O Concello de Ribeira vai apostar de cheo por dar continuidade ao importante labor formativo (formación tecnolóxico-dixital) da súa aula CeMIT, a día de hoxe, por mor do COVID-19, imposibilitada para seguir dando servizo presencial. Porén, tendo en conta as amplas posibilidades que ofrecen os actuais recursos informáticos e de telecomunicación, a aula ofrecerá á veciñanza coñecementos tecnolóxicos a distancia mentres “persista a situación”. Os contidos trasladaranse aos usuarios a través da plataforma EMA. Foi unha das medidas tratadas hoxe na Comisión Municipal de Seguimento do COVID-19 do Concello de Ribeira.
Segundo se fixo saber, serán tres os cursos que se van ofrecer á veciñanza: un de alfabetización dixital, outro de capacitación dixital e un terceiro sobre innovación social. Para poder acceder a eles abonda con estarmos dados de alta como usuarios na aula CeMIT (no caso de non estalo pódese facer cubrindo un formulario online na web do espazo de formación) e escoller o curso desexado. Calquera dúbida pódese enviar por correo electrónico.
Co fin de seguir adiante co seu labor formativo e capacitador adaptándoo plenamente ás contornas virtuais ao mesmo tempo que ofrece alternativas de lecer e adestramento para a cidadanía nestes tempos de confinamento nos fogares, a aula CeMIT do Concello de Boiro preparou novas actividades para esta primavera. En primeiro lugar vai retomar os cursos que estaban a impartir e que tiveron que suspenderse por mor do Estado de Alarma, para “despois traballar en novas propostas de programación".
O primeiro dos cursos que se retomou é o de Ofimática Divertida, no que participan un total de 20 nenos e nenas que esta semana retomaron xa a actividade formativa. Segundo informou o Concello, esta mesma semana estanse a reactivar tamén as clases do grupo de Informática Nivel Usuario no que participan 12 persoas. Respecto da fórmula empregada para dar continuidade á actividade formativa, o alumnado recibe as leccións a través do enderezo electrónico para que poidan seguir coa aprendizaxe durante o confinamento. O Concello de Boiro engadiu que os vindeiros días iranse reactivando os demais cursos que se estaban a impartir, “unha oferta formativa que se combina cos cursos de teleformación que están xa en funcionamento e que engloban actividades como Administración Electrónica, trámites electrónicos en Internet, xogos de adestramento mental, comercio electrónico, mercadotecnia en redes ou vendas no muro”. Para inscribirse nestes cursos, as persoas usuarias teñen que rexistrarse na Rede CeMIT.
Toda a oferta formativa dos cursos de teleformación pode consultarse a través da páxina web do Concello de Boiro ou directamente contactando coa Aula CeMIT.
Coa nova situación de espallamento do cadro do persoal por mor da crise sanitaria do COVID-19 é necesario coñecer as mellores solucións para manter unha correcta comunicación na distancia entre equipos de traballo
Rocket.chat é gratuíto, ilimitado e de código aberto. Substitúe o correo electrónico, HipChat & Slack coa última solución de software de chat en equipo.
WhatsApp é unha ferramenta de comunicación de uso moi frecuente entre o gran público. Convén coñecer as súas limitacións para un uso profesional ou mesmo comercial e boas prácticas, así como cales son as opcións máis indicadas para cada caso.
Un total de 11.000 empregados públicos da Administración xeral autonómica poden traballar desde a casa a día de hoxe. Nos últimos 15 días a Xunta multiplicou por dez o número destas conexións ao escritorio remoto, que permiten, tamén, o acceso as plataformas de tramitación electrónica de expedientes coas que conta a Administración autonómica.
Esta media, xunto co reforzo das infraestruturas TIC, forman parte do Plan de Continxencia Tecnolóxica que a Xunta puxo en marcha para garantir o funcionamento dos servizos dixitais e a relación telemática dos cidadáns coa Administración durante a crise do coronavirus.
Desde a entrada en vigor da situación de emerxencia sanitaria en Galicia boa parte ferramentas que posibilitan a tramitación electrónica de expedientes experimentaron un incremento de uso.
A plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que permite a consulta de documentos e certificados que xa obra en poder da Administración (DNI, títulos, certificados bancario..) incrementou nun 86% o número de consultas; as notificacións telemáticas chegaron a duplicarse respecto aos valores habituais superando as 13.000 nalgunha xornada. As plataformas para a sinatura dixital permitiron a rúbrica electrónica de máis 82.000 documentos. O volume de correos electrónicos acadou incrementos de ata o 90%.
Ademais das plataformas existentes, para facilitar o traballo non presencial a Xunta puxo a disposición dos empregados públicos outros servizos dixitais como o de videoconferencia, que permitiu más de 500 xuntanzas de traballo online durante este período, nas que participaron preto de 2000 persoas.
Cómpre lembrar que os empregados públicos continúan tendo á súa disposición os Centros de Atención ao Usuario, que ampliaron o seu horario e garanten o soporte telemático ante dúbidas ou incidencias.
Como apoio complementario a Xunta vén de publicar unha guía específica sobre o teletraballo para empregados públicos, dispoñible no portal corporativo e na intranet, na que poden atopar información sobre ferramentas, necesidades e tecnoloxías que posibilitan o traballo en remoto.
A sede electrónica e as oficinas virtuais da Xunta son, nese momento, as portas de entrada á Administración na Rede para a xestión online. A súa dispoñibilidade é clave para garantir a relación telemática dos cidadáns coa Administración e a xestión daqueles trámites abertos nese momento, como a presentación de ERTES ou a solicitude de axudas como as de comedores escolares. O uso da sede electrónica acadou nestes días incrementos no seu uso superiores ao 61%.
Para facilitar a xestión online dos cidadáns, a Xunta vén de ampliar o período de validez do sistema Chave 365 a aqueles usuarios que lles expire durante o estado de alarma e polo tempo que dure o mesmo. Ademais, exime aos usuarios da obrigatoriedade de modificar anualmente a clave de acceso. As persoas ás que lles corresponda realizar este cambio durante a vixencia do estado de alarma poderán seguir utilizando o sistema mentres se manteña esta situación.
Chave 365 é un sistema de claves concertadas a través do móbil que permite a xestión online sen ter que empregar o DNI electrónico ou os certificados dixitais.
Científicos da Universidade de Granada (UGR) puxeron en marcha o proxecto CoVidAffect, que pretende analizar o impacto da crise do coronavirus e ofrecer datos en tempo real do estado emocional da poboación, a través dunha aplicación de teléfono móbil e mentres dure o estado de alarma.
O proxecto é unha colaboración entre investigadores do Centro de Investigación Mente, Cerebro e Comportamento (CIMCYC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade de Granada. O obxectivo é coñecer en tempo real a resposta emocional da poboación fronte a novas medidas, noticias e sucesos, e detectar situacións que posiblemente requiran a mobilización de recursos para o apoio psicosocial.
Mediante unha aplicación móbil (app), deseñada especificamente para este proxecto, rexistrarase o estado emocional ao longo do día, xeraranse mapas da distribución xeográfica e a evolución temporal do estado de ánimo no territorio español, e analizaranse os datos para proporcionar índices de regulación emocional e resiliencia psicolóxica.
A aplicación móbil unicamente recollerá datos relacionados coas preguntas formuladas. En ningún momento recolleranse datos doutras aplicacións instaladas no dispositivo, datos de xeolocalización, datos de voz ou imaxes. Para protexer a privacidade dos usuarios, a información recollida sobre eles será totalmente anónima, e etiquetarase tan só cun código numérico xerado de forma aleatoria.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) e os gobernos de todo o mundo recoñecen que a crise do coronavirus e as medidas de confinamento para a súa contención están a exercer un forte impacto psicolóxico sobre a poboación.
O obxectivo do proxecto CovidAffect é achegar información sobre os aspectos máis humanitarios e psicosociais desta crise que poderían contribuír na toma de decisións por parte das autoridades competentes.
Trala chegada do COVID-19 e as medidas de seguridade implantadas polo goberno, as aulas CeMIT pecharon as súas portas e cesaron a súa actividade presencial. Sen embargo, isto non foi impedimento para continuar ofrecendo un catálogo formativo de calidade aos seus usuarios/as que teñen á súa disposición cursos e charlas online e o acompañamento virtual dos axentes TIC encargados dos centros da Rede.
O uso de novos mecanismos de contacto cos usuarios/as non só mantén activo o funcionamento da Rede senón que tamén está a enriquecer a súa formación proveéndoos de alternativas seguras para seguir adquirindo coñecementos en materia dixital.
Algúns exemplos desta nova forma de achegar a tecnoloxía á cidadanía son as aulas de A Coruña, Beariz, Betanzos, Campo Lameiro, Cerceda, Cuntis, Moaña, Pontevedra, San Sadurniño, Tomiño e Xunqueira de Ambia, que continúan ou están preparando a súa programación de actividades a través de sistemas de videoconferencia, chats, videotitoriais e, incluso, enviando contido formativo e resolvendo dúbidas a través do móbil.
Cada axente TIC está adaptando as actividades en función das capacidades dos seus usuarios/as e medios dispoñibles e nalgúns casos están a realizar formacións a través de ferramentas tecnolóxicas de software libre como Jitsi Meet, aplicación coa que fan videoconferencias, ou mesmo empregando a videochamada ou chat do Whatsapp ou o Facebook en función dos coñecementos dos alumnos/as. Tamén están a xerar o seu propio contido formativo a través da creación de blogs ou repositorios web onde ofrecer aos seus alumnos/as diferentes alternativas e recursos accesibles a través de Internet.
No caso da aula CeMIT de Cuntis, tamén está a experimentar coa impresora 3D da aula a fabricación de viseiras sinxelas por se fosen de utilidade para utilizar como protección en casos de emerxencia. E neste mesmo ámbito, tamén é salientable o labor da aula CeMIT da Molinera (Ourense) #COVID19_MakersOurense que participa de maneira activa na iniciativa nacional #coronavirusmakers, ofrecendo o seu centro e impresoras 3D. Deste xeito, actúa como lugar de coordinación de recepción e entrega de EPIS e viseiras 3D a través de Protección Civil. Así mesmo teñen habilitado un formulario de solicitude para a cidadanía, co fin de axilizar a loxística de fabricación e entrega, coa optimización de prazos para dar resposta á enorme demanda.
Para coñecer as aulas que están a desenvolver este tipo de actividades, aconséllase contactar directamente cos responsables dos centros CeMIT. En todo caso, está dispoñible a plataforma de teleformación EMA que conta cun amplo catálogo de cursos para poder continuar formándose no eido dixital sen saír da casa.
O labor dos responsables das aulas CeMIT é sen dúbida un claro exemplo do espírito colaborador e de rede.
#XuntosConseguirémolo!
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
A plataforma Faite Pequeno quere achegar o seu gran de area axudando ás familias para transformar este tempo no que nos vemos forzados a estar recluídos na casa nunha oportunidade para pasar tempo de calidade e diversión. Con este fin Faite Pequeno pon ao alcance de todos, completamente gratis e para sempre, a súa APP de xogos, na que se poden atopar entretidas e orixinais ideas para xogar e divertirse en familia.
Esta APP con máis de 60 xogos está dispoñible para a Apple Store para iOS e en Google Play para Android, e ofrece novas e creativas ideas para xogar cos nosos fillos durante estes días de confinamento. O obxectivo é conseguir tempo de calidade cos máis pequenos, grazas aos divertidos xogos que ofrece. Estes xogos en familia permiten desenvolver habilidades como a psicomotricidade, relacións en familia, coordinación, memoria e concentración, entre outras. Ademais, incorpora filtros para localizar o xogo que mellor se adapte a cada familia.
Faite Pequeno é unha iniciativa altruísta impulsada por dúas mozas emprendedoras, a escritora Olga del Ama (Dirección) e a ilustradora Elena Villar (Deseño). A idea xorde dunha iniciativa persoal: apoiar aos seus respectivos irmáns como co-educadoras de cada un dos seus sobriños. Tan en serio se tomarons este labor que o converteron neste gran proxecto, Faite Pequeno. Xogar con Faite Pequeno facilítanos reconectar co noso neno interior e sentir, relacionarnos e ver o mundo con novos ollos: os dos nenos.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentou este xoves varios recursos tecnolóxicos para dar resposta a un dos principais problemas derivados da reclusión das familias nos seus fogares motivada pola situación do Estado de Alarma: o potencial incremento dos casos de violencia de xénero no fogar. Trátase, ante todo, de dúas iniciativas online que botan man das redes sociais para chegar a todos os recantos do ámbito galego e estatal. A primeira é a campaña Estamos contigo, a violencia machista parámola unidas, que, segundo lembrou, inclúe apoio psicolóxico ás vítimas a través de WhatsApp.
“Trátase dunha iniciativa específica deseñada para previr a violencia machista durante o actual Estado de Alarma”, dixo, engadindo que vén da man da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero e a Secretaría de Estado de Igualdade e que inclúe material para locais públicos, para comunidades de veciños, para o transporte público e para as redes sociais. Losada lembrou que está plenamente operativo o 016, o número de información gratuíto, que “non deixa rexistro na factura aínda que hai que borralo da listaxe de chamadas do teléfono, e o 112 como número para emerxencias”. Ao devandito cómpre engadir os números 682916136 (como teléfono de apoio psicolóxico telefónico) e o 682508507 (como número para o mesmo fin), ao que se suma o respaldo psicolóxico a través de WhatsApp. Polo que respecta á segunda das iniciativas, trátase de propor a todos os perfís de redes sociais Facebook e Twitter que agreguen unha imaxe de portada que aclare que “non se tolera a violencia machista”, ofrecendo axuda persoal das amizades, dos responsables dos transportes públicos e máis dos locais que se adhiran á medida presentada polo delegado do Goberno en Galicia.
A Xunta comeza hoxe a distribución de 1.000 portátiles con conexións a internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos e cuxos fillos cursen Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional. Esta medida, aprobada no último Consello da Xunta, realízase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma.
Os portátiles entregaranse ás familias a través dos seus centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento. Cada centro recibirá tres equipos con conectividade, que distribuirá entre as familias atendendo á súa situación socioeconómica, priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.
A dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes, esta mesma semana, dunha plataforma de videoconferencia que xa permitiu máis de 20.000 comunicacións, nas que participaron máis de 58.000 docentes e alumnos.
Ademais, desde o pasado luns os provedores de contidos da plataforma E-Dixgal: aulaPlaneta, Edebé, Netex e Pearson, permiten o acceso ao seus contidos aos centros que non están integrados na iniciativa, unha medida da que se poden beneficiar ata 95.000 rapaces.
Por outra banda, as plataformas coas que xa contaba a comunidade educativa galega incrementaron o seu uso desde a entrada en vigor da emerxencia sanitaria en Galicia. A aplicación abalarMóbil triplicou os usuarios diarios, e fronte aos 28.000 de media antes da crise, estes días rexistráronse nalgunha xornada máis de 86.000 usuarios. AbalarMobil ofrece distintas modalidades de comunicación entre profesores, centros e familias, e nesta semana é especialmente relevante porque permite ás familias consultar as cualificacións da segunda avaliación dos seus fillos, que se está a realizar estes días en boa parte dos centros.
Tamén as Aulas Virtuais dos centros triplicaron o número de usuarios, pasando duns 18.000 de media diarios antes da emerxencia sanitaria a rexistrar máis de 58.000, triplicando tamén o uso da plataforma, que pasou de 1 millón de interaccións diarias a máis de tres millóns. Na plataforma de E- Dixgal rexistráronse incrementos de accesos diarios de entre o 90% e o 110% máis dos habituais.
Para facilitar o acceso a todos os servizos e recursos dixitais dispoñibles para toda a comunidade educativa, habilitouse un espazo no portal educativo, onde se indica como acceder a eles e manuais de uso, que se están a completar con videotitoriais.
Ademais da iniciativa de distribución de 1.000 portátiles con conexións a internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos, xa en marcha na Comunidade, o Ministerio de Educación comunicou que remitirá ás CCAA 20.000 liñas de datos de alta capacidade para estudantes de Bacharelato e de FP Media e Superior, das que Galicia recibirá 928 unidades. Segundo indica o Ministerio, a distribución fíxose atendendo á Enquisa de Condicións de Vida 2018 do Instituto Nacional de Estatística. As tarxetas están dispoñibles grazas á colaboración do operador Telefónica.
Deste xeito, o Ministerio atende á demanda feita a pasada semana por Galicia na Conferencia Sectorial para complementar a iniciativa xa posta en marcha por Galicia, poñendo á disposición das CCAA recursos de conectividade, que faciliten a actividade educativa non presencial, especialmente en territorios de elevada dispersión poboacional. Á demanda sumáronse outras comunidades como Asturias, Cantabria ou Castela e León.