main content

main content
18/02/202007:02
As novas investigadoras-tecnólogas de Las Acacias Bot.
Ferrol

Las Acacias Bot (Vigo) recunca como gañador na First Lego League Galicia

Finalmente a sexta edición da First Lego League Galicia foi un éxito de participación, repercusión e talento. E tamén de participación feminina. Así o fai saber a Universidade da Coruña no seu balance de fitos acadados no evento celebrado este sábado no Auditorio do Ferrol, onde competían 49 equipos (29 na categoría FLL, 14 na FLL Junior e 6 na FLL Junior Discovery) e preto de 370 mozos e mozas de Galicia e Asturias e onde se impuxo finalmente o equipo Las Acacias Bot (Vigo), que, como lembraremos, xa foi o gañador absoluto da anterior convocatoria, o que lle valeu pase para representar a Galicia na final estatal (onte acadou o Primeiro Premio GMV á Estratexia e Innovación).

Por certo que as integrantes de Las Acacias Bot tamén lograron, grazas aos seus éxitos galegos e estatais, a clasificación para a final mundial celebrada en Montevideo (Uruguai), onde acadaron o Terceiro Premio ao Deseño do Robot. Respecto do seu novo éxito, este que veñen de lograr, implica tamén a clasificación para o remate da competición estatal en Tenerife os días 28 e 29 de marzo deste mesmo ano, onde estarán acompañados do equipo Robotrafics, de Captioma Galicia, en Ourense, ao gañar o Segundo Premio Universidade da Coruña.

Volvendo ao evento deste sábado, sinalar que foi organizado pola Universidade da Coruña baixo a coordinación do profesor José Antonio Becerra Permuy, e que, ademais dos case medio cento de equipos participantes, contou coa asistencia de máis dun centenar de voluntarios (profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos do Campus de Ferrol.

O resto dos premios quedaron así:

  • Primeiro premio Dragados ao Proxecto de Innovación: C3Club, do IES Ricardo Carvalho Calero de Ferrol, A Coruña. Entregou o premio Begoña Losada, de Dragados. 
  • Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores FIRST: FrouxiMakers, do CPI de Atios, Valdoviño, A Coruña. Entregou o premio o alcalde de Ferrol, Ángel Mato. 
  • Primeiro Premio Santander Innovación ao Deseño do Robot: AnonymotsBot, do IES Fene, A Coruña. Entregou o premio Yago Sabucedo, de Banco Santander.
  • Primeiro Premio Deputación da Coruña ao Comportamento do Robot: Cuca y la Panda, do Colexio de Fomento Peñarredonda, A Coruña. Entrega o premio a deputada provincial Ana Lamas. 
  • Premio IGAPE ao Emprendemento: Ecorunners, do IES Virxe do Mar de Noia, A Coruña. Entregou o premio Natalia Barros, da Xunta de Galicia.
  • Premio LEGO Education ROBOTIX ás Novas Promesas: Robot City Pobra, da Pobra do Caramiñal, A Coruña. Entregou o premio Mariano Cabrero, subdirector da Facultade de Informática da UDC. 
  • Segundo Premio Gabadi ao Proxecto de Innovación: PDG Diamonds, de Palacio de Granda, Asturias. Entregou o premio Vicent Alsina, de Gabadi.
  • Segundo Premio aos Valores FIRST: E-Constractors, do Colexio Plurilingüe Santa María, Ourense. Entregou o premio Armando Yáñez, director da Escola Politécnica Superior. 
  • Segundo Premio ao Deseño do Robot: Efigy First Las Acacias, Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, Pontevedra. Entregou o premio Andrés Piñón, director da Escola Universitaria Politécnica. • Premio ao Adestrador para o adestrador do equipo Hackzapos, de Gazapo.gal, Narón, A Coruña. Entregou o premio Alberto González, alcalde de Valdoviño. 
  • Nominación ao Global Innovation Awards: PDG Diamonds, de Palacio de Granda, Asturias. Entregou o premio Ginés Nicolás, director do Campus Industrial de Ferrol. 

Entidades participantes
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a First Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Dragados, Gabadi, Naturgy, GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

17/02/202019:02
Momento do evento “Tempo da Psicoloxía”.
Santiago de Compostela

A Xunta aposta por potenciar o bo uso das novas tecnoloxías para evitar discriminacións e previr a violencia de xénero

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta tarde na segunda edición de “Tempo da Psicoloxía”, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e da facultade de Psicoloxía da USC
  • Fixo tamén fincapé na necesidade de impulsar referentes femininos nas TIC
     

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, apostou hoxe por fomentar o bo uso das novas tecnoloxías e das redes sociais para evitar discriminacións de xénero e para previr condutas de violencia contra a muller.

Así o destacou hoxe durante a súa participación na inauguración da segunda edición de "Tempo da Psicoloxía: unha ollada sobre a sociedade dixital", organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e pola facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

López Abella recordou que Internet, as redes sociais e os medios dixitais proporcionan ferramentas moi relevantes para o contacto humano pero que, ao mesmo tempo, supoñen riscos que antes non existían. De feito, o seu mal uso pode agravar situacións de violencia de xénero, como o control abusivo ou a difusión de estereotipos discriminatorios. A Xunta ten en marcha campañas neste sentido, como Pantallas Amigas, que alerta do risco do sexting.

Ademais, a secretaria xeral da Igualdade tamén fixo fincapé en que é necesario que as mulleres sexan parte activa na creación das tecnoloxías, e non só no seu consumo. Por iso, apostou por que as nenas teñan referentes femininos no ámbito das TIC. Neste ámbito, destacou iniciativas apoiadas polo Goberno galego como o programa Rapazas nas TIC, ou todas as iniciativas relacionadas coa visibilización das mulleres na ciencia.

17/02/202017:02
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O proxecto Tempo de Psicoloxía inaugúrase este luns cunha mesa sobre adiccións online

Hoxe dá comezo a segunda edición de Tempo da Psicoloxía, un proxecto organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago e que levarase a cabo en Compostela ata o xoves 20. Nesta primeira xornada, as condutas aditivas a través da Rede, a prevención e o seu tratamento serán as temáticas protagonistas nunha mesa de acceso libre e de balde que comezará ás 19 horas no Teatro Principal.

A mesa de hoxe, que marcará a apertura das xornadas, contará coa presenza previa de Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural de Santiago de Compostela; María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e Lourdes Mirón Redondo, decana da Facultade de Psicoloxía da USC. O primeiro dos coloquios leva por título Do smartphone ao Fortnite: adiccións e tecnoloxías, onde intervirán Antonio Rial Boubeta, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC e investigador no eido das adiccións; José Manuel Recouso Ramos, psicólogo clínico de AGALURE; Olegaria Mosqueda Bueno, orientadora do IES Santa Irene de Vigo; e Rosa Cerqueiro Landín, voceira do Movemento Galego de Saúde Mental. Esta mesa estará moderada pola xornalista Belén Regueira. O obxectivo desta sesión é avaliar as consecuencias dun hábito que se estende preocupantemente entre as novas xeracións, impulsado por empresas e entidades que fan lucro desta actividade e os medios que lles dan acubillo: o xogo online. Do mesmo xeito tocaranse cuestións relacionadas co devandito e cun mal uso das novas tecnoloxías, como a adicción aos videoxogos ou o emprego abusivo dos teléfonos móbiles, tanto entre a adolescencia como nas persoas adultas.

O proxecto

En palabras das entidades organizadoras, Tempo da Psicoloxía é “unha actividade divulgativa deste ámbito científico e profesional na sociedade, que aborda unha temática concreta en cada edición desde o prisma da psicoloxía, pero en interacción con outros axentes sociais”. As actividades dos tres primeiros días serán de acceso libre e de balde ata completar o aforo, mentres que a xornada do xoves estará reservada para a comunidade académica, coincidindo coa celebración dos actos do Día da Psicoloxía Académica.

A actividade do martes

O martes 18 de febreiro ás 19:30h na sede Afundación (rúa do Vilar, 19), ofrecerase unha palestra na que se abordarán xeitos de reducir o impacto da exclusión (de xénero, rural ou de idade) a través das ferramentas dixitais, baixo o título Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais. Participará Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; Rosa Arcos Caamaño, presidenta de FADEMUR Galicia; María José Fares Varela, psicóloga experta en envellecemento e docente das Aulas Senior ATEGAL; así como Patricia Gómez Salgado, psicóloga de FEAFES Ourense. Esta conversa estará moderada pola xornalista Tamara Montero.

O mércores

A última das actividades de acceso libre será o mércores 19, tamén na sede Afundación e ás 19:30h, para abordar “como mudaron as nosas formas de relacionarnos, tanto de xeito interpersoal como coa propia administración ou a través da nosa identidade dixital”. A xornalista Alba Mancebo ocuparase de dirixir esta conversa, na que participará Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Julio González Morandeira, psicólogo e responsable de innovación do Concello de Lugo; Noa Díaz Varela, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago; así como unha alumna do Grao de Psicoloxía, Lara Deza.

O peche desta edición de Tempo da Psicoloxía será na Facultade de Psicoloxía, con motivo dos actos de celebración do Día da Psicoloxía Académica, no que Cristina Botella, catedrática de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universitat Jaume I, impartirá unha conferencia co título O uso das TIC na intervención psicolóxica.

#TempoDesconexión

Co gallo da temática escollida para esta edición, un grupo de alumnas e alumnos do Grao de Psicoloxía da USC participa nun reto para comprobar a incidencia desta sociedade dixital nas súas vidas, a través do reto de desconectarse das redes sociais e da mensaxería instantánea (WhatsApp e semellantes) ao longo dunha semana. Co cancelo #TempoDesconexión no Instagram do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia relatan a súa experiencia día a día a través de vídeos, as dificultades para cumprilo, sensacións e cambios nas súas vidas.

17/02/202008:02
Pantallazo do álbum do concurso de debuxos.
Santiago de Compostela

A Amtega abre a votación para seleccionar aos gañadores dos concursos de debuxos e microrrelatos da Estratexia Dixital de Galicia 2030

  • Ata o 21 de febreiro estará aberto o prazo para votar a través do facebook da Amtega
  • O premio consistirá nunha tablet para cada alumno/a responsable das tres obras máis votadas polos internautas cos seus “gústame” en cada certame
  • Máis de 200 debuxos e 120 microrrelatos foron avaliados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Tecnoloxías Dixitais
  • Ambos concursos forman parte do proceso de elaboración da nova Estratexia Dixital de Galicia 2030

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar no seu Facebook as obras seleccionadas como finalistas dos concursos de debuxo “Captura a sociedade dixital!” (https://bit.ly/EDG2030debuxos) e microrrelatos “Viaxe ao 2030” (http://bit.ly/EDG2030microrrelatos).

Estes certames, que teñen como obxectivo coñecer cal é a visión dos máis novos sobre o impacto da dixitalización na sociedade galega no 2030, están dirixidos a estudantes de Primaria e ESO ou Bacharelato respectivamente e enmárcanse no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030).

Máis de 300 estudantes de toda Galicia

Un total de 213 alumnos e alumnas de Educación Primaria participaron no Concurso de debuxo “Captura a sociedade dixital!” combinando o seu talento creativo para o debuxo coa súa visión do futuro para plasmar nun debuxo distintas facetas do uso das TIC, novos hábitos e necesidades que xorden pola transformación dixital, as oportunidades derivadas da aplicación das novas tendencias dixitais, etc.

E, pola súa banda 120 alumnos e alumnas de ESO ou Bacharelato puxeron a proba o seu enxeño e capacidade imaxinativa para describir como imaxinan que a transformación dixital afectará a nosa Comunidade nos próximos 10 anos.

Os participantes proceden de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos (213 debuxos e 120 microrrelatos).

As obras recibidas foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Tecnoloxías Dixitais, formado por 2 representantes da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de Secundaria e 1 profesor de Primaria, que preseleccionaron os cinco debuxos e os cinco microrrelatos finalistas.

Selección dos gañadores

As cinco obras finalistas de cada certame están xa dispoñibles no Facebook da Amtega para que calquera internauta que o desexe poida votar ata o vindeiro 21 de febreiro aqueles debuxos e microrrelatos que consideren que mellor representan a Galicia do 2030 a través das tecnoloxías dixitais.

Premiarase cunha tablet a cada un dos/as alumnos/as responsables dos 3 mellores debuxos (1º, 2º e 3º premio) e os 3 mellores microrrelatos (1º, 2º e 3º premio), que se corresponderán coas obras máis votadas mediante o sistema ‘gústame’ do Facebook da Amtega de entre os finalistas seleccionados.

Participación na elaboración da EDG2030

Ámbolos concursos forman parte do proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 que arrincou no mes de xullo coa celebración do I Foro de debate profesional, no que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.

Ademais, nos últimos meses implicouse tamén a través de distintas actividades a representantes das EELL, do sector TIC de empresas tractoras ou o Comité de expertos académicos da EDG2030.

17/02/202008:02
Cartel da iniciativa.
Rianxo

Os cursos TIC, presentes na nova achega formativa da UNED Senior de Rianxo

Concello de Rianxo vén de abrir o prazo de inscrición para o segundo cuadrimestre do proxecto 2019-2020 da UNED Senior, que, novamente vén cunha serie de cursos de gran potencial para fomentar a autonomía, o coñecemento, os hábitos saudables e a calidade de vida das persoas maiores do concello. O prazo para formalizar as inscricións nestas actividades, que se desenvolven de marzo a xuño, remata o 26 de febreiro.

As materias a impartir, un total de cinco cursos, serán Canto tradicional e canto coral (venres ás 10.00 e 12.00 horas), módulo II de Iniciación aos teléfonos intelixentes e tabletas (os mércores de 18.30 a 20.30 horas), módulo II de Iniciación á informática e a Internet (mércores de 16.00 a 18.00 horas), módulo II de Cociñando para alimentarse ben (os martes de 18.00 a 20.00) e Práctica instrumental (os sábados de 11.00 a 13.00 horas).

Esta formación contará con dúas horas semanais e un prezo establecido en 50 euros. Ademais, as persoas maiores de 50 anos e o alumnado de nova incorporación teñen preferencia na realización destas actividades. As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa matrícula no Auditorio municipal, no teléfono 981 100 688 ou no enderezo electrónico unedsenior@concelloderianxo.gal. Trátase dun programa formativo impulsado pola Concellería de Educación e Normalización.

17/02/202008:02
Imaxe dunha das actividades formativas impartidas por MeLiSA.
Monterroso

MeLiSA comeza en Monterroso a sexta edición da súa formación en software libre para reclusos

comunidade de MeLiSA, a asociación de software libre de Melide, informou do comezo da sexta edición do programa para formar en programas libres aos reclusos dos centros penitenciarios da nosa terra. Segundo lembraron os voluntarios do colectivo, a iniciativa arrancou en 2013 como parte das actividades que leva a cabo a entidade para a difusión das tecnoloxías sen cancelas a diferentes sectores sociais da nosa Comunidade. Nestes últimos anos foron realizadas diferentes obradoiros en cada un dos centros penitenciarios de Galicia, así como nos centros CIS de Vigo e A Coruña.

Na presente edición, que comeza este venres 14 de febreiro no Centro Penitenciario de Monterroso, vanse impartir aqueles contidos necesarios para os exames da certificación galega de competencias dixitais (CODIX) que se promove dende a axencia AMTEGA. Ao abeiro da cita que comeza hoxe, un grupo reducido de internos vai recibir formación no manexo dos aplicativos LibreOffice Writer e LibreOffice Calc. Nesta ocasión, o responsable desta formación será o voluntario de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, que se vai apoiar nos recursos que se puxeron en marcha en anos anteriores, tales como a Aula de Informática da UTE, ou a plataforma de teleformación (Moodle) que nesa mesma aula está dispoñible. O programa de MeLiSA forma parte das actividades que a asociación realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia.

14/02/202018:02
Participantes do obradoiro Fly the future.
Rozas

Os obradoiros Fly the future achegan a estudantes de secundaria as oportunidades da industria dos vehículos non tripulados

  • A directora da Axencia Galega de Innovación, (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha das actividades desta iniciativa que se desenvolverá ata xuño no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) en Castro de Rei (Lugo)
  • Participarán centros de ensino de Burela, Ortigueira, Cedeira, Foz e Viveiro
  • Esta actividade, organizada coa colaboración de Babcock, enmárcase no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) nun dos obradoiros Fly the future, unha iniciativa organizada pola multinacional Babcock en colaboración coa Xunta no marco das actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia.

A actividade Fly the future amosa o lado práctico das carreiras vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) aos mozos e mozas a través da explicación, interacción e visión das solucións tecnolóxicas desenvoltas pola compañía Babcock no Polo Aeroespacial de Galicia.

Os estudantes do IES O Perdouro de Burela que participaron hoxe na iniciativa realizaron unha visita ás instalacións do CIAR, infraestrutura de referencia a nivel europeo para a realización de ensaios con vehículos non tripulados, e tiveron tamén a oportunidade de ver demostracións de voo con drons e simulacións de realidade virtual con lentes 3D. Desde hoxe e ata o 4 de xuño un total de 145 alumnos de cinco centros educativos participarán neste iniciativa. Ademais do instituto burelense, asistirán estudantes do IES de Ortigueira, do IES Punta Candieira de Cedeira, do IES de Foz e do IES María Sarmiento de Viveiro.

Fly the future inclúese no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, que inclúe diferentes actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e que ten como obxectivo espertar o interese polas carreiras STEM entre a mocidade. Está dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial, así como á comunidade universitaria. Tamén contempla accións abertas a todo tipo de público.

Neste contexto, onte comezou tamén a iniciativa Enxeñando futuro, en colaboración con Indra, na que participarán ata xuño 132 alumnos do IES Manuel García Barros da Estrada, do CPI Dr. López Suárez do Saviñao, do IES Urbano Lugrís de Malpica de Bergantiños, do IES Monte das Moas da Coruña e do IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol.

O programa de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas conta coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas e das empresas Boeing, Indra e Babcock.

O vindeiro 9 de marzo levarase a cabo un Open Day ou xornada de portas abertas en Rozas para presentar á comunidade educativa as actividades e proxectos que se están a levar a cabo no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

14/02/202010:02
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Volve #ApuntasTech co obxectivo renovado de fomentar as vocacións tecnolóxicas femininas

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL lanzan a segunda edición do concurso #ApuntasTech?, o certame destinado a promover vocacións tecnolóxicas femininas e impulsar, deste xeito, a presenza das mulleres nas carreiras STEM, hoxe en día en retroceso.

Máis polo miúdo, o obxecto principal do concurso é “xerar un catálogo de propostas concretas que axuden a espertar o entusiasmo pola tecnoloxía e alentar as vocacións tecnolóxicas temperás, principalmente entre as nenas de 10 a 15 anos (5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de Secundaria)”. Este concurso enmárcase dentro das actividades do oitavo Día das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), que se celebrará o vindeiro 23 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet.

Toda a información e instrucións para participar no evento está publicada na web da devandita iniciativa conmemorativa.

Gozar as novas tecnoloxías

O certame trata de escoitar e recoller as ideas das e dos protagonistas para gozar das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) na aula de “forma transversal, variada e inclusiva”. Este catálogo de ideas, informan as entidades convocantes, “será un recurso de gran utilidade para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc”. Logo farase unha escolma das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos online.

O obxectivo é achar “propostas divertidas, apaixonantes e innovadoras”, informan as entidades, engadindo que as contribucións deberán ter en común “facer uso das TIC de forma creativa, tanto con software como hardware, onde o uso da tecnoloxía non sexa unicamente o seu obxectivo final, senón un medio, e sexa posible levalas a cabo no contexto escolar (en tempo, orzamento…)”

Bases e máis información

O concurso conta con catro categorías, dúas para estudantes (Primaria –equipos de 2 a 6 nenos e nenas de 5º ou 6º, cun mínimo do 50% de nenas–, Secundaria –equipos de 2 a 6 rapaces e rapazas de 1º a 4º da ESO ou Bacharelato, cun mínimo do 50% de rapazas– e dúas para adultos (centros educativos e outros centros/institucións). Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits. A convocatoria estará aberta para recibir propostas até o 15 de abril. As propostas deben enviarse a concurso.apuntastech@cesga.gal.

13/02/202007:02
Participantes no coworking de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela

Comeza na Cidade da Cultura a quinta edición do coworking de Santiago con 22 proxectos empresariais vinculados ás industrias culturais e as TIC

  • Nos próximos días tamén darán comezo as accións de formación e asesoramento do resto dos dez espazos apoiados pola Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI)

 

Comeza na Cidade da Cultura a quinta edición do coworking de Santiago de Compostela, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás, onde os promotores de 22 iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses na posta en marcha das súas iniciativas empresariais.

As actividades dos 22 emprendedores -17 mulleres e 5 homes- que participan na aceleradora compostelá centraranse no sector cultural e as TIC, nos que está especializado este espazo. Así, entre as iniciativas, inclúense proxectos de deseño e produción de produtos artesanais, deseño de xoiería creativa, fotografía e dirección creativas, ilustración, posta en valor do patrimonio galego, turismo e ensino e asesoramento en distintos ámbitos.

Durante a súa estancia no Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás (CEM), poderán tamén acceder aos recursos técnicos e formativos deste espazo e da programación anual da Cidade da Cultura en torno ao emprendemento, ademais de aproveitar para crear redes de contactos con preto dun centenar de emprendedores residentes no CEM, na procura de sinerxías e oportunidades de negocio.

Nos próximos días darán comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará con tres novas aceleradoras relacionadas con actividades específicas. Así, a do Ribeiro, situada no concello ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que a aceleradora de Palas de Rei (Lugo) se centrará no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. O espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela; Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa).

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Ademais desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores instrumentos de apoio que inclúen axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, préstamos directos no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina XesGalicia.

12/02/202018:02
Ilustración de Digicraft.
Santiago de Compostela

Os 100 docentes que participan na iniciativa da Xunta e Fundación Vodafone, ‘DigiCraft non teu cole’, fórmanse hoxe en IA e robótica

  • Trátase do segundo itinerario formativo da iniciativa, que ofrece a capacitación necesaria para impartir 14 actividades sobre estas áreas
  • Ambas as institucións visitaron onte varios colexios para comprobar de primeira man o seu desenvolvemento

O programa ‘DigiCraft non teu cole’, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Amtega e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e a Fundación Vodafone España celebran hoxe unha xornada de formación do segundo itinerario do programa na que participan os 100 docentes implicados. DigiCraft é un innovador programa formativo que desenvolve as competencias dixitais a través do xogo e a experimentación dos nenos e nenas galegos de 6 a 12 anos e que comezou a súa andaina a finais de outubro.

A xornada de hoxe, de oito horas de duración, ofrece aos docentes a capacitación necesaria para impartir as 14 actividades incluídas neste itinerario e que se centran en Intelixencia artificial e Robótica. Unha das actividades é ‘Indiana…bot’, no que descubrirán algúns dos compoñentes habituais nun robot e, posteriormente, crearán e percorrerán un circuíto, utilizando distintos materiais reutilizables a modo de obstáculos que deberán sortear controlando o seu robot. Neste caso desenvólvense, entre outras, aptitudes de programación, toma de decisións e creatividade.

Na primeira avaliación do proxecto, levada a cabo a finais de xaneiro, os 50 centros participantes destacaron o seu carácter innovador, a calidade dos materiais que forman parte do kit de DigiCraft, as aptitudes que se traballan, e, sobre todo, a gran motivación que provoca nos nenos e nenas, que acaban cada actividade con ganas de seguir ampliando as súas competencias dixitais.

Visita

Para facer un seguimento do programa, representantes de ambas as institucións visitaron na xornada de onte o CEIP da Cruz e o CEIP Antonio Palacios, ambos colexios situados na provincia de Pontevedra, onde puideron comprobar de primeira man os resultados do primeiro itinerario de DigiCraft, centrado en Realidade Aumentada e Videoxogos.

Esta visita permitiu pulsar a opinión dos docentes e alumnado participante no primeiro itinerario, que lles trasladaron a boa acollida de DigiCraft. Entre as actividades con mellor aceptación entre os nenos atópase ‘Creamos un videoxogo!’, onde os nenos e nenas debuxan nun papel o seu propio videoxogo e dixitalízano para poder xogar despois sobre el. Desta maneira, algunhas das competencias dixitais que traballan son a creación de contido dixital e a resolución de problemas.

Plan Digitalent

“DigiCraft no teu cole” enmarcase nas iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. O Plan, que se puxo en marcha este curso está a desenvolver 15 iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital

Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent https://digitalent.xunta.gal/.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS