GaliciaAberta, o portal web da Secretaría Xeral da Emigración, incrementou de xeito significativo o seu número de usuarias e usuarios durante o último ano, ata superar os 276.000 en todo o 2020. Así o amosan as estatísticas do exercicio que vén de rematar, no que as e os internautas realizaron algo máis de 401.000 visitas á páxina http://emigracion.xunta.gal, un 5% máis das rexistradas en 2019.
Neste marco, cómpre salientar que os contidos máis visitados dentro de GaliciaAberta foron os relativos ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (máis de 57.000 visitas), e as diferentes liñas de axuda (máis de 102.000 visitas). Así mesmo, o novo portal Retorna sumou 43.560 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas ás e aos emigrantes galegos e aos seus e ás súas descendentes na procura de facilitar a volta á casa.
A Arxentina, Estados Unidos, Venezuela, O Uruguai, México, O Brasil, Colombia, O Reino Unido, Perú, Chile, Suíza, Cuba, Francia, Alemaña, Ecuador e China son os 16 países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta.
As redes sociais que ten a Secretaría Xeral da Emigración para divulgar os seus programas e as fases das diferentes convocatorias, así como para promover as diferentes accións que tanto o Goberno galego como a propia colectividade galega no exterior leva a cabo para difundir a cultura, a lingua e a tradición galegas, tamén experimentaron un crecemento durante 2020. As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram rozan xa os 38.000 seguidores e seguidoras, o que supón un incremento medio de preto do 25% no conxunto das plataformas.
Destaca o caso de Instagram, onde os datos apuntan a un incremento de seguidores de case o 52%, rozando os 8.510, que xunto con Facebook, contan cun público obxectivo cunha idade media entre os 25 e os 45 anos, que son o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Galicia Retorna da Xunta.
Son eles os que apostan por estas plataformas para estar ao día das novas acerca da colectividade galega, tanto a residente no estranxeiro como a da Galicia territorial e as e os que viven noutras comunidades autónomas diferentes á galega. Así, a conta da Secretaría Xeral da Emigración en Facebook conta con 24.395 seguidores, aumentando case un 20% con respecto a 2019, Twitter, roza os 5.000, aumentando un 12%.
No uso de Internet, as diferenzas entre os homes e as mulleres galegas son mínimas: O 85,3% das galegas fronte ao 85,9% dos galegos utilizaron Internet nos últimos tres meses. O uso da Rede entre as mulleres galegas acada así a media que se rexistra na Unión Europea.
En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de internet redúcese nun 80%, ao pasar de 3 puntos porcentuais a 0,6 entre 2016 e 2019. Cando se acada un nivel formativo secundario ou superior, o uso de internet é igual ou superior para as mulleres que para os homes. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes ata os 64 anos.
Son as conclusións dos resultados do informe “A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Este informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no acceso e uso das tecnoloxías da información e da comunicación en Galicia, a partir de datos propios do OSIMGA obtidos no marco do convenio asinado co IGE.
Na actualidade, en Galicia apenas se rexistran diferencias segundo o xénero no uso de dispositivos electrónicos (teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet, ordenador de sobremesa, portátil, tablet…). O 87,4% das galegas fronte ao 88% dos galegos utilizaron o ordenador nos últimos tres meses. Os resultados amosan que o uso deste tipo de dispositivos é incluso superior entre as mulleres galegas, excepto nos tramos de idade máis avanzada.
Tres de cada catro mulleres galegas de 16 a 24 anos compraron a través de Internet, 6,1 puntos porcentuais máis que os homes nese tramo de idade. A proporción de mulleres que compran a través da Rede é máis elevada que a de homes en todos os tramos de idade inferiores aos 55 anos. Non obstante, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da Rede en Galicia é superior en 2,1 puntos á que se rexistra entre as mulleres
Con respecto ao uso da eAdministración desde a perspectiva de xénero, as diferenzas son mínimas: tanto na obtención de información, descarga e entrega de documentación ou obtención de documentos persoais, a fenda de xénero é inferior aos dous puntos porcentuais.
Así, dúas de cada tres mulleres galegas que usan internet, utilizárono para descargar ou encher formularios das administracións públicas e superan en máis de 10 puntos á media española e europea na interacción coas administracións públicas para obter información, descargar ou obter formularios.
Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal.
Indra e a Fundación Universia impulsarán dous proxectos de tecnoloxía accesible que buscan axudar tanto a persoas con discapacidade visual como a aquelas que están en rehabilitación tras sufrir un ictus.
Os dous proxectos seleccionados na V Convocatoria de axudas a proxectos de investigación en Tecnoloxías Accesibles contarán co apoio e o financiamento das dúas entidades.
A primeira destas tecnoloxías revolucionarias chámase Vistacto e foi presentada pola Universidade Carlos III de Madrid.
O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento dunha tecnoloxía moi innovadora e cun forte compoñente científico e técnico que busca crear un sistema de visión táctil a través dunha matriz electromagnética.
Esta matriz, lixeira e de pequeno tamaño para que sexa fácil de transportar, consta de bobinas impresas en placas multicapa que permite comunicarse co usuario mediante estimulación háptica, facilitando ás persoas con discapacidade visual o coñecemento da súa contorna.
O segundo proxecto é Teledfo, da Universidade Politécnica de Cataluña, unha solución para a rehabilitación física de persoas que sufriron un ictus desde o seu fogar, de forma telemática.
Teledfo é un sistema de aplicacións baseadas na realidade virtual na que un avatar guía aos usuarios na realización de sete exercicios e nove xogos distintos que buscan recuperar a mobilidade das extremidades superiores.
Á súa vez, a través desta tecnoloxía, o terapeuta pode monitorar a distancia a evolución do usuario.
Sen dúbida, os proxectos seleccionados por Indra e a Fundación Universia son moi prometedores e serán útiles para moitas persoas con discapacidade e persoas que están a se rehabilitar tras sufrir un ictus.
Galicia foi un dos territorios escollidos polo operador Orange para presentar a súa candidatura á última convocatoria de axudas estatais de Red.es no marco do Plan Nacional 5G para desenvolver proxectos piloto con esta tecnoloxía. Tras resultar adxudicatario destas subvencións o pasado mes de agosto, representantes do operador reuníanse estes días coa directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, para expoñerlles os 13 casos de uso cos que probarán diferentes aplicacións do 5G no ámbito sanitario, turístico, educativo, industrial, loxístico, na agricultura de precisión, no gaming e no ámbito portuario nos que xa están a traballar e que se desenvolverán ata o 2022.
Cun investimento de preto de 9 millóns de euros, 2,4 públicos, as diferentes solucións desenvolveranse en UTE con dúas pemes galegas, Opatere e Info, e a empresa Gamera Nest. O proxecto de Orange foi o segundo de maior importe dos oito concedidos en España na última convocatoria.
Este piloto, con 13 casos de uso, súmase ao concedido a Telefónica na primeira convocatoria estatal, cun importe de 11 millóns de euros e aos impulsados pola Administración autonómica desde o Nodo 5G Galicia cos tres operadores, Telefónica, Vodafone e Orange cun investimento de 2 millóns de euros. En total, están a desenvolverse na Comunidade máis de 30 casos de uso baseados en tecnoloxía 5G por importe de 22 millóns de euros.
Estes pilotos dan resposta ao requisito marcado por Europa de que os Estados membros realicen casos de uso, é dicir, escenarios nos que se teste e pilote esta tecnoloxía, como paso previo ao seu despregamento. Consciente desta realidade a Administración pública autonómica apostou por exercer un papel facilitador á hora de abordar o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. Por iso, en xullo de 2018 foi a primeira Comunidade en aprobar un Plan para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes no territorio.
En menos dun ano puxéronse en marcha as principais liñas do plan. A primeira, conformar un Nodo 5G co compromiso dos tres principais operadores (Telefónica, Orange e Vodafone) de realizar 9 casos de uso 5G, actualmente en marcha.
Este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que fose unha das dúas Comunidades en conseguir a subvención estatal para desenvolver un piloto de Telefónica, ao que se engade agora o de Orange nesta segunda convocatoria. En total, e grazas ao impulso de ambas as administracións, en Galicia desenvolveranse máis de 30 pilotos de 5G repartidos polas catro provincias en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.
Ademais, o Plan Galicia 5G aposta tamén pola formación e puxo en marcha o primeiro curso de Especialista Universitario en 5G, en colaboración coa Universidade de Vigo, que vai iniciar a súa segunda edición.
AMETIC e a Fundación ONCE, na contorna da Plataforma de Tecnoloxías para a Saúde e a Vida Activa e Independente (eVIA), puxeron en común un ano máis, as súas experiencias e as tendencias no uso das novas tecnoloxías que faciliten a accesibilidade universal e proporcionen autonomía e independencia das persoas con discapacidade, así como a dilución das barreiras sociais. Con este obxectivo, a xornada deste ano denominouse 'SEN BARREIRAS, deseñando o futuro grazas á tecnoloxía', onde as tecnoloxías máis disruptivas e innovadoras foron as protagonistas.
Na apertura, Jesús Hernández-Galán, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE e presidente da Plataforma eVIA; e Francisco Hortigüela, Director Xeral de AMETIC, destacaron o papel fundamental das Plataformas Tecnolóxicas como eVIA para achegar o uso das tecnoloxías a toda a sociedade e que sirvan como un elemento de axuda á integración e inclusión social das persoas con discapacidade. Así, Hernández-Galán expresou a satisfacción da longa colaboración que existe con AMETIC que este ano cumpre 13 anos, desde que se creou a Plataforma eVIA.
Neste sentido, Hortigüela resaltou a importancia da tecnoloxía nestes tempos para transformar e actualizar á sociedade, onde a pandemia marcou a nosa vida social. Considera que o seu uso ten que servir para facilitar a participación das persoas con discapacidade na vida social e nas empresas.
Pola súa banda, Jesús Celada, Director Xeral de Políticas de Discapacidade da Secretaría de Dereitos Sociais, falou dos novos obxectivos do Real Padroado sobre Discapacidade, como organismo autonómico adscrito ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. .
Durante a xornada, estruturada en dúas mesas temáticas, presentáronse un amplo abanico de solucións innovadoras que promoven o uso da tecnoloxía como un factor diferencial de inclusión social, co obxectivo de achegar calidade de vida ás persoas con discapacidade.
Na primeira mesa, moderada por Francisco Hortigüela e titulada 'Tecnoloxía, acurtando barreiras', Andoni Beristain, senior researcher no departamento de eHealth and Biomedical Applications Vicomtech, presentou o proxecto 'Asistente Doméstico Intelixente para os Adultos Maiores, Cando e Onde Sexa' (CAPTAIN); German de la Torre Orellana, maior events sales lead de ATOS, presentou o proxecto 'Adaptación das Solucións para os Xogos Paralímpicos'; Javier Ferreiro, director de estratexia e innovación en Smart Health TV Solutions, explicou o seu proxecto 'TV assistdem', un sistema de Smart TV para maiores con videoconferencia. Pola súa banda, Elena Diaz-Afasto, manager Corporate Citizenship&Public Affairs de Samsung, levou á xornada o proxecto 'TALLK' que proporciona comunicación grazas ao iris do ollo para as persoas enfermas de ELA e David Zanoletty García, xefe do Departamento de Tecnoloxía Accesible e I+D, Dirección de Accesibilidade Universal, da Fundación ONCE, abordou o proxecto 'Obxectos en 3D para a mellora da vida diaria das persoas con discapacidade'.
A segunda mesa da xornada foi moderada por Raquel Jiménez, responsable da Plataforma eVIA e nela puxéronse de relevo 'Os Proxectos Sociais para un Futuro Accesible'. Participaron Hipólito Vivar, catedrático de Tecnoloxías da Información e Comunicación Audiovisuais UCM, co Proxecto de Competencias Dixitais e Emprego das Persoas con Discapacidade (COMPENSA), Tamara Ayala, responsable de Campus Management e Diversidade, co proxecto 'Atos como empresa #includer' e Paloma Cid Campos, terapeuta ocupacional na Dirección de Accesibilidade Universal da Fundación ONCE, co proxecto Banco de Produtos de Apoio
Por último, a Plataforma eVIA e a Fundación ONCE, informaron ademais da inminente apertura das novas edicións dos seus respectivos certames 'InnovaeVIA' e 'Discapnet' dirixidos a premiar os mellores proxectos e solucións innovadoras que fagan uso da tecnoloxía para mellorar a accesibilidade, a inclusión, a autonomía persoal e o coidado sociosanitario dos usuarios.
A Universidade de Vigo, a través do centro AtlantTIC, participa nun consorcio europeo que busca crear unha nova xeración de tecnoloxías de detección intelixentes, ferramentas que xa forman parte da nosa vida cotiá e que teñen cada vez máis presenza en múltiples ámbitos, como a asistencia sanitaria (máis personalizada) ou as medidas para lograr estradas máis seguras, tanto para peóns como para condutores.
O proxecto en cuestión chámase NextPerceptión e vén da man dun consorcio no que participan os principais actores europeos da saúde, o benestar e a automoción, entre eles a Universidade de Vigo, que porá en xogo a súa ampla bagaxe en investigación 5G. En concreto, a UVigo será a encargada de deseñar novas arquitecturas e tecnoloxías de comunicación e de distribución do cómputo no marco destas novas redes de comunicación.
O responsable do proxecto na institución académica viguesa é o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de AtlantTIC Felipe Gil, quen explica que “o resultado deste traballo busca permitir a creación de novos sensores que capturen un volume maior de información, de xeito que se poida utilizar para implementar novas aplicacións intelixentes que hoxe non son posibles pola falta de datos”. Trátase, explica, de desenvolver a próxima xeración de sensores de percepción intelixentes e mellorar o paradigma de intelixencia distribuída para construír “solucións de monitoraxe versátiles, seguras e proactivas” para cuestións relacionadas coa saúde, o benestar o o ámbito do motor e a mobilidade. O orzamento total do proxecto, que se prolongará ata o 2023, é de 28,7 millóns de euros, dos que a Unión Europea financia 8,7 millóns e o resto corre a cargo dos estados membros aos que pertencen os participantes. En total interveñen 43 socios de sete países liderados polo VTT, o centro de investigación técnica finlandés.
O proxecto Next Perception está a traballar en tres casos de uso cos que poder demostrar a viabilidade do enfoque para resolver estes desafíos. Neste senso o valor do proxecto, a xuízo dos seus impulsores, non está “só no desenvolvemento de plataformas de sensores de toma de decisións proactivas e fiables con intelixencia integrada, senón tamén na súa aplicación nunha serie de casos de uso práctico para chegar a solucións listas para introducir no mercado”. Neste contexto, o primeiro dos casos de uso seleccionados vai dirixido a desenvolver tecnoloxías que poidan medir e facer seguimento da saúde, o comportamento e as actividades, especialmente naquelas persoas que requiren maior atención ou coidados médicos, así como tamén en deportistas de alto nivel.
Os outros dous casos de uso desenvolven solucións que melloran a seguridade do tráfico e abordan desafíos clave especificamente relacionados coa condución automatizada en contornas urbanas e en casos de condicións climáticas desafiantes. O obxectivo principal no caso da monitoraxe do condutor é desenvolver un sistema que poida detectar tanto o estado cognitivo do condutor como as súas emocións. Ademais, tamén fará control da intención do condutor (xirar á esquerda ou á dereita), así como as súas actividades e posición no vehículo, abranguendo o comportamento dos restantes ocupantes. Toda esta información empregarase para funcións de condución autónoma, incluída a asistencia ao condutor.
O terceiro caso de uso busca mellorar a seguridade e a comodidade de todos os usuarios da estrada, incluídos peóns e ciclistas, nas interseccións. Neste caso a principal finalidade é ser capaces de detectar a presenza dos diferentes elementos que interveñen no tráfico, determinar as súas posicións con alta precisión e rastrexar o seu movemento e intención cun alto grao de fiabilidade. Neste proxecto participan tres tipos de socios: por unha banda, empresas, tanto grandes (NXP e Bosch) como pequenas, que serán as encargadas de levar ao mercado os sensores e os servizos asociados a eles; por outra banda, centros de investigación especializados (universidades e centros tecnolóxicos como o propio VTT) e starpups que desenvolven novos sensores e tecnoloxías e, por último, usuarios finais que axudarán a validar os resultados.
Ademais da Universidade de Vigo, desde España participan no proxecto o CSIC (a través do Centre for Automation and Robotics, CAR), as empresas Seven Solutions, Evotel e HI Iberia e a Universidade de Lleida que, a través da súa Facultade de Enfermaría, se encargarán de validar o caso de uso de monitoraxe de benestar e saúde.
Ease Apps é un paquete de aplicacións pensadas para facilitar o uso de dispositivos móbiles Android a persoas cunha discapacidade física a través de diferente tecnoloxía que se apoia en periféricos adaptados ás necesidades de cada usuario.
As catro aplicacións que forman parte de Ease Apps son a coñecida EVA Facial Mouse Pro, Ease Mouse, Ease Touch e Ease Joypad.
Os compañeiros de Orientatech analizaron cada unha destas aplicacións para destacar os beneficios que ofrecen cada unha das diferentes tecnoloxías para adaptarse ás necesidades individuais de cada usuario.
Ease Touch é unha tecnoloxía que permite manexar a pantalla táctil do dispositivo utilizando un só dedo, sendo capaz de diferenciar entre os toques voluntarios e os involuntarios. Aquí tedes a análise de Orientatech.
Ease Mouse está pensado para aqueles que teñen maior facilidade de interactuar coa pantalla a través do uso dun rato ou un trackball. Podedes ler a opinión de Orientatech aquí.
Ease Joypad é unha tecnoloxía similar ás anteriores pero pensada para aqueles que utilizan joysticks, gamepads, teclados ou conmutadores. Aquí tedes máis información.
E, por último, a tecnoloxía da que máis falamos: EVA Facial Mouse PRO, que xa anunciamos que evolucionara para funcionar coa cámara frontal dos dispositivos, converténdose nunha ferramenta básica para aquelas persoas con discapacidade física que se comunican coa tecnoloxía mediante o movemento do rostro. Le máis aquí.
Este venres chegou á súa xornada final a 15 edición de Galiciencia, unha convocatoria virtual do que é, con moita probabilidade, o acontecemento científico e investigador para as e os escolares máis importante da nosa terra. Ao longo destes tres días o certame logrou reunir a máis de 4.000 alumnas e alumnos non só de Galicia, senón tamén do resto de España. Da man da Tecnópole e a axencia GAIN, foi un fervedoiro de proxectos e ideas para mellorar a nosa calidade de vida e o medio ambiente e mesmo para plantar cara á COVID-19 e as súas consecuencias. Na feira mostrouse, entre outras cousas, unha aplicación web para axilizar o rastrexo de casos positivos nas aulas ou un hixienizador de pantallas táctiles.
O director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, indica que a finalidade de Galiciencia é “fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. Os rapaces teñen a oportunidade de levar a cabo as súas propias investigacións, o que lles axuda a consolidar os coñecementos que teñen e, ademais, descubrir a importancia da ciencia e a tecnoloxía no seu día a día”. Nos vindeiros días daranse a coñecer os alumnos gañadores do concurso de proxectos, que no último mes foron chegando á organización de Galiciencia e están expostos na web da feira, onde o público pode interactuar e dar a súa propia valoración. Seleccionáronse un total de 60 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP, que competirán polo premio final do certame con propostas innovadoras en ámbitos tan diversos como as novas tecnoloxías, agricultura, medio ambiente, comunicación, música, bioloxía, física ou robótica, entre outros. Fóra de competición tamén poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial, dos que se seleccionaron 28 proxectos.
Varios dos equipos participantes no concurso presentan diferentes solucións vencelladas á COVID-19, como un hixienizador de pantallas táctiles que permita evitar a transferencia de virus, bacterias e outros patóxenos; ou unha aplicación web para axilizar o rastrexo de casos positivos nas aulas, do alumnado que estivo ao redor e dos que teñen síntomas e están á espera dos resultados de probas.
No eido ambiental, hai propostas como o emprego de musgo como indicativo de contaminación e medio de absorción do dióxido de carbono para limpar e refrescar o aire. Tamén se propón unha papeleira mariña, un mecanismo que permite retirar pequenos residuos plásticos que chegaron ao mar nos contornos das praias, co fin de reducir así a contaminación que causan. Co propósito de axudar a persoas con certas discapacidades, un equipo pensou na creación dunhas pezas co abecedario en braille feito en máquinas 3D para formar palabras e aprender linguaxes. Outro afondou no desenvolvemento de planos táctiles para facilitar a persoas con discapacidade visual o seu día a día, tamén coa axuda do deseño e a impresión 3D. No eido social, proponse así mesmo a creación dunha ferramenta mediante programación HTML para conectar a voluntarios e asociacións benéficas e que poidan colaborar entre eles. Hai proxectos tamén rechamantes como unha hamaca capaz de converterse en bolsa na que se pode levar todo o necesario para ir á praia, cargando así con menos obxectos; ou unha incubadora automática para observación mediante vídeo streaming do desenvolvemento das aves que se críen nela, feita con materiais recuperados de pezas de ordenadores vellos. E ata un vídeoxogo inspirado en Star Wars.
Na última entrega desta tempada GIRL STEM conversa con Susana Martínez Conde, unha científica galega que imparte aulas na Universidade de Nova York, desde onde desenvolve tamén estudios de máxima relevancia para o coñecemento das conexións neuronais que se producen no noso cerebro ás que de momento non temos acceso e que serán un paso fundamental para avanzar nas aplicacións da intelixencia artificial.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), rematan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Con esta sexta conversa finaliza a terceira edición do programa, que se difundiu en formato totalmente dixital e que AGASOL fixo chegar a 327 centros de ensino galegos en formato de pílulas audiovisuais, acompañadas de unidades didácticas, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. Deste xeito, foi posible non só adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, senón tamén achegar recursos que permitirán traballar de forma transversal nas aulas dos centros de ensino de Galicia durante todo o curso. As conversas publicáronse tamén nas canles da Amtega.
Susana Martínez Conde, nada na Coruña, é unha científica neuronal galega. É Catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía; e Directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada, na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Realizou os seus estudos de doutoramento en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, para a continuación trasladarse aos EEUU a traballar xunto ao Premio Nobel David Hubel, na Universidade de Harvard.
Actualmente é profesora de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Anteriormente foi instrutora de Neurobioloxía en Harvard, e despois dirixiu laboratorios no University College London, no Reino Unido; e no Instituto Neurolóxico Barrow, en Arizona. O seu programa de investigación actual céntrase na neurociencia cognitiva, perceptual e oculomotora.
Entre as distincións recibidas pola Dra. Martínez-Conde atópase o premio internacional EyeTrack Award, polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York, e o Premio 100 Españois.
Os cuartos Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores. Neste 2020, no que se rexistrou a máxima participación ao pasar de 240 vídeos inscritos en 2019 a un total de 536, a gala de entrega está a ser substituída (por mor da situación sanitaria) pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas polas poetas galegas Lucía Aldao e María Lado a través do sitio de Youtubeiras no Youtube. Este ano houbo un total de doce galardóns.
O xurado estivo constituído por Matías Tarrío, Mabel Montes, Rosa Moreiras, Xoana e Brais Romero. Unha vez máis, o certame veu da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. A continuación damos conta das propostas finalmente galardoadas:
Os tres primeiros premios (Canle, Youtubeir@s e Vídeo) contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os demais galardóns ascenden a 500 euros. En total, os IV Premios Youtubeir@s repartiron 7.500 euros.
Segundo informaron as entidades organizadoras, neste 2020 os Premios Youtubei@s experimentaron un importante medre no número de inscricións: un total de 536 vídeos fronte aos 240 vídeos que se rexistraran na edición de 2019. Estes vídeos son obra de 113 creadores/as, dos cales o 45% son persoas nadas na década de 1990, mentres que un 18% corresponden xa aos nacidos entre o ano 2000 e 2006 (a idade de participación mínima era de 14 anos). En canto á orixe dos/as participantes, a organización salienta que a maioría proceden de núcleos de menos de 10.000 habitantes, seguidos por concellos de entre 10.000 e 50.000 habitantes. Dende a organización dos Premios Youtubeir@s a súa coordinadora Mónica Fernández Valencia destaca “o gran incremento de participantes rexistrado neste anómalo 2020”, no que tamén aumentou “a variedade temática de contidos” e acabou por se notar “tamén un refinamento na calidade técnica xeral”. Fernández Valencia subliña que “nestes anos os Premios Youtubeir@s serviron como punto de encontro e de estruturación para a incipiente comunidade creadora na nosa lingua en Youtube, que cada vez está máis diversificada e con maior conexión con outras plataformas creativas e dixitais”. E engadiu: “Os obxectivos que nos marcamos con lemas como crear comunidade ou expandir a Rede estanse a conseguir grazas ao labor e á evolución dos/as creadores/as que, ano tras ano, participan neste certame”.