main content

main content
18/11/201908:11
Cartel do Galicia Open Future.
Santiago de Compostela

CITIC Censa xa ten gañadores para o reto lanzado ao abeiro de Galicia Open Future

Xa hai entidades gañadoras para o Reto Industria 4.0 lanzado por CITIC Censa ao abeiro do centro de crowdworking tecnolóxico Galicia Open Future, impulsado por Telefónica dende a Cidade da Cultura en Santiago. Segundo informa a operadora, a empresa Siali tratará de mellorar o proceso de fabricación de pezas metálicas semicilíndrica, e o CEIT (Centro de Estudos de Investigacións Técnicas con sede en Guipuskoa), encargarase de emendar problemas de perforación.

Como lembraremos, a firma CITIC Censa, situada no Porriño, é unha empresa de caldeirería pesada e recipientes a presión que iniciou a súa actividade en 1965, e que no ano 2011 foi integrada dentro do grupo CITIC, un holding chinés que emprega a 140.000 persoas en negocios tan diversos como banca, seguros, enerxía, enxeñaría, tecnoloxías da información e industrias do metal.

No caso particular de CITIC Censa, o 80% da súa actividade está centrada na fabricación de grandes pezas metálicas (sobre todo muíños e fornos) destinadas ao sector da minería, unhas pezas de gran envergadura que, polas súas características, precisaban unhas condicións axeitadas e específicas de carrexado. Deste punto, da necesidade de facilitar o seu transporte, abrollan os dous retos achegados pola empresa. Polo tanto, os desafíos tiñan relación directa co seguinte: como poden as novas tecnoloxías axudar a CITIC Censa a mellorar o proceso de mecanizado de pezas metálicas semicilíndricas de gran tamaño, por unha banda, e de pezas planas por outro? No caso da proposta orientada ás pezas semicilíndricas, CITIC Censa buscaba solucionar o problema que xorde cando as pezas se deforman lixeiramente debido á gravidade, a temperatura, as tensións de fabricación e a propia memoria do material, o que fai que os centros dos puntos marcados e cargados segundo plano no Control Numérico por Computadora (CNC) non coincidan co punto real sobre a peza dividida, o que obriga aos operarios a ir axustando manualmente a máquina para que as coordenadas correctas se aliñen co punteiro que está fixado ao CNC. No caso das pezas planas, nas que se centraba o segundo reto, tratábase de achar solucións técnicas para resolver problemas de perforación asociados sobre todo ás irregularidades das superficies. Con ambos desafíos, CITIC Censa tiña o obxectivo de “reducir os tempos de mecanizado das pezas, mellorar os prazos de fabricación e aumentar a capacidade produtiva”.

Siali Technologies e CEIT

Siali Technologies, radicada en Santander e especializada en automatización industrial a través de visión artificial, tratará de mellorar o proceso de fabricación de pezas metálicas semicilíndricas de gran tamaño. Estas deben ser seccionadas para o seu transporte e posterior ensamblaxe en destino, pero, como dixemos, sofren unha lixeira deformación que provoca diferenzas entre a peza real xa dividida e a cargada no Control Numérico por Computadora (CNC), segundo o plano, e que provoca que os operarios teñan que axustar manualmente a maquinaria para facer coincidir as pezas. Pola súa banda, o CEIT buscará solucións técnicas para resolver problemas de perforación nas pezas planas asociados, fundamentalmente, ás irregularidades das superficies. Siali Technologies e CEIT foron elixidas por un comité técnico de avaliación, tendo en conta criterios como o problema que resolven, o seu grao de adecuación ao reto, a adicación do equipo ou o tempo de posta en marcha das solucións. 

Tras a súa designación como gañadoras, Siali Technologies e CEIT desenvolverán nos vindeiros meses un piloto da súa solución con CITIC Censa, para o que recibirán unha axuda de 20.000 euros da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, tanto os gañadores como o tres finalistas de cada reto poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase á mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Á parte das achegas económicas directas, Siali Technologies e CEIT poderán acceder a un préstamo participativo, até un máximo de 100.000 euros concedido por XesGalicia, dependente da Xunta de Galicia. No caso das finalistas, a un préstamo participativo de até 50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia. 

Coa súa participación na edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open Future, CITIC Censa busca mellorar os prazos de fabricación e aumentar a capacidade produtiva da súa planta do Porriño. Convértese así nunha das cinco grandes empresas galegas (Pescanova, FINSA, COREN e COFRICO), que até o momento lanzaron desafíos dirixidos a emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación de todo o mundo, a través de Galicia Open Future.

18/11/201907:11
Portátil amosando código fonte enriba dunha mesa.
Santiago de Compostela

FEUGA móstranos nun curso como ser expertos en predicións de demandas con R

actual programa formativo FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega), con sede na Universidade de Santiago, ampliouse esta tempada co Curso sobre Predición da Demanda en R, o software estatístico de gran presenza en ámbitos de investigación e empresariais avanzados. Segundo informa a fundación sobre os obxectivos da actividade formativa, esta quere ser un recurso de gran utilidade para sermos quen de anticiparnos aos requirimentos dos nosos clientes e dos usuarios dos nosos servizos: “A xestión da demanda é un aspecto importante de case calquera cadea de subministración, representa a conexión entre os clientes, o produto, e outras facetas da empresa”.

Isto que é importante en calquera ámbito de actividade, convértese en crítico no eido das cadeas de subministración do tipo Push, sinala FEUGA, lembrando a importancia de predicir futuras vendas co fin de “ofrecer un nivel de servizo o máis alto posible”. O curso, neste sentido, facilita “unha visión da previsión da demanda dentro do contexto da xerencia e de como a información da demanda histórica pode empregarse para proxectar a demanda futura”.

En definitiva, o curso subministrará os coñecementos necesarios e as técnicas a utilizar para crear previsións estatísticas, empregando o software R como linguaxe de programación estatística para realizar as diferentes análises. “Revisaremos os conceptos básicos, proporcionaremos detalles sobre os modelos matemáticos dispoñíbeis e mostraremos como todos estes elementos pódense ensamblar nun motor de predición de alta calidade”, engaden dende a fundación, lembrando que o curso ten un custe de 350 euros (con descontos do 10% para os socios) e que inclúe 8 horas de formación, a desenvolver a partir do día 28 de novembro na sede de FEUGA en Santiago, en horario de mañá e de tarde. Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.

15/11/201909:11
Asistentes á xornada de AtlanTTic.
Vigo

AtlanTTic festexa a divulgación tecnolóxica cunha vintena de actividades abertas

O centro AtlanTTic da Universidade de Vigo, centrado en novas tecnoloxías da información (Intelixencia Artificial, ciberseguridade, Big Data, telecomunicacións, etc) celebra este venres 15 unha manchea de actividades de divulgación con motivo da segunda xornada de portas abertas do programa Ciencia Singular (que tamén abrangue os restantes centros singulares da UVigo, en datas vindeiras). En AtlanTTic, o programa incluirá obradoiros prácticos e divulgativos e visitas aos laboratorios deste centro de investigación. Quen queira máis información (e facer as inscricións) pode consultala na web http://cienciasingular.gal/AtlanTTic/. As accións, unha vintena de actividades, celebraranse en horario de 16.00 a 19.00 horas.

Esta xornada celébrase ao abeiro do programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, que chega á súa segunda edición co obxectivo de dar a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nos catro centros singulares de investigación da universidade viguesa: AtlanTTic, o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigaciones Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx). Segundo explica Carlos Mosquera, director do centro TIC da UVigo, “como centro de investigación, aquí abórdanse numerosos retos da sociedade con tecnoloxías de telecomunicación en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a seguridade nas comunicacións. A participación neste tipo de iniciativas permítenos facer chegar este traballo á sociedade, dun xeito que mesmo nos permite achegarnos á tecnoloxía que se atopa detrás a través de diversos obradoiros e visitas guiadas”. Mosquera engade que “as tecnoloxías de telecomunicación están presentes nas nosas vidas máis do que imaxinamos, a veces de maneiras insospeitadas, e vemos preciso contribuír á súa difusión, dado que como sociedade necesitamos coñecer para opinar con criterio. Así, comunicacións por satélite, comunicacións ópticas, ou o 5G, todo ten matemáticas, física e unha importante dose de enxeñaría que poden espertar incluso vocacións entre os máis pequenos e pequenas”.  Ademais, explica, esta iniciativa “fainos entender algo esencial, que se pode facer investigación de calidade aquí moi preto, nos centros da Universidade de Vigo, en moitos casos con xente nova e moi motivada que formará parte do equipo que acompañará ás persoas visitantes”.

Todas as actividades serán de balde e para toda a familia e desenvolveranse entre as 16.00 e as 19.00 horas nas instalacións do centro TIC na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións no Campus de Vigo. Aínda que non é imprescindible realizar inscrición previa, todas as persoas interesadas en asistir poden rexistrarse na web (http://cienciasingular.gal/atlanttic/) e axudar así á organización a ter unha estimación de participación.

Nun plano máis concreto e poñendo o foco nas temáticas a tratar, haberá 13 obradoiros e 3 visitas guiadas, co persoal dos grupos de investigación que conforman AtlanTTic explicando o que se fai neste centro de investigación, como e onde se fai. Falarán dos proxectos nos que se están a traballar na actualidade, amosarán os laboratorios e os equipos que empregan no seu traballo cotiá e desenvolverán obradoiros, experimentos e actividades para dar a coñecer máis en detalle a tecnoloxía. Ao longo da tarde desenvolveranse os seguintes obradoiros: 

  • Lightboard. Mostrarase unha lousa de cristal luminosa para proporcionar unha formación máis transparente.
  • Impresión 3D, coa visualización do funcionamento dunha impresora deste tipo.
  • Fabricación de placas de circuíto impreso (PCBs). Visualizaranse os distintos pasos precisos para a fabricación destes circuítos, desde o deseño e a fabricación da placa ata o resultado final con todos os compoñentes xa soldados.
  • Redes de comunicación 5G.
  • Comunicacións ópticas (I) e (II). Nesta actividade tratarase de comprender de forma didáctica os mecanismos fundamentais da luz, con experimentos prácticos realizados sobre auga, doces ou M&Ms ou coa transmisión de información a grandes distancias a través dun láser.
  • Apps accesibles. Presentarase talkAACtive, unha aplicación que busca axudar no marco laboral a persoas que padecen Trastorno de Espectro Autista.
  • Bot de entretemento e acompañamento (BEA), un chatbot con empatía para acompañar a persoas maiores a través de noticias de interese que buscan mellorar o seu día a día.
  • Aplicacións accesibles: Panoramix. Un novo método de detección precoz do alzhéimer a través dunha batería de xogos de sete áreas cognitivas.
  • Se o vexo non o creo. Con este obradoiro demostrarase o funcionamento das ferramentas de análise forense de contidos multimedia, detectando manipulacións en fotos e vídeos imperceptibles para o ser humano.
  • Biometría. Recoñecemento biométrico de persoas con énfase en aplicacións de Internet.
  • Radar e xeolocalización para mellorar a loita contra os incendios forestais.
  • Nanosatélites. Membros de AtlanTTic levan desde 2007 desenvolvendo nanosatélites baixo o estándar CubeSat, sendo responsables do lanzamento ao espazo en 2012 de Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español. 

Ademais, como complemento a estes talleres as persoas interesadas poderán participar na visita guiada que se fará ao laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un moderno equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial; o laboratorio de medidas radioeléctricas, onde se realizan ensaios de medidas de antenas ou medidas de compatibilidade electromagnética, entre outros; e os laboratorios de acústica, onde se farán probas para experimentar de primeira man as diferentes posibilidades acústicas.

15/11/201909:11
Patricia Argerey na inauguración das xornadas.
Rozas (Lugo)

Boeing e GAIN desvelan ante 300 estudantes as posibilidades profesionais dos drons

Este mércores o Aeródromo de Rozas (Castro de Rei, Lugo) acolleu a inauguración das xornadas Drone Days, organizadas por Boeing co obxectivo de achegar ao alumnado de secundaria as máis que relevantes posibilidades profesionais que se abren cos vehículos non tripulados e todas as innovación tecnolóxicas que os acompañan. Na cita participou a directora da axencia galega GAIN, Patricia Argerey. As xornadas celebraranse no mesmo emprazamento lucense durante dez días. Participan 300 alumnas e alumnos.

As sesións Drone Days, que se celebran coa colaboración da Xunta, a través de GAIN, tamén contaron coa presenza de Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), sede do evento. Nas xornadas, enmarcadas nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, Argerey lembrou que o obxectivo dos obradoiros é “introducir aos estudantes, de xeito dinámico e entretido, no uso e funcionalidades das tecnoloxías vinculadas aos drons e familiarizalos coas súas aplicacións e uso”. Argerey contextualizou esta actividade de divulgación nos compromisos asinados entre a Xunta de Galicia e os seus socios no marco da Civil UAVs Initiative co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega, en especial o interese polas carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e o sector aeroespacial. Asemade, recordou amais dos Drone Days e das Aulas Newton, organizadas conxuntamente con Boeing na provincia de Lugo, está previsto celebrar outros obradoiros, charlas, concursos e visitas ao CIAR, entre outras. O programa de vocacións científico-tecnolóxicas pretende chegar a mais de 1.000 escolares, mais de 100 universitarios e preto de 2.000 persoas interesadas neste segmento do sector aeroespacial.

Alumnado de toda a provincia

Durante dez días, estudantes de secundaria de Burela, Castro de Rei, Lugo, Monforte e Xove, sobre todo de 2º e 3º da ESO, participarán en sesións de cinco horas de duración. O aforo máximo é de 30 alumnos por xornada e as inscricións xa teñen o aforo completo. Ao longo das sesións desenvolveranse diferentes obradoiros prácticos e exercicios de simulación tanto de voo con drons como de realización de mapas. Para iso, traballarase con imaxes e fotografías tomadas dende vehículos aéreos non tripulados (UAVs).

Os estudantes que participan na iniciativa traballarán en grupos de cinco ou seis persoas empregando un ordenador portátil e unha emisora de dron de simulación. Ao finalizar o obradoiro, realizarase unha saída á plataforma do aeródromo para que os participantes poidan observar voos reais de trebellos aéreos, con toma de imaxes e exercicios prácticos. Patricia Argerey aproveitou para facer balance das Aulas Newton, unha actividade que Boeing e First Scandinavia executaron en colaboración co Concello de Lugo durante tres semanas e que remataron o domingo pasado. Esta actividade, que pretende achegar as materias STEM a alumnado de nove países europeos, acolleu centros de ensino de toda a provincia (Castroverde, Chantada, Guitiriz, A Fonsagrada, Friol, Lugo, A Pastoriza e Xove) durante doce días. En total, fixo saber, 339 estudantes tiveron acceso á Aula, o que, xunto co público xeral, suma un total de preto de 1200 visitantes.

15/11/201909:11
Cartel do evento.
Lugo

R cita á rapazada de Lugo coa robótica construtiva o día 16

Os obradoiros itinerantes Crea R da operadora de telecomunicacións de cable van facer unha parada este 16 de novembro en Lugo, e farano cun obradoiro sobre robótica. Nel, sinala R, as nenas e nenos da cidade poderán potenciar a súa creatividade e facer voar o seu espírito emprendedor, ao tempo que adquiren nocións básicas sobre programación da man da escola de emprendemento xuvenil Líbolis. A sesión terá un formato didáctico á par que divertido, sendo o obxectivo contribuír a que a rapazada saiba o doado que é pasarmos de simples usuarios de tecnoloxías a facérmolas nós mesmos.

Entre as cousas concretas que poderán facer atópanse un coche de plastilina condutiva con luz propia, unha maqueta urbana na que se incluirá un semáforo programado por eles/as mesmos/as, ou mesmo unha barreira de acceso tamén dentro dunha maqueta. A cita será no Edificio de Novas Tecnoloxías (Praza Anxo Fernández Gómez, s/n de Lugo), onde se desenvolverá o obradoiro de 11:00 h a 13:00 h para un máximo de 30 nenas/vos. A sesión completarase cun recanto para os maiores: no mesmo edificio, as nais, os pais e as docentes poderán recibir consellos dun pedagogo especializado, que lles resolverá dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer de internet, das redes sociais e das novas tecnoloxías en xeral. “A través de casos prácticos e de dinámicas”, sinala R, “pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquietudes como, por exemplo, a que idade deben ter móbil os rapaces ou que límite de horas débeselle pór ao uso das pantallas”. Asemade, falarase da nova terminoloxía neste campo (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todas/volo cambio dixital.

Pilotando a sesión, pensada para un máximo de 40 persoas, contarase coa presenza dun experto de Sherpa Dixital, que tentará guindar luz a esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova. Os talleres Crea R proseguirán o seu periplo até final de ano visitando as localidades de Cambre e Santiago, tras percorrer este ano as cidades de Ourense, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Carballo, Viveiro e Vilanova de Arousa. En todos os casos, os obradoiros están abertos ao público xeral, clientes e non clientes do operador galego. Toda a información para participar témola no blog de R Digitalent 2020, o programa da AMTEGA ao que se abeiran estas actividades da operadora.

15/11/201909:11
Cartel do evento.
As Pontes

Rubén Espino e Amigus achégannos ás claves para sermos expertos en robots deportistas

O vindeiro 24 de novembro temos nas Pontes unha nova cita coas tecnoloxías libres e a robótica construtiva e participativa, nas súas vertentes máis lúdicas e deportivas. Máis polo miúdo, trátase dun encontro con Rubén Espino organizado pola Asociación Amigus ao abeiro dos seus Amigus Labs. A xuntanza servirá, entre outras cousas, para intercambiar información arredor dos robots velocistas e das competicións con estes trebellos: probas nas que os robots, no menor tempo posible, deben atravesar unha pista e sortear as pontes e as curvas que o traxecto lles pon diante.

A actividade desenvolverase en horario de 11:00 a 13:00 horas e incluirá unha charla e máis unha demostración de balde. Para asistirmos é obrigatorio que nos rexistremos no formulario habilidado na páxina do evento. O prazo de inscrición remata o 22 de novembro (prazas limitadas).

Nun plano máis detallado, a cita con Rubén Espino (Un repaso xeral á competición de velocistas) achegará aos asistentes a todas as temáticas ligadas á actual competición de trebellos tecnolóxicos, poñendo o foco nos proxectos libres relacionados e noutros recursos cos que completar os coñecementos necesarios para desenvolver un robot velocista co que asistir ás competicións, ademais de poder ver en acción a algún dos enxeños tecnolóxicos sobre a nova pista de Amigus Labs.

Rubén Espino San José é enxeñeiro de Telecomunicación, fundador e integrante do equipo Puma Pride de robótica de competición, participante en competicións de robótica desde 2011. Co equipo Eurobotics Engineering foi 5º clasificado a nivel mundial en 2015 na competición de Eurobot. A nivel estatal conseguiu numerosos premios en diversas probas, principalmente en velocistas e carreiras. Entre os seus proxectos relacionados coas competicións de velocistas destacan Pumatrón, Cyclops-Project, time2time e os xeradores de circuítos con liñas e degradado para Octave.

15/11/201909:11
Home maior diante dun ordenador acompañado por dúas mozas.
Vigo

SIVSA demostra o potencial dos serious games para mellorar a vida das persoas con doenzas psicolóxicas

empresa tecnolóxica galega SIVSA vén de desenvolver unha innovadora plataforma tecnolóxica que marca un antes e un despois no ámbito da saúde e a atención psicolóxica. Segundo informan fontes da firma con sede principal en Vigo, trátase dunha ferramenta pioneira de apoio ás decisións médicas que tira proveito dos datos clínicos e das terapias con serious games. É especialmente indicada para clínicas psicolóxicas, psiquiátricas ou de xeriatría. En palabras de SIVSA, “abre novas vías de tratamento que incorporan os beneficios da tecnoloxía ás terapias”.

Segundo explica a empresa galega, a capacidade da plataforma para mellorar a calidade de vida das persoas con doenzas psicolóxicas ou cognitivas quedou demostrada durante o seu desenvolvemento, ao abeiro do proxecto Gamapea, no que demostrou a súa eficacia na aplicación de xogos serios na prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a adopción de hábitos de vida saudables. “Os resultados obtidos”, engade SIVSA, “abren novas vías de tratamento en especialidades como a psicoloxía, a psiquiatría ou a xeriatría, e certifican os beneficios de incorporar novas tecnoloxías ás terapias”.

En termos máis concretos, a solución tecnolóxica integra resultados de probas médicas e diagnósticas, que pode cotexar cos datos extraídos de dinámicas de xogos serios aplicadas en pacientes. “Isto permite ao profesional sanitario avaliar, realizar un seguimento e comprobar como reacciona un paciente ao tratamento prescrito para adoptar as melloras ou axustes necesarios”, explica SIVSA, engadindo que o sistema tamén “posibilita acceder en tempo real aos datos clínicos, as 24 horas do día, desde calquera dispositivo e lugar, co único requisito dunha conexión a Internet, facilitando a toma de decisións ao dispor dos datos aloxados e centralizados nun mesmo recanto”.

Como dixemos, a plataforma foi desenvolvida como parte do proxecto Gamapea, que promove o envellecemento activo a través de terapias cognitivo-conductuais, e impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, Imatia, a Fundación Ramón Domínguez e Gradiant.

As súas funcionalidades foron probadas durante o estudo clínico do proxecto, desenvolvido pola USC nun centenar de pacientes galegos de máis de 45 anos, que foron sometidos a terapias a través dun videoxogo baseado no Camiño de Santiago, lográndose, en palabras de SIVSA, “un éxito sen precedentes en canto a resultados e un alto grao de adherencia, con tan só tres abandonos, un feito insólito neste tipo de investigacións e atribuible á atractiva temática e estrutura do xogo”.

Os pacientes foron divididos en dous grupos: intervención e control. No primeiro, recibiron un programa psicolóxico cognitivo-conductual a través do videoxogo cunha app complementaria, que propuña tarefas para practicar habilidades na vida real. No grupo de control, por outra banda, só se lles facilitou información sobre o envellecemento activo a través dunha aplicación informática. “A melloría nos pacientes do grupo de intervención tratados co videoxogo foi moi superior aos que pertencían ao grupo de control que non o empregaron na súa terapia”, explica SIVSA, engadindo que “os primeiros experimentaron melloras en todos os parámetros estudados (habilidades sociais, hábitos de sono, capacidade para detectar pensamentos positivos, memoria, etc.)”.

14/11/201911:11
Mans chocando puños enriba dunha mesa con portátiles.
Santiago de Compostela

A Amtega abre hoxe o prazo para que as empresas do sector tecnolóxico se adhiran ao programa de bolsas DigiTalent

  • O obxectivo desta iniciativa é facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC
  • Ata o 20 de novembro as entidades interesadas poden presentar as súas solicitudes así como as áreas de coñecemento que encaixan máis coas súas necesidades
  • No mes de xaneiro, tras a selección das empresas, abrirase a convocatoria aos estudantes que queiran acceder ás 50 bolsas do Programa
  • Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no o Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas poidan adherirse ao programa de Bolsas DigiTalent, do Plan de promoción de Talento dixital de Galicia impulsado pola Amtega, que buscan facilitar a hibridación entre o sector TIC e os perfís non dixitais.

As bolsas Digitalent ofertan un total de 50 prazas destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura co obxectivo de facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC.

Pola súa banda, as empresas colaboradoras deberán ter experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras.

Solicitudes das empresas

Ata o 20 de novembro as entidades poderán presentar as súas solicitudes así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións das persoas bolseiras en función das súas necesidades

Toda a información sobre o programa e os pasos a seguir para participar na iniciativa están páxina web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent. Neste espazo as empresas atoparán un formulario que, unha vez cuberto, poderán presentar a través da sede electrónica da Xunta.

Rematado este prazo, e unha vez avaliadas as solicitudes, publicarase a listaxe de entidades colaboradoras que finalmente recibirán ás persoas bolseiras para a realización das prácticas formativas.

Esta actuación posibilita ás empresas tecnolóxicas o acceso a unha canteira de talento para cubrir vacantes de postos que precisan da confluencia das TIC co resto de ámbitos de coñecemento.

Convocatoria a estudantes

No mes de xaneiro, unha vez seleccionadas as entidades colaboradoras, publicarase unha convocatoria dirixida a estudantes matriculados en calquera das tres universidades galegas menores de 31 anos e que teñan superado o 75% dos créditos e menos do 100%, para que poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa.

A través destas prácticas non laborais, as persoas bolseiras seleccionadas recibirán formación teórico-práctica e contarán cun plan de formación, asesoramento, orientación e dirección por parte dos responsables das empresas TIC por un período de tres meses, tendo unha duración de 20 horas semanais e serán remuneradas.

Colaboración institucional

As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

Plan DigiTalent

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola Amtega en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, ofrece actividades, formación e especialización no ámbito dixital ao longo de todo o ciclo vital da persoa. Xunto coas bolsas, o Plan desenvolverá outras 37 actuacións durante o curso 2019/2020 co fin de impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades do desenvolvemento profesional na economía dixital.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación).

08/11/201917:11
Presentación da iniciativa.
Monforte de Lemos

Executivas e a Deputación de Lugo retoman en Monforte a súa visualización do talento feminino

Monforte retoma este luns o programa Referentes Galegas nas Aulas, impulsado conxuntamente pola Asociación de Executivas de Galicia e a Deputación de Lugo. Trátase dun proxecto que xorde da necesidade de mostrar ante as novas xeracións (e ante as non tan novas tamén) as importantes contribucións femininas á ciencia, á tecnoloxía e ao emprendemento nas súas moitas manifestacións ao longo da historia.

Búscase, polo tanto, fomentar as vocacións STEM entre as mozas, poñendo o foco no alumnado da ESO, FP e Bacharelato da provincia. Deste xeito, o programa Referentes Galegas nas Aulas visualizará ante as mozas e mozos mulleres con nomes e apelidos sobranceiras nos seus ámbitos innovadores. Pilar García Porto, voceira socialista do Goberno da Deputación, destacou hoxe que a devandita é unha iniciativa “que promovemos dentro do noso firme compromiso para lograr o empoderamento da muller e a igualdade”, facendo fincapé no convencemento da entidade provincial acerca do potencial da iniciativa para “achegar ás novas xeracións diferentes testemuños de mulleres que son referentes, exemplos a seguir nos seus ámbitos profesionais”. O programa de encontros retomarase o vindeiro luns, ás 13.15 horas, no IES A Pinguela de Monforte, ao que asistirá a directora técnica na área de servizos e aplicacións do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, Antía Fernández López, e a formadora e consultora en desenvolvemento do talento, Gloria Santamaría Martínez. Hai programadas outras seis visitas antes de final de ano en centros de toda a provincia e en total serán 14 encontros aos que asistirán preto de 700 alumnos.

06/11/201918:11
Francisco Conde, durante a súa intervención.
Santiago de Compostela

A Xunta aposta por adaptar a industria aos retos dixitais para que as empresas gañen tamaño e avancen en internacionalización

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Santiago na apertura do Innovation & Manufacturing Brokerage Event, que reúne hoxe e mañá a expertos en innovación e fabricación avanzada de sete países
  • O encontro celébrase no marco da RIS3 Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, unha estratexia intelixente única en Europa e que pon o foco na Industria 4.0 e na mobilidade
  • Salienta o traballo que se está realizando dentro do próximo programa marco Horizonte Europa, centrado en fortalecer as bases científicas e tecnolóxicas da UE
  • Lembra que a Consellería destinará o próximo ano preto de 210 millóns de euros a lograr unha Galicia máis innovadora, potenciando os sectores nos que a Comunidade xa é líder e explorando novas posibilidades de desenvolvemento
 
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá en Santiago, na apertura do Innovation & Manufacturing Brokerage Event, centrado na innovación e na fabricación avanzada, a aposta de Galicia por adaptar a industria aos retos dixitais para que as empresas gañen tamaño e avancen en internacionalización. Por iso, lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará o próximo ano preto de 210 millóns de euros a lograr unha Galicia máis innovadora, potenciando os sectores nos que a Comunidade xa é líder, como o naval, o téxtil e a automoción, e explorando novas posibilidades que enriquezan o tecido industrial.
 
Así, sinalou que Galicia ten atopado novos focos de innovación, como o polo aeroespacial, o polo das TIC ou o polo de biotecnoloxía, que busca en Santiago novas sinerxías co ecosistema bio rexional, dotado dunha aceleradora centrada no descubrimento de novos fármacos. Tamén lembrou a aposta galega polos hubs de innovación dixital, e a nova convocatoria de axudas para empresas participantes nos mesmos que desenvolvan proxectos de I+D+i. Prevese ademais poñer en marcha un plan de impulso á transformación dixital, dotado con 5,3 millóns de euros.
 
No marco da Axenda Industria 4.0, a posta en marcha de solucións para avanzar na nova industria concretarase en iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada, que terán como obxectivo validar e demostrar recursos de tecnoloxías dixitais made in Galicia en sectores industriais concretos. Por outra banda, e mediante o fomento da colaboración entre empresas complementarias que xeren solucións conxuntas, impulsarase a iniciativa Maquinaria 4.0, que incidirá no desenvolvemento de provedores de bens de equipo para a nova industria.
 
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria resaltou que o Innovation & Manufacturing Brokerage Event se desenvolve no marco da RIS3 Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, unha estratexia de especialización intelixente única en Europa que permite definir ámbitos de colaboración internacional, concretar programas de especializacións comúns, reforzar os sectores estratéxicos, e proxectar un desenvolvemento económico baseado na innovación e na investigación. Na súa intervención, Francisco Conde sinalou que a alianza entre Galicia e Norte de Portugal ten entre as súas prioridades a Industria 4.0 e a Industria da Mobilidade, con respostas baseadas na transformación dixital.
 
O conselleiro resaltou o traballo que se está realizando dentro do próximo programa marco europeo de innovación Horizonte Europa, centrado en fortalecer as bases científicas e tecnolóxicas da Unión Europea, fomentar a súa competitividade e facer fronte aos grandes desafíos mundiais. Tal e como apuntou Conde, o programa marco centrarase na revolución dixital, a economía circular e a transición cara un modelo de consumo baixo en carbono.
 
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) organiza o Innovation & Manufacturing Brokerage Event, que se celebra hoxe e mañá no Palacio de Congresos de Santiago e que reúne a especialistas procedentes de toda España, Reino Unido, Italia, Grecia, Portugal, Holanda e Polonia.
 
Realízase en colaboración coa Comissão de Coordinação e Desenvolvemento Regional do Norte de Portugal e a Agência Nacional de Inovação de Portugal, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, e coa colaboración da Vanguard Initiative for New Growth through Smart Specialisation, unha rede de rexións europeas creada para impulsar o crecemento económico e social a través da innovación empresarial e industrial, da que forman parte Galicia e Norte de Portugal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS