main content

main content
26/03/202011:03
O equipo Somos Opopona.
Vigo

Un equipo da Universidade de Vigo clasifícase para a final de Vodafone Campus Lab cunha aplicación para asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos

Por segundo ano consecutivo, o equipo que representa á Universidade de Vigo clasifícase para a final de Vodafone Campus Lab, un programa de formación online onde estudantes de diferentes disciplinas traballan en equipo para crear solucións a retos de innovación. O grupo, formado por alumnado dos graos de enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Organización Industrial, compite cun proxecto dunha aplicación de móbil para asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos.

Baixo o nome de Somos Opopona, collendo un termo que significa camiño no idioma yoruba, o equipo da Universidade de Vigo está formado por Sergio Arcay, Andrea Busto, Pablo Cachafeiro, Marcos Cordeiro, Roi Martínez e Javier Rey, estudantes do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Alfonso Castro, alumno do Grao de Enxeñaría en Organización Industrial, da Escola de Enxeñería Industrial. Como coordinador do equipo está Manuel Caeiro, docente e investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática. Eles e elas decidiron presentarse a esta iniciativa tendo en conta como, explican, “a experiencia de traballar nun proxecto real, fóra do ámbito académico, non é algo que poidamos experimentar habitualmente”. Así, subliñan desde o equipo, o programa non só lles dá a oportunidade de “medirse cun proxecto real” senón tamén de “lanzar a nosa idea ao mercado coa axuda de Vodafone”.

Sobre o proxecto que desenvolven no marco de Vodafone Campus Lab, que nesta edición conta coa participación de 26 universidades españolas, desde Somos Opopona indican como a aplicación para móbil deseñada, chamada Optemis, pretende, empregando big data, tecnoloxías de xeolocalización en interiores e procesado de imaxe, guiar ao usuario con discapacidade visual á súa porta de embarque en aeroportos, empregando as rutas menos transitadas. Tamén, engaden, ofrece axuda para localizar a equipaxe e para atopar outros servizos dentro das instalacións. 

Metodoloxías innovadoras

Segundo explica Manuel Caeiro, o desenvolvemento do programa tivo dúas fases. Nunha primeira, que abarcou de outubro e decembro de 2019, os membros do equipo definiron o problema e propuxeron a súa idea. “Para iso seguiron principalmente a metodoloxía design thinking na que se prima a empatía coas persoas que teñen o problema para involucrarse nel, mellorar a motivación e identificar posibilidades de solucións innovadoras, tendo en conta os problemas específicos dun perfil de persoas”, detalla o titor do equipo da Universidade de Vigo. Na segunda fase, entre xaneiro e marzo o traballo centrouse principalmente no desenvolvemento dun prototipo que amosase a idea do equipo. “Para iso baseáronse na metodoloxía lean startup, que é unha metodoloxía para o desenvolvemento de ideas innovadoras”, apunta Manuel Caeiro, lembrando como para levar a cabo estas metodoloxías as e os estudantes tiveron formación no marco de Vodafone Campus Lab. 

Os membros do equipo sinalan como “esta experiencia permitiunos achegármonos a un proxecto real, nas súas fase de ideación, deseño, desenvolvemento e venta. Grazas aos coñecementos impartidos polos membros de Vodafone Campus Lab e aos expertos que nos axudaron en distintas etapas da experiencia, aprendemos como enfrontarnos a este tipo de retos, dende todos os puntos de vista necesarios”. Estas aprendizaxes, subliñan as e os estudantes, “non son individuais, senón que o esforzo colectivo de todo o equipo axudounos a pensar e traballar doutra forma, pasamos dun grupo de amigos e compañeiros a un equipo de alto rendemento preparado para afrontar retos e propor novas ideas como axentes de cambio”.

A final 

Unha vez alcanzada a final, desde Somos Opopona sinalan como chegar a ela “sempre supón unha grande inxección de autoestima e é unha recompensa ás horas de traballo que dedicamos na realización do proxecto, aínda máis cando estivemos compaxinando esta actividade coa actividade docente habitual dentro carreira”. Con este resultado, engaden, “tamén queremos inspirar e animar a toda a comunidade universitaria de cara a aventurarse na participación de novas experiencias á par das carreiras universitarias. Creemos que o feito en si de compaxinar outras formacións ou actividades durante o curso é unha experiencia enriquecedora para todos e non fai falla chegar a finalista para sacarlle proveito”. 

Na final, con data aínda por coñecer, os equipos finalistas farán unha presentación do seu proxecto, explicando en que consiste, cal é o seu fundamento técnico e o uso que fai das novas tecnoloxías das que dispón Vodafone, que efectos positivos agardan acadar na mellora da vida das persoas destinatarias e que comercialización se podería facer. “Coido que podemos mellorar o resultado do ano pasado no que finalmente quedamos en terceira posición”, indica Manuel Caeiro, lembrando como “agora xa coñecemos mellor cales son os obxectivos e os criterios do programa”. Pola súa banda, os membros do equipo da Universidade de Vigo sinalan como “de cara á final, as esixencias que nos propoñemos son elevadas” xa que, subliñan, “queremos facer saber que os enxeñeiros non só temos coñecementos técnicos dentro dos nosos sectores, senón que tamén somos capaces de xuntarnos para afrontar retos de diversa índole e así demostrar a nosa implicación e o elevado grado de calidade do noso traballo”. O xurado da final será persoal directivo de alto nivel de Vodafone e o premio para o equipo gañador será ata 10.000 euros para desenvolver o seu produto/servizo e tres meses de mentorización de profesionais de Vodafone.

26/03/202008:03
Supercomputadora IBM Summit.
Santiago de Compostela

As tecnolóxicas envórcanse para axudar na crise do COVID19

  • As principais empresas do sector tecnolóxico, reunidas na Asociación Española para a Dixitalización, lanzaron iniciativas para garantir o teletraballo ou conciliar a vida laboral e familiar, tratando de mitigar o confinamento provocado pola crise do Covid19.

Todo o ecosistema de empresas dixitais está a colaborar para que a actividade das empresas siga funcionando na medida do posible. Desde os operadores de telecomunicacións que ofreceron máis datos gratis para os seus clientes e a apertura de contidos de TV, ata fabricantes de equipamento, data centers, marketplaces, ou medios de pago electrónico.

As compañías de infraestruturas de comunicacións, como as de redes (Telefonica, Orange, Vodafone, MasMovil) e torres (Cellnex, Nokia, Ericsson, Huawei, Arca, etc) ata os servizos na nube (Cisco, VMWare, Juniper Networks, etc) ou os data centers (Interxion, Equinix, Global Swich...), están a garantir a capacidade e flexibilidade das redes neste pico de demanda que estamos a experimentar.

Pola súa banda, as consultoras e tecnolóxicas (IBM, Everis, Accenture, Deloitte, EY, HP, Fujitsu, NAE, etc) están a axudar aos seus clientes con plans de continxencia, trasladando todas as operacións que facían nas súas oficinas corporativas ás oficinas na casa dos seus empregados, e operando con VPNs para garantir o servizo a hospitais, banca, eléctricas, medios de comunicación, servizos loxísticos, etc. co fin de axudar a manter as comunicacións críticas.

Tamén se están mobilizando plataformas como InfoJobs, do grupo Adevinta, para axudar no recrutamento de persoal sanitario necesario nesta crise, así como ferramentas para favorecer o traballo en remoto.

Por exemplo, NAE ofreceuse a axudar a clientes e partners, sen custo, a implementar solucións de teletraballo. Cisco ofrece a súa plataforma de Colaboración Cisco Webex de forma gratuíta. A licenza persoal inclúe o seu uso sen restricións para reunións de ata 100 participantes e eliminouse temporalmente a restrición de 40 minutos. Ademais, en colaboración con IBM, están a ofrecer ferramentas de videoconferencia e voluntarios na Comunidade de Madrid.

Tamén a empresa VMWare achega ferramentas dixitais e programas para favorecer o traballo en remoto: Horizon Cloud con Microsoft Azure, dispoñible de forma gratuíta durante 45 días; e Workspace ONE, unha solución de xestión de mobilidade, de forma gratuíta durante 30 días.

Moitas empresas están a reforzar as súas plataformas gratuítas de educación dixital dirixidas a profesores, nenos, e profesionais, mentres que aquelas que teñen actividade de negocio en áreas sanitarias, están a poñer todos os seus esforzos para compartir a tecnoloxía cos organismos de saúde nos diferentes países onde operan.

Por exemplo, IBM está a axudar agora aos investigadores do Departamento de Enerxía dos Estados Unidos a identificar que fármacos poden desactivar o coronavirus. Ademais, a unidade de saúde desta empresa (Watson Health) puxo ao dispor dos organismos nacionais de saúde --de forma gratuíta-- a solución de desenvolvementos clínicos IBM Clinical Development, co fin de reducir o tempo e custo dos ensaios clínicos.

Pola súa banda Mastercard lanzou, xunto coa Fundación Gates e Wellcome Trust, un Acelerador Terapéutico para crear novos medicamentos que freen o Covid19. Trátase dun "mecanismo de coordinación" entre diferentes grupos de traballo de todo o mundo que están a buscar un tratamento efectivo contra o novo virus.

03/04/2020De 10:00h a 10:45h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Xestión de proxectos integrada en OdooERP teletraballando

Porque as empresas que se organizan por proxectos necesitan manter a actividade a distancia desde o teletraballo. Farase un exemplo de como poder crear e xestionar os proxectos dunha forma máis eficaz cos grupos de traballo dispersos e de forma integrada nunha aplicación de xestión integral da empresa (ERP).

24/03/202017:03
Pantallazo da web de Turismo.
Santiago de Compostela

A Xunta ofrece teleformación para profesionais do sector turístico e consellos de alimentación saudable a través do CSHG

  • O obxectivo é mellorar as competencias de xestión dixital, a comunicación e o marketing en liña dos traballadores do ámbito, así como contribuír a que a cidadanía manteña bos hábitos de alimentación
  • O primeiro dos faladoiros ‘Actividade turística en internet: xestión de datos’ celebrarase mañá ás 11:00 h. e será impartido polo experto en dereito e novas tecnoloxías Víctor Salgado

A Xunta de Galicia pon á disposición da cidadanía unha serie de accións formativas gratuítas en modalidade de teleformación para os profesionais do turismo así como consellos de alimentación a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). O obxectivo desta nova iniciativa é mellorar as competencias de xestión dixital, a comunicación e o marketing en liña do sector e manter hábitos saudables neste período de confinamento.

Por unha banda, estas accións contarán con diversos relatorios interactivos, dos que catro xa teñen data e hora, no que un especialista impartirá formación específica e, ao realizarse en directo, responderá ás cuestións dos participantes. Así mesmo, ofrecerase material informativo e documental e realizaranse actividades de avaliación e ampliación dos coñecementos.

O primeiro webinar programado terá lugar mañá mércores, ás 11:00 h. Impartido por Víctor Salgado, socio director da firma referente en Galicia sobre dereito e novas tecnoloxías Pintos & Salgado, abordará a Actividade turística en internet: xestión de datos. A duración total da actividade será de catro horas, das que ata dous corresponderán a faladoiros en directo. O programa completo de accións formativas poderá consultarse no Espazo Profesional da web de Turismo de Galicia, onde os interesados acceden ao formulario de matrícula. Terán participación prioritaria nestes faladoiros os propietarios de pequenas e medianas empresas, traballadores de bares, cafeterías, restaurantes, aloxamentos e outros establecementos hostaleiros así como outros profesionais do sector turístico.

Ademais deste relatorio virtual hai outros tres xa programados para os que tamén xa está aberta a matrícula. Trátase do impartido tamén por Víctor Salgado sobre Actividade turística en internet: dúbidas frecuentes, o luns 30 de marzo ás 11:00 h; outro sobre Como comunica unha empresa turística nunha crise, o xoves 2 de abril ás 11:00 h. a cargo de Óscar Alfeirán, do departamento de márketing do CSHG; e o último programado polo momento, tamén impartido por Óscar Alfeirán, sobre Ferramentas TIC para mellorar a comunicación.

Estes catro primeiros webinares completaranse con outros catro que se coñecerán en vindeiras datas e que difundiranse no calendario nas últimas semanas previstas neste momento de confinamento.

Esta iniciativa enmárcanse no Plan de formación do sector turístico, cuxo obxectivo é proporcionar ferramentas prácticas de xestión para dirixir un establecemento de restauración coa finalidade de incrementar a calidade dos servizos prestados a turistas e cidadáns.

Hábitos saudables co CSHG

Por outra banda, a Xunta de Galicia, en colaboración co CSHG, porá en marcha desde mañá mércores outras iniciativas que teñen como obxectivo favorecer hábitos de consumo e alimentación saudables que redunden nunha mellor calidade de vida durante as semanas de confinamento.

Deste xeito, nas vindeiras datas, as redes sociais do CSHG ofrecerán receitas saudables dos seus docentes para que os galegos poidan realizar nos seus fogares. Tratarase de pratos sinxelos que poderán contar coa colaboración dos máis pequenos, económicos, equilibrados e que contarán con produtos locais. Estas receitas irán acompañadas de consellos para comer mellor e listas da compra saudables nas que se aportarán suxestións sobre os diferentes grupos de alimentos.

Así mesmo, o equipo do CSHG responderá dúbidas de cociña que os usuarios formulen a través das súas redes sociais e estas recolleranse no web do centro para facilitar a súa consulta. Cómpre destacar o labor divulgativo do CSHG, que a través da coordinación dos diferentes departamentos que o compoñen e do seu profesorado especializado, están a ofertar, non só nestes momentos, unha información fundamental para manter uns hábitos de alimentación saudables.

 

24/03/202009:03
Pantallazos coas gráficas que xera a web.
Ourense

Investigadores da UVigo desenvolven unha web que amosa a estimación a dous días vista de casos de contaxio por Covid-19

  • A previsión ten unha fiabilidade de arredor do 95% segundo os seus responsables

O Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo ten en marcha unha páxina web na que se pode consultar a súa predición a dous días vista de casos de contaxio de Covid-19 tanto en Galicia como no conxunto de España baseándose nos datos proporcionados diariamente polo Ministerio de Sanidade. A través de sinxelos gráficos, as persoas interesadas poden coñecer cada día a evolución da cifra de persoas contaxiadas por coronavirus e a estimación da mesma para os seguintes días que fan os investigadores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

“Decidín pór en marcha esta web ante a necesidade que hai de seguir a evolución da enfermidade”, explica Humberto Michinel, catedrático da Universidade de Vigo e responsable da iniciativa. Na ferramenta habilitada, indica, “cada día publicamos a previsión da acumulación de casos de Covid-19 para os dous días seguintes e vamos axustándoa a medida que vai evolucionando”. Axustándose a esta marxe temporal, comenta o director do Grupo de Enxeñaría Física, “a previsión ten unha fiabilidade de arredor do 95%. Obviamente, unha previsión a un período maior sería menos exacta”.

Actualización diaria

Respecto á metodoloxía empregada, Humbero Michinel detalla como cada día recollen “os datos consolidados de infectados por Covid-19 ás 21.00 h (e subministrados polo Ministerio de Sanidade ás 13.00 h do día seguinte) e se procede a facer un axuste non lineal baseado na denominada curva de Gompertz, usada habitualmente como modelo sinxelo para o estudo da propagación de epidemias, entre outros temas”. Este axuste, apunta, corríxese diariamente en función da evolución dos datos oficiais e faise a nova predición a dous días vista empregando a función de Gompertz. Esta información materialízase para as e os usuarios da páxina web creada en dous gráficos de barras, un referido a Galicia e outro a España, que se publican diariamente ás 14.00 h. 

Como exemplo, a gráfica publicada o domingo 22 de marzo recolle a evolución de contaxios en Galicia e España ata a noite do 21 de marzo, 915 casos no primeiro ámbito xeográfico e 28.572 no segundo. Tamén indica as estimacións que fai o Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo para o día seguinte (1113 casos en Galicia e 33.357 casos en España) e para dous días despois (1351 e 38.445 casos respectivamente).

A idea de pór en marcha esta ferramenta, indica Humberto Michinel, xurdiu tendo en conta que unha das liñas de investigación “desde hai anos” do Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo, antes denominado Grupo de Óptica Física, “é a dinámica non lineal, que se dá en problemas moi variados, desde o estudo dos tsunamis ou as crises da bolsa ao caos ou a propagación de enfermidades, entre outros moitísimos fenómenos”. A páxina, sinala o catedrático, comezouse a desenvolver o día 17 de marzo, “cando o ministerio regularizou a publicación de informes e datos”, e “agardamos que pronto poida deixar de publicar resultados”, amosando o seu desexo de que esta crise se solucione o máis axiña e do mellor xeito posible.

24/03/202009:03
Altofalante intelixente con Google Assistant integrado.
Madrid

Google Assistant, unha das tecnoloxías máis importantes para persoas con discapacidade

Moitas veces falamos da importancia de tecnoloxía como os asistentes virtuais para as persoas con discapacidade e as persoas maiores, agora son os compañeiros de Orientatech, o proxecto da Fundación Tecsos, Cruz Vermella e a Fundación Vodafone España, os que analizaron en profundidade a accesibilidade e a experiencia de usuario de Google Assistant.

Esta análise destaca a importancia desta tecnoloxía para facilitar a interacción cos dispositivos, especialmente se utilizan o sistema operativo Android, xa que, a pesar de que Google Assistant tamén é compatible con iOS de Apple, Orientatech apunta a que a súa compatibilidade está moito máis limitada.

Os aspectos principais que destaca a análise de Orientatech son a interface sinxela de Google Assitant, que incorpore un teclado en pantalla como alternativa á introdución de texto mediante a voz e que estea dispoñible tanto para Android como iOS.

Polo lado negativo, os puntos que considera que se deberían de mellorar sería precisamente mellorar a compatibilidade coas aplicacións en iOS e a posibilidade de incorporar un menú de axustes máis visible.

Se queredes ler a análise completa realizada por Orientatech, aquí deixámosvos a ligazón.

24/03/202009:03
Impresora 3D.
Madrid

O Grupo Social ONCE súmase ao movemento "Coronavirus Maker" para fabricar útiles médicos

O Grupo Social ONCE puxo ao dispor do movemento "Coronavirus Maker" un total de 8 impresoras 3-D, así como un equipo de profesionais que deseñen produtos e impriman aqueles elementos que poidan ser de utilidade aos servizos de saúde.
 
En concreto, o Grupo Social ONCE conta en Madrid coas dúas impresoras da Sala EspacIA da Fundación ONCE, catro do Servizo Bibliográfico da ONCE e dous do Centro de Tiflotecnoloxía e Innovación da ONCE. 
 
Ademais, hai unha decena de persoas que están a traballar nos distintos grupos de traballo postos en marcha polo movemento. O perfil dos mesmos é moi variado como poden ser expertos en ergonomía, deseñadores ou enxeñeiros.
 
Nun principio, o equipo do Grupo Social ONCE uniuse á tarefa de imprimir fixacións que posteriormente se utilizan para montar pantallas protectoras. Máis adiante, cando os deseños se vaian perfeccionando e vaian sendo aprobados polos equipos sanitarios, iranse imprimindo outras pezas como partes de máscaras e respiradores. 
24/03/202008:03
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

"Corentena Women in Games", un proxecto que une videoxogos e empoderamento feminino

Women in Games é unha asociación sen ánimo de lucro que axuda e dá visibilidade ás mulleres xogadoras e desenvolvedroas de videoxogos. Unha organización activa desde 2017 que debido á situación actual coa crise do Coronavirus creou "Corentena Women in Games". Un proxecto no que se realizan un conxunto de 19 actividades relacionadas co mundo dos videoxogos, con conferencias, talleres de modelado, deseño, podcasts, videoxogos en streaming e mesmo márketing de videoxogos desde o 18 ata o 29 de marzo.

Máis de 20 mulleres profesionais dos videoxogos que se uniron para retransmitir altruistamente todas estas actividades para axudar a pasar a corentena. "É a primeira vez que se unen tantas mulleres e agrúpanse en streaming en torno ao mundo dos videoxogos por unha causa común", indica Gisela Vaquero, Presidenta de Women in Games España.

Desde Woman In Games apostan pola difusión e a visibilidade das mulleres no mundo dos videoxogos e debido a esta situación de confinamento, este grupo de mulleres propúxose a facelo máis levadío. "Todo o mundo quere poñer o seu gran de area nestes momentos tan duros para todos. Hai moita xente que non está afeita a estar na casa e non poder saír. A idea saíu para formar, entreter e axudar aos amantes e seguidores dos videoxogos", apunta Gisela Vaquero.

As contas oficiais en redes sociais de Women in Games van avisando dos horarios e as actividades. "Facilitamos a ligazón aos perfís onde cada unha das mulleres que se ofreceu a participar neste proxecto colga a súa actividade".  

Os amantes dos videoxogos, a golpe dun simple clic, van poder gozar dun abanico moi variado de posibilidades tanto de aprendizaxe como de entretemento.

Aínda que é apto para quen queira formar parte desta gran comunidade e gozar dos streaming,  descoñecen o número exacto de participación, teñen expectativas con respecto ao éxito de Corentena Women in Games. "Ao ser en aberto, non temos datos exactos de canta xente vai participar ou o está xa facendo, pero confiamos en que sen dúbida terá éxito grazas á orixinalidade do proxecto e ás facilidades que damos para acceder", sinala Gisela.

Un proxecto destas características pode achegar moitos beneficios. "Todos aqueles que se convertan en espectadores poderán gozar de infinidade de actividades, por exemplo, como modelar en 3D ou deseñar. Poden aprender moitísimo, e sobre todo, entreterse participando en partidas online e de multiplayer", afirma Gisela Vaquero

Unha das participantes deste proxecto é Rita Fortuny, produtora en Team Ugly Games: "O meu obxectivo é dar visibilidade á produción feminina no desenvolvemento dos videoxogos indies".

Ademais de reivindicar o papel da presenza feminina no mundo dos videoxogos, a intención é facer máis amena esta corentena. "O meu gran de area é axudar a ter horas efectivas e a ter un enfoque produtivo no que fagas. Vou mostrar o videoxogo que estamos a crear, explicar as técnicas de produción, e mentres tanto, xogalo en streaming", sinala.

Ademais, participa tamén Ana Bolumar, disposta a ensinar en streaming a como modelar un personaxe en 3D: "Utilizo un programa que grava a pantalla e a webcam do computador, para que á vez poidan verme a min e como vou modelando. Así podo ir resolvendo dúbidas e contestando".

"Creo que se hai alguén que non sabe que facer, e lle interesa o mundo dos videoxogos, é unha iniciativa moi positiva para pasar un bo intre e desconectar desta situación", afirma Ana.

Desde Women in Games teñen claras as claves deste proxecto. "Ten dous puntos fortes, en primeiro lugar, o empoderamento feminino no que se unen máis de 20 mulleres para xerar un evento a nivel internacional de videoxogos en castelán. E en segundo lugar, o entretemento e o labor social. Unha reacción ante un acontecemento que nos tocou vivir como é esta crise do Coronavirus", indica Gisela Vaquero, Presidenta de Women in Games España.

Está claro que o mundo dos videoxogos abre unha xanela ao entretemento e ao aprendizaxe pero lembra, desde casa, con "Corentena Women in Games".

24/03/202008:03
Prototipo do respirador automático.
Córdoba

Un enxeñeiro e graduado en Medicina na UCO idea un prototipo de respirador automático usando pezas da súa impresora 3D

  • A alta demanda de respiradores artificiais durante as últimas semanas como consecuencia da expansión do coronavirus SARS-CoV-2 disparou o enxeño e agudeza da comunidade "maker", que puxo as súas impresoras 3D a traballar para crear e imprimir todo tipo de material sanitario para axudar na emerxencia sanitaria provocada pola pandemia.

O enxeñeiro e graduado en Medicina pola Universidade de Córdoba, Manuel Jesús Cruz, ideou un prototipo de respirador automático facendo lixeiras modificacións á súa impresora 3D (unha das máis estendidas do mercado). Non se trata dunha impresión de modelos de respirador en tres dimensións, senón de adaptar a propia máquina e convertela nun ventilador artificial.

O investigador, que compartiu o exemplar, aínda en fase incipiente, nos seus perfís de redes sociais, propón programar a máquina para que simule a función dun ventilador e active o ambú, a bolsa autoinflable que proporciona osíxeno ao paciente mediante presión positiva.

Aproveitando a electrónica e os motores da impresora, a ponte horizontal da máquina baixa e exerce presión sobre o respirador artificial. "O ritmo e profundidade podería adaptarse a cada paciente mediante distintos programas de impresión", explicou o investigador.

Para ver o prototipo, visite este vídeo https://www.youtube.com/watch"v=oXiDyhe-lV8&feature=youtu.be

24/03/202008:03
MareNostrum, o maior supercomputador de España. EXPANSION.
Barcelona

Supercomputadores na loita contra o Covid-19

  • A enorme capacidade de cómputo destes equipos permite aos investigadores acelerar a procura de fármacos contra o virus e abordar complexos estudos de xenoma para entender mellor a enfermidade.

Cando pensamos nos científicos que están a buscar un tratamento para o coronavirus imaxinámonos investigadores enfundados en traxes de protección traballando en laboratorios. E é correcto. Pero hai moito máis detrás. A investigación farmacolóxica sería imposible sen o poder da supercomputación. E agora, cando se traballa contra o crono, estes grandes ordenadores convertéronse nun aliado indispensable dos científicos.

Nestas máquinas con enorme potencia de cálculo pódense facer simulacións que acurtan a semanas o prazos de investigacións que antes duraban meses. "Nós non imos curar o coronavirus, pero sen o noso labor a investigación sería moito máis lenta e complexa", resume Alfonso Valencia, director do Departamento de Ciencias da Vida do Barcelona Supercomputing Center. Aquí alóxase o MareNostrum, o maior destes computadores en España, cuxa potencia está ao servizo de varios proxectos enmarcados na batalla que se libra fronte ao coronavirus.

Seguir lendo na fonte da noticia

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS