main content

main content
24/10/201608:10
Logo Rapaciñ@s
A Coruña

Os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías e obradoiros para grandes e pequenos, na Coruña o día 24 da man de Rapaciñ@s

  • A xornada, organizada polo CPEIG e Amtega no Colexio Calasanz, é de balde e está dirixida a nais e pais para previr riscos na Internet
  • Nenos e nenas de entre 8 e 14 anos poderán participar en diferentes obradoiros

 

O día 24 de outubro, o Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña acollerá a xornada Rapaciñ@s, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O horario do evento, que é gratuíto, vai de 18:30 a 20:30 horas.

Nais, pais e docentes aprenderán as vantaxes das novas tecnoloxías e como previr os riscos que tamén presentan. Namentres os adultos asisten a unha charla dun colexiado do CPEIG, os nenos participan en obradoiros de programación e robótica educativa. Cómpre inscrición previa en: eventos@cpeig.gal.

Rapaciñ@s é un programa de charlas informativas que percorren Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

 

Límites e oportunidades

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultaron destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións naceu a iniciativa Rapaciñ@s.

 

21/10/201608:10
Logo CCN Cert
Santiago de Compostela

Como usar o noso móbil de forma segura e evitar ciberataques

  • O CCN-CERT publica o seu informe de Boas Prácticas CCN-CERT BP-03/16 cun decálogo de seguridade cos principais puntos a ter en conta.
  • España, un dos países cunha maior penetración de teléfonos intelixentes, é un dos máis afectados polo crecente número de ataques, cada vez máis complexos e sofisticados.
  • O documento ofrece un conxunto de pautas e recomendacións para mitigar posibles ataques, dando a coñecer as técnicas e os recursos máis utilizados polos atacantes para conseguir infectar un dispositivo móbil ou obter información persoal da vítima.

Actualizar sempre o sistema operativo e as aplicacións do dispositivo móbil (que deberían descargarse sempre de fontes de confianza), realizar copias de seguridade periódicas do contido que se desexa protexer, evitar conectarse a redes Wi-Fi públicas abertas e rexeitar permisos innecesarios nas apps son algunhas das principais recomendacións que o Centro Criptolóxico Nacional (CCN) realiza no seu Informe CCN-CERT BP-03/16 Boas Prácticas en Dispositivo móbiles recentemente publicado.

O documento, o segundo dunha serie de informes destinados a un público xeral que busca concienciar e facilitar o uso seguro das tecnoloxías da información e as comunicacións, céntrase precisamente nun dos segmentos nos que se observa un maior incremento no número de ataques e de roubo de información e, pola contra, menor percepción de perigo teñen os seus usuarios. Máxime, tendo en conta que os dispositivos móbiles son utilizados tanto nas comunicacións persoais, como nas profesionais, privadas e relevantes, e para o almacenamento e intercambio de información sensible.

A maior parte dos exemplos do Informe fan referencia ás dúas plataformas máis utilizadas nestes momentos: Android (Google) e iOS (Apple) e nel pódense atopar epígrafes dedicados á pantalla de bloqueo, as comunicacións a través de USB, a actualización do sistema operativo e das aplicacións, o cifrado do dispositivo móbil, as copias de seguridade ou a xestión remota do dispositivo.

CCN-CERT BP-03/16 inclúe ademais un apartado sobre as capacidades de comunicación inalámbricas, as aplicacións móbiles (apps) ou outras recomendacións de seguridade de carácter xenérico (tanto desde o punto de vista corporativo como persoal) xunto cun decálogo de recomendacións.

Comunicado CCN-CERT (20-10-2016)

Acceso ao Informe

21/10/201608:10
Nenos ante unha pantalla de ordenador.
Santiago de Compostela

Seis de cada dez nenos menores de 5 anos utilizan a tablet para ver debuxos animados

  • O 61% dos nenos menores de 5 anos utilizan a tablet para ver debuxos animados, segundo se desprende dunha enquisa realizada por Hero Baby entre os seguidores da súa páxina de Facebook sobre o consumo de debuxos animados, que ofrece datos sobre os hábitos de 284 nenos menores de 5 anos.

En concreto, en canto á pantalla utilizada para ver os debuxos animados, os resultados desta enquisa poñen de manifesto que o 93% destes nenos veos a través da televisión, un 23% ve os debuxos a través de smartphones e un 10% utiliza o computador.

En relación ao grupo de nenos menores de 2 anos, os datos extraídos da enquisa mostran que o 88% veos na televisión, mentres que o 55% utiliza tamén a tableta e smartphone. En cambio, menos do 1% o fai a través do computador.

Sobre o tempo que pasan vendo debuxos animados, a enquisa desvela que o 64% dos menores de 5 anos ve máis dunha hora ao día este tipo de contidos audiovisuais; o 31% faino menos dunha hora ao día; o 54% faino entre unha e dúas horas; e o 12% faino máis de dúas horas ao día. O 4% dos nenos desta idade non adoita ver debuxos animados.

Preguntados por quen elixe os debuxos animados que consomen os nenos, o 31% dos enquisados asegura que os escollen os propios menores; o 32% afirma que na súa maioría elíxeos a nai; o 28% elíxenos entre o pai e a nai; e o 2% di que os elixe o pai.

"O uso de tablets e móbiles converteuse nun recurso para as familias con fillos, pois con eles contrólanse situacións difíciles, ademais a motivación dos nenos é altísima", explicou a psicóloga e coach especialista en procesos de axuda e crecemento a nenos e familias, Helena Figuerola.

Neste sentido, advertiu de que os pais deben controlar os tempos xa que "un neno non pode estar máis dunha hora e media ao día contando todas as pantallas"; coñecer e controlar os contidos que sexan adecuados á súa idade; e pasar algúns momentos con eles para evitar a introversión. 

21/10/201608:10
Muller usando móbil.
Santiago de Compostela

A USC impulsa un estudo para determinar o potencial dos móbiles como recursos de inclusión para desempregadas

A investigadora da USC Yolanda García vén de pór en marcha un estudo sobre o emprego de dispositivos móbiles como recursos de inclusión social para mulleres desempregadas de longa duración. A investigación, desenvolvida en colaboración coa School of Social Welfare da Universidade estadounidense de California (a UCBerkeley, na que se atopa traballando Yolanda cunha bolsa posdoutoral), levarase a cabo cunha base de dúas ducias de mulleres desempregadas de oito concellos galegos. Yolanda García é investigadora do grupo Gist-Idega da Universidade de Santiago.

Segundo informa a USC, a investigadora galega está a coordinar un grupo interdisciplinar no que participan xeógrafos, enxeñeiros informáticos, traballadores sociais e psicólogos, “que coa información acadada pretenden abrir unha reflexión sobre as vantaxes e limitacións deses instrumentos tecnolóxicos para as terapias psicosociais”. Na base do estudo sinálase que os móbiles “permiten superar os atrancos de comunicación” e con eles “podemos dar respostas inmediatas de atención psicoterapéutica a calquera persoa en calquera lugar, pero tamén a persoas con problemas sociais, de saúde mental, física u outras”, explica a investigadora. Malia estes e outros beneficios, a propia investigadora tivo ocasión de comprobar (xunto cos tamén investigadores A. Aguilera, da Universidade de California, Carlos Ferrás, da USC, e A. Rocha, da Universidade de Coimbra) a escaseza de investigacións con colectivos vulnerábeis coma os devanditos, coa excepción dos estudos desenvolvidos en Estados Unidos, onde se empregan estas tecnoloxías tanto no traballo social como no da psicoloxía clínica. Na investigación impulsada por Yolanda García colaboran tamén a Consellería de Familia e Benestar Social e os servizos sociais dos concellos de Brión, Ames, Teo, Rois, Santa Comba, Ordes, Cerceda e Padrón aos que pertencen as mulleres.

20/10/201608:10
Presentación dos cursos online.
Santiago de Compostela

Fundación ONCE presenta unha canle formativa de cursos online que abordan o deseño universal

  • O primeiro curso MOOC arrinca o 14 de novembro en UNED Aberta e trata sobre conceptos de accesibilidade universal aplicados á Enxeñería.

 

Fundación ONCE presenta unha canle formativa de cursos online que abordarán en primeira persoa a accesibilidade universal e a necesidade de incluír criterios de deseño para todos nos distintos proxectos.“Pretende formar profesionais capaces de construír unha sociedade inclusiva”, resumiu Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación de Fundación ONCE.

A canle Fundación ONCE presentouse onte mércores nun encontro celebrado en Servimedia. A iniciativa enmárcase no convenio que manteñen Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade e conta co apoio da UNED.

Á presentación acudiron Mercedes Jaraba, directora do Real Padroado sobre Discapacidade; Elena Jariod, xefa de Servizo da área de Programas e Actividades do Real Padroado sobre Discapacidade; Miguel Melendro, vicerreitor Adxunto de Transparencia da Investigación da UNED; Tomás Jiménez, secretario executivo de CRUE Tic, e David Zanoletty, xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles da Fundación ONCE.

Segundo explicou Jesús Hernández, trátase da posta en marcha dunha canle formativa de cursos MOOC (Massive Online Open Courses) onde, con criterios de deseño para todas as persoas, publicaranse cursos con temas relacionados co deseño universal. O obxectivo é facer pedagoxía sobre esta materia.

Está dirixido a alumnos de enxeñerías, pero tamén a todos os profesionais en exercicio que precisan de formación nesta materia para “construír unha sociedade inclusiva”. “Para construír a sociedade que queremos, todas as titulacións e profesións contan”, aseverou Hernández.

Para Mercedes Jaraba a posta en marcha desta canle de formación coincide cun dos obxectivos do Real Padroado sobre Discapacidade como é a aposta pola formación de todas as persoas e, especialmente, pola formación superior e universitaria que, segundo recoñeceu, aínda adoece de falta de accesibilidade. “A integración plena”, subliñou, “vén polo emprego e, sen o nivel de formación adecuado, non se alcanzará”.

Na súa opinión, hai que apostar por esta tecnoloxía MOCC que pode ser unha achega fundamental para que un maior número de persoas con discapacidade poidan acceder á formación superior.

En representación da UNED, Miguel Melendro mostrou a súa satisfacción pola posta en marcha deste proxecto que, segundo dixo, encaixa á perfección coa filosofía desta universidade “aberta e inclusiva”. Explicou que estes cursos, abertos e de calidade, pretenden chegar non só ao profesorado, senón tamén a administracións, empresas e a todos os profesionais que queiran ser capaces de facer os seus deseños de actuación profesional accesibles para todos.

A canle, accesible a través de UNED Aberta incorpora recursos educativos abertos, gratuítos, de calidade e accesibles para todos. O estudante obtén, ademais, o recoñecemento ou acreditación polos méritos conseguidos.

A primeira convocatoria do curso MOOC, que arrinca o 14 de novembro cunha duración prevista de 4 semanas, leva por título ‘Enxeñería de Factores Humanos/Interacción Persoa-Computador: Necesidades do usuario e produtos de apoio'. Nel abordaranse conceptos de accesibilidade universal nas carreiras de Enxeñería.

Dentro do proxecto atópase tamén o compromiso de editar dous cursos adicionais. Un deles sobre a autoría de Documentos ‘Dixitais Accesibles' e un terceiro sobre ‘Accesibilidade de produtos e servizos TIC: Compras públicas. (UNE-301 549)'.

Por último, en nome da CRUE, Tomás Jiménez mostrou o seu apoio a esta iniciativa e sinalou que aínda queda moito camiño por facer en canto á accesibilidade dos contidos universitarios. “Toda iniciativa que sirva para acurtar esta distancia é ben recibida”. Segundo dixo, estes cursos MOOC rompen as barreiras de acceso físico e teñen vantaxes para a educación en xeral. “O noso papel fundamental agora é trasladar esta iniciativa ao profesorado”, recalcou.  

Para concluír, Jiménez referiuse a un informe de "Inserta Empleo" que confirma que as persoas con discapacidade terían as mesmas oportunidades laborais se accedesen ás mesmas oportunidades formativas.

20/10/201608:10
Logos COCEMFE e Fundación Vodafone España
Santiago de Compostela

Proxecto WebQuest: Excelencia na procura intelixente de emprego utilizando as Tics e a aprendizaxe colaborativa. Unha iniciativa experimental posta en marcha por Fundación Vodafone España e os Servizos de Integración Laboral de COCEMFE

  • O proxecto utiliza a metodoloxía WebQuest para adestrar as funcións executivas da intelixencia e poñelas ao servizo da inserción laboral

 

A metodoloxía WebQuest é unha ferramenta que forma parte dun proceso de aprendizaxe guiada que promove a utilización de habilidades cognitivas superiores, o traballo cooperativo, a autonomía dos estudantes, ademais dunha avaliación auténtica. As Webquest inscríbense no marco da contorna dixital, xa que os recursos proceden principalmente da internet.

Unha nova modalidade de ensino integrador e completo, cuxa aprendizaxe se basea na práctica, e é esa práctica a que proporciona o coñecemento e fomenta sentimentos agradables. O sistema pedagóxico tradicional baséase na intelixencia cognitiva e emocional. Tal vez moitos dos erros educativos se deban ao descoido da educación da intelixencia executiva. “A intelixencia executiva organiza á intelixencia cognitiva e á intelixencia emocional e ten como obxectivo dirixir ben a acción”.

Este proxecto que comezou en xaneiro e finalizará en decembro, ten como obxectivo xeral mellorar a empregabilidade e as competencias para o emprego das persoas con discapacidade usuarias dos Servizos de integración Laboral de COCEMFE mediante a creación dunha ferramenta transferible WebQuest.

Mediante esta iniciativa preténdese que a procura intelixente de emprego a través da WebQuest, se focalice en executar o realmente importante:

  • Parte dunha definición clara e concreta do proxecto persoal, formativo e profesional.
  • Téñense ben definidas e de maneira realista as metas a curto e medio prazo a conseguir na consecución de emprego.
  • Dedícase o esforzo e a aprendizaxe para coñecer en profundidade todos os aspectos das profesións definidas: demanda de profesionais, perfís profesionais, formación requirida, competencias, horarios, ….)
  • Aprender os modos de recrutamento que se utilizan: oferta na internet, rede de coñecidos, axencias de colocación e/ou especializadas, bolsas, prácticas, probas de selección, cv recibidos, etc.
  • Coñecer en profundidade as empresas existentes na contorna susceptibles de ofertar o emprego de interese.
  • Analizar en profundidade as redes de coñecidos para achegarnos a esas empresas.
  • Identificar en profundidade medios de presentación personalizados, eficientes, diferenciadores, e axustados da nosa candidatura.
  • Adestrar en profundidade no dominio dos medios de selección de persoal utilizados.
  • Analízase en profundidade a experiencia nos procesos de selección para mellorar.
  • Metacognición: Analízase en profundidade todo o proceso que estamos a realizar (focalización, resultados obtidos, metodoloxía utilizada, sustentabilidade das accións emprendidas, flexibilidade, …)

 

Os resultados alcanzados ata o momento son:

  • Creación de Webquest: 11 webquest.
  • Implementación experimental de Webquest: 28 persoas orientadas. Previsto para o 27 de outubro.
  • Incrementar a formación e o uso das Tics: 91 persoas formadas. Delas o 70.3% son mulleres.
  • Inserción laboral de persoas con discapacidade: 290 empresas contactadas.120 ofertas xestionadas. 61 persoas inseridas.

 

Ademais desta parte nova e experimental, o proxecto tamén contempla, co obxectivo de completar o itinerario de inserción laboral dos seus participantes, o desenvolvemento doutras accións xa implementadas nos Siles:

  • Alfabetización tecnolóxica.
  • Prospección empresarial.
  • Captación de ofertas de emprego e intermediación laboral.

 

Os cursos ofertados ofertados foron:

  • Alfabetización dixital
  • Informática básica
  • Procura activa de emprego
  • Tablets I
  • Tablets II

Tiveron unha duración aproximada de máis de 130 horas os de alfabetización dixital/informática básica, e de 20/30h os de procura activa de emprego e Tablets I e II.

20/10/201607:10
Logo Rapaciñ@s
Santiago de Compostela

O CPEIG e a Amtega levan o programa “Rapaciñ@s, a tecnoloxía ben segura” a seis cidades e vilas no mes de outubro

  • O obxectivo é promover un uso seguro da Internet por parte dos máis novos e potenciar a creatividade tecnolóxica

“Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura” é unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O programa, que desenvolve xa a segunda edición, visitará parte de Galicia nos vindeiros días con charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG, e obradoiros infantís baseados na tecnoloxía.

Por unha banda, nais e pais, ademais de docentes, atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros tecnolóxicos para que se divirtan e aprendan.

As persoas interesadas en inscribirse nas xornadas de Ferrol, A Coruña, Vilagarcía, Lugo, Pontevedra e Vigo poden facelo no seguinte enderezo electrónico: eventos@cpeig.gal.

Lugares e datas

Ferrol
Centro Sagrado Corazón
20/10/2016
17:45 a 19:45
A Coruña
Centro Escolapios
24/10/2016
18.30 a 20.30
Vilagarcía
CEIP Escardia
24/10/2016
18:00 a 20:00
Lugo
IES Lucus Augusti de Lugo
21/10/2016
17:00 a 19:00
Pontevedra
IES Xunqueira 1
25/10/2016
17:00 a 19:00

*Pendente de pechar a xornada de Vigo

Límites e oportunidades

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s informa das normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén difunde os valores e oportunidades que ofrece a esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultaron destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións naceu a iniciativa Rapaciñ@s.

 

19/10/201610:10
Logo Womenalia
Santiago de Compostela

Ata 2094 non chegará a igualdade de xénero na ciencia e na tecnoloxía

Women at Technology, é unha iniciativa de Universia e Womenalia coa colaboración de Accenture e o Banco Santander, co fin de dar a coñecer a situación real da muller nas profesións STEM, recoñecidas baixo as siglas en inglés Science, Technology, Engineering, Mathematics.

Susana García Espinel, directora xeral de Universia España e María Gómez del Pozuelo, CEO de Womenalia, presentaron o proxecto como impulsoras desta iniciativa que pretende concienciar á sociedade da necesidade de aumentar o índice de mulleres dedicadas a estas disciplinas, así como a súa presenza nas profesións dixitais.

Susana García Espinel considerou que "hai que lograr un equilibrio e reducir o desnivel que existe actualmente en España, co 26% de alumnas de enxeñaría respecto ao 74% de alumnos, o que sen dúbida favorecerá á sociedade e achegará valor engadido ao sistema". Ademais, entre os estudantes de máster só o 32,1% das matrículas corresponden a mulleres, segundo datos do Ministerio de Educación.

Doutra banda, María Gómez del Pozuelo insistiu en que "para o ano 2025, o 50% das profesións estarán relacionadas coas novas tecnoloxías", polo que "a transformación dixital é unha oportunidade laboral que as mulleres non podemos deixar escapar". Actualmente, o 4% dos CEO?s de compañías dedicadas ás profesións STEM son mulleres e aproximadamente o 30% das profesións IT están desenvolvidas polo xénero feminino.

Para Isabel Tocino, Conselleira do Banco Santander, "a transformación dixital supón en si mesma unha revolución na nosa maneira de pensar e de comportarnos. Atopámonos nun tempo de innovacións no que as mulleres non podemos quedarnos á marxe". Destacou que "as mulleres estamos dotadas dunha intelixencia emocional e dunha sensibilidade especial que nos leva a unha maior proximidade coa nosa contorna, cos nosos equipos".

Pola súa banda, o Presidente de Accenture en España, Juan Pedro Moreno, incidiu no peso que as mulleres tiveron sempre na súa organización, representando un 40% do persoal nas diversas áreas de negocio. En canto á necesidade de recrutar talento no momento actual sinalou: "O empregado dixital está a dar paso ao empregado líquido, é necesario complementar as capacidades técnicas con soft skills que permitan un desenvolvemento transversal dentro da empresa". Este perfil de empregado é o máis capacitado para adaptarse con éxito aos retos que a dixitalización implica.

O evento concluíu coa mesa redonda titulada Visión interxeneracional das mulleres en STEM, moderada por Cristina Aranda, co-fundadora e directora de 'Mujeres Tech', quen falou sobre a importancia dos apoios masculinos para promocionar o talento feminino nas ramas científico-técnicas: "é fundamental comprometer aos homes, porque os homes escoitan aos homes. Necesitamos aliados". A mesa contou coa participación de Alai Blanco, estudante de 12 anos e Speaker in Ted Talks, que destacou o fundamental apoio de familiares e institucións académicas. Pola súa banda, Francisca Huélamo, directora de Tecnoloxía e Innovación en Travel Club achegou "é esencial concienciarnos a nós mesmas de que podemos". As mulleres "temos certas crenzas limitantes arraigadas desde que somos nenas, que moitas veces nos impiden lograr nosas propias metas. Temos que cambiar as mensaxes a positivo". En palabras de José Luís Zimmermann, director xeral de Adigital: "grazas á contorna dixital vanse a producir oportunidades que non entenderán de diferenzas biolóxicas".

19/10/201608:10
Maker fabricando
Santiago de Compostela

Fundación Orange lanza un programa de fabricación dixital que achega a innovación a mozos en situación vulnerable

  • A Fundación Orange puxo en marcha a iniciativa 'Breakers - Fabrícate un novo mundo' un programa formativo de introdución á fabricación dixital dirixido a mozos de entre 16 e 25 anos en situación vulnerable, segundo informa a institución.

 

Desta forma, Breakers combina a aprendizaxe de habilidades técnicas de deseño, impresión 3D, prototipado electrónico ou fabricación dixital con outras competencias transversais e sociais como o traballo en equipo, a mellora da comunicación ou a motivación.

A fundación sinala que os obxectivos do programa son que os mozos adquiran competencias técnicas e favorecer a súa inclusión social activa e participativa, o seu emponderamento e prepararalos de forma creativa para o traballo do futuro

Así, o programa conxuga tres elementos: a innovación dixital, representada polos espazos maker e Fab Lab; a implementación dunha metodoloxía da fabricación dixital e o prototipado rápido para xerar contornas de aprendizaxe; e o compoñente social, para achegar este mundo a mozos que proveñen dun colectivo con dificultades engadidas para acceder a este tipo de recursos.

A iniciativa levarase a cabo a partir deste mes de outubro en cinco espazos da contorna Fab Lab e maker de Barcelona (Tinkerers Lab Castelldefels), Madrid (MakeSpace Madrid), Sevilla (Fab Lab Sevilla), Valencia (Fab Lab Valencia) e Biscaia (Espazo Open Bilbao).

Ademais, nestes espazos creados para deseñar obxectos e ferramentas, os mozos recibirán formación, durante diferentes sesións, nunha contorna colaborativa e de maneira práctica sobre programas de deseño 2D, escaneo 3D, corte e gravado láser ou fresado de circuítos.

O proxecto Breakers enmárcase na iniciativa Solidarity FabLabs que lanzou a Fundación Orange na que pon foco en que mozos sen cualificacións ou con dificultades de diferente índole poidan participar en proxectos formativos que se desenvolven en diferentes espazos de todo o mundo.

A fundación indica que actualmente se están realizando máis de 60 Fab Labs de 11 países. Así, en España empezouse a xestar en 2015 co YAMakers, un programa formativo dirixido a mozos con Asperger, un proxecto realizado en MediaLab Prado con mozos de diferentes disciplinas traballando en común para afrontar un reto social. 

19/10/201608:10
Maiores nun curso de smartphones.
Santiago de Compostela

Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España renovan a súa colaboración e formarán outras 2.900 persoas maiores no uso de dispositivos móbiles

  • Desde que ámbalas entidades empezaron a colaborar, máis de 35.800 persoas participaron en diferentes cursos

 

Co obxectivo de promover as vantaxes que ofrecen os dispositivos móbiles avanzados (novos teléfonos intelixentes e tabletas), Internet e as redes sociais para  as persoas maiores, Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España renovan o seu convenio de colaboración para ofrecer obradoiros formativos a este colectivo.

O obxectivo do devandito convenio, cuxa duración se estenderá ata marzo de 2017, é formar a máis de 2.900 persoas maiores. Desde que comezou a colaboración da Fundación Vodafone España coa Institución en 2006, pasaron por estes cursos case 36.000 persoas.

En relación a esta colaboración, Cruz Vermella desprega toda unha rede de obradoiros formativos no uso dos Smartphone e tablets entre persoas maiores de 55 anos. Os obradoiros son impartidos polo voluntariado da organización, co apoio do persoal técnico da Institución. Na pasada edición, 157 persoas voluntarias en 100 Asembleas Locais, co apoio de 48 técnicos, impartiron 437 cursos en 19 provincias.

Pola súa banda, a Fundación Vodafone a través de www.fundacionvodafoneconlosmayores.com ofrecen vídeo pílulas formativas de carácter gratuíto e adaptadas á linguaxe das persoas maiores que ensinan como utilizar o Smartphone e a tablets dunha maneira eficaz e sinxela, tanto para dispositivos con sistema Android como para os que incorporan o sistema operativo IOS, ademais de utilizar Internet e redes sociais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS