main content

main content
24/03/202008:03
Vista cenital dunha mesa cun portátil branco e plantas e unha taza de café.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro combate o confinamento con cursos de teleformación

As novas tecnoloxías e as infraestruturas de conexión e capacitación permiten que a formación dixital siga adiante, aínda que, por mor do COVID-19, non de maneira presencial. Así o entenden dende a aula CeMIT do Concello de Boiro, que teñen entre mans varios cursos de teleformación para “todos aqueles usuarios que desexen unha formación alternativa online”. Estas actividades formativas a distancia vanse realizar desde a plataforma teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).

O Concello explica que para poder participar nestes cursos, as persoas usuarias deben estar rexistradas na Rede CeMIT e que as as actividades máis destacadas do catálogo son “os cursos de Administración Electrónica, de trámites electrónicos en Internet, de xogos de adestramento mental, de comercio electrónico, de mercadotecnia en redes ou de vendas no muro”. Desde a aula CeMIT do Concello de Boiro estase tamén a traballar por elaborar unha programación audiovisual-formativa vía streaming. Deste xeito, explican, “as usuarias e usuarios poderanse seguir formando en novas tecnoloxías desde as súas casas mediante as clases online”.

24/03/2020De 10:00 a 10:45 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

#DemosXWeb Teletraballo simple e xa con G-Suite de Google

A emerxencia sanitaria do coronavirus forzou a moitas empresas a recorrer ao teletraballo.

É importante coñecer a contorna ofimática na nube, para potenciar os contornos colaborativos e crear novas canles de comunicación na empresa que optimicen o tempo e o esforzo no uso da ofimática cando as persoas non están na mesma localización.

21/03/202011:03
Logo #aculturasegue.
Santiago de Compostela

A Xunta propón unha programación de lecer cultural para toda a familia no eido dixital coa campaña #aculturasegue

  • Os museos, centros de interpretación, bibliotecas ou arquivos xestionados polo Goberno galego potencian os seus recursos e materiais online
  • Máis de 4.500 títulos de libros, revistas ou películas ofrécense en formato electrónico e de maneira gratuíta a través da plataforma GaliciaLe
  • Conxuntos monumentais como catedrais e mosteiros abren as súas portas en visitas e percorridos 360º a través da oferta de Turismo de Galicia
  • Dotacións como a Cidade da Cultura, o CGAC ou o CGAI divulgan contidos tanto de actualidade como dos seus fondos con gran interese histórico
  • O Portal da Lingua Galega conta con abondosos recursos didácticos para a cativada con xogos, materiais para imprimir e propostas interactivas

A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que a Xunta convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.

A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais, prestarase atención individual ás próximas datas conmemorativas, comezando polo Día Mundial da Poesía, que se celebra hoxe mesmo, continuando polo Día do Teatro (27 de marzo) e seguindo polo Día das Artes Galegas (1 de abril) e o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril).

Máis de 4.500 títulos dispoñibles

As bibliotecas xestionadas pola Xunta desempeñan un papel de provedoras de servizos á sociedade en xeral, e coas limitacións obrigadas, continuará a facelo. Para isto está, entre outros servizos, GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico da bibliotecas públicas galegas. A través desta pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo e o seu lugar.

En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.

Un viaxe polo tempo, a arte e a historia

Os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos poden destacarse as exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.

Aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria.

Tres boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e ao propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos os museos xestionados pola Xunta.

Estrea da Bibliografía Xacobea

Neste sentido, e como novidade para todas as persoas curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Visitar o noso patrimonio sobranceiro e coñecer a maxia dos nosos mosteiros e catedrais a través dunhas visitas virtuais 360º é tamén unha boa opción de lecer coa que desfrutar coñecendo un pouco mellor o noso legado. Un patrimonio cultural e natural que pode ser explorado tamén a través da canle de YouTube de Turismo de Galicia. E aínda que as Rutas Xacobeas non se poidan percorrer neste momento é posible recordar o gran valor cultural e os tesouros que gardan no seu seo desde as nosas casas con recursos como os presentes no web do Camiño de Santiago.

Pasado e futuro do audiovisual

Este é un momento propicio para coñecer o pasado e o futuro do audiovisual galego e visionar documentos que nos revelan aspectos pouco coñecidos de Galicia e a súa cultura, pero de gran interese. Son materiais audiovisuais históricos que foron recuperados polo CGAI como as imaxes de Castelao en Bos Aires de Eligio González (1972), o filme Un viaxe por Galicia de Manuel Aríns (1958) ou as vistas de Vigo e arredores gravadas por un afeccionado danés en 1926, entre outros.

E, do pasado, trasladámonos ao futuro do audiovisual visionando os traballos de Cinema en curso, un programa destinado a alumnos de entre 6 e 18 anos de pedagoxía do cine, que busca achegar a mocidade ao cine como arte, creación e cultura, e explorar as potencias didácticas da creación cinematográfica.

Medrar en galego

Para o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega. Entre estes, paga a pena chamar a atención daqueles dedicados aos máis novos da casa, como os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até materiais para imprimir e recursos interactivos

Así mesmo, hai abondosos audiovisuais e recursos dispoñibles no portal que se poden empregar para un mellor coñecemento e uso da lingua galega, como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e cultura.

‘Galicia, un relato no mundo’

A Cidade da Cultura ofrece a posibilidade de coñecer dixitalmente e de xeito virtual a mostra Galicia un relato no mundo. Como novidade, ofreceranse oito novos clips de guías nos que se explicarán pezas da exposición e historias relacionadas coa mesma, afastadas das pezas estrela máis coñecidas. En concreto, as pezas audiovisuais estarán dedicadas ao Mapa de Sawley, a II Guerra Mundial en Galicia, a emigración galega a América: o Cap Norte, as conexións con Europa da Galicia da Idade do Bronce, o nacemento da bandeira galega, os indianos, as gravacións musicais da emigración e o aporte económico e cultural da emigración.

Ademais, a Cidade da Cultura pon ao dispor de todo o mundo outros materiais audiovisuais de gran interese na súa canle de YouTube, así como a través das súas distintas redes sociais.

20/03/202007:03
Pantallazo do CampusRemoto da Uvigo.
Vigo

A UVigo achegará ao alumnado un catálogo de salas virtuais en directo

Universidade de Vigo, ante as circunstancias de restrición e confinamento ás que obriga o estado de alarma do Goberno, reforzou a súa oferta de teledocencia cun catálogo de salas virtuais en directo. Logo dun período de probas levadas a cabo en urxencia polos Servizos Informáticos da UVigo, estes espazos online estarían totalmente operativos a vindeira semana.

A fórmula empregada será a da conexión vía VPN-escritorio remoto ou aplicacións vía web, coa que se conseguirá, en palabras da institución educativa galega, que todos os servizos da UVigo poidan ser atendidos desde casa, “permitindo a continuación do traballo e bo funcionamento da institución, dentro das limitacións impostas por esta situación”. Con estas palabras recoñeceu o vicerreitor de Planificiación e Sostibilidade, José Luis Miguéz, o labor de ducias de persoas que, desde que se decretou o estado de alarma por mor do coronavirus, están a facer posible que a institución manteña a súa actividade. “É un enorme despregue dun sistema de videoconferencia persoal que ten a estrutura da Universidade e dentro da Universidade os centros, e o que estamos a facer é como un clon do mundo físico no mundo online para que os docentes poidan seguir coa súa actividade”, explica José Luis Míguez, que lembra que se comezou a traballar nesta iniciativa hai unhas semanas a proposta da coordinación de Campus Multimedia-UVigoTV, e ao abeiro do denominado Campus Remoto, que centraliza nun único punto as ferramentas de teledocencia da UVigo.

Segundo engadiu, cunha conexión a Internet, un computador, unha tableta e mesmo un teléfono móbil as e os profesores poden, a través destas aulas virtuais en directo, impartir docencia mediante videoconferencia e con funcionalidades adicionais que lles permiten poñer vídeos, compartir pantalla, amosar power-points ou usar encerados virtuais nos que debuxar.

Pola súa banda, o alumnado ten a súa disposición un chat a través do que poden falar co profesorado, que será o que lles comunique a existencia das súas aulas virtuais.

Un traballo de coordinación coas direccións dos centros

Míguez explicou tamén que neste intre xa se xeraron unhas 20 aulas virtuais por cada un dos centros dos tres campus da Universidade de Vigo, ademais de salas de reunións online, ás que o persoal docente da UVigo pode acceder desde o seu domicilio.

Cos equipos decanais das facultades e as direccións das escolas estes días estase a coordinar a posta en funcionamento das aulas virtuais, que nalgúns casos xa se están a probar, confirmando a súa operatividade. De feito, algúns docentes xa realizaron as súas solicitudes respectando os seus horarios de clase presenciais, garantindo así que non haxa coincidencias a esa hora con outros compañeiros.

A Universidade na nube

Usando os recursos dos que a Universidade de Vigo dotouse a través do proxecto de campus dixital de Campus do Mar, e que están situados dentro do CPD da Universidade, Campus Remoto permite unificar nun punto toda a docencia virtual da Universidade de Vigo, sumando a un recurso xa consolidado e moi empregado pola comunidade universitaria como é FaiTIC, as aulas virtuais nas que agora se está a traballar. “En Campus Remoto vive todo en Internet, é unha web e aí hai un elemento consolidado como é FaiTIC, que é unha peza clave, e agora pretendemos facer unhas aulas, que son unha copia do mundo físico, mediante salas virtuais para que o alumnado atope de xeito máis doado ao seu profesorado”, explica Míguez.

18/03/202017:03
Pantallazo do Real Decreto-lei 8/202.
Santiago de Compostela

Durante a corentena non será posible facer portabilidades telefónicas

O Boletín Oficial do Estado recolle hoxe o Real Decreto-lei 8/2020 con novas medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 que no seu artigo 20 indica a suspensión das portabilidades de numeración fixa e móbil que non estean en curso (excepto para casos de forza maior) durante o estado de alarma, evitando así que os provedores de telecomunicacións fagan campañas comerciais extraordinarias de contratación de servizos, á vez que tamén buscan reducir así a necesidade dos usuarios a desprazarse a centros de atención presencial a clientes (como para ter que recoller tarxetas SIM) ou de realizar intervencións físicas nos domicilios dos clientes, buscando así propiciar a continuidade dos servizos.

Basicamente están a adoptarse medidas por parte de todos os operadores de telecomunicacións para reducir os riscos de infección do seu persoal, para que as tan necesarias comunicacións poidan manterse nesta situación de crise. Neste momento unha das prioridades das compañías é manter a calidade do servizo e solucionar avarías, aínda que tamén sinalan que polo momento non existen limitacións para a realización de altas (entendéndose que poden ser moi necesarias nun momento no que os usuarios que até o momento tiñan dabondo cunha liña móbil vexan precisa a instalación de banda larga fixa no fogar para, por exemplo, poder teletraballar).

18/03/202008:03
Mans novas sostendo mans de persoa maior.
Barcelona

Como poden combater o confinamento as persoas maiores que viven soas?

  • O illamento pode favorecer estados depresivos e un aumento da sensación de vulnerabilidade e medo

En España hai máis de dous millóns de persoas maiores de 65 anos que viven soas. Destas, máis de 850.000 teñen 80 anos ou máis. O confinamento por coronavirus pode provocar ansiedade e depresión á poboación en xeral, pero de maneira máis significativa a persoas maiores en fogares unipersoais. «A diminución significativa das actividades e rutinas cotiás, unha baixa estimulación sensorial e unha diminución do contacto social poden alterar o seu estado anímico», explica a profesora de psicoloxía da UOC Alba Pérez.

Os expertos alertan de que a situación excepcional por COVID-19 acentúa o illamento social deste colectivo. A soidade presenta os seus propios riscos para a saúde. «Se a persoa que vive soa adoitaba saír e ter contacto social, o illamento pode influír negativamente no seu estado de ánimo, favorecendo certos estados depresivos», sinala a experta en psicoloxía e envellecemento da UOC Montserrat Lacalle. «Non hai que esquecer "engade" que ser poboación de risco pódelles levar a ter unha percepción máis negativa da situación, cun aumento da sensación de vulnerabilidade e medo».

Para xestionar o illamento e reducir a angustia, Lacalle recomenda á xente maior pensar que é unha situación puntual que, a pesar da súa importancia, pasará. Trátase de procurar manter a paciencia e ver que é un feito temporal. «Hai que poñer o pensamento no mañá. A miúdo, cando a realidade do momento non é agradable, pensar no que atoparemos cando termine pódenos axudar», sinala.

Manter a comunicación cos familiares e amigos tamén é clave. «Deben evitar encerrarse en si mesmos e procurar un contacto regular con amigos e familiares xa sexa por teléfono ou videoconferencia», remarca Pérez. Hai unha parte importante da poboación maior, case o 50 % dos maiores de 65 anos, que xa se conecta a internet desde a súa casa e na maioría dos casos fano a través do seu móbil. Nun colectivo para o que WhatsApp é a aplicación preferida, é importante que en situacións excepcionais como esta acentúese o uso desa ferramenta como canle de sociabilización.

Para aqueles que navegan por internet, é un bo momento para entrar en contacto con comunidades virtuais para compartir intereses: libros, cinema, cociña, fotografía, etc. E tamén é unha oportunidade para aprender a facer cousas novas a través da rede, por exemplo, apuntarse a algún curso de pintura ou de escritura.

«Un inimigo do illamento é a inactividade», advirte Lacalle. Por tanto tamén é clave planificar as tarefas para realizar cada día, aínda que moitas delas poidan ser a nivel doméstico. «Aínda que sexan actividades menores, o obxectivo é evitar a inactividade que pode desembocar nun baixo estado de ánimo», engade. Como tamén apunta Pérez, procurarase seguir unhas rutinas cada día: respectar o horario de levantarse, de irse a durmir, das comidas, entre outras cuestións.

As tarefas domésticas, máis aló de axudar a manter a mente ocupada, tamén son unha forma de exercicio físico: fan que as persoas se movan por casa e que circule o sangue. Para contribuír a manter unha saúde xeral, Lacalle recomenda, ademais, pasear diariamente, na medida do posible, polos diferentes espazos da casa.

E sobre todo, evitar a exposición excesiva a información sobre o coronavirus. «Está ben manterse informado, pero hai que elixir medios de comunicación contrastados e reservar uns momentos concretos para facelo. Tamén é necesario saber desconectar das noticias», conclúe Pérez.

18/03/202008:03
Teleoperadora con discapacidade visual.
Madrid

O Grupo Social ONCE envórcase coas persoas cegas e con discapacidade máis necesitadas

  • Especialmente a través da actuación dos servizos sociais da ONCE e o labor da Unidade de Voluntariado da Fundación ONCE, do Grupo Social ONCE.

Grupo Social ONCE, especialmente a través da actuación dos servizos sociais da ONCE e o labor da Unidade de Voluntariado da Fundación ONCE, está xa acometendo un plan urxente de atención ás persoas cegas e con discapacidade, especialmente aquelas que son maiores, viven soas e, pola situación xeral provocada polo coronavirus, necesitan unha maior atención.

A Organización Grupo Social ONCE puxo en marcha en todos os seus centros operativos equipos de atención básica formados por traballadores sociais, psicólogos e responsables de voluntariado. E refórzase o servizo de atención a persoas cegas maiores de 55 que viven soas nos seus domicilios, co fin de facer un seguimento da súa situación e facilitar calquera tipo de apoio que poidan necesitar nestes momentos de illamento, tales como apoio psicolóxico ou para a adquisición de alimentos ou medicinas.

Ademais no Grupo Social ONCE, mantéñense equipos de garda no Centro de Tiflotecnoloxía e Innovación (CTI), que garante apoio en cuestións tecnolóxicas, tan necesarias nestes momentos para as persoas cegas e xordocegas; e o Servizo Bibliográfico da ONCE (SBO), que se encarga do braille e toda a produción sonora que permite o acceso á lectura de forma virtual.

Mentres, a atención educativa que se presta a estudantes cegos ou con discapacidade visual grave desde os Centros de Recursos Educativos (CRE) mantense por vía telemática por parte de todos os mestres e profesionais; e o mesmo desde a Escola Universitaria de Fisioterapia da ONCE (EUF), adscrita á Universidade Autónoma de Madrid, desde onde xa se traballa cos estudantes.

Fundación ONCE do Can Guía (FOPG) priorizará o mantemento do benestar dos seus cans, tanto dos que se atopan en residencia, como dos que están con familias; mentres que a Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC) interrompe a actividade deportiva, aínda que os seus responsables técnicos e persoal administrativo, están pendente de calquera necesidade que poida xurdir e apoiando aos deportistas nas súas preparacións domiciliarias.

Fundación ONCE

Unidade de Voluntariado da Fundación ONCE, que actualmente desenvolve a súa actividade na Comunidad de Madrid, adaptou os seus servizos á situación actual e envórcase en cubrir necesidades puntuais de usuarios e usuarias individuais e de entidades do movemento asociativo coas que colabora.

Desta forma brinda axuda para facer a compra (produtos básicos de alimentación e farmacia), mantemento de rutinas de exercicio físico, acompañamento telefónico para alixeirar a tensión e a incertidume.

En definitiva, unha rede de soporte á persoa, para que manteña o seu nivel de independencia e benestar emocional. Nos casos de acompañamento presencial, sempre extremando as medidas de hixiene e prevención, aínda que que quere responder as solicitudes e necesidades de quen máis necesitan compañía nestes tempos difíciles.

Para apuntarse ou información adicional sobre como axudar, pódese escribir ao correo voluntariado@fundaciononce.es ou chamar ao teléfono 91 506 5105.

18/03/202007:03
Nenas nunha aula resolvendo exercicios cun portátil en primeiro plano.
Ponteareas

O Concello de Ponteareas sae ao paso do COVID-19 con teletraballo e recursos de teleformación para a rapazada

Os concellos da nosa terra xa levan días adaptándose ás esixencias laborais e de servizo que impoñen as restricións do decreto de alarma imposto polo Goberno central, como iniciativa de choque contra a pandemia. Por exemplo o Concello de Ponteareas, que amais de tomar as disposicións para permitir o teletraballo en todos os departamentos de seu “onde sexa posible, como medida de protección contra o COVID-19”, achegou e dispoñibilizou dende a súa web unha serie de recursos para mitigar os efectos do confinamento das familias nos seus fogares, poñendo o foco nos fogares con nenas e nenos e as súas necesidades formativas e de lecer.

A través da web da Administración local podemos botar man dun relevante feixe de ligazóns de utilidade para facer posiible e efectiva a teleformación dende o domicilio. Os recursos para facilitar a continuidade de actividade lectiva (e favorecer un mellor aproveitamento do tempo que “teñamos que ficar nos fogares”) foron achegados pola mestra de educación Susana Lamela e abranguen material docente da Xunta, propostas de diferentes centros docentes e xogos de índole educativa.

Ao longo da semana a Concellería de Ensino de Ponteareas anunciou que irá compartindo novos enlaces de actividades educativas e tamén de actividades lúdicas online.

17/03/202009:03
Teclado retroiluminado en azul.
Madrid

Altruísmo tecnolóxico español para facer fronte ao coronavirus

  • Webs para evitar o colapso sanitario ou para axudar coa educación, mellorar a conectividade ou axudar á respiración. O sector tecnolóxico español únese para frear a pandemia

A excepcionalidade imposta polo coronavirus sacou a relucir o altruísmo de gran parte do sector tecnolóxico español. Grandes empresas, pemes e startups ofrecen gratuitamente o seu coñecemento e servizos para combater a pandemia na medida do posible. Xa sexa para reducir o colapso sanitario, mellorar a conectividade ou contribuír á alfabetización dixital. Cada un desde a súa posición dentro do sector. Estes son algúns exemplos do que xa está en marcha en España.

Seguir lendo na fonte da noticia...

16/03/202012:03
Un neno xoga á videoconsola diante dun televisor.
Málaga

A Fundación ONCE quere videoxogos máis accesibles para os "gamers" con discapacidade

A Fundación ONCE quere que os videoxogos do futuro sexan máis accesibles para os xogadores que teñan discapacidade e por iso estase movendo, participando en eventos e charlas sobre tecnoloxía, para facer ver aos desenvolvedores a importancia de que as súas creacións sexan accesibles para todas as persoas.

O último evento desta lista foi na academia EVAD Formación de Málaga, un centro Playstation First que conta con acceso exclusivo a provedores, adestramento, documentación e hardware de desenvolvemento profesional para formar aos estudantes na videoconsola de Sony.

Neste encontro, representantes da fundación achegaron a importancia da accesibilidade aos alumnos co obxectivo de que inclúan a discapacidade nos seus traballos de fin de máster que están a comezar a preparar.

A fundación comezou xa o ano pasado esta campaña para eliminar as barreiras que aínda moitas persoas con discapacidade se atopan cando tratan de utilizar este tipo de tecnoloxía.

Neste sentido, a Fundación ONCE entregará dous premios de 700 e 300 euros aos dous grupos de traballo desta academia que fagan os traballos fin de máster que mellor inclúan a discapacidade nos seus proxectos.

Esta forma de integrar a discapacidade nos videoxogos pode ter moitas formas distintas, desde introducir a accesibilidade no código, incluír personaxes con discapacidade, crear plans de márketing e publicidade accesibles, ata engadir medidas de accesibilidade nalgunha das funcionalidades do videoxogo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS