main content

main content
16/01/202007:01
Competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial.
Vigo

A sexta competición de robots da EE Industrial vén con novidades

Universidade de Vigo deu a coñecer estes días novidades relativas á competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial, que cada ano desde hai seis congrega centos de estudantes. Segundo fixo saber, este 2020 remodelarase a denominación das categorías e incorporaranse outras novas. Desta maneira, a sección WAAL-e (para alumnado de ESO e Bacharelato) pasará a ser BE-ROBOT e a modalidade R2D2 (para estudantes de graos e FP), DeMo-ROBOT. O concurso celebrarase o 24 de abril a partir das 10.30 da mañá en varias recantos da escola do Campus de Vigo. Segundo explicou Juan Pardo, director do centro, nas cinco anteriores edicións participaron máis de 4.000 estudantes da ESO, Bacharelato, FP e universidade de toda Galicia.

Este ano agárdanse cifras semellantes aos dos dous últimos anos, nos que se acadaron os 1.000 participantes e os 171 equipos, o tope permitido, determinado polas limitacións físicas da Escola. O prazo para realizar a inscrición na competición remata o 30 de xaneiro. Xunto ao cambio nas denominacións das categorías de competición, a edición deste ano do concurso introducirá pequenas variacións coas que “se pretende estimular ás e aos concursantes”, como a de “ter que superar cos robots unha pequena rampla, un velódromo mareante no caso da categoría BE-ROBOT ou unha proba de triplo ensaio con illote”, explica o director da escola.

A competición de robots mantén vixente o obxectivo para o que foi creada, que é “espertar o interese dos rapaces e das rapazas polas disciplinas STEM”. En palabras de Juan Pardo, “estamos a vivir nun mundo onde a tecnoloxía é unha realidade que está a cambiar os nosos modos de vida e a transformar os empregos do futuro e isto hai que cultivalo desde as bases do concurso, fomentando o interese pola tecnoloxía”.

16/01/202007:01
Grupo Cigeo da EPS de Enxeñaría da USC.
Lugo

D3Mobile acada financiamento da prestixiosa sociedade internacional ISPRS

proxecto D3Mobile, promovido no Campus de Lugo (Grupo Cigeo), é unha das catro Iniciativas Educativas apoiadas este ano pola Sociedade Internacional de Fotogrametría e Sensores Remotos (ISPRS). En virtude disto, a devandita entidade patrocinará este ano que vén de comezar o campionato científico escolar impulsado pola USC, que consiste, como lembraremos, nun programa para facer que abrolle e se fortaleza o talento das e dos estudantes de ensino medio a través do escaneado 3D de precisión. O certame galego é un dos catro proxectos incluídos na convocatoria máis recente de iniciativas educativas da ISPRS.

Segundo recorda a Universidade de Santiago, a devandita entidade é a sociedade internacional máis antiga no seu eido de actividade, e adícase en boa medida a desenvolver a cooperación entre países para o avance da fotogrametría, a teledetección e as ciencias da información espacial e as súas aplicacións. Está constituída por máis dun centenar de organizacións dun cento de países e conta con financiamento de entidades referenciais do sector como a NASA, Airbus ou Leica Geosystems. O proxecto D3Mobile, que na súa oitava edición (a actual, xa en marcha) conta coa colaboración da Universidade de Florencia, foi seleccionado para o seu financiamento por parte da ISPRS xunto a outras tres iniciativas promovidas polo Instituto Universitario Politécnico de Turín, a francesa Universidade de Aix-Marsella e a Universidade de Enxeñaría Civil e Arquitectura de Beijing. Segundo destaca a Universidade de Santiago, “a inclusión de D3Mobile entre as catro propostas seleccionadas como Iniciativas Educativas da ISPRS converte á USC na primeira universidade española que acada financiamento nesta convocatoria internacional”.

14/01/202018:01
Toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña.
A Coruña

Feijóo anuncia unha convocatoria de axudas que permitirá reter ou traer ás universidades galegas a 15 investigadores de alto nivel

  • O titular da Xunta presidiu este mediodía a toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña
  • Afirma que a Cidade das TIC na que se está a traballar é a proba de que a UDC camiña pola ruta de máis unión da universidade coa súa contorna e garante o apoio da Xunta “porque será útil para o sector da tecnoloxía, para a cidade e para Galicia”
  • Destaca o compromiso innegable da Comunidade coas súas universidades, que fai posible que cada día se dediquen a ela máis de 1,2 millóns de euros
  • Traslada o obxectivo de que a financiación universitaria poida seguir medrando a través do novo Plan de financiamento 2021-2025, que comezará a deseñarse xa en febreiro
  • Refírese á especialización dos campus como un novo reto de futuro e anima a seguir nese camiño, xa que do seu éxito depende a xeración de profesionais cos perfís adecuados para responder ás demandas do mercado laboral

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante a toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a publicación no vindeiro mes de febreiro, no Diario Oficial de Galicia, da primeira convocatoria de investigadores distinguidos, que permitirá que 15 investigadores de alto nivel -5 na categoría de retención e 10 na categoría de retorno- se incorporen ás universidades galegas este mesmo ano, cunha axuda adicional para desenvolver os seus proxectos de investigación.

Logo de precisar ademais que este número incrementarase progresivamente nas vindeiras convocatorias, en función dos resultados obtidos nesta convocatoria piloto, Feijóo quixo durante a súa intervención reeditar o compromiso da Administración autonómica coa investigación, cuns investimentos directos nas tres universidades en 2019 que superaron os 61 millóns de euros, sendo esta a partida incluída no plan de financiamento cun crecemento maior cada ano.

Máis polo miúdo, o titular da Xunta subliñou que estes investimentos soportan 500 contratos activos de investigadores en formación dos programas propios, que son un dos activos máis importantes da Comunidade, así como o cofinanciamento do traballo doutros 70 investigadores dos máis prestixiosos programas nacionais. E recordou tamén que 235 grupos de investigación de referencia competitiva ou de potencial crecemento teñen un financiamento estrutural estable a 3 e 4 anos, traballando neles máis de 1.000 investigadores estables.

Nesta mesma liña, aseverou que a Cidade das TIC na que se está a traballar é a proba de que a Universidade da Coruña camiña pola ruta de máis unión da Universidade coa súa contorna, “e desde logo, a Xunta estará aí para apoiala porque é o noso compromiso e porque pensamos que será útil para o sector da tecnoloxía, para a cidade e para Galicia”.

Galicia referente no apoio aos centros de investigación

Así mesmo, resaltou que Galicia é referente no Estado no apoio aos centros de investigación universitarios, e lembrou que o DOG de onte recolle a concesión das axudas da última convocatoria pola que se concederon 18 millóns de euros a 8 deses centros, situándoos nun contexto de alta competitividade en Europa. Esta axuda, que garante o seu funcionamento ata 2022, incrementa a súa contía un 75% con respecto ao período 2016-2019.

Para darse de conta da magnitude da convocatoria, Feijóo lembrou que a maior certificación que se obtén en España, ser centro Severo Ochoa, outorga un financiamento anual dun millón de euros, e a certificación María de Maeztu, a segunda en importancia, outorga medio millón anual. “Pois ben, un centro galego obtivo un millón de euros, dous máis recibirán máis de 900.000 euros/ano e outros catro superan con amplitude os 500.000 euros”, precisou, constatando que, en total, sete centros de investigación universitaria galega recibirán un financiamento base superior ao da maioría dos centros de investigación punteiros recoñecidos en España.

As transferencias do Plan de financiamento do SUG marcarán un novo teito: 443M€

A mellor mostra de que a Universidade é prioritaria ponse de manifesto, segundo o presidente da Xunta, no feito de que esta xa recuperou hai dous anos os niveis de orzamento precrise. Así, mentres os orzamentos de Galicia aínda non recuperaron neste 2020 o nivel de 2009, a universidade galega xa o recuperou en 2018.

Ao respecto, reiterou que as transferencias do Plan de financiamento ás tres universidades galegas marcarán un novo teito, ao recibir 443 millóns de euros. Unha proba máis do compromiso innegable da Comunidade coas súas universidades, que fai posible que cada día se dediquen a ela máis de 1,2 millóns de euros.

“Unha cantidade que debe seguir crecendo e que tentaremos conseguilo a través do novo Plan de financiamento 2021-2025, que comezaremos a deseñar xa en febreiro”, avanzou, ao que engadiu que ese compromiso reflíctese tamén en termos relativos, é dicir, en comparación co resto de comunidades autónomas de España, xa que segundo o estudo realizado polo Observatorio do Sistema Universitario, Galicia ocupa a terceira posición no conxunto de España no tocante á porcentaxe do PIB dedicada á financiación universitaria.

Especialización dos campus, un reto do futuro

Durante a súa intervención, o responsable do Goberno galego referiuse tamén á especialización dos campus e animou ás universidades galegas a seguir por ese camiño, xa que do seu éxito depende a xeración de profesionais cos perfís adecuados para responder en cada momento ás necesidades e demandas da sociedade e do mercado laboral.

Logo de resaltar que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que vai regular un procedemento desta natureza, cun plan único en España que xa frutificou en oito campus especializados, dos que tres corresponden á UDC, Feijóo lembrou que o investimento realizado e comprometido nos campus no período 2013-2020 supera os 17 millóns de euros e, dado que nalgún caso xa está nunha fase moi madura, avogou por iniciar o procedemento de acreditación formal dos campus de especialización.

A orde que regula este procedemento publicouse no pasado outono e os campus que superen o proceso recibirán a acreditación, que leva asociada a aprobación dun plan de investimentos a catro anos, para acometer as accións previstas na súa estratexia docente, investigadora e de transferencia.

14/01/202012:01
Estudantes nas instalacións de Coremain.
Santiago de Compostela

Coremain compartiu a súa experiencia TIC con estudantes de Santiago, Pontevedra, Cambre e A Estrada

Co novo ano colleu impulso a terceira edición do programa Tecnólog@ por un día, que brinda a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar “en primeira persoa” unha xornada laboral con profesionais de empresas do sector TIC en Galicia (desta volta ofrécense 74 prazas). Ao abeiro da iniciativa, unha das accións de DigiTalent da axencia autonómica AMTEGA, xa se están a organizar visitas a 12 empresas galegas ou con importante presenza en Galicia. Entre elas atópase Coremain, que vén de achegarnos á realidade da súa experiencia cos vindeiros profesionais tecnolóxicos da nosa terra, unha experiencia na que recunca Coremain logo da súa participación nas anteriores edicións de Tecnólog@ por un día.

Segundo informa a empresa con sede principal en Santiago, no Polígono de Costa Vella, as visitas están a permitir aos profesionais da área de BPO compartir e resolver as inquietudes dos estudantes dos centros educativos de Santiago (Colexio Manuel Peleteiro e IES Rosalía de Castro), Pontevedra (Frei Martín Sarmiento), Cambre (IES David Buján) e A Estrada (IES Manuel García Barros), que visitaron nas últimas semanas as dependencias da empresa, compartindo un interese común por descubrir o funcionamento interno dunha compañía tecnolóxica como é Coremain. Ao longo das visitas os profesionais da empresa tiveron a oportunidade de facer abrollar, moitos por vez primeira, cadansúas facetas docentes.

Polo que se refire aos estudantes, mostraron especial interese en comprender a aplicación da programación nunha contorna real, os usos prácticos de linguaxes como Java ou Python ou as metodoloxías para a creación de macros Macrotest. Tamén quixeron afondar no proceso de concepción dun robot, que puideron experimentar en primeira persoa a través dalgúns dos proxectos en marcha de Coremain e dunha actividade práctica e moi dinámica na que se lles propuxo desenvolver un automatismo desde cero. Os estudantes participantes na experiencia aproximáronse ademais ao desenvolvemento de software e as distintas fases que implica este proceso, así como as metodoloxías máis empregadas nesta área.

13/01/202007:01
Sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Vigo

As nosas empresas de videoxogos e comunicación teñen ao seu dispor unha nova aceleradora internacional

O Consorcio da Zona Franca de Vigo segue apostando polo talento innovador galego e, de feito, comezou o ano habilitando unha nova lanzadeira que ten todos os seus puntos de mira nas contornas xeográficas que non son a nosa: o mundo, en definitiva. A aceleradora CulturaExterior, segundo informou a Zona Franca, porá todos os seus recursos en xogo para que as nosas empresas do sector cultural e de contidos accedan a novos mercados.

As firmas que participen (15 en cada edición) contarán cun equipo de expertos que as asesoren na súa andaina exterior. Grazas á aceleradora, poderán desenvolver o seu plan de internacionalización, acceder ás principais feiras mundiais e ás misións comerciais que organice a Zona Franca. Poderán concorrer estudios de videoxogos, editoriais ou produtoras musicais e escénicas, amais de firmas de comunicación, publicidade e e eventos, entre outras. O programa pretende “reducir os tempos e aumentar as posibilidades de éxito no proceso de internacionalización”. Para iso, un equipo de expertos, especializados no sector cultural e creativo, ofrecerá asesoramento personalizado ás 15 PEME seleccionadas durante un período de 3 meses. O enfoque da aceleradora será “de carácter práctico” e permitirá fomentar o networking con outras empresas do sector. O programa formativo desenvolverase en horario de tarde un día á semana desde principios de febreiro até abril.

13/01/202007:01
Cartel da iniciativa.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro xunta formación e diversión nun curso de ofimática para a rapazada

A aula CeMIT de Boiro, o punto referente de alfabetización dixital para a veciñanza do municipio, comeza o ano poñendo o punto de mira na nenez e achegando formación e actividade lúdica a partes iguais. Estamos a falar do curso de Ofirmática Divertida, dirixido a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, entre os meses de febreiro e os de xuño. A aula CeMIT, que está emprazada no Centro Social de Boiro, abre o prazo de inscrición o 15 deste mes, manténdoo aberto até o día 23. Este procedemento pode ir preparándose a través da web do Concello de Boiro, onde está habilitada a ficha.

Para quen non o saiba a estas alturas, a ofimática é un concepto que abrangue as ferramentas informáticas que se empregan para os labores propios da oficina. Os programas informáticos asociados a estas tarefas poden ser libres (por exemplo LibreOffice) ou propietarios (Microsoft Office). Todos eles teñen o nexo común de achegar recursos completos para o procesamento de textos, a creación e mantemento de bases de datos, as follas de cálculo ou as presentacións.

13/01/202007:01
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta incopora novos contidos innovadores DIXIT á iniciativa Abalar

  • Regletas dixitais, figuras 3D e experimentos para matemáticas, bioloxía e xeoloxía facilitan a aprendizaxe interactiva
  • Docentes de diferentes centros educativos xunto con profesionais do sector TIC e do audiovisual elaboran estes recursos empregando tecnoloxías como a realidade aumentada, a gamificación ou a intelixencia artificial
  • Xa están en marcha novos grupos de traballo para elaborar recursos das materias de Xeografía e Historia, Física e Química e linguas estranxeiras

 

A iniciativa DIXIT, que impulsa a creación de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual, vén de incrementar a súa oferta incorporando novos recursos para as materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, que xa están dispoñibles no Repositorio de Contidos de espazoAbalar e na plataforma do libro dixital.

No caso de Matemáticas, incorpóranse novas regletas dixitais, orientadas á aprendizaxe de conceptos matemáticos abstractos a través da manipulación e de figuras 3D, o que facilita a interiorización de algoritmos e conceptos matemáticos complexos.

Alumnos e profesores contan con dous novos bloques de contidos, un de sumas e restas con unidades, decenas e centenas, a través dun taboleiro dinámico, que mellora a visualización para traballar o cálculo. E outro de multiplicación, dedicado á comprensión e práctica de múltiplos dun número, conceptos como dobre e triplo, multiplicacións de varios números, mínimo común múltiplo etc.

Ademais, engádese o Laboratorio de xeometría 3D, orientado ao estudo da xeometría no espazo cun enfoque dinámico de visualización e manipulación de figuras en tres dimensións.

A materia de Bioloxía e Xeoloxía conta cun novo Snack Experiment dedicado á unidade de xeoloxía, na que os alumnos aprenden de forma sinxela un experimento e aplican de forma guiada o método científico que lles permite sacar conclusións por eles mesmos.

Neste snack aprenderán a preparar un medidor de ph para diferenciar entre unha substancia aceda ou básica a primeira ollada, cun cambio de cor. A diferenza dos cinco anteriores, este snack experiment ofrece unha experiencia adaptativa coa posibilidade de elixir entre distintos camiños que axustan o contido segundo a decisión do alumno.

Complétase a unidade de ecosistemas cun novo contido que ofrece unha alternativa interactiva para a aprendizaxe dos ecosistemas e as relacións das especies nunha rede trófica.

En breve estará dispoñible, tamén, o primeiro material dedicado ao ecosistema “charcas intermareales” que integra unha fase final na que o alumno, aplicando o método científico á observación de variables dependentes e independentes que afectan o ecosistema, así como á interpretación de gráficos, poderá extraer conclusións e verificar as súas hipóteses previas.

Novos contidos en máis materias

O obxectivo de DIXIT, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación, é aproveitar as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego, tendo en conta as súas necesidades, para incrementar a oferta de recursos dixitais dispoñibles para a comunidade educativa galega.

Xa están en marcha novos grupo de traballo para crear novos contidos para estas e outras materias como linguas estranxeiras, Xeografía e Historia e Física e Química, que empregarán as tecnoloxías máis avanzadas como a realidade aumentada, a gamificación ou a intelixencia artificial.

22/01/2020De 09:00 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Abanca Vigo (Avenida de García Barbón, 1-3)

ISMS Forum Galicia - Xornada de innovación e emprendemento en ciberseguridade

O capítulo galego de ISMS Forum celebra unha xornada de innovación e emprendemento en ciberseguridade o vindeiro 22 de xaneiro na sede de Abanca en Vigo (Avenida de García Barbón, 1-3), de 9:00 a 12:00 horas. Co obxecto de promover as iniciativas de emprendedores en ciberseguridade, ISMS Forum Galicia aposta pola creación dun modelo de relación entre empresas, profesionais e emprendedores co fin de apoiar e fortalecer o sector da ciberseguridade.

A presentación correrá a cargo de Roberto Baratta, Director of Loss Prevention, Business Continuity and Security, e DPO (Abanca), así como Board member de Global ISMS Forum; e Susana Rey, DPO en R y Board member de ISMS Forum Galicia. Durante a xornada, exporanse algunhas das iniciativas máis relevantes no sector e coñeceranse os proxectos da man de startups como AuthUSB, DirectDump, ImprOTech, Redbee, DooingIT ou Blackarrow

13/01/202007:01
Cartel da iniciativa.
Vigo

ISMS Forum Galicia organiza o 22 de xaneiro unha xornada de innovación e emprendemento en ciberseguridade en Vigo

O capítulo galego de ISMS Forum celebra unha xornada de innovación e emprendemento en ciberseguridade o vindeiro 22 de xaneiro na sede de Abanca en Vigo (Avenida de García Barbón, 1-3), de 9:00 a 12:00 horas. Co obxecto de promover as iniciativas de emprendedores en ciberseguridade, ISMS Forum Galicia aposta pola creación dun modelo de relación entre empresas, profesionais e emprendedores co fin de apoiar e fortalecer o sector da ciberseguridade.

A presentación correrá a cargo de Roberto Baratta, Director of Loss Prevention, Business Continuity and Security, e DPO (Abanca), así como Board member de Global ISMS Forum; e Susana Rey, DPO en R y Board member de ISMS Forum Galicia. Durante a xornada, exporanse algunhas das iniciativas máis relevantes no sector e coñeceranse os proxectos da man de startups como AuthUSB, DirectDump, ImprOTech, Redbee, DooingIT ou Blackarrow.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no seguinte ENLACE. E se aínda non eres socio de ISMS Forum, podes inscribirte gratis aquí co código de invitación: ISMSVIGO

1 mes 1 profesión dixital
Online

Premio Pioneiras IT

O Colegio Oficial de Ingeneiros de Telecomunicación vén de poñer en marcha a iniciativa "Premio Pioneras". Con esta iniciativa, que terá carácter anual, buscan á Pioneira do ano entre esas mulleres, Enxeñeiras de Telecomunicación, que tiveron a coraxe de escoller esta vocación cando ningunha o facía, que foron perseverantes e tenaces, que demostraron cos seus logros a súa valía profesional, que romperon barreiras no sector público ou na empresa, que marcaron o camiño para as que viñeron despois e, en definitiva, non só impulsaron o desenvolvemento tecnolóxico senón tamén o desenvolvemento da nosa sociedade.

O prazo para presentar candidaturas está aberto ata o próximo 20 de Xaneiro. Toda a información pódela consultar en Premio Pioneras IT.

Anímate a participar e a contribuir na identificación do talento e a premiar a aquelas mulleres que hai anos abriron camiño e sentaron precedente para as xeracións futuras.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS