A semana pasada arrincou no Campus de Vigo a segunda edición do curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración organizado pola Escola e Enxeñaría de Telecomunicación. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do Plan Galicia 5G, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para consolidar a nosa terra na vangarda do novo estándar de telefonía móbil. No marco do plan, a escola e o centro AtlantTIC crearon tamén o Laboratorio de 5G.
Segundo lembrou a Universidade con motivo do arrinque do dito curso, o novo estándar de telefonía caracterízase por “unha maior velocidade na subida e baixada de contidos, unha menor latencia, a xestión dun gran número de dispositivos por quilómetro cadrado, a adaptación ás necesidades do usuario e a computación ao borde da rede”. Esta evolución tecnolóxica está no xermolo da actividade formativa, posto que “é preciso reciclar profesionais do sector de telefonía móbil celular nas características innovadoras do 5G e completar a formación de titulados de grao do eido da Enxeñaría de Telecomunicación ou da informática, especializándoos en 5G”, engade a UVigo. A segunda edición, coordinada polo director da escola, Íñigo Cuiñas, comprende un programa formativo de 200 horas que, por mor da crise da COVID-19, impártense en modalidade virtual. Tamén se apostou pola flexibilidade e a adaptación para facilitar e favorecer a compatibilidade da docencia co exercicio profesional. Das 20 persoas inscritas, 16 son profesionais en activo.
A primeira edición do curso tivo, segundo o director da escola, “un balance moi positivo” e os 25 alumnos “quedaron satisfeitos e animáronnos a repetir a experiencia este ano”.
Cuiñas destaca que a posta en marcha deste programa “é un paso na necesaria implantación de programas de aprendizaxe ao longo da vida (long-life learning) na Universidade en xeral e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en particular, xa que o ámbito no que nos movemos, as tecnoloxías evolucionan rapidamente e as persoas que fan investigación relacionada con estas novidades son valiosas para axudar aos profesionais na súa adaptación e reciclaxe”.
Das 200 horas de docencia, 100 corresponden á formación teórica, que se desenvolve entre xaneiro e abril, e as outras 100 á realización do proxecto fin de curso. Respecto á primeira edición, a principal novidade é que “todas as clases serán en liña, apoiadas nas aulas virtuais de Campus Remoto”. Respecto ao profesorado, incrementouse o peso dos docentes alleos á UVigo, que impartirán o 45% das horas de clase, procedentes de empresas do sector, tanto operadoras como Telefónica, Vodafone e Orange; provedores de equipamento como Nokia, Ericsson ou Huawei; centros tecnolóxicos como o CTAG e Gradiant; e usuarios como PSA ou o Sergas. O outro 55% da docencia será impartido por docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O programa abrangue módulos teóricos de introdución á 5G, o sector radio, a codificación e as modulacións, a capa de rede, a seguridade nas comunicacións e o estudo de casos de aplicación desta tecnoloxía en, por exemplo, os vehículos conectados e o transporte; o control de infraestruturas e servizos críticos; o control de dispositivos remotos ou as redes de sensores para a Industria 4.0.
A iniciativa impulsada pola Xunta e o Concello de Santiago para facilitar o despregamento de fibra óptica no casco histórico de Santiago entra na recta final esta semana, unha vez que o operador Orange vén de iniciar o proceso para activar as primeiras altas de servizo nas rúas do Franco e do Vilar. Tras comprobar o correcto funcionamento da nova rede nestas primeiras unidades inmobiliarias, iranse incorporando outras rúas nas próximas semanas co obxectivo de cubrir toda a área o máis axiña posible. Nesta fase resulta fundamental o control da instalación das acometidas individuais de cada unidade inmobiliaria para seguir a garantir a máxima protección patrimonial neste paso final do despregamento.
Esta é a última fase do proxecto impulsado pola Amtega, o Concello de Santiago e a dirección xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para facilitar o despregamento de redes de telecomunicacións nesta zona especialmente protexida. O primeiro paso foi a elaboración dun catálogo de solucións técnicas, ao que seguiu o lanzamento dunha consulta pública a operadores, que concluíu o pasado mes de xuño coa solicitude de licencia de despregamento por parte de Orange.
Desde entón, o operador veu desenvolvendo os traballos necesarios para dotar da infraestrutura fixa de telecomunicacións aos inmobles do conxunto histórico, cun investimento de 2,4 millóns de euros. Este despregamento levouse a cabo utilizando caixas de baixo impacto visual nas fachadas e as canalizacións soterradas existentes
Cómpre lembrar que esta iniciativa abrangue todo o ámbito do Plan Especial, non só a améndoa do casco histórico. O proxecto contempla, tamén, a obriga na compartición de infraestruturas, o que permitirá a outros operadores poder dar servizo no conxunto histórico utilizando as redes de Orange.
O Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia foi elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución.
Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos.
Windows leva presente na nosa vida desde que se empezaron a popularizar os computadores. É un dos sistemas operativos máis estendidos e a súa evolución desde o seu primeiro lanzamento en 1985 pasou por moitas versións, que en xeral trataron de manter a esencia de ser intuitivas para o usuario.
Na súa última versión, Windows 10, o sistema incorporou unha serie de novidades que poden facer moito máis práctica a experiencia de usuario e que merece a pena coñecer en profundidade:
Saca todo o proveito do teu computador!
Contidos:
O Concello de Ames fixo balance da actividade recente da aula CeMIT, que, segundo lembra o Goberno local, levou a cabo en 2020 un programa de divulgación, dinamización e formación primordialmente telemático, cousa que “non impediu que se acadaran unhas cifras de participación e interacción coa veciñanza moi altas”.
Un exemplo do devandito foi o curso infantil online de Scratch, a última actividade programada que se realizou durante o Nadal, no que participaron 40 persoas.
Ademais, o pasado 2020 a aula CeMIT abriu unha canle en YouTube, canle que conta con 139 subscritores (90 subscritores novos); 112 directos; 5.900 visualizacións (media de 52 por vídeo); e 2.100 horas de vídeo visualizadas (media de 19 por vídeo). A aula CeMIT ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta, ademais dispón dun horario de aula aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores. A aula está situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, na praza de Chavián, cun horario de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas.
As redes móbiles de quinta xeración van moito máis aló dunha evolución da tecnoloxía actual e o Goberno galego vén traballando desde 2018 no obxectivo de posicionar á Comunidade como territorio preferente na extensión das redes 5G. Así o destacou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na clausura do webinario, 5G, unha revolución en marcha, organizado por APD en colaboración con Vodafone.
Neste sentido, Mar Pereira lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade que aprobou un Plan para facilitar a extensión da tecnoloxía 5G, que puxo en marcha as súas principais liñas de actuación como a creación dun Nodo Galicia 5G co compromiso dos tres principais operadores (Vodafone, Telefónica e Orange) de realizar os primeiros casos de uso.
Deste xeito Galicia conformou un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores pola Comunidade para desenvolver as súas iniciativas de 5G e que favoreceu que hoxe, e grazas ao impulso da administracións autonómica e estatal, se estean a desenvolver máis de 30 pilotos de 5G en ámbitos como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.
O 5G é unha das tecnoloxías disruptivas sobre a que pivotará a transformación dixital da vindeira década e así se recolle tamén na Estratexia Galicia Dixital 2030, recentemente aprobada polo Consello do Goberno Galego.
O compromiso é seguir avanzando no impulso destas redes para que Galicia aproveite ao máximo as posibilidades do 5G, a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e, polo tanto, unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica.
A extensión do 5G posibilitará a disposición de servizos avanzados en moitos ámbitos, especialmente en eidos clave como a sanidade e a educación, desenvolver novos modelos de negocio e consolidar a especialización tecnolóxica no territorio.
Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio da convocatoria para que os centros educativos poidan adherirse ao Programa DigiCraft no teu cole-II promovido pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que ten como obxectivo potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na infancia e na mocidade.
Segundo se recolle na convocatoria que tamén pode consultarse no portal (https://www.edu.xunta.gal/portal/DigiCraft), os centros interesados poderán realizar a súa solicitude ata o próximo 26 de xaneiro. Poderán beneficiarse desta iniciativa ata 200 centros escolares sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que impartan ensinanzas de 5º ou 6º de educación primaria nos cursos 2020-2021 e 2021-2022.
Impartiranse un total de tres itinerarios formativos por cada grupo participante, de 12 horas de duración cada un. No curso académico 20/21 o primeiro deles e no curso 21/22 os dous restantes, ata completar un total de 36 horas.
Os centros que se adhiran a DigiCraft terán acceso a formación para que o profesorado poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades e dotación de tabletas e kits tecnolóxicos, que permitirán aos docentes e ao alumnado desenvolver as actividades establecidas.
O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específica baseada no xogo e a experimentación, deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.
Os itinerarios están compostos por unha serie de actividades que van aumentando gradualmente en nivel de dificultade. Estas actividades combinan o mundo dixital e a tecnoloxía (a través do uso dos kits DigiCraft) co xogo, o aprender facendo e o desenvolvemento de habilidades motoras.
Ademais das referentes á Competencia Dixital (CD), trabállanse de forma recorrente e como base do programa outro tipo de competencias clave como a Competencia en Comunicación Lingüística (CCL), a Competencia para Aprender a Aprender (CPAA) ou o Sentido da Iniciativa e Espírito emprendedor (SIE). Neste sentido, as actividades impulsan o traballo en equipo, a resolución de problemas, a toma de decisións, a capacidade de comunicación oral e escritura, o razoamento crítico e a aprendizaxe autónoma, entre outras.
Galicia foi a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone España puxo en marcha DigiCraft no teu cole, como parte do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), impulsado pola Amtega. Na primeira convocatoria, lanzada no curso 2019/20 sumáronse á iniciativa un total de 50 centros, que puxeron en marcha diferentes itinerarios formativos centrados en realidade aumentada, intelixencia artificial, videoxogos e robótica, dos que se beneficiaron 3.800 alumnos de educación primaria e 100 docentes dun total de 50 centros educativos galegos.
Dado o éxito e interese conseguido e co fin de permitir a entrada de novos centros ao proxecto, lánzase agora esta nova convocatoria.
DigiCraft no teu cole-II enmarcásese nas iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. DigiTalent é un plan integral que atende aos diferentes perfís da cidadanía segundo o punto do ciclo vital no que se atopen.
O Plan está a impulsar numerosas iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital. Toda a información sobre as actividades DigiTalent están no portal do Plan https://digitalent.xunta.gal/.
A tecnoloxía abre camiños de accesibilidade e comunicación que doutro xeito serían complexos de abordar. Esta semana deuse a coñecer dende o Campus de Vigo un sistema tecnolóxico que achega importantes posibilidades de inclusión para as persoas con parálise cerebral e outras doenzas que lles impidan comunicarse, e todo coa entrada en xogo dunha tableta e dunha placa Arduino. Trátase do sistema CharlieSays, unha contribución tecnolóxica inspirada no dispositivo que emprega o científico Stephen Hawking. Vén da man de Juan Abia, estudante de cuarto curso do Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática da Universidade de Vigo. Trátase do seu traballo de Fin de Grao (TFG).
A orixe desta tecnoloxía está nas posibilidades que abren as tecnoloxías abertas e participativas para as persoas con parálise cerebral. No caso concreto do novo investigador da UVigo, o seu curmán Carlos, que este mes cumpre 33 anos e que sofre a devandita doenza, que lle impide falar ou moverse voluntariamente, agás algún movemento aparentemente controlado e con máis forza que é quen de facer coa súa man dereita. O proxecto, sinala Juan Abia, comezou co estudo de diferentes opcións actualmente existentes no mercado para facilitar a comunicación das persoas con parálise cerebral, “pero teñen dúas grandes desvantaxes: un prezo demasiado elevado e non se poden adaptar o suficiente ás necesidade de Carlos, xa que no se poden mudar parámetros como o tempo de pulso ou a forza aplicada”, explica o autor deste traballo de fin de grao, engadindo que o que comezou como unha proposta de TFG, logo pasou a ser un proxecto da asociación da rama de Estudantes do IEEE da UVigo, “e aí empezamos a traballar sobre o que eu fixera, inspirándonos no sistema que utilizaba Stephen Hawking”, contando ademais coa participación de Fernando Flores e Mateo González, estudantes do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación. Froito do traballo en equipo xurdiu o devandito sistema, que xa conta cun prototipo rematado e totalmente adaptado ás necesidades de Carlos e no que é posible modificar todos os parámetros. “O sistema detecta a forza que fai o usuario sobre unha pelota antiestrés e envía este sinal á aplicación, que está instalada nunha tableta de Carlos, que ten un maior control sobre a man dereita”, explica Juan. O núcleo do sistema é a placa Arduino Leonardo, o microcontrolador que ten a función principal de ler o sinal do sensor e filtrala, para finalmente enviala á aplicación na tableta. Tras presentar CharlieSays na feira de tecnoloxías abertas OSHWDe, “onde tivo grande acollida”, os promotores do proxecto atópanse na procura de patrocinadores para financialo e tamén de colaboradores para poder continuar o seu desenvolvemento e mellora.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas, no acto final da aceleradora Connect-19, no que destacou que os 20 proxectos participantes e as 20 pemes que os impulsan son a proba irrefutable de que Galicia quere ser un referente fronte á pandemia desde a innovación, o emprendemento e o talento. “Estas iniciativas son o exemplo de como desde a pequena e mediana empresa se están dando respostas e solucións grazas a que Galicia conta cun ecosistema de emprendemento e innovación”, subliñou.
Conde explicou que este proxecto naceu para que a capacidade de resposta das empresas innovadoras galegas fronte á covid-19 puidera traducirse en solucións a curto e medio prazo, xa que a pandemia fai máis necesario que nunca acelerar a transferencia de innovación ao mercado para xerar valor económico, emprego e respostas ás novas demandas.
Tal e como expuxo, nesta primeira edición participaron un total de 20 pemes, principalmente dos sectores TIC e saúde, que suman máis de 180 postos de traballo, cunha facturación global de 25M€ e unhas vendas ao exterior de 3M€. Entre as iniciativas nas que se traballaron nestes últimos meses destacan, por exemplo, novos equipos de protección individual, sistemas para o control de accesos ou a detección precoz do virus; dispositivos de carteleira dixital; unha aplicación para controlar e mellorar a nutrición de pacientes hospitalarios, ou cosmética con capacidade antiviral.
O vicepresidente económico trasladou o compromiso do Goberno galego coa investigación e a innovación dentro deste novo contexto económico e lembrou que xunto coa Connect-19 puxéronse en marcha outras medidas neste eido que suman un total de 22M€.