main content

main content
24/09/202020:09
Logo edixgal.
Santiago de Compostela

A Xunta reforza a actividade educativa cun plan de educación non presencial e semipresencial que permitirá aos alumnos contar con 55.000 dispositivos dixitais

  • “Estamos a falar dun plan para afrontar coas máximas garantías o curso e estar preparados para calquera situación que obrigue a suspender a educación presencial”, subliña
  • A iniciativa está estruturada en catro grandes eixes de actuación, con medidas dirixidas ao alumnado, ao profesorado, aos centros e ás familias


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o reforzo da actividade educativa cun plan de educación non presencial e semipresencial, que permitirá aos alumnos contar, ao longo do curso, con 55.000 dispositivos dixitais.

“Estamos a falar dun plan para afrontar coas máximas garantías a educación non presencial e semipresencial e estar preparados para calquera situación que obrigue a suspender a educación presencial, como: supostos de corentenas no caso de contactos estreitos ou supostos de illamentos no caso de positivos”, salientou, incidindo en que a semipresencialidade está prevista só para alumnos de Bacharelato e FP; mentres que os supostos de non presencialidade se producirán no caso de corentena ou illamento, e se estenderían así tamén para o resto do sistema educativo.

Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que o plan está estruturado en catro grandes eixes de actuación, con medidas dirixidas ao alumnado, ao profesorado, aos centros e ás familias.

No caso do alumnado, reiterou que a primeira acción pasará pola dotación de dispositivos dixitais, co obxectivo de contar cun total de 55.000 dispositivos electrónicos: 20.000 para prestar ao alumnado con máis necesidades económicas, mentres que os restantes corresponden aos participantes no programa de libro dixital E-Dixgal.

Para acadar este fin, investiranse 5,3 millóns de euros en equipamento dentro da iniciativa E-Dixgal, cos que se adquirirán os 10.000 novos equipos necesarios para a ampliación do programa este curso: 8.000 para alumnado e 2.000 para profesorado. Deste xeito, un total de 34.000 alumnos disporán de ordenadores dentro do E-Dixgal.

Ademais, subliñou que o Consello deu luz verde á sinatura dun convenio de 8,5 millóns de euros para cofinanciar co Goberno central a adquisición de 17.000 portátiles, aos que se sumarán outros máis de 3.000 portátiles que achegará a Xunta: 1.000 de maneira inmediata e outros 2.000 que estarán listos ao longo deste primeiro trimestre.

Por outra banda, e no apartado dos contidos, resaltou que o plan inclúe orientacións sobre o estudo e aprendizaxe semipresencial e non presencial, con estratexias de organización. E estenderanse ademais os contidos dixitais para os cursos de 3º e 4º da ESO.

En relación ao eixe dirixido ao profesorado, este centrarase sobre todo na formación, coa elaboración dun plan de formación sobre as aulas virtuais nos centros, así como a posta a disposición da comunidade educativa dun Banco de recursos educativos, para facilitar a semipresencialidade. Ademais de intensificarse o uso da plataforma do libro dixital -que pasou dunha media de 1 millón de accesos a 2,3 millóns- e o servizo de videoconferencia.

No que atinxe aos centros, Feijóo explicou que se publicarán orientacións sobre semipresencialidade para alumnado e familias; “e haberá formación para todos os membros da comunidade educativa, desde a perspectiva educativa e sanitaria”, engadiu.

Finalmente, no referido ás familias, o presidente do Executivo autonómico asegurou que a clave será a información, co espazo virtual Volvamos á escola con sentidiño e o reforzo da app AbalarMóbil, que actualmente conta con 290.000 usuarios rexistrados e á que durante o confinamento accederon unha media de 60.000 usuarios diarios.

“Nunca fixemos un inicio dun curso escolar durante unha pandemia e estamos someténdonos a unha proba de estrés docente e sanitario sen precedentes. Estou convencido de que isto non é fácil e haberá dificultades, atascos e problemas puntuais que, espero, poidamos ir resolvendo nos próximos días e semanas”, concluíu Feijóo.

23/09/202013:09
Mans tecleando.
Rianxo

Rianxo formará a 16 mozas e mozos en creación e publicación de páxinas web

Concello de Rianxo publicou na súa web as bases do seu Obradoiro de Garantía Xuvenil Carnero Valenzuela, que, como lembraremos, porá en xogo recursos formativos para capacitar á mocidade local na especialidade de Confección e publicación de páxinas web. O obradoiro é unha iniciativa destinada a ampliar a formación da xente nova e dotar ás mozas e mozos de instrumentos, recursos e coñecemento que lles permitan abrir a meirande cantidade de portas no mercado laboral. Desta volta trátase de converter a 16 alumnas/os e traballadoras/es en especialistas na creación e mantemento de sitios online, un ámbito profesional cada vez máis demandado por empresas e entidades, tanto para ampliar os seus equipos como en materia de servizos requiridos.

O obradoiro terá 12 meses de extensión e as persoas interesadas en participar nel terán que cumprir, entre outros, os seguintes requisitos: estar no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; ter entre 18 e 30 anos; ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 ou de 45; ou posuír o título de Graduado en ESO, certificados de profesionalidade de nivel 2 e 1 da mesma familia e área profesional. O programa de emprego Carnero Valenzuela II é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a inserción das persoas desempregadas mozas incluídas no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co-financiado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Rianxo.

23/09/202009:09
Presentación do Programa Radia.
Madrid

Arrinca o Programa Radia da Fundación ONCE, a Fundación CEOE e a Conferencia de Consellos Sociais de Universidades

  • Medio cento de mulleres con discapacidade inician este martes a formación para acceder a postos tecnolóxicos
Un total de 50 mulleres con discapacidade inician este martes a súa formación para acceder a postos tecnolóxicos grazas ao Programa Radia, unha iniciativa impulsada pola Fundación ONCE, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) e a Fundación CEOE, cuxo obxectivo é favorecer a inclusión de persoas con discapacidade en contornas de traballo dixital.
 
A presidenta da Fundación CEOE, Fátima Báñez; o presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, Antonio Abril Abadín, e o director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso, foron os encargados de presentar este programa.
 
Segundo explicaron, trátase de ofrecer oportunidades de emprego ás mulleres con discapacidade, que constitúen o grupo que menos opcións ten de desenvolvemento profesional nos ámbitos tecnolóxicos.
 
Na súa intervención, Fátima Báñez subliñou que 'o maior activo estratéxico que teñen as empresas e tamén España son as persoas, e ese talento, na súa rica diversidade e independentemente das súas capacidades, necesitámolo para contar con empresas máis competitivas e unha sociedade mellor para todos'.
 
Pola súa banda, Abril Abadín recalcou que "ser capaces, nunha circunstancia como a que vivimos, de poñer en marcha este Programa supón a confirmación do compromiso de todos co impulso da diversidade e da igualdade de oportunidades na nosa sociedade'. Engadiu que as 50 elixidas teñen o reto de cimentar a necesaria aposta polas áreas de coñecemento STEM. 'Temos o talento e contamos coa capacidade de formación nas nosas universidades. Só falta mostrar, nas etapas educativas previas, as enormes posibilidades das ciencias, tecnoloxías, enxeñerías e matemáticas tanto para os homes como para as mulleres'.
 
Finalmente, Martínez Donoso lembrou que, segundo todas as análises, o 90% dos empregos requirirán de competencias dixitais no futuro e que, ao mesmo tempo, existe unha fenda de xénero en relación ao acceso e uso da tecnoloxía. Por iso, continuou, 'e sabendo que no caso do noso colectivo a fenda é aínda maior, deseñamos un proxecto de formación tecnolóxica moi potente para universitarias con discapacidade, co que queremos que fagades unha inmersión profunda sobre as tecnoloxías dixitais, imprescindibles hoxe para empregos técnicos e cualificados'.
 
'Nós como ninguén', concluíu o director xeral da Fundación ONCE, 'sabemos que o talento non está rifado coa discapacidade e que podemos chegar aos máximos niveis de formación e de liderado e desenvolvemento profesional se nolo propoñemos'.
 
O período formativo está dividido en tres fases, que combinan a modalidade presencial e virtual, sobre os asuntos máis candentes da transformación dixital, como intelixencia artificial, fintech, esport, ecommerce, ciberseguridade, biotecnoloxía, blockchain ó Green teach. Ademais, contará con tutela e formación inspiradora con mentoras de diferentes empresas e prácticas en empresas tecnolóxicas.
 
A primeira fase, Brain Storm, comeza este martes cunha charla sobre intelixencia artificial impartida por Carlos Santana. A fase Mentor Women desenvolverase ao longo de 12 semanas nas que as bolseiras coñecerán os contextos reais do ámbito tecnolóxico da man de profesionais que traballan no dixital e mostraranlles o seu día a día, coa finalidade de ensinarlles, inspiralas e empoderarlas.
 
Na última fase, denominada Real Work, as seleccionadas recibirán unha formación dixital en 100 sesións de 4 horas e estarán apoiadas por mentores para realizar prácticas nas empresas seleccionadas. Está previsto que finalice o 30 de xuño de 2021.

Programa Radia

A historia de Radia Perlman inspirou o nome do programa RADIA WOMEN'S DIXITAL INCLUSION. Radia é a creadora dun dos protocolos de comunicación máis utilizados do mundo que fai que as redes funcionen correctamente, sexan estables, robustas e seguras.
 
Actualmente, só un de cada seis especialistas TIC incorporados ao mercado laborais é unha muller. A este dato únese ademais a circunstancia da discapacidade, que dificulta a inclusión das mulleres con discapacidade no ámbito da educación superior e o emprego. Por iso o propósito do programa é ofrecer formación e emprego que inclúa a máis mulleres con discapacidade no sector dixital, recoñecendo tanto o valor das súas contribucións, como o seu talento, algo esencial para construír unha sociedade dixital inclusiva, competitiva e dinámica.
 
Desde esta perspectiva, RADIA establece unha serie de pasos encamiñados a aumentar o número de universitarias con discapacidade sentadas en postos de traballo baseados no manexo de tecnoloxía dixital.
22/09/202018:09
Cartel da iniciativa.
Vigo

Chegan uns novos premios galegos para apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres: os GirlGeekCovid

A Universidade de Vigo informou este martes 22 da convocatoria duns novos galardóns directamente encamiñados a “incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres”. Ou sexa, os estudos relacionados coas ciencias, as tecnoloxías, as enxeñarías e as matemáticas. Trátase dos galardóns GirlGeekCovid, convocados ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsaron no seu día a Universidade de Vigo e máis a Deputación de Pontevedra. A iniciativa pon o foco nunha das grandes eivas do noso tempo: a baixa presenza de rapazas nos estudos tecnolóxicos, unha cifra que se reduce co paso dos anos.

De feito, segundo o Observatorio da Igualdade da UVigo publicado este mes, as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total de estudantes matriculados. Para facer fronte a esta situación e fomentar a presenza de mulleres no eido científico e tecnolóxico, a Universidade de Vigo conta con varias iniciativas como as xornadas Elas fan CienTec ou Exxperimenta en Feminino, ao tempo que colabora cos institutos que imparten o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach. A estas propostas agora súmanse os Premios GirlGeekCovid, destinados ás alumnas da UVigo matriculadas nalgunha das titulacións STEM nos Campus de Vigo e Pontevedra. Ten como obxectivo incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas con dous galardóns de 2000€ e dous accésits de 1000€ para as que teñan mellor expediente e maior motivación. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou ás estudantes a presentarse a estes premios “porque as rapazas máis novas necesitan referentes femininos que lles expliquen a importancia de cursar estas carreiras, que lles reafirmen que unha nena pode estudar o que ela queira, e o relevante que é para a sociedade actual poder contar co talento e co coñecemento das mulleres”. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, remarcou que “o firme compromiso da Presidencia da Deputación e da nosa Universidade está posibilitando impulsar e reforzar as oportunidades para que as mozas opten e permanezan formándose no ámbito STEM, tan estratéxico na actualidade”.

Dous premios de 2000€ e dous accésits de 1000€

Segundo explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo Águeda Gómez, “estes premios nacen co fin de reforzar e apoiar as vocacións STEM das mozas da nosa Universidade e está na liña marcada por esta cátedra co fin último e incorporar ás mulleres ao mundo dixital e acabar co machismo e o sexismo dixital, máis aínda neste tempo de COVID-19 onde o ámbito dixital resulta fundamental en todos os ámbitos da nosa vida social, laboral e persoal”. Os premios recoñecerán o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM. Así, poderán presentarse as mulleres matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2020/2021 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado das ramas de Enxeñaría ou Ciencias dos Campus de Pontevedra e Vigo. O prazo de presentación das solicitudes remata o 16 de outubro. A convocatoria contempla que se outorgará un primeiro premio de 2.000€ e un accésit de 1.000€ en cada eido do coñecemento (Ciencias e Enxeñaría). O xurado valorará tanto o expediente académico como a motivación das mozas.

22/09/202017:09
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O programa AceleraTech para facilitar a inmersión tecnolóxica das pemes mantén aberto o prazo de inscrición ata o 1 de outubro

  • AceleraTech é unha iniciativa formativa para facilitar ao persoal directivo das pemes o achegamento ás tecnoloxías disruptivas que marcarán a vindeira década
  • O programa será impartido pola Escola de Negocios da Fundación Abanca IESIDE
Responsables de Amtega e IESIDE presentaron esta mañá o Programa formativo “AceleraTech, impulsando a transición dixital”, que comezará en outubro. É unha iniciativa formativa que ofrece ás pemes galegas, especialmente ao seu persoal directivo, a posibilidade de achegarse ás tecnoloxías disruptivas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para integralas na súa estratexia, estrutura e modelo de negocio. 
 
No encontro de hoxe o docente do curso, Álvaro Gómez Vieites, avanzou as vantaxes das tecnoloxías disruptivas para o tecido empresarial co relatorio “Transformación Dixital, xestión do cambio cultural, e o impacto de Big Data, IoT, Blockchain e a IA na transformación dos negocios”
 

Programa específico para persoal directivo

O programa está especialmente dirixido a xerentes e propietarias/os de empresas, xa que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas.
 
As prazas para participar no programa “AceleraTech” son limitadas e os interesadas poderán preinscribirse no seguinte enlace ata o día 1 de outubro https://cdtic.xunta.gal/aceleratech2020. De entre as solicitudes recibidas, a Amtega seleccionará a 25 directivos para asistir ás sesións formativas.
 

Sesións formativas do AceleraTech

O programa desenvolverase a partir de outubro en colaboración con IESIDE e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un taller final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos:
  • A competencia na era dos negocios dixitais
  • Big data, data science e intelixencia artificial
  • Internet of the things e 5Gg
  • Blockchain
  • Ciberseguridade
  • Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®
Cómpre destacar que a sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.
21/09/202014:09
Videoconferencia de tecnólogas galegas.
Pontevedra

As tecnólogas galegas fan un chamamento a romper estereotipos profesionais e formarnos en ciberseguridade

Entre as moitas actividades de interese (boa parte delas virtuais) do programa da nova edición da feira de emprendemento Pont-Up Store, organizada polo Campus (Campus Crea) e o Concello de Pontevedra, figurou unha charla baixo unha óptica feminina que contou coa participación de media ducia de expertas galegas en ciberseguridade. A sesión, moderada por Ramón Suárez, director executivo de iVigo Business Space, abriuse derrubando os falsos estereotipos sobre o perfil das persoas que se adican a traballar en contornas tecnolóxicas e que acaba por xerar (este perfil erróneo) un déficit de mulleres nas disciplinas relacionadas co mundo das telecomunicacións e outras carreiras tecnolóxicas.

Todas elas coincidiron na urxencia de tirar abaixo estes prexuízos e recordar a longa, diversa e completa variedade de perfís profesionais que atesoura o ámbito TIC, moi afastada do modelo único, predominantemente masculino e predominantemente desconectado da realidade, que os medios e a cultura de masas veñen impoñendo dende hai décadas. Tamén xuntaron forzas para salientar a importancia de mostrar ao tecido social como coidar a súa privacidade. A sesión serviu para clausurar, no mediodía do sábado 19, despois de tres días de actividades formativas en liña que foron seguidas por máis de 12 mil persoas (e que seguirán dispoñibles na web e as redes do encontro), a edición da feira pontevedresa Pont-Up Store máis dixital da historia do evento. Susana Rey, enxeñeira Teleco, experta en Ciberseguridade e delegada de Protección de Datos (DPO) no Grupo Euskaltel, Virgin Telco, R e Telecable, asegurou que “os estereotipos de xénero son roles que transmitimos ás crianzas e que acaban por limitar non só as expectativas das nenas, senón as de toda a sociedade, porque necesitamos equipos o máis diversos posible e se perdemos a visión dun 50% do mundo, quedamos a un 50% de facelo ben”. Segundo dixo, “necesitamos que as nenas xoguen con princesiñas hackers”.

Na palestra tamén se abordou o propio estereotipo da hacker para explicar que se trata de profesionais que, ao contrario do que a maioría da poboación imaxina, non son piratas informáticas, senón expertas no manexo de computadoras, que se ocupan de poñer a proba os sistemas informáticos das empresas emulando o ataque de ciberdelincuentes para encontrar fallos de seguridade que podan supoñer unha ameaza e acompañalos para resolvelos. A este respecto, Olalla Sánchez, enxeñeira Teleco, hacker ética e consultora de ciberseguridade, advertiu de que “nunha sociedade cada vez máis conectada e con millóns de móbiles activos, o cibermundo volveuse máis inseguro ca nunca”. Entre as múltiples ameazas que podemos sufrir, Sánchez destacou os fraudes online e explicou que “poderían reducirse en grande parte fomentando a concienciación e a formación das persoas usuarias, un tema de vital importancia para un futuro que xa está aquí e que se vai acelerar aínda máis a causa dos efectos da pandemia”.

Pilar Vila, enxeñeira Informática, CEO cofundadora de Forensic & Security, opina que “é certo que as organizacións son cada vez máis conscientes da necesidade de investir en ciberseguridade, pero non é suficiente; hai que investir máis en formar ás persoas que integran os equipos”. Na palestra lembrouse que “todo dispositivo conectado a unha rede é vulnerable”, e a mellor forma de protexerse fronte aos ciberataques é seguir unhas mínimas normas de funcionamento dixital que a maioría da poboación descoñece ou non practica. Sobre este problema, Susana Rey advertiu de que “temos unha xeración de orfos dixitais que se están introducindo no ciberespazo sen que ninguén saiba ensinarlles as normas básicas”. Olalla Sánchez, engadiu que “nenas e nenos teñen que estar guiados e vixiados, igual que non os deixamos sós na rúa, tampouco podemos deixar que vaian sós por Internet, e formalos no tema da privacidade é fundamental”. Pola súa banda, Sara Suárez Gonzalo, investigadora en datos masivos (Big Data), privacidade, Intelixencia Artificial e algoritmia, usou os termos “civismo dixital” para referirse á necesidade de que a sociedade aprenda a comportarse en Internet; e asegurou que “é necesario fomentar a participación de toda a sociedade na creación e mellora da tecnoloxía, que non pode ficar en mans dunhas poucas persoas expertas”. Neste mesmo sentido, Pilar Vila advertiu de que “se non empezamos a educar en competencias dixitais, imos asistir en pouco tempo a discriminacións sociais moi fortes para as persoas que queden fóra dun mundo que cada día nos vai esixir máis manexo de tecnoloxía”.

Lilian Adkinson, enxeñeira Teleco e responsable de Analítica en Seguridade e Privacidade en Gradiant, explicou que “a demanda destes perfís é maior cada día, pero que está resultando difícil encontrar profesionais con formación específica para incorporalos ás empresas e aos equipos de investigación, sobre todo en Europa”. Neste momento, segundo aclarou Pilar Vila “os 4 ou 5 xigantes que manexan o mercado do Big Data e que fan parte do denominado capitalismo da vídeo-vixilancia, están en Estados Unidos, o que supón unha importante preocupación para a Unión Europea”.

20/09/202010:09
Unha muller con dous nenos pequenos nun sofá mirando unha tableta.
Santiago de Compostela

Máis do 88% dos fogares galegos teñen internet contratado, unha porcentaxe que ascende ao 99% se conviven nenos en idade escolar

  • No último ano os fogares que dispoñen de velocidades de máis de 100 Mbps incrementáronse en máis dun 81%
  • Mellora a converxencia territorial, cun crecemento de 10 puntos na contratación nos núcleos de menos de 5.000 habitantes, o que os sitúa no 79% de fogares con internet
  • Aumenta preto dun 7% a porcentaxe de galegos que usa internet, que acada o 85,6%
  • A franxa de idade que experimenta unha maior progresión no uso da rede é a dos galegos de máis 65 anos, que pasan dun 35% no 2018 a preto do 47% no 2019
  • Máis do 70% dos galegos que accederon á rede empregaron a administración dixital, case 17 puntos por riba da media estatal
  • O 88,1% dos fogares galegos ten un servizo de internet contratado, segundo se recolle no estudo “A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2019”. Esta porcentaxe supón un incremento dun 11,9% respecto ao ano 2016. No mesmo período, Galicia presenta un ascenso superior ao observado a nivel europeo (5,9%) e moi semellante ao crecemento da media estatal (11,6%).

Cómpre destacar como a convivencia con nenos eleva, considerablemente, a porcentaxe de contratación de internet. O 99% dos fogares con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria teñen internet contratado mentres que nos fogares sen menores de 6 a 16 anos a porcentaxe descende ata o 84,7%.

O informe, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito a Amtega, amosa que o crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a porcentaxe de fogares con servizo de internet sitúase no 79%, fronte ao 69,7% de 2018.

Máis velocidade

Máis da metade dos fogares galegos (51%) que ten contratado Internet, conta cunha conexión á Rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 6% respecto ao ano anterior, amosando a rápida evolución na velocidade dispoñible. Así se recolle no estudo que destaca, tamén, o incremento do 81,7%, experimentado pola porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior aos 100 Mbps no último ano, situándose no 23,8%.

Máis uso de internet

Respecto á utilización de Internet, a porcentaxe de usuarios incrementouse un 6,9% respecto ao resultado do ano 2018 e sitúase no 85,6%. No caso de convivencia con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria a porcentaxe de uso de internet ascende ao 95,8%

No período 2016-2019, a evolución de persoas que utilizaron Internet nos tres últimos meses en Galicia foi dun 15,7% dende o ano 2016, fronte ao 12,5% do conxunto de España e o 4,9% da Unión Europea. Entre os galegos/as que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 85,6% faino a diario e un 11,6% todas as semanas, que sitúan a Galicia cuns datos moi semellantes -mesmo un pouco por riba- da media estatal.

O uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat analizados. É de salientar que nos concellos de menos de 5.000 habitantes experimentouse a maior suba do indicador desde o pasado ano (11,9 puntos porcentuais). Deste xeito preto do 74% das persoas que residen nestes municipios utilizaron Internet nos últimos tres meses. 

eAdministración

No referente á administración electrónica, en 2019 o 70,6% dos internautas galegos interactuaron coas AAPP a través de Internet nos últimos doce meses para obter información, o que supón un incremento do 6,5% no último ano. No conxunto do Estado este indicador sitúase no 53,7%.

Ademais, o 66,8% das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses e realizaron xestións coa Administración, tamén enviaron formularios cumprimentados a través da Rede. O tipo de interacción coas AAPP que máis se incrementou o último ano foi a descarga de documentos xerados polas propias administracións a petición dos cidadáns, que experimentou un crecemento do 44,4% e sitúase no 52%.

Factores Determinantes

Con independencia do indicador que se estea a analizar, atópase un denominador común: a influencia de determinados factores e características socio-demográficas na implantación e evolución das TIC en Galicia. Os factores que inciden máis intensamente nos indicadores TIC analizados son a idade, o nivel de estudos, a renda familiar e o tamaño do hábitat.

A menor idade, maior uso da Internet, acadando niveis de uso practicamente universais nas idades máis temperás. A comparativa entre Galicia e España amosa que, ata os 44 anos, Galicia converxe coa media estatal e mesmo a supera lixeiramente entre os 16 e os 34 anos.

Estudantes, ocupados e persoas con nivel formativo secundario ou máis alto son os colectivos que máis utilizaron Internet nos últimos tres meses.

Os fogares situados nos hábitats máis poboados acadan porcentaxes superiores de contratación de Internet; situándose por riba do 90% nos concellos de máis de 20.000 habitantes.

O número de persoas no fogar novamente afecta de maneira positiva á contratación de Internet, superando o 98,6% de fogares con Internet contratado nas vivendas de 4 membros.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: informe completo

19/09/202014:09
Presentación de EduCovid.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha a plataforma Educovid para facilitar e axilizar a xestión de casos vinculados a centros educativos

  • Conecta telematicamente a Central de Seguimento de Contactos cos colexios, informando de positivos aos equipos covid dos centros e da activación do protocolo sanitario
  • Facilitará a identificación dos grupos de convivencia escolar dun positivo e a comunicación online a Sanidade dos contactos estreitos para axilizar as tarefas de rastrexo
  • Os equipos covid dos centros de toda Galicia participaron onte nun webinario sobre os protocolos a seguir

A plataforma Educovid, deseñada pola Xunta de Galicia como canle de comunicación interna entre os centros escolares e a administración sanitaria para a xestión de casos no eido escolar, está xa plenamente operativa, logo da sesión informativa e formativa para equipos covid dos centros escolares, que tivo lugar onte, na que interviñeron técnicos das consellerías de Educación e de Sanidade, así como da Amtega.

A plataforma telemática Educovid, -tal como establece o Protocolo de inicio de curso- é unha ferramenta que se pon a disposición dos centros escolares para facilitar e axilizar a xestión de casos da covid-19 vinculados á comunidade educativa. É, por tanto, unha canle telemática de comunicación entre os centros educativos e a Central de Seguimento de Contactos (CSC) que permite xerar alertas de positivos e activar o protocolo sanitario. Toda a información rexistrada nesta plataforma será accesible para o persoal sanitario determinado pola administración sanitaria, e estará disposición da CSC para que poidan tomar as decisións que correspondan para cada caso e realizar rastrexos.

No día de onte, representantes das Consellerías de Cultura, Educación Universidade, de Sanidade e da Amtega participaron nun webinario para informar aos equipos covid dos centros educativos de toda Galicia sobre os protocolos de actuación e o uso da aplicación ante confirmación de positivos entre alumnos ou profesores. En concreto, aos integrantes dos equipos covid dos centros proporcionóuselles instrucións precisas sobre a información que deben cargar na plataforma, así como sobre a normativa de protección de datos que se debe cumprir no que atinxe aos fluxos de información.

Cómpre lembrar que cada centro educativo conta cun equipo covid (que suman arredor dunhas 4.000 persoas en toda Galicia), que actúa como referente para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias en todos os asuntos relacionados coa pandemia; e é tamén o enlace entre o centro e a administración sanitaria.

Funcionamento de EduCovid

Cando un profesional ou alumno resulte positivo nunha proba PCR, os técnicos da Central de Seguimento de Contactos accederán a EduCovid, onde poden buscar o centro educativo ao que pertencen e rexistrar unha solicitude dos contactos próximos dese positivo.

Os membros do equipo covid do centro educativo, que previamente se rexistraron na aplicación, reciben o aviso nos seus dispositivos móbiles, visualizan ese expediente de petición de contactos do alumno ou profesor e acceden aos grupos de convivencia que suxire o sistema (alumnos e profesores do mesmo grupo, alumnado e persoas que comparten comedor, alumnado e persoas que comparten transporte...).

A partir de aí o centro educativo seguirá as instrucións da CSC e engadirá ou eliminará contactos desas listaxes. Unha vez finalizado ese proceso, o sistema remite a información dos contactos solicitados aos técnicos da Central de Seguimento de Casos que contactan con eles e adoptan as medidas sanitarias oportunas.

18/09/202021:09
Foto dunha edición anterior da XGN R Encounter.
Santiago de Compostela

A vindeira edición de XGN R Encounter será virtual

XGN R Encounter, a meirande LAN party de Galicia, celebrarase en liña os días 10 e 11 de outubro. Non faltará así á súa cita anual coa informática e as novas tecnoloxías, aínda que adaptará o seu formato á actual situación derivada da COVID-19, que non aconsella desenvolvela de forma presencial.

Así, esta edición número vinte contará con 1.080 prazas virtuais para aqueles que queiran participar na party, para os cales a organización creou un evento no que poderán inscribirse de forma gratuíta. O día 22 de setembro abriranse as preinscricións na web do evento, mentres que o día 25 de setembro realizaranse as reservas definitivas.

Esta edición contará cun amplo programa de actividades para os inscritos, do mesmo xeito que nas pasadas citas na chamada Intranet, o cal incluirá durante os dous días actividades formativas e lúdicas, ademais de competicións de videoxogos e arte dixital. Todas elas realizaranse a través de internet.

Ademais, a denominada Extranet, que é a zona da party aberta ao público, converterase tamén nunha área virtual con multitude de propostas.

Moitas das actividades, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, retransmitiranse e comentaranse nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través de Twitch.

18/09/202018:09
Logo da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
Santiago de Compostela

O CPEIG convoca a undécima edición do premio ao mellor proxecto de fin de carreira e mestrado

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocou a undécima edición do Premio Proxecto Fin de Carreira e Mestrado en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser “un estímulo para os estudantes e recentemente titulados ou mestrados en Enxeñaría en Informática”. Entregarase na duodécima edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 30 de outubro en Santiago.

Tal e como se recolle nas bases do devandito premio, “poden concorrer a el todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Mestrado en Enxeñaría Informática nos anos 2018, 2019 e 2020. Aqueles estudantes que queiran optar ao galardón do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 3 de outubro ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.galAs bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal do colexio.

Mediante a organización deste premio, o CPEIG busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de afiliación de balde e a asistir gratuitamente á Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador. A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que, como dixemos, o colexio organizará o día 30 de outubro en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS