main content

main content
18/08/202018:08
Radar COVID.
Santiago de Compostela

Galicia comunícalle ao Ministerio de Sanidade a súa adhesión á aplicación estatal de rastrexo ‘Radar Covid’

  • A comunidade galega súmase ás rexións que xa comunicaron a súa vontade de empregar a app de rastrexo ‘Radar Covid’
  • A aplicación galega ‘Passcovid’ será interoperable co sistema de rastrexo nacional

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, comunicoulle está mañá ao Ministro de Sanidade, Salvador Illa, a vontade de Galicia para adherirse á aplicación de rastrexo “Radar Covid” que desenvolve o Goberno central.

O responsable galego de Sanidade apuntou que a aplicación de rastrexo estatal engadirase ao sistema “Passcovid”, que neste intres está a testear na súa fase piloto a Xunta de Galicia, e que será completamente interoperable coa app estatal.

Por medio dunha carta, o titular do departamento sanitario da Xunta Galicia, trasladoulle ao Ministro de Sanidade que a comunidade galega sumarase ao novo sistema de rastrexo e control a covid-19 -Radar Covid-, que vén desenvolvendo nos últimos meses o goberno de España.

Almuíña sinala que a actual crise sanitaria fai preciso atopar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus Sars-cov2, e así acadar unha xestión o máis optimizada posible da súa evolución.

Neste senso, Almuíña remarca que “Radar Covid” é unha ferramenta de participación cidadá que, grazas a súa axilidade e eficacia, contribuirá a mellorar a detección precoz de novos casos e, así mesmo, adoptar tamén medidas axeitadas con maior celeridade e precisión, respecto da situación epidemiolóxica.

‘Passcovid’ a aplicación na que está a traballar a Xunta

A aplicación ‘Passcovid’, é un canal telemático e preferente de contacto de residentes e transeúntes en Galicia que, por medio da tecnoloxía Bluetooth e grazas á conexión co Servizo Galego de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos, permitirá coñecer con precisión a trazabilidade da covid-19 na comunidade galega.

A Xunta de Galicia agrupará nunha única app un conxunto de utilidades para a cidadanía, incluída a do rastrexo automatizado de contactos, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios. Así, a adhesión a app será voluntaria e garantirá a privacidade e confidencialidade dos datos que se insiran na mesma.

As persoas que descarguen a aplicación ‘Passcovid’, poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo.

No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función de sus características en relación con la COVID. Se deciden optar por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia.

En ámbolos dous casos, se a persoa usuaria decide, de xeito voluntario, activar a súa xeolocalización, as mensaxes e alertas estarán referenciadas de acordo á ubicación da persoa en cada intre. Así, ‘Passcovid’ facilitaralle datos moito máis específicos, como poden ser os brotes activos nese concello, os protocolos vixentes no municipio ou as medidas sanitarias que debe adoptar.

18/08/202009:08
Cartel da iniciativa.
As Pontes

Amigus organiza o 22 de agosto unha cita co maker Álvaro Rey

A Asociación Amigus, con sede nas Pontes e centrada en tirar abaixo barreiras entre a cidadanía e as tecnoloxías abertas e construtivas, vai organizar o vindeiro 22 de agosto unha cita activa de divulgación co argalleiro tecnolóxico Álvaro Rey, da asociación Maker Gal. A sesión, unha nova entrega das sesións maker dos Amigus Labs, servirá para introducir aos participantes no proceso de creación dun ficheiro GCode dende bCNC e envialo a CNC.

Como lembraremos, por CNC (Control Numérico por Computadora) enténdese, en termos xerais, o proceso para controlar os movementos dunha máquina ou ferramenta a través dunha computadora. Amigus lembra que a devandita ferramenta bCNC ten entre outras vantaxes a de permitir o control dos CNC para que funcionen a través da placa libre Arduino, empregando o firmware GRBL. Quen precise máis información sobre esta charla gratuíta, pode recadala a través da páxina web dos Labs de Amigus, onde tamén se permite formalizar a inscrición.

17/08/202008:08
Cadeira de rodas ante unha escaleira.
Madrid

A pandemia da Covid 19 aflora novas barreiras para as persoas con discapacidade

As situacións derivadas do Estado de Alarma para loitar contra a Covid 19, así como das medidas adoptadas na 'nova normalidade', afloraron novas barreiras ás que as persoas con discapacidade deben de facer fronte no seu día a día. Esta é unha das principais conclusións do segundo informe da Fundación ONCE, realizado en colaboración con Citibeats, unha plataforma de Intelixencia artificial Ética que analizou as máis de 300.000 opinións recollidas en Twitter.
 
Nesta segunda análise identifícanse a que barreiras se enfrontan con máis frecuencia os cidadáns españois con discapacidade e que diferenzas existen entre colectivos. Nesta ocasión, inclúese ademais un enfoque especial sobre o impacto da pandemia e o papel dos videoxogos e a impresión 3D na inclusión social.
 
A irrupción da pandemia do Coronavirus supuxo un cambio de escenario para toda a sociedade, destapando carencias ocultas e acelerando a dixitalización do emprego, a educación e o comercio entre outros. Para os colectivos de persoas con discapacidade, supuxo un novo reto ao que adaptarse e xerado novas barreiras que superar.
 
Así, o teletraballo trouxo novas barreiras de comunicación e solucións tecnolóxicas para as persoas con discapacidade visual e auditiva. Ademais, as persoas con discapacidade cognitiva sufriron distintas mostras de discriminación e falta de empatía durante o confinamento e as medidas posteriores.
 
Por último, constátase que afloraron novas barreiras loxísticas para as persoas con discapacidade física e unha incertidume crecente en canto ás medidas de desconfinamiento. 
 
Respecto aos videoxogos e á impresión 3D afírmase que as novas tecnoloxías foron desenvolvendo novas aplicacións para liquidar algunhas das barreiras ás que se enfrontan as persoas con discapacidade. A escoita cidadá permítenos capturar e visibilizar historias de éxito nestes campos. 
 
Os impulsores do estudo destacan que os cidadáns e as súas opinións son os mellores sensores para identificar problemas e necesidades sociais. 'A dixitalización da sociedade, as canles de participación cidadá e as redes sociais convertéronse en plataformas para expresar as demandas cidadás. Iso converte ás opinións cidadás nunha rica fonte de información para identificar aqueles problemas que máis preocupan á sociedade'.
 
O modelo de intelixencia artificial e procesamento de linguaxe natural de Citibeats consiste en capturar e estruturar as opinións cidadás para detectar necesidades e retos aos que se enfrontan as persoas. Así, este proxecto de escoita cidadá serviu para identificar e localizar no mapa as distintas barreiras ás que se enfrontan os colectivos de persoas con discapacidade.
17/08/202008:08
Portada do informe.
Santiago de Compostela

As empresas de telecomunicacións aglutinan preto do 39% das mulleres do Hipersector TIC

  • A porcentaxe de mulleres no conxunto do Hipersector TIC galego mantense en cifras similares ás do ano pasado cun 33,4% de traballadoras
  • O número de mulleres incrementouse no último ano un 2,9%, fronte ao 5,2% de incremento no caso dos varóns
  • No sector tecnolóxico a fenda de xénero é máis acusada cunha porcentaxe de traballadoras do 31,1%
  • As mulleres galegas contan cunha maior representatividade no sector dos contidos, onde representan o 41,5% dos traballadores
  • O 19,4% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección

Durante o ano 2019 o número de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, integrado polos sectores tecnolóxico e de contidos, foi de 8.119, o que representa o 33,4% dos empregados no sector. Dentro do hipersector, o sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,5%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 31,1%.

Desagregando o Sector TIC as actividades relacionadas coas telecomunicacións son as que contan cunha maior porcentaxe de mulleres cun 38,9% de traballadoras femininas; en segundo lugar atoparíanse as empresas dedicadas ás Actividades Informáticas, onde as mulleres representan o 30,4% do persoal.

Afiliacións á Seguridade Social

En termos evolutivos, no ano 2019 as afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse en 1.030 persoas o que supón un crecemento do 4,4%. Atendendo ao xénero feminino, o crecemento no Hipersector TIC foi do 2,9%, o que se traduce en 228 mulleres empregadas máis que o ano precedente.

Ese incremento de traballadoras resulta similar no sector TIC e no sector contidos se falamos en termos porcentuais, sendo en ambos casos do 2,9%. Se consideramos números absolutos, o sector TIC creou máis postos de traballo cubertos por mulleres que o sector contidos, 165 e 63 respectivamente.

Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC

No caso do Sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social acadou as 5.899 traballadoras, cun incremento dun 2,9% respecto ao ano 2018. Non obstante, a fenda de xénero continúa a súa escalada debido ao maior crecemento do emprego masculino (5,3%).

Un ano máis o sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,5%, empregando un total de 2.220 mulleres.

Perfil das mulleres TIC en Galicia

O 70,9% das empresas TIC galegas contan con mulleres entre os seus traballadores, delas, unicamente no 9,3% máis da metade do persoal son mulleres.

Respecto ás funcións desenvolvidas nas empresas TIC galegas, o 16,4% das mulleres desenvolven tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,8% dos homes. Por outra banda, o 19,4% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección

En canto á formación, mentres que o 22,1% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación TIC superior ou media, unicamente o 8,6% das mulleres atópanse na mesma situación formativa. No caso dos ciclos formativos superiores TIC, cabe salientar os 16 puntos porcentuais de fenda de xénero existente, a maior de todos os niveis formativos.

12/08/202013:08
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A EGAP formará á cidadanía e ao persoal empregado público sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia

  • O 1 de setembro terá lugar un novo e-martes, de seis horas de duración, con contidos adaptados a cada un dos colectivos
  • A inscrición será gratuíta e estará dispoñible dende mañá e ata o 25 de agosto na Zona de matrícula da EGAP
     

O próximo 1 de setembro terá lugar nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) unha actividade formativa, dirixida tanto a empregados públicos coma á cidadanía, para profundar sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria deste e-martes, de seis horas de duración en horario de mañá e tarde, tratará polo miúdo os certificados de empregado público, os certificados de selo electrónico para actuacións administrativas automatizadas, o portasinaturas corporativo, o proxecto Chave 365, a Sede electrónica da Xunta de Galicia e a Sala electrónica de sinaturas.

Os contidos do curso serán adaptados aos dous grupos de persoas ás que vai dirixida a actividade e constará dunha breve introdución xurídica común e dunha posterior práctica nas aulas de informática da Escola.

A actividade contará con 29 prazas, 16 para o persoal empregado público e 13 para a cidadanía, que poderán ser solicitadas de xeito gratuíto dende mañá e ata o 25 de agosto na Zona de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula). Cómpre destacar que a Escola adaptou a capacidade das aulas e tomou todas as medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da covid-19.

Os e-martes enmárcanse dentro do proxecto Universo EGAP Innova, unha acción multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, á autoxestión da aprendizaxe, á identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.

12/08/202008:08
Cartel da iniciativa.
Ponteareas

Ponteareas chama á participación da mocidade na súa páxina web municipal

A alcaldesa en funcións do Concello de Ponteareas, Cristina F. Davila, convida a toda a infancia e mocidade a sacarlle o máximo partido ao novo espazo creado para eles na páxina web municipal co obxectivo de facilitarlles a súa participación. Dende a creación do consello municipal de infancia e adolescencia, os nenos, nenas e adolescentes representantes dos distintos centros escolares teñen a oportunidade de expoñer directamente ao goberno municipal a súa opinión sobre aqueles aspectos que máis lle preocupan, así como de achegar as propostas de solución que consideran máis oportunas en cada caso.

Agora dáse un paso máis coa creación dun espazo específico para a infancia e a adolescencia na páxina web municipal. Coa intención de seguir avanzando na consecución dun concello máis amigable coas persoas e no que todos os nenos, nenas e adolescentes poidan participar con normalidade das decisións importantes que lles afecten, o Concello de Ponteareas habilitou este espazo con información sobre a súa candidatura ao recoñecemento de Unicef como cidade amiga da infancia, que inclúe unha enquisa para coñecer o seu parecer sobre as actividades e recursos cos que conta o concello para persoas da súa idade ou sobre as características da localidade na que residen. Esta enquisa estará dispoñible durante todo o mes de agosto para que poida ser cumprimentada directamente por todos os cativos e adolescentes do concello que o desexen.

12/08/202008:08
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

O Portal de Transparencia da Xunta recibiu desde a súa posta en marcha case 555.000 visitas con máis de 2 millóns de páxinas consultadas

  • As dúas páxinas máis vistas entre os meses de maio e xuño están relacionadas coa información incluída na plataforma para centralizar os contidos sobre a covid-19
  • A sede electrónica da Xunta mantívose operativa durante o estado de alarma, o que permitiu continuar coa presentación e a tramitación de solicitudes de acceso a información pública
  • No primeiro semestre deste ano xestionáronse 542 peticións de acceso, o que supón un 40% máis que no mesmo período do ano pasado
  • O Portal de Transparencia contén máis de 1.600 páxinas web onde se poden visualizar máis de 4.400 documentos

O Portal de Transparencia da Xunta recibiu máis de 554.800 visitas desde a súa posta en marcha en 2016 ata o 30 de xuño deste ano nas que foron consultadas máis de 2 millóns de páxinas. No último ano -entre xullo de 2019 e xuño de 2020- rexistráronse 160.128 visitas, case un 5% máis que no mesmo período do ano anterior. O portal contén máis de 1.600 páxinas web nas que se poden visualizar máis de 4.440 documentos.

Entre as páxinas máis visitadas durante o primeiro semestre deste ano destacan as referentes a altos cargos, normativa en tramitación, retribucións ou a axenda institucional de altos cargos. Cómpre destacar que entre os meses de maio e xuño as dúas que recibiron máis visitas contiñan información sobre a covid-19.

Así, a máis consultada foi a que recolle a normativa aprobada pola Xunta e as medidas adoptadas por cada un dos seus departamentos ante a situación de emerxencia sanitaria, con 4.296 visitas. A segunda máis vista, con máis de 3.000 visitas, fai referencia o apartado específico de transparencia sobre o novo coronavirus creado para centralizar toda a información no enlace https://transparencia.xunta.gal/coronavirus .

O Portal de Transparencia do Goberno galego continuou a funcionar durante o estado de alarma decretado o pasado marzo debido ao coronavirus, cunha actualización de forma regular dos seus contidos para garantir a transparencia das actuacións levadas a cabo pola Administración autonómica.

Solicitudes de acceso a información pública

Por outra banda, durante o primeiro semestre deste ano foron xestionadas 542 peticións de acceso á información pública no Portal de Transparencia, o que supón un incremento de case o 43% con respecto ao número de peticións de acceso xestionadas no mesmo período do ano anterior. A sede electrónica da Xunta tamén continuou operativa durante o estado de alarma, o que permitiu á cidadanía seguir a presentar as súas solicitudes e proceder a súa tramitación.

Con respecto a estas peticións, son de distinta natureza e van desde informacións relativas a información institucional, organizativa e de planificación; relacións coa cidadanía; relevancia xurídica; en materia de persoal; económica, estatística e orzamentaria; patrimonio; contratación pública; convenios; encomendas de xestión; así como subvencións e axudas; ordenación sobre o territorio e do medio ambiente e en materia de xogo.

Desde a posta en marcha do Portal de Transparencia en 2016, o número de solicitudes de acceso a información pública presentadas a través desta plataforma ronda as 3.000. Segundo a súa forma de presentación, máis de 2.300 realizáronse por medios electrónicos e 678 en papel, cunha clara preferencia da cidadanía pola presentación por medios electrónicos.

Por departamentos competentes para resolver as solicitudes, o maior número foi recibido na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, seguida das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Mar; e Infraestruturas e Mobilidade.

10/08/202012:08
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas do novo programa de formación dixital dirixido a desempregados maiores de 45 anos

  • O programa Sénior dixital conta cun orzamento de 500.000 euros para a impartición de cursos de formación de 70 horas de duración distribuídas ao longo de tres semanas
  • As axudas están dirixidas a empresas con experiencia no ámbito da formación e, posteriormente, seleccionaranse as persoas participantes a través do Portal de Emprego de Galicia e das oficinas de emprego
  • A previsión é chegar a 17 empresas beneficiarias que poderían ofrecer formación a un total de 600 persoas
  • Abordará temáticas como o coñecemento avanzado de ferramentas open office e outras indispensables para o desenvolvemento do traballo compartido ou do teletraballo

A Xunta acaba de abrir o prazo para solicitar as axudas do novo programa de formación Sénior dixital, dirixido a desempregados de longa duración maiores de 45 anos. Trátase dunha iniciativa de nova creación que dá resposta aos compromisos adquiridos dentro dos Acordos do Diálogo Social asinados en decembro entre o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos CCOO e UGT co obxectivo de poñer en marcha un plan de recualificación profesional que favoreza a incorporación ao mercado laboral das persoas que, pola súa idade, teñen máis dificultades para atopar un posto de traballo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste programa que conta cun orzamento de 500.000 euros e está orientado á impartición de cursos de formación de 70 horas de duración distribuídas ao longo de tres semanas e cun número máximo de 10 alumnos por edición. As axudas están dirixidas a empresas con experiencia no ámbito da formación e, posteriormente, seleccionaranse as persoas participantes a través do Portal de Emprego de Galicia e das oficinas de emprego. A previsión é chegar a 17 empresas beneficiarias que poderían ofrecer formación a un total de 600 persoas.

Tendo en conta que o manexo das tecnoloxías dixitais é hoxe en día indispensable para acceder ao mercado laboral, o programa Sénior dixital abordará temáticas tales como coñecemento avanzado de ferramentas open office, de xestión documental compartida na nube, de almacenaxe de información ou para o envío de grandes volumes de datos, e de traballo compartido na nube ou en streaming. Está dirixido a un perfil de alumnado cun nivel de competencias medio no manexo de ferramentas en liña para o desenvolvemento de traballo compartido e/ou teletraballo.

As persoas desempregadas de longa duración son das que máis sofren as dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo. Por iso, resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que faciliten o seu retorno ao mundo laboral.

06/08/202009:08
Momento dunha edición de FLISoL.
A Coruña

MeLiSA organiza a edición coruñesa do festival FLISoL de software libre

Festival Latinoamerciano de Instalación de Software Libre (FLISoL) celebrará unha nova edición, a convocatoria FLISoL 2020 A Coruña, o vindeiro 26 de setembro, en formato online e da man da Asociación MeLiSA. Trátase do evento de divulgación e reivindicación de software libre máis grande en Latinoamérica e está encamiñado a xuntar, para o intercambio de coñecementos, recursos, solucións e colaboracións, a estudantes, académicos, empresarios, traballadores, funcionarios públicos e, en xeral, seareiros da informática sen cancelas.

O FLISoL, que se leva celebrando dende 2005, é un evento aberto, argalleiro e colaborativo organizado polas diversas comunidades locais de software libre. Inclúe charlas, relatorios e obradoiros sobre proxectos de informática non privativa tocando o seu amplo abano de ventes: social, cultural, filosófica, empresarial, etc. Por mor da crise sanitaria e a COVID-19, durante o 2020, moitas comunidades pertencentes ao FliSoL, organizaron o evento de maneira virtual. A edición 2020 do FLISoL organizada desde A Coruña, contará con diferentes charlas emitidas en liña que serán gravadas e posteriormente penduradas para poder ser vistas. Para máis información sobre o evento, podemos visitar a páxina web do mesmo, xa habilitada.

Esta xornada forma parte das actividades que a Asociación MeLiSA realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia.

06/08/202009:08
Acto de entrega dunha tablet na Cruz Vermella.
Pontevedra

Cruz Vermella Pontevedra entregou 170 tabletas para loitar contra fenda dixital

Cruz Vermella en Pontevedra fixo balance da súa actividade recente contra a fenda dixital, un problema agravado durante a crise sanitaria pola imposibilidade de moitas familias (familias vulnerables e en risco) de levar a cabo teledocencia ou polas dificultades de moitas persoas que viven soas para manter a comunicación cos seus familiares. Segundo informou o grupo pontevedrés da ONG, até o día de hoxe foron entregadas máis de 170 tabletas ás persoas usuarias dos seus diferentes programas.

Esta iniciativa ten como finalidade facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e unha mellor información ás persoas en risco de exclusión social, ao tempo que se favorece a relación cos compañeiros e os seres queridos. Para facer posible este labor, Cruz Vermella en Pontevedra contou coa colaboración de empresas e entidades como Distribucións Froiz S.A, o Colexio Internacional Sek Atlántico ou a Fundación Vodafone. Un dos programas impulsados por Cruz Vermella Xuventude foi Promoción do éxito escolar, que se adaptou a modo telemático para dar resposta á falta de recursos de conexión a Internet e de apoio escolar, permitindo que os menores tiveran acceso ás actividades escolares e acompañamentos. En total, realizáronse 798 seguimentos en toda a provincia, 1.406 intervencións educativas e atendéronse máis de 300 demandas.

Respecto ao Plan de Emprego Dixital, buscábase achegar información e orientacións laborais ás persoas na procura dun posto de traballo (fixéronse máis de 1.500 en toda a provincia), afacéndose tamén este programa ás canles multimedia. Para solucionar o problema da fenda dixital neste eido de actividade (preto dun 30% das persoas coas que se traballa dende este programa non dispuña de ningún dispositivo con conexión a Internet) procedeuse a distribuír tabletas en réxime de préstamo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS