O Concello de Lousame puxo en marcha a campaña en contra da violencia de xénero que terá como nome A árbore do bo trato. Esta iniciativa terá a súa base no formato dixital, como así indicou a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo: “Diante da situación actual, evitamos actividades tradicionais como a Andaina contra a Violencia de Xénero e apostamos polas novas tecnoloxías, a nosa páxina web e as nosas redes sociais”.
A campaña terá como imaxe simbólica unha árbore, que estará composta por follas e froitos con propostas que impulsen o bo trato. Os veciños de Lousame poderán promocionar súas ideas a partir de vídeos, textos, imaxes e demais arquivos multimedia que se exporán na páxina web do Concello. Para poder participar, o Concello de Lousame habilitará un photocall na Casa Consistorial para facer uso del en caso de que algún veciño o precise. Ademais poderanse enviar aportacións ó WhatsApp (689 126 385) e por wetransfer (nos@noscomunicacion.com).
A iniciativa, organizada pola Concellería da Igualdade do Concello de Lousame en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, non será a única actividade posta en marcha deste tipo. Ademais da campaña A árbore do bo trato, o Concello celebrará nos próximos días unha reunión na que tomarán a decisión de levar a cabo unha serie de actividades que impulsen a repudia á violencia machista.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu esta mañá, na inauguración da Maker Faire Galicia 2020, o impulso da dixitalización, a economía verde e o talento para poder construír na Comunidade unha economía de maior valor engadido:
“O talento é o motor de toda a transformación que temos por diante e se algo hai nesta Maker Faire é, precisamente, talento”, asegurou.
Conde destacou que esta nova edición do evento, que se desenvolverá 100% en liña, supón un reto de organización e unha mostra do compromiso de Galicia coa dixitalización e a aposta polas novas tecnoloxías como ferramenta para a creación de solucións innovadoras e como alternativa á presencialidade.
O vicepresidente explicou que a feira porá de manifesto ata onde pode chegar a creatividade tecnolóxica en eidos como a industria 4.0, a mobilidade, a alimentación e a saúde, ou a enerxía e a economía circular. Á súa vez, é unha oportunidade para que se dea cita o emprendemento galego a través das aceleradoras e startups das Business Factory Auto e Aero, así como o mundo da investigación.
Conde defendeu o fomento da innovación como eixe transversal e o compromiso do Goberno galego co impulso dunha Galicia máis innovadora, verde e social de cara a 2030 para o que os fondos europeos de recuperación serán unha gran oportunidade. Neste sentido, a Xunta xa trasladou ao Goberno de España os primeiros 108 proxectos deseñados da man do tecido produtivo que teñen como base a innovación e como obxectivo a modernización da industria galega e dos servizos públicos.
“O elemento vertebrador da candidatura que presentamos aos fondos é a cooperación público-privada. Debemos identificar proxectos que impulsen a transformación, creen riqueza e emprego e acheguen resiliencia económica e social”, afirmou Conde, que convidou aos participantes a colaborar na identificación de novas iniciativas que se poidan sumar á candidatura galega.
O Concello de Ames vai organizar un certame para estimular a creatividade das novas xeracións, animar á creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e dar visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Trátase da iniciativa GaleTiktokers, impulsada pola Consellería de Mocidade e Normalización Lingüística, na que poderán participar mozas e mozos a partir de 14 anos. Os seus tiktoks serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual galego e nas redes sociais.
Para inscribirse no certame cómpre enviar ao correo electrónico galetiktokers@gmail.com a ficha de participación cuberta e asinada xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020. Os premios entregaranse nun acto público o 18 de decembro de 2020. Poderase participar de forma individual ou por parellas, e establécense dúas categorías en función da idade. Na primeira categoría entrarán rapazas e rapaces de 14 a 16 anos, ambas as dúas idades incluídas; na segunda, incluiranse mozas e mozos a partir de 17 anos. No caso de participaren dúas persoas no mesmo vídeo, deberá ser con pantalla compartida para cumprir as normas sanitarias de seguridade; deste xeito, poderase compartir vídeo pero non espazo de gravación.
As bases do certame establecen catro premios, dous en cada categoría, de 150 euros cada un deles. Haberá premios do público e premios do xurado. Os premios do público levaranos as pezas que obteñan máis gústame no perfil de Instagram @omixames en cada unha das categorías. O resto dos premios decidiraos o xurado que valore todas as pezas participantes. Nesta primeira edición, o certame conta cun xurado composto por dous recoñecidos youtubeiros, Aquel-e e Olaxonmario, e pola presentadora do programa da TVG Dígocho Eu, Esther Estévez. Os tres valorarán os vídeos, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Os vídeos que se creen para este certame teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. As pezas, de temática libre, deben ter unha duración comprendida entre 15 e 60 segundos. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva. Poderanse crear pezas audiovisuais relacionadas coa música, o humor, o baile, a interpretación, os efectos especiais, o deporte, etc. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020.
Será o vindeiro luns 23 de novembro cando dean comezo os novos cursos da aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames, que se estenderán até o 30 de decembro. A finalidade destas aulas é achegar aos veciños e veciñas os diferentes cursos que oferta ao longo dos vindeiros meses, amais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.
Cómpre subliñar que por mor da COVID-19, os cursos programados para os meses de outubro e novembro realizaranse de xeito telemático (en directo a través de YouTube). Así, só será preciso un dispositivo conectado á rede capaz de reproducir os vídeos de YouTube, recoméndase un computador, mais pode empregarse unha tableta ou móbil (agás nos casos nos que se indique o contrario). Unhas horas antes do comezo de cada curso, as persoas inscritas recibirán por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión. Indo á programación, o luns 23 dará comezo o curso Crea o teu Cv, até o xoves 26 de novembro, de 17.30 a 18.30 horas. Neste obradoiro ensinarase a realizar un currículo orientado á busca de emprego (autoánalise, carta de presentación e titoría co profesor).
O luns 30 de novembro e o martes 1 de decembro, impartirase o curso Busca de emprego a través de Internet, no mesmo horario. Trátase dunhas clases de introdución á busca de emprego na rede (consellos para a busca, recursos para atopar ofertas, portais de emprego, boletíns e uso de redes sociais).
O mércores 2 e o xoves 3 de decembro, de 17.30 a 19.00 horas, levarase a cabo o obradoiro Compras seguras a través de Internet, onde se amosará como facer compras seguras na rede de cara ao Nadal.
E para pechar o curso 2020, a aula CeMIT ofertará dende o mércores 9 ao xoves 17 de decembro, de 17.30 a 18.30 horas o curso Correo electrónico, encamiñado a adultos. Nestas sesións aprenderase a ler e escribir correos electrónicos (no ordenador e no móbil), organizalos con filtros automatizados en diferentes etiquetas/cartafois, funcións novas (programación de envío en Gmail, ou pospoñer a lectura de correos recibidos), así como todas as opcións de configuración.
No caso dos máis miúdos da casa, terán lugar dous cursos de Scratch (introdución e nivel medio), ambos de dous días. O Scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, encamiñada á robótica educativa. Estes obradoiros de Nadal pódense seguir dende a casa ben sexa en solitario ou coa compañía da familia para aprender xuntos. Engadir que o obradoiro de introdución está indicado para nenos e nenas de 7 ou máis anos. Nel aprenderanse as bases da interface de Scratch e farase un proxecto sinxelo, ideal para introducirse no mundo da programación. Dará comezo o martes 22 e rematará o mércores 23 de decembro, cun horario de 10.30 a 12 horas. En canto ao curso de nivel medio de Scratch, realizarase o martes 29 e o mércores 30 de decembro, de 10.30 a 12 horas. Neste obradoiro practicarase con proxectos algo máis avanzados, ideais para rapaces e rapazas de 10 ou máis anos.
Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou a través do teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.
Cada vez as aplicacións de mensaxería instantánea teñen unha maior relevancia nas comunicacións interpersoais, impoñéndose a vías máis tradicionais como as chamadas ou os correos. Con todo, moitas persoas con discapacidade atopan barreiras para utilizar esta tecnoloxía.
Falamos con anterioridade das barreiras que enfrontan persoas con discapacidades sensoriais no uso desta tecnoloxía, pero tamén suceden con aquelas que teñen unha discapacidade cognitiva ou trastorno do espectro autista (TEA).
Para axudar a superar estas barreiras, Aprendizaxe Diferente (Apdif), unha plataforma que desenvolve software dirixido a persoas con TEA, creou a aplicación ChatTEA, que ofrece un sistema de mensaxería instantánea accesible a persoas con este tipo de discapacidade.
A aplicación está pensada para facilitar o seu uso a persoas con dificultades para a linguaxe e a lecto escritura, permitindo a comunicación mediante pictogramas e utilizando técnicas como o uso de preguntas con respostas predefinidas.
ChatTEA compórtase de forma similar a outras aplicacións de mensaxería, permitindo o envío de mensaxes de texto ou de audio, pero incorporando outras opcións que se adaptan ás necesidades de moitas persoas con dificultades cognitivas.
O uso de pictogramas axuda á comprensión das mensaxes, mentres que a posibilidade de poder elixir a túa resposta entre opcións predefinidas facilita a comunicación.
Para aqueles usuarios con TEA que saben ler, a app axúdaos á organización no momento de dar unha resposta, rebaixando a ansiedade e evitando a tensión.
A aplicación ChatTEA é gratuíta e está dispoñible tanto para Android como para iOS.
O 92,4% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,1% con respecto ao ano anterior. Isto supón que 34.400 vivendas da Comunidade se sumaron ao uso de internet no último ano. Sen embargo, o máis destacado deste aumento é que se produce nos concellos máis pequenos, onde ata o de agora a fenda dixital era máis acusada. Entre 2019 e 2020 a contratación de internet nos municipios de menos de 10.000 habitantes creceu un 8,7%, máis do dobre que a media de Galicia.
Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2020, que constata que a contratación de internet supera o 94% en todos os concellos de 50.000 a máis de 100.000 habitantes; que no tramo de 20.000 a 50.0000 habitantes esta porcentaxe ascende a máis do 95%; e que nos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes pasou do 86,1% ao 91,5%.
Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as cifras confirman que a totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual de Internet pero, ao mesmo tempo, tamén se están a producir incrementos significativos do uso das TIC entre os maiores galegos de 65 anos.
O 87,4% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun crecemento do 4%, con respecto ao ano anterior. Se ben, o uso de Internet é universal entre as persoas de menos de 34 anos, destaca o crecemento no tramo de idade dos 65 aos 74 anos, onde o uso da Rede sube un 17,5% respecto ao ano anterior (do 45,7% ao 53,7%).
Outro dos indicadores que experimenta un dos incrementos máis relevantes son as compras a través da Rede. Un 47,2% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 20,4% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 14,7% que experimenta a media estatal, Cabe salientar que un 64,1% dos mozos galegos de 16 a 24 anos compran a través de Internet, superando en 2,3 puntos a media estatal (61,8%).
Nesta edición, a enquisa do INE incorpora un módulo específico sobre a Internet das Cousas. A Internet das Cousas é un concepto que se refire ao uso de dispositivos cotiáns conectados a Internet que tamén poden conectarse entre si para habilitar servizos avanzados, como controlar o dispositivo de forma remota, axustar a configuración ou dar instrucións para as tarefas a realizar.
Do total de internautas galegos, case tres de cada 10 persoas de 16 a 74 anos (o 28,6%) utilizaron dispositivos ou servizos de domótica no fogar, en valores próximos á media estatal (31,1%). En concreto, o 19,6% usou asistentes virtuais en forma de altofalante intelixente ou de App (como Alexa, Google Home, Siri, Cortana,...), superando a media estatal (18,1%); o 10,2% electrodomésticos conectados, o 6,4% sistemas de alarma/seguridade do fogar (fechaduras, cámaras, detectores de fumes,...) e o 7,6% sistemas para a administración de enerxía para o fogar (luces, enchufes, termostatos,...).
En canto ao resto dos dispositivos conectados a Internet no fogar, os máis utilizados son as televisións con conexión a Internet, incluídas as Smart TV (polo 66,1% da poboación usuaria de Internet nos últimos tres meses) e o uso de consolas de xogos conectadas a Internet (30,8%).
Por último, respecto dos dispositivos portátiles conectados a Internet, o 28,5% dos internautas galegos utiliza reloxos intelixentes (smartwatches), auriculares, rastreadores de seguridade ou bandas de fitness conectados a Internet, superando en 4,2 puntos a media estatal (24,3%), o 8,2% dispositivos para a saúde e a atención médica (controlar a presión arterial, o peso corporal,...), superando de novo a media estatal (7,4%) e o 7,3% dispón de automóbiles con conexión sen fíos incorporada.
A Xunta de Galicia mellorará a atención domiciliaria do alumnado coa creación dun Equipo Virtual de Atención, conformado por docentes que empregarán para esta tarefa as aulas virtuais e as ferramentas dispoñibles. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou esta proposta no Comité Educativo, onde explicou que o obxectivo é ofrecer un recurso efectivo desde o punto de vista docente, pedagóxico e metodolóxico.
Esta medida aplicarase ao alumnado que, por padecer unha determinada patoloxía ou por calquera outro motivo, sempre xustificado desde o punto de vista médico, non poida acudir a clase durante un período prolongado e se atope en esta situación de atención domiciliaria.
O Comité analizou a proposta, que agora será desenvolvida e concretada co apoio dos membros do propio Comité para a posterior elaboración dunha resolución que faga realidade este recurso de apoio.
Trátase, polo tanto, de adaptar e mellorar o proceso de seguimento do alumnado en atención domiciliaria aos tempos e necesidades actuais, tendo en conta as especificidades impostas pola pandemia, abrindo unha canle constante de apoio, motivación e avaliación dos estudantes que se atopen nesta situación.
O Equipo Virtual de Atención contará tanto con mestres, para atender ao alumnado de Primaria, como por profesores de ámbito das especialidades de Secundaria para os estudantes destas etapas.
Este recurso estará dispoñible só para o alumnado que teña aprobada pola Inspección Educativa a solicitude de atención domiciliaria. Cómpre lembrar que, tras o visto e prace do Comité Educativo, a Consellería está traballando na creación de comisións provinciais de seguimento do absentismo escolar que dean apoio aos centros educativos nos casos derivados do contexto covid, e que sirvan para reforzar a atención diante das variables casuísticas ao contexto da pandemia, coa finalidade de garantir os dereitos do alumno e o dereito á educación.
A Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal será os días vindeiros unha fonte de empregabilidade e adestramento tecnolóxico en clave feminina. En concreto, acollerá entre os días 1 e 4 de decembro as sesións do Programa Muller TIC, xornadas formativas dirixidas a mulleres na busca de emprego. Así o desvelaron a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e a orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez.
A edil Amparo Cerecedo explicou que esta acción céntrase “na busca de emprego a través da utilización das novas tecnoloxías” e convidou a que tódalas veciñas desempregadas da Pobra se anoten, pois, segundo manifestou, “son momentos que temos que aproveitar para formarnos”. Pola súa banda, a orientadora laboral, Blanca Álvarez, sinalou que “a idea é que a formación sexa en si mesma unha ferramenta para a busca de emprego das participantes”, xa que no transcurso das xornadas poderán darse de alta en diferentes portais web e ETT da zona para favorecer a súa inserción no mundo laboral. Tamén fixeron saber que dúas das participantes terán a ocasión de realizar actividades de mentoring, consistentes no asesoramento no plan de empresa e seguimento de quen desexe emprender un novo labor. Así mesmo, haberá unha xornada de orientación laboral en que se verá o sistema de cualificacións profesionais, como funciona a oficina de emprego estatal e diferentes accións de autocoñecemento persoal e profesional.
O horario establecido é de 09.30 a 13.30 horas, seguindo a modalidade mixta (16 horas presenciais e 4 horas de teleformación). As persoas interesadas pódense inscribir a través do teléfono de contacto 981 377 610. As prazas son limitadas e seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19. Este proxecto enmárcase na Red Araña e está co-financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta.
Esta semana GIRL STEM conversa cunha veterinaria ferrolá, Rebeca Atencia, que está á fronte do centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpounga (República Democrática do Congo), dependente do Instituto Jane Goodall.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Rebeca Atencia en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coa súa biografía, a explicación do seu traballo e os proxectos que está a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
Na actualidade, Rebeca Atencia dirixe o Centro de Rehabilitación de Chimpancés de Tchimpounga, situado na República Democrática do Congo e dependente do Instituto Jane Goodall. Neste centro fundado no 1992 coidan e protexen a uns 160 chimpancés co propósito de devolvelos á selva ao tempo que desenvolven un labor de educación e sensibilización sobre estes animais dirixido á poboación da zona. O centro ofrece un santuario aos exemplares de chimpancé en situación de orfandade, vítimas do comercio ilegal de carne de animais salvaxes ou de animais de compañía.
No 2011 o Instituto Jane Goodall (JGI) negociou con éxito co goberno do Congo a expansión a tres illas situadas no río Kouilou, onde o JGI poderá recolocar a uns 120 chimpancés que actualmente viven no santuario. Alí, os chimpancés vivirán nun hábitat máis natural e reducirase o amontoamento de Tchimpounga. Ata o de agora, 57 dos chimpancés máis fortes e mellor preparados foron recolocados nas illas Tchindzoulou, Ngombe e Tchibebe.
Na conversa, realizada por Bárbara Román, avogada responsable de Nolegaltech -unha empresa galega especializada en dereito tecnolóxico- Rebeca Atencia afirma que “ao principio ser muller foi un impedimento, pero ao final transformouse en algo positivo porque acabaron dando máis valor ao meu traballo”. Neste sentido, a primatóloga aconsella ás rapazas novas “que crean nelas mesmas, se realmente soñan con algo, por moi raro e inalcanzable que pareza”
O próximo xoves 19 de novembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Dhaunae de Vir, desenvolvedora de negocio transmedia; e Gisela Vaquero, deseñadora de videoxogos, entrevistadas por Luz Castro.
O Concello de Santiago vén de achegar máis detalles sobre a nova edición da feira de emprendemento innovador Talentia Summit, que se celebra entre o luns 23 e o venres 27 de novembro, en formato cen por cen virtual e con ofertas de emprego activas, cursos de formación, certificacións oficiais e un foro de conferencias estratéxicas. O período de inscrición abrirase este sábado 14 de novembro ás 18.00 horas. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo técnico municipal de Emprego, Xavier Ferreiro, presentou este mércores 11 de novembro, en rolda, o contido do foro, que virá con máis de 18.000 prazas en diversas actividades para potenciar o perfil profesional das persoas participantes.
O alcalde expresou a “gran satisfacción e a responsabilidade” que supón organizar esta edición, totalmente online, “o que non significa que sexa peor”, engadiu o rexedor, que vaticinou que a do 2021 será “a mellor de todas”.
Segundo fixo saber, durante a feira, os participantes poderán achegarse ás empresas máis relevantes que están na procura de talento, coñecer as súas ofertas de emprego e reservar chamadas directamente cos responsables de contratación. Na feira ofertaranse milleiros de prazas en cursos de formación en directo, certificacións oficiais, actividades online de formación, sesións de mentoring persoal e orientación laboral.
O rexedor e o técnico municipal de Emprego explicaron que “previo rexistro e solicitude de participar no evento”, os usuarios poderán visitar os stands virtuais das empresas, nos que poderán descubrir as ofertas de emprego activas das empresas, coñecer as actividades das empresas e os programas de captación de talento e contactar cos responsables das áreas de contratación de persoal.
Nos stands virtuais as empresas indicarán a súa dispoñibilidade e establecerán contacto telefónico directo coa persoa que realiza a reserva. As ofertas de emprego xa están accesibles na páxina web da Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela.
Ademais dos cursos de formación en liña, Talentia Summit porá a disposición dos usuarios webinars, obtención de certificados oficiais, xornadas de orientación laboral para a optimización do seu currículos e tamén consultoría e asesoría coas sesións de mentoring persoais.
Segundo fixo saber o Concello de Santiago, a oferta de formación de Talentia deste ano é a seguinte: - 330 Prazas en certificacións oficiais - 2000 Prazas en cursos de formación - 672 Prazas con 28 mentores profesionais - 1.000 Prazas en 25 webinars - 360 Prazas de orientación laboral
Este ano, o Foro celebrarase o venres 27 de novembro ás 18.00h. Dada a situación excepcional provocada pola COVID19, reformularase o formato seguindo as instrucións das autoridades sanitarias. Así, malia a situación actual, multiplicarase o aforo de asistencia xa que poderán seguir o evento vía streaming.
Actualmente, está confirmada a participación de Beatriz Navarro, directora de Marketing e Comunicación de FNAC España, Juan Carlos Alcaide, experto en experiencia cliente na era do coronavirus, María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS, e Joaquín "Kin" Martínez, codirector do festival O Son do Camiño e presidente da Federación ES Música, entre outros. Ademais estarán presentes as autoridades institucionais Pedro Duque, ministro de Ciencia e Innovación, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, e Xosé Sánchez Bugallo - alcalde de Santiago de Compostela.