A posta en valor da internet e do seu papel durante a actual emerxencia sanitaria do COVID-19, foi elixida como tema central para todas as actividades e actos programados para a próxima celebración do Día Mundial da internet 2020, o 17 de maio. Ademais, este ano todos os actos do Día da internet celebraranse sen público e retransmitiranse online, permitindo que calquera cidadán poida gozar deles desde a súa casa.
As actividades están xa abertas, cun gran nivel de participación en todas elas. Entre elas, destacan as destinadas a centros escolares, para que os alumnos de primaria e secundaria xunto cos propios profesores, dean a coñecer a súa visión da achega das tecnoloxías aos colectivos máis vulnerables. Un certame de contos, debuxo e poesía, un Hackaton de propostas, un concurso de fotografía móbil, un concerto virtual e un certamen para profesores INTEF son algunhas das iniciativas que se puxeron en marcha ao longo deste mes de abril.
Como cada ano, convócase aos comercios online a participar en Semana da internet, con ofertas e oportunidades para as compras online con motivo do Día da internet. Tamén hai que destacar que a asociación de Telecentros SomosDigital, con máis de 1500 telecentros por toda España, traballará diferentes actividades de maneira virtual mostrando como evitar o despoboamento rural a través do uso intensivo da internet.
A entrega de Premios da internet 2020 celebrarase o 15 de maio, e o acto central do Día da internet será o 17 de maio, no que participará a Presidenta do Senado e a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, entre outros. Ambos os actos retransmitiranse por streaming.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de notificar formalmente á Comisión Europea a iniciativa autonómica para a mellora de cobertura móbil en zonas illadas. Este trámite dá continuidade ao intercambio de información levado a cabo nos últimos meses para acadar a aprobación previa por parte da Comisión Europea e, deste xeito, poder levar a cabo os investimentos públicos previstos para a mellora das redes de telefonía móbil nas zonas rurais.
Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural, lanzada a finais de 2019 e que conta cun investimento de ata 5 M€. Para participar no plan as entidades locais debían incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica, para o que poderán solicitar unha axuda máxima de 30.000€.
Unha vez se levanten as restricións derivadas do estado de alarma, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladadas polos concellos e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.
Aqueles concellos que cumpran cos requisitos, carecer de cobertura e poñer e dispoñer dos terreos adecuados, integraranse nun proxecto, que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico Retegal para a construción das torres e dunha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.
Así mesmo, co obxectivo de garantir que as redes móbiles presten un servizo de calidade, a Amtega vén de remitir á ORECE, organismo europeo que se encarga de regular as telecomunicacións na Unión Europea as consideracións da administración galega respecto da necesidade de fixar uns mínimos de calidade do servizo que se preste por parte das redes móbiles.
A ORECE realizou unha consulta pública sobre os criterios que deben cumprir as redes para ser consideradas de moi alta capacidade. O documento presentado polo regulador europeo descartaba impoñer condicións en determinados supostos sobre a calidade do servizo das redes móbiles. Dende a Amtega non se comparte este posicionamento, entendendo que para que as redes móbiles poidan considerarse de moi alta capacidade deben prestar un servizo que satisfaga as necesidades dos usuarios. Por este motivo e co obxectivo de que se teñan en conta as necesidades dos galegos e galegas no que aos servizos de telefonía móbil se refire, a Amtega solicitou á ORECE que modifique a súa proposta para incluír esixencias de calidade de servizo ás redes móbiles de moi alta capacidade.
A telefonía móbil é un servizo imprescindible na actualidade. Nos últimos anos a evolución do tráfico das redes móbiles medrou de xeito exponencial, tanto para chamadas de voz como no uso de datos, e as previsións para os vindeiros anos son que esta tendencia continuará. Segundo a información que ofrece o INE, a maior parte das vivendas galegas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 83,1% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man.
A Xunta de Galicia é consciente deste feito e non quere deixar atrás a ningún galego ou galega, por iso continúa a dar pasos para que en Galicia existan redes de telefonía móbil de calidade e accesibles para todos. Isto require por unha banda mellorar a cobertura e por outra mellorar a capacidade das redes existentes.
Así, grazas ás actuacións postas en marcha no pasado, Galicia conta cunha cobertura 4G superior ao 99% da poboación, pero a evolución e mellora destas redes debe continuar. Coa posta en marcha do Plan Galicia 5G a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) segue a promover a evolución das redes de telefonía móbil en Galicia.
Xunto coa mellora da redes móbiles, a Administración autonómica continúa co seu plan para incrementar a porcentaxe de galegos con acceso a redes ultrarrápidas. Para conseguilo puxo en marcha varias actuacións, que sumadas ás do Estado permitirán que o 90% dos galegos teñan acceso a internet de 100Mbps en 2021.
Ademais, o Plan dotou de acceso a internet de ata 350 Mbps a 81 e polígonos que contan con máis de 1.750 empresas e outras 80 de zonas illadas se beneficiaron de axudas directas para poder acceder a redes ultrarrápidas.
A Xunta de Galicia pon a disposición da cidadanía unha ferramenta dixital que permite medir e comprobar a lonxitude dos novos desprazamentos autorizados polo Goberno nos últimos días. Deste xeito, a través do visor básico dispoñible na páxina web de información xeográfica de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ofrecen aos cidadáns a posibilidade de calcular con precisión o radio no que poden desprazarse e planificar así as súas saídas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da que depende o IET, considera que esta ferramenta online pode resultar útil logo da publicación da Orde do 25 de abril que regula os desprazamentos da poboación infantil durante a crise sanitaria do coronavirus e os condiciona e limita a un radio dun quilómetro con respecto ao domicilio do menor. Ademais, cómpre ter en conta que desde hoxe o Goberno autoriza tamén as saídas para practicar deporte de forma individual ou dar paseos en familia.
Os usuarios interesados en utilizar esta ferramenta teñen dúas formas de calcular as distancias. A primeira consiste en fixar directamente sobre o mapa cun punteiro a localización do lugar de residencia e establecer a partir de aí o radio máximo de desprazamento.
A outra opción é calcular directamente a través da pestaña Medidas un percorrido concreto seguindo os propios viarios.
Debido á actual situación na que nos vemos envoltos, utilizar este tempo no noso fogar para potenciar as nosas habilidades, crear un mellor perfil profesional e académico e xerar maiores probabilidades de contratación en futuros empregos tras o confinamento, é unha das mellores formas de combater a situación económica actual. Por iso, o Concello de Ribeira a través da súa nova iniciativa Ribeira Academy, aposta pola formación onlinecoa maior oferta gratuíta neste eido na historia da comarca de Barbanza, erixíndose nunha das medidas articuladas para facer fronte ao actual estado de alarma xerado pola COVID-19, tal e como explicou o alcalde Manuel Ruiz.
Consiste en 88 cursos online en múltiples disciplinas para un total de 1.000 prazas. O prazo de inscrición comeza o Día de Traballo, 1 de maio, e finalizará en canto se esgoten as prazas dispoñibles. Como requirimentos para realizar esta formación integramente virtual tan só serán ser maior de 16 anos e estar empadroado/a en Ribeira. Os interesados e as interesadas poderán anotarse no curso que desexen a través propia web, onde cada un deles conducirá a un formulario no que cómpre introducir unha serie de campos (nome, DNI, teléfono e enderezo electrónico). Como máximo cada usuario poderá escoller un curso,cunha excepción: no caso de inscribirse nalgún de Office, Adobe Photoshop ou idiomas poderá compaxinalo con outro da oferta.
Ribeira. Academy é unha medida deseñada especialmente para persoas en desemprego, traballadores en ERTE, profesionais autónomos e traballadores de PEMES, con todo, todos os habitantes poderán solicitar o curso que desexen e adquirir a súa praza. Dende a súa inscrición, os usuarios dispoñen de 3 meses para poder completalo, cunha forma integramente online 24 horas do día, calquera día da semana.
Os alumnos-as recibirán un diploma acreditativo ao finalizar o curso. Pódese elixir entre unha gran variedade de materias formativas (hai 20 categorías) e horas de duración (entre 10 e 210 horas), desde un curso de idiomas ata formación en nutrición e saúde. Tamén se ofertan cursos en áreas máis técnicas como programación ou sistemas e bases de datos, que sen dúbida serán competencias moi demandadas na dixitalización que experimenta o mercado. Toda a información sobre Ribeira Academy e as particularidades desta oferta formativa poderanse consultar de forma detallada en http://www.ribeira.academy/ unha vez abra o prazo de inscrición.
A ONU acordou fixar o 17 de maio, día dedicado ás Telecomunicacións, engadíndolle o Día Mundial da Sociedade da Información para promover a importancia das TIC e os diversos asuntos relacionados coa Sociedade da Información. O Día da internet achega unha oportunidade para impulsar e favorecer o acceso á Sociedade da Información dos non conectados e das persoas con discapacidade.
PuntoGal, en colaboración con Dinahosting e Cdmon, lanza o programa Abre na Rede!, dirixido a empresas e autónomos afectados polo cesamento obrigatorio da súa actividade debido á crise sanitaria causada polo COVID-19. O proxecto consiste nun lote cun dominio .gal e aloxamento web, de balde durante un ano. Con esta medida, o dominio quere axudar no proceso de dixitalización dos sectores máis afectados pola pandemia: hostalaría, comercios, turismo ou cultural, entre outros.
Abre na Rede! é unha ferramenta que posibilitará aos autonómos e pequenos negocios que non dispoñan de actividade na Internet acceder sen custo a un dominio e aloxamento web durante o primeiro ano. Para beneficiarse desta iniciativa é preciso cumprir coas condicións da promoción, e o número de dominios dispoñibles é limitado, polo que as peticións se atenderán por orde de chegada.
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou que «esta crise aféctanos a todos, e todos debemos colaborar na súa solución. Por iso, dende o dominio queremos botar unha man para axudar aos comercios locais, bares, restaurantes ou salas de concertos que non poden abrir, así como aos músicos ou artistas que non poden actuar, a abrir unha fiestra na Rede na que poder seguir comunicándose cos seus clientes ou ofrecendo os seus servizos». «É importante axudar neste momento e tanto desde PuntoGal como desde os rexistradores que se sumen a este iniciativa queremos poñer nas mans do tecido económico máis afectado ferramentas para aliviar un pouco os efectos do confinamento e xerar novas oportunidades», engadiu.
A Xunta de Galicia, en colaboración cos centros educativos dos catorce concellos que integran a área territorial de Vigo, entregou desde a suspensión da actividade educativa presencial un total de 1.790 ordenadores ao alumnado de familias con menos recursos. En total, na provincia prestáronse 5.225 ordenadores.
Trátase da suma dos ordenadores que xa lle enviou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a cada centro da área, xunto cos equipos que tiñan tanto os propios centros educativos como os Centros de Formación e Recursos do Profesorado e que se puxeron a disposición das familias que o precisasen.
As familias reciben os equipos como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure a suspensión das clases presenciais. Cómpre ter en conta, ademais que os alumnos que participan no porgrama E-Dixgal dispoñen tamén neste curso de portátiles cedidos pola Xunta de Galicia.
A dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes dunha plataforma de videoconferencia que permitiu na primeira quincena activa máis de 52.000 reunións virtuais, nas que participaron 170.000 docentes e alumnos.
Para facilitar o acceso a todos os servizos dixitais educativos dispoñibles para toda a comunidade educativa, habilitouse un espazo tanto no portal educativo como na canle do espazoAbalar en Youtube, nos que se indica como acceder a eles, manuais de uso, e videotitoriais dos servizos e funcionalidades máis demandadas das aulas virtuais, o sistema de videoconferencia, e da plataforma de comunicación coas familias.
Ademais, a Xunta de Galicia, -a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)-, a FEGAMP e os concellos de Galicia que o consideren, establecerán unha liña de colaboración para a mellora da conectividade e a dotación de recursos tecnolóxicos ao alumnado do ensino non universitario. O obxectivo deste principio de acordo que publica o Diario Oficial de Galicia -á proposta do departamento de Educación do Goberno galego no marco da última reunión da CECOP- é aproveitar as sinerxías, evitar solapamentos entre administracións e acadar a máxima cobertura do servizo no ámbito da atención educativa.
No acordo establécese que, por razóns de competencia, o Goberno galego atenderá con prioridade ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP, de acordo cos criterios de promoción e titulación. Pola súa banda, os concellos interesados en colaborar voluntariamente no préstamo e reparto de equipamento e conectividade de propiedade municipal daralle prioridade ao alumnado das etapas de Infantil e Primaria, de acordo coa Lei Orgánica de Educación e da normativa en materia de Réxime Local.
A maiores, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega traballarán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nun protocolo para a creación dunha base de datos de equipamentos única con destino ao alumando non universitario, que identifique os beneficiarios e evite eventuais solapamentos nas entregas do material. Trátase tamén de actuar baixo o principio de subsidiariedade administrativa de xeito que os equipamentos locais se circunscriban principalmente a atender as demandas nas etapas de Infantil e Primaria, mentres que a Xunta de Galicia lle da prioridade a ESO, Bacharelato e FP.
Finalmente, no que atinxe á recollida ou distribución de material non informático, estableceuse que os centros educativos poderán solicitar, se fose preciso, a colaboración dos servizos de Protección Civil ou da Policía Local, para efectuar ditas entregas.
ABC Maestro é unha nova tecnoloxía desenvolvida por BJ Adaptaciones que axuda aos nenos con discapacidade a mellorar a aprendizaxe da lectura e da escritura a través do computador, á vez que aprenden a teclear, algo que para moitos será fundamental no futuro.
Tendo en conta que no futuro o computador será esencial para a comunicación de moitas persoas con discapacidade, axuntar nun mesmo programa a aprendizaxe de habilidades como ler, escribir e teclear é unha idea moi interesante.
ABC Maestro está deseñado para adaptarse ao ritmo do estudante e axudarlle a avanzar nesta aprendizaxe dunha forma amena a través de distintos xogos e actividades.
Esta tecnoloxía está especialmente deseñada para nenos con dificultades na atención e concentración, na motricidad fina, na coordinación ocular, na percepción visual ou cunha discapacidade cognitiva ou de aprendizaxe.
Con todo, é unha ferramenta que tamén é moi útil para calquera outro neno para axudalos no momento de adentrarse no mundo das letras, as palabras e os números.
Se queredes probar este novo software, podedes descargar unha proba gratuíta a través da web de BJ Adaptaciones.
A Xunta de Galicia, -a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)-, a FEGAMP e os concellos de Galicia que o consideren, establecerán unha liña de colaboración para a mellora da conectividade e a dotación de recursos tecnolóxicos ao alumnado do ensino non universitario. O obxectivo deste principio de acordo que publica o Diario Oficial de Galicia -á proposta do departamento de Educación do Goberno galego no marco da última reunión da CECOP- é aproveitar as sinerxías, evitar solapamentos entre administracións e acadar a máxima cobertura do servizo no ámbito da atención educativa.
No acordo establécese que, por razóns de competencia, o Goberno galego atenderá con prioridade ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP, de acordo cos criterios de promoción e titulación. Pola súa banda, os concellos interesados en colaborar no préstamo e reparto de equipamento e conectividade de propiedade municipal daralle prioridade ao alumnado das etapas de Infantil e Primaria, de acordo coa Lei Orgánica de Educación e da normativa en materia de Réxime Local.
A maiores, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega traballarán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nun protocolo para a creación dunha base de datos de equipamentos única con destino ao alumnado non universitario, que identifique os beneficiarios e evite eventuais solapamentos nas entregas do material. Trátase tamén de actuar baixo o principio de subsidiariedade administrativa de xeito que os equipamentos locais se circunscriban principalmente a atender as demandas nas etapas de Infantil e Primaria, mentres que a Xunta de Galicia lle da prioridade a ESO, Bacharelato e FP.
Finalmente, no que atinxe á recollida ou distribución de material non informático, estableceuse que os centros educativos poderán solicitar, se fose preciso, a colaboración dos servizos de Protección Civil ou da Policía Local, para efectuar as ditas entregas.
A día de hoxe, a Xunta de Galicia está a poñer a disposición das familias 2.750 kits informáticos compostos por portátiles e conexión gratuíta a internet destinados ás familias con menos recursos que teñen escolarizados aos seus fillos en centros públicos, co fin de garantir o seguimento da actividade educativa a todos aqueles alumnos que non dispoñen de posiblidades de conexión. Trátase de recursos tecnolóxicos adicionais aos que durante o curso xa chegaban a 27.000 alumnos que xa contan con portátiles e acceso á rede a través do E-Dixgal.
Terceira entrada da "Guía para entreterte na casa con nen@s".
As TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) son as tecnoloxías que nos ofrecen a posibilidade de acceder e compartir información e que nos permiten unha maior interacción e comunicación entre as persoas; pero estas tecnoloxías van máis aló e facilítannos, entre outras moitas cousas, o entretemento. Algunhas das ferramentas máis utilizadas son: os móbiles, as tablets, Internet, as redes sociais, os videoxogos, etc.
Non debemos esquecer que este uso debe ser supervisado sempre por adultos, tentando non abusar do tempo que se lle dedica para non incorrer na promoción de malos hábitos de uso ou distraccións inapropiadas. Así mesmo, debemos ter especial coidado na exposición a riscos dixitais como o ciberacoso ou a vulnerabilidade de datos entre outros.
Aínda que, se seguimos estas consideracións previas, o uso das TIC como ocio dixital pode ser moi beneficioso, axudándonos a xerar capacidades de comunicación, fomento das relacións sociais, creación de novos hobbies e hábitos de exercicio saudable, xunto coa promoción de actividades de recreo e lecer.
A introdución da gamificación nas aulas propiciou que os xogos pasaran de ser algo lúdico a utilizarse para ensinar determinadas materias. Son numerosos os estudos que recollen o feito de que, utilizados segundo criterios pedagóxicos, os videoxogos poden achegar interesantes beneficios ao mundo da educación.
Así pois, son moitos os recursos que podemos atopar para continuar educando aos nosos fillos a través da realización de xogos en familia desde as nosas casas. A continuación facilitámosvos algunhas alternativas que vos resultarán de axuda á hora de planificar estas sesións no voso día a día:
Aínda que tamén existen alternativas que reúnen tecnoloxía e xogo, a través dunha orientación STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) sen necesidade de pantallas, sendo unha boa forma de combinar educación, curiosidade e entretemento xogando. Algúns exemplos son: as construcións mediante legos, experimentos como os de magnetismo ou a robótica.
Como diciamos ao comezo desta puiblicación, os nosos cativ@s precisan facer exercicio para manterse activos e en boa forma tanto física como mentalmente. E tamén os pais e nais para poder acadar un equilibrio saudable nesta situación de confinamento e manter un bo estado de ánimo.
Son moitas as alternativas que nos brinda Internet para poder ocupar este tempo de lecer coa planificación de rutinas deportivas ou actividades que manteñan entretida a toda a familia.
Todas elas dispoñibles a través de clases online ou videotutoriais e, incluso, en canles especializadas a través de canais como YouTube ou de aplicacións para o móbil ou tablet.
Algúns exemplos son:
Aínda que como para todo, debemos ter en conta a idade dos nen@s, posto que nos primeiros anos de vida foméntase o xogo libre e o movemento. Durante o comezo da etapa escolar prevalece a actividade que involucra a coordinación, a habilidade e o equilibrio e nos seguintes anos desenvólvense progresivamente habilidades específicas como a flexibilidade, a forza, a resistencia; momentos nos que se potencia o dominio do corpo.
A pesar de que o confinamento sexa duro, tamén pode ser unha grande oportunidade para entreterse en familia e desfrutar grazas á tecnoloxía!