Coincidindo coa apertura da segunda convocatoria do programa Re-acciona TIC, realízase esta xornada para dar a coñecer, a través de casos prácticos, os servizos que o programa Re-acciona TIC ofrece para a empresa dixital.
O programa “Connecting for Good Galicia” iniciou onte a súa andaina no Gaiás coa benvida institucional aos seis proxectos emprendedores de innovación social que integran a primeira edición desta iniciativa, impulsada pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira; o director do Igape, Javier Aguilera; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director de Vodafone España en Galicia, Fran Vallejo, inauguraron onte pola mañá o Centro Conecting for Good, situado na Cidade da Cultura e que ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia.
Os seis proxectos participantes, seleccionados entre as máis de 40 candidaturas recibidas, están orientados a mellorar a calidade de vida de persoas con diabetes, á educación nas aulas, aos coidados de enfermos de Alzheimer, á alfabetización das persoas maiores, ao tratamento de fobias e á xestión do traballo das confrarías de mariscadores galegas.*
As seis iniciativas inician agora un plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado na Cidade da Cultura.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.
Ademais, os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros, outorgada por Gain, e un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia, ao seleccionado como mellor dos seis proxectos, para a súa execución e posta en marcha.
Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
Collendo como obxectivo a mellora do recoñecemento das emocións na esquizofrenia, o grupo de Psiquiatría Clínica, Psiquiatría Social e Psicoterapia da USC (Universidade de Santiago de Compostela), dirixido por Raimundo Mateos, partiu de varias probas con mímica e traballou con elas de cara a automatizalas para que o doente poida realizar adestramentos dende a súa casa. Máis polo miúdo, Alejandro García Caballero (integrante deste equipo) leva a cabo unha investigación que tenta demostrar a eficacia dunha nova técnica para mellorar ese recoñecemento a través dun software (da empresa holandesa Sightcorp) que fai medicións da emoción que representa o paciente na súa face imitando un modelo. O programa comeza achegando un output cunha porcentaxe de emoción en cada foto. Estes resultados gamifícanse para darlle ao usuario “unha experiencia de xogo que sexa gratificante”.
Cómpre dicir que este novo sistema probouse con éxito nun primeiro ensaio piloto na asociación Albores de Monforte. O dito programa forma parte da plataforma e-Motional Training, financiada polo Servizo Galego de Saúde por medio de Fondos FEDER, no contexto do Programa PRIS de innovación.
Engadir que esta investigación da USC vén de gañar o Premio ao Mellor Videoxogo Destinado áSaúde no III Congreso de Xogos de Saúde de Madrid, co videoxogo Second Chance, de Francisco Diaz Llenderrozas. Trátase dun programa de adestramento en cognición social encamiñado a doentes con trastornos mentais e a poboación non clínica co obxecto de mellorar as súas habilidades en contornas sociais a través dun xogo con diferentes finais e tomas de decisións.
O xogo, realizado pola empresa vasca Virtualware e pola galega Plexus, estase a probar en pacientes con trastornos mentais mais os investigadores salientan as súas posibilidades de uso no eido educativo, estando prevista a súa achega por parte do SERGAS en 2017.
Telefónica presentou Jocomunico, unha aplicación gratuíta baseada nun sistema pictográfico e dirixida a persoas que teñen problemas na fala, derivados de parálises cerebrais, autismo severo, ou certos tipos de afasia. Trátase dunha solución capaz de transformar facilmente a linguaxe telegráfica de pictogramas en linguaxe natural. Desenvolvida polo LAB de integración da iniciativa Join de Telefónica (para impulsar o talento novo), en colaboración con Fundación Adecco e Ericsson, está dispoñible para PCs (Windows e Mac), tablets e smartphones (Android e IOs) tanto en castelán como en catalán.
Jocomunico inclúe un sistema de predición de pictogramas, así como a posibilidade de engadir vocabulario personalizado e de crear cartafoles para preparar conversacións. A aplicación é táctil, aínda que está adaptada para que usuarios con problemas de mobilidade poidan utilizar os pulsadores externos que usan habitualmente para outras aplicacións.
Deseño para todos
A aplicación proporciona unha comunicación máis natural e fluída entre emisor e receptor, pois permite utilizar palabras do taboleiro como 'escola', 'querer', 'ir', e transfórmaas en linguaxe natural mediante a conxugación automática do verbo e a ordenación lóxica da frase, finalizando neste caso co resultado de 'quero ir á escola'.
Un equipo de seis novos profesionais, de entre 21 e 30 anos, especializados en enxeñería informática, telecomunicacións, tradución e interpretación, e belas artes traballou durante seis meses no deseño da interface gráfica de Jocomunico como membros do LAB de integración de Telefónica.
Jocomunico xa comezou a utilizarse con éxito no centro Prodis de Terrassa (Prodiscapacitats Fundació Privada Terrassenca), unha entidade social sen ánimo de lucro destinada á asistencia e a promoción integral de persoas adultas con discapacidade intelectual, enfermidade mental ou parálise cerebral, e espérase que o seu uso se estenda proximamente a preto de 200 centros.
Unha aplicación de realidade aumentada envía información relevante sobre a súa contorna a persoas con discapacidade visual, a través de vibracións e sons no teléfono intelixente, co fin de mellorar a súa percepción e a súa orientación e, con iso, facilitar a súa adaptación ao lugar de traballo así como a súa integración laboral.
Esta tecnoloxía forma parte do proxecto de I+D+i denominado e-Glance, levado a cabo pola Cátedra Indra-Fundación Adecco de Investigación en Tecnoloxías Accesibles na Universidade Politécnica de Madrid (UPM) a través do Centro de Tecnoloxía Biomédica da UPM. O proxecto conta coa participación dos usuarios e principais beneficiarios, en particular, do Centro de Investigación e Desenvolvemento de Aplicacións Tiflotécnicas (CIDAT) da Organización Nacional de Cegos de España (ONCE).
Funcionamento da aplicación
Aínda que a App funciona a través dun smartphone, para facilitar o seu uso, está previsto empregar o bastón que as persoas invidentes utilizan no seu día a día para enviar e recibir instrucións do seu teléfono móbil, realizando movementos lixeiros coa man. Adicionalmente, tentarase ampliar este uso máis aló de e-Glance para dispoñer dun maior número de funcionalidades controladas polo usuario deste xeito.
A implementación da solución consta de tres alicerces: un módulo de captación da realidade, baseado nunha rede de sensores; un mundo virtual que reflicte o mundo físico en tempo real e co detalle necesario para o correcto funcionamento da aplicación; e un terceiro módulo de realidade aumentada, que, salvo contraorden, advirte ao usuario dos cambios relevantes na súa contorna e que tamén lle permite obter información detallada baixo demanda sobre zonas específicas do seu interese.
A funcionalidade do primeiro prototipo de e-Glance xa foi probada por usuarios nunha fase piloto, con varios obxectos situados nunha habitación diáfana, e nunha segunda fase probarase en situacións reais.
Para iso será necesario despregar unha rede de sensores que permitan situar persoas e obxectos en tempo real e reflectir virtualmente a súa localización sobre un escenario fixo, indicando a súa localización, volume e forma, así como outros datos relacionados coa súa actividade e funcionamento. Por último, probarase a tecnoloxía de realidade aumentada desenvolvida para ofrecer ao usuario información sobre variacións e movementos significativos dentro do seu campo de percepción no momento en que se produzan.
Os máis pequenos están de noraboa, agora van poder ver os seus debuxos favoritos da tvG2 no seu dispositivo móbil favorito. E é que a semana pasada a CRTVG presentou no Culturgal en Pontevedra Xabarín TVG, unha nova aplicación para dispositivos móbiles desde a que se poderán ver todas as series de animación en galego que se emiten dentro do espazo Xabarín Club.
Esta aplicación nace co fin de ofrecer a unha xeración enteiramente dixital os contidos que máis lle gustan, adaptándose aos seus hábitos de consumo e sendo a única aplicación que existe orientada a nenos e con contidos audiovisuais exclusivamente en galego.
Os contidos desta nova aplicación están destinados a nenos de ata 14 anos, os cales poderán gozar de series como Os Bolechas”, “Fish and Chips”, “Cocorico”, “Caracois”, “A tropa de trapo”, “A vaca Connie” ou “Raa Raa, o leonciño rebuldeiro”, todas series de animación orixinais, cento por cento en galego e dispoñibles baixo o formato de vídeo baixo demanda.
A app estará dispoñible para Android eiOS e dispón de opcións para filtrar os contidos segundo a idade do neno ou as preferencias que escollan os pais. Permite ver os contidos a través de 3G ou Wifi e é compatible con Air Play e Apple TV, polo que se poderá acceder aos contidos en calquera lugar e da maneira que se desexe: tanto desde a pantalla do dispositivo como enviándoo a un televisor.
Xa vai quedando menos para o comezo de #InLugo, o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais, o gran evento TIC da tempada que se celebra os días 16 e 17 de decembro no Pazo de San Marcos de Lugo (sede da Deputación). Segundo puidemos saber, o evento volveu achegar un fito en materia de expectación e “adhesión”. De feito, nas primeiras 24 horas trala apertura do prazo de inscricións, completouse o 70% do aforo co que dispón o salón de actos do Pazo de San Marcos, onde terá lugar o acontecemento. En total, 200 persoas participarán de forma gratuíta dunha ampla programación, con actividades como relatorios, debates e exposicións breves nas que personalidades e reputados expertos avaliarán os cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade actual dende puntos de vista como os novos medios, a mercadotecnia, a comunicación ou a fotografía. Contará con preto de 20 profesionais referentes no eido TIC galego e estatal. Organiza a Deputación de Lugo e cóntase co apoio directo de Raiola Networks e o operador R, amais da colaboración de Pirendo e ALSA.
Coma nas anteriores entregas, por #InLugo pasarán algúns dos máis renomeados especialistas TIC da actualidade. A idea é favorecer o escenario máis acaido posible para que o coñecemento, os recursos e as respostas destes relatores flúa cara a todos os asistentes. Pablo Rivera salientou, entre outros, a presenza de Phil González, responsable de New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, amais de creador da que se considera a maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, Instagramers.com, con presenza en centos de cidades do mundo e en continuo espallamento.
Asemade, no congreso intervirán Bárbara Yuste, xornalista e profesora na Universidade Carlos III e Camilo José Cela de Madrid e directora de bez.es; Javier Pedreira, autor do blog Microsiervos e especialista en cultura dixital; Juan García, director de Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro, xornalista e cofundador de El Español; Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña, doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do afamado blog divulgativo gominolasdepetroleo.com.
O evento tamén contará coa presenza, entre outras/os relatoras/es de primeiro nivel, de Óscar Fafián, responsable de Estratexia de R no desenvolvemento de novos servizos da Internet das Cousas (IoT), que achegará aos asistentes a experiencia recente da compañía galega de telecomunicacións no ámbito dos obxectos conectados (televisores, cámaras, smartphones, alumeado, electrodomésticos, equipamento variado), facendo fincapé nas vantaxes dos mesmos para todo tipo de servizos e demandas.
Asemade, xa confirmou a súa presenza no congreso un “vello coñecido” do mesmo: o cómico, locutor, guionista e presentador Víctor Grande, que será en boa medida o encargo de animar, presentar e acadar a máxima pegada (dentro e fóra de #InLugo) para as diferentes actividades previstas para o Pazo de San Marcos. Lembrar que Grande recentemente estivo de actualidade nos medios TIC por ter lanzado un novo proxecto cursodecomedia.com, un blog dirixido cómicos, oradores e seareiros no que comparte as súas experiencias no mundo da comunicación co humor como catalizador.
A maiores do devandito e respecto dos detalles do programa, na presentación de #InLugo puidemos saber que o evento irá aos poucos complementando a relación de actividades e achegando novidades sobre o mesmo. Máis polio miúdo, dixo, “o cadro de relatores irase ampliando até completar unha listaxe de preto de vinte nomes, cuxo perfil e traxectoria irase debullando nos vindeiros días na páxina web oficial, inlugo.com, e as redes sociais do evento, Facebook (facebook.com/CongresoInLugo) e Twitter (twitter.com/in_lugo)”.
Sobre a pegada galega do acontecemento, a Deputación salienta que terá “un marcado acento lucense”. De feito, entre os intres clave do programa atópanse as presentacións de diversos servizos e proxectos TIC que se están a desenvolver na provincia. Así, a mañá do sábado estará reservada ao espazo Lugo na Rede onde se contará, entre outros, coa presenza de Simón Cabarcos, director de Blindaxe Sport e até un total de catro iniciativas que teñen as redes sociais e Internet como “principais impulsores”. Este espazo Lugo na Rede será presentado polo deputado provincial de Innovación, Participación Cidadá, Mobilidade e Deportes. Sen saírnos do sábado pola mañá, a pegada galega terá sobre as 12.30 horas unha interesante prolongación no obradoiro formativo Aprender a crear dende cero unha web para o teu negocio. Virá da man da firma local Raiola Networks e contará coa participación activa de Álvaro Fontela e Ángela Piñeiro.
Tal e como anunciamos os días pasados, facendo fincapé na importancia de achegar os segredos da programación ás novas xeracións, este mes de decembro celébranse en diferentes centros da nosa terra unha serie de actividades de divulgación TIC directamente encamiñadas a meternos de cheo no miolo da era dixital: cousas como introducir á rapazada no desenvolvemento de ferramentas informáticas, na impresión en 3D e nas máquinas con tecnoloxías abertas (como por exemplo drons). Trátase das actividades inseridas na iniciativa internacional Hora do Código, na que ademais do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia están a participar (pola nosa terra) a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense (ESEI) e da Facultade de Informática da Coruña.
O sábado 17 de decembro, a ESEI unirase a esta celebración da Hora do Código organizando (a maiores das actividades dos centros educativos das que falamos antes) no Campus de Ourense obradoiros de programación, impresión 3D e drons abertos aos rapaces e rapazas interesados.
Como lembraremos, a Hora do Código está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. O obxectivo da iniciativa, explican os seus promotores, é “estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación”.
Volvendo ás actividades da Escola Superior de Enxeñaría Informática, desde a organización salientan que se agarda que 140 rapazas e rapaces de diferentes idades participen, acompañados de adultos, nas diferentes actividades. Para todas/os, o centro ofrecerá obradoiros de código para os máis cativos, robótica para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, impresión 3D para todas as idades e obradoiros de drons para alumnado de Bacharelato. Máis polo miúdo, as actividades que se desenvolverán no Campus dividiranse en catro eixes, levándose a cabo diferentes sesións segundo as necesidades de cada obradoiro.
No eido da iniciación á programación, haberá obradoiros de programación de videoxogos e de Scratch para diferentes idades. Ademais, os rapaces e rapazas de 10 a 18 anos interesados poderán realizar un obradoiro de iniciación á programación de dispositivos con Arduino, aprendendo a controlar pequenos dispositivos. O deseño e impresión 3D será o eixe outra das actividades, podendo os participantes coñecer como traballan estas máquinas e como se realizan pezas tridimensionais. Por último, tamén haberá unha sesión de drons onde os participantes coñecerán, en palabras da organización, “onde pode empregarse un dron, a súas partes e configuración e os diferentes modelos existentes”.
Máis de 1.600 alumnos de educación infantil de 31 concellos poderán realizar, entre os días 12 e 21 de decembro, as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT, presentes en todas as comarcas galegas.
Os escolares de Educación Infantil de Arzúa, Bande, Betanzos, Ferrol e As Pontes serán os primeiros que reciban esta visita nas aulas CeMIT destes concellos. Este intercambio de mensaxes comezará o luns 12 de decembro a partir das 10 da mañá, cunha duración de media hora en cada aula.
Por toda Galicia
Nos seguintes días, ata o 21 de decembro inclusive, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Barreiros, Beariz, Cañiza, Carballedo, Castro Caldelas, Catoira, Celanova, Cerceda, Fisterra, A Fonsagrada, Marín, Muros, Narón, Ourense, Ortigueira, Oroso, Quiroga, Ribeira, Santa Comba, Sarreaus, Valga, O Vicedo, Vilagarcía, Vimianzo e Xunqueira de Ambía, ata completar as 31 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel. *
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos e as persoas con trastorno do espectro autista da Asociación Bata de Vilagarcía de Arousa
O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu 9º aniversario e que conta cun gran interese e aceptación entre a comunidade educativa, será o de establecer unha comunicación fluída entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa.
Con este tipo de experiencias, a rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en:
http://cemit.xunta.es/centros.
*Xúntase cadro cos horarios de conexión de cada aula
|
LUNS |
||
|
10:00 |
BETANZOS |
Pai Menni |
|
10:30 |
ARZÚA |
CEIP Arzúa |
|
11:00 |
FERROL |
Ludy S.G.C. |
|
11:30 |
BANDE |
Escola infantil/CEIP Xoaquin Lourenzo |
|
12:00 |
PONTES, AS |
CEIP Santa María |
|
13:00 |
PONTES, AS |
CEIP Santa María |
|
MARTES |
||
|
10:00 |
NARÓN |
CPR JORGE JUAN |
|
10:30 |
VICEDO, O |
CEIP Vicedo |
|
11:00 |
ARZÚA |
CPR Nosa Señora do Rosario |
|
11:30 |
VICEDO, O |
CEIP Vicedo |
|
12:00 |
FONSAGRADA, A |
CEIP Santa María / Escola Infantil "A Galiña Azul" |
|
MÉRCORES |
||
|
10:00 |
RIBEIRA |
Galaxia |
|
10:30 |
RIBEIRA |
Galaxia |
|
11:00 |
CELANOVA |
Colexio Sagrado Corazón |
|
11:30 |
BANDE |
Escola infantil/CEIP Xoaquin Lourenzo |
|
12:00 |
OURENSE |
San Pio X |
|
12:30 |
OROSO |
CEIP do Camiño Inglés |
|
13:00 |
OROSO |
CEIP do Camiño Inglés |
|
XOVES |
||
|
10:00 |
VALGA |
CRA DE VALGA |
|
10:30 |
XUNQUEIRA DE AMBÍA |
colegio padre crespo |
|
11:00 |
ORTIGUEIRA |
Ceip José Mª Lage |
|
11:30 |
CELANOVA |
Colexio Curros Enríquez |
|
12:00 |
ORTIGUEIRA |
Ceip José Mª Lage |
|
12:30 |
VALGA |
CRA DE VALGA |
|
VENRES |
||
|
10:00 |
CAÑIZA, A |
CPI DA CAÑIZA |
|
10:30 |
BARREIROS |
C.E.I.P. San Miguel |
|
11:00 |
CAÑIZA, A |
CEIP DE VALEIXE |
|
11:30 |
BETANZOS |
Guarderia Municipal de Betanzos |
|
12:00 |
SARREAUS |
CEIP de Sarreaus |
|
12:30 |
SANTA COMBA |
CEIP Pepe de Xan Baña |
|
LUNS |
||
|
10:00 |
MUROS |
EEI de Muros |
|
10:30 |
ABEGONDO |
CEIP San Marcos |
|
11:00 |
FISTERRA |
Mar de Fora e Colexio Sardiñeiro |
|
11:30 |
VIMIANZO |
CEIP SAN VICENZO DE VIMIANZO |
|
12:00 |
FISTERRA |
Colexio Nosa Señora do Carme |
|
12:30 |
VIMIANZO |
CEIP SAN VICENZO DE VIMIANZO |
|
13:00 |
BEARIZ |
C.E.I.P. Beariz |
|
MARTES |
||
|
10:00 |
NARÓN |
CEIP PONTE DE XUVIA |
|
10:30 |
CATOIRA |
CPI Progreso |
|
11:00 |
CERCEDA |
CPI O Cruce |
|
11:30 |
CARBALLEDO |
A Barrela |
|
12:00 |
BARREIROS |
C.E.I.P. San Cosme |
|
12:30 |
CERCEDA |
CPI O Cruce |
|
13:00 |
CARBALLEDO |
A Barrela |
|
MÉRCORES |
||
|
10:00 |
VILAGARCÍA |
Vagalume |
|
10:30 |
MARÍN |
San Narciso |
|
11:00 |
QUIROGA |
CEIP DE QUIROGA |
|
11:30 |
CASTRO CALDELAS |
Colexio Nuestra Señoa de los Remedios |
|
12:00 |
VILAGARCÍA |
Bata (Asociación de Autismo) |
Os días 16 e 17 de decembro o Pazo de San Marcos (sede da Deputación) acollerá a cuarta edición do Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo16. As persoas interesadas en asistir poden solicitar algunha das 200 prazas para compartir coñecementos con expertos no mundo das novas tecnoloxías, o xornalismo, a mercadotecnia en liña ou a divulgación científica.