A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da app Gohu, vén de activar unha canle de novas dirixida a empresas e autónomos a través da que poderán recibir toda a información de interese relacionada coas medidas que se están a adoptar desde a Xunta -especialmente no ámbito económico e laboral- con motivo do estado de alarma polo coronavirus.
As persoas interesadas deben descargar a aplicación desde Google Play Store ou Apple Store; crear un usuario; e introducir o enderezo postal. Deste xeito, a plataforma poderá enviar a información ao usuario e este recibila en tempo real directamente no seu teléfono móbil de xeito automático. Este servizo é totalmente gratuíto. Nestes momentos xa hai preto de 1000 usuarios rexistrados.
Con esta nova ferramenta, a Xunta busca estar máis preto dos autónomos e empresarios nestes momentos de dificultade, achegándolles información sobre as medidas das que se poden beneficiar para minimizar o impacto do coronavirus nos seus negocios. E súmase a outras medidas como a Liña Empresas posta en marcha nos últimos días: un teléfono gratuíto (900 815 600) para atender consultas sobre a tramitación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE).
Así, desde a Xunta estanse impulsando accións para permitir que o tecido empresarial galego conte cos fondos necesarios para facer fronte ao seu día a día, como a liña de financiamento a través de préstamos, o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta -a través do Igape e XesGalicia-, ou unha liña de financiamento para cubrir as necesidades de reestruturación produtiva e poder fabricar material sanitario. No eido da prevención, tamén se elaborou unha guía con especial atención aos traballadores, que foi editada polo Issga coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia e os principais sindicatos.
O Concello de Santiago activou unha campaña nas redes para agrupar todo tipo de propostas de actividades culturais e sociais nas que se participar de cheo, grazas ás novas ferramentas dixitais, en tempos de reclusión e restricións por mor do COVID-19. Baixo o cancelo #Compostelaquedanacasa, o Goberno local ofrece á veciñanza unha chea de recursos docentes, culturais e deportivos que se están a por a disposición das familias e dos nenos e nenas para que, nas súas palabras, “o tempo de confinamento se converta en tempo de ocio”.
A longa listaxe de propostas comeza cos recursos do Departamento de Lingua do Concello de Santiago, e prosegue con, entre outras actividades, Atopando Compostela, un xogo en liña para coñecer a riqueza que encerran os nomes de lugar mentres nos movemos virtualmente polo municipio compostelán.
A listaxe tamén inclúe outras importantes actividades como Conto Viaxeiro (libros dixitais escritos e ilustrados colectivamente dende as aulas dos centros de Santiago, historias en vídeo e máis propostas para facer na casa con nenos e nenas de Primaria), Enreguéifate (unha proposta para a mocidade que ten o obxectivo de encher a Rede de regueifas e, ao mesmo tempo, preparar algunha para a convocatoria do certame deste ano), Youtubeir@s (vídeos nosos para encher de creatividade audiovisual galega as redes sociais) e Apego (recursos de todo tipo para as parellas que están agardando un bebé, entre os que atoparemos información sobre o ben que lles fai falarlles en galego aos nenas e nenos dende idades temperás).
Pola súa banda, o Departamento de Mocidade, a través dos seus perfís oficiais en redes sociais e os perfís do Centro Xove da Almáciga lanzou a iniciativa #CompostelaCreanaCasa para animar á mocidade creativa de Santiago a compartillar o seu talento creativo con vocación “lúdica e formativa”. Esta actividade xa acadou máis dunha decena de participacións. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Concellería de Mocidade en Facebook , Twitter ou Instagram e enviar o seu vídeo a través de sistemas para compartir contidos como WeTransfer, Dropbox ou Google Drive.
Un total de trinta persoas con discapacidade de Madrid, Barcelona e Valencia comezaron a segunda fase do curso 'Programación para Non Programadores', que se leva a cabo dentro da iniciativa Por Talento Dixital da Fundación ONCE, coa colaboración de Inserta Empleo e o provedor da formación, OPINNO.
O curso de programación web comezou o pasado mes de decembro con medio cento de alumnos. Esta segunda fase, que debía ser presencial en cada unha das tres sedes, reconverteuse á modalidade online dada a situación de Estado de Alarma decretada en España polo coronavirus.
O programa formativo consta de dúas fases. A primeira, que xa finalizou, contou co cofinanciamento da Fundación Vodafone España, e durante as súas 250 horas serviu para fixar os conceptos e tecnoloxías básicas de programación, a través de linguaxes como C# ou Java.
A segunda fase, que comeza agora, é unha formación especializada de 550 horas en programación web, front e backend, onde os alumnos aprenderán fundamentos web baseados en estándares como Javascript, CSS, HTML, Angular ou next js.
Para esta nova modalidade online está a utilizarse a plataforma Discord (que permite crear grupos de traballo, aulas, etc.) así como a extensión Visual Studio Code para compartir o código de desenvolvemento. Foi necesario implementar algunhas adaptacións de accesibilidade para asegurar o acceso en igualdade de condicións a todo o alumnado neste novo formato. Por exemplo, para unha alumna con discapacidade auditiva na sede de Madrid incorporouse unha ferramenta de subtitulado automático que permite seguir as explicacións do profesor. Ademais, para outro alumno xordo signante de Barcelona dispúxose unha ferramenta para que poida contar coa intérprete de lingua de signos en remoto.
As clases finalizarán o próximo mes de outubro e nelas, ademais da formación teórica, tamén se previu a realización de prácticas en empresas. Neste sentido desde a Fundación ONCE queremos facer un chamamento ás empresas que queiran sumarse ao Programa Por Talento Dixital, para aproveitar esta oportunidade de incorporar diversidade aos seus equipos con profesionais con discapacidade con esta formación especializada (contactar a portalentodigital@fundaciononce.es). Algunhas empresas que xa o fixeron anteriormente con outros cursos do Programa son Fundación Mapfre, ILUNION, Altran ou Accenture, entre outras.
Desta maneira, a pesar das restricións impostas polo Estado de Alarma, a Fundación ONCE continúa impulsando a formación en competencias dixitais e profesións tecnolóxicas adaptándose ás novas circunstancias. Este esforzo tamén se realizou na rede de servizos de emprego a persoas con discapacidade demandantes de emprego e a empresas a través de www.portalento.es.
Ante a crise xerada polo COVID-19 e a importancia que ten a ciberseguridade nestes momentos, o Centro Criptolóxico Nacional continúa coa súa campaña de concienciación e formación na materia.
O CCN desenvolveu un novo curso online sobre principios e recomendacións básicas en ciberseguridade, cunha duración de 10 horas, ao que poderá inscribirse todo aquel usuario que estea interesado en adquirir coñecementos básicos sobre ciberseguridade. O curso tamén estará dispoñible na parte privada do portal, para que os usuarios rexistrados na web do CCN-CERT, que accedan a esta formación, poidan recibir un certificado de finalización do curso.
Para conformar o programa deste curso, utilizouse como base a información xa desevolvida no Informe de Boas Prácticas CCN-CERT BP/01 Principios e recomendacións básicas en ciberseguridade, dispoñible para a súa consulta na parte pública do portal do CCN-CERT, e afóndase nalgúns temas como, por exemplo, o que desenvolve as ameazas do ciberespazo. Nesta formación, na que se recollen tamén as medidas fundamentais para manter a seguridade nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), trátanse os seguintes aspectos:
Ademais, a formación inclúe como material de apoio algunhas das principais Guías CCN-STIC coas que ampliar o contido e afondar nalgún dos temas impartidos.
Este novo curso súmase a outras iniciativas impulsadas polo CCN-CERT en materia de concienciación e formación, como a publciación dunha serie de recomendacións ante as campañas de malware (CiberCOVID19), tanto de phishing como de desinformación ou prevención de incidentes, ou o fío creado en Twitter baixo os hashtag: #NoTeinfectesConElMail e #CiberCOVID19 que vai actualizando a medida que aparecen novas campañas aproveitando a crise do coronavirus.
Así mesmo, e conscientes da vulnerabilidade que pode chegar a representar a xeneralización do teletraballo, o CCN-CERT tamén publicou un Informe de Boas Prácticas baixo o título de: CCN-CERT BP/18 Recomendacións de Seguridade para situacións de teletraballo. Reforzo en vixilancia.
Nel, e dado que numerosas organizacións, públicas e privadas, tiveron que implantar nun tempo moi reducido solucións de teletraballo, faise especial incidencia nos seguintes aspectos: acceso remoto seguro, correo electrónico, videoconferencias e reunións virtuais, vixilancia, recomendacións xenéricas e medidas de prevención de incidentes.
É unha das apps para facer videochamadas do momento en varios países. Hai unha semana, segundo datos da plataforma Sensor Tower, Houseparty era a aplicación máis descargada en Portugal e España, e situábase entre as favoritas en Perú, Arxentina, Chile, Austria, Bélxica e Reino Unido.
Existe desde 2016. Con todo, en corentena preséntase como unha opción diferente para encontros virtuais. Non se trata de meras reunións que poderían facerse en Zoom, senón que a plataforma inclúe xogos. Por iso, sitúase como unha das apps favoritas da xeración centennial (a partir de 1995) en corentena.
Houseparty naceu fai catro anos en San Francisco, California. O seu creador, Ben Rubin, tamén desenvolveu a app de videochamadas Meerkat (que xa non existe). En xuño de 2019, a app uniuse a Epic Games, a empresa desenvolvedora de videoxogos detrás de Fortnite.
A aplicación dispoñible de forma gratuíta para MacOS, Chrome, IOS e Android, permite realizar videochamadas de ata oito participantes. O seu diferencial é que ten xogos similares ao Quen é Quen ou Pictionary. Mentres toma lugar a videoconferencia, hai unha icona de dados na pantalla que, ao tocalo, desprende os xogos.
Primeira entrada da Guía para o teletraballo da cidadanía.
A situación actual de alerta sanitaria fixo que moitos galegos e galegas esteamos abordando o teletraballo por primeira vez, polo que hoxe gustaríanos falar de que é o teletraballo e o que precisamos para desenvolver a nosa actividade profesional desde as nosas casas.
Pois ben, a pesar de que non existe unha definición única de teletraballo, algúns dos aspectos comúns das diversas definicións son os seguintes:
É unha forma de organizar o traballo, e supón unha “nova forma de traballo”
A actividade profesional lévase a cabo sen estar fisicamente na empresa, “a distancia”
É preciso o uso das tecnoloxías da información e a comunicación e garantir a seguridade
Require compatibilizar a vida laboral e familiar, e un equilibrio entre a flexibilidade, a produtividade e a competitividade.
Tendo en conta todas estas características do teletraballo, a continuación identificaremos os elementos necesarios para garantir un bo teletraballo:
En primeiro lugar, será preciso preparar o espazo de traballo: un fogar non sempre está preparado para ser un lugar de traballo, por iso será imprescindible realizar unha serie de modificacións e tomar unha serie de medidas que eviten calquera tipo de risco:
Habilitar unha zona illada na vivenda: con suficiente espazo para conter o equipo e o material de traballo de maneira que ese espazo se dedique exclusivamente ao teletraballo. Sería conveniente que dispuxera de luz natural, e que o ruído, tanto externo como da casa fose o menor posible.
Ordenar o espazo da habitación para evitar caídas e golpes: desta maneira evitaranse accidentes innecesarios.
Igualmente como medida preventiva, é importante contar cun bo deseño do posto de traballo, tendo en conta as características do mobiliario e dos accesorios:
A mesa deberá contar con espazo suficiente para colocar a pantalla, o teclado, os documentos e o material accesorio, ademais debe ser regulable en altura. Os útiles de traballo deberán distribuirse, dependendo da frecuencia de uso, non máis lonxe de 35-45 cm.
A cadeira deberá ser estable e proporcionar liberdade de movementos, sendo regulable en altura e reclinable o respaldo, tamén deberá permitir a correcta transpiración tanto no asento como no respaldo e contar con apoia brazos, que reduzan a carga muscular na zona do pescozo e ombreiros e que permite máis facilmente o cambio de postura. O sistema mesa-cadeira debe permitir un espazo suficiente para aloxar as pernas con comodidade e permitir o cambio de postura.
O teclado deberá ser inclinable e independente da pantalla para permitir adoptar unha postura cómoda que evite o cansazo nos brazos e as mans e será preciso colocalo cun espazo suficiente para apoiar os brazos e as mans.
O atril, para evitar movementos incómodos da cabeza é convinte utilizar un atril estable e regulable.
O repousapés, recoméndase a súa utilización especialmente cando non se apoien ben os pés no chan e deberá ter unha superficie antiescorregadiza tanto na zona superior como nos seus apoios no chan.
Un bo traballo comeza por un espazo adecuado onde sentirnos cómodos e que favoreza a concentración. E non esquezas manter sempre unha boa posición! A continuación indicámosche algunas medidas de referencia para que as teñas en conta:

Por outra banda, necesitaremos unha conexión a Internet que conte cunha velocidade adecuada e suficiente para garantir o desenvolvemento das tarefas diarias e unha serie de ferramentas que nos permitan realizar o traballo e manter o contacto cos nosos equipos, provedores e clientes. Concretamente estas ferramentas orientaríanse a garantir a comunicación cos diferentes axentes, para organizar o traballo, así como para realizar as tarefas de xeito colaborativo e o acceso a formación entre outros. Sobre este tema realizaremos un post específico para propoñervos solucións de software libre que podería empregar calquera empresa, entidade ou organización que non conte con ferramentas propias.
Sabemos que o teletraballo non está sendo sinxelo dada a situación na que nos atopamos polo que proximamente achegarémosvos algunhas recomendacións e tamén falaremos de seguridade durante as xornadas de teletraballo.
Vodafone e Fundación Vodafone España reforzan a súa alianza con Cruz Vermella sumándose ao Plan Cruz Vermella RESPONDE, e fano nun ámbito no que xa colaboraban desde hai anos, a Educación.
Tras a declaración do Estado de Alarma e o peche de escolas e centros educativos, máis de 8 millóns de nenos e nenas no país quedaron en moitos casos sen acceso a educación ou apoio educativo. Por iso, Cruz Vermella Mocidade puxo en marcha a modalidade tele-presencial do programa de Promoción do Éxito Escolar, para que as nenas e nenos en situación de vulnerabilidade reciban un apoio por videoconferencia nas materias académicas desde as súas casas, garantindo desta forma unha maior equidade de oportunidades a nivel educativo.
Vodafone achegará de maneira gratuíta a conexión de datos necesaria para que os nenos e nenas de 8.500 familias poidan seguir conectados desde as súas casas ao programa. Ademais, a Fundación Vodafone ampliou os contidos de DigiCraft no formato on-line para que os nenos e nenas poidan seguir desenvolvendo as súas competencias dixitais a través do xogo e dunha maneira máis creativa.
Este reforzo contribuirá a evitar o illamento ao que se están vendo sometidos moitos nenos e nenas do noso país, así como facilitar o que poidan manter o contacto cos seus titores e persoas de referencia, tan importantes nestes momentos, contribuíndo á diminución da fenda dixital.
O labor da Cruz Vermella coa infancia e as familias en dificultade social está enfocada a responder as situacións que xeran vulnerabilidade e alcanzan anualmente a máis de 326.000 nenos, nenas e adolescentes que reciben o apoio da organización no ámbito educativo, social e de lecer, desde programas específicos da Cruz Vermella para atender as necesidades da infancia e as familias en dificultade social e desde o programa de intervención e inclusión social da Cruz Vermella Mocidade.
A Cruz Vermella Mocidade mantén un compromiso continuado coa infancia e a mocidade e atende anualmente a máis de 700.000 nenos, nenas, mozos e mozas co apoio de máis de 12.800 persoas voluntarias.
O Programa de Promoción do Éxito Escolar, promovido pola Cruz Vermella Mocidade, ofrece novas formas de entender as materias a máis de 12.500 nenos e nenas en 345 centros de todo o país en situación de vulnerabilidade.
O Plan Cruz Vermella RESPONDE fronte ao COVID-19 para as persoas en situación de vulnerabilidade e a poboación xeral, en coordinación con todas as administracións públicas, define as liñas de actuación e resposta para os próximos dous meses e pretende alcanzar a máis de 1.350.000 persoas, cun orzamento estimado de 11.000.000 €.
Case un millón de persoas recibirán atención e acompañamento telefónico, 25.000 familias recibirán bens básicos, 16.000 persoas serán apoiadas en materia de emprego e 3.000 persoas sen fogar terán un lugar para durmir.
Un completo reforzo dos mecanismos da Cruz Vermella en Emerxencias, Saúde e Inclusión Social, que ofrece unha resposta integral en todas as súas áreas de Actuación : Socorros, Inclusión Social, Emprego, Saúde, Educación e Medio Ambiente.
Este plan xa se está materializando grazas aos recursos propios da organización, contribucións da Administración Pública, empresas e particulares, e máis de 8.000 novas persoas que se ofreceron como voluntarias ata a data.
A Cruz Vermella representa o maior movemento humanitario, cidadán e independente do mundo que leva 155 anos colaborando con entidades públicas e privadas para que a humanidade e a dignidade chegue a todas as persoas en calquera lugar e en todo momento e circunstancias. Desde o comezo da crise do COVID-19, a Cruz Vermella está a actuar en todos os países do mundo afectados, representando a maior mobilización de recursos, capacidades e persoas na súa historia en favor das persoas máis vulnerables a poboación xeral.
En España, a Cruz Vermella conta con máis de 200.000 persoas voluntarias e máis de 1.400 puntos de atención en todo o territorio, que permiten atender anualmente a máis de 4 millóns de persoas a nivel nacional, das que máis de 1,7 millóns son atendidas desde programas sociais. Co apoio de 1.360.000 socios, empresas e aliados.
A Cruz Vermella Española pertence ao Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Medialúa Vermella presente en 192 países. Actuando sempre baixo os seus sete Principios Fundamentais: Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade.
Os momentos que estamos a vivir coa crise provocada polo coronavirus están a producir unha gran cantidade de iniciativas solidarias por parte da cidadanía española. A semana pasada contamos en SINC os detalles dun proxecto para desenvolver respiradores de baixo custo. E agora acaba de lanzarse un mapa en liña que busca tender unha ponte entre persoas con necesidades debidas ás medidas de confinamento e voluntarios, institucións e comercios que poidan solucionalas.
Este novo proxecto está a ser coordinado pola organización cidadá contra o coronavirus Frea a curva e conta co apoio tecnolóxico de Kaleidos. Segundo comenta a SINC Pablo Ruiz Múzquiz, CEO e cofundador desta empresa de software, "tan só 48 horas despois de ser lanzado rexistráronse 25.000 visitas e 1.000 puntos de atención".
"En Kaleidos encargarémonos da tecnoloxía da plataforma e do seu financiamento. Tamén axudaremos coa difusión. Pola súa banda, Frea a curva ocuparase de coordinar o equipo de voluntarios que moderarán todas as peticións e que se coordinarán con iniciativas de voluntariado ou apoio veciñal xa existente", detalla Ruiz Múzquiz.
A través do mapa pódense anunciar ofertas e peticións de axuda, "potenciando así a acción veciñal para chegar a persoas sen acceso a móbil ou computador", di este directivo.
"Estou de baixa por coronavirus, vivo soa e non podo saír, necesito que alguén me faga a compra semanal e de farmacia ", di unha das peticións. En canto aos ofrecementos dos voluntarios, van desde os que mostran a súa dispoñibilidade para ir ao supermercado, coidar nenos ou simplemente conversar.
Ao mapa en liña pódese acceder a través de calquera navegador ou dunha app. Mediante un sinxelo formulario, pódense subir, de forma anónima, peticións ou ofrecementos de axuda.
Ademais, tamén se inclúe información sobre servizos públicos dispoñibles, como mercados ou farmacias con horarios modificados, clínicas veterinarias abertas, centros sociais que ofrezan comidas, estacións con aseo para transportistas, etc.
Outros servizos que se están engadindo son os os bancos de alimentos, "algo que nos próximos días pode ser moi importante", a posibilidade de asistencia domiciliaria a persoas maiores dos concellos, os centros de atención para mulleres, os servizos de asesoramento psicolóxicos, etc.
Con obxecto de chegar ás persoas que precisen axuda, pero non teñen acceso á tecnoloxía, a plataforma vai impulsar a figura do intermediario, é dicir, voluntarios que dunha maneira proactiva, localizan a estas persoas.
Para iso, danse varias ideas: desde chamar ao presidente da comunidade para "mapear" un edificio, a colgar unha mensaxe desde a xanela. Os intermediarios tamén poden ser familiares con persoas dependentes noutras provincias, persoas de colectivos de risco ou en corentena que non poidan saír, pero se poden facer outros labores como chamar por teléfono a veciños con necesidades ou avisar da existencia de persoas vulnerables.
En Frea a Curva Maps ademais do mapa, hai un curso para os moderadores voluntarios, pautas sobre como usar esta ferramenta e varias recomendacións para maximizar a seguridade dos usuarios.
Tras o éxito obtido nas primeiras horas, "o equipo de moderadores está a traballar para asegurarse de que todos os puntos que aparecen no mapa cumpren cos requisitos de seguridade". Por exemplo, explica Ruiz Múzquiz, "non se dá información específica de direccións de domicilios".
O CEO sinala que, inicialmente viron como "foron aparecendo centos de chinchetas verdes, que é a cor que representa o ofrecemento de axuda, pero agora están a empezar a xurdir as vermellas e laranxas, que corresponden a peticións de axuda. A clave agora é organizarnos para facilitar a comunicación e facer partícipes ás ONG e asociacións con experiencia asistencial", recalca.
Adicionalmente, os impulsores do proxecto están a ter reunións con institucións de países de Latinoamérica que queren replicar a iniciativa. "Estamos axudándoos para que lles resulte fácil clonar a plataforma para os seus países e que así poidan aproveitar a vantaxe dunha semana de antelación, que, nesta crise, sabemos que é moi benvida", destaca.
A plataforma é facilmente replicable e exportable a outros países, cun custo baixo de mantemento, grazas a que está baseada en ferramentas de software libre. Espérase que países como Colombia, México, Costa Rica, Arxentina e outros países lancen tamén os seus propios mapas en breve.
A tecnoloxía na que está baseado o mapa en liña de colaboración e axuda cidadá baséase na plataforma Ushahidi, unha ferramenta open source pensada para mapear información vital en zonas de catástrofe. Esta aplicación utilizouse con éxito en varias crises humanitarias, como despois do terremoto de Haití ou o de Chile (ambos en 2010). A información visualízase cargando mapas de OpenStreetMap. As peticións que se soben son revisadas por moderadores voluntarios antes de que aparezan no mapa.
O CEO comenta que nos últimos días entraron en contacto con distintas iniciativas que querían axudar e están a coordinar esforzos, "así que esperamos ver moitísimos máis puntos no mapa pronto".
Doutra banda, Kaleidos, cuxa política empresarial é xerar un impacto positivo na sociedade con tecnoloxías libres, anunciou en SINC hai unhas semanas o desenvolvemento dunha "app" para vixiar as casas de apostas con colaboración cidadá.
Todo o labor de recompilación de datos a pé de rúa quedou interrompida. "Conxelamos a beta de BetOver. Non queremos animarvos a mapear as rúas, senón a quedarvos na casa. Entre todos podemos #FrenarACurva. Mentres, seguiremos traballando na app desde casa", din na súa conta de Twitter.