Co gallo da celebración, o vindeiro 11 de febreiro, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense volverán traballar conxuntamente para organizar diversas actividades conmemorativas e, tamén, con capacidade para aumentar as vocacións femininas no ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
No marco destas iniciativas, veñen de convocar o V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense. A data límite para presentar propostas é o 20 de xaneiro de 2021.
Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano na historia; e, tamén, axudar a que se visualice o papel das mulleres no eido da investigación e que reflicta como son vistas pola sociedade.
Esta iniciativa únese a outras contribucións organizadas desde estes centros (como a exposición virtual Exxperimenta en feminino e a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, anulada para 2021 debido á pandemia) coas que se quere “contribuír a contrarrestar o déficit de referentes femininos nos eidos STEM e fomentar as vocacións científicas entre as mozas estudantes”.
Pode participar neste concurso o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo que pertenza á provincia de Ourense. O certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. A modalidade literaria está destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a computador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha obra inédita e orixinal. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos). A temática das propostas ten que tratar sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). A entrega de premios será nun acto especial na primeira quincena de febreiro coincidindo cos actos de conmemoración do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle este xoves 3 de decembro, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha xornada de presentación de contribucións tecnolóxicas para derrubar obstáculos en materia de diversidade funcional. En concreto, presentarase o proxecto Talentos Inclusivos, que ten o obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de Secundaria e Bacharelato e visualizar a problemática coa que se encontran no día a día os devanditos colectivos.
Segundo avanza o CITIC, o proxecto desenvólvese conxuntamente con ASPACE Coruña e conta co apoio do Consello Social da UDC. Esta iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, no marco da Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. Así, a formación de grupos entre estudantes de instituto xunto con persoas usuarias de ASPACE Coruña, crea un espazo de traballo diverso e inclusivo co fin de resolver os retos aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral, fomentando a unión de diferentes perfís para propoñer solucións tecnolóxicas innovadoras e aplicadas co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional. No acto de peche participarán o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, o reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril. O subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, e a xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz, presentarán a iniciativa. Ademais, proxectarase un vídeo no que equipos de ASPACE proporán retos tecnolóxicos a resolver e os equipos de estudantes aceptarán o encomendamento.
A Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación, en colaboración coa EUD (European Union of the Deaf) e Huawei, puxeron en marcha unha páxina web para que as familias de nenos e nenas xordos poidan aprender a contar contos en lingua de signos, e gozar así da experiencia de relatar historias ás súas fillas e fillos.
Co título 'Lingua de signos para familias. Aprende a contar contos de forma fácil e ao teu ritmo', este espazo virtual pretende dotar a nais, pais e outros familiares de menores xordos das estratexias necesarias para contar contos aos pequenos xordos en lingua de signos. Entre elas, transmitir o relato con entusiasmo sen ningún tipo de vergoña, evitar os nervios, introducir a expresión corporal no relato, respectar o ritmo do neno ou nena, e aprender das súas reaccións.
Para a Fundación CNSE esta web, pioneira e única en España, contribuirá a mellorar a comunicación na contorna familiar, xa que a suma de lingua de signos e lingua oral xogan un papel moi importante nas interaccións temperás, e, polo tanto, no desenvolvemento cognitivo e emocional da infancia xorda. Neste sentido, a entidade incide en que a lingua de signos facilita o procesamento mental e a contextualización entre as nenas e nenos xordos, ademais de axudar á identificación e a comprensión de palabras, e favorecer o procesamento das mensaxes faladas: 'Esta lingua é vital para a aprendizaxe da lectura e a escritura, o que permite a adquisición de coñecementos, fomenta a curiosidade e a imaxinación, axúdaos a crecer como persoas, e alimenta o seu espírito crítico'.
Ademais, esta nova web resultará especialmente útil para aquelas familias que viven en pequenas localidades afastadas das grandes cidades e que atopan máis dificultades no acceso aos recursos. Grazas a esta páxina web, estas familias poderán coñecer máis de preto a lingua de signos e compartila e gozala nunha contorna familiar.
'Lingua de signos para familias' vén a engrosar a lista de iniciativas que Huawei dirixiu á infancia xorda, como é o caso de StorySign. Unha aplicación gratuíta e moi atractiva, que utiliza a intelixencia artificial e a realidade aumentada para traducir distintos contos infantís á lingua de signos. StorySign, que está dispoñible en 14 idiomas orais e signados, pretende fomentar o hábito lector entre as nenas e nenos xordos e adentralos nun universo cheo de fantasía e creatividade.
O pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información (Osimga) celebrouse esta semana en Santiago a través de videoconferencia. No encontro a directora da Amtega, Mar Pereira deu conta das medidas desenvolvidas durante os cinco anos de desenvolvemento da Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), impulsada desde este departamento autonómico. Ademais, informou do Plan de Traballo do Osimga o próximo ano e fixo balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, baseado nos últimos datos do Observatorio.
Desde 2015 lévanse investidos máis de 1.260 millóns de euros, máis de 400 de capital privado nos diferentes plans de transformación dixital. O sector tecnolóxico ten un papel chave na implantación destas actuacións. En Galicia o número de empresas do Hipersector TIC ascende a 3.665 empresas, que deron emprego no ano 2019 a máis de 24.300 persoas, o que representa un crecemento do 4,4% respecto do ano anterior.
A directora da Amtega destacou as actuacións para mellorar a conectividade do tecido produtivo con actuacións específicas para empresas do rural e os despregamentos para a extensión de redes en núcleos de menos de 300 habitantes, que xa beneficiaron a 53.000 persoas. Desde 2018 puxéronse en marcha as primeiras medidas do Plan Galicia 5G como a posta en marcha do Nodo de Cooperación 5G ou os avances no desenvolvemento de diferentes probas de concepto con esta tecnoloxía, que no 2020 son xa máis de 30.
Entre outros avances no proceso de dixitalización destacou que a tramitación telemática superou á presencial, situándose xa nun 53,2% no 2019. Neste eido, destacou a publicación da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (LEDIXGA) completando o marco normativo galego para consolidar unha administración dixital máis accesible e proactiva e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais. E, ao seu abeiro, deseñáronse as bases do novo marco de competencias dixitais, aliñado coas estratexias europeas na materia.
No ámbito educativo, o ensino integramente dixital en Galicia posibilita que a día de hoxe 34.000 alumnos estuden co libro dixital. Ao mesmo tempo, promovéronse os coñecementos STEM duplicando o número de centros que imparten o STEMBach chegando a 31 centros no curso 2019/20. Así, no 2019 superáronse cun ano de adianto os obxectivos fixados na Estratexia Galega para a Educación Dixital de centros eDixgal e Bacharelato de Excelencia.
Ademais, no marco do Plan de Inclusión Dixital impulsáronse novas iniciativas coa a colaboración de máis de 856 Aliad@s Dixitais, conseguindo achegar a tecnoloxía a máis de 90.900 galegos a través da Rede de Aulas públicas CeMIT con máis de 377.000 horas de formación planificadas.
Con respecto aos sectores estratéxicos da economía galega, potenciáronse os recursos turísticos e patrimoniais galegos a través das tecnoloxías dixitais co desenvolvemento do Plan Smart Turismo e a creación da Memoria dixital de Galicia, avanzando na conformación dun fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial. E, por outra banda, realizouse unha importante aposta pola transformación dixital do sector primario co Programa Primare; no eido agrario desenvolvéronse proxectos CPTi para a automatización das inspeccións das axudas da PAC e no sector do mar dixitalizáronse 14 lonxas.
En canto ao impulso ao sector TIC no 2019, afondouse no desenvolvemento do plan DICO Mindset para impulsar os contidos dixitais en Galicia, leváronse a cabo iniciativas que permitiron aproveitar as oportunidades que ofrece este sector, destacando o proxecto de innovación tecnolóxica para adaptar as emisións da CRTVG ás novas demandas do mercado. Ademais, cabe destacar tamén o apoio á creación dos primeiros Hubs de Innovación Dixital en Galicia.
O catálogo de actuacións do Plan DigiTalent tiña 37 actuacións dispoñibles a principios do curso 2019/20, en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, para promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos e a adaptación aos novos perfís dixitais.
Durante os meses previos á pandemia leváronse a cabo foros, encontros e outros mecanismos de participación con diferentes institucións e entidades públicas e privadas, que contribuíron coas súas achegas a identificar retos e pancas a considerar para conformar a sociedade galega do futuro. E, así mesmo, contouse cun panel de expertos académicos das tres universidades galegas para obter unha mirada aos mundos e tendencias que xorden froito dos cambios económicos, sociais e científico-tecnolóxicos e contribuír a identificar as claves que nos permitan acomodar a acción no ámbito rexional, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tendencias globais.
Froito deste traballo, actualmente estase a ultimar o proceso de elaboración da Estratexia Galicia Dixital 2030, tomando como base os logros acadados no ámbito dixital na Comunidade nos últimos anos e o novo contexto social, económico e tecnolóxico; coa visión posta en situar a Galicia como unha rexión intelixente de referencia en Europa, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúe a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medio ambiental.
No Pleno do Osimga tamén se presentaron as principais novidades do Plan de Traballo do Observatorio como a análise sobre o impacto da COVID19 nas empresas TIC de Galicia.
Ademais, como novidade no ano 2020, ampliarase o catálogo de informes do OSIMGA cun novo estudo aliñado coa nova Estratexia Dixital da Xunta de Galicia 2030. Neste estudo avaliaranse as principais tendencias de mercado no ámbito dixital recollidas na nova Estratexia Dixital da Xunta de Galicia 2030
No próximo ano, o Osimga tamén publicará os resultados obtidos do Estudo de Egresados/as STEM das Universidades Galegas. Tras desenvolver unha metodoloxía específica para este proxecto nos meses anteriores, estase a desenvolver este estudo a través dunha enquisa específica e no ano 2021 daranse a coñecer os principais resultados e conclusións.
A Secretaría de Estado de Turismo e a Fundación ONCE subscribiron un convenio de colaboración para desenvolver unha aplicación móbil que guíe aos peregrinos con discapacidade visual no Camiño de Santiago Francés, e que poderá ser de utilidade tamén para persoas con mobilidade reducida ou de idade avanzada.
'É un exemplo da aplicación da tecnoloxía dos destinos e unha excelente noticia que permite mellorar a experiencia turística das persoas con discapacidade grazas á tecnoloxía', subliñou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, desde a Tourism Innovation Summit de Sevilla.
Pola súa banda, o director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso, asegurou que, 'nun momento tan importante como o actual, eventos como a celebración do ano Xacobeo supoñerán un empuxe para a recuperación económica do país. Facilitar a accesibilidade do Camiño de Santiago Francés será un atractivo máis para que un maior número de persoas teñan a experiencia de coñecer este Patrimonio da Humanidade. Ademais, garantimos o acceso das persoas con discapacidade á cultura, tal e como se recolle na Convención de Nacións Unidas'.
Ás portas do Xacobeo 2021, esta colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo e a Fundación ONCE, que publica este xoves o Boletín Oficial do Estado (BOE), permitirá seguir levantando barreiras e facilitar que todo o mundo poida gozar dunha experiencia tan única como a que ofrece o Camiño de Santiago.
O desenvolvemento desta App é parte do proxecto 'Camiño de Santiago: O teu compañeiro do Camiño', que ten por obxectivo proporcionar información turística dun modo accesible para todos os peregrinos ao longo de toda a ruta.
A aplicación guiará ao usuario no seu percorrido, anticipándolle as características do terreo en cada etapa e a posible presenza de perigos obxectivos ou obstáculos, tales como cruces con estradas, desniveis ou fenómenos meteorolóxicos adversos.
Orientarao tamén con respecto á dirección e sentido da marcha e informarao acerca dos puntos de interese que atopará no Camiño, desde fontes, paradas de transporte público e áreas de descanso, ata aloxamentos, comercios e establecementos de restauración, pasando por monumentos, oficinas de turismo, farmacias e centros de socorro ou sanitarios, por citar algúns exemplos.
Esta semana GIRL STEM conversa con Rocío Martínez Núñez, investigadora no King´s College de Londres, desde onde conseguiu impulsar xunto a outros catro compañeiros/as unha operación público-privada que trouxo a España a pasada primavera máquinas capaces de analizar 2.400 test de PCR ao día.
Esta entrevista, realizada por Noa Orizales, directora da empresa galega Contidos Dixitais, salienta a forte vinculación de todos os campos da investigación co big data e as claves que se manexan no campo da biomedicina, nun momento crucial na investigación sobre a COVID-19.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola COVID-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Rocío Martínez Núñez en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
Rocío Martínez Núñez estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, seguida dun doutoramento en Bioloxía Molecular e Inmunoloxía na Universidade de Southampton. Actualmente é profesora e investigadora no King’s College London na especialidade de regulación do ácido ribonucleico (ARN) en inflamación, enfermidades inflamatorias e, en especial, asma e infeccións respiratorias. Na crise do COVID-19 conseguiu traer a España uns superrobots capaces de facer test PCR masivos. Tamén ten interese na área do big data.
O próximo xoves 3 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e experta en intelixencia artificial, que será entrevistada por Luz Castro.
O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de achegar importantes novidades sobre a nova edición da feira Galiciencia, o gran evento da mocidade investigadora galega (e doutros recantos do ámbito estatal) que se celebra dende 2006, co apoio da Consellería de Economía a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A edición número 15 da feira científico-tecnolóxica será os días 9, 10 e 11 de decembro, celebrándose baixo o lema que non deixa dúbidas sobre a importancia do coñecemento avanzado e investigador para resolver, con vistas ao día de mañá, os grandes retos de hoxe: A innovación do futuro.
Por certo que Galiciencia 2020 terá formato online debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria. Abrirase o 9 cun espectáculo de ciencia e os días 10 e 11 celebraranse varios obradoiros para alumnado de Primaria e Secundaria.
Ademais da participación na Galiciencia mediante o envío de proxectos, que competirán polo premio final do certame, os rapaces poderán implicarse a través dunha serie de actividades. Os días 10 e 11, de 10.00 a 11.00 horas, será a quenda do alumnado de Primaria. Baixo o título Iluminando o mundo, as mozas e mozos terán a oportunidade de introducirse no eido da electricidade para descubrir as propiedades dos materiais condutores, e mesmo realizarán os seus primeiros circuítos eléctricos, empregando materiais tan sinxelos como plastilina condutiva, pilas e LED. Para iso, os grupos recibirán no seu centro educativo, de xeito gratuíto, un kit para poder realizar a actividade.
Pola súa parte, o alumnado de Secundaria poderá participar no taller Cociñando o futuro o 10 e o 11 de decembro de 11.30 a 12,30 horas. A idea é que a través da innovación culinaria os rapaces sexan quen de descubrir a relación entre a química e o traballo de laboratorio mentres crean as súas propias receitas do que hoxe se coñece como “cociña molecular”. Así, prepararán esferificacións directas e inversas e raviolis que terán como elemento principal agar-agar (un extracto de algas con capacidade xelificante).
Malia realizarse por Internet, a Tecnópole lembra que será unha actividade totalmente práctica. Os centros inscritos recibirán, tamén de balde, os materiais necesarios para poder desenvolver este taller. Cada kit inclúe reactivos para cociña molecular, agar-agar, recipientes e micropipetas.
O venres 27 de novembro dá comezo unha das tres conferencias sobre Intelixencia Artificial (IA) aplicada ao medicamento, aos sistemas de avaliación e a contornas educativas e sociais que a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) traerá a Ourense. Cómpre dicir que serán tres os relatores deste encontro, todos eles pertencentes ao Departamento de Intelixencia Artificial da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática desta universidade. Trátase da resposta da UNED ao convite formulado desde o Centro de IA de Ourense incluído ao abeiro da proposta dos Venres con Intelixencia Artificial que vén desenvolvendo o devandito centro. Informar que as tres conferencias levaranse a cabo o 27 de novembro, 4 e 11 decembro serán sempre en liña e á mesma hora, ás 12 horas.
Este venres día 27 intervirá o doutor Francisco Javier Díez Vegas, catedrático de Ciencias e Intelixencia Artificial da UNED. Falará de IA en Medicamento. Presente, pasado e futuro. Díez Vegas imparte docencia sobre modelos probabilistas e análises de decisións, métodos probabilistas, análises de decisións en farmacoloxía ou análise de decisións para enxeñaría e xestión. As súas áreas de investigación son a Intelixencia Artificial, os sistemas expertos, os modelos gráficos probabilistas, a toma de decisións en medicamento e as análises de custes-efectividade. A súa conferencia neste seminario poderase seguir por streaming a través de Youtube.
As outras conferencias achegadas pola UNED celebraranse os días 4 e o 11 de decembro. Para o día 4 espérase a intervención do doutor Julio Gonzalo Arroyo, catedrático en Linguaxes e Sistemas Informáticos da UNED. O seu relatorio titúlase Rumbo en sistemas de avaliación. E o día 11 poderá escoitarse a conferencia Ferramentas de IA en contornas educativas e sociais, a cargo do doutor José Antonio Rodríguez Anaya, catedrático en Linguaxes e Sistemas Informáticos da UNED.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica como software libre unha serie de compoñentes propios, orientados a engadir funcionalidades comúns a aplicacións e servizos web. O código fonte liberado baixo unha licenza de software libre pode atoparse xa no repositorio de Software Libra da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/compoñentes-transversais/).
Con esta nova liberación preténdese poñer a disposición dos desenvolvedores, tanto particulares, empresas ou outras administracións diferentes módulos que foron desenvolvidos internamente, froito das propias necesidades e que poden resultar de utilidade para o desenvolvemento de calquera aplicación ou servizo web xenérico. Con isto favorécese a súa reutilización e foméntase a súa estandarización.
Esta liberación continúa a senda que iniciou a Amtega fai uns anos, publicando como software libre unha serie de arquetipos software, que xurdiron tamén de necesidades internas, e que permitían a creación de esqueletos de aplicacións e servizos web baseados en tecnoloxía Java. Así, todos estes desenvolvementos que xorden das necesidades da propia administración redunda en crear un ecosistema de recursos de software libre que poden axudar a outras entidades de desenvolvemento de software e a creación dunha comunidade arredor dos mesmos.
Todas as aplicacións e servizos web teñen cousas en común, independentemente da súa temática e especialización particular, existen funcionalidades xenéricas que son comúns a calquera aplicación deste tipo, como pode ser por exemplo un sistema de autenticación de usuarios. A idea da elaboración destas pezas como recursos independentes que poidan ser reutilizados entre aplicacións foi o que orixinou a creación deste conxunto de compoñentes transversais.
Están feitos empregando as tecnoloxías do ecosistema Java, un dos máis habituais na elaboración de aplicacións web. Calquera aplicación feita nesta tecnoloxía pode incorporar de xeito moi sinxelo calquera destes compoñentes e ter cuberto así algunha das funcionalidades máis habituais e que toda aplicación precisa. No Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia pódese atopar o listado completo de compoñentes e ver que funcionalidades ofrecen.
Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. Os compoñentes publícanse cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).