A programación informática de Nadal do Concello de Ribeira regresa por estas datas e, como novidade, este ano a aula CeMIT brindará a posibilidade a 80 nenos e nenas ribeirenses pertencentes a dous centros educativos do municipio de falar por videoconferencia con Papá Noel, que os atenderá desde Laponia unha semana antes da súa visita na Noiteboa. A actividade, que está promovida desde a Xunta de Galicia, terá lugar na mañá do 16 de decembro, agardando desde a Concellería de Innovación Tecnolóxica estendela a outros nenos e nenas e a outros colexios en futuras edicións.
Así o explicou a concelleira Ana Barreiro nun acto no que deu a coñecer tamén a organización dos dous cursos gratuítos que se celebrarán nas vacacións e que están orientados á rapazada do municipio no marco do Nadal Informático. Concretamente, do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, en horario de 10.00 a 11.30 horas, desenvolverase o curso Iníciate na informática, dirixido a cativos con idades comprendidas entre os 7 e 10 anos, onde aprenderán a navegar por Internet, facer debuxos ou animar fotografías, entre outros contidos.
Tamén do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, pero desde as 12.00 ata as 13.30 horas, terá lugar un segundo curso denominado Retoca as túas fotos, esta vez destinado a alumnado de 11 a 14 anos.
En ambos casos, as inscricións pódense formalizar a partir do 16 de decembro na Aula CeMIT ou a través da web.
Ao finalizar cada acción formativa entregarase un diploma aos participantes e un pequeno agasallo sorpresa.
O Centro de Información á Muller (CIM) de Padrón vén de abrir a inscrición para un obradoiro encamiñado a incrementar o empoderamento tecnolóxico feminino do ámbito local. Trátase do curso Ferramentas para a vida: alfabetización dixital e información dos recursos xurídicos sociais, unha iniciativa programada para o vindeiro martes 10 de decembro, de 16:00 a 20:00 horas, na aula de informática do Centro Social. A actividade está incluída no Programa Integral de Mulleres Mudando o Rural.
A participación é de balde, se ben é preciso anotarse previamente no CIM de Padrón (praza Rodríguez Cobián, 4), chamando ao 611 003 472 ou enviando un correo a cim@padron.gal. O Programa Integral de Mulleres Mudando o Rural está organizado polo Concello de Padrón, a través do Centro de Información á Muller, e conta co apoio de Sustinea e da Consellería de Política Social.
SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, vai rematar 2019 con novas e importantes accións encamiñadas a facer avanzar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, achéganse en decembro 15 novas accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas (cinco), Vigo (cinco) e Porriño (cinco). A estas citas cómpre sumar as cinco previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras tantas (cinco, tamén) en Cambados, ás que hai que engadir cinco obradoiros máis en Lalín. En total, 30 obradoiros dados a coñecer polo de agora. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este mes de decembro os seguintes obradoiros: Deseña con Canva, este xoves 5 de decembro, Facebook Ads, o martes día 10, Mide os Teus Obxectivos en Redes Sociais: Análise de Estatísticas, o xoves 12 de decembro e Copywriting Aplicado a Web e Redes Sociais, previsto para o martes 17 de decembro. Estes catro primeiros obradoiros realizaranse entre as 19 e as 21 horas, mentres que o obradoiro de Ferramentas de Márketing Dixital para Empresas Turísticas, o xoves 19, farase entre as 17 e as 19 horas. Estas sesións formativas serán impartidas na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (rúa Oporto, 3).
No que respecta a Ponteareas, as actividades comezan este martes 3 de decembro cun obradoiro de Iniciación ao SEO I: Conceptos, Palabras Clave e Primeiros Pasos, o martes 10 continuarán cun obradoiro de Iniciación ao SEO II: Optimiza a túa Páxina Web para Gañar Visibilidade, o xoves 12 de decembro será a quenda de aprender sobre Facebook Ads, xa o martes 17 impartirase un obradoiro sobre Ferramentas de Marketing Dixital para Empresas Turísticas e, por último, o xoves 19 realizarase un obradoiro titulado Vende Produtos en Liña con Campañas de Google Shopping. Todos estes obradoiros impartiranse de 19 a 21 horas, a excepción de Copywriting Aplicado a Web e Redes Sociais, o martes 17, entre as 17 e as 19 horas. A totalidade destes obradoiros será impartida no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro, 5, Ribadetea, Ponteareas).
No que atinxe ao Porriño, impartiranse os seguintes obradoiros este mes de decembro: Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais, este martes 3 de decembro, Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Marketing, o martes día 10, Design Thinking, o xoves 12, Coñece as Tendencias en Economía Dixital: Impresión 3D e Robótica, o martes 17 de decembro, e Deseña con Canva, o xoves día 19. Estes obradoiros desenvolveranse de 19 a 21 horas no Multicentro do Concello de Porriño (Ribeira, s/n, Torneiros).
No caso de Lalín, os cursos que se impartirán dende este mércores 4 ata o 19 de decembro serán os seguintes: Optimiza a túa Páxina de Facebook, que terá lugar o mércores 4 de decembro, entre as 19 e as 21 horas; Vende os teus Produtos en Facebook e Instagram, que será o martes 10 de decembro, de 19 a 21 horas; Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita coma un Profesional, que está programado para o xoves 12 de decembro, de 19 a 21 horas; Crea a túa Presentación Comercial en Menos de 90 Minutos, o martes 17 de decembro, de 19 a 21 horas; e, finalmente, Coñece as Tendencias en Economía Dixital: Impresión 3D e Robótica, que se desenvolverá o xoves 19 de decembro, entre as 19 e as 21 horas. Estes obradoiros impartiranse no Viveiro de Empresas de Lalín (Polígono Lalín 2000, parcela E), agás o de Optimiza a túa Páxina de Facebook, que terá lugar no Viveiro da Estrada.
No que respecta a Pontevedra, os cursos que se impartirán ata o 19 de decembro serán os seguintes: Crea as túas Fotografías para a Campaña de Nadal, que se desenvolve este martes 3 de decembro, de 19 a 21 horas; Crea a túa Presentación Comercial en Menos de 90 Minutos, que será o martes 10 de decembro, de 19 a 21 horas; Motores de Reservas para Empresas Turísticas, programado para o xoves 12 de decembro, entre as 17 e as 19 horas; Vende Produtos en Liña con Campañas de Google Shopping, que se realizará o martes 17, entre as 19 e as 21 horas; e, finalmente, Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais, que será o xoves 19, de 19 a 21 horas. A totalidade destes obradoiros será impartida no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra (avenida Montero Ríos, s/n).
Por último, a sede de SmartPEME en Cambados, acollerá até o 19 de decembro as seguintes accións formativas: Motores de Reservas para Empresas Turísticas, este martes 3 de decembro, de 17 a 19 horas; Fotografía de Produto: Todo o que Debes Saber, programado para o martes 10 de decembro, entre as 19 e as 21 horas; Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais, o xoves 12 de novembro, de 19 a 21 horas; Como Promover o teu Propio Evento en Redes Sociais, o martes 17 de decembro, entre as 19 e as 21 horas; e, finalmente, Crea a túa Presentación Comercial en Menos de 90 Minutos, o xoves 19 de decembro, de 19 a 21 horas. Estes obradoiros impartiranse no Centro ExpoSalnés (Paseo da Calzada, s/n, Cambados).
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
En 2017 Microsoft anunciou Seeing AI, unha aplicación de balde para iOS que busca axudar a persoas con eivas visuais recoñecendo o que capta a cámara do móbil mediante intelixencia artificial e narrándoo verbalmente, e aínda que esta útil ferramenta só estaba dispoñible en inglés, co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade incorporaron 5 idiomas máis á aplicación: alemán, francés, xaponés, neerlandés e español.
Para o desenvolvemento do Seeing AI Microsoft contou coa colaboración de expertos da ONCE e da Fundación ONCE, que se involucraron na fase de probas do produto e achegaron recomendacións para a súa mellora.
Con Seeing AI os usuarios poden empregar a cámara do seu móbil para a lectura de textos curtos, recoñecer documentos, localizar e escanear códigos de barras para identificar produtos, recoñecer as caras das persoas que estean ao redor (deducindo tamén a súa idade e estado de ánimo), recoñecer o contorno (obxectos, persoas, animais...), identificar cores de obxectos, ler textos escritos a man, recoñecer fotografías (identificando a persoas e obxectos que san nas mesmas) e incluso recoñecer imaxes doutras aplicacións (como o correo electrónico, Twitter ou WhatsApp).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizou hoxe unha Xuntanza de Dinamizadores CeMIT baixo o lema “Traballando no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020”, destinada aos axentes TIC da Rede de Aulas CeMIT de toda Galicia, que tiveron a oportunidade de expoñer os seus proxectos e intercambiar ideas.
Dende os seus inicios en 2011, a Rede CeMIT planificou máis de 370.000 horas de formación en TIC en diferentes niveis e, actualmente, conta con máis de 90.400 usuarias e usuarios rexistrados. Ao longo de 2020 está previsto superar os 96.000 usuarios e realizar máis de 35.000 horas de formación e 2.500 actividades.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inaugurou o encontro agradecendo aos responsables das aulas CeMIT, formadores e dinamizadores o labor na capacitación dixital dos galegos. Neste sentido, a responsable da Axencia autonómica destacou que se cumpriu cun ano de adianto o obxectivo proposto hai tres anos de superar a porcentaxe do 75% dos galegos que acceden a Internet. Os últimos datos do INE sitúan esta porcentaxe xa no 84% a día de hoxe
Mar Pereira resaltou especialmente o incremento no acceso a internet entre os maiores de 55 a 64 anos, que creceu 15 puntos, só no último ano, e lembrou que entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal na Comunidade.
Tamén adiantou que a Rede CeMIT continuará sendo un instrumento fundamental para acreditar os coñecementos en base ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, que aprobará proximamente o Goberno galego.
Ao longo da mañá, as instalacións da Cidade da Cultura convertéronse nun espazo para fomentar a metodoloxía de traballo participativa e colaborativa que, a través da experiencia da realidade do día a día da Rede, axude a debuxar novas propostas, novos retos e dar impulso á figura de “axentes do cambio” dos dinamizadores das aulas CeMIT.
Ademais, fíxose balance dos traballos realizados e obxectivos acadados no marco do Plan de inclusión Dixital, identificáronse as actuacións programadas para o horizonte 2020, e tamén se presentaron as novidades da Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), no correspondente ao Marco de Competencias Dixitais de Galicia e ao papel da Rede CeMIT neste novo contexto.
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.
A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento e conta con máis de 800 aliados dixitais.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de cursos, charlas e outras actividades.
Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “titorización”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, dunha iniciativa para mellorar a cobertura de telefonía móbil en zonas rurais, cun investimento de ata 5 M€. Será posible grazas a sinatura dun acordo marco coa Federación Galega de Municipios (Fegamp), que se materializará nos vindeiros días.