o laboratorio. Non se trata, remarcaba, “de que empresas e organismos se limiten a empregar as nosas instalacións”, senón que o que se busca é xerar sinerxías, colaborar en proxectos e abrir novas áreas de investigación en liña coas necesidades do tecido empresarial da contorna.

02/07/202012:07
Fachada do Concello de Vilagarcía de Arousa.
Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía lanza 14 cursos para loitar contra a fenda dixital

Concellería de Promoción Económica e Emprego de Vilagarcía retomou estes días as actividades do programa de Inclusión e Capacitación Dixital que non puideron comezar a celebrarse en marzo, como estaba previsto, debido ao confinamento pola COVID19. Desde o departamento que dirixe Alba Briones lémbrase que está prevista a realización de 14 cursos de diferente temática, adaptados aos diversos niveis de coñecemento dixital das usuarias e usuarios. As actividades, que se dirixen a loitar contra a fenda TIC no concello, son de balde e están dirixidas a maiores de 18 anos. Vanse impartir de forma presencial na aula CeMIT do Centro de Formación de Matosinhos até finais de ano.

Segundo informou a Concellería de Promoción Económica e Emprego, a oferta desta edición componse de 14 cursos diferentes, repartidos en cinco bloques temáticos que, comezando dende o nivel de iniciación en temas informáticos, van aumentando en grao de complexidade co obxecto de facilitar unha formación completa ao alumnado. O primeiro bloque será o de Inclusión Dixital e nel inclúense os cursos dirixidos a persoas con pouco ou ningún coñecemento. Son os de Iniciación á informática e Internet para adultosCorreo electrónico: webmail e Seguridade na Rede.

Cunha orientación máis profesional deseñouse o segundo bloque temático sobre Ofimática en Software Libre composto de catro cursos: Procesador de textos, Folla de Cálculo, Elaboración de presentacións e Base de datos.

Dada a finalidade última deste programa formativo -a busca de emprego e acceso ao mercado laboral-, o terceiro bloque temático refírese á Orientación ao Emprego e nel impartiranse cursos sobre Redes Sociais e procura de Emprego e de Deseño dun perfil profesional. Esta última acción formativa inclúese por primeira vez na carta do programa.

O cuarto bloque temático versa sobre Capacitación avanzada en ferramentas TIC. Neste apartado impartiranse os cursos de Deseño de páxinas webs con Wordpress, e dous que se inclúen por primeira vez no programa: Deseño de contidos interactivos: Canva e Genially e Sincronización de dispositivos e control parental.

Por último, atendendo ás necesidades da vida cotiá e ás esixencias dos trámites online coas entidades públicas, o último bloque temático céntrase precisamente na Administración Electrónica. Aquí inclúese un curso que xa se impartiu na pasada edición para formar aos usuarios sobre o procedemento de realización de Trámites electrónicos, con especial atención ao uso e funcionamento da sede electrónica do Concello de Vilagarcía. O segundo curso deste bloque versará sobre o Uso do DNI electrónico e o Certificado Dixital.

Os cursos serán impartidos por persoal especializado da Consultora Kaeme, nas dependencias do Centro de Matosinhos. As inscricións poden realizarse xa no centro de Matosinhos en horario de 9 a 14 horas. Os interesados poden anotarse a máis dunha acción formativa e tamén poderán elixir o horario que máis lle conveña. A formación é presencial e a duración dos cursos é de 15 e 30 horas lectivas, coa excepción dos do último bloque temático, que será de 4 horas en cada unha das accións formativas.

02/07/202009:07
Nenos na aula CeMIT de Brión.
Brión

O Concello de Brión organiza tres obradoiros gratuítos de informática para a veciñanza

Concello de Brión organiza tres obradoiros gratuítos de informática para a cidadanía, que se van desenvolver ao longo dos próximos meses en canto se xunte un grupo mínimo de 3 persoas interesadas. Trátase de pequenos obradoiros (con formatos seguros para garantir a seguridade fronte a COVID) co fin de aprender o manexo de tecnoloxías moi concretas como son a videochamada, a sede electrónica e o correo electrónico.

Ademais da cota gratuíta, o Concello de Brión ofrecerá tamén flexibilidade horaria, con sesións tanto de mañá como de tarde. As inscricións poden realizarse na aula CeMIT de Brión, chamando ao 981 50 99 08 ou enviando un correo a cemit.brion@outlook.com. A admisión realizarase por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas en Brión. O obradoiro de videochamada terá unha duración de 4 horas, nas que o alumnado aprenderá a xestionar videochamadas a través das aplicacións máis coñecidas: Zoom, Skype, Messenger... Tamén terá unha duración de 4 horas o obradoiro de manexo da sede electrónica, dende como obter certificados dixitais con Chave 365 ou Clave PIN, ata trámites que se poden facer na rede coas distintas administracións e organismos. Finalmente, o obradoiro de correo electrónico será o de máis longa duración, 6 horas, e nel o alumnado aprenderá a crear e xestionar o correo, administrar os contactos e trasladalo aos seus dispositivos móbiles.

01/07/202014:07
Reunión sobre o centro de fabricación avanzada da Cidade das TIC.
A Coruña

A Xunta sinala que o centro de servizos avanzados da cidade das TIC será clave na transformación dixital das pemes galegas

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou sobre esta iniciativa impulsada polo Clúster TIC, unha infraestrutura aberta que permitirá a pemes e autónomos acceder a instalacións para desenvolver novos produtos
  • Apunta que o proxecto, integrado nos Hubs de innovación dixital, “enmárcase nunha visión clara de que o futuro pasa pola dixitalización”
     

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, informou na Coruña sobre o centro de fabricación avanzada da Cidade das TIC.

Conde, que apuntou que o sector das tecnoloxías da información e a comunicación está demostrando a súa capacidade para dotar de competitividade ao tecido produtivo galego, sinalou que este novo centro “vai permitir seguir avanzando na transformación dixital do noso tecido produtivo”, resaltando que se trata dun proxecto “de colaboración público-privada” que vai permitir contar con instalacións para o desenvolvemento de novos proxectos e produtos, e trasladar eses novos prototipos e novas tecnoloxías ás pemes.

Nese sentido, o conselleiro resaltou que “o elemento diferenciador deste proxecto é que é unha infraestrutura aberta a calquera pequena e mediana empresa ou autónomo que queira utilizar estas instalacións. A iniciativa, que se enmarca nos Hubs de innovación dixital, “enmárcase nunha visión clara de que o futuro pasa pola dixitalización”, tal e como remarcou Francisco Conde.

Así, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou que no 2021 aproximadamente o 40% de todo o produto interior bruto en Europa vai estar dixitalizado, e polo tanto “as nosas empresas teñen este reto de dixitalizarse e utilizar as novas tecnoloxías para adquirir competitividade”.

O Clúster TIC Galicia é o promotor do Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC, que, cunha achega da Xunta de 4,82 millóns de euros, contará con catro laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector.

No encontro de hoxe, ademais do Clúster TIC e a Universidade da Coruña, estiveron representadas empresas e entidades socias ou futuras usuarias do centro de servizos avanzados como Imatia, Aldaba, Xoia, DosEspazos, Idom, e Egatel, ademais do Instituto Tecnolóxico de Galicia.

01/07/202010:07
Cartel da iniciativa.
Ames

A aula CeMIT de Ames retoma o seu servizo de aula aberta a partir do 2 de xullo

aula CeMIT de Ames porá a etiqueta de uso libre para os seus equipos a partir do xoves 2 de xullo. O horario da Aula Aberta durante as primeiras semanas será de 9.30 a 13.30 horas, deixando a tarde para continuaren as veciñas e veciños cos seus cursos dende as casas. Destes últimos, hai programados dous máis para este mes de xullo, que seguirán impartíndose dende YouTube.

As instalacións da aula CeMIT de Ames ficaban pechadas debido ao Estado de Alarma. No mes de xuño, comezaron a abrir polas mañás, co fin de resolver dúbidas con cita previa e acoller aos estudantes universitarios que precisaban dunha rede para facer os seus exames. Agora, no mes de xullo, procedese á abertura da aula para o uso libre dos seus equipos. O horario será de 9.30 a 13.30 horas, deixando a tarde libre para proceder cos seus cursos dende a casa.

Actividades para adultos no mes de xullo

En canto ás actividades formativas, estas seguirán desenvolvéndose de maneira telemática, dividíndose as súas horas lectivas en dúas modalidades: sesións teóricas dende YouTube e sesións en modo titoría de práctica voluntaria dende Jitsi Meet. Para este mes de xullo hai programados dous cursos: Traballando na nube e Sácalle partido ao teu teléfono móbil Android. O primeiro deles será dende o luns 6 ao xoves 9 de xullo, de 17.30 a 19.00 horas, mentres que a titoría voluntaria en Jitsi Meet para resolver dúbidas e realizar prácticas será o venres 10 de xullo de 17.30 a 19.00 horas.
Por outra banda, o curso Sácalle partido ao teu teléfono móbil Android desenvolverase do luns 13 ao venres 17 de xullo, de 17.30 a 19.00 horas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS