A Concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Ponteareas informou do inminente comezo dunha nova serie de novos cursos na aula CeMIT, emprazada no Centro Social na rúa Oriente, desde onde se vai a seguir ofrecendo, as vindeiras semanas, formación informática totalmente de balde e para todas as idades e niveis de coñecemento.
Debido ás circunstancias actuais, a aula CeMIT abre o prazo de inscrición para os seguintes cursos que comezarán a impartirse neste mes de xeito non presencial:
O alumnado contará con titorías online e offline por correo electrónico e en liña segundo cita previa no horario de atención do aula todos os días de 9 a 11 horas e os mércores de 21:30 a 22:30h.
Para realizar a inscrición as persoas interesadas deberán contactar a través de chamada ou de mensaxe de Whatsapp no número de teléfono 634 238 962. Ademais poderán comunicarse coa aula CeMIT de Ponteareas a través do enderezo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal. O concelleiro de Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, anima á veciñanza a contactar coa aula CeMIT e trasladarlle as súas necesidades formativas para “deseñar de xeito participativo os vindeiros cursos e adaptalos o máximo posible e optimizar así moito máis este servizo público ofrecido totalmente de balde”.
IBM patentou nos últimos anos numerosos descubrimentos útiles para diagnosticar e mesmo predicir de forma efectiva enfermidades neurodexenerativas como o Parkinson ou o Alzheimer. Os seus avances, moitos deles dentro da súa tecnoloxía IBM Watson, pasan pola detección con Intelixencia artificial a través dunha análise de sangue ou a identificación de cinco novos xenes dela que nunca antes foran asociados con esta enfermidade, grazas ao Big Data e referencias literarias de bioquímica e bioloxía molecular.
Pero o seu último descubrimento preliminar vai un paso máis aló e logra un fito incrible: predicir o Alzheimer mediante un texto escrito anos antes. Segundo informa The New York Times, a proposta é que os suxeitos lle conten unha historia a ese algoritmo. Na comparativa das mostras dos participantes do estudo ao longo dos anos, o algoritmo puido predicir o inicio da enfermidade de Alzheimer con anos de anticipación cun 75% de precisión.
Este avance pode facilitar unha nova e pioneira ferramenta de detección de afeccións neurodexenerativas graves. O estudo contou con 270 participantes que tiveron que describir vívidamente o que acontecía nunha imaxe simple varias veces ao longo dos anos, segundo unha investigación publicada na revista The Lancet.
Baseándose nas devanditas descricións, o algoritmo aprendeu a identificar patróns comúns á enfermidade, signos de futuro Alzheimer. Entre eles destacan a linguaxe cada vez máis repetitiva, os erros tipográficos ou palabras que faltan. 'Este é o primeiro informe que vin que tomou a persoas completamente normais e predixo con certa precisión que terían problemas anos despois', apunta o doutor Michael Weiner, experto en Alzheimer da Universidade de California, San Francisco.
O seguinte paso de IBM é probar o algoritmo con outras afeccións neurolóxicas e probar a eficacia do diagnóstico precoz.
O Concello de Santiago vai celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, con data o vindeiro xoves 11 de febreiro, coa xornada de charlas e obradoiros As ciencias escríbense en feminino. O evento será en streaming e nel as máis sobranceiras científicas galegas falarán das principais vantaxes que ten estudar unha carreira científica no ámbito de diferentes disciplinas: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
Ao abeiro desta iniciativa, o Concello de Santiago ten como obxectivo principal brindar ás estudantes modelos de diferentes profesións científicas, e axudalas a ser conscientes do seu gran potencia, a superar os estereotipos e inspiralas, a través do evento. A ONU, institución que promove esta data, destaca o problema que existe para que as mentes de homes e mulleres traballen xuntas para alcanzar un obxectivo final e afrontar diferentes desafíos. O evento está orientado ás rapazas galegas de entre 9 e 15 anos, e será presentado por grandes profesionais, que comentarán a súa traxectoria, os proxectos e as vantaxes de forxarse un futuro nas diferentes disciplinas científicas. A actividade combinará as conferencias, con xogos didácticos e experimentos para ofrecer un contido ameno e divertido.
A aula da Rede CeMIT do Concello de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, programou novos cursos telemáticos para os vindeiros meses de febreiro e marzo dirixidos a cidadáns maiores de idade.
O primeiro curso do mes de febreiro que impartirá telematicamente a aula CeMIT será o de deseño vectorial con Inkscape. Este celebrarase, tamén de luns a xoves, do 8 ao 18 de febreiro, de 17.30 a 18.30 horas. Nel explicarase como funcionan as bases para facer toda clase de traballos de este tipo como carteis ou logotipos (isotipos, se nos poñemos técnicos). Dende o 22 ata o 26 de febreiro, de 17.30 a 19.00 horas, impartirase o curso de procesador de textos con LibreOffice Writer I. Trátase dunhas clases de introdución ó manexo do procesador de textos libre, alternativa ideal a Microsoft Word.
Aprenderase sobre a súa interface, formato de carácter, parágrafo, inserción e formatado de imaxes, formas, táboas... todo pensado para achegar a ofimática ó público xeral, pero tamén para os que desexen presentarse ao exame CODIX. No mes de marzo tamén haberá cursos para adultos. O segundo nivel do obradoiro anterior, o de procesador de textos con LibreOffice Writer II, comezará dende o 1 ata o 5 de marzo, de 17.30 a 19.00. Trátase dunha actividade formativa de nivel medio no que se afondará no uso do procesador de textos aprendendo a manexarnos con campos automáticos, cabeceira e rodapé, formato de páxina, FontWork, sinaturas dixitais...
A Amtega e o sector TIC suman de novo esforzos para desenvolver no primeiro trimestre do 2021 unha decena de actuacións para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.
O fomento das vocacións científico-tecnolóxicas concentra ata cinco iniciativas. Da man de Televés, un total 30 estudantes de ESO e Bacharelato participarán nas instalacións desta empresa en Santiago de Compostela nunha serie de talleres en torno a robótica colaborativa ou a impresión 3D que achegarán aos asistentes ás novas tecnoloxías. O prazo de inscrición para as primeiras formacións técnicas é do 1 ao 10 de febreiro. Ademais, estudantes de bacharelato ou formación profesional poderán acompañar a traballadores desta empresa durante unha xornada de traballo co programa Mentoring Day, que ten dispoñibles tres prazas e cuxo prazo de inscrición vai do 1 ao 10 de mazo do 2021.
Contribuíndo ao mesmo obxectivo, a empresa Altia levará de novo o programa GenTech a centros educativos galegos co que se presentarán proxectos de base tecnolóxica en distintas sesións dixitais para dar a coñecer entre o alumnado a importancia dos profesionais TIC e as oportunidades laborais que existen actualmente. O prazo para inscribirse no programa GenTech xa está aberto e remata o 15 de febreiro do 2021.
Ademais de febreiro a maio, desenvolverase unha nova edición do concurso de programación The North Codes no que, por equipos, os mozos e mozas teñen que crear un videoxogo de aventuras utilizando a tecnoloxía Scratch. Os interesados en presentar os seus proxectos na web do concurso The North Codes poden facelo ata o 20 de maio.
Cabe destacar tamén neste eixo a nova convocatoria do programa de reforzo das competencias dixitais DigiCraft no teu cole dirixido a alumnos/as de 6 a 12 anos e que chegará ata a 200 novos centros.
Para facilitar a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais darase continuidade ás actividades de sensibilización e asesoramento (talleres, concursos, premios, etc.) no marco de iniciativas lideradas pola empresa everis como a Cátedra de Transformación Dixital ou a Cátedra R de Ciberseguridade.
Coa iniciativa Altia Tech Day desenvolveranse ata o mes de xuño distintos workshops de tecnoloxías avanzadas aos futuros profesionais do sector (estudantes universitarios, escolas técnicas e centros de formación profesional) para potenciar o talento e completar a súa formación en tecnoloxías novidosas.
Ademais, darán comezo as Bolsas DigiTalent coas que 13 estudantes realizarán prácticas non laborais en empresas do sector tecnolóxico coa oportunidade de participar en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas como Big Data, Cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, etc.
Así mesmo, estase a desenvolver a II edición do Curso de Especialista en 5G, este ano en formato online, impulsado pola Amtega en colaboración coa a Universidade de Vigo e o operador público Retegal para a capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico.
Toda a información sobre estas iniciativas así como do resto do catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web https://digitalent.xunta.gal/gl, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.
A Xunta vén de aprobar a concesión de novas axudas do programa ReAcciona, que ascenden a 465.000 euros e permitirán mobilizar 568.000 euros en 124 proxectos destinados a mellorar a competitividade das pemes galegas, ofrecéndolles respostas que precisan para facer fronte ao contexto económico derivado da pandemia da covid-19.
Entre os proxectos que se veñen de aprobar, destacan os apoios destinados á análise do potencial competitivo; a preparación de procesos certificables; o asesoramento para o financiamento da innovación; a construción dun proxecto de futuro e un plan de mellora empresarial; a mellora da xestión financeira e procura de financiamento; a optimización da produción e a cadea loxística; ou o asesoramento para o relanzamento comercial. Por sectores, máis dun 46% dos servizos aprobados desenvolveranse no sector servizos, un 26% na industria, un 16% no comercio, un 8% na construción e un 4% na hostalería.
As axudas resoltas enmárcanse dentro da terceira convocatoria do programa ReAcciona, co que xa son 531 os proxectos apoiados cunha achega global de 2 millóns de euros, que permitirán mobilizar 2,4 millóns. Proximamente seguiranse resolvendo novas axudas vinculadas a esta edición do programa. Este pon á disposición das pemes beneficiarias servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, a profesionalización, a dixitalización e, como novidade introducida o pasado ano, a innovación.
Na iniciativa colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e conta co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Nesta edición dispón dun orzamento de 4,2 millóns de euros e enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que busca reforzar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais máis vulnerables ante a actual situación.
O sector tecnolóxico galego rexistrou 2.897 empresas no ano 2019 (114 empresas máis que en 2018), cun volume de negocio de 2.872 millóns de euros, un 2,5% máis que o ano anterior. Cun Valor Engadido Bruto (VEB) superior aos 1.500 millóns de euros, o sector TIC supón o 2,44% do PIB total de Galicia.
Son datos recollidos no estudo “A Sociedade da Información nas empresas TIC de Galicia. Edición 2020”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa realizada entre setembro e novembro do ano 2020, recollendo indicadores novos como o teletraballo ou a adopción de tecnoloxías disruptivas.
Ao igual que noutros sectores o impacto da covid-19 incrementou a adopción do teletraballo nas empresas tecnolóxicas galegas. O 63,4% afirma contar con empregados que teletraballan, o que supón un incremento do 91,5% nun só ano. O 96% dos empregados que teletraballan, fano dende o propio domicilio.
Outras tendencias recollidas, por primeira vez, neste estudo son a implantación das tecnoloxías disruptivas no sector TIC galego. O 27,1% das empresas TIC utilizan e/ou incorporan aos seus produtos e servizos o denominado IOT (Internet das cousas). En segundo lugar, nas tecnoloxías disruptivas sitúase o Bussiness Inteligence, que xa é utilizado polo 26% das empresas TIC. e, en terceiro lugar, figura o uso da Intelixencia artificial (19,5%).
Neste capítulo tamén cabe salientar que un 16,7% das empresas TIC galegas emprega Chatbots, un 14,3% a realidade virtual e unha de cada dez empresas TIC fai uso do blockchain (11,3%) e dos xemelgos dixitais e simulación (10%). Ademais o 20,8% das empresas TIC xa utilizan Big Data na toma de decisións.
O 75% das empresas TIC en Galicia realizaron compras de bens ou servizos a través de Internet ao longo do ano 2020.
No último ano creceu a porcentaxe de empresas TIC que venderon os seus produtos ou servizos a través do comercio electrónico, situándose no 31,7%, un 7,1% máis que o ano anterior. O peso das vendas a través do comercio electrónico sobre as totais increméntase nun 10,4% ata acadar un peso do 58,2%.
Nesta edición do informe sobre a Sociedade da Información nas Empresas TIC de Galicia, destaca o incremento nas velocidades de conexión a internet, xa que a porcentaxe de empresas TIC que conta con conexións de 100 Mbps supera o 76%, case un 15% máis que o ano anterior. Con respecto á tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas, destaca a fibra óptica (54,6%), que experimenta un incremento do 17,7% no último ano.
O 26,9% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano anterior. Os intentos de estafa e os ataques de virus foron os incidentes máis frecuentes entre as empresas que tiveron problemas coa ciberseguridade. O primeiro (intentos de estafa) creceu en 8 puntos porcentuais no último ano, substituíndo aos virus como incidente máis frecuente.
A interacción coas Administracións Públicas a través de Internet continúa a súa tendencia de crecemento, situándose no 82,9%, 4,6 puntos porcentuais máis que en 2019. O uso da sinatura dixital acada o 69,6% das empresas TIC galegas.
Durante 2020 subiu lixeiramente a dispoñibilidade de páxina web entre as empresas do sector ata acadar o 79%. O uso de redes sociais por parte das empresas TIC galegas, acada o 42,7% en 2020. A realización de accións de marketing é a principal motivación para o uso das redes sociais.
Máis dun terzo das empresas TIC galegas (33,7%) levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos, aumentando lixeiramente a porcentaxe respecto aos datos da edición anterior (33,2%). Entre estas empresas TIC, o 68,3% obtiveron resultados comercializables.
Con respecto á formación, o informe sinala que case unha de cada tres empresas TIC galegas impartiu formación en novas tecnoloxías da información e comunicación ao seu cadro de persoal (31,7%), un 6,4% máis que o ano anterior. No 2020, a temática de maior interese formativo é a de “Seguridade informática e protección de datos” (49,7%) desbancando do primeiro posto a “Tecnoloxías Cloud e modelos de negocios baseados en Cloud” (40,7%).
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.
A aula CeMIT do Concello de Boiro vén con novidades formativas para este arrinque de ano, no que, segundo confirmou o Concello, vaise manter a actividade con tres cursos telemáticos para o mes de febreiro, cursos sobre as diversas utilidades das novas tecnoloxías para o noso día a día persoal, laboral e de interacción coas administracións. Impartiranse en formato online para garantir a seguridade sanitaria das persoas participantes.
O primeiro dos cursos que se vai desenvolver é o de retoque de imaxes coa aplicación libre GIMP, que será os días 2, 3, 4, 8 e 9 de febreiro en horario de 10.00 a 12.00 horas. Os días 8 e 9 de febreiro, en horario de 12.00 a 13.00 horas, vanse levar a cabo unhas xornadas formativas en trámites electrónicos. Os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro vaise impartir formación sobre trámites electrónicos e Administración Electrónica en horario de 10.00 a 12.00 horas. O Concello de Boiro aposta pola formación en competencias dixitais, adaptada ao momento actual no que os trámites telemáticos son cada vez máis habituais. Toda a información e inscricións aos cursos na aula CeMIT de Boiro, a través do teléfono do Centro Social de Boiro, 981 84 26 35, o móbil 629 769 139, ou o enderezo electrónico axentetic@boiro.org.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia convocan o V Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos no Día Europeo da Protección de Datos, que se celebra hoxe xoves, 28 de xaneiro. Está dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO.
Ambas as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.
Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (http://www.edu.xunta.gal/portal/Educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, darase a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocantes (http://www.cpeig.gal e http://www.edu.xunta.gal/portal/).
As investigadoras do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) Betania Groba, Laura Nieto e Thais Pousada, xunto ao subdirector Javier Pereira, impartirán un ano máis o curso online masivo (MOOC polas súas siglas en inglés) Tecnoloxías para a participación activa na diversidade funcional, que se celebrará a partir do vindeiro 15 de marzo. Este curso aberto é acollido pola plataforma MiríadaX e a súa inscrición é libre e gratuíta.
Segundo informa o CITIC, o MOOC pretende ofrecer unha perspectiva práctica e completa sobre as características, funcionamento e potencialidades de diferentes produtos de apoio, programas, aplicacións móbiles, software de programación e robótica. Ten como principal obxectivo “conseguir que as e os participantes adquiran coñecementos básicos sobre diferentes recursos para a promoción da autonomía e a participación das persoas con diversidade funcional”. O curso ten unha duración estimada de 16 horas, repartidas en 4 semanas nas que se impartirán 4 módulos. O tempo de dedicación estará ocupado pola lectura e visualización dos materiais básicos de formación, a realización das actividades propostas e a participación en foros. Quen desexe máis información pode consultar a plataforma MiríadaX.