main content

main content
12/02/202014:02
Teleasistencia avanzada Cruz Vermella.
Santiago de Compostela

Feijóo expón a teleasistencia avanzada como exemplo da última tecnoloxía posta ao servizo do envellecemento activo

  • Destaca que este dispositivo conta, na súa modalidade avanzada, cun servizo de axendas de saúde, para xestión de citas médicas ou recordatorios de campañas de vacinación, entre outros avances
  • Para aquelas persoas cunha situación de potencial vulnerabilidade por vivir sós e carecer dun entorno de apoio, a Teleasistencia avanzada posúe tamén un servizo de prevención da soidade, con chamadas de acompañamento e seguimento específico
  • Incide na utilidade desta nova realidade para que os usuarios poidan desenvolver unha vida autónoma, na súa casa e no seu entorno, chea de independencia e seguridade

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor de institucións como Cruz Vermella e a súa disposición a colaborar sempre coas administracións públicas para garantir, por exemplo, que as persoas de máis idade gocen da máxima autonomía, con servizos como a Teleasistencia avanzada.

Durante un encontro con persoas usuarias deste programa, na sede da Cruz Vermella en Santiago, Feijóo coñeceu as vantaxes deste dispositivo móbil en formato pulseira ou teléfono para que calquera usuario –sexa maior ou non- poida levalo sempre consigo. Un dispositivo que, na súa modalidade avanzada, conta cun servizo de axendas de saúde, para xestión de citas médicas, recordatorios de campañas de vacinación ou consellos para vagas de frío ou de calor; e cun servizo de apoio a coidadores e de atención persoal de consultas para os familiares, a través dunha liña telefónica gratuíta e un correo exclusivo.

Así mesmo, e para aquelas persoas cunha situación de potencial vulnerabilidade por vivir sós e carecer dun contorno de apoio, conta cun servizo de prevención da soidade, que inclúe chamadas de acompañamento e un seguimento específico.

Ao longo da visita, o titular da Xunta valorou a desenvolvemento desta nova realidade que pon a última tecnoloxía ao servizo do envellecemento activo. E resaltou que con capacidade para que cada ano se incorporen ao sistema unhas 3000 persoas usuarias, ofrece as máximas facilidades para que os maiores poidan participar na sociedade en pé de igualdade e con todo o apoio no seu lugar de sempre.

“Estamos a falar dunha gran oportunidade para que os nosos maiores sexan cada vez máis libres e poidan levar unha vida chea de independencia e seguridade”, dixo, incidindo na utilidade da Teleasistencia avanzada para que os usuarios poidan desenvolver unha vida autónoma, na súa casa e no súa contorna. Non en van, o botón de teleasistencia, na súa modalidade básica, xa permite que en caso de emerxencia as persoas maiores poidan ser atendidas con axilidade, as 24 horas do día e os 365 días do ano, vivan onde vivan.

Feijóo concluíu facendo fincapé na importancia do traballo conxunto entre as entidades sociais e as administracións para desenvolver as políticas de envellecemento activo que garantan a autonomía.

12/02/202011:02
Mozas nun laboratorio.
Vigo

Máis de 250 estudantes de Secundaria e Bacharelato celebraron coa UVigo o Día da Muller na Ciencia

As nosas universidades celebraron este 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e fixérono cun máis que completo programa de actividades nunha manchea de facultades e centros de investigación. No caso da Universidade de Vigo, festexouno con obradoiros de robótica, de programación, de videoxogos e experimentos variados no Centro de Investigación Biomédica, na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e nas escolas de Telecomunicación e Minas. Todo compartiu o mesmo nexo común: fai falta botar abaixo os atrancos, sexan os que sexan, que impiden ás mozas ter máis presenza nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas).

A Universidade de Vigo abriu este martes 11 de febreiro as portas dos seus laboratorios a máis de 250 alumnas de ensino secundario e bacharelato e celebrou con elas o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Baixo o título xenérico Elas fan CienTec 2020, xuntáronse coas científicas e coas enxeñeiras dos campus vigueses (Vigo, Pontevedra, Ourense) para compartir experiencias e coñecemento. E, tamén, para pór de manifesto o importante que é deixarse levar pola paixón pola investigación.

Houbo actividades nas tres escolas de enxeñaría do campus, no CINBIO e tamén na ECIMAT e, en cada un destes lugares, organizáronse para as mozas diferentes actos de benvida, nos que participaron as coordinadoras dos obradoiros e diferentes responsables universitarias como a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez; a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, Elena Alonso, ou a responsable da Área de Investigación, Ana Bernabeu. Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación recibiunas a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e a profesora Soledad Torres, coordinadora dos obradoiros neste centro. “Trátase de que vexan como se traballa nos nosos laboratorios, tanto nos científicos como nos tecnolóxicos, para animalas a que opten por orientar a súa formación a todo o ámbito das STEM, xa que no futuro caso o 90% dos traballos van a pertencer a estes ámbitos e, se as mulleres non estamos, a fenda económica e salarial vaise seguir incrementando cada vez máis”, explicou Gómez, poñendo o foco na necesidade de botar abaixo os estereotipos de xénero, “moi presentes tanto nos medios de comunicación como nas redes”.

Na cita na Escola tamén interveu Soledad Torres, enxeñeira de Telecomunicación, quen dixo que “o problema que temos agora mesmo é que as rapazas non lle gustan estas carreiras, non lles apetece involucrarse en profesións que teñen que ver con ciencia e tecnoloxía”. Na súa presentación ante un grupo de 35 alumnas do IES Castelao de Vigo, Torres subliñou a relevancia dunha situación que, de non solucionarse, seguirá a provocar que vivamos nunha sociedade cada vez menos igualitaria. Como dixemos ao comezo, o encontro celebrado na EE de Telecomunicación complementouse cun obradoiro de robótica con enxeños Lego. Esta actividade enriqueceuse cos obradoiros celebrados na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, nos que participaron 52 alumnas do IES Alexandre Bóveda de Vigo e na Escola de Enxeñería Industrial 48 do IES Pedro Floriani de Redondela. Entre os dous centros organizaron outros seis obradoiros cos que as alumnas tiveron a oportunidade de facerse unha idea do tipo de traballos que se levan a cabo nestes centros e que inclúen dende identificación de minerais e materiais, ata cuestións relacionadas con termografía infravermella, deseño e impresión 3D ou robótica colaborativa. 

As actividades do ámbito científico concentráronse no Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO, e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, pertencente ao Centro de Investigación Mariña (CIM). No primeiro celebráronse seis obradoiros nos que se abordaron cuestións como a preparación de nanopartículas de ouro, a comprobacións das propiedades ópticas, os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo... Participaron medio cento de alumnas do IES Val do Tea de Ponteareas e, antes de arrancar cos obradoiros, asistiron a unha pequena charla inaugural a cargo da profesora Amelia Verdejo. No caso da ECIMAT, organizouse unha pequena conferencia de Alba Sousa, psicóloga especializada en sensibilización e formación en igualdade e violencia de xénero, e unha visita guiada á que asistiron 40 alumnos e alumnas de 1º de bacharelato de Bioloxía e Cultura Científica do IES Vilalonga.

12/02/202011:02
As participantes na mesa redonda do CiMUS nunha imaxe de Santi Alvite.
Santiago de Compostela

As mulleres científicas e tecnólogas da USC reivindican o seu importante labor

Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia desenvolveuse na Universidade de Santiago a través de distintas mesas redondas nas que se abordaron as diferentes pero complementarias maneiras de visualizar o importante labor das mulleres nos ámbitos STEM. O punto de partida das celebracións deste 11 de febreiro na USC foi unha clase maxistral sobre física de partículas, organizada polo Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE) co obxectivo de achegar ás alumnas de bacharelato o traballo das investigadoras do instituto.

O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acolleu, pola súa banda, a mesa redonda Muller de ciencia, na que as investigadoras e profesoras da USC Mabel Loza e María José Alonso; a xestora do Centro, Ruth González; a presidenta da Agrupación industrial de Saúde de Galicia, Rocío Mosquera; a representante de Executivas de Galicia, Sara Campos; e o catedrático da USC, Anxo Carracedo, falaron do desenvolvemento das carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) con perspectiva de xénero. Ao acto tamén quixeron sumarse a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. Experiencias persoais no desenvolvemento profesional, anécdotas e pluralidade foron os eixos que centraron as exposicións das investigadoras e tecnólogas.

Campus de Lugo

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo foi sede da II Xornada Mulleres Ciencia e Tecnoloxía na que se desenvolveu unha mesa redonda sobre emprendemento feminino con base científico-tecnolóxica. Maruxa García Quiroga de TasteLab, empresa de tecnoloxía en análise sensorial; Carme Cillero Castro de 3Edata, empresa de enxeñaría ambiental; Tamara Arango López de BeWell, empresa de certificación de benestar animal; e Mª Ángeles Novo Martínez de Ángeles Novo Nutrición, tomaron parte nesta iniciativa que contou coa moderación de Carla Reyes Uschinsky, periodista e presidenta de Executivas de Galicia. 

Campus de Santiago

A V Xornada Mulleres na Ciencia desenvolveuse esta tarde na Facultade de Ciencias da Comunicación. Contou coa presenza da xornalista Iolanda Casal, quen moderou unha mesa redonda integrada por Pablo Francescutti da Universidade Rey Juan Carlos, Leonor Parcero de DivulgAcción, e Tamara Montero da asociación Xornalistas Galegas. O foro serviu para debater sobre a visibilidade das mulleres científicas e no marco do mesmo, celebrouse a asemblea xeral ordinaria de Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal).

11/02/202019:02
Ilustración do 017.
Madrid

INCIBE lanza o 017, o novo número curto de axuda en ciberseguridade

  • Trátase de teléfono gratuíto e confidencial, dirixido a menores e a súa contorna; cidadáns e empresas

A Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, presentou esta mañá o 017, un novo número curto de teléfono de axuda en ciberseguridade que o Goberno pon en marcha a través do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE). "Hoxe damos un paso máis coa posta en marcha do 017. Trátase dun número gratuíto e confidencial no que os cidadáns poderán facer todas as súas consultas no ámbito da ciberseguridade" sinalou a vicepresidenta. Así mesmo, destacou "a importancia do desenvolvemento de competencias en ciberseguridade, non só desde a perspectiva diaria senón de cara ao futuro polo desenvolvemento de oportunidades profesionais".

017 centraliza os servizos de atención telefónica que ofrece INCIBE relativos a dúbidas ou consultas sobre ciberseguridade, privacidade, confianza dixital, uso seguro e responsable da internet e da tecnoloxía. 

O servizo está dispoñible todos os días do ano, en horario de 9 a 21 horas, ten alcance nacional e está dirixido aos menores e a súa contorna (pais, educadores e profesionais que traballen no ámbito do menor ou a protección online ligada a este público), aos cidadáns usuarios da internet en xeral e ao colectivo de empresas e aos profesionais que utilizan Internet e as tecnoloxías no desempeño da súa actividade e deben protexer os seus activos e o seu negocio.

A presentación contou ademais coa intervención da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, Carme Artigas, quen destacou que "a través do 017 calquera persoa que teña dúbidas respecto ao uso da internet e as novas tecnoloxías poderá resolvelas grazas a un equipo de profesionais que atenderán a súa chamada. Queremos que este número se converta en referencia para todos os usuarios e que a ciberseguridade forme parte das súas vidas como algo cotián".

Os usuarios do 017 recibirán atención e orientación en temáticas relativas a:

  • no caso das empresas: cuestións como a organización da ciberseguridade na empresa e principais problemas asociados á protección dos datos e incidentes de seguridade que poidan producirse;
  • no caso de cidadáns: a protección de dispositivos, conexións, privacidade, tipos de fraudes e infeccións por virus e programas maliciosos.
  • no caso da contorna do menor: os pais e educadores recibirán asesoramento psicosocial, técnico e legal sobre situacións de risco e conflitos dos menores na internet, en temas como uso excesivo de pantallas, redes sociais e videoxogos; ciberacoso; comunidades perigosas; mediación e control parental e privacidade e reputación online, entre outros.

Día da internet Segura 2020

A presentación do 017 tivo lugar durante a celebración do Día da internet Segura (SID 2020), organizado en España polo INCIBE, no Museo Reina Sofía de Madrid, coa presenza da súa Maxestade a Raíña dona Letizia. 

Pola súa banda, Rosa Díaz, directora xeral do INCIBE, lembrou o papel que xoga o organismo en materia de concienciación en ciberseguridade: "todos utilizamos Internet na nosa vida cotiá, pero o reto principal é facelo de forma responsable, segura e con respecto cara aos demais para que Internet sexa cada vez unha ferramenta mellor e máis útil para todos. Un dos alicerces de INCIBE consiste na prestación de servizos de ciberseguridade orientados a cidadáns, empresas e a contorna do menor, que inclúe a pais e educadores". 

"Unha Internet mellor comeza contigo: xuntos aprendemos ciberseguridade" é o lema deste ano no Día da internet Segura 2020 (SID) que, promovido pola Comisión Europea a través da Rede INSAFE, conmemórase hoxe en máis de 100 países do mundo. Máis de 200 escolares, xunto aos seus pais e educadores, participan durante toda a xornada nun completo programa de conferencias e actividades lúdicas co obxectivo de promover o uso seguro e positivo da tecnoloxía e Internet.

Toda a información do programa está dispoñible en https://www.incibe.es/sid

11/02/202018:02
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Amtega celebra o día da internet segura con preto dun centenar de actividades na rede CeMIT durante o mes de febreiro

  • O obxectivo é promover o uso seguro e positivo da tecnoloxía e dar a coñecer as vantaxes e beneficios que brinda o mundo dixital
  • Durante o pasado ano ofertáronse máis de 500 actividades e máis de 6.000 horas de formación
 
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Rede CeMIT súmanse un ano máis á celebración do o Día de Internet Segura, con preto dun centenar de actividades durante o mes de febreiro cunha duración de máis de 500 horas.
 
Este ano a data celébrase baixo o lema “Unha Internet mellor comeza contigo: xuntos aprenderemos ciberseguridade”. A conmemoración desta xornada, que conta co apoio da Comisión Europea, ten a súa orixe no ano 2004 e, desde ese momento, mobiliza a millóns de persoas en todo o mundo para promover e debater sobre o correcto uso de Internet. 
 
Algunha das actividades ofertadas durante este mes de febreiro en colaboración cos aliados dixitais son as seguintes:
  • Charlas gratuítas de concienciación en ciberseguridade do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) en colaboración con Cibercooperantes sobre temas como a privacidade, o ciberacoso ou o uso seguro e responsable das TIC nas aulas de Fisterra e Betanzos, e á que se continúan a sumar novas aulas.
  • Ciclo de seminarios online do aliado dixital Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS) sobre:
    • Letra pequena en Internet. Que esconden as condicións de uso, cookies, etc.
    • Como usar o DNI electrónico e o DNI 3.0 (lector e smartphone)
    • Trámites online con certificado dixital 
    • Copias de seguridade e consellos de uso do certificado dixital
    • Como utilizar o certificado dixital e o DNI 3.0 no teu móbil
    • Firma de documentos electrónicos co teu certificado dixital
  • Curso sobre privacidade na Internet e dispositivos móbiles da aula CeMIT de Cuntis en retransmisión ás aulas de Pontevedra e Arzúa, onde se traballará sobre a protección de datos nas redes sociais e dispositivos móbiles. 
  • Charla sobre ciberseguridade en colaboración co aliado dixital Gradiant, onde exporanse casos reais de problemas por falta de seguridade en Internet, e ensinaranse as medidas para protexerse.
As persoas interesadas en asistir a algunha das formacións propostas poden consultar os cursos e actividades das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/buscador e poñerse en contacto coa aula que máis lle interese. Así mesmo, tamén pode contactar coa Oficina CeMIT enviado un correo a cemit@xunta.gal
 
A Rede de aulas CeMIT leva traballando sobre o uso seguro de Internet desde a súa posta en marcha no ano 2011 e, concretamente, durante o ano pasado realizáronse máis de 500 actividades e máis de 6.000 horas de formación que trataron directamente a temática da seguridade e privacidade en Internet e outras nas que este aspecto é clave como coma as compras por Internet, uso de dispositivos móbiles, xestión de redes sociais, contratación de viaxes, trámites online e sinatura dixital, certificados dixitais, etc. 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos. Está presente nas 53 comarcas e integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. 
 
A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento. 
11/02/202012:02
A conselleira participou no congreso da Axencia Espacial Escolar Galega NOSA.
Santiago de Compostela

Carmen Pomar salienta a aposta de Educación por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego

  • Subliñou a importancia de aprender a investigar, a deseñar proxectos, a expoñer ideas e a divulgar contidos, unha metodoloxía de aprendizaxe que lle servirá ao alumnado para toda a súa vida

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe no IV Congreso MarumaSat, onde destacou a aposta do seu departamento por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego, “unha vontade compartida” coa Axencia Escolar Galega, NOSA, organizadora deste encontro.

NOSA é proxecto educativo do que forman parte seis centros públicos, o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Miraflores (Oleiros), o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Arzobispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), o CPI O Cruce (Cerceda) e IES Ferrol Vello (Ferrol). En marcha desde o curso 2014/2015 , ten como obxectivo principal levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica (MarumaSat) que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

Carmen Pomar subliñou a importancia de NOSA na medida en que se realiza un traballo en equipo, onde os alumnos aprenden a investigar e a deseñar proxectos aplicando o método científico, a expoñer ideas e argumentos e a divulgar os logros obtidos. “Estades adquirindo unhas habilidades que vos serán útiles durante toda a vosa vida” sinalou a conselleira dirixíndose aos rapaces asistentes ao Congreso, a quen felicitou pola súa capacidade de traballo e creatividade. Así mesmo a conselleira loou a implicación dos docentes impulsores de NOSA, que desde distintas áreas sexan a tecnolóxica, as matemáticas ou a lingua e a literatura, “comparten valores educativos, pedagóxicos e metodolóxicos”.

Misión MarumaSat

Desde o primeiro lanzamento, e coa progresiva incorporación ao proxecto dos diferentes centros, a misión MarumaSat ten incorporado moitas melloras e un gran contido científico. De feito, as últimas cápsulas contaban con elementos como radiosonda atmosférica, placa Arduino con sensores de ozono, presión, humidade, temperatura e altitude e varios experimentos biolóxicos cos que se pretendían avaliar as condicións de habitabilidade do artefacto.

Neste momento os centros integrantes de NOSA están a traballar na misión Marumasat IV, con ambiciosos obxectivos como o de acadar un novo récord de altitude, incluír novos módulos de xeoposicionamento e, como obxectivo estrela, enviar un detector de muóns para facer unha nova comprobación experimental da relatividade especial de Einstein.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.

Estratexia STEM

A Xunta de Galicia conta cunha estratexia específica, Edudixital, para impulsar entre as alumnas e os alumnos o interese polas competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), necesarias para executar iniciativas como a Axencia Escolar Galega NOSA. O obxectivo é que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, co fin de que ao finalizar os estudos acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Entre as accións desenvolvidas ao abeiro desta estratexia está a oferta de materias como a de Programación e a de Robótica, a dotación de kits de robótica a centros de primaria e de secundaria, a creación de Espazos Maker –tamén dotados de materiais específicos– ou o impulso de Clubs de Ciencia nos centros de ensino. Asemade, anualmente convócase a Semana STEM e a STEMWeek, estadías onde a rapazada pode poñer en práctica os diferentes coñecementos adquiridos na aula.

Así mesmo, no curso 2018/19 implantouse por primeira vez en Galicia o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), que este curso imparten xa 31 centros.

11/02/202008:02
Unha nena utiliza unha tableta ás escuras tombada sobre unha cama.
Santiago de Compostela

Unha ferramenta para protexer aos pequenos dos perigos da internet

A tecnoloxía ofrécenos moitas posibilidades para mellorar a nosa calidade de vida, pero tamén nos expón a novos perigos que nos afectan a todos, pero especialmente aos colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores ou os nenos, cunha especial atención para persoas con discapacidade que poidan ter maiores dificultades para detectar esas ameazas.

Para evitar que esta cara negativa do avance da tecnoloxía supoña un verdadeiro prexuízo para a nosa vida, as compañías de telecomunicación empezaron a poñer foco en ofrecer ferramentas e solucións que melloren a protección fronte a este tipo de ataques e ameazas.

Unha das solucións máis avanzadas é a que acaba de presentar Movistar. Chámase Qustodio Premium e ofrece un conxunto de ferramentas para aumentar o coñecemento e a prevención fronte a posibles comportamentos inadecuados ou inseguros dos máis pequenos.

Este novo produto está dispoñible para os clientes da compañía e pódese instalar en ata 5 dispositivos, sendo compatible con Android, iPhone, iPad, Windows e Kindle. Tamén integra o Portal Familiar a través da web.

Este servizo protexe os dispositivos fronte a contidos inapropiados, permite establecer límites de tempo, facer un seguimento en tempo real do uso de Youtube ou medir o tempo total que dedican ás redes sociais.

Ademais, os pais poderán localizar en calquera momento aos seus fillos nun mapa, e recibir notificacións cando entran ou saen dos sitios habituais predefinidos.

A ferramenta está pensada para nenos, pero é tamén moi útil para o coidado de persoas maiores que necesitan este tipo de atención ou de persoas con discapacidade que tamén deban recibir esta axuda.

11/02/202007:02
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CPEIG promove un uso seguro e positivo da tecnoloxía entre a mocidade no Día da Internet Segura

  • Fernando Suárez, presidente: “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, indicándolles a importancia da seguridade online e actuando como referentes de comportamento dixital”
  • Aconsella aplicar o sentido común para evitar software malicioso, actualizar o sistema operativo, instalar un bo antivirus, realizar copias de seguridade, ter precaución coas redes Wi-Fi públicas e usar controis parentais

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase ao Día da Internet Segura, “Safer Internet Day” (SID, polas súas siglas en inglés), un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea e organizado en España polo Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), que se celebra mañá martes, 11 de febreiro.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destaca que a xornada de mañá está destinada a promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre nenos e mozos, e concienciar sobre a seguridade en internet. Co obxecto de destacar o carácter positivo de internet, o lema de 2020 é "Unha internet mellor comeza contigo: xuntos aprendemos ciberseguridade", que invita a sumarse ao movemento global, participar e aproveitar o mellor da internet para unir ás persoas, facendo un uso da tecnoloxía “responsable, respectuoso, crítico y creativo”. Aínda que está dirixida especialmente a nenos e mozos, tamén os pais e titores, profesores, educadores e traballadores sociais, así como empresas e responsables políticos, deben participar para procurar de forma activa a creación dunha internet mellor.

En concreto o presidente do CPEIG destaca que se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, indicándolles a importancia da seguridade online e actuando como referentes de comportamento dixital” –sinala–.

Consellos para unha Internet Segura

Ademais das características propias de seguridade dos equipos tecnolóxicos, é fundamental que os usuarios tomen conciencia da importancia de reforzar a súa ciberseguridade. O CPEIG recorda algunhas medidas básicas de protección para mitigar os riscos e protexer os datos persoais e profesionais: 

  • Sentido común. A prudencia é a mellor barreira contra o malware (software malicioso). Coida especialmente o apartado de descargas e instalación de aplicacións de sitios non seguros; a navegación por determinadas páxinas de internet; a apertura de correos electrónicos ou arquivos engadidos non solicitados ou que chegan de remitentes descoñecidos, ou os que chegan de redes sociais ou aplicacións de mensaxería que conteñen vulnerabilidades explotables polos ciberdelincuentes para as campañas de malware.
  • Actualiza o sistema operativo e aplicacións. Todos os sistemas operativos contan con ferramentas para manter actualizados os seus equipos. Son de uso obrigado porque inclúen actualizacións de seguridade contra ameazas coñecidas. Tan importante, ou mesmo máis que a anterior, é a actualización de aplicacións instaladas ás últimas versións, xa que soen incluír parches de seguridade. Cando as versións son máis antigas, teñen maior risco de ser atacadas por ciberdelincuentes que atopan vulnerabilidades no programa.
  •  Instala un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.
  • Protexe os navegadores. Todos os navegadores web inclúen características avanzadas de seguridade, pero débese revisar e configurar a súa activación porque son as aplicacións coas que se accede a internet e os seus servizos. Tamén se debe prestar atención aos avisos sobre sitios inseguros que mostran os navegadores, e revisar as extensións instaladas porque algunhas son fonte frecuente de introdución de malware. Outra posibilidade interesante para mellorar a privacidade é utilizar unha sesión en «Modo Invitado», totalmente desligado do perfil orixinal do usuario, incluíndo configuración ou historial.
  • Coida os contrasinais. A regra de ouro para estar seguro en liña é contar cun contrasinal aleatoria forte e distinta para cada sitio web, especialmente para uso nos destinados a banca en liña e comercio electrónico. Os contrasinais longos e complexos (combinando números, maiúsculas e símbolos) preveñen os ataques. O uso dun contrasinal diferente para cada conta evita ter todas elas comprometidas a vez cando se produce unha violación de datos. Pódense utilizar xestores de contrasinais que as crean e as recordan.
  • Realiza copias de seguridade. A realización de copias de seguridade é altamente recomendable para un usuario ou profesional que pretenda protexer a información persoal e corporativa dun equipo informático, ademais de ser una tarefa de mantemento que contribúe á saúde do hardware. As copias de seguridade deben almacenarse nun dispositivo de almacenamento externo ao do equipo ou nun servizo de almacenamento na nube.
  • Precaución coas redes Wi-Fi públicas. Os puntos de acceso a internet sen fíos e gratuítos estendéronse por múltiples espazos en poboacións, zonas de restauración, aeroportos, estacións de tren ou metro, hoteis e en todo tipo de negocios. Demostradas altamente inseguras, pódense utilizar para unha navegación intrascendental, gardando as debidas precaucións, pero non para accesos que requiran mostrar os teus datos, accesos e contrasinais. 
  • Activa a restauración do sistema. A restauración dos sistemas operativos é unha ferramenta que pode “salvarnos a vida” ante un erro do software, instalación de drivers ou dalgunha aplicación que non funciona correctamente, e tamén ante a entrada dun virus no equipo.
  • Engade controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. É importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son. Os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web inapropiados. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á rede.
  • Usa as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, direccións postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.

 

11/02/202007:02
Mesas e cadeiras dun colexio.
Santiago

O alumnado de ESO, FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos galegos

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de lanzar o novo programa EduTecEmprende, a través do que alumnado de FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos da nosa comunidade. O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo (Eduemprende), é motivar e sensibilizar os estudantes de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como a promover a súa achega ás áreas STEM.

As empresas e centros tecnolóxicos colaboradores, que os estudantes visitarán en función do curso no que estean, serán os concesionarios de automoción Pérez Rumbao, a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, as centrais de enerxía de NATURGY, as instalacións de Aluminios Cortizo (Padrón), o centro tecnolóxico de ANFACO-CECOPESCA (Pontevedra), o de AIMEN (O Porriño), o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (Ferrol), e as empresas GRADIANT (Vigo) e ENERGYLAB (Vigo). Durante as visitas, as alumnas e alumnos terá a oportunidade de entrar en contacto con novas técnicas de produción, tecnoloxías intelixentes no seo da industria 4.0 e diversas profesións, a través das experiencias dos traballadores e das traballadoras, e coñecer o funcionamento dun centro tecnolóxico. Previamente á visita, o centro traballará a actividade propia da empresa ou do centro tecnolóxico que se lle asigne, así como a súa implicación no sector produtivo correspondente, incorporando as actitudes e os valores propios do emprendemento. Rematado o programa, o profesorado coordinador enviará unha memoria, na que se recolla o traballo realizado e as conclusións das persoas participantes. O labor realizado polo profesorado coordinador deste programa será recoñecido pola Administración como actividade de innovación educativa, cunha equivalencia de 12 horas de formación permanente do profesorado.

Solicitudes e financiamento

O programa vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO, bacharelato e formación profesional e poderán solicitalo os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de febreiro de 2020. Os detalles da convocatoria poden consultarse na convocatoria no Portal de FP.

Os centros recibirán unha achega económica para o desenvolvemento do programa, que deberá ser específica para cada empresa ou centro tecnolóxico solicitado, ata un máximo de 300€. Cada centro poderá enviar unha única solicitude, na que poderá demandar máis dunha visita, coa orde de prioridade.

11/02/202007:02
Momento da formación.
Oleiros

O CITIC impartiu un obradoiro de análise de datos no IES Miraflores de Oleiros

Un equipo de investigadoras e investigadores do Centro de Investigación TIC da UDC participaron os días pasados nunha actividade divulgativa para mostrar, diante do alumnado pre-universitario, o potencial e as posibilidades (de investigación científica e tecnolóxica, de emprendemento, de empregabilidade) que se abren co estudo dos datos a gran escala, para moitos especialistas o ouro da era dixital. A experiencia, na que participaron Ricardo Cao Abad, Ana López Cheda, Inés Barbeito Cal e Rebeca Peláez Suárez, levouse a cabo no IES Miraflores de Oleiros, o pasado martes, ante estudantes de primeiro de Bacharelato. A actividade continuará este martes 11.

Segundo informa o CITIC, o alumnado do centro docente que participou na experiencia tivo a oportunidade de realizar un caso práctico cos investigadores. Ademais, recibiron orientación sobre a oferta académica da FIC (Facultade de Informática da Coruña), especialmente en relación co ámbito da ciencia e enxeñaría de datos.

A actividade abeirouse ao programa STEMbach, Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, creado ao amparo da estratexia Edudixital 2020.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS