main content

main content
23/10/202007:10
Cartel da iniciativa.
Madrid

Red.es autoriza a compra de máis de 14.500 computadores con conectividade para Galicia

Consello de Administración de Red.es deu luz verde á compra de máis de 14.500 computadores con conectividade para Galicia, unha medida que busca loitar contra a fenda social tecnolóxica agravada pola COVID e a crise económica resultante, que veu parella, de xeito paradoxal, dunhas meirandes demandas de dixitalización. A iniciativa, que beneficiará aos centros públicos sostidos con fondos públicos, vén cun orzamento de máis de 8,5 millóns de euros, dos que 6,8 son achegados por Red.es a través dos fondos FEDER e 1,7 pola Comunidade Autónoma de Galicia. A medida Posto Educativo no Fogar abéirase ao programa estatal Educa en Dixital.

Os pregos de subministración publicaranse nos próximos días na Plataforma de Contratación do Sector Público, unha vez que se constitúa a comisión de seguimento do convenio Educa en Dixital Galicia, integrada pola Xunta, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, que é quen determinará o alcance final da actuación. O programa Educa en Dixital contempla dotar aos centros educativos de equipos con conectividade fiable e de calidade para que poidan ser prestados e postos a disposición dos estudantes con necesidades. Tamén abrangue outra serie de actuacións tales como a posta a disposición de aplicacións, ferramentas e recursos curriculares que faciliten a educación dixital, tanto presencial no centro como desde o fogar, co fin de dotar á comunidade educativa de recursos educativos TIC.

A totalidade das Comunidades e Cidades Autónomas adheríronse a este programa que mobilizará inicialmente 230 millóns de euros, dos cales Red.es achegará un orzamento inicial máximo de até 190 millóns de euros, con co-financiamento dos FEDER.

22/10/202012:10
Imaxe do interior dunha biblioteca.
A Coruña

As bibliotecas da Coruña combaterán o illamento da cidadanía durante a pandemia con cursos TIC

As Bibliotecas Municipais da Coruña puxeron en marcha un novo programa de formación TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) dirixido especialmente a aquelas persoas que sofren “en maior medida as restricións e limitacións sociais establecidas para superar a crise sanitaria”, impedíndolles acceder aos recursos e aos coñecementos precisos para utilizar os medios dixitais.

O obxectivo é facilitar ao máximo o acceso a este tipo de ferramentas, agora que se puxo de manifesto que son a única alternativa a todo tipo de procesos que antes podían levarse a cabo de xeito presencial, procesos relacionados coa comunicación, coa información e coa colaboración. O deseño da formación vén marcado polos condicionamentos e restricións sociais que impón a pandemia da COVID-19.

Ao abeiro deste compromiso contra a fenda dixital, as bibliotecas planificaron cursos presenciais de distinta duración para ensinar, entre outros moitos contidos, a realizar videochamadas, sacar todo o proveito a WhatsApp, coñecer as redes sociais máis populares ou utilizar YouTube como ferramenta de aprendizaxe. En termos máis concretos, a maior parte das sesións de capacitación faranse sobre o alicerce dos teléfonos móbiles do alumnado debido á universalización do seu uso.

As bibliotecas explicaron que a formación “non é puramente instrumental senón que vén acompañada dunha serie de consellos para evitar as noticias falsas ou fake news, facer un uso ético da información ou recomendacións para relacionarse no mundo dixital e a súa nova linguaxe”.

Apoiarase tamén na fórmula da “atención tecnolóxica”, onde “unha persoa experta en cada unha das bibliotecas da rede atende de maneira individual e persoal a calquera persoa usuaria que teña dúbidas ou problemas no ámbito dixital, a configuración de dispositivos ou a realización de trámites en liña”.

O calendario formativo, así como toda a información sobre a atención tecnolóxica está dispoñible na web de bibliotecas.

21/10/202016:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Vinte e cinco directivos participan desde hoxe no programa AceleraTech da Amtega para facilitar a inmersión tecnolóxica das pemes

  • AceleraTech é unha iniciativa formativa para facilitar a estes perfiles profesionais o achegamento ás tecnoloxías disruptivas que marcarán a vindeira década
  • O programa é impartido por IESIDE, o Instituto de Educación Superior da Obra Social de ABANCA

Un total de 25 profesionais, directivos de pequenas e medianas empresas de distintos sectores, participan desde hoxe e ata o 20 de novembro o Programa formativo “AceleraTech, impulsando a transición dixital”, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con IESIDE, o Instituto de Educación Superior da Obra Social de ABANCA

Programa específico para persoal directivo

A iniciativa está dirixida principalmente a persoal directivo, xerentes e propietarias/os de empresas, xa que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas.

AceleraTech é un programa de difusión, sensibilización e formación orientado a que as pemes galegas e os seus directivos coñezan algunhas das novas tendencias tecnolóxicas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para a súa translación á estratexia, estrutura e modelos de negocios das pemes. Todo iso cunha perspectiva moi experiencial, mostrando casos concretos e próximos de éxito que actúen como elemento motivador.

Sesións formativas do AceleraTech

O programa estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un taller final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos:

  • A competencia na era dos negocios dixitais
  • Big data, data science e intelixencia artificial
  • Internet of the things e 5G
  • Blockchain
  • Ciberseguridade
  • Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®

Cómpre destacar que a sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.

21/10/202007:10
Mozos montando un robot.
Ourense

A Tecnópole recibirá o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG

Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino ao Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, pola súa “aposta pola divulgación científica entre a xente nova, co fin de espertar vocacións e incentivar o seu espírito emprendedor”. O galardón será entregado no marco da da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.

O CPEIG lembra que o parque foi inaugurado en 1992 en San Cibrao das Viñas, en Ourense, e dende aquela non cesou de impulsar diversos proxectos e actividades para espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a rapazada da nosa terra e toda España, como Galiciencia, STEAM Kids Tecnópole, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán T2 W. Neste panorama, o parque conseguiu que Galiciencia , creada en 2006, se convertese na maior feira científica que se celebra en Galicia, co obxecto de achegar a ciencia á sociedade. Ao seu abeiro organízase un certame científico para estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato, como punto de encontro para rapaces e rapazas de todas as idades con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que a Tecnópole pon á súa disposición durante tres días no mes de maio.

Tamén para achegar a ciencia e a tecnoloxía á mocidade, pero desde unha óptica artística e creativa, Tecnópole ten o programa STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 e 11 anos. E nesta liña, tamén dispón das Aulas Tecnópole, pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. Nestas actividades, os participantes realizan investigacións, constrúen robots programables, voan drons e deseñan instalacións artísticas. E como actividade innovadora neste contexto COVID, a Tecnópole convocou este verán o primeiro Campamento Tecnolóxico Online de Galicia, en colaboración coa Consellería de Economía da Xunta de Galicia. O T2 W –Tecnópole Technological Workshops–, que ata esta oitava edición fora presencial, destínase a mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. Celebráronse dúas edicións con máis de 200 participantes nos obradoiros de programación, robótica, electrónica, eido maker ou biotecnoloxía. Para desenvolver as actividades, os rapaces recibiron no seu domicilio un kit de materiais tecnolóxicos e científicos. Tamén aprenderon a programar placas, iniciáronse na seguridade informática, deseñaron roupa con sensores, construíron o seu propio microscopio e analizaron a luz do Sol con espectroscopios. Derivado deste campamento, a Tecnópole e Atresmedia lanzan unha plataforma educativa virtual de ciencia e tecnoloxía, STEAMbites, para rapaces de 8 a 16 anos de toda España. Os participantes aprenderán a crear aplicacións para móbil, achegaranse á cociña molecular e á realidade aumentada e virtual.

Ciencia e tecnoloxía en feminino

A maiores de todo o devandito, a Tecnópole forma parte do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, que promove a Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). No marco desta acción, publicou recentemente en galego a guía Que quero ser de maior? para animar ás rapazas a estudar carreiras vencelladas coa ciencia e a tecnoloxía. Asociado tamén a este proxecto para fomentar as carreiras STEM –de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas– entre as mulleres, a Tecnópole celebrou este mes de outubro un espectáculo de ciencia en liña para alumnos de Secundaria, que reuniu a máis de 10.000 rapaces de toda España que realizaron experimentos e xogos para amosar que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos.

A Noite

A Noite da Enxeñaría en Informática en Galicia modificou a súa data de celebración debido ás últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia, pasando do 30 de outubro ao 27 de novembro, cando finalmente será o acto no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Este ano celebrarase un encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.

20/10/202016:10
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

As microempresas galegas superan a media estatal na contratación de internet

  • A contratación deste servizo entre as empresas de menos de 10 empregados en Galicia roza o 80% e sitúase no oitavo posto entre as Comunidades autónomas
  • Preto dun 30% deste segmento empresarial dispón de páxina web, situándose no quinto lugar entre as Comunidades Autónomas
  • As pemes e grandes empresas rexistran un incremento do 60% na contratación de conexións de máis de 100Mbps e ocupan o segundo lugar na interacción coas administracións a través de internet

A contratación de Internet entre as microempresas galegas sitúase no 78,5%, experimentando un aumento dun 7,9% no último ano, e superando amplamente o ritmo de crecemento estatal (2,4%). Por primeira vez, a contratación de Internet nas microempresas galegas supera a media estatal (78,2%). No caso das empresas de 10 ou máis traballadores Galicia practicamente converxe coa media estatal, acadando a práctica totalidade deste segmento empresarial (98%).

Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2019/2020” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

As empresas galegas de 10 ou máis traballadores incrementan a velocidade de conexión

Entre as tecnoloxías de acceso, o 67,5% das microempresas e o 94,4% das de 10 ou máis traballadores contrataron Internet a través de conexións fixas. As empresas de 10 ou máis asalariados que se conectan á Rede a través deste tipo de conexións ocupan a terceira posición no ranking de Comunidades Autónomas e superan a media estatal en case 2 puntos.

En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, o 63,6% das empresas galegas de 10 ou máis asalariados conta cunha velocidade superior aos 100 Mbps fronte ao 39,8% do ano anterior. Isto representa un crecemento do 60% nas conexións a Internet superiores aos 100 Mbps entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados

Entre os usos de Internet, destacan os trámites coas Administracións Públicas: o 97,5% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 73,8% das microempresas interactuou coas Administracións Públicas a través de Internet.

As empresas galegas de 10 ou máis empregados ocupan o segundo lugar na interacción coas administracións a través de internet e superan a media estatal en case 4 puntos. Tamén se sitúan por riba da media na obtención de información das administracións a través das webs, a descarga de formularios e na devolución de formularios impresos.

Galicia por riba da media en Big Data e na dispoñibilidade de páxina web

O 9,2% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou big data, dato superior á media estatal (8,5%), que sitúa a Galicia o 5º lugar entre todas as comunidades.

As empresas de 10 ou máis empregados con páxina web medraron un 3,8% ata chegar ao 80,9% e así superan por primeira vez á media estatal (78,1%), que se mantén estable, máis de 2 puntos por baixo das galegas. O 29,3% das microempresas galegas ten páxina web, situándose tamén por riba da media estatal (28,8%).

20/10/202013:10
Verónica Bolón.
A Coruña

A investigadora galega Verónica Bolón recibe o Premio Dona TIC 2020 na categoría revelación

Verónica Bolón, investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), vén de ser galardoada cun premio Dona TIC, que outorga a Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña ao abeiro do plan do mesmo nome, destinado a visualizar as importantes contribucións das mulleres no eido tecnolóxico-dixital. En concreto, a investigadora galega recibiu o premio na categoría revelación polo seu traballo.

Estes galardóns recoñecen o talento e a afouteza emprendedora de oito mulleres tecnólogas procedentes de diversos ámbitos, como son o empresarial, profesional, académico e iniciativas sociais. A maiores, tamén teñen a finalidade de espertar vocacións, ofrecendo referentes a nenas e mulleres nas disciplinas STEM e a asumir posicións de liderado no sector. As oito galardoadas nesta sexta edición foron seleccionadas entre 85 candidaturas. Verónica Bolón é doutora en Informática pola UDC, secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e está comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, coordinando o nodo do proxecto Inspira STEAM en A Coruña. A investigadora, como lembraremos, ingresou recentemente na Academia Joven de España.

O acto de entrega celebrouse o martes 13 de outubro, como conmemoración do Día de Ada Lovelace, unha celebración internacional dedicada aos logros das mulleres en áreas STEM e que ten lugar cada ano o segundo martes de outubro.

1 mes 1 profesión dixital
Online

CyberSec@Gal 2020

Nesta segunda edición de CyberSec@GAL, mantendo intacta a vocación de ser o evento referente da ciberseguridade en Galicia, falaremos sobre a normativa, solucións, retos e ameazas no campo da seguridade do universo dixital no teletraballo.

20/10/202007:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

R, o CPEIG, a UDC, a UVigo e o CITIC impulsan a segunda edición de CyberSec@Gal

En novembro vaise celebrar a segunda edición dun evento no que se vai falar arreo sobre unha das cuestións máis candentes do panorama tecnolóxico e produtivo actual: a ciber-protección de datos, servidores e comunicacións. Estamos a falar de CyberSec@Gal, o foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade (materializada pola operadora galega de telecomunicacións en colaboración coas universidades da Coruña e de Vigo) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. A cita, que este ano porá o foco nos riscos no teletraballo, conta coa colaboración do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC.

O evento desenvolverase do 2 ao 5 de novembro e abordará a normativa, solucións, retos e ameazas no eido da seguridade do universo dixital no teletraballo. Amais, no capítulo de recoñecementos ao traballo innovador, CyberSec@Gal premiará pola súa excelencia académica a estudantes das universidades galegas cun premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade, valorado en 700 €; dous premios á Tese de Fin de Mestrado en Ciberseguridade na UVigo e UDC, valorados en 400 € cada uno; e dous premios á Tese de Fin de Grado en Ciberseguridade na UVigo e na UDC, valorados en 300 € cada un deles. As dúas primeiras xornadas de CyberSec@Gal acubillarán obradoiros en liña orientados a estudantes do Sistema Universitario Galego e de Formación Profesional, que teñen como fin captar talento en ciberseguridade. Durante a terceira xornada levaranse a cabo charlas técnicas orientadas a profesionais e lanzarase un ciber-reto online cun premio final de 500 €. O sistema empresarial galego estará tamén representado na cuarta xornada do evento, que se desenvolverá de xeito semipresencial e tratará os riscos no teletraballo nunha mesa redonda específica nesta temática.

Programa de actividades

  • Luns 2 de novembro
    • 16:00-20:00 Obradoiro: Explotación de vulnerabilidades en servidores Windows.
  • Martes, 3 de novembro
    • 16:00-20:00 Obradoiro: Detección, identificación e análise de ameazas en redes e aplicacións.
  • Mércores, 4 de novembro
    • 16:30-17:00 Charla técnica 
    • 17:00-19:00 Reto 
  • Xoves, 5 de novembro
    • 10:00-10:30 Apertura con Isidro Fernández, director Empresas de R, Mar Pereira, directora da AMTEGA, Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e Roberto Baratta, Capítulo Galego do ISMS Forum.
    • 10:30-11:00 Relatorio Security: cyber defence, awareness and network measurements A cargo de Olaf M. Maennel - Full Professor at the Centre of Digital Forensics and Cyber Security at Tallinn University of Technology
    • 11:15-11:00 Presentación nodo Ciber.gal. Adrián Lence, director de Infraestruturas e Telecomunicacións da AMTEGA 
    • 11:30 Mesa de debate: riscos no teletraballo. Contarase coa presenza de Carlos Escudero, director da Área de Informatica UDC, Jose Andrés Freire Dapena, xefe do Departamento de Implantación e Xestión do Cambio de AMTEGA, Marco Lozano, responsable de Empresa INCIBE, Antonio Fernandes, responsable de Ciberseguridade de FINSA, e Pedro Santamaría, responsable de Sistemas ROEIRASA. Modera: Manuel Vicente 
    • 12:15-12:25 Presentación Capítulo Galego ISMS FORUM. Participa Susana Rey, membro ISMS. 
    • 12:25-13:05 Relatorio Privacidade por deseño en tempos do COVID Carmela Troncoso. Tenure Track Assistant Professor at EPFL in Lausanne, Switzerland.
    • 13:05-13:15 Clausura Clausura e entrega premios CyberSec@GAL
20/10/202007:10
Imaxe da edición pasada de Talentia Summit.
Santiago de Compostela

Talentia Summit ‘20 será virtual e contará con máis de mil prazas de formación

Concello de Santiago vai organizar en clave virtual a nova edición da feira de emprego Talentia Summit 2020, a finais de novembro e contando con máis de mil prazas de formación. Amais, o Goberno local fixo saber que participarán máis de 100 empresas. Alén das sesións online, que serán o groso do programa, convocaranse sesións híbridas emitidas por streaming para as poucas actividades que requiran asistencia en persoa.

A nova edición de Talentia Summit ten como obxectivo propor “unha alternativa sólida para a reconstrución económica baseándose nos alicerces da innovación e o talento e, á vez, xerar oportunidades que permitan conectar o talento humano coas organizacións e entidades que actúan como potenciais empregadoras”. Ofrecerá, ademais, formación continua de balde para a mellora da empregabilidade da cidadanía.

O Concello lembra que esta edición conta cos mellores precedentes, entre eles o éxito de participación das edicións anteriores, nas que participaron arredor de 5.000 persoas. “Nesta edición”, engade a organización, “reuniráse de novo a importantes autoridades institucionais, a destacadas empresas, a conferenciantes de renome, e a centos de persoas que pretenden impulsar o seu perfil profesional ou procuran novas oportunidades laborais”. As persoas que se inscriban e/ou participen en Talentia Summit ‘20 poderán presentarse ante os responsables de recrutamento de empresas; acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas; asistir a conferencias, obradoiros ou webinars; e outras moitas actividades que as axudarán na mellora das súas competencias profesionais.

Está previsto que a principios de novembro se abra o prazo para reserva de prazas a través da web de Talentia Summit ‘20.

19/10/202018:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CPEIG e a Amtega poñen en marcha encontros dixitais con profesionais TIC para rapaces e rapazas de 6 a 18 anos

  • As xornadas comezan mañá martes e celebraranse un total de 30, nas que poderán participar ata doce rapaces por grupo
  • Falarase de videoxogos, animación 3D, robótica, cidades intelixentes, coches autónomos e internet das cousas, entre outros temas


O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) poñen en marcha a actividade “Encontros con Profesionais TIC”, unha serie de xornadas online entre rapaces e rapazas e profesionais TIC, no marco do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades e enmarcado na Axenda Dixital de Galicia 2020.

Neste novo contexto da distancia social e as reunións dixitais que se vive actualmente a causa da pandemia da covid-19, esta actividade desenvolverase nas vindeiras semanas coa celebración de 30 encontros en streaming entre un profesional TIC e un grupo de 12 rapaces e rapazas de 6 a 18 anos, que poderán interactuar co relator e con calquera dos asistentes. Ademais, o resto de persoas inscritas poderán seguir as charlas a través da canle de Youtube “CPEIG VIDEOS” e no Facebook do CPEIG, aínda que só os rapaces partipantes e os profesionais TIC poderán intercambiar impresións e dúbidas durante os encontros. Os interesados en participar poden inscribirse e atopar información sobre os encontros no seguinte enlace: https://www.cpeig.gal/encontrosTIC

Temáticas

As temáticas dos encontros serán sobre axencias dixitais, publicidade en internet, internet das cousas, coches autónomos, asistentes de voz, cidades intelixentes, deporte e tecnoloxía, empresa na nube, robótica, animación 3D ou videoxogos. Nelas participarán diferentes expertos, a maioría deles colexiados e colexiadas do CPEIG, creadores de personaxes 3D, deseñadores de videoxogos, expertos en intelixencia artificial, investigadores e enxeñeiros de software e hardware, especialistas en industria 4.0., expertos en seguridade informática, peritos informáticos, xerentes de tendas de comercio ou directivos de empresas tecnolóxicas.

O primeiro encontro celebrarase mañá martes, 20 de outubro, ás 17:00 horas, entre o xefe de proxecto en Minsait, Diego Cid, e un grupo de doce nenos e nenas de ata 9 anos. O experto falará aos rapaces do proceso de desenvolvemento de software e os diferentes pasos e actores. Diego Cid conta con máis de 15 anos de experiencia en desenvolvemento de software en diferentes tecnoloxías e sectores. Actualmente está implicado en proxectos do sector das administracións públicas.

A continuación, ás 18:15 horas, dirixirá un encontro o presidente do CPEIG, do Consello Nacional de Colexios Profesionais en Enxeñaría Informática e director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez. Falará a rapaces de todas as idades sobre as cidades intelixentes.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS