main content

main content
08/11/201608:11
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

Seleccionados os seis proxectos emprendedores da primeira edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’

  • Con esta iniciativa, a Fundación Vodafone España e a Xunta de Galicia fomentan o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesibles na Comunidade
  • Os distintos proxectos seleccionados están orientados a mellorar a calidade de vida de persoas con diabetes, a educación nas aulas, os coidados de enfermos de Alzheimer, a alfabetización das persoas maiores, o tratamento de fobias e a xestión do traballo das confrarías de mariscadores galegas
  • Os seleccionados accederán a sesións de formación, mentoring, axudas económicas e a un espazo de coworking na Cidade da Cultura

 

O xurado do programa ‘Connecting for Good Galicia’ vén de seleccionar os seis proxectos emprendedores de innovación social que formarán parte da primeira edición do programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

‘Connecting for Good Galicia’ ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia. Desta forma, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020.

 

Proxectos premiados

Nesta primeira convocatoria, o xurado -formado por membros de Amtega, GAIN, IGAPE, Vodafone España e a Fundación Vodafone España- fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as máis de 40 candidaturas recibidas:

  • Insulclock: un dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena automaticamente toda información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina. Esta solución mellora a calidade de vida das persoas con diabetes, evitando esquecementos e equivocacións grazas ao sistema de alarmas e avisos.
  • Robobo: unha ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas (ej: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Matemáticas) por parte do alumno.
  • MyKeeper: un proxecto que integra dous dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de Alzheimer ou outra demencia: un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador.
  • Phottic: un proxecto de alfabetización de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía, onde os mozos achegan o coñecemento tecnolóxico e os maiores a historia das imaxes.
  • PsicoVR: un software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico.
  • Xesmar: unha aplicación web que permite mellorar a xestión, organización do traballo e acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia.

 

Beneficios de formar parte do programa

Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado na Cidade da Cultura.

Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos os seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.

Ademais, os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros, outorgada por GAIN, e un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia, ao seleccionado como mellor dos seis proxectos, para a súa execución e posta en marcha.

Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, cunha dotación de 10.000€ ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

08/11/201608:11
Rapaza explicando o seu proxecto nun expositor en Galiciencia.
Ourense

A Galiciencia 2016 exhibirá 75 enxeños smart

A Galiciencia deste ano (edición 11) promete ser máis que nunca unha feira de coñecemento e innovación con vistas ao futuro. Co engadido extra de que esta innovación vén da man de quen, por forza e por lóxica, é de por si innovadora: a nosa rapazada. Segundo informa a organización da feira, a Tecnópole, nesta convocatoria en curso amosaranse até 75 proxectos procedentes de centros de Galicia, Asturias, Catalunya e Euskadi. Celebrarase entre o 16 e o 18 de novembro no devandito Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense). Entre os enxeños que poderemos ver atópanse moitos exemplos desas tecnoloxías que cando chegan desencadean por norma a seguinte pregunta: “Por que non se me ocorrería a min antes?”. Poderemos ver un pastilleiro smart para pacientes crónicos, unha aplicación móbil de alerta de avespa asiática, un espantallo 2.0 ou toalliñas húmidas ecolóxicas feitas com material téxtil desbotado.

O nexo común destes enxeños é a vontade dos seus creadores para achegar ao mundo algo de utilidade e con potencial para emendar problemas concretos.

Segundo informa a Tecnópole, este ano en curso recibiuse a “cifra récord” de máis de cen propostas candidatas. Delas seleccionáronse finalmente medio centenar de Secundaria e dúas ducias de Primaria. Os enxeños, como dixemos, serán expostos entre o mércores 16 e o venres 18 de novembro no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Polo que se refire aos premios, atinxirán unicamente aos proxectos de Secundaria, sendo disputados por equipos procedentes de toda Galicia, Catalunya, Euskadi e, por primeira vez, Asturias. No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na que está considerada a meirande feira científica a nivel estatal, Exporecerca 2017.

04/11/201614:11
Apps de Google
Ponteareas

Ponteareas achega á veciñanza ao retoque fotográfico e ás aplicacións de Google

A Concellería de Ensino do Concello de Ponteareas vén de informar do comezo dun curso sobre retoque fotográfico para nais e pais de alumnado local. A esta actividade formativa, que se desenvolve dende o 2 de novembro (até o 23) na Aula CeMIT (Centro Social da rúa Oriente) cómpre sumar outro obradoiro sobre aplicacións de Google, a celebrar no mesmo espazo de divulgación e dinamización tecnolóxica. Este curso sobre ferramentas de Google comezará o mércores 30 de novembro, seguirá o 14 e rematará o 21 de decembro.

A primeira das achegas formativas tenta achegar aos participantes ao retoque fotográfico con actividades como a creación dun logotipo, dun fondo de pantalla e dunha fotomontaxe, técnicas de enfoque e desenfoque e metodoloxías para a coloración ou para aplicación de filtros básicos, entre outros temas. Ao remate entregarase un diploma da Xunta de Galicia que certifica o tipo de curso e número de horas realizadas e que servirá para ampliar o currículo das persoas que accedan ao mesmo. Segundo fixo saber na inauguración do primeiro obradoiro a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, “esta é unha boa oportunidade para actualizar os coñecementos informáticos, que poden servir para uso persoal e incluso poder ampliar os currículos das persoas que realizan o curso de cara a poder entrar no mundo laboral”.

04/11/201613:11
App Celanova Viva
Celanova

A veciñanza de Celanova pide ao Concello unha app para acceder a toda a información municipal

A Aula CeMIT de Celanova vén de realizar unha enquisa, difundida polas redes sociais (Facebook e Twitter), na que se tira como conclusión o desexo de que un 98,9% dos veciños deste municipio apostan pola posta en marcha dunha aplicación móbil, Celanova Viva, de cara a unificar a información administrativa, cultural, deportiva e social do Concello de Celanova para achegala aos usuarios (residentes ou non no municipio) co único requisito de contaren cun teléfono con acceso á internet e con posibilidades de descargar aplicacións.

Grazas a esta app, os veciños de Celanova coñecerán de primeira man: as actividades locais, o turismo, as ofertas de comercio da zona, os lugares de lecer e outros servizos administrativos, culturais e deportivos de utilidade, feito que contribuirá a que se poida dinamizar a actividade social, cultural e económica do termo municipal.

Detrás desta iniciativa atópase a empresa de tecnoloxías da información Evelb, elixida polo Concello de Celanova para xestionar a axuda precisa por parte da Xunta de Galicia para poder poñela en marcha durante o ano 2017. En canto a novidades, esta aplicación móbil salienta pola interacción entre comerciantes e clientes, facilitando a visualización dos produtos e permitindo que compradores e vendedores interactúen en tempo real. No sector da hostalería, poderanse publicar as propostas gastronómicas de balde, fomentando o turismo gastronómico, o comercio a distancia e promovendo a venda de produtos de Celanova a nivel autonómico. A Aula CeMIT de Celanova, no marco do proxecto CeMIT-Innova, é unha iniciativa da AMTEGA para o fomento da Innovación Social Dixital en Galicia, e da que a aula CeMIT de Celanova forma parte como proxecto piloto.

04/11/201609:11
Masaxe cardíaca
Santiago de Compostela

Feijóo anuncia a posta en marcha dun sistema para mellorar a atención ás paradas cardiorrespiratorias baseado nunha rede de voluntarios coordinada por unha aplicación móbil

  • Destaca que “este programa é un dos 11 que está a coordinar o 061 para mellorar a xestión das emerxencias sanitarias”

 

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, presentou onte un programa piloto que mellorará a atención á parada cardiorrespiratoria fóra dos centros sanitarios mediante a coordinación dunha rede de voluntarios que a través dunha aplicación móbil enviará unha notificación cando se produza un suceso deste tipo nun lugar público da súa contorna. “Os voluntarios poderán auxiliar á persoa que sufre a parada mentres non chegan os servizos sanitarios”, sinalou Feijóo.

Este proxecto piloto comezará a desenvolverse en Santiago, en colaboración coa Sociedade Española de Cardioloxía e a Cruz Vermella de Galicia. Nun primeiro momento, os participantes no programa serán os membros da rede de voluntarios da Cruz Vermella, pero o obxectivo é crear un rexistro de persoas formadas en soporte vital básico, listas para seren activadas. Esta información cruzarase co Rexistro de desfibriladores externos de Galicia.

Mellor xestión das emerxencias sanitarias

“Este programa é un dos 11 que está a coordinar o 061 para mellorar a xestión das emerxencias sanitarias”, dixo Feijóo. Entre eles están a formación aos escolares galegos en técnicas de reanimación cardiopulmonar, a creación dun rexistro nacional da morte súbita a nivel prehospitalario e proxectos de investigación para determinar o xeito no que se deben ensinar manobras de soporte vital aos rapaces en idade escolar.

O presidente da Xunta en funcións lembrou que de entre todas as situacións de emerxencia, a parada cardiorrespiratoria é aquela onde unha atención rápida e eficaz pode marcar máis a diferenza. Neste tipo de situacións, a dispoñibilidade inmediata de desfibriladores e voluntarios, que é o que se quere mellorar con este programa, é imprescindible para salvar a vida e minimizar as secuelas.

Esta iniciativa enmárcase nas que se están levando a cabo a través dos programas Innova Saúde e Hospital 2050, que buscan seguir modernizando a Sanidade pública galega. Ademais deste proxecto, impúlsanse outros como a aplicación móbil de localización e guiado de pacientes que presentamos a semana pasada.

04/11/201608:11
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Deputación da Coruña lánzase a loitar na Rede e nos coles contra a violencia de xénero

As medidas para frear a discriminación e a violencia de xénero nas novas xeracións (cousas como a crenza nas “bondades” da sobreprotección por parte dos rapaces, ou o suposto lado positivo dos roles tradicionais de masculinidade e feminidade) deberan ter unha aplicación contundente nas novas tecnoloxías, por ser estas canles de comunicación de uso común entre as novas xeracións, e polo seu carácter de “perpetuadoras” e “espalladoras” da información sexista. Esta actuación directa sobre mal uso das TIC está na base de Suprime o control, a iniciativa da Deputación da Coruña para frear a lacra da violencia de xénero dende a educación e a divulgación entre a mocidade. A medida vén da man da Área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero e este mes de novembro desenvólvese (estreándose) nos centros de ensino dos concellos de Trazo, Touro, Malpica, Cerceda, Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía.

Suprime o control vaise desenvolver ao longo deste primeiro curso académico en 14 centros educativos e terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019. Despois de se impartir en Frades, Cabana de Bergantiños e Vedra, será o mes de novembro, en que se conmemore o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o que concentre máis accións do programa que visitará os centros de ensino de once concellos.

O programa, sinala a Deputación, destínase ao alumnado de 3ª e 4ª da Educación Secundaria Obrigatoria, as súas familias e ao profesorado. Baséase en ofrecer ferramentas coas que “traballar pola construción de identidades igualitarias” facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais. Segundo fixo saber os días pasados Ánxela Franco, responsábel da devandita Área, o programa adicará especial atención ao papel das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como ferramentas de relación entre a mocidade “poñendo ao seu dispor unha asesoría en liña continuada para resolver dúbidas”. Na Rede, ademais, desenvolveranse accións diversas de divulgación, como por exemplo un concurso en Instagran, que se promoverá de cara ao 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero. Instagram sen machismo trasladará á esta rede social (segundo a Deputación “unha das comunidades en liña máis populares entre a poboación adolescente”) as conversas sobre violencias machistas dinamizadas nas aulas.

Por outra banda, de cara xa o 8 de marzo, desenvolverase un concurso de micro-relatos que abordará os distintos puntos de vista e preocupacións da mocidade sobre as violencias machistas.Estas iniciativas súmanse a outras que anualmente convoca a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero como o concurso Concepción Arenal de proxectos de igualdade e prevención de violencia de xénero para centros educativos ou o concurso de guións dirixido á poboación adolescente que ten como un dos premios a edición do proxecto coa axuda de profesionais.

Calendario do mes de novembro
Día 2- Concello de Trazo. Viaño Pequeno Día 3- Concello de Touro. CPI Plur. Fonte de Díaz Día 7- Concello de Malpica. IES Urbano Lugrís Día 8- Concello de Cerceda. CPI O Cruce. Día 9- Concello de Ponteceso. IES Ponteceso Día 9- Concello de Boimorto. CPI Armando Cotarelo. Día 11- Concello de Dodro. CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón. Día 15- Concello de Tordoia- CPI Pecalama Día 17- Concello de Arzúa- IES Arzúa. Día 18- Concello do Pino- CPI Camiño de Santiago. Día 24- Concello de Mesía- CPI de Xanceda.

03/11/201612:11
Accesibilidade TIC
Santiago de Compostela

Só o 5% das contratacións públicas de produtos TIC inclúe criterios de accesibilidade

  • A implantación do novo Estándar Europeo de Accesibilidade, responsabilidade de todos.

 

As próximas semanas serán decisivas para que o Estándar Europeo de Accesibilidade, que establece os criterios legais que deben rexer na adquisición por parte das Administracións Públicas de servizos TIC, se transpoña definitivamente en España.

A norma EN 301 549, aprobada polo Parlamento Europeo por consenso e coa participación de todas as partes interesadas, obriga aos licitadores públicos a ter en conta a accesibilidade cando teñen que adquirir bens e servizos e debería entrar en vigor no noso país antes do 16 de abril pero a crise política e a situación de interinidade do Goberno deixouna en suspenso.

Os datos din que en España só o 5% dos contratos públicos de produtos TIC conteñen normas sobre accesibilidade. Cando se incorpore a norma EN 301 549 e se utilice o estándar europeo, as empresas que queiran obter algún contrato con organismos do Estado ou das diferentes autonomías estarán obrigadas a ter en conta criterios cualitativos de accesibilidade, e non só o prezo.

Os precedentes dispoñibles apuntan a que esta nova forma de proceder terá efectos multiplicadores. En EEUU, que ten regulado o seu propio estándar de accesibilidade desde o ano 2000, constatouse que, unha vez instituido, as empresas crearon Departamentos de Innovación e Accesibilidade para poder vender á Administración, un cliente demasiado importante para non telo en conta. Fabricáronse teléfonos móbiles, tabletas, portátiles accesibles… que cubriron unha demanda latente e chegaron aos consumidores finais. Pero houbo máis, grazas a esas novas ferramentas tecnolóxicas moitas persoas con discapacidade puideron acceder a un posto de traballo.

O que sucedeu en EEUU pode extrapolarse a Europa. A aplicación da norma EN 301 549 beneficiará a todos e non só aos preto de 80 millóns de persoas con discapacidade que hai na UE.

Desde o Foro Europeo de Discapacidade aseguran que o estándar ten gran potencial para potenciar as compras privadas, desde o comercio on-line aos servizos audiovisuais. Están convencidos de que cando se transpoña a directiva no conxunto dos países europeos todos os smartphones ou tabletas que saian ao mercado cumprirán uns criterios mínimos de accesibilidade.

03/11/201607:11
Escudo do Concello de Oroso
Oroso

O Concello de Oroso organiza 20 cursos tecnolóxicos para a súa veciñanza

A comezos desta semana o Concello de Oroso anunciaba a incorporación de 20 novos cursos de teleformación de diversos temas, todos eles de balde e cun eixo común: as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Cómpre informar que os cursos están dispoñíbeis a través da Aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso, terán unha duración de entre 4 e 10 horas e poderán realizarse en calquera intre, sen que o Concello leve a cabo unha convocatoria para celebralos. Emporiso, a plataforma de teleformación local achegará cursos de temática variada e diferentes niveis: dende cursos para aprender a manexar a tableta, a cámara dixital, dispositivos electrónicos, o smartphone ou outros dispositivos electrónicos.

Asemade, haberá sesións para aprender cuestións de actualidade nas redes como a computación na nube, o comercio electrónico, a creación de blogs ou como manexarse na Administración Electrónica (factura electrónica, trámites económicos na Internet, xestión de documentación…).Para aqueles que rematen o curso e queiran facerse cun diploma de realización do curso asinado dixitalmente, terán a opción de realizar un exame presencial na aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso para acadalo. Alén disto, tamén se realizarán xornadas presenciais relacionadas con algunha das temáticas dos cursos para axudar ás veciñas e veciños a superar dito exame. Para máis información ou para inscricibirse na Aula de Formación EducaOroso (rúa do Deporte 7, Sigüeiro), cómpre chamar por teléfono (981 688 950) ou facelo a través da web municipal.

02/11/201610:11
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

Fallo do Xurado sobre a I Edición da Convocatoria para Emprendedores “Vodafone Connecting for Good Galicia” (resolución provisional)

  • Os seis proxectos de emprendemento seleccionados formarán parte do Programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia', que inclúe formación, mentoring, axudas, así como un espazo de traballo na Cidade da Cultura

 

A iniciativa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia', promovida por a Fundación Vodafone España, ten como finalidade apoiar a emprendedores e PEMES de recente creación, cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia.

Nesta primeira convocatoria, que conta co apoio da Xunta de Galicia, o Xurado fallou por unanimidade na selección dos seis mellores proxectos de emprendemento, que son:

  • Insulcloud mellora a calidade de vida das persoas con diabetes tratadas con insulina, creando un dispositivo electrónico que se axusta facilmente á pluma de insulina e almacena automaticamente toda información relativa á administración desta: hora e día, dose e tipo de insulina. Evita esquecementos e equivocacións grazas ao sistema de alarmas e avisos dirixidos ao usuario e a calquera outra persoa autorizada por este, aumentando a adherencia ao tratamento.             
  • Robobo consiste no desenvolvemento dunha ferramenta educativa de alto contido tecnolóxico que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas (ej: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Matemáticas) por parte do alumno.
  • MyKeeper é un proxecto que integrado dous dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de Alzheimer ou outras demencias: un sistema de localización integrado nun reloxo/pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador.
  • Phottic recupera as historias do mundo a través da fotografía, onde os mozos achegan o coñecemento tecnolóxico e os maiores a historia das imaxes. Atrae o interese da terceira idade, converténdose nun proxecto de alfabetización de maiores.
  • PsicoVR é un software desenvolvido para lentes de realidade virtual (RV) e destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico.
  • Xesmar é unha aplicación web que permite mellorar a xestión, organización do traballo e acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia.

Os seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse de:

  • Formación: durante a fase de academia, que terá unha duración de polo menos seis meses, impartiranse sesións de formación sobre modelo e plan de negocio.
  • Mentoring: asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto.
  • Patrocinio: dotación de 2.000€, outorgada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seis proxectos de emprendemento.
  • ◦Cheque RRHH: acceso a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.
  • Un lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good' situado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Doutra banda, tamén poderán optar a:

  • ◦Axuda de 25.000 euros, outorgada por GAIN, e préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, outorgado a través de XesGalicia, ao seleccionado como mellor dos seis proxectos, para a súa execución e posta en marcha.
  • ◦Premio “Conectados pola Accesibilidade” cunha dotación de 10.000€ ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

Cada gañador recibirá ademais outros apoios de difusión e presenza institucional.

O xurado formado por membros de AMTEGA, GAIN, IGAPE, VODAFONE e FUNDACIÓN VODAFONE valorou o carácter innovador dos proxectos, o público obxectivo, o equipo que o compón, así como a súa viabilidade e accesibilidade.

Tras a publicación desta resolución provisional, ábrese o prazo de 5 días hábiles para que os participantes poidan formular alegacións ás puntuacións obtidas, tras o transcurso do cal se resolverán e publicarase definitivamente a selección.

02/11/201610:11
Persoa maior usando un móbil.
Santiago de Compostela

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS) e a Fundación Vodafone España formarán a 4.500 maiores no uso dos novos teléfonos intelixentes

  • Preténdese facilitar o uso ás persoas maiores dos teléfonos intelixentes, tanto no ámbito da xestión como no do lecer e tempo libre

 

FEGAUS e a Fundación Vodafone España, tras o éxito conseguido o ano pasado coa formación de máis de 1.700 maiores a través do proxecto Ágora Tecnoloxía, colaborarán de novo este ano na impartición de talleres formativos no uso dos Smartphones en Galicia.

A aparición destes dispositivos xerou unha nova contorna de comunicación que as persoas maiores han de asimilar para poder beneficiarse dos servizos que lles axudarán a vivir con maior autonomía persoal e independencia.

A iniciativa Ágora Tecnoloxía (www.agoraseniors.com/tecnologia) inclúe este ano a formación de máis de 4.500 persoas maiores no uso dos novos teléfonos móbiles e o acceso a Internet desde os mesmos, e ao longo da mesma mostraranse as diferentes posibilidades que ofrecen estes dispositivos: como utilizalos, para que nos poden servir e que aplicacións poden usar segundo os seus gustos e preferencias, especialmente para o contacto con familiares e amigos, todo iso co fin de mellorar a calidade de vida dos maiores.

Os obradoiros terán lugar entre os meses de outubro de 2016 e marzo de 2017. En total impartiranse dezaoito talleres e retransmitiranse en directo a través de internet para a súa maior difusión dentro do colectivo.

Este ano, Ágora conta co apoio dun conxunto de organizacións, entidades e empresas cuxo obxectivo é impulsar esta iniciativa para conseguir que chegue a toda a poboación galega susceptible de interesarlle e poder verse beneficiada. Entre as cales podemos mencionar a: AMTEGA-Xunta de Galicia, os 7 Campus Universitarios de Galicia, COGAMA, COGAVE e Canle Sénior.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS