As asociacións BricoLabs e Melisa.gal organizan, coa colaboración de Museos Científicos Coruñeses e de AtlanTICs, o Día dos Datos Abertos na Domus da Coruña: unha celebración anual dos datos abertos ao redor do mundo.
A Fundación ONCE lanzou o programa de bolsas "Por Talento Dixital", unha iniciativa de axudas á formación tecnolóxica que pretende mellorar o acceso a empregos cualificados de persoas con discapacidade.
Segundo argumenta a entidade na convocatoria do programa Por Talento Dixital, "a revolución tecnolóxica e dixital está a transformar o mercado de traballo e favorecendo en moitos casos a accesibilidade de persoas con discapacidade a novos empregos". Pero, engade, estes empregos requiren da adquisición de novas competencias tecnolóxicas para o seu bo desempeño.
Desde esta perspectiva, a Fundación ONCE proponse con estas bolsas que as persoas con discapacidade adquiran as competencias e habilidades tecnolóxicas necesarias para encaixar nos perfís profesionais que teñen maior demanda no mercado, á vez que quere tamén "reducir a fenda dixital de xénero".
Poderán solicitar as axudas os estudantes maiores de 16 anos que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%; os pensionistas da Seguridade Social cunha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo (sempre que esta incapacidade sexa compatible co traballo que vai desempeñar o emprendedor).
Todos eles deberán ter nacionalidade española ou ser cidadáns da Unión Europea ou dos Estados parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou Suíza e estar en España en exercicio da libre circulación e residencia. Tamén poderán pedir as bolsas os estranxeiros titulares dunha autorización para residir en territorio español que lles habilite para traballar.
En función das bases da convocatoria, a axuda económica do programa Por Talento Dixital solicitarase para sufragar cursos ou accións formativas presenciais, online ou mixtas, nalgunha das seguintes áreas de coñecemento: másteres e posgraos nos ámbitos de Enxeñería Informática, Electrónica ou de Telecomunicacións; Industria 4.0 e Internet of Things; Ciberseguridade; Big Data, Data Science; Intelixencia artificial/Aprendizaxe automática; Computación na nube; CRM e ERP (Software de xestión de clientes e empresarial); Marketing Dixital; Deseño e UX/UI (Experiencia de Usuario e Interacción de Usuario); Lean e Agile Project Management; Desenvolvemento de webs e apps, e Informática de xestión.
Igualmente, poderán ser obxecto destas axudas as taxas daquelas certificacións en softwares, linguaxes de programación, frameworks, etcétera, específicos relacionados con calquera destas áreas, sempre que a dita certificación a expida a entidade/fabricante oficial.
O programa das bolsas "Por Talento Dixital", que conta cun orzamento inicial de 500.000 euros, financiará ata un 80% da contía total da acción formativa por alumno e ata un máximo de 10.000 euros por estudante.
Permite a solicitude de varias bolsas a un mesmo alumno a condición de que se vaian a destinar a accións formativas diferentes, o seu desenvolvemento sexa compatible en tempo e lugar e respondan a un itinerario formativo que supoña a adquisición de coñecementos e competencias destinadas a configurar un perfil profesional específico. En calquera caso, a axuda total concedida a unha mesma persoa durante esta convocatoria non poderá exceder de 10.000 euros.
Os interesados en solicitar a bolsa poderán informarse, descargar a convocatoria e presentar a solicitude a través do formulario dispoñible na páxina web de "Por Talento Dixital":
O prazo de presentación de solicitudes pecharase cando se esgote a totalidade da dotación orzamentaria prevista nesta convocatoria, o que a Fundación ONCE comunicará publicamente nese momento. Tras o estudo e análise de cada solicitude, a Fundación ONCE emitirá unha resolución sobre a adxudicación ou rexeitamento da axuda, que comunicará por correo electrónico ao solicitante nun prazo inferior aos 60 días naturais desde a recepción da solicitude de bolsa e a documentación completa.
Máis información:
Ourense foi este xoves 20 de febreiro un fervedoiro de traballo informático. Por unha banda, deu acubillo á nova edición da Hash Code Ourense 2020, edición local da competición mundial Hash Code, na que programadoras e programadores de todo o mundo tenta resolver un desafío de desenvolvemento informático lanzado por Google. A edición ourensá contou coa participación de preto de medio cento de estudantes. Por outra banda, celebrouse a final galega de Global Management Challenge de simulación empresarial, quedando un equipo do Campus de Vigo no sexto posto.
Desde 2015, Google convoca anualmente o concurso de programación Hash Code, no que convida a resolver en pequenos equipos, de estudantes e/ou profesionais, un desafío de enxeñaría que se celebra no mundo de xeito simultáneo. Nesta edición, a Escola Superior de Enxeñaría Informática foi, por segundo ano consecutivo, un dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia polo que as persoas inscritas podían acudir de balde ás súas instalacións para participar desde alí no certame. Durante as catro horas de actividade, as e os 42 participantes que se achegaron ao campus, na gran maioría alumnado do centro, traballaron nas súas propostas ante o reto lanzado. O reto estivo centrado en Google Books, no sistema que ten Google de escaneo de libros, propondo solucións baseadas en algoritmos de teoría de colas de programación e ordenación para a optimización dos tempos e dos procesos que van desde o envío do libro desde a biblioteca ata o seu escaneo final. O equipo que mellor puntuación acadou na Escola Superior de Enxeñaría Informática quedou de número 192 en España, un posto que o director do centro destaca positivamente lembrando como “participaron arredor de 10.000 equipos a nivel mundial”.
Tamén este xoves pola tarde celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense a final da primeira edición de Global Management Challenge Galicia. Catro equipos da Universidade de Vigo e un total de 14 estudantes dos graos de Administración e Dirección de Empresas (ADE) dos Campus de Ourense e Vigo participaron nesta iniciativa de simulación empresarial por ordenador que ten como obxectivo principal contribuír á formación en tarefas directivas das e dos participantes. Tras meses de competición, da Universidade de Vigo chegou á final o equipo formado por Alejandro Viéitez e Pablo Casas, de terceiro curso do Grao de Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo. O equipo gañador da final foi Alcasa, composto por Carolina Teijeiro e Alejandro Fernández, estudantes da Universidade da Coruña. A edición galega de GMC tivo o apoio da Deputación de Ourense e enmárcase na fase nacional desta iniciativa, desenvolvida pola Cámara de Comercio de España e que contou na súa 40 edición coa participación de máis de 2500 universitarios e universitarias. Na cita galega competiron 28 equipos das tres universidades galegas.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernándo Suárez, renovaron recentemente a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura dun acordo con tres liñas de actuación para desenvolver ao longo deste ano, centradas na realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia.
O convenio, enmarcado dentro da Axenda Dixital de Galicia 2020, recolle a realización de actividades e accións de difusión da Sociedade Dixital de Galicia, a celebración da terceira edición do Programa Tech Kids e xornadas formativas para traballadores dos sectores TIC e de administración e servizos.
Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG organizará en 2020 un mínimo de 40 xornadas Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. As sesións terán lugar en diferentes localidades da xeografía galega con diversos talleres temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica.
A través destas actividades, rapazas e rapaces investigarán e resolverán desafíos científicos da actualidade, aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real e potenciarán habilidades e competencias como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación, e participarán en torneos e celebracións en formato deportivo.
O CPEIG realizará tamén ata seis cursos de distintas temáticas orientados a especialización de ata 300 profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación.
As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado e innovación para poñer en valor o papel fundamental das TIC no camiño cara á mellora económica de Galicia. A Amtega achegará ao CPEIG 65.000 euros para o desenvolvemento destas actividades.
A Fundación ONCE puxo en marcha o programa de bolsas "Por Talento Dixital", co que quere facilitar a formación en tecnoloxía de persoas con discapacidade para mellorar as súas posibilidades de acceso a empregos cualificados.
Con este programa, a fundación quere preparar ás persoas con discapacidade aos empregos do futuro, nun mercado laboral que se está transformando da man da nova tecnoloxía.
Así, a entidade sinala que a revolución tecnolóxica e dixital favorece en moitos casos a accesibilidade de persoas con discapacidade, pero para poder acceder aos novos empregos é necesario que adquiran competencias tecnolóxicas.
Por resta razón, a Fundación ONCE puxo en marcha este programa de bolsas para axudar a que as persoas con discapacidade poidan encaixar nos perfís profesionais con maior demanda no mercado que están ligados á tecnoloxía.
Poderán acceder a estas axudas os estudantes maiores de 16 anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, os pensionistas da Seguridade Social cunha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, e os pensionistas de clases pasivas con pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente.
O programa financiará ata o 80% do prezo de cursos ou accións formativas en áreas como a enxeñería informática, electrónica ou de telecomunicacións, a industria 4.0 e Internet of Things, a ciberseguridade, o big data, ou o data science, entre outros.
Para presentar a súa solicitude, os interesados poden entrar na web que a fundación creou para este programa: portalentodigital.es
Esta charla trata de dar a coñecer as típicas ameazas e perigos que poden afectar aos usuarios e como protexerse deles. O contido é moi pouco técnico xa que estará centrado en historias reais que describen como foi o ataque a nivel teórico, os problemas aos que se enfronta a vítima, as solucións que se poden tomar e como evitar ser obxectivo do mesmo.
A Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, que vai directa cara a súa sexta convocatoria, segue a acadar fitos de participación e repercusión, tal e como quedou de manifesto hoxe co balance de actividade publicado pola organización, no que se fai saber que logo de cinco anos de edicións, conseguiu cubrir na primeira semana do prazo de inscrición para participar na vindeira entrega, a sexta, as 156 prazas ofertadas.
Isto motivou que “ante a gran demanda rexistrada” a organización da proba decidise incluír os máis 20 equipos que quedaran en lista de agarda, co que a cifra total de equipos ascende a 190, o que se traduce en máis de 1.000 estudantes, dos que un 40% son rapazas, de centros de ESO, Bacharelato e universidade, de toda Galicia. A competición celebrarase o 24 de abril e na súa sexta edición estreará novas categorías: Be-Robot para alumnado de ESO e Bacharelato, en substitución de Wall-e, e DeMo-Robot, para alumnado de graos e FP, que toma a remuda á categoría R2D2.
Ademais, a competición, organizada pola EEI en colaboración coa Rama de Estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) e a Sección de Estudantes da International Society of Automation (ISA), contará con novas probas e novo kit, se ben, os participantes que o desexen poderán competir co de edicións anteriores.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a necesidade de que as nenas e mozas teñan referentes femininos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para coñecer o traballo das mulleres tecnólogas e pioneiras no eido da programación, así como as que tratan de visibilizar o uso das TIC ou que as empregan de forma habitual nas súas vidas.
Así o explicou na súa intervención na mesa redonda Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais da actividade Tempo da psicoloxía, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e pola facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que incidiu en que a fenda dixital de xénero segue presente a pesar de que o acceso á tecnoloxía é cada vez máis doado.
López Abella tamén resaltou a importancia de que as novas xeracións teñan referentes na ciencia e na tecnoloxía. Así, a Unidade de Muller e Ciencia fomenta a presenza das mulleres e sitúa nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica. Entre outras iniciativas, recoñece desde 2007 ás mulleres destacadas nestes dous ámbitos en Galicia co Premio María Josefa Wonenburguer.
A este obxectivo tamén contribúe o proxecto Nin+Nin-, Iguais que, desde o ano pasado, favorece o encontro de mulleres senlleiras líderes na súa actividade profesional para pechar a fenda de xénero nestes estudos entre o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.
A secretaria xeral da Igualdade aclarou ademais que os medios dixitais funcionan como ferramentas relevantes para tomar conciencia fronte ás desigualdade entre mulleres e homes pero advertiu de que o seu mal uso podería afondar na difusión de estereotipos discriminatorios e agravar condutas de control, illamento ou abuso. Co obxectivo de fomentar a igualdade e a prevención da violencia de xénero a Xunta conta con aplicacións móbiles como Escapp para as vítimas ou Agresión OFF contra as agresións sexuais.
Por outra parte, López Abella explicou que o manexo das novas tecnoloxías contribúe ao apoderamento das mulleres, sobre todo nas zonas do rural. En concreto, o seu uso no eido bancario centra a temática dos talleres para o apoderamento de mulleres do rural sobre comercio e banca electrónica que a Xunta leva a cabo en varios concellos galegos.
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na entrega dos premios da fase local da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, na que tomaron parte máis de 120 rapazas e rapaces de 2º de ESO de centros educativos de toda Galicia e que se celebrou na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade de Santiago de Compostela. No primeiro e segundo posto quedaron equipos procedentes do Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra), mentres que no terceiro posto quedou un equipo do IES Terra de Trasancos (Narón). Os primeiros clasificados representarán a Galicia na final nacional desta competición.
Durante a súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou os participantes por tomar parte nesta competición, na que “acabades de probar a vosa mentalidade científica, ordenada e crítica, clave non só neste concurso, senón para desenvolvervos como cidadáns nunha sociedade máis xusta, participativa e libre”. “Por iso apoiamos desde a Consellería este tipo de certames, porque nos permiten descubrir vocacións científicas e, a medio prazo, potencialas para seguir medrando como sociedade do coñecemento.”
Carmen Pomar destacou diante do alumnado que “ter formado parte deste reto é xa un premio” e agradeceu tamén o apoio dos docentes, “que vos acompañan hoxe, e que vos veñen guiando durante todo o camiño. Grazas, docentes, porque vós sodes o piar do sistema educativo”.
Esta Olimpíada, organizada por escolas de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos de diferentes puntos de España, avalía a capacidade de resposta rápida e intuición estrutural de diferentes grupos de estudantes de secundaria traballando en equipo, a súa actitudes diante dos problemas ou a adaptación a medios e ferramentas de traballo limitados.
Tanto a fase nacional como as locais están compostas por probas arredor da enxeñería de construción, de estruturas, hidráulica, gráfica, do transporte de mercancías e a loxística eficiente e dos proxectos asistidos por ordenador. Valórase o seu desenvolvemento no menor tempo posible.
O vindeiro mes de marzo activarase a canle Retorna Dixital, un espazo dentro do portal Retorna da Xunta, que busca captar talento entre os galegos do exterior para o sector tecnolóxico. Así o explicaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario de Emigración, Antonio Rodríguez, durante a xuntanza de traballo que mantiveron coas empresas asinantes do Pacto Dixital e o Clúster TIC galego para explicarlles os detalles da iniciativa.
A canle Retorna Dixital, que se xestionará dende a Oficina Retorna, permitirá que as empresas adheridas publiquen as súas ofertas de emprego tecnolóxico, ás que calquera galego ou galega do exterior poderán remitir a súa solicitude. A Oficina Retorna coordinará esta canle de contacto directo entre o sector dixital e os interesados en retornar a Galicia, e que complementará cos seus servizos de acompañamento ao retornado.
Ademais das empresas adheridas, que asumen o compromiso de publicar as súas ofertas laborais, o portal disporá dun directorio de empresas tecnolóxicas que os profesionais interesados en retornar a Galicia poderán consultar e contactar directamente.
As empresas asinantes do Pacto Dixital Indra, Everis, Iecisa, Televés, R, Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC e o Clúster TIC Galicia xa figuran como empresas adheridas e a iniciativa Retorna Dixital está aberta á incorporación de calquera outra empresa tecnolóxica que así o solicite.
Retorna Dixital, enmárcase no Plan DigiTalent da Xunta que se está a desenvolver en colaboración co sector tecnolóxico para impulsar as vocacións tecnolóxicas, fomentar os novos perfís dixitais e reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital.
Cómpre lembrar a elevada demanda de profesionais especializados por parte do sector tecnolóxico e as dificultades que atopa para cubrila. O Clúster TIC apunta a unhas 1.000 vacantes actualmente en Galicia. O hipersector TIC galego emprega a máis de 23.300 profesionais, a cifra máis alta dos últimos cinco anos e concentra máis de 3.400 empresas.
No encontro abordouse, tamén, o calendario de actividades do Plan DigiTalent para o presente ano. Entre os primeiros fitos do 2020, está a convocatoria das Bolsas DigiTalent, que se lanzará a vindeira semana, e que oferta 32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas formativas en 21 empresas do sector tecnolóxico.
Ademais, co obxectivo de promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos, impartiranse a partir de marzo máis de 70 charlas en centros educativos de Galicia vinculadas a novas tendencias dixitais como a Intelixencia Artificial, Blockchain, Ciencia do dato ou a Ciberseguridade, entre outras. Os encargados de impartir os relatorios serán profesionais de Altia, DXC Technology, everis, Iecisa, Indra, Orange e Vodafone, e os centros tecnolóxicos Gradiant e CiTius.
Antes do remate do curso, lanzarase a cuarta edición do programa “Tecnólogo por un día”, que ofrece a máis de 50 estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais da man de Altia, Coremain, everis, Optare Solutions, Sixtema e Tecalis.
A estas actividades súmanse as 21 iniciativas propias das empresas que colaboran no Plan. Toda a actualidade sobre as iniciativas incluídas no catálogo DigiTalent, está dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recollen as datas, localizacións e instrucións para a participación en cada unha delas.