main content

main content
23/11/201613:11
Pantallazo de UNOBRAIN.
Santiago de Compostela

Adestramento cerebral ONCE-Vodafone

  • O reto desta aplicación é o de ofrecer xogos que exercitan áreas como a memoria, o cálculo, as funcións executivas, etc., accesibles ás persoas cegas ou con discapacidade visual.

 

O ‘Adestramento cerebral ONCE-VODAFONE' está composto por unha serie de nove xogos, recompilados na aplicación Unobrain, dispoñibles para ser descargados en Apple Store e Google Play. Os xogos están pensados para todos os gustos e posibilidades, desde propostas de operacións matemáticas, como “Super Aforro” ou “Maiormente”; combinación de letras, como “Esta Palabra sóame”; ou de habilidade e destreza como “De pesca”, “Osiños”, “Semáforo” ou “Sónar”; entre outros.

Para acceder ao adestramento ONCE debemos descargar a aplicación UNOBRAIN e activar as solucións de accesibilidade, por exemplo o lector de pantalla Talkback en Android, ou VoiceOver en iOS. Ao acceder con estes servizos de accesibilidade activados, de forma automática a aplicación ofrécelle unha sesión diaria de adestramento composta dos tres xogos que máis se adecúen ás capacidades cognitivas nas que o usuario mostre menos destreza, en función do seu historial rexistrado.

Ademais, o usuario ten a opción de acceder ao menú xeral e complementar a súa sesión diaria de adestramento cos xogos que el mesmo elixa e tantas veces como queira en cada momento. Tamén se inclúe a posibilidade de acceder a estatísticas da evolución de cada usuario nas facetas cognitivas que traballan os distintos xogos.

Máis información.

23/11/201612:11
Computadora portátil.
Ourense

Ourense, a EOI e Orange achegan formación TIC de balde aos comerciantes locais

O Concello de Ourense quere propagar a formación tecnolóxica entre o seu tecido comercial, todo co obxectivo de modernizar negocios, capacitar profesionais e incrementar competitividade, marxe de manobra, canles de venda, recursos de promoción e de comunicación con usuarios e clientes. Falamos do programa-plataforma Sé Dixital, que o Concello lanza a través dun convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e Orange España.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou positivamente as oportunidades que se abren coa iniciativa, unha plataforma de balde e aberta para toda a cidadanía e “para o desenvolvemento do tecido económico da cidade”.

Na presentación de Sé Dixital tamén participaron o concelleiro de Emprego e Promoción Económica, Jorge Pumar, a edil de Comercio, Belén Iglesias, o xerente de Relacións Institucionais da Zona Norte de Orange España, Óscar Aragón; e o xefe de Proxectos Estratéxicos da EOI, Javier Moreno. A proposta Sé Dixital, sinalouse, foi concibida para ser unha reposta útil e real ás demandas de formación TIC dos cidadáns, profesionais e comerciantes locais. Entre os contidos do programa, inclúense os seguintes: Oportunidades para os negocios desde a túa localidade; Tecnoloxía básica para os negocios e a promoción en canles dixitais; Posicionamento online da túa idea para que te atopen desde calquera parte do mundo; Novas formas de financiamento enInternet para poñer en marcha o teu negocio; Consideracións xurídicas básicas sobre propiedade intelectual e protección de datos (Que é legal, alegal ou ilegal en internet?) ou Novas tecnoloxías para mellorar procesos na túa empresa e axudala na súa transformación dixital.

Para formarmos parte de Sé Dixital podemos realizar a inscrición na mesma páxina de seu, sedigitalylanzate.es, ou a través da páxina municipal www.ourense.gal. Orange facilitará as titorías e material preciso, e ao final do curso expedirase un certificado oficial asinado pola EOI. O programa foi desenvolvido noutras cidades de España e xa capacitou dixitalmente a unhas 10.500 persoas.

23/11/201612:11
Imaxe dun anterior encontro de Lanzadeiras.
Santiago de Compostela

O CNTG acolle este xoves un foro de emprego organizado polas Lanzadeiras de Santiago, Redondela e Marín

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (o CNTG, con sede en Santiago) vai acoller este xoves 24 de novembro un foro de emprego organizado polas Lanzadeiras de Compostela, Redondela e Marín. Segundo informan, o evento desenvolverase baixo o epígrafe Sinerxías para o emprego e servirá, entre outras cousas, para conectar a setenta persoas desempregadas que participan no programa con empresarios e responsables de recursos humanos. Lembrar que as devanditas palestras laborais, xunto coas de Lugo, Ourense e Arteixo, forman parte da edición galega das Lanzadeiras de Emprego, unha iniciativa da Fundación Telefónica e a Fundación Santa María A Real para impulsar na nosa Comunidade (e no resto do ámbito estatal) a capacitación innovadora e tecnolóxica dos profesionais de cara ao mercado de contratación. A vertente galega do programa ten o apoio da Xunta.

Como recordaremos, as iniciativas de Santiago de Compostela, Redondela e Marín comezaron a funcionar a finais de xuño para axudar a 71 persoas desempregadas a adestrar unha innovadora procura de traballo (colectiva, solidaria, proactiva e con novas ferramentas) “acorde ás necesidades que presentan as empresas hoxe en día”. Tras varios meses de adestramento e na recta final do programa, os participantes das tres lanzadeiras quixeron sumar os seus esforzos para organizar este xoves o foro de emprego Sinerxias para ou Emprego, co que queren cumprir un triplo obxectivo: darse a coñecer como profesionais cun talento renovado; contactar de forma directa con empresarios e recrutadores; e acadar unha nova oportunidade laboral.

O encontro comezará ás 9:45 horas no auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías, e continuará desde as 10 até as 11:30 horas cos relatorios de Galejobs, Corporación Noroeste e Programa Santander-Yuzz. Logo celebrarase un espazo de networking entre participantes de lanzadeiras, especialistas, empresarios e responsables de recursos humanos, “con obxecto de que poidan conversar e ampliar información sobre os procesos de selección que se organizan a día de hoxe, en que sectores, para que perfís, con que requirimentos e demandas, etc”.

De 12:30 a 13:30 horas, levarase a cabo a mesa redonda Sinerxías para o emprego, que contará coa intervención de varios participantes das lanzadeiras e empresarios locais, moderados por Carla Reyes Uschinsky, presidenta da Asociación de Executivas de Galicia.

O foro chegará ao seu remate a partir das 13:30 horas, coa proxección dos “mellores momentos vividos” e polos logros acadados polas Lanzadeiras de Emprego de Redondela, Marín e Santiago. Falamos de Re[d]lánzate, Red Marín e SCQ Adiante. Minutos despois será o intre da clausura institucional, con representantes da Fundación Telefónica, a Fundación Santa María A Real, o Concello de Marín e a Xunta de Galicia.

23/11/201612:11
Captura do Twitter do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Santiago de Compostela

O Colexio de Xornalistas lanza nas redes sociais unha campaña para combater o machismo nos medios

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanza esta semana un chamamento colectivo nas principais redes sociais para combater a devandita lacra social e “facer” comunicación nas franxas de idade que máis presenza teñen, precisamente, nas comunidades dixitais: a nosa xuventude. Pero, sobre todo, búscase pór de relevo a escasa “axuda” dos principais medios informativos á hora de combater a violencia.

A campaña, que se bota a camiñar en Twitter e máis en Facebook, difúndese baixo a seguinte etiqueta xenérica e identificativa: #NonDifundasMachismo. Con esta iniciativa o Colexio quere “concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións dos medios de comunicación”.

A campaña, que estará en marcha ao longo desta semana, consiste na publicación a través de Twitter e Facebook de titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación. Todos os exemplos irán acompañados dunha pequena explicación e da etiqueta #NonDifundasMachismo. Desde o Colexio de Xornalistas chámase “a compartir os distintos chíos para visualizar o problema da persistencia de tratamentos machistas nos medios, así como a compartir calquera outro tipo de exemplos destas prácticas sexistas usando o devandito cancelo #NonDifundasMachismo”.

23/11/201612:11
Varios robots de xoguete.
Ferrol

O Campus Industrial de Ferrol achega un concurso de robots para os institutos

Fomentar a creatividade, o traballo en equipo e achegar o mundo da enxeñaría e a tecnoloxía aos estudantes de último ano dos Institutos de Ensino Secundario galegos a través da construción e programación dun robot é a finalidade coa que xorde a primeira edición do concurso de robots do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña. Indo ao concurso en cuestión, cada instituto participante deberá traballar nas utilidades do robot: explicación, montaxe, programación, xincana e proposta do proxecto, para o que contarán coa axuda dun equipo técnico especializado do Campus Industrial.

Xa dende onte (día 22) e até o 28 de novembro, daba comezo o concurso, no que os alumnos terán que presentar nas redes sociais os seus proxectos a través dun pequeno vídeo, explicando o uso do robot e facendo unha demostración do mesmo. O voto do público, que se obterá a través dos likes nos respectivos vídeos, permitirá aos institutos obter as primeiras puntuacións dos seus proxectos, para presentalo despois perante un tribunal no propio Campus Industrial de Ferrol, encargado de outorgar a nota final xunto coas dúas valoracións (a pública e a do tribunal).

A fase final do concurso terá lugar o día 29 de novembro, data na que os participantes visitarán o Campus Industrial de Ferrol e aproveitarán para levar a cabo unha serie de actividades que lles achegarán a oferta docente do campus e o funcionamento dos grupos de investigación.

22/11/201610:11
Proxecto Women's Age.
Santiago de Compostela

Telefónica inviste millóns en emprendimiento feminino no último ano

Telefónica Open Future, a plataforma de emprendemento dixital de Telefónica, investiu millóns de euros desde que se puxo en marcha o proxecto Women's Age hai un ano.

A compañía informou a través dun comunicado este sábado destas cifras de emprendemento feminino que arroxa o proxecto Women's Age, cuxo obxectivo é impulsar a aquelas mulleres emprendedoras, e do que se celebrou a II edición.

O 21% das startups de Open Future están lideradas e fundadas por emprendedoras e hai un 19% de media de mulleres no sector dixital europea fronte ao 33% en Estados Unidos.

A directora global de Telefónica Open Future, Ana Segurado, resaltou que na plataforma contan con 142 empresas fundadas e lideradas por mulleres dun total de case 700 empresas investidas e destacou que en Europa, o Reino Unido encabeza a lista seguido de España.

Respecto do investimento, Estados Unidos concentra a maior porcentaxe da cifra investida por Telefónica Open Future en startups femininas, segundo indicou Segurado, e aínda que considerou que son cifras importantes, non son suficientes, polo que a liña de acción da compañía para incrementar o número de emprendedoras debe pasar por "explicar o emprendemento dixital como unha saída válida para as mulleres".

22/11/201609:11
Arévalo e Soto, nunha reunión con colectivos asociativos.
Mos

Mos difundirá a actividade dos seus colectivos a través dunha plataforma dixital común

  • Estará na web municipal e o contido será elaborado polas asociacións

 

O Concello de Mos creará un espazo dixital común para todas as asociacións do municipio interesadas, a través dunha ferramenta tecnolóxica mediante a que cada unha poderá participar individualmente cun blogue propio ou outra ferramenta nalgunha rede social.

Para informar sobre este proxecto, a concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe o edil Óscar Soto, o CeMIT-Innova, VOLDIX e a Rede Conecta organizarán unha reunión sobre innovación dixital para asociacións mosenses que terá lugar o luns 28 de novembro ás 19.00 horas no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos.

A idea, segundo explican desde a propia concellería, "é que toda a información que se incorpore a esta plataforma teña un tratamento individualizado elaborado por cada asociación en cuestión" e que a ferramenta poida "aloxarse na propia web do Concello de Mos, de maneira que se complemente tamén a información sobre o municipio con datos actualizados de todas as asociacións veciñais, culturais e deportivas".

O edil Óscar Soto explica que "este proxecto naceu tras detectarse a necesidade de divulgación e difusión informativa das actividades levadas a cabo por parte de cada unha das asociacións".

22/11/201608:11
Participantes da xornada
Ferrol

Afundación inicia na súa Sede de Ferrol o programa +60, dentro do seu novo proxecto de envellecemento activo

  • As actividades, dirixidas a maiores de 60 anos, están abertas tamén á participación de público de todas as idades
  • Mozos e maiores escenifican cun flashmob e a lectura dun manifesto o orgullo de ser maior e o valor da experiencia

 

A Sede Afundación Ferrol acolleu esta tarde unha xornada interxeracional na que mozas e maiores participaron nun flashmob e leron un manifesto de dez puntos cos que reivindicaron o orgullo de ser maior e o valor da experiencia. Con este acto simbólico, Afundación celebra a integración neste espazo das actividades de envellecemento activo que ata agora se desenvolvían na avenida de Vigo. A sede convértese desde hoxe nun centro multidisciplinar e interxeracional, co obxectivo de dar cabida a todos os proxectos e actividades que desenvolve actualmente a entidade nos seus tres ámbitos de actuación: a cultura, o envellecemento activo e a educación superior e o coñecemento. O novo espazo confórmase como un centro interxeracional, cuxa oferta, aínda que os maiores de 60 anos, concretamente os 1200 socios e socias rexistrados en Ferrol, sexan o seu público preferente, estará aberta a público doutras idades. Así mesmo, involucrarase ás persoas maiores, segundo os seus intereses, nas actividades culturais e educativas con mozas e escolares que leven a cabo na sede. Deste xeito, crearanse oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas.

Os espazos +60, como o que se inaugurou hoxe en Ferrol, presentan unha ampla e innovadora oferta de actuacións que contempla diferentes dimensións do envellecemento activo: o benestar psicolóxico, físico e social, a aprendizaxe ao longo de toda a vida, así como a participación e a inclusión social das persoas maiores, tendo en conta a pluralidade de intereses e expectativas deste sector da poboación. Esta oferta está estruturada a través de 5 programas: hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, TIC e lecer activo, aos que se suman tres proxectos estratéxicos de Afundación neste ámbito: o valor da experiencia, a difusión dunha imaxe social dos maiores afastada de estereotipos e o voluntariado social e profesional.

 

A estratexia de envellecemento activo

Afundación, dentro do seu proxecto de promoción do envellecemento activo, ten entre os seus obxectivos difundir unha imaxe positiva das persoas maiores que ofreza unha representación fiel e diversa da súa realidade, «desafiando estereotipos estendidos na sociedade sobre este grupo de poboación que non responden á realidade, que as persoas maiores son suxeitos activos, contribuíntes e beneficiarios do desenvolvemento, e que a vellez non é máis que unha etapa do proceso evolutivo do ser», subliña Concepción Martínez Lamigueiro, coordinadora do programa +60 de Afundación en Ferrol. Así, a reivindicación do «orgullo de ser maior» esténdese a todas as actuacións da entidade, co obxectivo de aceptar o envellecemento como un proceso natural, propiciando unha adaptación positiva a esta etapa vital.

O outro eixo de actuación prioritario da entidade neste ámbito é ampliar as oportunidades de participación e contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional en beneficio da comunidade. Así, a través do programa o valor da experiencia, Afundación promove que persoas de diferentes xeracións e, fóra do ámbito familiar, interaccionen, se coñezan e aprendan mutuamente, coa finalidade de aproveitar os coñecementos e capacidades dunhas e outras e superar a fragmentación por idades que prima na nosa sociedade. Un exemplo destas accións é o programa «Fálame da emigración», no que participaron o curso pasado 65 voluntarios e voluntarias maiores e 461 estudantes de 11 centros educativos galegos, entre eles, o IES Sofía Casanova de Ferrol.

22/11/201608:11
Sede do Sergas
Santiago de Compostela

O Proxecto Telea-Fogar Dixital do Sergas, finalista nos premios europeos Procura+Awards 2016

O proxecto TELEA-Fogar Dixital do Servizo Galego de Saúde foi seleccionado como finalista nos premios europeos Procura+ Awards 2016, na categoría de Procedementos de compra pública de innovación do ano. 

Nesta modalidade valórase a innovación nos devanditos procedementos e que a autoridade pública actúe como cliente de referencia. TELEA-Fogar Dixital é o único proxecto de innovación seleccionado de España, e compite na súa categoría contra o sistema de eficiencia enerxética do transporte público de Londres.
 
O proxecto TELEA - Fogar Dixital é unha solución innovadora para teleseguimento de pacientes con enfermidades crónicas, consistente nunha plataforma de asistencia domiciliaria que foi resultado dun proceso de Compra Pública de Innovación (CPI).
 
O Sergas é unha das seis entidades finalistas -das doce preseleccionadas- para estes galardóns, promovidos pola Comisión Europea e organizados por Procura+ Network, unha rede de rexións e autoridades públicas europeas que conectan, intercambian e actúan sobre os procedementos de compras sostibles e innovadoras.
 
Aplicación en pacientes de EPOC
A modalidade asistencial que permite esta iniciativa, que xa foi aplicada para persoas con enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), obtivo excelentes resultados que amosan unha alta contribución á sostibilidade do sistema de saúde. Ao utilizar TELEA, un profesional pode realizar o seguimento de varias persoas simultaneamente, aumentando ademais a calidade da atención.
 
No que atinxe ao seu funcionamento, os pacientes, antes da alta, reciben unha primeira formación na aparataxe que van utilizar, que se complementa xa no seu fogar cando se lles facilitan nel os materiais necesarios para o seu seguimento (no caso da EPOC, un pulsioxímetro e unha tablet). Os resultados envíanse de xeito automático e o persoal de enfermería recólleos e inclúeos diariamente na historia clínica electrónica. O sistema ofrece tamén a posibilidade de realizar entrevistas telefónicas e teleconferencias.
 
Beneficios do proxecto
O proxecto, que foi respaldado tanto por profesionais como por pacientes, achega numerosos beneficios para o cidadán e a organización, xa que axiliza os trámites sanitarios recurrentes, evita desprazamentos innecesarios, mellora a accesibilidade á atención primaria e hospitalaria e prevén complicacións da enfermidade.
 
Neste sentido, o 97% dos pacientes consideraron que o sistema mellorou o acceso á asistencia sanitaria; a diminución da taxa de mortalidade foi dun 13%; e reducíronse de media en 3,1 as visitas de atención primaria por persoa, diminuíndose tamén as emisións de CO2 asociadas cos desprazamentos evitados.
 
A plataforma TELEA-Fogar Dixital forma parte do plan de innovación denominado Innova Saúde, financiado a través dun convenio co Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) entre os anos 2012 e 2015 a través de Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
 
A cerimonia de entrega de premios Procura+ Awards terá lugar o día 30 de novembro en Malmö (Suecia), no marco do evento Sustainable City Development 2016. Nas outras dúas modalidades foron elixidos para optar aos galardóns o Concello danés de Copenhage -pola súa promoción do consumo de froitas e verduras orgánicas- e o Concello holandés de Wegeningen -polo seu proxecto de reforma da Casa Consistorial-, que compiten na categoría de Procedemento sostible do ano; e o Concello de Londres -polo seu servizo de limpeza- e o departamento holandés de Obras Públicas -pola reconstrución sostible dunha autopista-, que o fan na modalidade de Procedemento de licitación do ano.
22/11/201608:11
O deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón
Lugo

A cuarta edición de #InLugo converterá a cidade da muralla en capital da cultura tecnolóxica

A nosa terra vai acoller a cuarta edición da que sen dúbida é, hoxe por hoxe, unha das xuntanzas máis referenciais de todo o ámbito estatal en materia de información dixital, novas formas de comunicación (blogs, comunidades, aplicacións) e recursos tecnolóxicos para mellorar o noso xeito de falar cos demais, a nosa calidade de vida e, tamén, o noso currículo. Falamos do #InLugo, o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais. O evento, que foi presentado este luns 21 de novembro polo deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, celebrarase os días 16 e 17 de decembro no Pazo de San Marcos de Lugo (sede da Deputación). O obxectivo, segundo fixo saber Rivera Capón, é “fomentar o uso da Rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual”. Contará con preto de 20 profesionais referentes no eido TIC galego e estatal. Organiza a Deputación de Lugo.

Segundo salientou Pablo Rivera, trátase dun evento que por unha banda vai a máis e que pola outra foi quen de converterse en todo un acontecemento no ámbito da reflexión e o debate arredor da Sociedade do Coñecemento. De feito, engadiu, o congreso vén conseguindo en cada edición ser trending topic en Twitter, “o que supón unha gran proxección da provincia e do talento lucense”.

O evento, explicou, contará cunha ampla programación, con actividades como relatorios, debates e exposicións breves “nas que personalidades e reputados expertos avaliarán os cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade dos nosos días dende puntos de vista como os novos medios, a mercadotecnia, a comunicación ou a fotografía”. Como nas anteriores entregas, por #InLugo pasarán algúns dos máis renomeados especialistas TIC da actualidade. A idea é favorecer o escenario máis acaido posible para que o coñecemento, os recursos e as respostas destes relatores flúa cara a todos os asistentes. Pablo Rivera salientou, entre outros, a presenza de Phil González, responsable de New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, amais de creador da que se considera a maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, Instagramers.com, con presenza en centos de cidades do mundo e en continuo espellamento.

Asemade, no congreso intervirán Bárbara Yuste, xornalista e profesora na Universidade Carlos III e Camilo José Cela de Madrid e directora de bez.es; Javier Pedreira, autor do blog Microsiervos e especialista en cultura dixital; Juan García, director de Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro, xornalista e cofundador de El Español; Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña, doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do afamado blog divulgativo gominolasdepetroleo.com, entre outros.

Segundo fixo saber o deputado de Innovación, o evento irá aos poucos complementando o programa de actividades e achegando novidades sobre o mesmo. Máis polio miúdo, dixo, “o cadro de relatores irase ampliando até completar unha listaxe de preto de vinte nomes, cuxo perfil e traxectoria irase debullando nos vindeiros días na páxina web oficial, inlugo.com, e as redes sociais do evento, Facebook (facebook.com/CongresoInLugo) e Twitter (twitter.com/in_lugo)”.

Sobre a pegada galega do acontecemento, a Deputación salienta que terá “un marcado acento lucense”. De feito, entre os intres clave do programa atópanse as presentacións de diversos servizos e proxectos TIC que se están a desenvolver na provincia. Así, a mañá do sábado estará reservada ao espazo Lugo na Rede onde se contará, entre outros, coa presenza de Simón Cabarcos, director de Blindaxe Sport e até un total de catro iniciativas que teñen as redes sociais e Internet como “principais impulsores”.
 

Os premios
Amais de todo o devandito o congreso dará acollida a unha nova edición dos Premios InLugo, uns recoñecementos que teñen o obxectivo de “salientar o labor das empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital”. Os galardóns veñen este ano con tres modalidades: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía. A partir do 22 de novembro ás 10:00 horas poderanse presentar as diferentes candidaturas a través do formulario habilitado en inlugo.com, un prazo que se prolongará até o luns 12 de decembro ás 20:00. Segundo fai saber a Deputación, logo de rematar o prazo, un xurado formado por membros da entidade provincial será o encargado de valorar as candidaturas e elixir os finalistas, que se darán a coñecer o 14 de decembro ás 11 horas. A cerimonia de entrega será a partir das 20 horas no marco do IV Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo16.

Respecto da metodoloxía a seguir para inscribirnos no congreso, será unha vez máis de balde e moi sinxela. O prazo para facelo arrincará o día 23 de novembro ás 10:00 horas. Todos os interesados poderán conseguir a súa entrada en www.inlugo.com ou www.deputacionlugo.gal. O aforo está limitado a 200 persoas, “polo que as entradas formalizaranse por rigorosa orde de inscrición”. O desenvolvemento destas xornadas tamén poderá ser seguido, ao igual que nas anteriores edicións, a través das redes sociais coa etiqueta #inlugo16 e en directo, vía streaming, grazas ao traballo dos alumnos da Fundación TIC.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS