main content

main content
22/12/201611:12
Smart Assist
Santiago de Compostela

O proxecto Smart Assist presentado a colectivos de persoas con discapacidade en Galicia

  • Smart Assist aprende con PREDIF Galicia, BATA, COGAMI, APAMP, CNSE Galicia, ACOPROS e ONCE Galicia como ser máis accesible

Durante o pasado 12 e 13 de decembro en Galicia, membros do proxecto Smart Assist, como son Televés, Cruz Vermella, Fundación TECSOS e Fundación Vodafone, celebraron sesións con usuarios con distintos tipos de discapacidade. O obxectivo principal destas sesións é conseguir de primeira man a opinión dos potenciais usuarios con diversidade funcional sobre a solución exposta no proxecto Smart Assist e adaptar a solución ás súas preferencias e necesidades.

As entidades que colaboraron para participar neste tipo de sesións foron PREDIF Galicia, BATA, COGAMI, APAMP, CNSE Galicia, ACOPROS e ONCE Galicia.

Nestas sesións presentouse o sistema actual e o seu funcionamento, e recompiláronse as opinións, valoracións, reaccións e suxestións que realizaron os usuarios para extraer os requisitos iniciais que debe cumprir a solución e o servizo de teleasistencia para que sexan accesibles ao sistema exposto por Smart Assist.

No proxecto participan as seguintes entidades: Fundación de Tecnoloxías Sociais, Fundación Vodafone, Universitat Politècnica de Valencia e Televés como líder.

O proxecto Smart Assist está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, a través da convocatoria Retos-Colaboración dentro do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos da Sociedade.

22/12/201611:12
Portada
Santiago de Compostela

Informe #di_capacidade: as TIC ao servizo das persoas

En 2016 a Fundación Vodafone España, o Observatorio da Discapacidade Física e COCEMFE Barcelona celebraron sete xornadas de presentación do estudo “Discapacidade, integración e o papel das TIC” en distintas cidades españolas: tres na propia cidade condal con distintas entidades; e en Madrid, Zaragoza, Santiago de Compostela e Cidade Real.

O obxectivo destas xornadas foi poñer en valor a importancia dos resultados do estudo, así como difundilos a entidades do sector da discapacidade física, a institucións públicas e a outras organizacións do terceiro sector.

 

“2 de cada 3 persoas con discapacidade cren que as tecnoloxías poden axudar a me­llorar as súas condicións de vida”

Esta é a principal conclusión que se extrae do estudo, e que é de gran relevancia ao poñer en relevo que as per­sonas con discapacidade necesitan do desenvolvemento das tecnoloxías para atopar solucións a necesidades como mellorar a súa mobilidade, dispoñer de máis recursos de apoio e adaptar os fogares.

Por este motivo, o Observatorio da Discapacidade percorreu diversas cidades españolas para compartir coa sociedade, que existen datos reais sobre as necesidades das persoas con discapacidade e como as tecnoloxías poden ser de gran utilidade. Datos que serven á vez, para ofrecer recursos ao colectivo de persoas con discapacidade para reclamar políticas sociais e investimentos en mellorar as súas condicións de vida. E que á mesma vez, descríbennos os seguintes retos que a sociedade debe abordar nun futuro próximo:

  1. A idade, os estudos e o nivel de ingresos son as variables que diferencian tanto a tenencia como o uso das tecnoloxías.
  2. Poucas persoas con discapacidade teñen adaptacións específicas nos seus dispositivos tecnolóxicos.
  3. Un 30% das persoas con discapacidade non acceden a internet.
  4. Existe un gran descoñecemento sobre as aplicacións e tecnoloxías dispo­nibles para as persoas con discapacidade.

A través da participación de diferentes institucións pú­blicas e organizacións sociais esta iniciativa foi recibida con gran aceptación e abriu novas posibilidades de colaboración para seguir traballando conxuntamente en mellorar o desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas.

A través da participación de diferentes institucións pú­blicas e organizacións sociais esta iniciativa foi recibida con gran aceptación e abriu novas posibilidades de colaboración para seguir traballando conxuntamente en mellorar o desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas.

Máis de cen entidades de cinco cidades españolas coñeceron de pri­mera man o estudo “Discapacidade, Integración e o papel das TIC”. Grazas ao ciclo de xornadas levado a cabo por COCEMFE Barcelona e o Observatorio da Discapacidade Física co apoio da Fundación Vodafone España reuníronse políticos de primeiro nivel, entidades do terceiro sector e empresas privadas para expoñer os retos presentes e futuros das persoas con discapacidade e debater o rol que teñen que xogar as novas tecnoloxías en Madrid, Barcelona, Santiago, Zaragoza e Cidade Real.

As principais conclusións que se extraen deste ciclo de xornadas son nun primeiro lugar, que as persoas con discapacidade teñen unha gran esperanza depositada nas novas tecnoloxías para mellorar as súas condicións de vida sobre todo nos aspectos relacionados coa ac­cesibilidade e a mobilidade pero tamén en facilitar a súa comunicación tanto nos ámbitos familiares como coa administración e as empresas de servizos.

En segundo lugar, cabe destacar a sorpresa de moitas persoas con discapacidade ao descubrir o gran número de aplicacións xa existentes que lles poden facilitar a súa día a día. Este feito indica que aínda que desde diferentes sectores estea a investirse en novas aplicacións, a gran ma­yoría dos seus usuarios potenciais descoñece a súa existencia. Reafirmando a necesidade de desenvolver un catálogo de apps para persoas con disca­pacidade que estea acompañado dun sistema de validación das mesmas que comprobe a súa usabilidade e utilidade.

Finalmente, levar a cabo este tipo de xornadas en di­ferentes puntos do territorio español é de gran relevancia porque pon en relevo as distintas realidades do Estado e que o colectivo das per­sonas con discapacidade física non é homoxéneo senón que as súas condicións de vida varían segundo variables como poden ser vivir nunha contorna rural ou urbana.

O estudo completo elaborado cunha mostra de máis de mil persoas con discapacidade está dispoñible en www.observatoridiscapacitat.org.

1 mes 1 profesión dixital
Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela

DICO Summit

O vindeiro mes de xaneiro, os días 24 e 25, terá lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o evento DIgital COntents (DICO) Summit, iniciativa promovida pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia no marco do programa Viraxe TIC.

O evento ten por obxectivo amosar aos ​profesionais galegos as oportunidades que supoñen as ​novas ​tendencias tecnolóxicas e modelos de negocio vencellados aos contidos dixitais. O mesmo está dirixido maioritariamente a profesionais dos sectores económicos galegos, creativos e emprendedores.

22/12/201610:12
Logo Dico Summit
Santiago de Compostela

Coñece as oportunidades de negocio que ofrecen os contidos dixitais no evento DICO Summit

O vindeiro mes de xaneiro, os días 24 e 25, terá lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o evento DIgital COntents (DICO) Summit, iniciativa promovida pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia no marco do programa Viraxe TIC.

O evento ten por obxectivo amosar aos ​profesionais galegos as oportunidades que supoñen as ​novas ​tendencias tecnolóxicas e modelos de negocio vencellados aos contidos dixitais. O mesmo está dirixido maioritariamente a profesionais dos sectores económicos galegos, creativos e emprendedores. 

DICO Summit dividirase en catro actividades complementarias que se desenvolverán ao longo das dúas xornadas:

  • Conferencia: ​os asistentes poderán desfrutar de paneis e intervencións nas que entidades estratéxicas do ámbito europeo exporán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital centrarán esta parte da actividade.
  • Showroom: contarase cun espazo de exhibición, ou showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas
  • Networking: haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas a través dun espazo dedicado á conversa entre empresas e ao coñecemento mutuo.
  • Concurso de ideas: impulsarase o talento local a través do concurso de ideas “En busca do talento dixital” no que se premiarán ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais, actividade da que se dará máis información proximamente.

Para facilitar as últimas novidades sobre o evento, lánzase o sitio web oficial da iniciativa, que pode consultarse no enderezo http://dicosummit.gal; a información está dispoñible en galego, castelán e inglés. Do mesmo xeito, todos os interesados poderán seguir as últimas novidades sobre o evento a través das redes sociais dos organizadores, onde irán aparecendo novas sobre as importantes entidades e profesionais que terán presencia no evento. A inscrición ás actividades abrirase a comezos do novo ano; do mesmo xeito, a web irase actualizando coas intervencións confirmadas.

As entidades interesadas nesta iniciativa, ben sexa como asistentes ou procurando un papel más activo, poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal; ademais, todos os interesados poden inscribirse na lista de distribución de novidades para recibir actualizacións no seu correo.
 

22/12/201610:12
Juan Carlos Vidal (Citius)
Santiago de Compostela

O CiTIUS acubillará o desenvolvemento dun innovador proxecto de rehabilitación de doentes cardíacos

O proxecto de saúde dixital Recarga, iniciativa galega destinada a tirar proveito das novas tecnoloxías para a recuperación de doentes cardíacos, vén de recibir un importante pulo do Goberno, máis polo miúdo do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO), que vén de conceder un dos seus proxectos de innovación a Juan Carlos Vidal, investigador posdoutoral do centro CiTIUS, emprazado no Campus Vida de Santiago. A axuda en cuestión (Programa Estatal de I+D+i Orientada a Retos da Sociedade) financiará con máis de 200.000 euros a actividade de Recarga ao longo dos tres anos vindeiros.

Esta iniciativa foi unha das catro candidaturas de todo o ámbito estatal distinguidas coa devandita axuda. Recarga preséntase baixo o seguinte epígrafe: Soft Computing para analíticas de gamificación en rehabilitación cardíaca. O seu obxectivo é botar man de tecnoloxías e metodoloxías baseadas no lecer dixital (videoxogos) para pórlle freo a un dos grandes males do noso tempo: as doenzas cardiovasculares, hoxe en día a primeira causa de morte en Occidente.

Segundo explica o CiTIUS, Recarga proponse “utilizar técnicas de gamificación para facilitar a execución dos plans de Rehabilitación Cardíaca (RC), destinados a pacientes vítimas dun episodio cardiovascular grave”. Máis en detalle, a finalidade do proxecto é aplicar este tipo de técnicas tratando de promover “un estilo de vida saudábel nos pacientes, favorecendo o seu benestar”.

Outra das bases do proxecto, amais da gamificación, é a personalización. Así, cada paciente terá a través de Recarga, por así dicilo, o seu propio plan de rehabilitación, acaido ás súas características e todo co “gallo de aumentar a motivación e a prolongación no tempo do uso das ditas técnicas”. Para lograr este nivel de personalización, ao abeiro do proxecto desenvolveranse algoritmos baseados en técnicas de soft computing para “facer viábel a toma de decisións na adaptación a cada doente dos plans gamificados de RC, adaptándoa ás características de cada paciente”.

Estes algoritmos encamiñaranse a permitir o achado automático do fluxo real de actividades seguido polos pacientes, a estimación dos tempos de execución das devanditas actividades e a predición de excepcións e problemas no progreso dos doentes durante a realización dos plans gamificados”. Ademais, tanto estes algoritmos coma a aplicación móbil que abrollará de Recarga acabarán sendo integrados con Procardia, a plataforma de xestión do programa de RC que na actualidade está xa a implantarse no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS).

22/12/201609:12
Maiores do InLugo
Lugo

A Deputación de Lugo celebrou cos maiores o Nadal máis TIC

A Deputación de Lugo organizou este mércores unha actividade dirixida a celebrar o Nadal dende as novas tecnoloxías da información, e viceversa. E todo facendo fincapé nos nos nosos maiores: festexando estas datas á vez que se fomentan a formación e os bos e saudables usos TIC. NadalTIC, así se chama a proposta, celebrouse o mércores no Centro InLugo, da man da Fundación TIC e a Deputación. Segundo fan saber estas entidades, unha chea de lucenses de máis de 55 anos participaron na xornada, que incluíu un cumprido feixe de actividades lúdicas relacionadas coas novas tecnoloxías, como un mannequin challenge no que houbo que botar man dos novos aparellos e plataformas para facer neles o que os participantes levan anos facendo no plano tradicional: enviaren felicitacións de Nadal e Aninovo. Neste “desafío” tamén participou o presidente da Deputación, Darío Campos.

Campos Conde salientou que “máis de 1.000 maiores de toda a provincia participan ao ano nas actividades de balde sobre novas tecnoloxías do InLugo”, actividades que os axudan a facer cousas como tirar proveito das redes sociais para comunicárense e estar, tamén, ao tanto das máis recentes novidades relativas ás redes. Campos avanzou que en 2017 InLugo seguirá con máis actividades nos 67 concellos da provincia. O NadalTIC incluíu unha manchea de actividades ligadas ás novas tecnoloxías. “Os participantes”, sinala a Deputación, “poden crear música e sons con diversas aplicacións, ser os protagonistas dun calendario de 2017 e recibir consellos sobre os mellores hábitos de alimentación, especialmente nesta época de excesos na mesa”. A xornada, que foi aberta a todos os maiores interesados, continuou pola tarde en horario de 16:30 a 19:30 horas.

20/12/201609:12
Participantes nos proxectos
Madrid

Tres proxectos para a integración de persoas con discapacidade

  • Foron elixidos na I Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles de Indra e Fundación Universia

Tres innovadores proxectos para mellorar a integración laboral de persoas con discapacidade intelectual, auditiva e visual foron elixidos na I Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles, lanzada por Indra e Fundación Universia o pasado mes de outubro, co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

En concreto, recibirán o apoio de Indra e Fundación Universia os proxectos de I+D+i audiSmart, unha App para mellorar a audición, proposta pola Universidade Carlos III; Smile@work, unha solución para mellorar a formación profesional das persoas con discapacidade intelectual mediante 'xogos serios' que simulen en 3D contornas e situacións laborais cotiás, ideada pola Universidade Politécnica de Catalunya; e Graces, unha ferramenta para mellorar o acceso das persoas cegas a postos de traballo de alta cualificación no desenvolvemento de software, proposta pola Universidade Politécnica de Madrid.

Os proxectos foron elixidos pola innovación e excelencia tecnolóxica da solución exposta, a súa viabilidade para converterse nun produto ou servizo real que aínda non exista no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, tendo en conta o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a iniciativa. Tamén se tivo en conta que as tres soluciones resultantes serían gratuítas para os usuarios finais e que para o seu desenvolvemento e validación está previsto involucrar a persoas con discapacidade, ao contar coa colaboración de asociacións e empresas que traballan con este colectivo.

Preto dun centenar de grupos de investigación de universidades públicas e privadas de todo o país participaron nesta convocatoria. O xurado está formado por personalidades do mundo da discapacidade que formaron parte do xurado: Natalia Gómez, responsable de Acción Social de Indra; Ramón Capdevila, director xeral de Fundación Universia; Gabriel Barroso, investigador da Universidade Carlos III Madrid; Jesús Celadas, subdirector xeral de Participación e Entidades Tuteladas, da Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; Jesús Hernández, director de Accesibilidade da Fundación ONCE; Javier Luengo, director de Plena Inclusión Madrid; e Miguel Valero, director do CEAPAT (Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas).

1 mes 1 profesión dixital
Madrid

III Congreso Cidades Intelixentes

O III Congreso Cidades Intelixentes potencia o intercambio de coñecemento e experiencias sobre as Cidades Intelixentes en España, coa utilización da tecnoloxía e a innovación como ferramentas base do seu desenvolvemento. Para iso, aborda as principais temáticas relacionadas coa Cidade Intelixente dunha maneira transversal, multidisciplinar e multisectorial, mostrando iniciativas que se están desenvolvendo actualmente no noso país.

O evento, xa consolidado como o principal Foro de referencia profesional sobre a temática, permite ao asistente coñecer o espectro urbano, social, técnico, legal e de oportunidades das Cidades Intelixentes.

1 mes 1 profesión dixital
Barcelona

Mobile Weekend 2017

Barcelona será a cidade onde se desenvolva o primeiro Mobile Weekend, un evento para conectar a mozos emprendedores do mundo das aplicacións móbiles con expertos e investidores con ganas apoiar novas start ups.

19/12/201613:12
Premiados InLugo.
Lugo

Os Premios #InLugo serviron para confirmar o envexable estado de saúde da innovación provincial

A Deputación de Lugo entregou o sábado uns galardóns directamente encamiñados a salientar e visualizar o importante traballo tecnolóxico-innovador desenvolvido polos emprendedores e PEME da provincia. Falamos dos Premios #InLugo, concedidos no marco do cuarto congreso do mesmo nome e entregados persoalmente polo presidente da entidade provincial, Darío Campos, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro. Os recoñecementos foron dar finalmente á Queixería do Campo, a Enfermera Saturada e a Funil.gal. En palabras de Campos e Piñeiro, con estes premios distínguense cada ano iniciativas, persoas e organizacións da provincia que fan “bo uso da Internet, as novas tecnoloxías e as redes sociais”. Na edición deste ano presentáronse case corenta candidaturas repartidas en tres categorías.

A Queixería do Campo foi a iniciativa gañadora dentro da categoría Comercio, Ocio e Restauración. Segundo fixo saber a Deputación, a queixería resultou gañadora nesta modalidade “polo bo uso das distintas redes sociais que xestiona (Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest e Youtube)” e tamén polo denominador común de todos os seus produtos e servizos: “A calidade”. A queixería está situada na Praza do Campo, 6, en Lugo. As iniciativas finalistas nesta categoría foron Faragulla.com (web adicada á venda de obxectos especiais de cociña) e UVE Laboratorio de Deseño (estudo de deseño que crea espazos totalmente personalizados ao cliente).

Polo que se refire á categoría Deportes, Cultura e Acción Social, a proposta gañadora resultou ser Enfermera saturada. Detrás desta iniciativa atópase Héctor Castiñeira, creador da personaxe do mesmo nome, un achegamento divulgativo e humorístico ao mundo da enfermaría e os hospitais que abrolla directamente dos universos creados polo libro A vida é Soro, autopublicado en primeira instancia polo propio Héctor Castiñeira e logo transformado en obra de éxito (Plaza & Janes). Os finalistas nesta modalidade foron Lugoslavia (web adicada á actualidade do CD Lugo e cunha forte pegada nas redes sociais Facebook, Twitter, Instagram, Flickr e Youtube) e o CB Breogán (entidade premiada polo seu labor de difusión nas redes sociais e na web da actualidade do club de baloncesto).

Por último, no apartado Tecnoloxía, recoñeceuse o traballo ben feito de Funil.gal, un proxecto nado a Facultade de Ciencias do Campus de Lugo que destaca entre outras cuestións por ser de acceso aberto e gratuíto e por achegar un laboratorio virtual de química que ofrece novas ferramentas multimedia para o ámbito científico. Entre estes recursos atópase un libro electrónico de prácticas de laboratorio de química e unha serie de vídeos onde se visualizan dun xeito ameno os procedementos, as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química xeral. As ferramentas están dispoñibles na Rede, conseguindo unha ampla difusión nacional e internacional grazas á súa canle de Youtube. Os finalistas nesta modalidade de Tecnoloxía foron Mar Castro, a iniciativa dixital da doutora en comunicación do mesmo nome, experta lucense en protocolo de prestixio nacional e moi centrada en difundir o seu traballo e publicacións a través da súas redes sociais, web e blog. Tamén foi finalista Nudoss.com, proxecto local que nace da empresa Miramar Cruises co obxectivo de dar forma á primeira rede social de cruceiros de Europa.
 

Concurso de fotografía
No marco da cuarta edición do congreso tamén se deu a coñecer o gañador do concurso de fotografía #Inlugo16, Saritísima (@srvQueen), co que se buscaba premiar á mellor imaxe da cidade (podendo estar tamén relacionada co congreso) que os asistentes publicaran nas redes sociais coa etiqueta #InLugo16. A vencedora recibiu un smartphone última xeración.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS