A contorna dixital converteuse nunha parte fundamental da nosa vida co crecemento da tecnoloxía, a expansión da internet e a necesidade de simplificar procesos sobre todo administrativos que antes requirían moito tempo e desprazamento. Nesta nova realidade, a Identidade Dixital abarca todos os procesos, mecanismos, tecnoloxías que serven a unha persoa ou organización para identificarse por medios dixitais.
Contidos:
A Biblioteca Durán Loriga vai ofrecer formación tecnolóxica para os escolares nunha nova edición do seu programa BiblioTech, abeirado ao amplo programa de divulgación para persoas de todas as idades que se están a desenvolver dende unha manchea de recantos da cidade baixo o selo Coruña Dixital. Polo que respecta a BiblioTECH, é un programa formado por unha serie de accións informativas, formativas e eminentemente prácticas que se desenvolven na Biblioteca Infantil e Xuvenil Durán Loriga e que se centran no uso creativo, crítico e seguro das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
A nova tempada de BiblioTECH ofrece varios obradoiros entre febreiro e abril para diferentes franxas de idade. Trátase das seguintes actividades formativas:
A escola de negocios dixitais HUB presentou hoxe nas súas instalacións na Coruña o Draft Coder Bootcamp, un programa formativo que busca responder á demanda de talento programador por parte do mercado laboral, moi concretamente das empresas tecnolóxicas galegas, que ven limitada a súa capacidade de medrar e competir pola falta de profesionais cualificados.
HUB desenvolve o Draft Coder Bootcamp da man de cinco empresas tecnolóxicas galegas (Aldaba, Balidea, Auren, Premium Leads e Webphone) que buscan captar a boa parte dos participantes deste programa de formación intensivo e financiarán bolsas para facilitar o acceso a esta formación (que serán proporcionais ao rendemento dos alumnos). O Draft Coder Bootcamp desenvolverase a partires do 16 de marzo ao longo de 18 semanas de formación (cun total de 640 horas) e outras 8 semanas en prácticas nas 5 empresas colaboradoras que comprométense a cubrir 9 postos de traballo con algúns dos 12 alumnos que poderán acceder a este Bootcamp.
Poderán ser alumnos desta iniciativa persoas con pensamento lóxico, actitude positiva e capacidade de esforzo, non esixíndose experiencia, coñecementos previos nin titulación superior (aínda que esta última valorarase no proceso de selección), e o investimento económico que terán que realizar parte dos 2.600 euros, que é a primeira cota que deberán asumir os alumnos, mentres que a segunda cota de 1.900 euros poderá verse reducida a través das 9 bolsas patrocinadas polas empresas participantes. Existe unha terceira cota que será do 10% do salario bruto do primeiro ano de traballo tras o Bootcamp (estimado entre os 17.000 e 20.000 euros), ou sexa, que se un alumno non consegue a integración laboral non tería que satisfacer esta cantidade, deixando claro que os responsables desta iniciativa confían no seu éxito. Este programa de formación intensiva quere que o alumnado asimile os fundamentos do HTML e do CSS, que aprenda a deseñar interfaces responsive, que coñeza o funcionamento das API REST e pase a afondar na programación en JavaScript (ES6, Node.js, ReactJS), para rematar sendo capaz de deseñar e implementar aplicacións reais utilizando técnicas e ferramentas aprendidas durante xornadas de formación cunha grande compoñente práctica.
Encargaranse da formación do Draft Coder Bootcamp profesionais con grande experiencia: Carlos González (fullstack developer en HUB), David García Fernández (consultor de Shopify, AWS e Serverless en MelodyVR), Diego Pérez Martínez (desenvolvedor en Salesforce Commerce Cloud) e Rafael Vizcaíno González (fullstack developer).
Dende HUB animan a participar no Bootcamp a persoas dispostas a dedicar 4 meses da súa vida a formarse para converterse en profesionais cotizados e en permanente demanda laboral.
Esta formación ensinarache procesos e técnicas para potenciar a creatividade, imprescindible en calquera proceso de innovación, e unha oportunidade para mellorar a situación laboral ou as condicións de traballo.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) foi distinguido co Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), galardón que recolleu hoxe o seu presidente, Fernando Suárez, no acto de entrega de premios que se celebrou no Senado en Madrid no propio Día Internacional da Protección de Datos [28 de xaneiro].
No seu discurso, Fernando Suárez asegurou que formar parte do grupo de gañadores é unha “honra e un privilexio que reafirma aínda máis o compromiso do CPEIG para continuar nesta senda”. Agradeceu sinceramente a distinción á AEPD e deu os seus parabéns ao resto de premiados polo seu gran labor na promoción do coñecemento, investigación e difusión do dereito fundamental á protección de datos. “Internet representa un mundo enorme de posibilidades para o ocio, as relacións persoais e a aprendizaxe dos máis novos, pero tamén presenta unha serie de riscos respecto á protección de datos persoais, a privacidade e a autoprotección, como son os contidos inapropiados ou a facilidade de contacto con persoas que non son sempre quen din ser” –sinalou–.
Ademais, o presidente destacou que a informática é decisiva á hora de dar forma ao modo en que se vive e se traballa, polo que se debe atopar a maneira de dotar á mocidade dos medios para dar forma a ese futuro, convencido de que a colaboración entre entidades é a maneira más axeitada para conseguilo. “É hora de educar a unha nova xeración e preparar aos líderes do mañá para ser bilingües en informática”– indicou–.
A estratexia de sensibilización do CPEIG, para o uso responsable de internet por parte dos estudantes de Primaria e Secundaria, abarca distintas iniciativas ou programas, sempre en alianza con institucións educativas e tecnolóxicas axeitadas para sumar forzas a favor dunha Sociedade da Información na que a mocidade sexa a protagonista e teña os instrumentos necesarios para evitar riscos e non ser vítimas.
“Estas iniciativas están baseadas en concienciar directamente ao alumnado, desenvolvendo os programas nos propios centros escolares e de forma indirecta a través de proxenitores e profesorado, mediante formación impartida por colexiados e colexiadas do CPEIG” –explica o presidente–.
Estas accións do CPEIG articúlanse a través de catro iniciativas principais, que contan cunha longa traxectoria: Navega con Rumbo polo Ciberespazo, Día da Protección de Datos, Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, e charlas en concellos sobre internet segura e de datos persoais para menores, ademais doutras iniciativas de apoio coas que se pretende implicar a máis axentes políticos e sociais.
O programa “Navega con Rumbo polo Ciberespazo” é a actividade formativa principal e con máis traxectoria das desenvoltas polo CPEIG no ámbito da divulgación, implantada hai nove anos en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.es/navegaconrumbo/).
Ademais de ser un mundo de posibilidades para o ocio e a aprendizaxe, internet pode supoñer para os máis novos un risco, polo que “Navega con Rumbo” é unha iniciativa encamiñada a que os escolares fagan un uso responsable da rede, evitando o ciberacoso e outros perigos e dotándoos de ferramentas que lles permitan saber como actuar. Dispón de material didáctico, tres “Guías de Navegación” dirixidas a pais e nais, alumnado e profesorado, ideadas polo CPEIG.
No curso 2018-2019 impartíronse 241 sesións formativas sobre privacidade e protección de datos persoais para un uso seguro de internet polos menores en 177 centros educativos de toda Galicia. No que respecta ao número de alumnos e alumnas asistentes, o cómputo global ascende a 12.000 menores formados desde 2010 aproximadamente.
Seguindo o seu compromiso de promover a concienciación e adopción de boas prácticas en ciberseguridade, o CPEIG ofrece á cidadanía, no Día Internacional da Protección de Datos que se conmemora hoxe martes 28 de xaneiro, unha serie de “ciberconsellos” para facer un uso seguro da tecnoloxía. Fernando Suárez considera “de vital importancia” que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos.
Estas recomendacións pretenden axudar a todos os usuarios a crear unha primeira e esencial barreira de protección fronte a ciberameazas, con consellos xerais sobre como evitar riscos cando se empregan as tecnoloxías:
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza xunto a Red.es a quinta edición de #MesD, unha iniciativa que concentra durante un mes diferentes sesións formativas dedicadas a un tema concreto. En febreiro, #MesD centrarase na adquisición de competencias persoais para a transformación dixital con catro actividades: ”Creatividade e innovación” (4 de febreiro); “Pensamento crítico” (11 de febreiro); “Resolución de problemas complexos” (18 de febreiro); e “Xestión de persoas” (26 de febreiro).
Todas estas actividades desenvolveranse nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela en horario de 16.15 a 20.15 horas e terán como destinatarios principais o persoal directivo, xefas/es de proxecto, responsables de equipos ou coordinadoras/es; e profesionais que teñen que tomar con frecuencia decisións ou que queiran mellorar as súas competencias dixitais, así como persoas emprendedoras con negocios en liña, así como persoas desempregadas que queiran aumentar as súas posibilidades de atopar un traballo.
Impartirá estas sesións Red.es, entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa que puxo en marcha o programa Crear Futuro como parte da iniciativa Profesionais Dixitais, enmarcada dentro das liñas de actuación da Axenda Dixital para España, cuxa finalidade é mellorar a empregabilidade impulsando e favorecendo a adquisición de competencias para a transformación dixital grazas ao manexo das novas tecnoloxías.
Para participar nestas actividades cómpre inscribirse a través da web do proxecto Crear Futuro de Red.es ou mandando un correo electrónico ao enderezo crearfuturo@focyl.com. A inscrición é de balde ata que se cubran todas as prazas.
O programa #MesD é unha iniciativa impulsada desde o CDTIC que consiste nun ciclo de sesións formativas sobre un tema concreto concentradas ao longo dun mes.
Ata o momento organizáronse catro edicións do programa. A primeira delas, celebrada no mes de marzo de 2018, dedicouse ao marketing dixital; a segunda, no mes de xuño do mesmo ano, ao comercio electrónico; a de marzo de 2019 centrouse nas redes sociais; e a última delas, de novembro de 2019, tratou o manexo de ferramentas audiovisuais.
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
O comercio electrónico creceu en Galicia no último ano en todos os tramos empresariais. Tanto as empresas de máis de 10 traballadores como as microempresas realizaron vendas online por riba da media estatal en 2019. Tamén no uso das redes sociais o tecido empresarial galego supera a media do conxunto do Estado
Son datos recollidos no informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2019, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito a´Amtega. O estudo analiza a transformación dixital das empresas galegas, un total de 200.972, nas que o 96,3% son microempresas, de 0 a 9 traballadores.
En 2019 o 22,9% das empresas de 10 ou máis traballadores da Comunidade venderon na rede, 4,7 puntos máis que o ano anterior e 2,5 puntos por riba da media estatal. Cómpre destacar que máis do 44% destas empresas galegas venden en países da Unión Europea. No caso das microempresas as vendas online creceron 2,5 puntos, situándose nun 6,1% fronte ao 5,8% da media do Estado.
Tamén se incrementan as compras das empresas a través de Internet ao longo do último ano, producíndose unha subida no caso das empresas de 10 ou máis empregados de 8,4 puntos.
No 2019 aumentou tamén a presenza de páxina web nas empresas de 10 ou máis asalariados, do 77,1% ao 81,6%, superando ademais aos datos de empresas españolas que posúen web empresarial (78,2%).
En canto ás redes sociais, máis do 98% das microempresas e máis do 96% da empresas galegas empregan algunha rede social, en ámbolos casos por riba da media estatal.
O gasto total en TIC das empresas galegas acadou os 408 millóns de euros, o que implica un incremento de 44 millóns de euros, especialmente no referente a servizos e consultas relacionadas coas TIC, seguido do gasto en software e do investimento en bens TIC.
No 2019 a banda larga móbil experimenta un crecemento significativo en todas as empresas galegas, pero especialmente nas de 0 a 9 empregados, onde aumenta 5 puntos porcentuais (chegando ao 77,2%). Nas de máis persoal supérase o dato nacional nas empresas que teñen 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia, con un 86,7% das galegas fronte a un indicador da banda larga móbil en España do 84,1%.
As contratacións de velocidades de acceso á Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron 12,8 puntos porcentuais entre as microempresas (28,1%), e 12,4 puntos nas empresas de 10 ou máis traballadores/as (45,1%).
Durante o último ano o uso de Big Data nas empresas galegas de 10 ou máis empregados (10,3%), foi superior ao das empresas españolas (8,3%). Un 75,8% das microempresas emprega software libre para esta análise de Big Data.
A interacción das empresas galegas coas Administracións Públicas a través de Internet durante o último ano, supera, á marxe do tamaño da empresa, aos datos a nivel estatal.
No 2019 incrementáronse as medidas de seguridade TIC utilizadas nas empresas, cun crecemento de 9,9 puntos nas de 0 a 9 traballadores e de 7,9 puntos nas empresas de 10 ou máis asalariados/as con sede ou actividade en Galicia.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.
O Concello de Brión vén de anunciar que vai desenvolver, durante todo o ano, cursos de informática básica para contribuír á alfabetización dixital da veciñanza e tirar abaixo fendas tecnolóxicas formativas. Segundo indicou o Goberno local, estes obradoiros levaranse a cabo en canto haxa un mínimo de 8 persoas inscritas e na data que concreten os propios participantes.
A inscrición, polo tanto, estará aberta durante todo o ano na Casa da Cultura, no teléfono 981 50 99 08 ou en empregobrion@gmail.com. O prezo será de 30 euros, cun 50% de desconto para persoas en situación de desemprego. O obxectivo destes cursos é “que o alumnado adquira coñecementos básicos de informática de cara a mellorar a súa empregabilidade”. Así, as persoas que participen aprenderán nocións básicas do manexo dun ordenador e do sistema operativo Windows, dende manexar un procesador de textos ata crear e manexar contas de correo electrónico e navegar por Internet. As clases terán lugar na aula CeMIT de Brión os martes e xoves, en horario de 10:30 a 12:30 horas. A admisión realizarase por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas en Brión.
O #LAIC, o laboratorio de experimentación cidadá tecnolóxico-audiovisual impulsado por Coruña Dixital (Concello da Coruña) vén con importantes novidades co arranque de 2020. Sen ir máis lonxe, este mes de febreiro dará acollida a un taller de innovación narrativa para ciberactivistas da man de Ciberespect, o programa da organización non gobernamental Ecos do Sur, dirixido a “combater o discurso de odio (xenófobo, racista, islamófobo, misóxino, aporofóbico, etc,…) en Internet”.
Segundo engade Coruña Dixital, traballarase sobre a base de asumir a dupla vertente das redes sociais: por unha banda son unha canle de difusión, pero, pola outra, poden ser ferramentas para desactivar a información negativa, da crispación e da xenreira. “A cuestión”, explican, “é como aproveitar as potencialidades do entorno dixital para evitar que este discurso excluínte, e mesmo agresivo, se apropie dos espazos dixitais”. Neste laboratorio, que se vai desenvolver os martes 4, 11 e 18 de febreiro no Centro Ágora da Coruña, abordarase esta cuestión desde “unha perspectiva conceptual con desenvolvementos prácticos, nos que as participantes construirán colectivamente novos relatos e deseñarán accións concretas para a comunicación de causas sociais”. O programa a seguir será o seguinte:
O laboratorio de Ciberespect inclúe ademais unha aula virtual para o acompañamento en liña do alumnado nas intervencións de ciberactivismo que desenvolva. Esta actividade, que pode ser de especial interese para persoas relacionadas co ámbito da comunicación e das entidades sociais, ten prazas limitadas.