main content

main content
07/10/202008:10
Imaxe dun obradoiro na pasada edición do XGN R Encounter.
Santiago de Compostela

XGN R Encounter contará con máis de 30 actividades lúdicas e formativas

XGN R Encounter, que se celebrará en liña os días 10 e 11 de outubro, xa vai definindo os seus contidos. O encontro virtual albergará no seu programa máis de 30 actividades lúdicas e formativas, incluíndo competicións de arte dixital, hardware, software libre e torneos de videoxogos. Ademais, as charlas formativas estarán centradas na intelixencia artificial e a programación. E por se fixesen falta aínda máis atractivos, o programa de televisión que será retransmitido por streaming de forma gratuíta e que servirá de fío condutor ao evento comeza xa a desvelar a identidade dos seus invitados; rostros coñecidos como os protagonistas de La Resistencia Grison e Jaime Caravaca, xunto a coñecidos streamers, entrevistaranse durante o programa.

Deste xeito, a XGN R Encounter está xa ultimando os detalles para presentar en breve o seu programa de actividades. Nesta edición número vinte habilitáronse 1.080 prazas virtuais, dispoñibles de forma gratuíta a través da páxina web do evento para aqueles que queiran participar.

Programa de televisión

Moitas das actividades, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, retransmitiranse e comentaranse nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través de Twitch. A través desta canle fomentarase a interacción cos participantes, que ademais recibirán información de interese sobre o propio evento. Xunto as entrevistas e actividades formativas, haberá tamén tempo para as actuacións musicais e o humor.

A Feira Internacional de Galicia ABANCA atópase actualmente a pleno rendemento para culminar a organización desta edición, a cuarta con R como colaboradora e patrocinadora oficial, que proporciona ademais a conectividade ao evento, e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.

07/10/202008:10
Cartel da iniciativa.
As Pontes

Regresan os Amigus Labs con dúas sesións sobre edición de audio e vídeo con ferramentas libres

Volven os Amigus Labs das Pontes os vindeiros 17 e 24 de outubro. Segundo informa a organización, a Asociación Amigus, serán dúas charlas de produción e edición de audio e vídeo con ferramentas libres. Realizaranse por streaming e poderemos seguilas por Jitsi ou por YouTube.

A primeira charla será o 17 de outubro, en horario de 11:00 a 12:30 h, e comezará cunha introdución á creatividade de podcasting con Audacity. Nesta sesión falarase sobre como está o panorama actual da creación de arquivos radiofónicos online e sobre que necesitamos para iniciarnos neste ámbito, tanto desde unha forma low-cost como dun xeito máis profesional. Falarase tamén sobre aparellos para gravación, software de gravación e edición, plataformas onde aloxar o podcast, etc.

O día 24 de outubro, no mesmo horario, organizarase unha introdución á edición de vídeo con Shotcut. Nesta charla tocaranse temas como os xeitos de iniciarnos na edición de vídeo, consellos para mellorar as gravacións, plataformas onde aloxar os nosos vídeos… As charlas son de balde e, como dixemos, poderanse seguir por Jitsi ou Youtube. De inclinarnos pola primeira opción deberemos rexistrarnos no formulario habilitado na web dos Amigus Labs, para recibir antes do inicio da charla a ligazón de acceso á sala. En Jitsi poderemos participar dunha forma máis interactiva na charla, mediante o chat ou micro poderemos realizar preguntas. Se nos inclinamos por Youtube, Amigus publicará nas redes sociais a ligazón para seguir a sesión o mesmo día da charla.

Ademais, este sábado 10 de outubro a asociación das Pontes organizará unha xornada de portas abertas de 10:00 a 14:00 horas. “Se tes un proxecto en mente, que sabes que pode facerse, pero que agora non sabes como, tes a oportunidade de vir e coñecer a tecnoloxía que temos a tua disposición así como compañeiros que te axudarán na aprendizaxe e creación do proxecto”, informan dende Amigus.

07/10/202008:10
Fotograma do novo episodio de ON Fologüers.
Madrid

A cuadrilla 'ON Fologüers' súmase ao concurso escolar ONCE sobre o uso e a adicción ás novas tecnoloxías

  • Trasladan a mensaxe de que a tecnoloxía é a nosa aliada se facemos un uso responsable da mesma e non un abuso que pode conlevar riscos non desexados
Os famosos personaxes da miniserie animada 'ON Fologüers' súmanse ao 37 concurso escolar do Grupo Social ONCE que, nesta edición, quere trasladar a mensaxe de que a tecnoloxía é a nosa aliada sempre que fagamos un uso responsable da mesma e non un abuso que pode conlevar riscos e consecuencias non desexadas.
 
Para iso protagonizaron un capítulo especial no que cada personaxe relata a súa relación coas redes sociais e explica como as novas tecnoloxías axudan ás persoas con discapacidade na súa inclusión na sociedade. Animan desta maneira aos estudantes para facer un uso responsable, e non un abuso, dos móbiles, as tablets e computadores, e a participar nesta edición do concurso escolar.
 
On Fologüers é unha iniciativa da Fundación ONCE cuxo obxectivo é promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela. Os personaxes da serie son novos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día. Durante este verán tamén se sumaron á loita contra o coronavirus e as desigualdades e barreiras que xera para as persoas con discapacidade.

ConexiÓN - AdicciOFF

Baixo o lema 'ConexiÓN, AdicciOFF. Isto non é un xogo', púxose en marcha o 37 concurso escolar do Grupo Social ONCE, un programa de sensibilización educativa que pretende traballar na aula de maneira activa valores como a solidariedade e o pensamento crítico, o importante papel do alumnado, e o traballo colaborativo para conseguir a igualdade de oportunidades para todas as persoas.
 
O reto deste ano consiste en crear unha campaña publicitaria de sensibilización cunha mensaxe capaz de inspirar a toda a sociedade. No 37 concurso escolar do Grupo Social ONCE poden participar todos os escolares dos centros educativos españois públicos, concertados e privados, desde Primaria ata Bacharelato, ademais de Educación Especial e Formación Profesional.
 
A participación realizarase por aulas completas (un traballo-unha aula) dirixidas por un docente. Os estudantes de Primaria e Educación Especial (Categorías A, B e E) terán que facer unha cuña de radio dun minuto, como máximo, capaz de transmitir unha mensaxe sobre o bo uso da tecnoloxía por parte dos menores. Deberá ir titulada e, para facilitar a accesibilidade ao traballo, incorporará un documento co texto utilizado.
 
Pola súa banda, os estudantes de Secundaria (categoría C) terán que deseñar un cartel publicitario que capte a atención e transmita unha mensaxe que fomente o uso responsable da tecnoloxía, evitando o abuso da mesma. Deberá incluír un slogan e unha audiodescripción do traballo.
 
Para os estudantes de Bacharelato e FP (Categoría D), o concurso pide a realización dun anuncio publicitario, de 40 segundos, para sensibilizar sobre o uso responsable da tecnoloxía e os riscos que carrexa o seu abuso. Terá que estar acompañado dun título e un documento co guion, para facilitar a accesibilidade ás persoas con discapacidade.
 
O xurado valorará de forma especial a creatividade, a calidade, a mensaxe e a accesibilidade dos traballos presentados que, como en anteriores edicións, concursarán a nivel provincial, autonómico e nacional.
 
Cada grupo ou aula deberá subir á páxina web do concurso (www.concursoescolaronce.es) o seu traballo. Os directores ou profesores de todos os centros educativos que desexen participar no concurso e acceder aos materiais educativos, poderán facelo a través da propia web ou por vía telefónica no número gratuíto 900 808 111, sendo a data límite de recepción de participacións o 5 de febreiro de 2021.
06/10/202009:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Os ópticos galegos advirten do incremento da Síndrome Visual Informática entre os menores

Con motivo deste 8 de outubro, Día Mundial da Visión, o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia emitiu un comunicado no que pon de manifesto “o problema que actualmente supoñen os dispositivos electrónicos para a saúde visual das persoas, en concreto da xente nova”. O Colexio profesional tamén anuncia que vai celebrar, entre hoxe e o día 11, a Semana da Optometría, con xornadas de portas abertas nas ópticas. A idea destas actividades é advertir sobre as consecuencias para a visión dun uso prolongado das pantallas.

Segundo advirte o colectivo profesional galego, un exceso de tempo diante destes dispositivos pode ocasionar o Síndrome Visual Informática (SVI), unha afección que provoca visión dobre, borrosa, fobia á luz, bágoas recurrentes, sequidade ocular, irritación nos ollos ou outros síntomas como náuseas e mareos, e mesmo un aumento da miopía. O colectivo lembra que a crise sanitaria non fixo máis que agudizar esta situación, ao apostar os centros educativos polo ensino online como “unha posible solución a esta situación”, unha modalidade que incrementa o número de horas que pasan as nenas e nenos diante dos dispositivos electrónicos, en especial ordenadores, para poder seguir as clases e realizar as súas tarefas durante o novo curso.

Por este motivo, o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia aconsella seguir unhas normas de ergonomía visual e empregar a regra 20/20/20: deixar de mirar a pantalla durante 20 segundos cada 20 minutos e centrar a mirada en calquera punto que estea a 20 pés (máis de 6 metros) de distancia para descansar a vista. “Se unha persoa fai un uso non axeitado das pantallas sen ter en conta os descansos e as recomendacións ergonómicas pode sufrir os signos e síntomas da Síndrome Visual Informática, que este ano poden aumentar pola dificultade para adaptar as habitacións e os espazos adicados ao estudo dos máis pequenos en casa”, explica o presidente do colexio, Eduardo Eiroa, que engade estoutras recomendacións:

  • Axustar as cores do monitor para que sexan sempre claras e mates. Ademais, é importante configurar os caracteres e o tamaño da fonte, que non sexa moi pequeno, para facilitar que sexan lexibles.
  • Configurar os monitores para que teñan unha iluminación axeitada, cun bo contraste e evitando os reflexos na pantalla.
  • A imaxe ha de ser estable e sen escintileos. Neste sentido, recoméndase aumentar a velocidade de refresco da pantalla, que esta se poida orientar a vontade con obxecto de optimizar os ángulos de visión e que permita a súa regulación en canto a brillo e contraste.
  • Procurar que a pantalla estea sempre limpa e estudar ou ler con texto negro sobre fondo branco.
  • Situar a pantalla a unha distancia de entre 50 e 60 cm e a parte superior da mesma a unha altura semellante á dos ollos ou lixeiramente máis baixa.
  • Colocar o monitor perpendicular ou diante da xanela para evitar cegamentos e reflexos.
  • Manter unha postura correcta mentres se le, estuda ou se seguen as clases en liña. 
  • Relaxar a vista mirando obxectos ou puntos afastados a través da xanela.
  • Ademais da regra 20/20/20, realizar descansos de cinco ou dez minutos cada hora, pestanexar con regularidade para evitar a sequidade ocular e realizar exercicios visuais, como pechar os ollos ou desviar a mirada co fin de evitar algúns dos síntomas do SVI.
06/10/202009:10
Mostra virtual das xornadas Mulleres detrás dos videoxogos.
Cangas do Morrazo

O MUVI crea unha mostra virtual en 360º para as xornadas sobre mulleres e videoxogos

Fundación Museo do Videoxogo de Galicia colabora coa Universidade da Coruña nas segundas xornadas Mulleres detrás dos videoxogos, que comezaron este venres pasado. Ao seu abeiro, está a achegar dende a súa sede en Cangas do Morrazo a que sería, en palabras da fundación, “a primeira exposición de corte museístico, exclusivamente virtual interactiva, cun enfoque feminista, histórico e social”. Pódese ver a partir deste 5 de outubro na web do MUVI, nun apartado específico centrado nas xornadas. Tamén é accesible a través dos nosos móbiles.

A fundación argallou a mostra a petición da Universidade da Coruña, nunha actividade enmarcada dentro das ditas xornadas. “O obxectivo da exposición”, sinalan dende o MUVI, “non soamente se limita a ser unha solución tecnolóxica innovadora dentro do eido museístico, cultural e expositivo, senón que busca, a través da súa formulación físico-virtual, explorar novas vías de eficacia á hora de presentar e relacionar contidos, obxectos, obras ou ideas”.  Navegando por ela, os visitantes terán a posibilidade de gozar “cunha experiencia profunda”, con gran cantidade de información audiovisual e con ligazóns externas que nos convidan a afondar en diferentes vertentes da temática tratada”, explican, engadindo que se “trata dun resumo práctico, elegante e innovador que trata de poñer cara e contexto a algunhas das mulleres máis relevantes da industria a través dun percorrido cultural, ambientado no único museo sobre videoxogos de Galicia”.

A xornadas

A Facultade de Ciencias de Comunicación da UDC organiza a segunda edición das xornadas internacionais Mulleres detrás dos videoxogos, que este ano celébraranse de forma virtual, dende o día​ 2 ao 9 de outubro. A actividade achega un programa que combina relatorios e faladoiros en directo, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo e unha exposición virtual sobre pioneiras dos videoxogos.

A exposición virtual

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia presenta un modelo de exposición que permitirá descubrir e analizar ao longo de case 50 anos de historia a obra dunha chea de mulleres vencelladas ao eido do lecer interactivo, dende os comezos ata a actualidade, “fomentando deste xeito a comprensión e alcance do seu legado”, explican dende o MUVI. Na visita virtual teremos acceso íntegro aos espazos do museo e neles poderemos atopar instalacións expositivas distribuídas en puntos de referencia, con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres abordadas na mostra.

05/10/202008:10
Cartel da iniciativa.
Ribeira

O ciclo Outono TIC da aula CeMIT de Ribeira vén con dez cursos de balde para adultos

aula CeMIT de Ribeira anunciou este venres a súa programación para estes meses de outubro, novembro e decembro: un máis que completo feixe de actividades formativas tecnolóxicas para incrementar a alfabetización dixital da cidadanía, a súa autonomía online, as súas posibilidades de atopar emprego e, tamén, os recursos dos que dispoñen para facer fronte á crise da COVID. O ciclo Outono TIC está constituído por un paquete de cursos destinados a persoas adultas do municipio. A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, acompañada do axente TIC Manuel Bello, debullou na mañá deste 2 de outubro un programa que inclúe tanto accións formativas para principiantes como outras máis especializadas, tendo unha duración entre as 6 e as 20 horas.

Entre os cursos para principiantes atópanse os seguintes: Whatsapp desde cero, Facebook desde cero, Instagram desde cero e Coñece o teu móbil, neste último caso con dous cursos, un en outubro e outro en decembro. Ademais haberá outras ofertas sobre informática básica, retoque de imaxe (GIMP), sede electrónica, ofimática na nube (Google Drive) e Libreoffice (Write, Calc e Impress).

Aquelas persoas interesadas poden inscribirse a partir do luns 5 de outubro ben na propia Aula CeMIT (teléfono 981 876 043) situada en Cubeliños ou ben na páxina web do centro. Barreiro e Bello engadiron que “dadas as limitacións COVID cada curso ten un aforo de oito usuarios en lugar dos doce habituais”.

Rede Araña

Ademais, Ana Barreiro avanzou que o Concello está en xestións para poder albergar unha semana en outubro e outra en novembro unha colaboración da iniciativa Rede Araña, destinada a mellorar as competencias dixitais das persoas en situación de desemprego, con tres eixes diferenciados: Aulas TIC, Muller TIC e Brúxula, esta última enfocada en usuarios con problemas de drogodependencia. De frutificar tales xestións, darase cumprida conta das datas e o contido específico desta colaboración.

05/10/202008:10
Cartel da iniciativa.
Madrid

Red.es premiará co Desafío Aporta as mellores contribucións á transformación educativa

As entidades estatais SEDIA, SGAD e Red.es lanzaron este primeiro de outubro o terceiro Desafío Aporta, a edición 2020 dun reto xeral que recoñecerá as ideas e prototipos que sexan quen de identificar novas oportunidades de captar, analizar e empregar a intelixencia dos datos no avance da educación, un obxectivo que, en palabras de Red.es, “cobrou aínda maior relevancia no escenario xerado pola COVID”. Un xurado experto seleccionará tres proxectos gañadores entre as propostas recibidas de todos os recantos do ámbito estatal, que serán premiados con 4.000, 3.000 e 2.000 euros.

Nas bases especifícase que “calquera persoa física ou xurídica da Unión Europea, tanto de forma individual como en equipos, poderá participar neste Desafío Aporta”, que levarase a cabo en dúas fases: a presentación de ideas, e o desenvolvemento e defensa do prototipo. O concurso de ideas ficará aberto até o 18 de novembro, e as propostas que se presenten deberán partir da utilización de polo menos unha fonte de datos abertos publicada para a súa reutilización polas administracións públicas, xa sexan nacionais ou internacionais. Un xurado encargarase de avaliar as propostas e seleccionará as 10 mellores conforme a criterios como o impacto, a calidade e a relevancia.

Polo que respecta á segunda fase, nas bases dise que os participantes cuxas ideas fosen seleccionadas previamente disporán de 3 meses para desenvolver o prototipo asociado e presentarano ante os membros do xurado. Dita presentación realizarase, ben presencialmente en Madrid, ou ben virtualmente de acordo coa decisión que Red.es estime oportuna á vista da situación sanitaria na que nos atopemos. As tres mellores propostas premiaranse con 4.000, 3.000 e 2.000 euros.

05/10/202008:10
Persoas comunicándose en língua de signos.
Santiago de Compostela

A Xunta facilita o acceso a información en lingua de signos cun novo convenio coa Federación Galega de Persoas Xordas

  • O acordo ascende a 32.500 euros e permitirá á entidade actualizar a súa web e redes sociais con contidos en lingua de signos

A Xunta de Galicia reforza o seu apoio á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) a través dun novo convenio de colaboración que ten por obxecto facilitar o acceso deste colectivo a información pública do seu interese en lingua de signos. O montante deste convenio ascende a 32.500 euros e ten vixencia para todo este ano 2020.

Deste xeito, o Goberno galego e Faxpg dan un paso máis na mellora de servizos accesibles, neste caso no que atinxe á información vinculada a axudas e recursos sociais promovidos pola Administración autonómica que sexan de interese xeral para toda a poboación e, de maneira específica, para o colectivo de persoas xordas. Para este fin, a entidade manterá a súa información institucional actualizada diariamente na súa páxina web e redes sociais con contidos en lingua de signos.

Nos últimos anos a Xunta incrementou a súa colaboración con Faxpg, o que ten permitido crear un novo servizo de atención psicolóxica e de logopedia, poñer en marcha máis proxectos de inserción sociolaboral ou desenvolver programas orientados á adquisición de habilidades para gañar en autonomía.

05/10/202007:10
DigiTalent.
Santiago de Compostela

Un total de 19 estudantes de carreiras non tecnolóxicas acceden ás bolsas DigiTalent da Amtega para realizar prácticas en empresas TIC

  • É unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais
  • Facilita a estudantes matriculados nos últimos cursos de graos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura realizar prácticas formativas durante tres meses

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén a de celebrar a comisión avaliadora para a selección dos admitidos na convocatoria de bolsas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC (Bolsas DigiTalent) dirixidas a estudantes do Sistema universitario de Galicia, e que neste momento xa se atopan en escolla de empresa adherida ó programa para a realización das prácticas.

Son en total 19 estudantes, que cumpren os requisitos de ser menores de 31 anos e estar matriculados en carreiras de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.

Está previsto que, tras publicar a resolución definitiva estes bolseiros comecen o período de prácticas a primeiros de novembro nunha vintena de empresas do sector tecnolóxico por un período de 3 meses. Contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC, as bolsas teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.

Entidades colaboradoras do programa

O primeiro paso desta iniciativa foi a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas presentasen as súas solicitudes de adhesión ao programa así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das necesidades que presenten.

As 21 entidades colaboradoras seleccionadas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent

Colaboración institucional

As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

05/10/202007:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A VI Maker Faire Galicia, este ano totalmente online, contará cunha xornada destinada en exclusiva á educación

  • A feira de innovación, unha das máis importantes de Europa, desenvolverase do 18 ao 22 de novembro
  • O novo formato permitirá fortalecer os valores diferenciais da cita no referido ao coñecemento compartido e a interacción
     

A VI Maker Faire Galicia, unha das feiras maker máis importantes de Europa, desenvolverase este ano de xeito 100% online e contará por primeira vez cunha xornada destinada en exclusiva á educación. O novo formato permitirá que esta sexta edición da feira de innovación se poida seguir desde todo o mundo, o que fará posible fortalecer os valores diferenciais da cita no referido ao coñecemento compartido e ao seu carácter interactivo.

O evento celebrarase do 18 ao 22 de novembro a través dunha plataforma que integrará un Museo Gaiás Virtual. Contará con dúas xornadas profesionais, que se desenvolverán os días 18 e 19 de novembro, e que estarán organizadas por sectores, poñendo en valor aqueles onde Galicia ten un gran potencial como son a alimentación, saúde, aeronáutica, automoción, enerxía e téxtil.

O 20 de novembro será a quenda para a educación, con relatorios arredor da tecnoloxía, a innovación educativa ou a inclusión. Ademais, os mellores proxectos dos centros educativos que se presenten competirán nun formato elevator pitch (é dicir, a través de presentacións breves sobre os diferentes proxectos) para elixir ao máis innovador. Por último, nas xornadas abertas dos días 21 e 22 de novembro, haberá contido moi diverso relacionado coa robótica, ciencia, innovación social, do it yourself, arte, economía circular ou gaming.

Prazo aberto para participar

Con este programa, moi variado e coa participación de especialistas en distintas áreas de coñecemento, a Maker Faire Galicia convértese nun referente na innovación 360º, compartindo contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial.

As empresas, centros educativos, asociacións ou makers que desexen participar na feira poderán presentar os seus proxectos ata o 15 de outubro. As inscricións poden realizarse a través da súa páxina web.

Esta Maker Faire Galicia celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, e a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS