A Oficina da Xuventude (OMIX) do Concello de Tomiño vén este mes de setembro cunha axenda ateigada de actividades tecnolóxicas e desenvolvidas sobre a base do tecnolóxico. Trátase de catro cursos sobre cuestións dixitais a impartir online e que teñen xa, neste intre, o prazo de inscrición aberto. Os participantes contarán coa presenza dun titor que atenderá de xeito personalizado todas as consultas do alumnado. “Unha das grandes vantaxes do formato elearning”, explicaron fontes da OMIX, “é que permitirá a cada participante escoller o seu propio horario e facer o curso cando queira ao longo de todo o mes”.
Haberá un curso básico de correo electrónico (que aprenderá aos asistentes a crear unha conta en Google, a redactar correos electrónicos, a facer filtrado e clasificación de correos, a manexar programas de xestión de emails e a saber utilizalos de xeito efectivo e produtivo), un sobre traballo na nube de Google (que mostrará o que significa traballar en cloud, coñecer os pros e contras desta forma de traballo, afondar en programas de navegadores, trucos para dominar as buscas en Google, deseñar gráficos online ou saber xestionar a axenda con Google Calendar e outros servizos de Google como Drive, Photos, Google Alerts, as notas en liña ou o paquete de Google Office) e un terceiro sobre como aprender a utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño (onde descubrir máis sobre esta ferramenta que permite realizar calquera trámite administrativo as 24 horas os 365 días do ano dende casa, sen necesidade de achegarse ao Consistorio).
Por último, este mes a mocidade tamén poderá facer un curso de aplicacións de Google: Google Docs. Mediante este obradoiro básico as persoas inscritas coñecerán todas as posibilidades que lles ofrece esta aplicación e aprenderán a preparar a páxina, formatos de texto, viñetas e numeracións, encabezados e pé de páxina, táboas, inserir imaxes e/ou gráficos, índices e tabuladores, ferramentas básicas (tradución, corrección ortográfica), descargas e impresión ou complementos, entre outras cousas.
Un total de 40 rapaces e rapazas de entre 13 e 14 anos están a participar esta semana nos campamentos tecnolóxicos Digitalia, unha das actividades da campaña de verán 2020 da Xunta, que leva por nome O verán que necesitas. Desde o pasado día 30 e ata o vindeiro 6 de setembro o Albergue Xuvenil de Gandarío dá acubillo (un ano máis) a este campamento cuxo programa de actividades encamíñase a facilitar habilidades dixitais e diversión para as novas xeracións.
Digitalia ofrece tres actividades tecnolóxicas: o videomaping, na que os rapaces aprenderán a compoñer vídeos e crear as súas propias animacións; manexo de drons, que lles permitirá adquirir os coñecementos necesarios para crear, controlar e voar drons; e robótica, que lles achegará aos principios tecnolóxicos para a construción, funcionamento e control de robots sinxelos.
Ademais desta formación sobre o mundo dixital, os participantes poderán desfrutar con outro tipo de actividades de ocio e lecer na praia e no mar como a vela, kaiak, snorkel ou paddle surf, entre outras.
Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Xunta, que pretende por unha banda poñer en valor as capacidades e empregos dixitais e, pola outra, estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o atractivo das profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova.
A Xunta de Galicia mantén unha firme aposta pola transformación dixital da Educación, na que continúa avanzando coa extensión dos contidos dixitais para os cursos de 3º e 4º da ESO. Con este obxectivo a AMTEGA vén de licitar un contrato que permitirá dispoñer de contidos dixitais de dous provedores distintos por cada materia destes cursos.
Cun importe de 600.000 euros por dous anos, prorrogables outros dous, o contrato beneficiará a preto de 15.000 alumnos duns 130 centros E-Dixgal que imparten 3º e 4º da ESO a partir do segundo semestre do novo curso, que será cando estean dispoñibles estes contidos. Tamén está previsto incrementar os contidos innovadores Dixit, unha das últimas liñas da iniciativa do libro dixital, que facilita aos docentes a creación de contidos empregando tecnoloxías disruptivas en colaboración con empresas tecnolóxicas.
Actualmente, estase a traballar en contidos das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeología, Xeografía, Ciencias Sociais, Física e Química e Idiomas. A todo o anterior súmanse os contidos do Repositorio Abalar, que xa ofrecen máis de 3.500 recursos en 7 idiomas dispoñibles para alumnos e profesores.
Neste curso 2020-2021 serán xa 34.000 os alumnos que estudarán con libro dixital e 470 os centros integrados na iniciativa E-Dixgal para o que se investirán 5,3 millóns de euros, en equipamento, tanto para aulas de Primaria e da ESO como para as de Formación Profesional e en contidos dixitais, gratuítos para as familias.
Con esta previsión a Administración autonómica continúa a avanzar na transformación dixital das aulas, un obxectivo que se marcou en 2010 coa posta en marcha da iniciativa Abalar, na que se levan investidos 100 millóns de euros en equipamento, mellora de infraestruturas, contidos dixitais e implantación de novos servizos e canles de comunicación online. Desde a súa posta en marcha, Abalar completou a dixitalización de 6.000 aulas de 900 centros, beneficiando a máis de 120.000 alumnos.
O Concello de Rianxo vai poñer en funcionamento unha iniciativa para ampliar a formación da xente nova e dotar ás mozas e mozos de instrumentos, recursos e coñecemento que lles permitan abrir a meirande cantidade de portas no mercado laboral. Trátase do Obradoiro de Garantía Xuvenil Carnero Valenzuela II, que ten o obxectivo concreto de formar a 16 alumnos e traballadores na especialidade de Confección e publicación de páxinas web.
O obradoiro terá 12 meses de extensión e as persoas interesadas en participar nel terán que cumprir, entre outros, os seguintes requisitos: estar no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; ter entre 18 e 30 anos; ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 ou de 45; ou posuír o título de Graduado en ESO, certificados de profesionalidade de nivel 2 e 1 da mesma familia e área profesional.
O programa de emprego Carnero Valenzuela II é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a inserción das persoas desempregadas mozas incluídas no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co-financiado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Rianxo. Máis información na páxina web municipal e nas bases do obradoiro (PDF).
O programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, impulsado pola Deputación de Pontevedra para facer avanzar a formación TIC entre autónomos, empresas e profesionais, retoma a actividade este mes de setembro e faino, na primeira semana, con catro novos obradoiros online. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de mercadotecnia dixital.
O primeiro curso celébrase este martes 1 e trata sobre os Infoprodutos: que son e como crealos da man de Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Ao día seguinte Mariana Rosa, graduada en Turismo, ensinará ás e aos participantes Medidas para enfrontar o coronavirus no teu establecemento turístico. O xoves 3 desenvólvese un obradoiro de Blockchain: a tecnoloxía que pode cambiar o mundo, co experto universitario en robótica Manuel Freire. Para finalizar a semana, o venres 4 Laura Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá un taller titulado Fotografía de produto para a túa tenda en liña ou ecommerce.
Co fin de botar unha man, nestes tempos complexos de COVID, a emprendedoras e emprendedores que queiran dar forma a un proxecto de mercado, o Concello da Coruña puxo en marcha obradoiros formativos e gratuítos que abordan cuestións relevantes sobre novos xeitos de vender produtos, xestionar un negocio ou comunicarse con usuarios e clientes. Os obradoiros tamén se encamiñan a persoas traballadoras autónomas, comerciantes e empresariado en xeral.
Esta iniciativa, que complementa o Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO), ten o obxectivo de proporcionar á xente emprendedora coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver e consolidar a súa idea de negocio, apoiando desta maneira a creación e mantemento de negocios na cidade da Coruña. Trátase de talleres formativos de carácter gratuíto e de curta duración que se impartirán en liña entre os meses de setembro e decembro, e que se agrupan en cinco bloques temáticos. Haberá, entre outros, cursos sobre como Emprender proxectos en liña (con inicio o 17 de setembro), sobre Estratexias para captar novos clientes (8 horas, con inicio previsto para o 22 de outubro), sobre Ciberseguridade na empresa (7 horas, con inicio previsto para o 8 de outubro), sobre Ferramentas de Google para emprendedores e empresas (10 horas, co comezo programado para o 27 de outubro) ou, tamén, sobre o Certificado dixital para pemes e autónomos (4 horas, con inicio previsto o 24 de novembro).
As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición. Ademais, as persoas participantes que realicen as tarefas propostas e superen os exercicios de avaliación recibirán un diploma acreditativo da realización de cada un dos talleres. O prazo de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas poden inscribirse desde a web do Concello da Coruña.
Gardan dentro de si as novelas potencial para enriquecer o lecer interactivo? Poden os videoxogos ampliar os horizontes da literatura? Estas e outras preguntas serán respondidas ao detalle, con exemplos concretos de diálogo, confluencia e comunicación, no transcurso das Xornadas Videoxogo e Literatura que se celebran os días 11 e 12 de setembro no museo MARCO de Vigo. As xornadas foron presentadas este venres no auditorio do dito museo. Segundo se fixo saber, desenvolveranse baixo un epígrafe que pon as claras a vontade de xerar interactividade entre as dúas linguaxes creativas: Unha mirada transversal.
Os encontros, organizados pola Fundación Carlos Casares coa colaboración do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVI) e mais Polygon-e Studios, contando co patrocinio do Concello de Vigo, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España, e a colaboración da Fundación MARCO e a axencia AGADIC, poderán seguirse a través de tecnoloxía streaming, e tamén de xeito presencial no auditorio do MARCO, previa inscrición, até completar un aforo de 26 persoas.
Na rolda de prensa interviu en primeiro lugar Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, que tras desculpar a ausencia de Luz Castro debido a “un compromiso de última hora”, salientou como un dos obxectivos do evento “a consolidación do foro de información, formación e debate da situación e perspectivas do sector do videoxogo, maiormente, na contorna do sistema cultural galego”. Segundo fixo saber, con esta edición quérese poñer o foco nas influencias que a literatura tivo e ten nos videoxogos, asi como a que os videoxogos están exercendo na literatura. Asemade, engadiu, serán obxecto de debate os efectos sociais dos videoxogos, a problemática profesional.
Galo e Jacobo Martínez aproveitaron a súa intervención para anunciar que o Museo do Videoxogo de Cangas, MUVI, do que son co-fundadores, vén de converterse en fundación cultural galega. Amais, lembraron que a mostra A historia dos videoxogos en 360º, poderá visitarse in situ a partir da vindeira semana, e de forma virtual a partir do 7 de setembro na páxina web do evento. Tamén recordaron que durante os días de xornadas, “coas debidas medidas hixiénico-sanitarias”, os responsables do MUVI conducirán senllas visitas guiadas á mostra adicada aos grandes fitos dos videoxogos desenvolvidos en Galicia.
Pola súa banda, Miguel Areán, xerente de Polygon-e Studios, falou do programa das xornadas, resaltando o nivel profesional dalgúns dos convidados e temas das súas intervencións. Entre outros, estará David Ferriz, co-fundador, deseñador de xogos e artista gráfico en DevilishGames, e creador de Path to Mnemosyne; María Fernández, creadora de videoxogos e embaixadora de Women in Games; Onésimo Juncos, experto en Neurociencia Cognitiva Aplicada e mais en Psicoxerontología; Concepción González, responsable de desenvolvemento en Electronic Arts, e antiga xefa de proxecto en Ubisoft e Blizzard; e Gilberto Sánchez, director académico da área de Videoxogos da U TAD e coordinador de área de industria en FEVeS (Federación Española de Videojuegos e eSports).
As persoas con discapacidade que queiran mellorar as súas habilidades en coñecementos dixitais poderán facelo nalgún dos cursos que levará a cabo a Fundación ONCE dentro do seu programa Por Talento Dixital ao longo dos próximos meses de setembro e outubro.
Consciente de que hoxe en día as profesións tecnolóxicas teñen moita saída no mundo laboral, a Fundación ONCE impulsou esta iniciativa, que proporcionará ao alumnado formación en contidos dixitais e tecnolóxicos
Así, por exemplo, os amantes dos videoxogos poderán inscribirse ata o próximo 15 de setembro en dous programas relacionados con esta materia. Un deles é o 'Curso de formación-investigación de videoxogos', que ten carácter presencial e está organizado xunto con The Global Esports Academy.
O outro denomínase 'Curso de testeo e QA de videoxogos', impártese tanto de forma presencial como 'online' e conta coa colaboración do Polo Nacional de Contidos Dixitais de Málaga. O seu obxectivo é capacitar aos alumnos no manexo das metodoloxías, ferramentas e técnicas que se utilizan a nivel profesional no control de calidade e testeo de videoxogos para lograr unha incorporación ao mercado laboral.
Estes programas formativos complétanse con tres cursos máis. O primeiro deles é o titulado 'Cidadanía e Identidade Dixital', que se impartirá de forma 'online' e cuxo prazo de inscrición termina o 7 de setembro. Nel, os participantes aprenderán a interactuar dixitalmente coas diversas administracións e empresas.
Os outros dous cursos incluídos neste programa son o de 'Ciberseguridade básica' ('online'), ao que os interesados poden apuntarse ata o 21 de setembro, e o de 'Comunicación e colaboración en contornas dixitais', que fará tamén a distancia e cuxo prazo de inscrición finaliza o 12 de outubro.
O proxecto Youtubeir@s vén de abrir o prazo de presentación de audiovisuais. O obxectivo desta nova edición do certame é, novamente, fomentar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos e de dar visibilidade á produción en galego na rede e á comunidade youtubeira. Repartiranse un total de 7.500 euros en premios, cun incremento de 1.000 euros con respecto á pasada edición.
O prazo para participar neste certame está aberto ata o 23 de outubro. Repartiranse un total de 7.500 euros en premios, cun incremento de 1.000 euros con respecto á pasada edición. Esta cuarta convocatoria do proxecto Youtubeir@s organízana os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago e Teo; ademais das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña. Con ela, preténdese seguir consolidando a comunidade creadora galega na rede mediante o fomento da creatividade con temas propios e ir xerando referentes en galego na plataforma Youtube. Cómpre recalcar que na pasada edición houbo 252 inscricións de vídeos e canles, o que se traduciu en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados á plataforma mundial de YouTube.
O prazo para solicitar as axudas do novo programa da Xunta de formación dixital, dirixido a desempregados de longa duración maiores de 45 anos, continúa aberto ata o próximo 7 de setembro. A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con esta iniciativa dar resposta aos compromisos adquiridos dentro dos Acordos do Diálogo Social asinados en decembro entre o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos CCOO e UGT co obxectivo de poñer en marcha un plan de recualificación profesional que favoreza a incorporación ao mercado laboral das persoas que, pola súa idade, teñen máis dificultades para atopar un posto de traballo.
O programa conta cun orzamento de 500.000 euros e está orientado á impartición de cursos de formación de 70 horas de duración distribuídas ao longo de tres semanas e cun número máximo de 10 alumnos por edición. As axudas están dirixidas a empresas con experiencia no ámbito da formación e, posteriormente, seleccionaranse as persoas participantes a través do Portal de Emprego de Galicia e das oficinas de emprego. A previsión é chegar a 17 empresas beneficiarias que poderían ofrecer formación a un total de 600 persoas.
Tendo en conta que o manexo das tecnoloxías dixitais é hoxe en día indispensable para acceder ao mercado laboral, o programa Sénior dixital abordará temáticas tales como coñecemento avanzado de ferramentas open office, de xestión documental compartida na nube, de almacenaxe de información ou para o envío de grandes volumes de datos, e de traballo compartido na nube ou en streaming. Está dirixido a un perfil de alumnado cun nivel de competencias medio no manexo de ferramentas en liña para o desenvolvemento de traballo compartido e/ou teletraballo.
As persoas desempregadas de longa duración son das que máis sofren as dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo. Por iso, resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que faciliten o seu retorno ao mundo laboral.