Este 9 de decembro abriu as súas portas a 15ª edición de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa terra e que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. A feira, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, veu co lema A innovación do futuro e cun formato online, podéndose seguir en directo a través do Youtube de Tecnópole e da web www.galiciencia.online. Conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu a benvida telemática aos máis de 3.000 rapaces de toda España participantes nesta edición.
“Este ano Galiciencia 2020 é diferente porque nada é igual desde que comezou a pandemia. Toca adaptarse a esta realidade e por iso a maior feira científica de Galicia reinventa o seu formato e presenta a súa primeira edición cen por cen en liña, todo un reto para Tecnópole, que ao longo destes meses realizou un gran traballo para trasladar esta feira ao mundo dixital e abrilo a moitos máis participantes tamén fóra de Galicia”, salientou o presidente, dirixíndose ás e aos participantes para lembrarlles que “hoxe os protagonistas sodes vós, rapaces e rapazas dos centros de ensino de Galicia e do resto de España, que aproveitades a oportunidade que Galiciencia vos ofrece para achegarvos á ciencia dunha maneira diferente á que se fai nas aulas, xogando e competindo con seguridade para ver cales son os mellores proxectos”. Segundo engadiu, “o éxito desta convocatoria está asegurado porque a resposta da comunidade non puido ser mellor, con máis de 3.000 estudantes inscritos”.
A feira comezou cun grande espectáculo de ciencia no que os participantes tiveron a oportunidade de coñecer cales serán as tecnoloxías máis innovadoras no futuro. Achegáronse á Intelixencia Artificial, á Realidade Aumentada e Realidade Virtual, á neurociencia e mesmo á ciberseguridade e ao mundo hacking ou pirateo informático. Houbo demostracións en directo e os rapaces, desde os seus centros educativos, tamén realizaron os seus propios experimentos seguindo as indicacións dos divulgadores científicos, cos que puideron interactuar.
Os rapaces puideron coñecer se as súas contas foran hackeadas, desenvolveron experimentos de recoñecemento de imaxe… e fixeron karaoke a través dun xogo de simulación. Tamén se celebrou a final do desafío Atrévete coa innovación do futuro, na que os grupos participantes tiveron que facer fronte a unha serie de retos vencellados coa innovación. En concreto, resolveron enigmas, retos criptográficos e diversos xogos para poder facerse co premio final, un kit con material tecnolóxico.
Os Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles teñen como obxectivo recoñecer as mellores iniciativas e accións no campo das tecnoloxías aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, así como ás empresas, entidades ou organizacións que desenvolvesen un labor continuado no campo da accesibilidade tecnolóxica.
A Xunta de Galicia vén de incorporar 19 novos centros ao programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en primaria, cuxo obxectivo é que o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. En total participarán nesta iniciativa este curso 188 centros de toda Galicia, 67 deles da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 19 da de Ourense e 85 da de Pontevedra.
Os centros de nova incorporación este curso son os que se relacionan na seguinte táboa:
|
Provincia
|
Concello
|
Nome do centro
|
|
A Coruña
|
Narón
|
CEIP Plurilingüe Ponte de Xubia
|
|
A Coruña
|
Negreira
|
CEIP O Coto
|
|
A Coruña
|
Pontedeume
|
CEIP Couceiro Freijomil
|
|
A Coruña
|
Rois
|
CPI Plurilingüe dos Dices
|
|
A Coruña
|
Santa Comba
|
CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza
|
|
A Coruña
|
Santiso
|
CEIP de Arcediago
|
|
A Coruña
|
A Coruña
|
CEIP Alborada
|
|
A Coruña
|
A Capela
|
CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro
|
|
A Coruña
|
A Coruña
|
CEIP Salgado Torres
|
|
A Coruña
|
Ferrol
|
CEIP de Ponzos
|
|
Lugo
|
A Fonsagrada
|
CEIP Plurilingüe Santa María
|
|
Lugo
|
Palas de Rei
|
CEIP de Palas de Rei
|
|
Ourense
|
Ourense
|
CEIP Curros Enríquez
|
|
Pontevedra
|
Bueu
|
CEIP Plurilingüe da Torre-Cela
|
|
Pontevedra
|
Marín
|
CEIP da Laxe
|
|
Pontevedra
|
Ponteareas
|
CEIP Feliciano Barrera
|
|
Pontevedra
|
A Illa de Arousa
|
CEIP da Torre-Illa
|
|
Pontevedra
|
O Rosal
|
CPI Manuel Suárez Marquier
|
|
Pontevedra
|
O Porriño
|
CEIP Plurilingüe da Ribeira
|
Como novidade este ano, cada centro docente seleccionado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade nesta convocatoria (tanto de continuidade de cursos anteriores, os de ampliación e os de nova incorporación) recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que participen finalmente no programa no curso 2020/2021. O importe concedido a cada centro deberase destinar a sufragar gastos que estean debidamente xustificados e imputables á participación nesta convocatoria e en ningún caso se utilizarán para adquisición de materiais inventariables.
Ademais, como é habitual, cada centro docente de nova incorporación seleccionado para desenvolver o programa recibirá unha dotación de material relacionada coa robótica educativa para poder levar a cabo o proxecto, que estará formada por 6 robots de uso educativo, adecuados ás idades do alumnado, seis kits de construción que permitan a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes, un manual de uso e unha guía didáctica.
Os centros aos que vai destinado esta convocatoria, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro no marco da normativa vixente, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.
Introdución á Robótica en Primaria é unha iniciativa enmarcada dentro da Estratexia galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, co obxectivo de familiarizar os alumnos coas tecnoloxías, a robótica e a programación ao tempo que estimular o seu espírito científico e impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.
Este xoves 3 de decembro celebrouse a cerimonia de clausura e entrega de premios da oitava edición da competición tecnolóxica D3Mobile Metrology World League, un acto no que se puxo en valor o talento e a creatividade dos estudantes dos IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, e do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, que se proclamaron campións e subcampións mundiais, respectivamente. O certame, de carácter internacional, dirixiuse unha vez máis a recoñecer as mellores contribucións á metroloxía de precisión con móbil ou tableta. Amais dos ditos estudantes, un equipo do IES Muralla de Lugo tamén acadou a vitoria na modalidade de Artistas 3D.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu a gala final da VIII D3Mobile, no marco dunha sesión telemática na que tamén participaron o director do Servicio Rexional do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo, a asesora STEM da Xunta de Galicia Julia Taboada, o deputado provincial de Lugo José Luis Raposo, e a concelleira do Concello de Lugo Ana González Abelleira. O director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz; a coordinada do grupo Cigeo da USC, Mariluz Gil Docampo, foron os responsables de conducir un evento virtual ao que tamén se conectaron integrantres das distintas entidades e empresas colaboradoras, tales como Grazia Tucci, da Universidade de Florencia; María Hervada, da Fundación Mujeres; María Portela, en representación de Pemade; Paulino Martínez, como coordinador de BioReDes, e José María García Malmierca, en representación do Instituto Geográfico Nacional. A gala de entrega de premios da VIII D3Mobile serviu asemade para salientar a calidade dos 29 modelos en 3D clasificados para a fase final desta experiencia educativa dirixida ás futuras promesas STEM e a través da que se busca capacitar á mocidade na adquisición de habilidades tecnolóxicas do século XXI. A sesión, na que tamén foron partícipes os estudantes e responsables académicos de todos os equipos premiados, coincidiu co arrinque da edición D3Mobile 2021.
O equipo do IES Afonso Gómez de Sarria integrado por Pablo López Capón e José Manuel López Novo e coordinado por Ana Belén Lamas, recibiu o premio de campión mundial por, entre outros méritos, “elaborar un modelo 3D dunha figura de cerámica”. Os guitiricenses Juan López Fernández, David Sanmiguel Vázquez e Cristina Calvo Roca, coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, proclamáronse subcampións por un preciso modelo anatómico dun cranio humano. Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo dunha figura da Muralla de Lugo escaneado en 3D, cuxa autoría corresponde ao equipo do IES Muralla Romana de Lugo formado polos alumnos Adrián Rego López e Alejandro Muñoz, coordinados pola profesora Marta Goy López. O equipo da categoría de metrólogos máis votado polo público de todo o mundo foi o do IES Montes das Moas da Coruña formado polos alumnos Jorge Rifón Branco e Iago Mosquera Villegas, coordinados pola profesora Conchi Fernández Munín. Este equipo logrou dar a coñecer o seu modelo 3D dunha cunca de iogur para que obtivese gran cantidade de votos. O premio á difusión do labor da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes recaeu no equipo Tiquiticenses, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Juan Buján Aparici e Iria Rodríguez Carreira, coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, acadaron este galardón por un modelo 3D dun sombreiro de palla, relacionado co Grupo Agronomía e Ciencia Animal da USC. Os alumnos IES Monte das Moas Álex Huerga Candeas, Adrián Janeiro Conde e Xurxo García Lamela, coa titoría de Conchi Fernández Munín, acadaron o premio á difusión do I+D da USC cun modelo 3D dunha árbore feita con varias pezas unidas de madeira contrachapada cortadas cun CNC láser, unha peza relacionada coa investigadora María Portela Barral, da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC (Pemade).
A Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal acolleu dende o 30 de novembro até este venres 4 de decembro as actividades formativas e divulgativas do Programa Muller TIC, unhas xornadas organizadas polo Concello e destinadas a optimizar a empregabilidade das mulleres mediante o dominio das novas tecnoloxías da información e das súas moitas posibilidades en materia de xestión, información, comunicación e, tamén, busca de traballo. As nove participantes recibiron este venres os diplomas acreditativos.
Esta acción formativa desenvolveuse seguindo a modalidade presencial, cun total de 20 horas. A docente Paula Barreiro foi a encargada de impartir as clases conformadas polos seguintes módulos: Emprego Galicia (Emprego Galicia -Emprego Xunta, Oficina Virtual, MOBEM, certificados de profesionalidade, PIE, obradoiros duais-, SEPE e Emprego de Empresa Ordinaria/Emprego Protexido -EIL, CEE-); Competencias dixitais básicas orientadas á mellora da empregabilidade (crear cartafoles, gardar ficheiros, achegar ficheiros por correo electrónico e funcións básicas do procesador de textos); e Ferramentas de busca de emprego (autocoñecemento e competencias profesionais-, perfil profesional e obxectivo profesional-análise DAFO, test para definir o obxectivo profesional, currículo-2.0 e carta de presentación- e emprego 2.0-portais de emprego, ETT, autocandidaturas, rede de contactos, redes sociais e emprego público-).
Ademais, nos próximos meses as participantes farán un itinerario personalizado de inserción laboral (IPI). Organizado pola Concellaría dos Servizos Sociais, da cal é titular a edil Amparo Cerecedo (BNG), este proxecto enmárcase na Red Araña e está co-financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) incrementa en máis dun 48% o seu orzamento para o 2021, que ascende 194.072.386 euros, 63 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Un orzamento para avanzar na transición dixital que marca Europa, consolidar uns servizos públicos do século XXI, favorecer a vida no rural e contribuír a impulsar o emprego e a atracción de talento dixital na Comunidade. Un orzamento para avanzar nos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030, aprobada onte no Consello do Goberno galego.
Así o explicou a directora da Amtega, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar as contas do seu departamento para o vindeiro ano, no que se destinarán máis de 152 millóns de euros, case un 75% máis que en 2020, a investimentos que impactan en cinco áreas: a dixitalización do sector público; o impulso á dixitalización dos sectores económicos; a conformación dun territorio intelixente e conectado; á inclusión e a capacitación dixital da sociedade e ao reforzar o ecosistema dixital.
Por outra banda, son os primeiros orzamentos da Axencia pública que integran as partidas orzamentarias do Cixtec co que, segundo sinalou a directora, “avanzamos na consolidación das capacidades dixitais da administración autonómica nun momento de importantes proxectos de transformación dixital na Comunidade”.
Os orzamentos da Amtega contemplan preto de 100 millóns de euros para os plans de dixitalización do sector público, tanto da administración xeral, como da xustiza, a educación, as políticas sociais, o emprego e as infraestruturas dixitais corporativas.
No ano 21 duplícase o investimento para avanzar cara a unha administración dixital e automatizada, incrementando os servizos online baixo o proxecto a “Xunta no móbil”, acompañando a nova regulación do teletraballo cun Plan de dotación do posto dixital avanzado do empregado público. No eido da facenda pública avanzarase cara un modelo integral de atención ao contribuínte e aplicaranse tecnoloxías avanzadas nos procesos de loita contra a fraude.
No ámbito xudicial o obxectivo é estender o expediente xudicial electrónico, levando o modelo de salas de vistas dixitais ao 80% das salas e acadar o 100% con sistema de videoconferencia, ademais de impulsar o teletraballo dos profesionais da xustiza.
No que respecta a educación dixital ampliarase a iniciativa E-Dixgal a 3º e 4º da ESO, con novos contidos curriculares e reforzaranse as infraestruturas e os servizos dixitais que se prestan a todos os centros educativos e familias.
En canto á dixitalización dos servizos sociais lanzarase o Portal eSocial, a plataforma Asiste, para facilitar de xeito gratuíto aos maiores un “asistente social no móbil” ; e ao lanzamento do Plan de impulso ao modelo Dixital Sociosanitario no ámbito residencial da man da Consellería de Política Social e Sanidade.
Na área de emprego, con 2,9 millóns de euros abordarase a posta marcha dun plan de dixitalización do sistema público de emprego.
Para fornecer as infraestruturas dixitais e garantir a seguridade adaptarase a rede corporativa ás esixencias dunha administración integramente dixital e ampliarase o CPD integral da Xunta de Galicia así como no reforzo da ciberseguridade.
En 2021 investiranse máis de 20 millóns de euros na dixitalización dos sectores primarios, cultural, turístico e en facilitar a transformación dixital do tecido empresarial. A xestión avanzada das explotacións agrarias, a través da plataforma Agro 4.0, a potenciación do sistema de vixilancia de incendios ou a extensión da iniciativa de dixitalización lonxas 4.0 a 35 rulas son algunhas das medidas para os sectores primarios
Continuarase avanzando na transformación dixital dos sectores turístico e cultural incrementando os medios tecnolóxicos nas oficinas de turismo; provendo de cobertura Wifi aos albergues públicos do Camiño; ampliando a Rede Dixital de Bibliotecas de Galicia coa integración de 450 novas bibliotecas, e coa posta en marcha do proxecto Galiciana Semántica, baseado nun modelo de xeración e grafos de coñecemento.
Impulsarase a transición dixital a máis de 200 pemes e autónomos, a través do programa Reacciona, no que colabora a Amtega, e impulsarase o sector dos contidos dixitais cunha nova plataforma de contido dixitais interactivos para nenos en idade escolar, en colaboración coa TVG.
De xeito complementario ao Estado seguirase mellorando a conectividade co remate da extensión de fibra óptica en 614 núcleos do rural; co inicio do Plan de mellora de cobertura móbil en zonas illadas e cunha nova convocatoria para achegar as redes ultrarrápidas ás empresas que se atopan en zonas de conectividade limitada.
Ademais abordarase o desenvolvemento da Plataforma Territorio intelixente, que sobre unha base cartográfica e a través de tecnoloxías avanzadas, permitirá mellorar a toma de decisións para o desenvolvemento rexional e das estratexias de sostibilidade ambiental.
No 2021 con máis de 10 millóns de euros o abordarase a reconfiguración das aulas CeMIT adaptándoas as novas demandas de capacitación dixital, desenvolveranse preto de 40 actuacións do Plan Talento Dixital parar reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital e porase en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais para que cidadáns e empregados públicos poidan acreditar os coñecementos e habilidades que require o actual contexto dixital.
O impulso ao ecosistema dixital contará con 11 millóns de euros que permitirán, entre outras medidas, a apertura a principios de ano do Centro Gaiastech, un espazo de demostración e experimentación tecnolóxica, a posta en marcha o Programa Gobtech para impulsar uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector publico en colaboración coas pemes e start-ups galegas e facilitar un catálogo de servizos a través do Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, para fortalecer as capacidades en ciberseguridade da sociedade e a economía galega.
A nova versión da app Medicamento Accesible Plus está xa avanzando e espérase que vexa a luz durante o primeiro trimestre do próximo ano incorporando nova tecnoloxía para facilitar e mellorar a seguridade no uso dos medicamentos por parte das persoas con discapacidade visual.
Esta aplicación, desenvolvida polo Consello Xeral de Farmacéuticos, a Fundación ONCE e a Fundación Vodafone España, permite aos usuarios acceder á información do medicamento dunha forma accesible mediante a lectura do código de barras coa cámara do móbil.
A continuación, os pacientes poden acceder a toda a información do medicamento a través do seu smartphone, ademais de buscar as farmacias máis próximas e almacenar a información dos medicamentos de uso frecuente.
Na súa segunda versión, que se lanzou en 2019, o sistema incorporou un sistema de alertas para advertir ao usuario sobre posibles contraindicacións no uso de medicamentos en relación co seu estado de saúde.
A terceira versión, que é a que estará dispoñible a principios do próximo ano, incorpora nova tecnoloxía que permitirá aos usuarios acceder á data de caducidade de forma accesible, algo fundamental para os usuarios con discapacidade visual.
Para poder acceder á información de caducidade do medicamento, a nova versión da aplicación será capaz de ler os códigos 'datamatrix' nos envases.
A nova versión de Medicamento Accesible Plus mellora tamén a interacción do paciente coa aplicación e a súa accesibilidade.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da Estratexia Galicia Dixital 2030 que prevé mobilizar 4.000 millóns de euros para aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible co impulso de solucións intelixentes no plano social, económico e ambiental.
Feijóo aseverou que “queremos planificar a vindeira década desde o punto de vista da intelixencia artificial, da ciberseguridade, da xestión masiva de datos ou a consolidación do 5G”.
Deste xeito, segundo explicou Feijóo, a Estratexia márcase como obxectivos: situar a Galicia como unha rexión dixital de referencia en Europa; implantar un marco dixital común para todas as administracións públicas galegas; desenvolver un novo marco xurídico que regule a nova realidade dixital, e buscar un ecosistema atractivo para facilitar o investimento privado.
Para acadar eses propósitos, preténdese mobilizar 4.000 millóns de euros no período 2021-2027, dos que 2.450 serán fondos públicos entre partidas da Xunta e fondos da Unión Europea e 1.600 millóns de euros serán fondos de iniciativas privadas. Este investimento, explicou Feijóo, superará en 1.300 millóns de euros o que se mobilizou na última década no marco das dúas Axendas Dixitais (2014.gal e Axenda Dixital de Galicia 2014-2020). Ademais, tendo en conta que cada euro público investido achegará 1,42 euros de retorno, “se vai producir unha inxección na riqueza de Galicia de 3.500 millóns de euros”, incidiu Feijóo.
A Estratexia Galicia Dixital está dividida en 7 eixos estratéxicos e 1 transversal, que se desenvolverán en 20 programas.
O primeiro destes eixos céntrase no ‘Goberno e Administración Intelixente’ para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, así como o expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que en 2025 o 70% das persoas e o 85% das empresas usen a canle dixital.
Tamén se aspira a unha ‘Sociedade dixital inclusiva’ para o que se implantarán grandes programas de formación para que no 2025 o 80% dos cidadáns teñan competencias básicas dixitais e “non deixar a ninguén fóra da realidade”, salientou Feijóo.
No eixo do ‘Territorio intelixente, verde e resiliente’ activaranse 4 programas para un territorio máis sostible, máis verde, máis conectado e cun uso más eficaz dos recursos.
En materia de ‘Entorno dixital para saúde e benestar’ aspírase a empregar a tecnoloxía para acadar unha sanidade máis preditiva e personalizada e un paradigma sociosanitario para mellorar a calidade asistencial.
A maiores, Feijóo incidiu na ‘Conectividade dixital’, co obxectivo de acadar o 100% de cobertura con redes de 100 Mbps en 2025 e conseguir “unha Galicia máis integrada e conectada”.
A Estratexia tamén mellorará a conservación do patrimonio cultural dando máis pulo á Memoria Dixital de Galicia no marco do eixo ‘Cultura e turismo intelixente’.
Así mesmo, o eixo ‘Economía dixital’ fomentará a transformación dixital do servizo público de emprego, a transformación dixital de pemes e transición cara a industria 4.0. Segundo dixo Feijóo, a aspiración é “aumentar ata un 50% a porcentaxe de empresas que venden por internet e ata un 15% no caso das microempresas”.
Finalmente, o eixo transversal céntrase na formación. Deste xeito, promoverase o talento dixital e actuarase para fortalecer o sector das TIC. O presidente da Xunta explicou que “queremos que o 25% das empresas e o 50% das administracións usen solucións dixitais inspiradas nestas tecnoloxías”.
Para concluír, Feijóo avanzou a elaboración dun novo marco xurídico coa redacción da Lei de Desenvolvemento de Galicia Rexión Intelixente e coa preparación dun Código Ético de referencia para blindar unha dixitalización segura e responsable. A maiores, crearase o Consello Asesor para a Transformación Dixital de Galicia e a Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital.
Esta semana GIRL STEM conversa con Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña e investigadora en proxectos de Computación e Intelixencia Artificial.
Esta entrevista, realizada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, salienta que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os sesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións automáticas ou os asistentes persoais. Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que “a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino”.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Amparo Alonso Betanzos en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súa biografía, a explicación dos seus traballos e os proxectos que está a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
Amparo Alonso Betanzos, nada en Vigo, é una Enxeñeira Química española, investigadora en intelixencia artificial. É catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de informática da Universidade da Coruña. Tamén desenvolve labor investigador no Colexio Médico de Georgia (EEUU) e no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.
O próximo xoves 10 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a última conversa desta edición, protagonizada pola referente Susana Martínez-Conde, neurocientífica e profesora da Universidade de Nova York, que será entrevistada por Mª José Malmierca, coordinadora de e-learning no CESGA.
Entrevista a Alonso Alonso Betanzos