O vindeiro sábado 26 de setembro vaise celebrar en formato online a edición 2020 do evento FLISoL A Coruña, un encontro directamente encamiñado a mostrar achados e contribucións en materia de software libre e a deixar espazo aberto, sen atrancos, para o intercambio de recursos e coñecemento. A xornada contará con diferentes charlas relacionadas co mundo do software libre e a cultura sen cancelas. Segundo fai saber a organización, achegarase a máxima interactividade cos internautas, que poderán enviar preguntas e comentarios aos participantes nas charlas a través de chats e audio-conferencias.
O FLISoL é o evento de difusión de software libre máis referencial no ámbito latinoamericano e está dirixido a un amplo abano de destinatarios (estudantes, académicos, empresarios, traballadores, funcionarios públicos, seareiros dos programas e das tecnoloxías libres, etc), abranguendo dende expertos avanzados en programación até usuarios con niveis básicos de coñecemento informático. O FLISoL, no que podemos participar de xeito gratuíto, ten a finalidade de impulsar o software libre, dando a coñecer ao público, segundo reflicte o portal Mancomún, “a súa filosofía, alcances, avances e desenvolvemento”.
Nas charlas previstas para esta edición falarase, entre outras, das seguintes cuestións:
O Concello da Guarda vén de informar de que o vindeiro luns día 21 de setembro arrancan os novos cursos de informática na aula CeMIT local. Nesta edición contarase con varios obradoiros que axudarán á cidadanía a obter capacitación tecnolóxica para tirar proveito das novas ferramentas no seu día a día. Nun plano máis concreto, aprenderán a usar un computador, a navegar por Internet, a facer e xestionar documentos de texto e a tirar proveito dun teléfono intelixente.
Estes son, máis en detalle, os cursos incluídos:
Horarios dos cursos:
Segundo engadiu o Concello, por mor das restricións e os protocolos pola pandemia da COVID-19 o aforo de cada obradoiro será limitado, sendo obrigatorio o uso de máscaras de protección, xel desinfectante e manter a hixiene de mans. As inscricións están abertas chamando ao 986 611 580 ou de xeito presencial no Centro Cultural da Guarda.
O proxecto da Cidade das TIC, a gran iniciativa institucional e empresarial para converter a Fábrica de Armas da Coruña nun gran complexo de innovación arredor do coñecemento tecnolóxico (un centro referencial que sitúe a Galicia na zona máis activa do mundo dixital), vai recibir un importante pulo da man do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que anunciou este luns que incluirá o proxecto nos galardóns da súa 12 Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Concretamente entregaralle o Premio Grandes Proxectos TIC.
A distinción recaerá no máis que completo equipo de entidades, institucións e organizacións empresariais que impulsan a devandita transformación da Fábrica de Armas: a Universidade da Coruña (UDC) e o Clúster TIC de Galicia, coa colaboración do Goberno central, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. A gala celebrarase o 30 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.
Segundo explica a xunta de goberno do CPEIG, esta distinción premia concretamente a iniciativa, pero asegura que “é satisfactorio ver como distintas administracións, de distintos ámbitos, póñense de acordo nun proxecto de país, que demostra a importancia que cobran as TIC nos nosos días”. O presidente do colexio profesional, Fernando Suárez, lembra que xa no seu discurso institucional da Noite de 2019 facía referencia a que “esta unión é a única forma de avanzar, colaborando para ser máis fortes, aproveitando sinerxías e compartindo información e recursos”. Nesta liña, Fernando Suárez asegura que as e os profesionais da Enxeñaría en Informática comparten a profesión “máis social que existe”, porque están obrigadas e obrigados a entenderse con expertos de todos os ámbitos. “Fuximos das actitudes excluíntes doutros colectivos e apostamos pola unión, da que a Noite é referencia e que se ve levada ao seu máximo expoñente neste premio”, salienta, engadindo que “na ecuación da Sociedade da Información, a tecnoloxía é tan só un compoñente, o outro, e sen dúbida o máis importante, son as persoas”, e recalca que “o futuro non é un asunto unicamente tecnolóxico, tamén é cuestión de actitude e de talento, de curiosidade, de vocación por probalo todo, de inquietude e de ganas de mellorar”. Segundo fai saber a respecto do proxecto premiado e dos porqués da devandita distinción, “a filosofía da Cidade das TIC céntrase na economía do coñecemento, onde os recursos máis importantes son as persoas e o talento, que podemos educar e atraer ao noso país para medrar máis, crear mellores postos de traballo e unha mellor calidade de vida para todos”.
Segundo lembra o CPEIG, a Cidade das TIC será un espazo de encontro entre empresas e Universidade, de instalación de startups tecnolóxicas e un punto de apoio para o investimento tecnolóxico en Galicia. “Trátase dun proxecto ambicioso, sustentado pola puxanza do sector TIC galego e o seu alto crecemento nos últimos anos, que busca converterse nun dos centros neurálxicos da innovación e o negocio tecnolóxico en Galicia, a través dun modelo que permita a todos os axentes implicados compartir experiencias e coñecemento empresarial das compañías socias e os seus partners, sempre co apoio do ecosistema de investigación da UDC e do sistema universitario galego en xeral, constituíndo un escaparate único para a tecnoloxía made in Galicia”.
O pasado 18 de febreiro asinouse a cesión da Fábrica de Armas, situada no barrio coruñés de Pedralonga, entre o Ministerio de Defensa e a UDC. Este convenio permitirá reconverter a Fábrica de Armas nun polo tecnolóxico único en Galicia. E o pasado xoves, 25 de xuño, aprobouse no Consello da Xunta, unha achega de 4,82 millóns de euros ao proxecto do primeiro dos edificios da Cidade das TIC, o Centro de Fabricación Avanzada, que entrará en funcionamento nun prazo de dous anos logo de que o Concello da Coruña habilite e urbanice os accesos.
Segundo datos do Clúster TIC, o 55 por cento de todos os empregos xerados polo sector das novas tecnoloxías proceden da provincia da Coruña, e a súa maior parte da área metropolitana da Coruña (A Coruña, Abegondo, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Sada e Oleiros), onde hai situadas actualmente 505 firmas vinculadas á nova economía, que suman máis de 7.700 empregos e unha facturación conxunta de 1.097.105.597 euros.
O CPEIG tamén quere destacar que “o proxecto inclúe un parque empresarial, infraestruturas de servizos e investigación compartida e centros tecnolóxicos TIC”. Os contidos iniciais da Cidade das TIC, engade a entidade, “pasan pola dinamización da infraestrutura actual dun centro de fabricación avanzada, unha instalación na Fábrica de Armas de 4.000 metros cadrados que reúna servizos de alto valor engadido, que actualmente non están dispoñibles de forma sinxela a todas as empresas do ecosistema de Galicia, tanto a nivel tecnolóxico como industrial”.
Nesta primeira fase, hoxe en definición, crearanse neste centro unha serie de infraestruturas con equipamento propio, denominadas Labs, con financiamento da Xunta e baixo a responsabilidade da UDC e o Clúster TIC, que darán servizos a todas as empresas demandantes, con independencia do seu sector e tamaño. Segundo lembra o CPEIG, o centro terá cinco liñas innovadoras: dispositivos intelixentes, tecnoloxía multimedia, Intelixencia Artificial, computación cuántica e Internet das Cousas. En cada unha haberá demostracións, produtos funcionando e un servizo de prototipado.
Tras esta fase inicial, acometeranse outras accións programadas, como o aloxamento específico para empresas e institucións nos terreos da Cidade das TIC.
A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizan unha serie de mesas de diálogo para analizar o impacto da automatización e a dixitalización nos diferentes sectores económicos de Galicia. Buscan así favorecer a achega de propostas compartidas que contribúan a reactivar a actividade económica, nun contexto no que os procesos produtivos impulsados polas novas tecnoloxías están a cobrar aínda máis relevancia debido ás consecuencias da pandemia da covid-19.
A partir do próximo mércores 16 dan inicio as cinco mesas programadas, que se desenvolverán mediante encontros en liña nos que organizacións empresarias representativas de trece sectores económicos galegos exporán a situación dos procesos de dixitalización e automatización a día de hoxe no seu ramo de actividade. Estarán moderadas por representantes do Igape e da USC e durante cada unha, os participantes poderán enviar preguntas á persoa moderadora.
A primeira das mesas contará coa presenza de representantes dos clústeres galegos das TIC, da moda (Cointega), da función loxística e o alimentario. A sesión do seguinte día, o xoves 17, estará dedicada ao sector audiovisual, a comunicación e o turismo e serán os clústeres respectivos os que aborden a dixitalización e a automatización nos seus ámbitos produtivos.
As seguintes sesións terán lugar os días 23, 24 e 30 de setembro, e nelas participarán organizacións empresariais dos eidos da pesca e a acuicultura; a saúde e as ciencias da vida –neste caso sumarase tamén o Hub de Innovación Dixital Data Life-; así como dos sectores do granito, a lousa e a madeira. Os interesados poden consultar os programas de cada unha das mesas e inscribirse nesta ligazón.
Estas iniciativas enmárcanse no convenio de colaboración subscrito entre o Igape e a universidade compostelá o pasado mes de febreiro coa fin de analizar e facer un seguimento do impacto da automatización na economía galega, e que afianza o protocolo asinado en 2018. O convenio prevé a realización dun estudo sobre as posibilidades de implantación deste proceso tecnolóxico nos sectores produtivos e un informe económico e xurídico sobre as políticas e o estado normativo relacionados, ademais de propostas de actuación que axuden a afrontar os retos existentes e emerxentes.
Nese sentido, a Xunta segue a desenvolver as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación económica activado para afrontar as consecuencias económicas da covid-19, que inclúen programas para fomentar a implantación das novas tecnoloxías e a fábrica intelixente e o impulso do teletraballo, especialmente nas pemes galegas.
A edición deste ano da feira de emprendemento pontevedresa Pont-Up Store, organizada polo Campus local (Campus Crea) co Concello como patrocinador principal, vén cun completo programa de actividades formativas virtuais: un total de 14 coloquios e seminarios que se van desenvolver a vindeira semana a través da Rede, algúns dos cales tocarán de cheo as vantaxes da dixitalización ou as posibilidades de emprendemento dos videoxogos. Polo que respecta á axenda de actividades presenciais prevista, por mor da inclusión de Pontevedra dentro das zonas con especiais restricións pola COVID-19 serán obxecto de aprazamento á espera de que se normalice a situación sanitaria.
Polo tanto, a instalación na praza de España dunha carpa na que preto de 40 empresas ían dar a coñecer os seus produtos e servizos e na que se ían desenvolver outra serie de actividades “levarase a cabo cando a situación sanitaria o permita”, explicaron os organizadores este xoves na cidade do Lérez ante os medios. Lembrando o lema desta edición, “unha etapa no camiño de emprender”, o director do Pont-Up Store, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, sinalou que “o camiño continúa” e que a parte presencial do evento levarase a cabo “canto antes poidamos”. No que atinxe á vertente formativa, que no seu 80% ou 90% xa fora concibida con formato online (ou reconverteuse rapidamente), levarase a cabo entre o xoves e o sábado da semana que vén, incluíndo 14 obradoiros, coloquios e seminarios, que achegarán “unha formación moi necesaria neste momento” sobre como adaptar as actividades empresariais ao contexto xerado pola pandemia.
Segundo explicaron os organizadores, a sétima edición do Pont-Up Store ten como gran novidade a incorporación dun espazo dirixido a promover a internacionalización das empresas, no que se agrupan tres obradoiros en liña organizados pola entidade Ticket2Europe, encamiñados a achegar as experiencias de emprendedores e emprendedoras doutros países e a amosar como facer fronte aos medos á hora de emprender no estranxeiro e a como construír redes de alianzas internacionais. Por outra banda, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e Economía Social, inclúense actividades como un seminario que desde o luns promove AJE-Pontevedra, centrado en axudar ás e aos emprendedores a facer fronte á nova situación xerada pola pandemia, baixo o título de Como deseñar a vacina para frear os efectos da COVID-19 no teu negocio utilizando metodoloxía design thinking.
Amais, o grupo WordPress Pontevedra ofrecerá, na tarde do venres, un encontro sobre dixitalización, tecnoloxía e mercadotecnia online, no que expertos e expertas nestas áreas abordarán como levar a cabo a transformación á que se viron obrigadas moitas empresas por mor da pandemia. Neste bloque agrúpanse así mesmo un obradoiro sobre seguridade informática e un seminario sobre marketing dixital.
No Espazo de Igualdade do evento reúnense nesta edición dúas actividades, unha mesa redonda con hackers éticas galegas, expertas en ciberseguridade, o sábado; e un coloquio, o xoves, sobre como a pandemia está afectando á visualización laboral das mulleres, no que intervirán seis emprendedoras participantes en anteriores edicións do Pont-Up Store.
No que atinxe ao recanto centrado nos videoxogos, o Espazo Gaming, fornecerá de tres charlas divulgativas na tarde do venres, organizadas por SPA-cc/HobbyPont e dirixidas a dar a coñecer experiencias de emprendemento neste eido. Por último, dentro do Espazo de Innovación Social, agrúpanse iniciativas como un encontro de iniciativas empresariais impulsadas no rural galego, coordinado por Espazo Arroelo, ou un coloquio sobre emprendemento social.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vai intensificar a actividade para favorecer a transformación tecnolóxica das empresas: unha adaptación ás novas demandas e realidades dixitais en boa medida aceleradas pola actual situación sanitaria. E farao a través do programa formativo Aceleratech, impulsando a transición dixital, no que se poderán inscribir as pemes da nosa terra até o 1 de outubro. O seu obxectivo é ofrecer ás pequenas e medianas empresas, poñendo o foco no persoal directiva, a posibilidade de achegar ás máis destacadas, evolutivas e innovadoras ferramentas actuais.
As prazas para participar neste programa formativo son limitadas. Deste xeito, as persoas interesadas poderán preinscribirse ata o día 1 de outubro na ligazón específica habilitada na web do CDTIC. De entre as solicitudes recibidas, a AMTEGA seleccionará a 25 directivos para asistir ás sesións formativas.
O programa desenvolverase a partir de outubro e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un obradoiro final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos: A competencia na era dos negocios dixitais; Big Data, Data Science e Intelixencia Artificial; Internet of Things e 5Gg; Blockchain; Ciberseguridade; Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®.
A axencia salienta que a sesión de ciberseguridade enmárcase nas iniciativas do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.
Comezan as clases para a meirande parte dos escolares da nosa terra (este xoves) e as incógnitas sobre como se vai desenvolver o curso son tan grandes, nesta complexa situación marcada pola COVID, que é difícil saber por onde comezar. No longo paquete de incertezas tamén hai unhas cantas cuestións tecnolóxicas relevantes, entre outras cousas porque está claro que as TIC terán este ano un papel máis relevante aínda có ano pasado. Para axudarnos a clarificalas, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de achegar unha serie de consellos para axudar aos pais, nais, titores e docentes a “faceren unha transición máis doada”. E mais, apunta a entidade que preside Fernando Suárez, “tendo en conta o gran papel que cumpre a informática nestes tempos de pandemia na educación dos menores, e presumindo que a formación online pode ter unha presenza destacada no contexto actual marcado pola COVID-19”.
Para comezar, o CPEIG explica que “é importante dispoñer dun equipo informático axeitado para estudantes, pais ou titores e docentes, aínda que todos deben estar preparados para os problemas tecnolóxicos que trae consigo á volta ao cole”. Os casos máis frecuentes, apunta o colectivo profesional, “poden ser problemas coa temperatura do terminal, fallos de conexión Wi-Fi, a pouca duración da batería do portátil, o almacenamento do ordenador e os problemas á hora de enviar arquivos pesados”. Para evitar o sobrequecemento da máquina, o CPEIG sinala que “é preciso manter limpo e libre de obstáculos o sistema de ventilación, detectar que funciona correctamente e entender que programas están mellor ou peor adaptados ás especificacións do seu ordenador”.
Por outra banda, o colexio lembra que son moitos os usuarios que se queixan de problemas de conexión que fan que a educación a distancia sexa imposible, malia ter contratado un acceso a Internet óptimo. Para emendalo, “pódese buscar unha localización mellor na casa que estea máis próximo ao router, usar puntos de acceso ou repetidores, ou recorrer a unha conexión por cable”, explican os expertos do CPEIG, poñendo o foco noutro problema relevante: a escasa autonomía dos portátiles, que se poden resentir por condicionantes como un uso intensivo ou unha inadecuada configuración da xestión de enerxía, un “grave problema que lle pode xurdir ao estudante especialmente se a batería se esgota durante unha clase importante ou un exame”. Segundo sinala o CPEIG, uns trucos sinxelos son “cambiar a configuración de enerxía do portátil, manter abertos só os programas que se estean usando ou reducir o brillo da pantalla”.
O colexio recorda que o almacenamento tamén é un cabalo de batalla no que “se debe traballar para mellorar o manexo de documentos e arquivos do ordenador e ter espazo libre”. A este respecto, os informáticos lembran que “existen solucións que van desde a eliminación de arquivos prescindibles e a desinstalación de aqueles programas aos que non se lles dá un uso frecuente, ata a incorporación dunha unidade de almacenamento externo que poida garantir un espazo extra”.
Por último, o CPEIG destaca que moitos pais soen queixarse da dificultade para enviar arquivos por email a raíz das limitacións de espazo que moitas plataformas de correo electrónico impoñen á hora de adxuntar elementos. O CPEIG propón como solución útil recorrer a servizos de almacenamento na nube, con opcións de balde como WeTransfer, Dropbox, Google Drive, OneDrive ou iCloud.
Outro aspecto non menos importante á hora de volver ao cole é a cuestión da privacidade. O CPEIG ofrece unha serie de consellos para pais, profesores e centros educativos para que fagan un esforzo na protección dos menores: “Deben ter un especial coidado coa publicación de fotografías, vídeos ou audios de rapaces, e deben pensar no contido dese arquivo antes de compartilo”. Un punto destacado a ter en conta é a imaxe. O CPEIG sinala que os familiares que tomen fotografías nun evento do centro educativo, tales como festas, actividades deportivas, funcións de teatro, etc., “só poden facer uso delas no seu ámbito persoal e doméstico, e non compartilas nin publicalas en aberto nas redes sociais”. Ademais, cando os centros queiran utilizar datos persoais dos alumnos cunha finalidade distinta á educativa, como o uso de imaxes para publicidade ou promoción en redes sociais, “deberán informar aos pais ou titores, ou aos propios alumnos se estes son maiores de 14 anos, e solicitarlles o consentimento”.
Por outra banda, os centros educativos e profesores “deben prestar atención ás novas tecnoloxías que utilizan no desenvolvemento das súas labores educativas e na súa organización”. O CPEIG explica que algunhas apps e servizos na nube “poden non proporcionar a seguridade necesaria ou tratar os datos dos menores para crear perfís de aprendizaxe, preferencias ou comportamento”. E engade: “Os profesores só deben utilizar aplicacións que ofrezan a suficiente seguridade e estean supervisadas polo centro e informar aos pais ou titores. Por iso deben comunicarse preferiblemente con centro educativo a través das plataformas e medios proporcionados”.
Este 9 de setembro ás 18.00 horas inaugúrase en Vigo, no Museo MARCO, a exposición virtual A historia dos videoxogos en 360º. Creada pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia para a Fundación Carlos Casares, no marco das II Xornadas Videoxogo e Literatura, é, segundo indican estas dúas entidades, a primeira mostra virtual de videoxogos que se organiza na nosa terra. Nela explórase o medio século de historia que vai cumprindo sector do lecer interactivo.
O seu punto de orixe está na pegada imprimida polo lecer interactivo nas últimas décadas, unha breve pero intensa de historia de produtos tecnolóxicos que foron quen de chegar a millóns de persoas e exercer un impacto maiúsculo a nivel sociocultural. En palabras das ditas fundacións, “a historia do videoxogo é unha historia apaixonante que combina os ingredientes dos produtos tecnolóxicos máis avanzados coa creatividade e o empeño dos creadores, deseñadores e publicistas, nun camiño de humildes comezos pero con resultados sorprendentes nesta nova industria cultural”. Na visita á exposición poderemos atopar deseños de consolas, o universo arcade, produtos móbiles, Realidade Virtual, mandos de control revolucionarios, videoxogos que marcaron épocas e os principais fitos no emerxente sector do videoxogo en Galicia.
A exposición está coordinada por Jacobo e Galo Martínez, da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI).
A exposición, instalada no corredor e sala cubo do MARCO de Vigo, poderá ser visitada o mércores día 9 de setembro dende as 18:00 horas ata o peche do museo. Os asistentes terán acceso a “unha experiencia integral e interactiva”, explican os organizadores da mostra, engadindo que esta repetirase nas dúas visitas guiadas programadas para os días das xornadas, venres 11 e sábado 12 de setembro, “seguindo sempre as normas hixiénico-sanitarias en vigor”. Tamén responderán as preguntas e dúbidas das persoas que acudan a visitar a mostra.
O mesmo día 9 tamén quedará aberto o acceso virtual público e de balde á exposición, na web das xornadas, na web do MUVI e en datas vindeiras na páxina do MARCO.