main content

main content
05/02/202010:02
Proxecto #Escoita.
A Coruña

Materialízase en Riazor o proxecto de inclusión comunicativa #Escoita, co-impulsado polo COETG

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vén de informar da materialización definitiva dun proxecto de inclusión impulsado pola entidade a raíz do caso concreto dun seareiro do Deportivo da Coruña, Jesús Suárez. Estamos a falar do proxecto #Escoita, dirixido a solucionar a problemática do retardo nas retransmisións deportivas que dificulta o seguimento dos encontros no campo de fútbol por parte de persoas con dificultades visuais. Ademais, é quen de ceibar a retransmisión dun encontro de anuncios nin interrupcións. O sábado, no campo de fútbol de Riazor, o sistema #Escoita foi quen de emendar a dita eiva comunicativa.

Segundo nos conta o Colexio, o sistema entrou en funcionamento por primeira vez para os usuarios que así o solicitaron no partido disputado este fin de semana na Coruña e a súa estrea tivo “moi boa acollida e repercusión nos medios de comunicación”, destaca o COETG, poñendo o foco na pegada deixada nas emisoras de radio implicadas na iniciativa e no seu desenvolvemento, que reflectiron a súa estrea con todo luxo de detalles. O COETG lembra que #Escoita é un proxecto pioneiro para que as persoas con problemas visuais teñan acceso en tempo real á narración dos encontros deportivos. A contribución do COETG á súa materialización veu da man do enxeñeiro de Telecomunicación, Javier Fernández Fraga, quen realizou labores de asesoramento técnico para que a iniciativa fose finalmente levada á práctica. A conversión de #Escoita nunha realidade foi posible grazas ao Concello da Coruña, a Universidade da Coruña, a ONCE, o Deportivo e varias Emisoras Radiofónicas, ademais do COETG.

04/02/202009:02
Casa da Mocidade de Allariz.
Allariz

A Casa da Mocidade de Allariz introducirá á xuventude local nas vertentes máis creativas da fotografía co móbil

Casa da Mocidade de Allariz vén de presentar a súa axenda de divulgación, formación e participación que vai desenvolver ao longo deste primeiro trimestre: unha serie de obradoiros e charlas sobre as máis diversas temáticas convocados co obxectivo de ampliar o abano de actividades de lecer da xente nova ao tempo que melloran as súas capacidades e a súa futura empregabilidade. Estes obradoiros veñen da man da Concellería de Mocidade do Concello para seren desenvolvidos durante os sábados de febreiro, marzo e abril. Haberá divulgación sobre maxia e ilusionismo, deporte urbano e fotografía a través do móbil.

O Concelleiro de Mocidade, Iago Santás explicou que o programa foi concibido para “ofertar un ocio alternativo para os mozos e as mozas do concello, no que se realizarán actividades para todos os gustos e intereses”. Respecto do obradoiro de imaxe con dispositivos, desenvolverase os días 15 e 22 de marzo. O curso Descubrir a fotografía co teu móbil, dirixido a estudantes e parados, será unha boa oportunidade de formación para quen queira achegarse á fotografía dende un enfoque creativo e expresivo, “e todo a través dun trebello tan popular e estendido como teléfono móbil”, explica a Concellería, engadindo que ao longo do obradoiro botarase luz sobre as técnicas básicas da fotografía, “unha linguaxe e cultura visual coa que sacarlles partido ás novas tecnoloxías dun xeito ameno e práctico”.

Para máis información ou para ir coñecendo a programación de Sábados na mocidade, poderanse consultar calquera dúbida na Casa da Mocidade, no correo mocidade@allariz.com ou no 988 680 434.

04/02/202009:02
Ada Lovelace será unha das tecnólogas protagonistas da cita de divulgación.
Santiago de Compostela

As mulleres que fixeron posible a informática centrarán unha charla no CiTIUS

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da USC vai acoller este 10 de febreiro unha xornada de divulgación tecnolóxica para reivindicar as importantes contribucións das mulleres ao desenvolvemento histórico da informática. A conferencia Ada Lovelace e as pioneiras informáticas será impartida na sede do CiTIUS a partir das 12.00 horas, da man da profesora universitaria Amelia Verdejo (USC e UVigo).

O relatorio, unha nova oportunidade para derrubar estereotipos de xénero e facer medrar a presenza de rapazas nos estudos tecnolóxicos, transmitirase en directo aos centros docentes da nosa terra, e poderase visualizar a través da web do centro singular compostelán.

Na charla, Verdejo fará un percorrido polos inicios da informática, contrapoñendo a preocupante existencia da actual fenda de xénero STEM (estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) co feito de que a informática fora iniciada por unha muller, Ada Lovelace, que tivo como posteriores colegas de profesión outras importantes personalidades femininas como por exemplo Joan Clarke, que descifrou o código Enigma xunto a Alan Turing utilizando as primeiras versións de computadores como o Colossus británico, ou as integrantes do ENIAC estadounidense. A relatora tamén nos levará da man ás relevantes contribucións de Dorothy Vaughan ou Grace Hopper, que desenvolveron as primeiras linguaxes de programación como o FORTRAN ou o COBOL; ou aos traballos da científica e actriz Hedy Lamarr, cuxos sistemas usáronse para protexer as comunicacións cos mísiles durante a Segunda Guerra mundial, que son a base da actual Wi-Fi; ou ás achegas de Evelyn Berezin, quen creou en 1953 o que é considerado o primeiro ordenador de oficina.

03/02/202016:02
Logo Codix.
Santiago de Compostela

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

  • Ofértanse 180 prazas neste curso de teleformación que comezará en marzo e rematará a finais de maio, mes no que terá lugar o exame presencial
  • Os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoa usuaria da rede CeMIT
  • No mes de marzo abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá martes o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 2 de marzo e rematará o 24 de maio, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes.

Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición pode realizarse a través da web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles seguintes á publicación da convocatoria no DOG. 

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non formalicen a súa matriculación.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.

Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2020, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o primeiro semestre deste ano (no mes de marzo).

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 8.300 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.290 en cursos de teleformación titorizada e 6.050 en probas presenciais de acceso libre) e 3.812 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.

A Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, CeMIT, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e facilitar a dixitalización de pemes e micropemes.

03/02/202012:02
Momento do acto “Mulleres referentes na ciencia en Galicia”.
Ourense

A Xunta avoga por rachar cos estereotipos de xénero nos ámbitos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Ourense no acto “Mulleres referentes na ciencia en Galicia”

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avogou hoxe por rachar cos estereotipos de xénero en todos os ámbitos e, nomeadamente, naqueles relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, onde aínda persiste a fenda de xénero.

Así o destacou hoxe durante a súa participación no acto Mulleres referentes na ciencia en Galicia, que tivo lugar no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e no que tamén participaron a catedrática en farmacoloxía e premio María Josefa Wonenburger, Mabel Loza; e a catedrática de inmunoloxía e directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, África González. No acto tamén participou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

A Xunta ten posto en marcha diversas iniciativas para integrar a perspectiva de xénero na educación en xeral, e de forma específica no ámbito da ciencia. Así, por exemplo, conta coa Unidade de Muller e Ciencia e anualmente entrega os Premios María Josefa Wonenburger para recoñecer a traxectoria de mulleres destacadas no eido científico.

Outras iniciativas a destacar son o proxecto Donas de si, a través do que se elaboran unidades didácticas de mulleres pioneiras como a propia María Wonenburger, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal; e o programa Nin + nin -, iguais, que levou a varios centros educativos a mulleres referentes en distintos sectores.

Ademais, xa no eido laboral, cómpre lembrar que a Xunta reserva unha liña específica dentro do programa Emega para apoiar empresas de base científica ou tecnolóxica lideradas por mulleres.

03/02/202010:02
Imaxe que representa a saúde e a tecnoloxía.
Santiago de Compostela

Microsoft pon a súa tecnoloxía de Intelixencia artificial ao servizo da saúde

Microsoft lanzou a quinta pata do seu programa AI for Good co que a compañía aproveita a súa tecnoloxía de intelixencia artificial para axudar á sociedade en diferentes aspectos. Neste caso, o programa céntrase en acelerar e facilitar a investigación na área da saúde.

"AI for Health" é o nome deste novo programa ao que Microsoft destinará un total de 40 millóns de dólares en cinco anos co obxectivo de mellorar a investigación e o avance en saúde, mellorando os tratamentos e a calidade de vida de todas as persoas, especialmente aquelas máis propensas a ter problemas de saúde como as persoas maiores ou algunhas persoas con discapacidade.

"AI for Health" súmase aos programas de Microsoft sobre accesibilidade, patrimonio cultural, medio ambiente e acción humanitaria para completar o proxecto "AI for Good" co que a compañía se comprometeu a investir 165 millóns de euros en dotar a investigadores, organizacións sen fins de lucro e outros organismos de tecnoloxías avanzadas baseadas en intelixencia artificial.

No caso da saúde, o obxectivo é axudar a resolver os problemas de saúde máis apremiantes a través da intelixencia artificial, un programa no que xa participan entidades como BRAC, Fred Hutchinson Cancer Research Center, Intelligent Retinal Imaging Systems (IRIS), Novartis Foundation, PATH e Seattle Children's Research Institute.

A través deste programa, a compañía garante ás entidades participantes o acceso ás últimas tecnoloxías, recursos e expertos técnicos para, así, axudar á implementación de tecnoloxía de Intelixencia artificial co fin de acelerar a investigación, xerar información e mellorar o acceso ao coidado sanitario.

Así mesmo, "AI for Health" quere potenciar a compartición de coñecemento entre as entidades relacionadas coa investigación en saúde de todo o mundo, sobre todo en aspectos como a mortalidade e a lonxevidade e tamén para mellorar a protección fronte a crises sanitarias mundiais.

Ademais, o programa busca facilitar o acceso aos últimos avances sanitarios ás poboacións desatendidas, mellorando o acceso á información e a tecnoloxía.

26/02/2020De 16:15h a 20:15h
1 mes 1 profesión dixital
CDTIC, Rúa de Airas Nunes, s/n-Conxo, Santiago de Compostela

#MesD Competencias persoais para a transformación dixital. Xestión de persoas

A través desta formación, preténdese traballar en competencias asociadas á xestión de equipos de persoas en contornas profesionais colaborativos e descentralizados. Poder aplicar eficazmente técnicas e ferramentas tecnolóxicas enfocadas ao liderado dixital e xestión de persoas, mediante a aplicación das ferramentas desenvolvidas especificamente para tal fin, pode supor unha gran oportunidade para os/as profesionais, que poden ver melloradas e incrementadas as súas competencias e acceder a novos postos na organización ou mellorar as condicións dos seus postos actuais.

18/02/2020De 16:15h a 20:15h
1 mes 1 profesión dixital
CDTIC, Rúa de Airas Nunes, s/n-Conxo, Santiago de Compostela

#MesD Competencias persoais para a transformación dixital. Resolución de problemas complexos

O obxectivo da sesión é ensinar a actuar na resolución de problemas mediante metodoloxías que permitan analizar estratexias e procedementos eficaces, pór en práctica métodos de investigación e de xeración de alternativas e solucións particulares á tipoloxía de problemas.

1 mes 1 profesión dixital
Online

Día da internet Segura 2020

O Día da internet Segura, "Safer Internet Day" (SID, polas súas siglas en inglés) é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro co obxectivo de promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre nenos/as e mozos/as. O SID celébrase o segundo día da segunda semana do segundo mes do ano e reúne a millóns de persoas de todo o mundo para impulsar cambios positivos e concienciar acerca da seguridade na internet, organizando distintos eventos e actividades.

Este día non só pretende a creación dunha Internet máis segura, senón unha Internet mellor, para convertela nun espazo no que todos fagamos uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa. O SID diríxese a nenos/as e mozos/as, pais, nais e titores/as, profesores/as, educadores/as e traballadores/as sociais, así como ás empresas e responsables políticos, animándoos a participar de forma activa na creación dunha Internet mellor.

En 2020 celebrarase o 11 de febreiro. Co obxectivo de destacar o carácter positivo da internet, o lema 2020 "Unha Internet mellor comeza contigo: xuntos aprendemos ciberseguridade", convídanos a sumarnos ao movemento global, participar e aproveitar o mellor da internet para unir persoas.

06/02/2020De 10:30 a 11:30 h.
1 mes 1 profesión dixital
Online

Como obter o teu certificado dixital

A sinatura electrónica permite identificar a unha persoa para que nas súas actuacións a través da rede poida constatarse a súa vontade, de forma que a vincule xuridicamente, como ocorre coa firma tradicional. É unha das funcionalidades do certificado dixital, que serve tanto para realizar a sinatura electrónica como para cifrar documentos e levar a cabo transaccións persoais seguras.

Contidos:

  • Que é a sinatura electrónica
  • Como obter o teu certificado dixital
  • Utilidades da sinatura electrónica
  • Verificar un documento asinado dixitalmente

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS