main content

main content
16/03/202007:03
Pantallazo da web do Sergas.
Santiago de Compostela

O SERGAS ofrece información sobre o coronavirus vía web

Dende a Consellaría de Sanidade están a facer un chamamento á cidadanía para que utilice de xeito responsable o teléfono de balde 900 400 116 como número exclusivo de atención a todas as consultas relacionados co coronavirus, o que inclúe tanto as solicitudes de información como as consultas das persoas que teñan síntomas leves e que estiveran nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus. Para información xeral queremos lembrar que o SERGAS creou un apartado na súa páxina web no que recollen toda a información e as novas máis relevantes sobre o COVID-19, polo que aproveitar este recurso é o xeito máis responsable de informarse sen saturar as liñas de atención telefónica.

A Consellaría de Sanidade está a reforzar o número de liñas telefónicas destinadas ao 900 400 116 aumentando dende as 40 liñas coas que conta actualmente até as 100, así como tamén incrementaron o persoal de operación telefónica e o número de médicos da Central de Coordinación, favorecendo así unha mellor atención remota, xa que non podemos esquecer que ante as sospeitas dunha infección por coronavirus non debemos acudir a un centro de saúde ou hospital, xa que poderiamos propagar a enfermidade entre poboación de risco.

O número de teléfono 900 400 116 activouse para evitar que o 061 non poida cumprir a súa función primordial, que é a de atender ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia.

10/03/202014:03
Logo de E-Dixgal.
Santiago de Compostela

A Xunta licita novos contidos para os tres vindeiros cursos en E-Dixgal

  • Cun orzamento previsto de 2 millóns de euros o contrato, publicado hoxe, proporcionará dúas alternativas de contidos curriculares completos de 5ª de Primaria a 2º da ESO
  • Para o vindeiro curso está previsto incrementar en 75 os centros educativos incorporados ao libro dixital e superar os 32.000 alumnos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de licitar a contratación de novos contidos curriculares para a iniciativa do libro dixital, E-Dixgal, enmarcada no Proxecto Abalar. Os pregos publicados hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia, recollen unha dotación de ata 2 millóns de euros para prover dúas alternativas de contidos curriculares completos dos cursos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, para os tres vindeiros anos. 
 
Actualmente, os provedores destes contidos son Netex e Edebé, cuxo contrato remata a finais deste curso 2019/20, ademais de Pearson para os contidos da materia de Inglés e aulaPlaneta, ambos dispoñibles ata 2023.
 

Máis de 32.000 alumnos en E-Dixgal o vindeiro curso

A evolución de Abalar coa implantación da plataforma do libro dixital E-Dixgal permitiu que, a día de hoxe, 27.000 alumnos de 347 centros estuden con contidos dixitais.
 
Tras a convocatoria para adhesión de novos centros, publicada o pasado 20 de febreiro pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a previsión é incrementar en 75 os centros incorporados á iniciativa e superar os 32.000 alumnos estudando con libro dixital.
 

Máis contidos dixitais

Ademais dos contidos curriculares, a plataforma do libro dixital enriquécese cos contidos do repositorio Abalar, con máis de 3.500 recursos dispoñibles en 7 idiomas e cos da iniciativa Dixit, unha das últimas liñas da iniciativa do libro dixital, que une a creatividade do profesorado coas últimas tecnoloxías coa colaboración do ecosistema dixital. O vindeiro curso incrementaranse os contidos Dixit, que xa está a producir recursos innovadores para as materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeología, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Física e Química e Idiomas. 
 

Aplicacións, redes sociais e soporte

A aplicación abalarMóbil, que facilita a relación entre familias, profesorado e centros conta xa con máis de 197.000 usuarios rexistrados e preto de 400.000 descargas desde a súa posta en marcha. O profesorado conta tamén cunha rede profesional, Redeiras, na que máis de 11.000 docentes comparte un espazo de comunicación e colaboración para intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades e iniciativas.
 
Un dos últimos servizos incorporados á iniciativa E-Dixgal foi o Soporte Premium 24x7 para familias, alumnos, centros e profesorado que poden resolver calquera incidencia ou dúbida a través de diferentes canles (teléfono, e-mail, canles de mensaxería, técnicos in-situ, e a través dunha rede de 69 puntos físicos).
10/03/202008:03
Cartel da iniciativa.
Ames

A aula CeMIT de Ames achega en marzo e abril unha ducia de novas accións formativas

aula CeMIT de Ames presentou este luns a súa programación para este primeiro treito da primavera, os meses de marzo e abril, nos que se desenvolverá unha ducia de novos cursos sobre outras tantas vertentes tecnolóxico-dixitais ao servizo da cidadanía. Dentro da axenda de marzo, cómpre salientar un ciclo de introdución ao uso do computador, cuxo obxectivo é achegar á poboación adulta local ao uso deste equipamento “dende unha perspectiva ampla e introdutoria”.

O ciclo está composto por: un curso de iniciación á informática que se desenvolverá do 10 ao 18 de marzo (as prazas xa se encontran cubertas), un curso de iniciación a Internet do 24 de marzo ao 2 de abril, e outro de iniciación ás redes sociais do 14 ao 16 de abril. Outro dos ciclos que se seguirán desenvolvendo é o de ofimática, destinado a introducir á veciñanza nos usos e posibilidades da suite de LibreOffice. Este ciclo, se ben comezou en febreiro, seguirá ao longo destes meses coa posibilidade de poder presentarse aos exames CODIX. O primeiro dos cursos que se desenvolverá nese ciclo no mes de marzo é Follas de cálculo con LibreOffice Calc I, o cal xa conta coas prazas cubertas. Esta actividade formativa verase complementada con outra que se desenvolverá a finais de mes, Follas de cálculo con LibreOffice Calc II, e que tamén ten as prazas cubertas. Xa no mes de abril, comezarase con Presentacións con LibreOffice Impress, un curso centrado en entender a creación de presentacións. Está programado do 14 ao 17 de abril.

Actividades para adultos do mes de abril

Durante o mes de abril desenvolveranse dúas citas formativas para adultos: Aprende a manexar o teu teléfono móbil Administración Electrónica: introdución as súas posibilidades. O primeiro deles é un curso de iniciación para aprender a sacarlle partido ao teléfono móbil, mentres que o segundo é un curso adicado ao descubrimento e familiarización coa Administración Electrónica.

Cursos para menores e obradoiros de Semana Santa

Con motivo das vacacións de Semana Santa, a Aula CeMIT ten programados para eses días tres obradoiros lúdicos e educativos para que a rapazada, en palabras do Concello, “aprenda cousas novas mentres está entretida”. O primeiro deles é Aprende a dominar o rato e o teclado, que está destinado a nenos de 8 anos e se desenvolverá durante a mañá do luns 6 de abril en horario de 10.00 a 12.00 horas.

O segundo obradoiro programado é Programación con Scratch, o martes 7 de abril para nenos/as de 8 a 10 anos e o mércores 8 para nenos/as de 10 a 12 anos. Ambos os dous tamén son en horario de 10.00 a 12.00 horas.
E xa fóra da programación de Semana Santa, do 13 ao 28 de abril, en horario de luns e mércores de 18.15 a 19.45 horas terá lugar un curso de informática para rapaces.

Videoconferencias

Nestes meses hai organizadas varias videoconferencias por FEGAUS que xirarán en torno ao turismo e o teléfono móbil. Desenvolveranse, en horario de 10.30 a 11.30 horas, Descobre a rede de actividades de lecer na túa cidade sen gastarte unha fortuna o venres 13 de marzo, Reserva as túas viaxes e actividades de ocio a través de Internet o luns 23 de marzo, Turismo cultural para vivir novas experiencias o venres 3 de abril, Funcionamento básico de dispositivos móbiles o venres 7 de abril e Configura o teu móbil o teu gusto o venres 24 de abril.

10/03/202007:03
Cartel da iniciativa.
A Coruña

Chega unha nova edición dos Coruña Hacks, máis intensos e con premios

As comunidades técnicas GPUL, Coruña Developers e Árticos, todas elas con base de operacións na Coruña, celebran unha nova edición de Coruña Hacks este mes de marzo. A xuntanza será un laboratorio de experimentación coa forma de tres hackathons, a desenvolver o terceiro sábado de marzo, abril e maio.

Segundo informa Coruña Dixital, a iniciativa do Concello para propiciar e fortalecer o importante labor das comunidades abertas locais, nas tres xornadas de traballo organizaranse equipos para desenvolver proxectos baseados nas tecnoloxías libres.
No primeiro hackathon poranse en común as ideas das que sairán, mediante votación, as propostas nas que se traballará nas seguintes citas, e crearanse os equipos que farán evolucionar estes prototipos. No segundo farase que os proxectos collan impulso e forma (comezarán a verse os resultados finais) e no terceiro e último (o día máis intenso) presentarase cada contribución nos seus detalles, as mellores das cales obterán o seu recoñecemento.

“A nosa idea”, informan dende GPUL, “era darlle aos Coruña Hacks deste ano un algo máis de emoción, e durante tres sábados traballaremos en equipos para dar forma aos proxectos libres que competirán por ser o mellor ao remate das xornadas”. O obxectivo, engaden, “é crear un espazo de traballo periódico no que evolucionar os nosos proxectos a modo de hackathon recorrente no tempo pero sempre cun obxectivo claro, poñer o prototipo a funcionar antes do terceiro evento”.

10/03/202007:03
Mozos xogando nuns simuladores de conducción.
Ourense

Ourense convértese en abril, da man da ICC Week, na capital dos eSports

A Ourense ICC Week que organiza un ano máis a Deputación de Ourense, co obxectivo de achegarnos unha primavera ateigada de creatividade e innovación tecnolóxica, vai converter a cidade das Burgas na capital galega, estatal e mundial dos deportes en liña, os eSports. O obxectivo da ICC eSports 2020 (a vertente da Semana das Industriais Culturais e Creativas máis directamente envorcada no lecer dixital), que inclúe unha manchea de competicións, demostracións e torneos, é “ser un punto de encontro da comunidade gamer galega”.

Celebrarase entre o 3 e o 5 de abril e xuntará expertos na materia e, por suposto, unha nutrida comunidade de seareiros do lecer electrónico para, en palabras da Deputación, “gozaren coa experiencia única das competicións en directo”. Os protagonistas serán os cinco videoxogos máis exitosos na actualidade: FortniteFIFA e a super-competición de equipos de MundoGT con Gran Turismo SportF1 Codemasters e DiRT Rally 2.0. Así, ao abeiro da ICC eSports de Ourense daranse cita os mellores pilotos e equipos profesionais do panorama Simracing. Estas competicións serán ademais emitidas na canle de YouTube Movistar eSports.

Abertas as inscricións

Os certames de ICC eSports de Ourense desenvolveranse do 3 ao 5 de abril no Salón Nobel do Liceo de Ourense. A entrada é de balde para ver as competicións. A inscrición para participar nos diferentes torneos programados de Fortninet, FIFA e MundoGT xa está aberta, na páxina web da ICC Week https://ourenseiccweek.com/gl/e-sports/ desde o 2 de marzo ata completar as prazas.

O festival abrirá as súas portas coa charla de Erea Carbajales, licenciada en Etnomusicoloxía, que aportará a súa reflexión sobre A evolución da música nos videoxogos, un relatorio de entrada gratuíta, que se celebrará o venres 3 ás 12.00 horas no Liceo de Ourense.

Os mellores de Mundo GT en Ourense

MundoGT celebra o seu décimo aniversario en 2020 e traerá ao ourensán ICC eSports a fase final de dúas das súas competicións máis importantes: a SuperCompetición de Escudarías Gran Turismo Sport, a F1 2019 e o Rally DiRT 2.0. Nestas competicións participarán 20 equipos profesionais, nunha primeira fase en liña. Desta fase sairán os participantes das finais presenciais. No caso do #SCE, os cinco mellores equipos da competición profesional nacional de equipos GT Sport viaxarán por segundo ano consecutivo a Ourense para disputar a Gran Final de SCE, na que o defensor do título será o equipo Euromaster eSports. Segundo informa a Deputación, os afeccionados ás carreiras de automóbiles poderán gozar do resultado da competición en directo ao mellor de tres carreiras puntuables que comezarán o sábado 4 de abril coa primeira carreira ás 16.30 horas e a segunda carreira ás 18.00 horas. O domingo 5 de abril ás 15.00 horas terá lugar a terceira carreira, a derradeira. Pódense seguir de xeito presencial no Liceo ou desde calquera lugar a través de transmisións na canle oficial de Movistar eSports en YouTube. Na Gran Final SF1 loitarán en Ourense cinco dos mellores equipos deste deporte virtual de motor. Unha competición ao mellor de tres carreiras puntuables que terán lugar o sábado 4 de abril ás 19.30 horas a primeira carreira, o domingo 5 de abril ás 11.00 horas a segunda e ás 12.00 horas terá lugar a derradeira. Escudarías de SCE que participan na competición: Xogon Galicia Simracing, Williams JIM Esports, Euromaster Esports, Team Razinger Z, Team Mentalism, Cometa Team, Spanish Pro Racers SPR, Cyberspeed, NWS Esports, TENT Factory Simracers, CEAVI Carrillo German, R70 Team, x6tence esports club e ROAR Simracing. Escudarías de SF1 que participan na competición: Williams JIM Esports, S2V Esports, Cometa Team, World Series Online WSO, Team Mentalism, ECDF1, NWS Esports, Innovate SRT, Team Genious, e SimRacing Legends.

En directo

Todos os torneos SCE e SF1 de MundoGT retransmitiranse en directo, tanto as carreiras de cualificación en liña ao longo da tempada como as finais presenciais de Ourense. En total, haberá un total de 30 emisións en directo, que se poderán seguir a través da canle de YouTube Movistar eSports. Unhas retransmisións que o ano pasado alcanzaron 70.800 espectadores, “amosando así o crecemento e consolidación desta industria”, explica a Deputación, que engade que estas competicións “gañan espectacularidade e emoción grazas aos casters (a persoa que retransmite e comenta as partidas de videoxogos en liña) capaces de converter un xogo nunha experiencia inesquecible”. Este ano nas finais ourensás ICC eSports teremos a José Luis Montiel casteando #SCE e a Mario Arroyo en #SF1.

Toda a información e inscripcións na páxina web do evento.

10/03/202007:03
Cartel da iniciativa.
As Pontes

Amigus celebra nas Pontes o Arduino Day cun novo obradoiro para a rapazada

Este mes de marzo temos novamente unha cita cos novos xeitos (participativos, argalleiros, abertos, divulgativos, enriquecedores) de facer tecnoloxía. Dende As Pontes, a Asociación Amigus infórmanos de que o vindeiro 21 de marzo, ao abeiro dos seus obradoiros de Amigus Labs e da conmemoración do Día Mundial de Arduino (Arduino Day), celebrarase unha nova cita de divulgación tecnolóxica práctica, desta volta orientada ás novas xeracións. No obradoiro iniciarase á rapazada participante no uso da placa libre Ardunio para dar forma a enxeños de robótica. Farase dun xeito “práctico e divertido” e porase o foco no amplo abano de posibilidades que ofrece o devandito hardware-software libre.

Durante 6 horas, as nenas e nenos participantes aprenderán a programar en Arduino e a desenvolver os seus primeiros programas e proxectos, entre eles fabricarán robots e elementos dunha Cidade Intelixente (unha Smart City).

O obradoiro será de 10:30 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00. A idade para participar no taller é de 6 a 16 anos. A actividade é de balde para os fillos dos socios de Amigus Labs e de 10€ para non socios. Unha vez cuberto o formulario de inscrición, enviarase un correo electrónico confirmando a reserva da praza así como o número de conta onde formalizar a inscrición. Temos toda a información precisa sobre a nova cita da Asociación Amigus na súa web.

Arduino

Arduino é unha plataforma de hardware e software libre, baseada nunha placa cun microcontrolador e unha contorna de desenvolvemento (IDE), deseñada para facilitar o uso da electrónica en proxectos multidisciplinares. Ao ser open-hardware, tanto o seu deseño como a súa distribución é libre: pode empregarse libremente para o desenvolvemento de calquera tipo de proxecto sen adquirir ningunha licenza.

09/03/202016:03
Home sostendo un aeroplano de modelismo.
As Rozas (Lugo)

Os desenvolvedores de drons das Rozas mostran as oportunidades do sector ante 180 estudantes

Polo Aeroespacial de Galicia con centro de operacións nas Rozas (Lugo) celebrou hoxe unha xornada coa vista posta na xuventude. Estamos a falar do Open Day celebrado na dita sede lucense de actividade aeroespacial, unha xornada na que participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis 180 mozas e mozos procedentes de todos os recantos da nosa xeografía para ter datos directos sobre a industria dos drons, a súas posibilidades e as oportunidades que lles abren (en materia de contratación, proxectos e empregabilidade) as nosas puxantes e prometedoras empresas do sector.

No transcurso da xornada de portas abertas, Conde salientou a importancia de achegar o Polo Aeroespacial de Galicia aos mozos e mozas galegos para espertar neles futuras vocacións STEM: “Queremos estar máis preto do talento da xente nova para sumar vocacións e que as rapazas e rapaces sexan quen de identificarse coas oportunidades de futuro que para o seu desenvolvemento profesional ofrece este sector”, asegurou. A xornada, na que participaron un total de 180 alumnos de 3º e 4º da ESO e na que colaboraron a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e as empresas Inta, Boeing, Indra e Babcock, incluíu o programa educativo Science Truck, que busca entreter e espertar o interese dos máis novos pola ciencia, así como unha demostración de proxectos que se están levando a cabo nas instalacións de Rozas.

Este Open Day enmárcase no programa Voando altosumando vocacións, que se dirixe a 2.350 estudantes de todos os niveis educativos e público xeral e do que abrollarán en das vindeiras as actividades Enxeñando futuro en colaboración con Indra e Fly the future con Babcock. “O obxectivo final é estimular nos nosos rapaces e rapazas o talento innovador”, destacou Conde, engadindo que o sector dos UAV “está en crecemento e que está previsto que no 2035 haxa en Europa máis de 400.000 usuarios e que se xeren 90.000 postos de traballo”.

06/03/202015:03
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O Plan DigiTalent da Xunta trae ao Gaiás hoxe e mañá o IV Hackathon Big Data & Analytics, organizado por DXC Technology

  • O reto do encontro é crear ferramentas de apoio para que diferentes perfís de usuarios, profesionais do mar ou afeccionados á pesca e aos deportes acuáticos poidan levar a cabo as súas actividades ao aire libre nas condicións máis favorables
  • A iniciativa forma parte das actividades que o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology realiza en colaboración coa Amtega dentro do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia
  • Os participantes asistirán a unha comida networking con persoal do CEIN e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por DXC

 

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology (CEIN) en colaboración coa Amtega, Intecmar e Meteogalicia, convoca a cuarta edición do Hackathon Big Data & Analytics, que se celebra hoxe e mañá na sede das súas oficinas na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

Este Hackathon continúa co compromiso do CEIN de potenciar e desenvolver o sector TIC galego e englóbase dentro das iniciativas do plan DigiTalent da Amtega para promover as vocacións tecnolóxicas, involucrando a un equipo de analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas en Analytics & Big Data. O obxectivo é competir durante dous días no desenvolvemento de ferramentas de apoio aos afeccionados e profesionais do mar e dos deportes acuáticos, tendo en conta as variacións esperadas, nos parámetros atmosféricos e marítimos, debidas ao cambio climático.

Os integrantes dos equipos inscritos no IV Hackathon Big Data & Analytics DXC participarán nunha comida networking con persoal do CEIN o sábado 6 na cantina da Cidade da Cultura e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por DXC.

Ao peche do evento, cada equipo presentará a súa solución e un xurado experto avaliará e seleccionará aos gañadores nas categorías de mellor solución global e mellor proposta de valor

Os gañadores elixiranse por un xurado multidisciplinar formado por colaboradores do CEIN e profesionais doutros sectores afíns á finalidade da convocatoria. A entrega de premios e diplomas acreditativos realizarase no MyCOAST 3rd Regional Workshop, que terá lugar en Santiago de Compostela o 26 de marzo. O horario do Hackathon será de 17:00 a 20:00 horas o primeiro día e de 9:00 a 20:00 horas o segundo.

06/03/202012:03
Mans tecleando.
Pontevedra

SmartPEME achega en marzo unha trintena de actividades formativas TIC

SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, vén este mes de marzo cun completo programa de actividades formativas para impulsar a dixitalización e a competitividade, e tamén, coa novidade da nova sede SmartPEME de Vigo: as novas dependencias da institución provincial no Casco Vello, xa a pleno rendemento. Para a comarca de Vigo, achéganse en marzo 13 novas accións a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas (catro), Vigo (cinco) e Porriño (catro). A estas citas cómpre sumar as catro previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras tantas (catro, tamén) en Cambados, ás que hai que engadir cinco obradoiros máis en Lalín. A maiores, haberá plena actividade SmartPEME no Viveiro de Empresas de Barro: catro citas formativas.

En total, 30 obradoiros programados sobre as máis diversas materias TIC (visualización en buscadores, turismo dixital, ofimática avanzada, mercadotecnia online, creación de webs e aplicacións, etc). As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.

Máis datos que cómpre saber sobre SmartPEME

SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

05/03/202013:03
Persoas traballando con ordenadores.
Santiago de Compostela

A Amtega abre a convocatoria das bolsas DigiTalent para facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC

  • Os interesados poden presentar as súas candidaturas ata o 6 de abril a través da sede electrónica da Xunta, previa inscrición no portal de Feuga
  • Ofértanse 32 prazas nunha vintena de empresas para a realizar prácticas durante tres meses
  • É unha das iniciativas Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de bolsas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC (Bolsas DigiTalent), dirixidas a estudantes do Sistema universitario de Galicia no curso 2019/20 no marco do Plan DigiTalent.

Estas prácticas formativas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31 anos, matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.

Selección dos bolseiros

Ata o 6 de abril os estudantes poden presentar as súas candidaturas e solicitar algunha das 32 prazas ofertadas polas empresas TIC, seleccionadas como entidades colaboradoras, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento PR607A). Ademais, os interesados deberán estar rexistrados no portal de becas Feuga na seguinte ligazón: http://www.becasfeuga.es/ofertas/listar/etiqueta/amtega.

As candidaturas dos bolseiros valoraranse en función da nota media do expediente académico e unha memoria explicativa sobre a motivación dos solicitantes para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar.

Unha vez realizada a selección dos estudantes beneficiarios das bolsas, os participantes realizarán as prácticas formativas nas empresas do sector TIC seleccionadas como entidades colaboradoras por un período de 3 meses. Contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC, as bolsas teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.

Entidades colaboradoras do programa

O pasado mes de novembro a Amtega lanzou a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas presentasen as súas solicitudes de adhesión ao programa así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das necesidades que presenten.

As 21 entidades colaboradoras seleccionadas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.

Colaboración institucional

As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS