main content

main content
16/04/202108:04
Dous dos alumnos implicados no espazo que lles acaba de ceder a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Vigo

Estudantes da UVigo recollen ordenadores solidarios para familias con poucos recursos

As situacións extremas sacan o mellor e o peor das persoas, sabémolo ben nestes tempos nos que nos toca convivir cunha pandemia que non só ataca á saúde senón tamén á estabilidade social. Partindo disto a asociación estudantil IEEE Uvigo Student Branch, na que se atopan estudantes das diferentes titulacións de enxeñaría que se imparten na Universidade de Vigo, vén de anunciar unha proposta solidaria de recollida de ordenadores, equipos que eles mesmos disporán nun espazo cedido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coa idea de repartilos entre as familias con menos recursos.

Segundo sinala o vicepresidente de IEEE UVigo Mateo Cid, estudante de mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación: “A iniciativa xurdiu a partir dun proxecto semellante que desenvolve a ONG Enxeñeiros Sen Fronteiras na Coruña coa ONG Ecos do Sur; a nosa idea é facer o proxecto equivalente pero desta volta en Vigo, que é onde se localiza a nosa asociación”, ao que engadiu que, “se todo sae ben, a idea é prolongar esta campaña no tempo, polo que estamos abertos a calquera doazón a longo prazo a través do formulario". Cómpre subliñar que se recolle todo tipo de material informático, tanto de particulares como de empresas. Máis polo miúdo, amais de computadores (tanto portátiles como de sobremesa), poderá entregarse todo tipo de material informático: monitores, teclados, ratos, fíos de conexión, discos duros, memorias... “Tentaremos aproveitar todo ao máximo”, salienta Cid, quen adianta que, malia que a iniciativa acaba de pórse en marcha, dende o Consorcio da Zona Franca xa lle doaron catro ordenadores que recollerán mañá venres e tamén comezan a chegar doazóns de particulares. O único requisito imprescindible para doar é completar un formulario, no que fica rexistrado o correo electrónico da persoa doante e a través do cal se porán en contacto con ela no intre da recollida.

Os membros voluntarios do IEEE UVigo serán os encargados de limpar estes equipos a fondo e instalarlles un set de aplicacións de software libre, para que o equipo poida empregarse desde o primeiro día en que se realice a entrega. Unha vez arranxados e equipados serán entregados á ONG Accem, que será a encargada de darllos ás familias en risco de exclusión ás que axuda.

15/04/202108:04
Presentación do anterior hackathon.
Santiago de Compostela

A Cidade da Cultura acolle en maio a quinta edición do Hackathon Big Data & Analytics

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, con sede na Cidade da Cultura de Galicia, vén de convocar a quinta edición do Hackathon Big Data & Analytics. Será os días 21 e 22 de maio de 2021 no dito complexo compostelán do monte Gaiás. Celebrarase en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA e a madeireira galega FINSA. A intención das entidades organizadoras é manter o alto nivel de participación e repercusión do evento, que se vén celebrando dende 2017, e mesmo superalo. O número total de participantes nas catro edicións previa superou o centenar.

Concorreron nas convocatorias anteriores analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e persoas con inquietudes tecnolóxicas relacionadas co análise de datos, a estatística, o aprendizaxe automático, a análise de datos a gran escala (Big Data) e a Intelixencia Artificial.

A iniciativa forma parte das iniciativas do Plan DigiTalent da AMTEGA para promover as vocacións tecnolóxicas, un ámbito no que DXC quixo redobrar o seu compromiso coa potenciación e desenvolvemento do sector galego das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Nesta edición, segundo fan saber as entidades organizadoras, o desafío será proporcionado pola empresa galega FINSA, dentro das súas iniciativas no marco de Industria 4.0. As anteriores edicións dos hackathons organizados polo CEIN estiveron vencelladas a ámbitos tan dispares como o estudo da mobilidade dentro de centros comerciais, a análise das redes sociais dos xogadores do equipo de baloncesto CAB Obradoiro, o estudo de datos medioambientais para mellorar a calidade de vida da cidadanía ou o desenvolvemento de ferramentas de apoio á toma de decisións para afeccionados e profesionais do mar e dos deportes acuáticos.

O obxectivo desta edición é atopar e premiar o desenvolvemento de modelos de predición ligados á á industria no ámbito de operacións. A participación está limitada a 30 participantes. A inscrición pódese facer a través da web do evento de xeito individual ou en grupos de ata cinco persoas.

Cambios na metodoloxía

Tradicionalmente o hackathon viña levándose cabo en dúas xornadas. O venres ás 17:00 facíase unha presentación, por parte do director do CEIN. Tras ela, comezaba una sesión de traballo ata as 20:00 horas que continuaba o sábado a partir das 9:00. Tras un xantar conxunto de todos os participantes, a partir das 18:00, cada equipo presentaba a súas solucións e o xurado avaliaba e seleccionaba aos gañadores.

Nesta ocasión, en función da situación provocada pola COVID, as actividades serán adaptadas ao estado no que se atope a Comunidade nese momento e serán anunciadas na web do evento. Os premios divídense en dúas categorías: mellor solución global e mellor proposta de valor. Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por profesionais do CEIN e de FINSA.

14/04/202114:04
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta comeza a recibir esta semana os 14.502 ordenadores do plan Educa Dixital destinados ao alumnado en risco de exclusión tecnolóxica

  • A medida “Posto educativo no fogar” forma parte do programa “Educa en Dixital Galicia”, que é o resultado dun acordo entre a Xunta, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional
  • A Xunta comezará a distribución dos equipos de xeito inmediato a partir da súa entrega por parte de Red.es, que anunciou que os enviará en varias quendas ata maio
  • A Amtega e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xa dispoñían dun fondo propio de case 5.000 ordenadores portátiles con kit de conexión para atender as necesidades máis inmediatas como consecuencia da pandemia

A Xunta de Galicia comeza esta semana o reparto de 14.502 ordenadores portátiles cun bono de datos para a conexión a internet aos centros educativos públicos da Comunidade, destinados a alumnado en situación de risco de exclusión tecnolóxica.

Esta medida, denominada Posto educativo no fogar, enmárcase no programa Educa en Dixital Galicia, que foi asinado pola Xunta de Galicia, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional a través de fondos FEDER e coa cofinanciación da comunidade autónoma

Galicia foi das primeiras comunidades en asinar o convenio con Red.es, e polo tanto, de adherirse á iniciativa para dar resposta ás necesidades das familias mais vulnerables. A Xunta entregará os equipos aos centros a medida que os reciba por parte de Red.es, entidade encargada de compralos e distribuílos en todo o Estado. O compromiso expresado pola Xunta é comezar o envío do equipamento aos centros de xeito inmediato despois da súa entrega por parte do Estado.

Os centros educativos serán os encargados de repartir os equipos entre o alumnado que se atope en situación de risco de exclusión. A entrega realizarase mediante a formalización dun acordo temporal de cesión coa familia. O préstamo non poderá exceder o tempo de duración do curso académico. Salvo cando os responsables dos centros consideren que se dan circunstancias particulares que así o recomenden, o alumnado beneficiado por esta medida deberá devolver os ordenadores ao remate do curso. O centro tamén poderá solicitar a devolución no caso de que cambien as circunstancias que motivaron a necesidade do préstamo.

Para afrontar os casos urxentes polas necesidades de uso das tecnoloxías dixitais derivadas da situación creada covid-19, a Xunta de Galicia xa dispoñía dun fondo propio de preto de 5.000 portátiles con kits de conexión para alumnado con máis necesidades. Esta actuación formou parte do plan de continxencia ante as limitacións de mobilidade provocadas pola pandemia.

Ademais, a Xunta dispón de 20.600 kits de conexión a internet con bono de datos de 10 meses para atender ao alumnado en risco de exclusión dixital, unha cifra que se podería ampliar, en función das necesidades, con bonos de 500 Mbps, no marco do novo concurso de telecomunicacións.

14/04/202113:04
Mans tecleando.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro achega en maio cursos sobre ecommerce ou xestión de páxinas

O Concello de Boiro, a través da aula CeMIT, ofrece cursos de formación en informática para o mes de maio. Todas as xornadas formativas van ser online, co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria de todas as persoas participantes. As inscricións están xa abertas e, para quen estea interesado ou interesada en participar nalgunha das actividades, sinalarlle que ten toda a información na web da aula CeMIT. Achegaranse recursos sobre comercio electrónico, xestión de páxinas ou como mostrar contidos do mellor xeito posible na Rede.

Entre os cursos que se ofertan para o mes de maio están un de manexo de Wordpress, que se vai impartir os días 10, 11, 12 e 13 entre as 10.00 e as 12.00 horas de forma online. Vaise ofrecer tamén á cidadanía formación en Tendas Woocomerce os días 24, 25, 26 e 27 de maio, en horario de 10.00 a 12.00 horas. O día 19 de maio, entre as 10.00 e as 12.00 horas, vaise impartir unha xornada sobre Fake News. E os días 31 de maio, 1, 2 e 3 de xuño, en horario de 10.00 a 12.00 horas, será a quenda dunha formación en posicionamento web. O prazo de inscrición está xa aberto, toda a información na web municipal e na aula CeMIT do Concello de Boiro, no enderezo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 ou vía Whatsapp no 629 769 139.

14/04/202108:04
Persoas durante III Congreso de Tecnoloxía e Turismo.
Madrid

A Fundación ONCE celebra o IV Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade

  • Do 15 ao 19 de novembro
A Fundación ONCE celebra do 15 ao 19 de novembro o IV Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade. O encontro, que terá lugar de forma online, conta coa colaboración da OMT e a Rede Europea de Turismo Accesible (ENAT).
 
Nesta cuarta edición o congreso incide na importancia do turismo como motor das economías de moitos países, como é o caso de España. Neste sentido, recalca que ter en conta a accesibilidade supón un incremento nas oportunidades do sector, xa que se vai a poder contar cun segmento do mercado que, a pesar dos progresos realizados, aínda se atopa desatendido.
 
'O desexo de viaxar de todas as persoas non se debe ver truncado porque non se as tivo en consideración á hora de desenvolver os produtos e servizos turísticos. Pero tampouco se debe deixar de lado a oportunidade de obter máis beneficios por parte dos empresarios do sector turístico', sinalan os impulsores.
 
A situación provocada pola COVID-19 e os consecuentes confinamentos e restricións á mobilidade provocaron un arrefriado alarmante do turismo a nivel mundial con repercusións moi negativas a nivel económico en países nos que o turismo é unha das fontes principais de ingresos, como o caso de España no que representaba un 15% do PIB antes da pandemia.
 
Unha vez que se supere esta situación o sector advirte que vai haber unha competencia feroz por recuperar os números anteriores, e mesmo aumentar o número de visitantes. 'E é aí onde a accesibilidade pode ser un elemento clave e un valor engadido que o diferencie do resto de destinos competidores. Será un factor de calidade e para conseguilo a Tecnoloxía é unha peza fundamental', insisten.
 
Desde a Fundación ONCE consideran que a celebración deste IV Congreso é unha oportunidade para que os empresarios, emprendedores, estudantes, formadores, usuarios, etcétera, poñan en común e coñezan boas prácticas, novas ideas, novas perspectivas, solucións e os adiantos que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes e os produtos de apoio ofrecen para mellorar a calidade de vida de todas as persoas.
 
'A capacidade de adaptación, a resiliencia, de empresas, de currículos formativos, etcétera, verase enriquecida se esta inclúe a accesibilidade, xa que supoñerá unha vantaxe competitiva, ofrecendo unha calidade que o resto non ten', engade.

Temáticas e comunicacións

Nesta edición, que será completamente online, trataranse temáticas relacionadas co Turismo e a Tecnoloxía aplicadas ao Turismo, pero tamén temáticas propias de cada ámbito, como a robótica, interacción persoa máquina, impresión 3D, telemedicina, teleasistencia, exoesqueletos, wearables ou videoxogos.
 
Contará con relatores de ámbito internacional e nacional e programaranse actividades que fomenten a participación dos asistentes. Ademais, habilitarase un espazo de networking que facilite o intercambio de coñecemento.
 
Desde a Fundación ONCE animan á presentación de comunicacións ata o 15 de xuño. O Comité Científico será o encargado de seleccionar as que se presenten no congreso e ademais incluiranse no Libro de Comunicacións que se colgará na web.
 
13/04/202108:04
Gonzalo Trenor cos alumnos de Talentos Inclusivos.
Sada

Trenor destaca o éxito do programa talentos inclusivos que fomenta o uso das novas tecnoloxías entre as persoas con parálise cerebral

  • O proxecto está organizado por Aspace (asociación de padres de persoas con parálise cerebral) en colaboración co Consellería de Educación, Cultura e Universidade e coa Universidade da Coruña a través do CITIC (centro de investigación en tecnoloxías da Información e as comunicacións)
  • Participan 8 centros educativos das áreas da Coruña e Ferrol e estanse a levar a cabo 45 retos tecnolóxicos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, acompañado pola directora-xerente de Aspace Coruña, Sonia Ruiz, unha das actividades do programa Talentos Inclusivos, que se está levando cabo grazas á colaboración da Consellería de Educación, Cultura e Universidade, Aspace (asociación de padres de persoas con parálise cerebral) e a Universidade da Coruña a través do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións). O obxectivo deste programa é espertar vocacións STEM entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

A actividade celebrada esta mañá en Sada consistiu no reto de manexar un dron programado cun microbit para que o poidan empregar as persoas con parálise cerebral coa man e coa cabeza. Trenor informou que neste programa participan 75 persoas nos equipos colaborativos entre persoas con parálise cerebral, mozas e mozos e profesorado, 30 profesores da UDC, institutos e centros de Formación Profesional e estanse a levar a cabo 45 retos tecnolóxicos propostos por ASPACE.

Os retos encádranse en 5 apartados: produtos de apoio e impresión 3D, control do entorno do fogar, rehablitación, acceso ao ordenador, ao móbil e aos sistemas de comunicación e ocio.

Os centros educativos participantes son: IES Miraflores de Oleiros; colexio Calasanz PP Escolapios, CPR Salesianos San Juan Bosco; IES David Buján de Cambre; IES As Mariñas de Betanzos; IES Terra Trasancos de Narón, IES Ortigueira e IES Sofía Casanova de Ferrol.

O representante do Goberno autonómico incidiu en que todas estas actividades pretenden facilitar a vida diaria ás persoas con parálise cerebral e potenciar o seu rol como actores proactivos no futuro. Ademais, engadiu búscase favorecer explorar e experimentar con tecnoloxías innovadoras, detectando as necesidades identificadas durante os diferentes retos e o impacto psicosocial da solución tecnolóxica na vida diaria dos participantes.

13/04/202108:04
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Os videoxogos e as súas posibilidades de emprendemento, ao detalle nunha formación da Cámara de Santiago

A Cámara de Comercio de Santiago vai activar este 19 de abril unha iniciativa moi indicada para quen teña interese en adicarse profesional ou empresarialmente ao ámbito dos videoxogos. Trátase do programa formativo Videoxogos e Emprendemento, unha actividade formativa de balde impulsada polas Cámaras (Fundación INCYDE) e a Xunta de Galicia e que inclúe seis semanas de aprendizaxe en liña e unha semana de traballo de campo. A presentación será en streaming este 19 de abril, data de inicio do programa.

Trátase, segundo apunta a organización, de desvelar as posibilidades da industria dos videoxogos, “unha industria nova en plena expansión con crecementos acumulados nos últimos anos”. En concreto, estes son os obxectivos do programa: preparar aos alumnos para entender como funciona unha empresa do sector dos videoxogos; coñecer os roles do equipo técnico, a tecnoloxía empregada e as ferramentas; e formar aos presentes nas estratexias e canles adecuadas para expor unha idea de negocio e pola en marcha. As sesións van dirixidas a mozas e mozos que desexen iniciarse no desenvolvemento de videoxogos, así como a aqueles interesados en ampliar e consolidar os seus coñecementos no eido da creatividade dixital.

13/04/202108:04
Reunión na sede de Aspace.
Sada

ASPACE Coruña e o CITIC mostraron ante a Xunta os seus avances en inclusión tecnolóxica

Na mañá deste 12 de abril o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, e o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación para a provincia da Coruña, Indalecio Cabana Leira, acudiron á sede de ASPACE Coruña en Sada para coñecer en primeira persoa os avances do proxecto Talentos Inclusivos, o proxecto de tecnoloxía anti-barreiras que impulsaron o Centro de Investigación da Universidade da Coruña (o CITIC), ASPACE Coruña e o Consello Social da UDC, en colaboración con diferentes centros educativos da provincia.

O proxecto ten o obxectivo duplo de fomentar vocacións científicas entre a mocidade e mostrar polo miúdo a problemática da diversidade funcional, achegando solucións tecnolóxicas específicas e creadas especialmente para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral. En concreto, Trenor e Cabana asistiron á sesión de seguimento entre ASPACE Coruña, o CITIC e CPR Salesiano San Juan Bosco de A Coruña. Este centro, segundo informaron ASPACE e máis o centro coruñés, está a desenvolver un dron programado con microbit para que poida ser controlado “cun joystick adaptado, que permita ser utilizado co movemento da man ou da cabeza”. O CITIC lembrou que o equipo de estudantes está explorando a posibilidade de programar o dron a través dunha placa controladora e diversas tecnoloxías sen fíos.

Na visita a ASPACE Coruña, Trenor e Cabana tamén puideron ver o funcionamento doutras propostas deseñadas polos centros educativos, como xoguetes adaptados e o Makey Makey, un mando para adaptar a todo tipo de xogos.

Na sesión de seguimento, os representantes da Xunta de Galicia estiveron acompañados polo presidente de ASPACE Coruña, Antolín Rodríguez; a directora xerente do centro, Sonia Ruiz; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; e o director técnico do Consello Social da UDC, Jesús Expósito. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, destacou que Talentos Inclusivos é un “proxecto único e moi innovador, cun beneficio social para as persoas con parálise cerebral e que implica ao alumnado, a través da tecnoloxía, nunha realidade decote descoñecida”. 

Axuda da FECYT

Segundo se lembrou durante a visita, a iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

13/04/202107:04
Cartel da iniciativa.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

Galiciencia celebra un concurso de fotografía en Instagram

Galiciencia, a maior feira científica galega, celebra a súa 16° edición do 26 ao 28 de maio. De novo, será online por mor da COVID - 19. Este ano, a feira contará cun concurso de fotografía, que xa ten aberto o prazo por medio de Instagram. Nel poderá participar o alumnado e profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España. O concurso xira en torno a innovación postCOVID a través da revolución do talento. Polo tanto, as fotografías deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionados con este tema.

O número máximo de fotos que se poden presentar por persoa é de 3. Estas poden realizarse en branco e negro ou en cor. É fundamental que os participantes sexan os autores das mesmas.

As personas interesadas en participar, precisan subir as fotografías a Instagram etiquetando a Galiciencia co cancelo #concursogalicienciaonline2021. Os participantes deberán sinalar o centro educativo ao que pertencen. O prazo de presentación das imaxes comeza hoxe, 12 de abril, e remata o 28 de maio. A resolución do xurado farase pública o 4 de xuño e o gañador recibirá un diploma e un obsequio.

13/04/202107:04
Sinatura do convenio entre o IGCC e Fegaus.
Santiago de Compostela

A Xunta porá en marcha un programa de formación sobre comercio electrónico e consumo responsable dirixido ás persoas maiores

  • A iniciativa, que desenvolve o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito talleres de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2500 persoas
  • As clases impartiranse entre abril e setembro na modalidade presencial ou en liña, na plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus)
  • As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou esta semana un convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus) para a posta en marcha dun programa de formación sobre comercio electrónico e consumo responsable dirixido ás persoas maiores. A iniciativa, que desenvolve a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito talleres de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2500 persoas.

Os talleres impartiranse entre abril e setembro nas seguintes modalidades: telepresencial, mediante a propia plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors —Ágora Canal Senior—; presencial, nas instalacións do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou en entidades colaboradoras; e a través da videoteca tanto do IGCC como de Fegaus.

En base á súa experiencia e coñecemento das distintas problemáticas que afectan ás persoas consumidoras de maior idade, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia é o encargado de deseñar e elaborar os contidos dos diferentes talleres. As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe.

En virtude deste convenio, tamén se realizarán outras actividades como o desenvolvemento dun portal global de contidos que será un punto de referencia na aprendizaxe sobre o consumo responsable para as persoas maiores. Ademais, crearase unha rede de centros colaboradores e impartirase formación para as persoas voluntarias que colaboren con eses centros.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS