main content

main content
02/06/202008:06
Cartel da iniciativa.
Málaga

A Fundación ONCE e o Polo Nacional de Contidos Dixitais impulsan os videoxogos inclusivos

  • Lanzan o concurso "Disability Serious Game", aberto ata o próximo 17 de xuño
A Fundación ONCE e o Polo Nacional de Contidos Dixitais de Málaga lanzaron o concurso "Disability Serious Game" co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de videoxogos inclusivos que incorporen a temática da discapacidade e tratar así de sensibilizar, concienciar e normalizar a percepción que ten a poboación xeral sobre o colectivo de persoas con discapacidade.
 
As ideas recibidas serán valoradas, en primeiro lugar, por un comité que terá en conta o tratamento da discapacidade e a integración da accesibilidade, así como a orixinalidade, innovación e creatividade da idea no argumento e funcionalidades do videoxogo. O devandito comité estará formado por compoñentes da Fundación ONCE e do Polo Nacional de Contidos Dixitais.
 
Poderán presentarse todo tipo de microempresas e particulares, tendo como prazo máximo o 17 de xuño para poder inscribirse a través da web disabilityseriousgame.fundaciononce.es.
 
Cada un dos participantes deberá presentar un documento co lanzamento do xogo, "Game Pitch Document", que reflicta as características do videoxogo e un segundo documento, "Biblia de arte" cos bosquexos de deseño de personaxes, ambientación, entre outros aspectos.
 
As ideas seleccionadas serán dadas a coñecer o 19 de xuño, e entre o 22 e o 24 de xuño abrirase un prazo de votación pública final das ideas seleccionadas para elixir a gañadora. O 26 de xuño procederase á entrega do premio.
 
O gañador recibirá 2.000 euros e a Fundación ONCE resérvase o dereito de desenvolver un produto baseado na idea gañadora conxuntamente coa persoa ou grupo participante.
02/06/202008:06
Equipamento TIC na USC, nunha imaxe de Santi Alvite.
Santiago de Compostela

En marcha as aulas con reforzo Wi-Fi da USC e máis da UDC

Universidade de Santiago e a Universidade da Coruña porán a disposición do alumnado galego aulas con acceso á Rede para que poidan realizar as súas probas de avaliación. Estes espazos con reforzo Wi-Fi estarán situados nos Campus de Lugo, Santiago, A Coruña e Ferrol, co único requirimento de que se solicite previamente o seu uso e se acuda cun equipo portátil propio. Estas aulas únense á oferta de postos realizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a semana pasada, que, xunto coa FEGAMP e as universidades galegas achegarán ao alumnado universitario as aulas da Rede CeMIT de diversos concellos para levar a cabo as devanditas probas.

Volvendo ás aulas presentadas pola USC e a UDC, son froito dun acordo entre as dúas universidades. Segundo sinalan, o alumnado de cada unha delas poderá utilizar instalacións destas dúas institucións en función das súas necesidades. No caso das Aulas da USC, estarán emprazadas na sala Norvet da Facultade de Veterinaria de Lugo e na sala de lectura da Facultade de Dereito de Santiago. Na Universidade da Coruña, o alumnado poderá achegarse a calquera dos puntos de acceso nos campus de Riazor, Elviña ou Esteiro. Para realizar a reserva en calquera delas nas datas que fora preciso, as persoas interesadas so deben cubrir o conseguinte formulario.

02/06/202008:06
Cartel da iniciativa.
Lugo

Lugo lanza na rede TikTok unha campaña de creación de vídeos para loitar pola igualdade

Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude, vén de lanzar unha campaña online para avanzar en igualdade e poñer o foco, nesta cuestión, nas novas xeracións. A iniciativa ten o obxectivo de encher as redes de mensaxes que rompan os estereotipos e os roles de xénero. Fai fincapé nos espazos dixitais por estes espazos “onde máis se move hoxe en día a xente nova”, sinala a edil de Xuventude Ana González Abelleira. A campaña de igualdade foi lanzada en TikTok, que é, en palabras da concelleira, a “rede social máis de moda entre os adolescentes”, un dos seus grandes puntos de encontro durante o Estado de Alarma e o confinamento.

O obxectivo é estimular a reflexión e a capacidade creativa da mocidade en canto a igualdade de xénero e as relacións afectivas entre mulleres e homes, así como o rexeitamento e a prevención da violencia de xénero.

Amais de polos ditos motivos, elixiuse a rede social TikTok por ser unha comunidade cunha notable presenza de persoas de entre 18 e 24 anos, especialmente mulleres. Nesta proposta, con “contidos animados e frescos”, empregaranse persoas con perfís activos en TikTok para que sexan protagonistas dos vídeos e poidan promover as mensaxes no perfil creado para este fin @XuventudeLugo.

Realizaranse un máximo de 10 vídeos con 5 tiktokers e 5 liñas temáticas que buscan ilustrar os roles de xénero, a desigualdade e a violencia contra as mulleres: oficios, coidados, entretemento, estereotipos e celos. Dentro de cada área temática realizaranse dous audiovisuais abordando dúas realidades diferenciadas, pero serán protagonizadas por dous tiktokers diferentes. “Os mozos e mozas que se animen a participar terán liberdade creativa para seguir todos e cada un dos desafíos”, engadiu o Concello.

01/06/202012:06
Mozos mirando un portátil.
Santiago de Compostela

Reanúdase o prazo para solicitar as bolsas do programa DigiTalent para facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC

  • Os interesados poden presentar as súas de candidaturas desde hoxe e ata o 23 de xuño, incluído.
  • Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura.
  • As persoas interesadas nalgunha das 32 prazas dispoñibles poden presentar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, previa inscrición no portal de bolsas Feuga.
  • Este programa é unha das actuacións do catálogo de actividades do Plan DigiTalent para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais.

Hoxe reanúdanse os prazos para solicitar as bolsas do Programa DigiTalent, que ofrece 32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas formativas en empresas do sector tecnolóxico. Os interesados poderán remitir as súas candidaturas ata o próximo día 23 de xuño (incluído).

Estas bolsas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31 anos, matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados. 

Tras a suspensión da convocatoria publicada no (DOG) o pasado día 5 de marzo pola declaración de situación de emerxencia sanitaria en Galicia, hoxe faise efectivo o publicado no Real Decreto 537/2020 (BOE), que prevé a reapertura dos prazos que foran interrompidos con efectos desde hoxe día 1 de xuño.

Candidaturas e seleccións das persoas bolseiras

Os estudantes interesados deberán presentar telematicamente a súa solicitude para poder acceder ás prazas do programa, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento PR607A). Ademais, deberán estar rexistrados e ter o seu perfil actualizado no portal de becas Feuga na seguinte ligazón: http://www.becasfeuga.es/ofertas/listar/etiqueta/amtega.

As candidaturas dos bolseiros valoraranse en función da nota media do expediente académico e unha memoria explicativa sobre a motivación dos solicitantes para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar.

Realización das prácticas formativas

Unha vez realizada a selección, os beneficiarios realizarán prácticas remuneradas nalgunha das 21 empresas seleccionadas como entidades colaboradoras, por un período de 3 meses e unha duración de 20 horas semanais, contando cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC.

As empresas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.

Cabe sinalar, que no contexto actual de transición á nova normalidade, aos beneficiarios do programa aplicaranlle as mesmas medidas de protección y protocolos levados a cabo polas empresas colaboradoras para protexer e promover a seguridade e a saúde no traballo do conxunto dos seus empregados.

Colaboración institucional

As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

01/06/202008:06
Mesa chea de portátiles.
Santiago de Compostela

Os centros educativos públicos galegos sitúanse á cabeza do Estado no acceso a servizos dixitais

  • O 96% dos centros públicos galegos dispoñen de aulas virtuais, grazas aos proxectos EDIXGAL e Webs dinámicas, fronte o 41,3% da media estatal
  • A estatística do Ministerio de Educación "Ensino non universitario. Sociedade da información e a comunicación nos centros educativos. Curso 2018-2019” sitúa a Galicia nos primeiros postos na maioría dos indicadores de dixitalización
  • A Comunidade está nos tres primeiros postos nas ratios de ordenadores por alumnos e por grupos, así como na porcentaxe de centros con conexións ultrarrápidas e aulas conectadas en centros públicos

Os centros educativos públicos galegos sitúanse á cabeza do Estado na disposición de servizos dixitais provistos pola Administración pública como entornos virtuais de aprendizaxe, aulas virtuais e servizos na nube. Así se recolle na estatística "Ensino non universitario. Sociedade da información e a comunicación nos centros educativos. Curso 2018-2019", que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional e que reflicte a boa situación da dixitalización nos centros públicos galegos no contexto nacional.

O 96% dos centros de ensino públicos de Galicia dispoñen de aulas virtuais, grazas aos proxectos EDIXGAL e Webs dinámicas, fronte o 41,3% da media estatal. Ademais, o 99% dos centros públicos dispoñen de servizos na nube e o 93,3% dos centros públicos dispoñen de páxina web, fronte ao 86,9% a nivel nacional.

A dispoñibilidade de servicios educativos dixitais vai en consonancia coa implicación dos centros educativos públicos en proxectos relacionados coa tecnoloxía educativa, que en Galicia está nun 60,8%, moi por riba do 36,5% da media nacional, e só por detrás da Rioxa, Ceuta e Castela e León.

A estatística estatal, realizada na totalidade dos centros públicos, concertados e privados de España, analízanse parámetros como o número de ordenadores por alumno, o tipo e calidade da conexión a Internet dos centros educativos, a cobertura de WIFI dentro dos centros, a dispoñibilidade de sistemas dixitais interactivos nas aulas, ou de servizos de entornos virtuais de aprendizaxe e outros servizos educativos na nube.

Galicia, no relativo aos centros educativos públicos, situase mas primeiras posicións na maioría dos indicados medidos.

Ratio de ordenador por alumno e grupo

Así nos indicadores relativos ao número medio de alumnos por ordenador destinados a tarefas de ensino e aprendizaxe, nos destinados á docencia, e nos conectados a internet destinados a docencia situase na terceira posición, só por detrás do País Vasco e Estremadura, cunha media de 1 ordenador para cada 1,7 alumnos no primeiro caso, e 2 nos restantes, cando a media do estado e de 2,7 3,3 e 3,4 alumnos por ordenador.

Igualmente, Galicia ocupa o terceiro posto do Estado en canto a ordenadores por grupo, con 10 equipos por grupo, só por detrás do País Vasco e de Illas Baleares e moi por riba da media nacional, que é 6,7 ordenadores por aula.

Conectividade

No relativo aos indicadores relativo ao ancho de banda da conexión a Internet dos centros educativos, Galicia situase a cabeza xunto con Canarias, cun 96,7% dos centros públicos con conexión a Internet superior a 100 Mbps, fronte ao 35% en España. Esta porcentaxe crece ata o 98,1% se consideramos os centros con velocidade superior a 50 Mbps.

No relativo as aulas con conexión a Internet, Galicia tamén se sitúa no grupo cabeceiro, co 98,1% das aulas habituais de clase con conexión a Internet, por detrás de Valencia, Mellia, Ceuta, Canarias e Cataluña. En canto á porcentaxe de centros con cobertura WIFI, cunha porcentaxe do 98% Galicia sitúase por riba da media nacional que é de 93,6%.

No tocante á dotación de Sistemas Dixitais Interactivos, Galicia situase na cuarta posición, detrás de Melilla, Ceuta e Estremadura, cun 66,6% das aulas con estes servizo, fronte a 58 da media nacional.

29/05/202008:05
Pantallazo de AsistenciaCOVID-19.
Madrid

As novas ferramentas tecnolóxicas AsistenciaCOVID-19 e Hispabot-Covid19 accesibles para as persoas con discapacidade da man da Fundación ONCE

  • Trátase da aplicación oficial de AsistenciaCOVID-19 e do Hispabot-Covid19, unha canle de consulta sobre a COVID-19 a través de WhatsApp.

As novas ferramentas tecnolóxicas de loita contra a COVID-19 que o Goberno puxo en marcha son accesibles para as persoas con discapacidade grazas á participación da Fundación ONCE no proxecto.

Trátase da aplicación oficial de AsistenciaCOVID-19  (https://asistencia.covid19.gob.es/), impulsada polo Goberno para que a poboación poida facerse un autodiagnóstico do coronavirus, e da Hispabot-Covid19, unha canle de consulta sobre a COVID-19 a través de WhatsApp.

O Goberno informou o mércores da posta en marcha do asistente conversacional Hispabot-Covid19. É unha canle de consulta automática que utiliza a intelixencia artificial e a linguaxe natural para responder as inquietudes da cidadanía sobre a COVID-19 con información oficial, precisa e actualizada.

Hispabot-Covid19 é un servizo "chatbot" que permitirá aos cidadáns obter respostas inmediatas ás preguntas máis comúns sobre o coronavirus durante as 24 horas do día.

Ambos os servizos son accesibles para as persoas con discapacidade grazas á participación da Fundación ONCE no proxecto.

AsistenciaCOVID-19

O obxectivo desta aplicación AsistenciaCOVID-19, posta en marcha o pasado luns pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, é desconxestionar os teléfonos de atención sanitaria das diferentes comunidades autónomas, á vez que ofrecer información oficial e de confianza.

Técnicos do departamento de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE traballaron para que as persoas con discapacidade poidan acceder ao autodiagnóstico, ben sexa a través da aplicación, da web ou usando o chatbot desenvolto para o proxecto.

Así, traballouse no correcto uso do idioma nalgúns elementos como, por exemplo, a lectura dos emojis ou iconas, a boa contextualización da cantidade de ligazóns e referencias que o chatbot prové, sendo fontes de recursos que complementan a información do propio compoñente, así como a correcta orde de lectura para persoas con discapacidade, que usan como ferramenta de apoio un lector de pantalla.

A aplicación permite ofrecer recomendacións e pautas de actuación a través da solicitude dunha serie de datos de identificación e de saúde relacionados cos síntomas experimentados. Ademais, a través do sistema de xeolocalización vía GPS do teléfono móbil, con permiso do usuario, validará a comunidade autónoma na que se atopa para personalizar as respostas en función dos protocolos de cada unha delas.

29/05/202008:05
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

FEUGA introdúcenos cun webinar nas posibilidades de Office 365

fundación FEUGA, con sede principal no Campus Sur de Santiago, vai organizar os días vindeiros un webinar sobre Office 365. A actividade, de 16 horas, celebrarase os días 5, 12, 19 e 26 de xuño en formato virtual, e a persoa encargada de impartir os contidos será Javier Perucha. O curso online forma parte dun programa de choque contra as consecuencias económicas da crise sanitaria: un programa formativo en directo que bota man das novas tecnoloxías para fortalecer os recursos dos nosos estudantes e profesionais ante a desescalada. “Só se precisa un computador, tableta ou teléfono móbil conectado a Internet, altofalantes, micrófono e webcam para vernos”, explican dende FEUGA.

A fundación engade que Office 365 ofrece “un nivel de produtividade completamente novo”, permitindo aos seus usuarios crear, acceder e compartir documentos desde calquera dispositivo. Ademais, “achega aplicacións específicas en seis áreas fundamentais do crecemento do negocio: mobilidade, colaboración, comunicación, seguridade, produtividade e información”, explica a fundación, salientando a flexibilidade da ferramenta, a marxe de rendemento e o seu potencial para reducir os custes de organización. No curso aprenderase aos participantes a traballar eficazmente coas ferramentas empresariais de Office 365, tales como SharePoint, Flow, Teams ou Planner.

28/05/202014:05
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta facilita ás Universidades o uso das aulas da Rede CeMIT para a realización de exames

  • A Amtega xunto coa FEGAMP e as tres Universidades galegas asinan un acordo para que o alumnado universitario con dificultades para examinarse online desde os seus fogares poida facelo nos centros da Rede
  • As universidades porán a disposición dos estudantes o procedemento e o protocolo para facer uso das aulas
  • Este acordo enmárcase dentro das medidas da Xunta para afrontar a crise da COVID-19

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as tres Universidades galegas veñen de asinar un convenio para facilitar ao alumnado universitario que o precise a realización de exames online desde as aulas da Rede CeMIT.

O acordo, creado a petición das universidades, ten como obxectivo que aqueles alumnos que teñan dificultades para examinarse online desde os seus fogares poidan facelo grazas á conexión das aulas CeMIT, entre o 1 de xuño e 31 de xullo de 2020.

Poranse a disposición das Universidades as aulas daquelas entidades locais que previamente presenten o seu compromiso ante a FEGAMP para participar nesta iniciativa. A partir de aí, os centros poderán empregarse como punto de conexión para realizar os exames online e contarán ademais co asesoramento e axuda para a correcta conectividade dos axentes TIC.

As universidades galegas serán as encargadas de articular e trasladar ao alumnado o procedemento e protocolo para facer uso da Rede CeMIT para a realización dos seus exames. Os alumnos interesados terán que inscribirse previamente como usuarios da Rede, a través da web https://cemit.xunta.gal/ e reservar praza na aula da localidade do seu interese cunha semana de antelación e agardar a confirmación.

No portal da Rede estará dispoñible e permanentemente actualizada a relación de aulas nas que se poderán realizar os exames, que neste momento son 35, unha cifra que se incrementará coa adhesión de máis concellos.

Desde os concellos procederase ao cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias en materia de prevención e hixiene vixentes que se aplicarán en todas as aulas destinadas a este fin.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 entidades locais, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

28/05/202013:05
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática

  • Ofértanse 180 prazas neste curso de teleformación que comezará en setembro e rematará a finais de novembro, mes no que terá lugar o exame presencial
  • Os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoa usuaria da rede CeMIT
  • No mes de outubro abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá venres 29 de maio o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio, que comezará o 1 de setembro e rematará o 22 de novembro, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de novembro unha vez rematado o curso.

Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT, durante os cinco días hábiles seguintes á publicación da convocatoria no DOG.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non formalicen a súa matriculación.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2020, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o segundo semestre deste ano (no mes de outubro).

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 8.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.470 en cursos de teleformación titorizada e 6.050 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 3.800 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.

28/05/202008:05
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE concede 10 bolsas de formación tecnolóxica para persoas con discapacidade

  • A iniciativa pretende mellorar o acceso a empregos cualificados de cidadáns con discapacidade
A Fundación ONCE concedeu unha decena de bolsas a persoas con discapacidade dentro do seu programa 'Por Talento Dixital', iniciativa de axudas á formación tecnolóxica que pretende mellorar o acceso a empregos cualificados de cidadáns con discapacidade.
 
Segundo se pon de manifesto na convocatoria do programa, lanzada o pasado mes de febreiro, 'a revolución tecnolóxica e dixital está a transformar o mercado de traballo e favorecendo en moitos casos a accesibilidade de persoas con discapacidade a novos empregos'. Con todo, estes empregos requiren da adquisición de novas competencias tecnolóxicas para o seu bo desempeño.
 
Desde esta perspectiva, 'Por Talento Dixital' proponse axudar ás persoas con discapacidade a adquirir as competencias e habilidades tecnolóxicas necesarias para encaixar nos perfís profesionais que teñen maior demanda no mercado, á vez que quere tamén 'reducir a fenda dixital de xénero'.
 
Os beneficiarios das axudas concedidas, que cobren como máximo o 80% do custo total da formación, cursarán estudos de impresión 3D e aplicacións profesionais de drons, deseño dixital (web e app), Marketing e Comunicación Dixital ou de deseño e creación de videoxogos, entre outras materias.
 
E farano en centros de estudos como a Universidade a Distancia de Madrid (UDIMA), a Escola de Organización Industrial (EOI) ou CREANAVARRA, que son os lugares onde eles elixiron cursar a súa formación.

Programa aberto

O programa de bolsas 'Por Talento Dixital' é unha iniciativa aberta, polo que as axudas concederanse progresivamente ata esgotar a dotación económica establecida para o seu desenvolvemento.
 
En función das bases da convocatoria, a axuda económica solicitarase para sufragar cursos ou accións formativas presenciais, online ou mixtas, nalgunha das seguintes áreas de coñecemento: másteres e posgraos nos ámbitos de Enxeñería Informática, Electrónica ou de Telecomunicacións; Industria 4.0 e Internet of Things; Ciberseguridade; Big Data, Data Science; Intelixencia artificial/Aprendizaxe automática; Computación na nube; CRM e ERP (Software de xestión de clientes e empresarial); Marketing Dixital; Deseño e UX/UI (Experiencia de Usuario e Interacción de Usuario); Lean e Agile Project Management; Desenvolvemento de webs e apps, e Informática de xestión.
 
Así, poderán pedir as axudas os estudantes maiores de 16 anos que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Toda a información está dispoñible na web https://portalentodigital.fundaciononce.es.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS