A Cidade da Cultura, transformada nesta ocasión nun entorno virtual en 360 graos, acolle un ano máis a Maker Faire Galicia, que estrea un formato totalmente en liña no que argalleiros e argalleiras de seis países diferentes –España, Francia, Portugal, México, Colombia e o Brasil– presentarán os seus proxectos. A través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Centro Gaiás, as persoas asistentes poderán interactuar con makers de todas as idades, ademais de participar en obradoiros e asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais. O encontro reinventa así o seu formato tras cinco edicións polas que pasaron máis de 50.000 visitantes.
O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do evento, onde destacou que “a innovación educativa teña tamén o seu espazo neste encontro no que tecnoloxía, cultura e educación van da man”. Quixo ademais felicitar á organización por dar “este salto dixital co que o encontro continúa a eliminar fronteiras e achegar o coñecemento, a innovación e a creatividade a todo tipo de públicos, e moi especialmente aos máis novos, algo aínda máis importante se cabe nestes tempos de pandemia”.
A rolda de prensa, emitida a través de videoconferencia, contou tamén coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; o director de operacións da Asociación para o Progreso da Dirección, Santiago Sesto, e o responsable do encontro, Marcos Saavedra, que debullaron polo miúdo o programa do evento.
Mira quixo tamén deterse nalgúns dos contidos que incluirá a xornada da Maker Faire dedicada á educación, que dará “a oportunidade de afondar nas realidades da innovación educativa, a educación inclusiva ou a aplicación das tecnoloxías no ámbito didáctico”. Así, o programa permitirá coñecer o traballo de docentes galegos como José Viñas ou María del Camino Pereiro, recoñecidos polos premios Educa Abanca como algúns dos mellores docentes de España; ou Javier Mur –docente no IES Illa de Tambo de Marín– que recibiu a máxima distinción do Ministerio de Educación pola súa iniciativa Proxecto Guillén, para integrar na dinámica da aula a un alumno con cancro, un proxecto que inspirou a historia do recentemente estreado filme Uno para todos.
Ademais das mesas redondas e charlas, desenvolveranse tamén actividades como a Game Maker Jam, unha competición para crear un videoxogo en dous días, ou obradoiros destinados a docentes e tamén á cativada, sobre temas como computación cuántica ou robótica virtual.
Durante os cinco días da Maker Faire Galicia 2020, a plataforma do encontro –á que xa se pode acceder rexistrándose de balde en https://makerfairegalicia.com/; dará opción ás persoas visitantes circular, dun xeito similar ao coñecido sistema do Google Street View, polo interior do Museo Gaiás, podendo informarse sobre os diferentes proxectos expostos e conectando en directo cos seus promotores. Tamén desde esta mesma web poderase acceder a todos os obradoiros, charlas e mesas redondas programadas, nas que ademais de educación se tratarán temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, videoxogos ou innovación social.
Entre os relatores máis destacados do encontro atópanse Yannick Roy, co-fundador e director da comunidade máis grande do mundo de neurotecnoloxía (NeuroTchX); Sofía Belenguer, co-creadora e CEO de MyRealFood, a app que axuda a levar unha dieta saudable baseada en comida real; Maitane Alonso, a maker que con só 18 anos sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos; ou Antón Vázquez, de Alén Space, a empresa galega dedicada ao deseño e construción de satélites dixitais, cuxo orixe se remonta ao ano 2008 co deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español lanzado ao espazo: o Xatcobeo.
Completan o programa unha mentoría para startups ofrecida por Startup Galicia e diversos obradoiros para todas as idades, que nos permitirán desde aprender a crear unha app de realidade aumentada en tan só unha hora, a construír un levitador ultrasónico ou aprender nocións básicas de robótica, desenvolvemento de videoxogos, ciencia espacial ou electrónica creativa con plastilina condutiva.
Ao final das xornadas premiaranse os mellores proxectos e, a diferenza doutros anos, esta feira virtual non será efémera, senón que os contidos permanecerán en aberto ata a celebración da seguinte edición e engadiranse outros novos que poidan resultar de interese aos rexistrados.
A Maker Faire Galicia 2020 celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).
A Xunta de Galicia puxo en marcha, recentemente, o sistema PassCOVID, unha canle de contacto telemático coa cidadanía para facilitar a xestión da pandemia. Esta ferramenta informática en forma de app para dispositivos móbiles, ofrece información actualizada sobre a situación da crise sanitaria en todo o territorio e a nivel local, con avisos, recomendacións e alertas das medidas que a Xunta de Galicia está a activar para conter a pandemia orixinada polo coronavirus.
As persoas que descarguen PassCOVID poden optar por facelo como usuarios identificados, empregando o sistema de claves concertadas Chave365, ou ben levalo a cabo de xeito anónimo.
Calquera usuario da aplicación ten acceso a información sobre a situación da pandemia en toda Galicia, e pode seleccionar o concello do seu interese para estar ao tanto das medidas que a Xunta está a adoptar. Ademais, todos os usuarios reciben alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emiten sobre a evolución da pandemia.
PassCOVID ten, por tanto, a finalidade de dar información próxima e de interese á cidadanía galega sobre a situación actual da crise sanitaria na nosa comunidade, e na liña de garantir información próxima, de fontes oficiais, contrastada e de interese.
Esta ferramenta informática tamén recolle información sobre precaucións e bos hábitos, seleccionables por colectivos ou perfís.
Así mesmo, PassCOVID serve de apoio na aplicación dos diferentes protocolos de seguimento definidos tanto pola autoridade sanitaria galega como outros departamentos da Xunta con competencias na xestión da crise, tanto sanitaria como social.
Sanidade lembra a importancia de Instalar RadarCOVID e PassCOVID para axudar ao control da pandemia.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que nos enfrontamos a importantes retos en materia de confianza dixital tras o salto cuántico na absorción da tecnoloxía que implicou a crise da covid-19. Neste sentido cualificou de “inescusable” a colaboración entre as administración e outras entidades públicas e privadas para estar a altura do que demandan cidadáns e empresas e que a tecnoloxía siga sendo un elemento de axuda e tamén de confianza.
Mar Pereira inaugurou hoxe a última xornada do II Foro Cybersec@gal centrado nesta edición nos riscos do teletraballo, destacando que “a súa adopción dunha semana para outra ao inicio da crise sanitaria supuxo unha proba de fogo para administracións e empresas e que agora toca definir o seu modelo de funcionamento e a estratexia para xerar confianza dixital en empresas e cidadáns”.
Mar Pereira lembrou que Galicia vén de poñer en marcha o seu Nodo de Ciberseguridade, un instrumento de cooperación entre administracións dispostas a aliñar esforzos neste ámbito. Xunto coa Administración autonómica colaboran no Nodo a Fegamp, as catro deputacións e o Goberno estatal, a través do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), e o Centro Criptolóxico Nacional, e está aberto á adhesión doutros axentes públicos e privados para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas, dar resposta a retos complexos e promover a xeración de talento neste eido que aglutina as capacidades existentes.
Mar Pereira aproveitou a súa intervención para felicitar á Cátedra R por impulsar este Foro que naceu con vocación de permanecer no tempo e consolidarse como unha cita anual para abordar os retos en torno a Ciberseguridade. O Foro enmárcase nas actividades da Cátedra R de Ciberseguridade, a primeira cátedra interuniversitaria de Galicia, desenvólvese en colaboración coas Universidades de Vigo (UVIGO) e da Coruña (UDC) e Fundación Euskaltel Konekta. Persegue basicamente promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado e mellorar a capacitación dos membros da comunidade universitaria. A idea é adaptar todo ese potencial de coñecemento e preparación ás necesidades da empresa fomentando, en paralelo, a formación continua, a innovación e a investigación na área da Ciberseguridade.
A entrevista coa enxeñeira galega Begoña Vila inaugura o ciclo de conversas da terceira edición do programa GIRL STEM, derrubando estereotipos, que este ano se transforma nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, pero tamén para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), inician así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Ademais, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Begoña Vila en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coa súa biografía, a explicación do seu traballo e os proxectos que está a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
É unha enxeñeira astrofísica natural de Vigo e está especializada no estudo de galaxias espirais. Estudou nas Universidades de Santiago de Compostela e Manchester, onde se doutorou, así como no Instituto de Astrofísica de Canarias. No 2016 recibiu o Premio “Logro Público Excepcional” da NASA e ao ano seguinte obtivo o Premio da Xunta de Galicia pola Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, “María Josefa Wonenburger Planells”. O seu percorrido profesional abrangue dende a Axencia Espacial Canadense ata a NASA.
Na actualidade, Begoña Vila reside en Washington DC, e traballa como enxeñeira de sistemas no centro de voo espacial Goddard da NASA, onde é a encargada de controlar que o telescopio espacial James Webb -sucesor do "Hubble”- teña a máxima precisión na toma de imaxes tras o seu lanzamento, a bordo dun cohete Ariane 5, na primavera de 2019.
O Concello de Boiro, a través da súa área de Xuventude, está a promover obradoiros de autoformación (e empregabilidade) e presenciais e, tamén, cursos de novas tecnoloxías da información para mozos e mozas a partir de 14 anos. Este amplo programa de capacitación materialízase a través da aula CeMIT e a Oficina de Información á Xuventude (OMIX), no Centro Social de Boiro.
Polo que respecta á oferta da OMIX, brinda unha serie de obradoiros para mozos e mozas a partir de 14 anos. A formación inclúe propostas de autoformación, como son os cursos de Posicionamento en redes sociais, de Creación de blogs, de Comercio electrónico e vendas no muro, e de Seguridade e compras virtuais. Tamén se ofrecen dende a oficina da xuventude actividades presenciais como son un Obradoiro da diversidade afectivo-sexual, un Obradoiro de imaxe corporal e autoestima e Redes Sociais, fotografía, xénero e as súas consecuencias.
En canto aos obradoiros en novas tecnoloxías da aula CeMIT, tamén se ofrecen en modalidade de autoformación e presencial. As propostas que se ofertan na autoformación son Control parental e Seguridade informática; Uso dos dispositivos electrónicos: libro electrónico, tableta e cámara dixital; Comercio electrónico e vendas no muro; Posicionamento social e Redes Sociais, Creación de blogs; e Seguridade en compras virtuais. Na modalidade presencial para o mes de decembro, vanse impartir na aula CeMIT de Boiro o curso de Administración Electrónica e trámites electrónicos en Internet, que se vai realizar os días 1, 2 e 3 de decembro; Manexo de smartphone, os días 9 e 10 de decembro; e Creación de postais dixitais, o 15 de decembro. Todos os cursos presenciais vanse realizar en horario de 10.00 a 12.00 horas.
Toda a información sobre os curso de xeito presencial na aula CeMIT de Boiro ou na Oficina de Información á Xuventude, de xeito presencial no Centro Social de Boiro, no enderezo electrónico omix@boiro.org ou no teléfono 981 84 26 35.
A Cátedra Feminismos 4.0, creada pola Deputación de Pontevedra e a UVigo para favorecer a investigación e o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de mulleres, ilustrando sobre as importantes contribucións das nosas tecnólogas, estreou un espazo web de seu para fomentar “a nova cultura dixital feminista”.
O portal, presentado polo reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañados pola directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez, achega información sobre proxectos de investigación, estudos, convocatorias, bolsas, premios e toda a información relacionada co Feminismo 4.0.
A web, que xa está accesible, xorde abeirada a unha cátedra que foi posta en marcha o curso pasado e renovada no mes de xullo e que “pretende promover o impulso de actividades de investigación e innovación feminista, moi particularmente, dando prioridade ao que ten que ver co estudo das carreiras STEM (polas siglas en inglés de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), onde as mulleres estamos infrarrepresentadas”, explicaba a presidenta da Deputación. Ambas institucións amosáronse “preocupadas porque a matrícula de mozas” neste tipo de estudos segue descendendo, “cando son eidos claves no mundo actual e van ser indiscutiblemente prioritarios no futuro”. Tamén lembraron que dende a Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo estanse a desenvolver propostas que teñen por obxectivo fomentar a presenza feminina neste tipo estudos, como os premios GirlGeekCovid, que ofrecen un premio de 2.000€ e un accésit de 1.000€ en cada unha das ramas de ciencias e enxeñaría e para os que xa se presentaron 14 traballos (11 de enxeñeiras e tres de ciencias). Por outra banda, recordaron a posta en marcha da segunda edición das axudas de investigación en cuestións relacionadas coa igualdade, na que se seleccionaron seis proxectos. A presidenta tamén lembrou que se está a traballar na creación dun comité de sabias, “porque habelas hainas” e na segunda edición do Workshop: sociedade dixital e xénero, Hackeando o patriarcado.
A profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña Susana Ladra recolleu o pasado xoves o VI Premio Ada Byron á Muller Tecnóloga na categoría nova nun acto de entrega que tivo lugar na Universidade de Deusto. O galardón ten como obxectivo fomentar as vocacións femininas no campo da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e poñer en valor a importancia da tecnoloxía en todos os ámbitos da vida e para o desenvolvemento social, así como o traballo e logros por parte de mulleres.
Susana Ladra, doutora en Informática e graduada en Matemáticas, foi recoñecida entre un total de 54 candidaturas pola súa formación, actividade profesional no sector tecnolóxico, implicación en difusión social, capacidade de superación e participación en iniciativas para propiciar cambios cara unha maior igualdade. Ademais de directora do Campus Innova e investigadora do CITIC, Susana Ladra é profesora titular de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Facultade de Informática da UDC e vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Tamén é coordinadora do programa STEMbach na UDC, que ten como fin promover a vocación do alumnado cara a investigación científica.
Así mesmo, forma parte do grupo de traballo da Cidade das TIC e foi socia fundadora e vicepresidenta do nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-gal). Actualmente está moi implicada na divulgación científica e na visibilización da muller na enxeñería. Durante o seu discurso no acto de entrega, Susana Ladra afirmou que as mozas non estudan enxeñería non porque non lles gusta senón porque non a coñecen. Neste senso resaltou que «é fundamental a divulgación científica e tecnolóxica e introducir estas materias na educación primaria e secundaria».
Google segue apostando por mellorar a accesibilidade dos seus produtos. Nesta ocasión as melloras diríxense aos usuarios de Google Docs con discapacidade visual que utilizan a tecnoloxía de liñas braille para ler o contido que mostra o seu computador.
Nun comunicado, Google anunciou unha serie de melloras na accesibilidade deste sistema de documentos en liña para os usuarios destes dispositivos e outros similares de tecnoloxía accesible.
O obxectivo destes cambios é mellorar a experiencia de usuario das persoas con discapacidade visual que utilizan Google Docs mediante unha mellor navegación a través de atallos de teclado e unha verbalización máis precisa.
Co lanzamento destas melloras, a compañía recomenda a todos os usuarios con discapacidade visual que utilizan tecnoloxía de braille que activen o soporte de braille cando estean a traballar en Google Docs.
Google apunta algunhas melloras que introduciron, como o atallo para activar o soporte de braille en Docs, Sheets e Slides pulsando á vez as teclas 'Control', 'Alt' e 'H'.
Tamén o sistema dará ao usuario que navegue utilizando o teclado información sobre o elemento sobre o que se sitúa o cursor, incluíndo comentarios, títulos ou faltas de ortografía.
En resumo, trátase dunha serie de melloras que farán a navegación das persoas con discapacidade visual moito máis fluída e cómoda a través das liñas braille e outros elementos de tecnoloxía accesible.
A aula CeMIT de Ribeira vén de convocar para os meses que restan, e até rematar o ano, un completo feixe de cursos informáticos de balde. As actividades formativas, un total de dez e agrupadas no ciclo Outono TIC, están destinadas a persoas adultas do termo municipal. A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, acompañada do axente TIC Manuel Bello, debullou na mañá deste venres 30 de outubro o programa, que inclúe tanto accións formativas para principiantes como outras máis especializadas, tendo unha duración entre as 6 e as 20 horas.
Entre as sesións dirixidas ás persoas que se adentran por primeira vez nas novas tecnoloxías hai cinco cursos previstos: Whatsapp desde cero, Facebook desde cero, Instagram desde cero e Coñece o teu móbil, neste último caso con dúas edicións, un en outubro e outro en decembro.
Ademais haberá outras ofertas sobre informática básica, retoque de imaxe (co programa libre de edición de imaxes GIMP), sede electrónica, ofimática na nube (Google Drive) e Libreoffice (Write, Calc e Impress). Aquelas persoas interesadas poden inscribirse a partir do luns 5 de outubro ben na propia Aula CeMIT (teléfono 981 876 043) situada en Cubeliños ou ben na súa páxina web. O Concello engade que “dadas as limitacións pola COVID, cada curso ten un aforo de oito usuarios en lugar dos doce habituais”.
Ademais, Ana Barreiro avanzou que o Concello está en xestións para poder albergar unha semana en outubro e outra en novembro unha colaboración da iniciativa Rede Araña, destinada a mellorar as competencias dixitais das persoas en situación de desemprego, con tres eixes diferenciados: Aulas TIC, Muller TIC e Brúxula. O último bloque estará enfocado a usuarios con problemas de drogodependencia. De frutificar tales xestións, darase cumprida conta das datas e o contido específico desta colaboración.