Co gallo da celebración (este luns 8 de marzo) do Día Internacional da Muller, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) publicou un comunicado no que expresa a súa firme adhesión ás reivindicacións da xornada e pon o foco nas áreas de actividade que lle son propias, aproveitando para facer un novo e urxente chamamento para xuntarmos forzas arredor dun obxectivo prioritario: incrementar o número de mozas que apostan polas carreiras STEM e rematar dunha vez por todas cos estereotipos e cos obstáculos que impiden a igualdade no ámbito informático.
Segundo lembra o colexio, a profesión de Enxeñaría en Informática en Galicia está aínda “moi masculinizada” con apenas un 17% de mulleres, de xeito similar ao que acontece en todo o sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) onde “practicamente nove de cada dez traballadores do mercado español son homes, malia que, como sinala a Comisión Europea, alcanzar a paridade de homes e mulleres na industria dixital permitiría elevar o PIB da Unión Europea nuns 9.000 millóns de euros anuais”.
O colexio recorda que a igualdade está pendente de chegar en ámbitos de actividade relativamente novos e innovadores, como por exemplo o eido da Intelixencia Artificial (IA), onde só o 22% dos traballadores son mulleres. E engade o CPEIG: “Agora que os sistemas informáticos gobernan múltiples ámbitos, como as comunicacións, transporte, maquinaria industrial, ámbito sanitario, aeronáutica, abastecemento de enerxía ou o sistema xurídico, as empresas galegas e españolas deben transformarse dixitalmente para contribuír ao incremento da produtividade e a innovación, e esta transformación pode ser unha boa oportunidade para conseguir os obxectivos de paridade”. Para o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a demanda de profesionais TIC altamente cualificados que implica o proceso xeral de transformación poderá ser un “excelente motor de igualdade” e fomentar a incorporación de mulleres a distintos sectores produtivos.
No contexto educativo, o Bacharelato científico e tecnolóxico non está á cabeza do que elixen os alumnos, e menos aínda as alumnas. Fernando Suárez afirma que “espertar as vocacións tecnolóxicas e científicas entre as mulleres en idades temperás pode ser o mellor camiño para garantir que a poboación feminina se incorpore dunha maneira natural ao estudo das chamadas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e que xoguen un papel relevante nos sectores que están definindo as tendencias de futuro”. Tamén asegura que é importante que todos os axentes do sistema educativo (pais, nais e profesores) estean concienciados da importancia de impulsar estas materias e profesións. “Só o 35% dos estudantes matriculados en carreiras STEM son mulleres, e só o 3% das estudantes escollen estudos no ámbito das TIC” –indica–.
Fernando Suárez asegura ademais, malia os datos negativos, que “a informática tamén é cousa de mulleres, e foron moitas as que xogaron un papel crucial durante décadas, como a coñecida Ada Byron, filla do poeta Lord Byron, que pasará á historia como a primeira programadora e da que o CPEIG adoptou o nome para crear un premio pioneiro, a distinción Ada Byron da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”. Ademais, lembra outras figuras femininas excepcionais do sector tecnolóxico, “como Grace Murray Hopper, creadora do primeiro compilador; Anita Borg, fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía; Hedy Lamarr, estrela do Hollywood clásico e inventora do espectro ensanchado por salto de frecuencia que se utiliza nos GPS, Bluetooth ou nas conexións Wi-Fi; ou Ana María Prieto, a primeira programadora galega”. E engade o presidente do colexio: “É hora de borrar os estereotipos de xénero que existen en relación ás profesións STEM e dar visibilidade á importancia que as mulleres teñen, tanto na industria como na universidade”.
Para incentivar estas vocacións tecnolóxicas entre as rapazas, o CPEIG recorda que ten en marcha programas e proxectos que incentivan a súa curiosidade en robótica, programación ou Intelixencia Artificial, así como xornadas para presentar experiencias profesionais de mulleres relevantes en sectores científicos e tecnolóxicos, para que as nenas e adolescentes coñezan a estas mulleres de éxito e as vexan como modelos a seguir. Por suposto, a presenza da muller tiña que ser destacada na xunta de goberno do CPEIG da que forman parte tres mulleres, superando a media que existe nos estudos de informática: a vicepresidenta, Susana Ladra, directora do Campus Innova da Universidade da Coruña (UDC); a vicetesoureira, Lorena Otero, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Uvigo); e María Pilar Vila Avendaño, directora executiva (CEO) da empresa Forensic & Security.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha unha nova edición do programa Tecnólogo por un día, unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent. Como en edicións anteriores, cóntase coa colaboración de empresas do sector TIC galego que acompañarán aos participantes nas distintas sesións online.
Nesta edición, optouse por converter o programa ao formato online para poder seguir contribuíndo a mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas, así como a súa percepción entre estudantes de 15 a 17 anos. É unha forma de achegar aos estudantes ao contexto e realidade da que formarán parte no futuro a través de tres modalidades distintas de sesións. A primeira, “Digital Beginner”, permitirá a 72 estudantes participar en talleres prácticos ou a resolución de retos e problemas de proxectos reais de forma remota, un xeito único de inmersión nestes traballos da man de profesionais voluntarios/as que lles permitirán achegarse ás ferramentas e coñecementos empregados no día a día.
A segunda modalidade, “Digital Recruit” con 38 prazas dispoñibles, consiste nunha cita con responsables de captación de talento nas empresas TIC para que os participantes coñezan en detalle as capacidades ou coñecementos máis demandados polas empresas deste sector. E, por último, “Mentoring DigiTalent” dará a oportunidade a 42 alumnos/as de manter un encontro distendido con profesionais de ampla traxectoria no sector TIC que poidan proxectarse como figuras e modelos a emular para os estudantes e co obxectivo de mellorar a súa comprensión e entendemento das profesións dixitais.
Ata o 22 de marzo permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar. Deberán cumprimentar o formulario dispoñible no espazo web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/tecnólog-por-un-día-online, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada modalidade de sesión por parte das empresas colaboradoras no programa, indicando as preferencias do alumnado.
Unha vez rematado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo. Co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre as nenas, reservarase para elas un terzo das prazas. Posteriormente, serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e o horario das sesións que resulte conveniente para ambos os dous.
Durante os meses de abril e maio, os participantes mergullaranse nos proxectos tecnolóxicos das empresas TIC colaboradoras. Nesta nova edición os máis de 150 participantes serán acollidos polas 12 empresas colaboradoras: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Sivsa (Grupo Kiom), R Cable y Telecable Telecomunicaciones, Televés e os socios do Clúster TIC Galicia Aldaba, Dos Espacios, Sixtema e Tecalis.
Actualmente, atópanse en curso cinco iniciativas do catálogo DigiTalent orientadas a fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos: Formacións técnicas e Mentoring Day da man de Televés, o programa GenTech con sesións dixitais nos centros educativos da empresa Altia, o concurso de programación DXC Iberia Codes promovido por DXC Technology e o programa educativo DigiCraft no teu cole impulsado pola Fundación Vodafone en colaboración coa Amtega e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Toda a información sobre estas iniciativas, así como do resto do catálogo DigiTalent, está dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.
O Concello de Santiago, a través do departamento de Comercio, vai organizar un curso sobre as novas relacións de comunicación e interrelación entre a cidadanía e as entidades públicas que poñen en xogo as novas ferramentas tecnolóxicas. O curso A Administración Electrónica e a tramitación de axudas municipais en Sede Electrónica impartirase de xeito online dende o 15 ao 18 deste mes e o prazo para inscribirnos comezou este 4 de marzo, ás 15.00 horas.
Dende un enfoque práctico analizaranse todas as funcionalidades que ofrece a Sede Electrónica. O obxectivo desta formación é repasar de forma práctica todas as accións que se poden realizar a través da devandita ferramenta de eAdministración e mellorar a eficiencia e os tempos de tramitación nos seus expedientes administrativos. O curso conterá ademais cun módulo específico dedicado á tramitación de axudas municipais a través da Sede Electrónica do Concello de Santiago.
O curso desenvolverase en dúas edicións (unha en horario de mañá e outra de tarde) con 20 prazas cada unha das convocatorias. Celebrarase os días 15, 16, 17 e 18 de marzo.
A Fundación ONCE presentará este mércores aos membros afiliados á Organización Mundial do Turismo (OMT) o seu proxecto para facer máis accesible o Camiño Francés de Santiago, unha iniciativa en marcha desde 2019 que en 2021 avaliará a accesibilidade de albergues, potenciará o uso de aplicacións e creará unha web informativa con todos os recursos físicos e tecnolóxicos para facer máis transitable a ruta.
A presentación do proxecto farase no marco dunha reunión de membros afiliados á OMT sobre servizos turísticos en áreas rurais e naturais que terá lugar este mércores vía online.
No encontro, a Fundación ONCE dará a coñecer as actuacións que ten previsto facer en 2021 en municipios de Pamplona, Logroño, Burgos e León para consolidar todo o desenvolvido ata agora co fin de ofrecer un itinerario accesible no camiño francés que permita gozar ás persoas con discapacidade desta experiencia.
Así, o proxecto recolle para este ano a realización dun diagnóstico de accesibilidade sobre unha mostra das instalacións físicas das que os peregrinos fan uso durante o desenvolvemento do camiño, como son os albergues, para que poidan planificar e facer os seus desprazamentos con normalidade.
Ademais, instalaranse códigos Vumarks ao longo da ruta para que os camiñantes, mediante os seus dispositivos móbiles, poidan acceder á información de accesibilidade dos puntos de interese máis relevantes.
O proxecto tamén pretende potenciar a accesibilidade de aplicacións móbiles de gran uso, centrando os esforzos na app de IGN, e dando a coñecer apps deseñadas para a orientación e guiado de persoas con discapacidade, como Blind Explorer e Microsoft Soundscape.
Para axuntar a información dispoñible sobre accesibilidade física e tecnolóxica no Camiño de Santiago, crearase un sitio web no que se recollerán as características de accesibilidade das instalacións físicas avaliadas e das tecnoloxías dispoñibles para potenciar a inclusión desta experiencia.
Finalmente, farán varios ciclos de test de usuario con persoas con discapacidade para asegurar a calidade da información sobre accesibilidade e das ferramentas TIC ofrecidas.
Todas estas actuacións forman parte dun programa máis amplo iniciado pola Fundación ONCE en 2019, en colaboración co Real Padroado sobre Discapacidade, Instituto Xeográfico Nacional, os ministerios de Fomento, de Sanidade, Consumo e Benestar Social, de Industria, Comercio e Turismo, e o de Cultura e Deporte, así como coa participación do Xacobeo 2021, Xunta de Galicia, Junta de Castilla y León, A Rioxa, Reyno de Navarra, Gobierno de Aragón e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e Microsoft.
A cidadanía de Ponteareas vai ter este mes de marzo novos cursos tecnolóxicos de balde, nos que as veciñas e veciños xa poden inscribirse a partir deste primeiro de mes. Será a través da aula CeMIT (Centro Social da rúa Oriente) e a Concellería de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez. A axenda inclúe arredor dunha ducia de actividades.
Neste mes de marzo a aula CEMIT de Ponteareas ofrecerá cursos de segundo nivel dos xa iniciados no mes de febreiro e tamén cursos específicos para persoas maiores co obxectivo de “axudalas no manexo do teléfono móbil e as súas aplicacións”. Tamén se vai poñer o foco en ilustrar aos asistentes sobre como realizar xestións coas administracións a través dos dispositivos e en como usar todo tipo de ferramentas dixitais que contribúan positivamente aos ámbitos social e familiar.
Os cursos para maiores serán presenciais e con grupos reducidos e o resto impartiranse online. A inscrición pode realizarse a través da web da aula CeMIT.
Segundo explicou a dita Concellería, a aula CEMIT ofrece formación informática de balde axeitando o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía. Por este motivo serán benvidas as suxestións das persoas interesadas para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.
O gasto total en TIC das empresas galegas superou os 457 millóns de euros, o que representa un incremento dun 11,7% respecto ao exercicio anterior. As microempresas destinaron o seu maior orzamento TIC ao gasto en bens, servizos e consultas TIC mentres o gasto principal das empresas de 10 ou máis empregados/as foi o gasto en software.
Son datos recollidos no informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2020, publicado esta semana polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC en todas as empresas galegas, un total de 197.813, nas que o 96,2% son microempresas, de 0 a 9 traballadores/as.
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis traballadores/as teñen contratado Internet. Entre as microempresas galegas incrementouse esta contratación nun 7,8%, acadando unha porcentaxe do 78,6% e superando lixeiramente a media estatal (78,2%).
No último ano experimentouse un salto cualitativo na velocidade de conexión a Internet contratada. A porcentaxe de microempresas que dispoñen de velocidade de conexión a Internet de máis de 100 Mbps incrementouse un 93,2%, pasando do 28,1% no ano 2019 ao 54,3% no 2020. Neste período, no caso das empresas de 10 e máis empregados/as, o incremento foi do 41,2%, pasando do 45,1% ao 63,7%.
No ano 2020 incorporouse un novo indicador que mide o grao de satisfacción que teñen as empresas coa velocidade de descarga contratada. Os resultados obtidos indican que arredor do 90% das empresas galegas que teñen contratado Internet de banda larga fixa, consideran suficiente a velocidade de descarga.
No ano 2020 consolidouse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas galegas (29,4%), rexistrando un crecemento do 10,1% no último ano e superando en 0,6 puntos porcentuais a media estatal (28,8%). A porcentaxe de empresas galegas que posúen páxina web de 10 ou máis asalariados/as supera o 80% e sitúase tamén por riba da media estatal (78,1%).
Respecto ao uso de redes sociais con fins empresariais, segue a súa liña de ascenso. Unha de cada tres microempresas galegas ten presenza nas redes sociais, aumentando un 28% no último ano e reducindo en 4,7 puntos a diferencia coa media estatal. Entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as (67%), o incremento foi dun 22,7%, superando a media estatal (63%).
No relativo ao comercio electrónico, cabe salientar que unha de cada dez microempresas galegas vendeu a través da Rede, experimentando un incremento do 78,7% e superando a media estatal (9,5%). No caso das empresas de 10 ou máis empregados/as con actividade en Galicia, a porcentaxe sitúase no 22%.
En canto á procedencia dos clientes, a maioría teñen sede no territorio español. Non obstante, cabe salientar que o 31,8% da vendas en liña das empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede na Comunidade galega producíronse noutros países da Unión Europea.
No último ano incrementouse un 16% o número de empresas galegas de 10 ou máis empregados/as que contrataron especialistas TIC e un 23,9% xa conta con perfís TIC no seu cadro de persoal, superando a media estatal (18,4%) en 5,5 puntos porcentuais.
Entre as empresas galegas de 10 ou máis empregados/as que contan con perfís TIC, un 43,6% emprega mulleres especialistas TIC e, no caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 22,8%, porcentaxes superiores ás medias estatais (32% e 19,7% respectivamente).
O estudo constata a demanda de perfís TIC nas grandes empresas galegas: O 16% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/ as con sede e/ou actividade en Galicia contratou ou tentou contratar especialistas TIC, superando a media estatal (13,2%).
O 18,6% das empresas de 10 ou máis empregados/as con sede e/ou actividade en Galicia utilizaron dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das Cousas, IoT), superando a media estatal (16,8%). No caso das microempresas o uso desta tecnoloxía (4,6%) iguala a media estatal.
Os dispositivos IoT máis empregados nas empresas con 10 ou máis traballadores/as son os sensores, etiquetas RFID ou cámaras controladas por Internet para mellorar o servizo do cliente. Doutra banda, o dispositivo máis utilizado entre as microempresas son os sensores de movemento para rastrexar vehículos ou produtos.
O uso da robótica nas empresas galegas supera a media estatal. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores/as de Galicia este indicador sitúase no 9,7%, 0,8 puntos porcentuais por riba da media estatal (8,9%). Entre as microempresas galegas, rexístrase un uso máis reducido (2%) pero tamén por riba da media estatal (1,8%).
No 2020 increméntase lixeiramente a porcentaxe de empresas que analizaron big data en Galicia. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados/as, onde a análise de big data sitúase no 12,4%, 3,9 puntos máis que a media estatal. O uso máis común da big data nas empresas galegas é a análise dos datos de xeolocalización obtidos a partir de dispositivos portátiles.
O uso de Internet para relacionarse coas administracións públicas é practicamente universal entre as empresas de 10 e máis empregados/as e superan a media estatal en 4 puntos porcentuais. No caso das microempresas, un 73,9% das empresas con conexión á Rede tiveron interacción coas AAPP a través de Internet.
As medidas de seguridade TIC incrementáronse no ano 2020, especialmente entre as microempresas. Dúas de cada tres microempresas galegas implementaron políticas de ciberseguridade, cun crecemento do 31%. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia este indicador sitúase no 95,7%, aumentando un 2,6% respecto ao ano 2019.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inicia este luns 1 de marzo a formación das 180 persoas que se matricularon nestes días no curso de teleformación preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de maio, unha vez rematada a devandita formación.
O curso de preparación de 190 horas de duración impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a Internet para seguir a formación desde calquera lugar e en calquera momento.
En canto ao perfil das 180 persoas matriculadas, seleccionadas de entre 2.545 solicitudes de inscrición, saliéntase que a media de idade é de 40 anos e que unha gran maioría son mulleres (149 mulleres por 32 homes).
En canto á procedencia, seguen a ser maioritarias as domiciliadas nas provincias da Coruña e Pontevedra, con 93 e 49 participantes respectivamente, fronte ás 27 persoas da provincia de Lugo e as 11 procedentes de Ourense.
Lémbrase tamén que as persoas demandantes de emprego ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33% gozaron de exención no pagamento das taxas de exame. Das 180 persoas matriculadas, 62 son demandantes de emprego e 8 son persoas con discapacidade.
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da Rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.
Esta convocatoria forma parte do Plan de formación da Rede CeMIT para este ano 2021, que terá a súa continuación con novos exames presenciais neste primeiro semestre para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios —ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou por que opten pola modalidade autoformativa-, ata chegar a un número superior ás 1.500 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no devandito plan.
Desde a habilitación da Rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 9.200 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.839 en cursos de teleformación titorizada e 6.392 en probas presenciais de acceso libre) e 4.200 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas convocadas nas aulas da Rede CeMIT.
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de aula aberta, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
O pasado decembro os socios da ESSA organizaron unha reunión virtual de lanzamento para comezar oficialmente o noso traballo conxunto no desenvolvemento dunha estratexia de habilidades de software altamente innovadora, efectiva e sustentable e os correspondentes programas de educación e formación profesional para Europa. Financiado pola Comisión Europea no marco do programa Erasmus + - Sector Skills Alliances, o proxecto, que terá unha duración de 4 anos, ten como obxectivo garantir que as necesidades de habilidades/competencias do sector do software poidan satisfacerse a curto, medio e longo prazo, permitindo o desenvolvemento continuo, a innovación e competitividade na industria.
O paso de hardware a software permite unha gama máis ampla de novos servizos, que necesitan de tecnoloxías emerxentes como Cloud computing, Intelixencia artificial (IA), Internet das cousas (IoT), Blockchain e Ciberseguridade. Estas tecnoloxías están a impulsar a gran demanda de software tanto en Europa, como a nivel mundial e, en consecuencia, a crecente demanda de máis profesionais en servizos de software.
A Alianza ESSA, coordinada por DIGITALEUROPE, Asociación Europea de empresas tecnolóxicas, reúne ás principais organizacións representativas das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), entre as que se atopa AMETIC, empregadores de servizos de software, provedores de educación e formación de FP e educación superior, organismos reguladores de cualificacións, incluídas as axencias nacionais de acreditación, e unha ampla selección de partes interesadas e interlocutores sociais de toda a industria. Todos os socios traballarán xuntos para garantir que a nova estratexia de habilidades de software estea impulsada pola demanda das empresas e combine a provisión de educación en formación profesional e as iniciativas de aprendizaxe baseadas nas necesidades do sector para implementar a mellora e a adquisición de novas competencias de forma rápida. A nova estratexia e a solución en formación profesional están directamente vinculadas con instrumentos, ferramentas e estándares europeos recoñecidos que permiten as habilidades e o desenvolvemento profesional en xeral. Ademais, incluiranse novos mecanismos para asegurar a implementación continua en todos os países do programa durante os catro anos do proxecto e tras a súa finalización.
O rápido aumento da fenda en competencias dixitais e os requisitos técnicos en constante cambio fan que sexa difícil para a educación e a formación manterse ao día. Noutras palabras, a crecente demanda de especialistas de software non pode ser satisfeita polos programas de educación e capacitación actuais. A innovación tecnolóxica cambiou o paradigma da forma en que se deseñan, distribúen e xestionan tanto o software e a infraestrutura de TI, como a automatización ou o crecemento das funcións de soporte do software. Por tanto, necesítanse ciclos educativos máis curtos e eficientes. A FP permítese vías de aprendizaxe máis flexibles, que se aliñan coas necesidades da industria e os empregadores en tempo real.
Cun enfoque nas competencias profesionais dixitais e TIC avanzadas na área de servizos de software, o proxecto da ESSA ten como obxectivo desenvolver un plan de estudos de formación profesional innovador e completo, personalizado para varios roles e perfís de traballo, tendo en conta as competencias, coñecementos e habilidades necesarias no sector. Farase unha análise das necesidades do sector ao comezo do proxecto co fin de preparar unha base concreta baseada en datos para o desenvolvemento e a implementación tanto da estratexia de habilidades de software como dos programas de formación profesional. O plan de estudos e os materiais de aprendizaxe equiparán aos alumnos cos coñecementos e as habilidades actualizados necesarios para desenvolver competencias profesionais avanzadas en TIC e dixitais, así como certificacións recoñecidas que son transferibles a toda a UE.
Para un desenvolvemento sustentable máis aló do final do proxecto ESSA, desenvolverase unha estratexia a longo prazo para a expansión continua da Alianza, así como as melloras continuas da Estratexia de Habilidades de Software e os programas de formación profesional. Ademais, crearase unha Comunidade Europea de Habilidades de Software para proporcionar unha plataforma en liña para revisións de expertos e intercambio de ideas e mellores prácticas entre o amplo sector de software e a comunidade VET, asegurando a adopción e explotación dos resultados do proxecto en toda a UE.
Estean atentos para máis información sobre o proxecto!
A aula CeMIT de Oroso convoca un curso gratuíto de Internet e ofimática a través da ferramenta LibreOffice. Desenvolverase dende o 1 ata o 31 de marzo en horario de 10 a 12 horas e servirá para a preparación das probas libres para a obtención do CODIX.
O curso esta destinado a toda a cidadanía en xeral con certa formación tecnolóxica (manexo do teclado e do rato, apertura e peche de programas, uso de cartafoles etc.) e terá como obxectivos os que se detallan a continuación:
O programa formativo inclúe contidos sobre os seguintes bloques temáticos:
Para máis información cómpre visitar a web da aula CeMIT ou acudir a Aula de Formación EducaOroso (Rúa do Deporte, nº 7 – Sigüeiro).