A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) incrementa nun 4% o seu orzamento para o 2020, que ascende a 115.913.010 euros, dos que preto do 70% están destinados a investimentos para consolidar unha Galicia máis dixital e reforzar as súas capacidades para facer fronte aos retos marcados por Europa no 2030. Así o explicou a directora da Amtega, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar as contas do seu departamento para o vindeiro ano
En total, a Axencia pública destinará 79,06 millóns de euros, case un 6% máis que en 2019, a investimentos para completar a dixitalización da administración e da Xustiza, reforzar a dispoñibilidade e seguridade dos servizos dixitais; estender a educación dixital; avanzar na innovación tecnolóxica nos servizos sociais e nos novos mecanismos para a conservación e difusión do patrimonio cultural; modernizar sectores chave como o turismo e a mobilidade; mellorar a conectividade, con especial foco no rural e apoiar a xeración de talento dixital e reforzar as capacidades do sector TIC de cara a vindeira década.
En 2020 a dixitalización dos servizos da Administración e de Xustiza contará cun investimento de máis de 14 millóns. Para dar resposta aos obxectivos marcados na Lei de Administración Dixital de Galicia, abordarase a reformulación da Oficinas de Rexistro en Oficinas de Atención á Cidadanía, na creación da figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamento ou na aprobación dun marco de competencias dixitais que tomará como referencia o marco europeo.
No ámbito Xudicial, no que xa están en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico, duplicaranse as salas de vistas dixitais, que pasarán de 40 a 90 en 2020, lanzarase una nova versión do visor de expediente xudicial e completarase a implantación da sinatura dixital en todos os órganos xudiciais e nas fiscalías. Vinculado ao anterior reforzaranse a seguridade das telecomunicacións corporativas e duplicarase a capacidade de almacenamento do Centro de Proceso de Datos Integral do Gaiás, cun investimento de 2,7 millóns de euros.
No ámbito educativo a Amtega destinará 12 millóns de euros á estender e consolidar a educación dixital, integrando no libro dixital un mínimo de 50 centros e superando os 30.000 alumnos con acceso a esta plataforma, que permite o acceso on e offline a todas as materias curriculares, ademais de recursos dixitais innovadores e que dispón dun Soporte Premium 24x7 para toda a comunidade educativa.
Continuaremos aplicando a innovación aos servizos sociais cunha dotación de 2,9 millóns de euros, parte dos cales a estender a Historia Social Única Electrónica (HSUE), que xa conta con máis de 600.000 historias dixitais, coa posta en marcha da plataforma “Asiste”, que permitirá que calquera cidadán teña a través do seu móbil un contacto áxil e directo cos servizos sociais e será, ademais, unha canle a través da que familiares e coidadores teñan acceso seguro a avisos e alertas en tempo real.
No 2020 destinarase 1 millón de euros á desenvolver novas medidas do Plan eMobility como a posta en marcha da oficina virtual da mobilidade que permitirá a xestión integral nun único punto e de xeito telemático, da relación entre a administración e o sector do transporte. Tamén se avanzará na incorporación de novos servizos tanto ao Portal (bus.gal) como da aplicación bus.gal, incluíndo a extensión do pago a través da app.
A iniciativa Memoria Dixital de Galicia contará con algo máis de 3 millóns de euros o vindeiro ano para lanzar unha nova convocatoria de axudas para a dixitalización; poñer en marcha a nova plataforma de xestión do catálogo de patrimonio; estender nas bibliotecas municipais do catálogo colectivo único de rede de bibliotecas de Galicia, (actualmente hai 200), e establecerase o plan de implantación e primeiras fases de execución no caso das bibliotecas escolares.
O Plan Smart Turismo dispón de 2,1 millóns de euros para, entre outras medias, consolidar a xestión electrónica integral da inspección turística; aplicar técnicas de Big Data para coñecer os fluxos turísticos e deseñar estratexias proactivas de turismo sostible; e dotar á rede de oficinas de turismo dependentes da Xunta de Galicia dunha plataforma integral de cartelería dixital.
Para facilitar a capacitación dixital dos/das galegos/as a Amtega destinará máis de 1,3 millóns de para as actividades do Plan de Inclusión Dixital e a Rede CeMIT, que no vindeiro ano impartirá preto de 35.000 horas de formación gratuíta, coa previsión de acadar os 96.000 usuarios, 8.000 máis que este ano.
Continuar reforzando o ecosistema dixital galego é outro dos obxectivos da Amtega para o 2020 que se verá referendado coa aprobación da Estratexia Dixital de Galicia 2030, a nova folla de ruta para o novo período. Un dos instrumentos estratéxicos da EDG2030 será a posta en marcha dunha Rede de Nodos de especialización tecnolóxica que se coordinarán desde o Gaiastech, un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas, que facilitará o posicionamento do hipersector TIC galego nas tendencias tecnolóxicas da vindeira década. O Centro estará, situado na Cidade da Cultura, conta cunha dotación de 1 millón de euros para o 2020 e abrirá as súas portas no segundo semestre do ano.
En colaboración con empresas do sector tecnolóxico desenvolverase a segunda edición do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2018 – 2020 para reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital con 37 liñas de actuación das que se beneficiarán ata 6.000 persoas
No marco do programa de impulso aos contidos dixitais DICO Mindset, tras completar o proceso de compra pública innovadora, no 2020 iniciarase o desenvolvemento e pilotaxe, en colaboración coa CRTVG, da plataforma de experiencias tecnolóxicas interactivas, na que se investirá máis de 1 millón de euros.
En 2020, cun orzamento de 3,9 millóns de euros de Fondos FEADER culminaranse os despregamentos de fibra previstos no II Plan de Banda Larga da Xunta 2020 en 615 núcleos de menos de 300 habitantes do rural galego, unha actuación complementaria ás que ten en marcha o Estado e que aseguran unha cobertura de fibra con velocidades de máis de 100Mbps para máis do 80% dos galegos. Unha porcentaxe que se ampliará coas convocatorias pendentes do Estado
Así mesmo, está previsto o lanzamento en 2020 dunha nova actuación en colaboración cos concellos para incentivar novos despregamentos de redes de tecnoloxía móbil, de voz e datos, co obxecto de mellorar a cobertura en zonas de sombra.
Neste curso imos ver os conceptos básicos da realización e edición de vídeos. Isto axudaranos a ter unha linguaxe audiovisual máis avanzado e a coñecer as ferramentas básicas da posproducción. Estes coñecementos farán que teñades unha mellor comunicación á hora de realizar calquera produción audiovisual con provedores, compañeiros de traballo ou reunións sobre mercadotecnia ou comunicación. Ademais obteredes as habilidades básicas necesarias para realizar un vídeo sinxelo.
Un grupo de máis de medio cento de persoas, entre escolares, docentes, nais e pais participaron onte no V Scratch Day, unha iniciativa do CPETIG coa colaboración da AMTEGA, dirixida a escolares de entre 7 e 15 anos, que asistiron acompañados de nais ou pais, para aprender a programar co seu ordenador. Foi unha sesión práctica, no hotel Los Abetos de Compostela, na que houbo aprendizaxe e entretemento, complementada cun taller dirixido ao profesorado no que participaron unha ducia de docentes.
A presenza na actividade de nais, pais e docentes ten como finalidade que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade tanto nos fogares como nas aulas.
A actividade foi impartida por Rockbotic Galicia, unha empresa de robótica educativa que introduce aos escolares na programación e ao profesorado nas destrezas necesarias para utilizar o Scratch nas aulas con todas as súas posibilidades e facer as clases moito máis creativas. Como novidade sobre anteriores edicións, os escolares traballaron esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos.
O Scratch Day chegou onte á súa 5ª edición co obxectivo de difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares acceden ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade e o emprendemento e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas.
A numerosa presenza de nenas nesta actividade pon de relevo que iniciativas como esta, desenvolvida polo CPETIG, contribúen a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, á vez que se difunden as posibilidades que ofrecen as TIC no eido educativo e se reduce a fenda dixital de xénero.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Málaga en diferentes encontros profesionais nos que puxo de manifesto a capacidade do Camiño de Santiago para impulsar o rural galego e a oportunidade que ofrecen as tecnoloxías para garantir unha ruta máis inclusiva.
Nava Castro impartiu a conferencia inaugural nas II Xornadas de Emprendemento, organizadas pola Universidade Internacional de Andalucía, co relatorio Turismo cultural como motor de desenvolvemento: o Camiño de Santiago.
O impacto da ruta sobre as economías dos concellos de Galicia, a súa repercusión no emprego, as tendencias demográficas, así como diferentes aspectos culturais e sociais foron algúns dos temas que expuxo. Incidiu, ademais, en itinerarios como a Vía da Prata, que parte de Andalucía, como unha das rutas que presenta un maior potencial de crecemento, especialmente de cara ao ano 2021, e capacidade para dinamizar a España interior.
Tamén participou no Congreso Internacional Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade da Fundación ONCE na mesa redonda Camiño de Santiago inclusivo. Durante a súa intervención puxo de manifesto o traballo levado a cabo para facer da Ruta Xacobea un itinerario cada vez máis accesible. Referiuse ao convenio asinado coa Fundación ONCE co que se implementará unha solución dixital para que as persoas invidentes ou con problemas de visión poidan recorrer as etapas de forma autónoma.
Do mesmo xeito, expuxo a importancia de dar unha hospitalidade inclusiva e puxo de manifesto o traballo levado a cabo na rede pública de albergues con distintas medidas físicas postas en marcha como habitacións e aseos para persoas con mobilidade reducida, sinalización táctil e colocación de máis de 1.600 placas identificativas.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Baiona no XVIII Encontro galego de relacións laborais centrado nas novas tecnoloxías no mercado laboral, no que destacou a importancia de apostar pola formación e pola incorporación das competencias dixitais para contar cunha Galicia máis preparada.
Na súa intervención o conselleiro reflexionou sobre o novo paradigma laboral de continua dixitalización e robotización do traballo e subliñou que a incorporación desas novas tecnoloxías debe realizarse coa maior naturalidade posible xa que son o presente desta cuarta revolución industrial. Unha transformación que permite un novo xeito de entender a actividade produtiva e que favorecerá o nacemento de novas profesións que aínda non existen.
Por este motivo, a Xunta está centrada en redobrar o esforzo para ofrecer unha formación que responda ás necesidades actuais, continua e dual, dando prioridade ás competencias tecnolóxicas. Neste sentido, o orzamento do ano 2020 reservará 260M€ para contar cunha Galicia máis preparada, dando continuidade a medidas como o Plan Galego de Formación; e incluíndo iniciativas como un programa dual de emprego para menores de 30 anos ou TécnicAs para impulsar a través da formación, unha maior presenza das mulleres na industria.
Conde finalizou convidando a todos os axentes a sumarse a un traballo conxunto para afrontar os novos retos do mercado laboral para seguir reinventando a formación e a integración de mellores profesionais nas empresas.
O Camiño de Santiago foi un dos temas protagonistas do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo da Fundación ONCE, que se clausurou este venres en Málaga e que abordou, ademais, aspectos como o da mobilidade de pasaxeiros no futuro ou o da axuda que poden supoñer os robots a persoas maiores ou con discapacidade.
Arredor de 60 persoas, entre escolares e adultos, van participar este sábado na quinta edición do Scratch Day que organiza novamente o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), no Hotel Los Abetos de Compostela. A cita, que se convoca en colaboración con AMTEGA, será unha oportunidade inmellorable para que a nosa rapazada de entre 7 e 15 anos aprenda a programar co seu ordenador.
Para acadado, mostraranse aos participantes as utilidades de Scratch, unha linguaxe visual de programación moi indicada para introducir ás nenas e nenos nas vertentes tecnolóxicas máis creativas (polo que ten sinxeleza e de capacidade para impulsar a creatividade e o pensamento lóxico). Segundo informa o CPETIG, trátase dunha sesión práctica, na que se mestura aprendizaxe e entretemento, e na que a cativada debe asistir acompañada polos pais ou as nais, é dicir, un adulto con cada escolar, “co propósito de que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade no fogar”.
A edición deste ano inclúe tamén un obradoiro dirixido ao profesorado. Como novidade con respecto ás anteriores edicións, os escolares participantes (que deben levar ordenador portátil) traballarán esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos. O V Scratch Day ten como obxectivo “difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade, o emprendemento e a cultura libre, e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas”.
A maiores, o CPETIG pretende que “esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital de xénero”. Máis información e inscricións en http://scratchday.cpetig.gal.