main content

main content
15/12/202017:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Grava e edita os teus propios vídeos II

Unha vez superados os primeiros momentos de creación de vídeos, dedicaremos esta segunda sesión a continuar utilizando as aplicacións máis fáciles e prácticas para editar os nosos contidos; veremos como podemos incorporar diversos recursos (transicións, filtros, música, etc.) para darlles un acabado máis profesional.

Contidos:

  • Apps fundamentais de edición de vídeos
  • Vídeos a partir de modelos
  • Crea vídeos animados
  • Comparte as túas creacións

Ven ao seminario de vídeo que estabas a esperar!

01/12/202017:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Grava e edita os teus propios vídeos I

Grazas ao teu móbil, editar os teus propios vídeos nunca foi tan sinxelo. Pero gustaríache aprender a darlles un toque profesional para poder compartilos con familiares e amigos?

Neste seminario comezaremos a descubrir o fácil e divertido que pode resultar transformar os teus vídeos caseiros en auténticas películas e tomaremos o pulso ás ferramentas de vídeo que utilizaremos no seguinte seminario.

Contidos:

  • Consellos antes de empezar
  • Fontes de recursos gratuítos
  • Organización de álbums
  • Crear facilmente o teu primeiro vídeo

Facer bos vídeos nunca foi tan fácil!

24/11/202017:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Como realizar videochamadas con Duo e WhatsApp

Este ano as circunstancias empuxáronnos a todos a aprender precipitadamente novas formas de comunicación e as videochamadas para ver e falar ao mesmo tempo cunha ou varias persoas convertéronse nun dos recursos máis socorridos á hora de manter o contacto cos nosos achegados.

Nesta sesión repasaremos como podemos realizar facilmente videochamadas utilizando dúas das aplicacións máis populares, WhatsApp e Duo.

Contidos:

  • Que é unha videochamada e consellos para realizalas con calidade
  • Aplicacións e ferramentas para facer videochamadas
  • Como facer unha videochamada a través de WhatsApp a outra persoa ou a varias persoas á vez
  • Google Dúo, a opción para facer videochamadas de forma sinxela aos teus contactos

Aproveita as vantaxes das novas formas de comunicación!

17/11/202017:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Xestiona o teu correo electrónico desde o móbil

Como ferramenta o correo electrónico converteuse nun dos nosos recursos máis habituais. Cando solicitamos calquera información, sacamos unhas entradas ou uns billetes ou activamos a factura electrónica dos nosos recibos necesitamos unha conta de email para xestionalo. Saber manexarnos na contorna dos xestores de correo é moi útil para mellorar as nosas comunicacións.

Contidos:

  • Servizos de correo electrónico máis utilizados e as características da súa versión gratuíta.
  • Organización e clasificación de correos electrónicos e ferramentas de procura para localizar información.
  • Formas de enviar correos electrónicos e as súas principais diferenzas.
  • Xestión da axenda de contactos e creación de grupos para envíos máis eficaces.

Le e escribe correos electrónicos desde calquera lugar!

10/11/202017:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Coñece os métodos de pago online máis seguros

Aínda que as compras por Internet son cada vez máis populares en todos os sectores da poboación, aínda hai moitas persoas que son reticentes a este sistema debido a que non se fían da seguridade á hora de pasar por caixa. Nos últimos anos apareceron diversos e cómodos métodos de pago, cada un deles adaptado a resolver necesidades concretas e resulta imprescindible coñecelos para realizar calquera transacción de forma totalmente segura.

Contidos:

  • Medios de pago tradicionais.
  • Tarxetas prepago.
  • Plataformas de pago online.
  • Sistemas de pago desaconsellados.

Aprende a pagar na internet con total seguridade!

03/11/202017:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Como facer seguras as túas compras por Internet

Internet converteuse nun centro comercial virtual aberto as 24 horas do día e os 365 días do ano no que se poden adquirir todo tipo de cousas en tendas de todo o mundo, pero Sabes os dereitos que te asisten como consumidor á hora de facer calquera compra ou contratación online?

Apúntate a este seminario e aprende todo o que necesitas saber para realizar con garantías a compra ou aluguer de calquera ben ou servizo a través da Rede.

Contidos:

  • Como facer compras por Internet.
  • Precaucións de seguridade.
  • Dereitos e deberes como consumidores online.
  • Webs de ofertas e comparadores de prezos.

Vaite de compras sen moverte da casa!

26/10/202012:10
Persoa con discapacidade xogando a un videoxogo.
Madrid

Os participantes de 'Top Gamers Academy' enfróntanse á accesibilidade dos videoxogos da man da Fundación ONCE

  • Este luns ás 19 horas en Youtube e Twitch
Os mozos participantes do programa 'Top Gamers Academy', que se está emitindo diariamente a través de YouTube e Twitch, así como os domingos na canle Neox do Grupo Atresmedia, coñecerán de primeira man os problemas de accesibilidade aos que deben facer fronte as persoas con discapacidade de maneira xeral na sociedade e especificamente cando queren gozar no seu tempo de lecer dun videoxogo calquera.
 
Na tarde deste luns os concursantes coñecerán a Enrique García Cortés, experto en accesibilidade e videoxogos da Fundación ONCE. Durante a súa estancia na academia explicará aos alumnos a importancia que ten o deseño para todos e a accesibilidade neste sector, tanto para a industria como para as propias persoas con discapacidade.
 
Ademais, impartirá unha clase de accesibilidade software co videoxogo de PlayStation 'The Last of Us Parte II', que foi deseñado tendo en conta a accesibilidade, pois ten máis de 60 características que permiten axustar a 'xogabilidade' segundo as necesidades do usuario. Por último, 'Kike' retará aos concursantes para xogar diversas partidas no videoxogo 'Fall Guys'.

Por Talento Dixital

Esta participación en 'Top Gamers Academy' apoia o desenvolvemento das liñas de traballo de 'Por Talento Dixital', un programa co que a Fundación ONCE está a promover a formación das persoas con discapacidade en perfís dixitais, e entre eles a industria do videoxogo.
 
Desde a Fundación ONCE enténdese que as persoas con discapacidade teñen dereito a poder gozar desta forma de lecer e ademais é un nicho de emprego que debe aproveitarse para lograr a súa plena inclusión. Por iso, está a asinar convenios de colaboración cos diversos axentes do sector.
26/10/202007:10
Recreación virtual en 360 graos do Museo Gaiás.
Santiago de Compostela

Un Museo Centro Gaiás virtual acolle en novembro a Maker Faire Galicia que estrea un novo formato en liña

  • Unha recreación virtual en 360 graos deste espazo será o marco no que as persoas que se conecten desde calquera lugar poidan interactuar cos proxectos expostos no encontro, unha das feiras ‘maker’ máis importantes de Europa
  • Xa está aberta a inscrición para asistir á sexta edición deste escaparate da creatividade e do enxeño, que do 18 ao 22 de novembro despregará tamén un programa de obradoiros e relatorios que se poderán seguir por videoconferencia

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura transfórmase este novembro no espazo virtual que acollerá a Maker Faire Galicia, que na súa sexta edición estrea un novo formato totalmente en liña. O encontro volverá ser un grande escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos, ao que neste ano atípico se accederá de maneira remota desde calquera punto do planeta.

O evento lanzou a plataforma en liña na que as persoas interesadas poden xa rexistrarse de balde para asistir ao evento, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de novembro. Nesta plataforma, os e as visitantes poderán acceder ao interior do Museo Centro Gaiás, convertido nun entorno virtual en 360 graos. Movéndose a través deste espazo, poderán interactuar con cada un dos expositores participantes, conectándose en directo cos e coas makers para coñecer polo miúdo os seus proxectos.

Ademais deste espazo expositivo, programaranse diferentes charlas e obradoiros durante os cinco días do evento, que inclúe dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional e empresarial, unha centrada no eido educativo e outras dúas destinadas a público xeral e moi especialmente aos e ás makers máis novas. Personalidades do ámbito da neurotecnoloxía, do desenvolvemento de aplicacións, ou influencers do do it yourself cóntanse entre os relatores dun programa que poderá seguirse enteiramente a través de videoconferencia.

Proxectos de neurociencia ou robótica

Dous dos nomes máis destacados do programa deste ano veñen dos campos da robótica e da neurociencia. Trátase por un lado de Yannick Roy, co-fundador e director executivo de NeuroTechX, a comunidade internacional máis grande de entusiastas da neurotecnoloxía. Esta organización sen ánimo de lucro loita por difundir coñecemento, recursos e oportunidades de aprendizaxe arredor da neurotecnoloxía, e xerar sinerxías entre proxectos de innovación neste eido. A comunidade conta xa con 16.000 membros en todo o mundo, que comparten información e impresións sobre proxectos de neurociencia, tecnoloxía e DIY.

Por outra banda, participará tamén o coñecido youtuber especialista en robótica James Bruton. Antigo deseñador de xoguetes, este enxeñeiro eléctrico e mecánico levou a súa paixón pola robótica a outro nivel coa creación de incribles proxectos de código aberto que comparte de xeito gratuíto con vídeos detallados que sobe ao seu canal. Un dos seus proxectos máis coñecidos é o can robótico coñecido como “Open Dog”.

Da ‘comida real’ ao espazo exterior

Tamén terán o seu oco na Maker Faire Galicia temas de tanta actualidade como o realfooding, un movemento que medrou de xeito exponencial nos últimos anos. O programa incluirá unha charla da co-creadora e CEO de MyRealFood, Sofía Belenguer, que falará das orixes e evolución desta aplicación, popularizada polo nutricionista Carlos Ríos que tamén está detrás do proxecto, que axuda ás persoas a volver e manter unha dieta saudable baseada na “comida real”, deixando de lado produtos ultraprocesados. Tamén no eido da alimentación contarase con Maitane Alonso, a maker que sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos.

E xa no eido da industria espacial compartirá tamén a súa experiencia Antón Vázquez de Alén Space, unha empresa galega dedicada ao desenvolvemento, deseño e construción de satélites dixitais, tanto software como hardware.

Completan o programa iniciativas do eido social como a iniciativa Cosendo o paro, que traballa na integración sociolaboral de persoas en risco de exclusión como nais migrantes ou mulleres expresidiarias, que traballan no deseño e confección de roupa e outros produtos.

A Maker Faire Galicia 2020 celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

26/10/202007:10
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Rede CeMIT acolle novas actividades formativas en competencias dixitais e sociais para facilitar a inserción sociolaboral de persoas desempregadas

  • Impulsadas pola entidade “Red Araña” desenvolveranse durante os meses de outubro e decembro de forma presencial e por videoconferencia
  • A inscrición poderá realizarse de xeito gratuíto a través da páxina web da Rede ou nas propias aulas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a entidade colaboradora Red Araña poñen en marcha unha variedade de programas formativos que contan con financiación da Xunta de Galicia, co obxectivo de promover actuacións que permitan a inserción sociolaboral de persoas desempregadas a través da adquisición de destrezas dixitais e sociais.

As actividades desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro principalmente en formato presencial (sempre que as autoridades sanitarias o permitan) e por videoconferencia e consistirán en talleres de competencias dixitais para a mellora da empregabilidade, actividades de networking, talleres de habilidades sociais, creación de ideas de negocio, etc.

Os obxectivos

A través destes programas formativos, as persoas participantes terán a oportunidade de adquirir competencias e destrezas dixitais, mellorar e potenciar as habilidades sociais, deseñar unha estratexia de promoción de contactos persoais e profesionais offline e online, aprender a traballar en equipo e incentivar a creatividade.

Ademais, os talleres de traballo complementaranse con itinerarios personalizados e sesións interactivas onde recibirán formación para axudarlles na procura de emprego como as claves afrontar una entrevista de traballo; aumentar a súa rede de contactos profesionais e persoais a través do Networking; facilitar o seu acceso a procesos de selección, así como impulsar novas ideas de negocio e fomentar a cultura emprendedora.

Inscrición e participación

As persoas interesadas en participar tan só deberán cumprir co requirimento de estar en procura de emprego coa tarxeta do Servizo Público de Emprego activa e o DNI vixente e estar dados de alta como usuarios CeMIT para inscribirse nas actividades dispoñibles a través das aulas CeMIT ou na web CeMIT segundo o seguinte calendario:

  • O Taller de habilidades dixitais e Networking, previsto para o 26 e 27 de outubro na aula de Ribeira.
  • Taller de Competencias dixitais básicas orientadas á mellora da empregabilidade das mulleres que celebrarase os días 28, 29 e 30 de outubro e o 2 e 3 de novembro en horario de 10:30 a 14:30 horas en Ribeira
  • Taller de mellora de habilidades sociais no voluntariado (neste caso non sería un requirimento necesario ter a tarxeta do SEPE activa) previsto para o 4 e 5 de novembro en horario de 9:00 a 14:00 horas na aula de Valga
  • Taller de Competencias dixitais avanzadas orientadas á mellora da empregabilidade e Obradoiro de habilidades dixitais, os días 6, 9, 10, 11 e 12 de novembro en horario de 09:30 a 13:30 nas aulas de Poio, e Valga, e os días 16, 17, 18, 19 e 20 de novembro en horario de 09:30 a 13:30 nas aulas de Cerceda, Fisterra e Ortigueira celebrarase unha edición en nivel básico.
  • Taller de creación de ideas de negocio previsto para o 27 de novembro en horario de 9:00 a 14:00 horas nas aulas de Ortigueira, Poio, Pontedeume e Valga.

Red Araña, entidades polo emprego

É unha organización de acción social de carácter non lucrativo que busca promover actuacións que permitan a inserción sociolaboral dos desempregados/as con especial atención a aqueles colectivos vulnerables.

A súa misión é a de agrupar e facilitar o desenvolvemento do maior número de entidades sociais que traballan nesta inserción xerando experiencias empresariais sostibles, comprometidas co seu entorno e que permitan o acceso ao mercado de traballo a aquelas persoas con maiores dificultades.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

23/10/202014:10
Pasillo dun colexio de primaria.
Santiago de Compostela

Máis de 220 profesores participan na formación do programa “Digicraft non teu cole” para dotar de competencias dixitais a alumnos de primaria

  • Comeza a segunda edición deste programa que se está desenvolvendo en 50 centros educativos galegos grazas a un acordo entre a Fundación Vodafone e a Xunta de Galicia
  • A iniciativa amplía os itinerarios para incorporar ao alumnado de 6 a 8 anos á aprendizaxe de conceptos como intelixencia artificial, realidade aumentada ou deseño 3D dunha forma fácil e divertida
  • Nas próximas semanas abrirase unha nova convocatoria que permitirá estender o programa ata outros 200 centros

Un total de 224 profesores iniciaron esta semana a formación continua para impartir os contidos do Programa “Digicraft non teu cole”, que busca potenciar a formación en competencias dixitais de alumnos de primaria entre 6 e 12 anos. A iniciativa, impulsada pola Fundación, Vodafone inicia a súa segunda edición en Galicia grazas a un acordo coa Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A formación a profesores estenderanse ao longo de todo o curso académico. Así, tras esta primeira fase, centrada en realidade aumentada e videoxogos, en xaneiro terá lugar un segundo ciclo marcado pola Intelixencia artificial e a Robótica.

Tras o éxito da súa primeira edición, 50 centros da Comunidade que xa participaron o pasado ano seguirán desenvolvendo o programa desde este mes de outubro, polo que máis de 4.400 alumnos galegos beneficiaranse deste proxecto que potenciará a súa formación en competencias dixitais.

Máis itinerarios e unha nova convocatoria

Neste curso académico, a iniciativa “Digicraft non teu cole” incorpora novos itinerarios formativos dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 8 anos, para completar a proposta educativa da comunidade galega, que ata o de agora se enfocaba no alumnado de entre 9 e 12 anos.

O proxecto poñerá ao dispor de todo o alumnado diferentes actividades educativas para aprender competencias dixitais utilizando como vehículo a tecnoloxía, desde intelixencia artificial a realidade aumentada ou deseño 3D dunha forma fácil e divertida, combinando o mundo virtual e o físico. Todo iso articulado a través dunha metodoloxía de aprendizaxe probada e baseada no xogo e a experimentación, deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca.

O despregamento do programa en Galicia completarase cunha nova convocatoria a 200 centros que se lanzará nas próximas semanas. E uníndoo ao resto de convenios asinados co resto de comunidades, DigiCraft chegará neste curso escolar 20/21 a 400 centros escolares e máis de 32.000 alumnas e alumnos en España.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS