A Fundación Vodafone España colabora con distintas organizacións que estiveron presentes no Congreso Anual mostrando o resultado de proxectos e programas sobre soluciones TIC accesibles. Este ano quíxose impulsar o concepto da “Transformación Dixital Accesible”. Se a “transformación dixital” supón a introdución de tecnoloxía en todos os procesos e servizos do sector público e privado, enténdese que é un proceso que afecta a toda a sociedade e por tanto debe ser accesible.
Os proxectos da Fundación Vodafone estiveron presentes no Congreso en diferentes relatorios, mesas redondas e zonas expositivas:
No espazo de relatorios “SPEAKER'S CORNER”, presentáronse os seguintes proxectos dunha forma máis aberta e dinámica. Todos eles destacan pola súa accesibilidade e usabilidade, e inciden directamente na mellora da calidade de vida das persoas.
Este xoves 17 aprobábase un orzamento de 1,8 millóns de euros para 2017 por parte do padroado da TIC da Deputación de Lugo. Segundo anunciaba o seu presidente, Darío Campos, este capital será investido dun xeito máis social e apostando pola promoción dos recursos da provincia. Entre as actividades previstas figuran: a realización de máis cursos de balde sobre novas tecnoloxías da información para maiores, a colaboración con todos os Concellos para fomentar os seus recursos (como exemplo a Lugo Film Commision, unha ferramenta aseguradora da promoción desta provincia como destino de gravación e rodaxe de audiovisuais), amais de emprestar apoio ao conxunto do tecido asociativo para promover a súa actividade, superando xa os 160 convenios de colaboración con entidades sociais.
Alén disto, quérese manter un ensino de calidade e con matrícula gratis por décimo curso consecutivo na Escola de Imaxe e Son (EIS), garantindo deste xeito a igualdade de oportunidades. Campos engadiu que: “na TIC apostamos por un ensino de calidade. Por iso, faremos fincapé nun dos sinais de identidade do noso modelo educativo: as prácticas dos nosos alumnos en escenarios reais e as actividades complementarias coa experiencia de profesionais de prestixio”. En canto á función desenvolvida pola TIC mediante o InLugo, Campos subliñou que mantén unha encomenda da Deputación por valor de 175.000 euros para continuar co Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia. Asemade, informouse que a TIC reforzará o banco de recordos Memoria Dixital Lugo, “que naceu da man do InLugo e que agora ampliamos a todos os lucenses interesados en formar parte dun arquivo sen precedentes da nosa provincia”.
O xurado de Galiciencia 2016 seleccionou entre 50 proxectos os máis salientables para poder acudir á feira científica estatal Exporecerca 2017, entre os que non podemos evitar destacar os gañadores que fan un maior uso das TIC, entre os que estarán o segundo premio absoluto e o proxecto máis innovador.
Como segundo premio temos o espantallo 2.0 deseñado por Natalia Fariña, das Aulas científico-tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso. A investigadora construíu dous modelos de espantallo para comparar a súa eficacia: un convencional feito con roupa vella, xornais e unha pelota, e outro innovador, con forma piramidal. Este último estaba impreso en 3D, recuberto de papel reflectinte para molestar á vista dos paxaros e tamén se reforzou con LED para poder funcionar cando non houbese sol. No seu interior leva unha placa electrónica na que están conectadas, aparte das luces, unha placa de humidade, unha de son e un sensor de movemento. Sobra dicir que tras as probas realizadas o espantallo 2.0 demostrou maior eficacia que o tradicional.
Por outra banda, José María Blanco e David Zapatero, do Colexio Plurilingüe Montecastelo de Vigo, recibiron o premio ao proxecto máis innovador polo seu sistema de percepción somatosensorial mediante a estimulación vibrotáctil en persoas xordas. Este proxecto pretende mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade auditiva, para o que crearon un chaleco axustado ao corpo no que se sitúan uns micromotores vibradores estimulados polos sons do ambiente e interceptados por un micrófono conectado a unha placa Arduino que emite sinais eléctricas que chegan aos motores producindo distintas combinacións de vibracións polas que os usuarios perciben o que acontece ao seu redor.
A Federación Española de Asociacións de Centros Especiais de Emprego (Feacem), en colaboración coa Fundación Vodafone España e o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), presentou este xoves en Valladolid Feacem Core, aplicación móbil que permite acceder ao catálogo de Centros Especiais de Emprego (CEE).
O acto de presentación, presidido polo conselleiro de Emprego da Junta de Castilla y León, Carlos Javier Fernández Carriedo, contou tamén coas intervencións da directora xerente de Feacem, Pepa Torres; do director xeral de Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, e do presidente do Cermi, Luís Cayo Pérez Bueno.
Esta aplicación accesible agrega toda a actividade dos 14 centros que integran a Federación Española de Asociacións de Centros Especiais de Emprego e permite filtrar a información dispoñible en función de diversos criterios.
Durante a súa intervención, a directora xerente de Feacem sinalou que “esta nova aplicación, desenvolvida grazas ao financiamento de Fundacion Vodafone, é un escaparate de todo o que os CEE poden achegar á sociedade como empresas que poden ofrecer emprego e competitividade”. Ademais, Torres recalcou que os CEE son “un potencial de empresas xeradoras de emprego para aquelas persoas que se atopan con barreiras á hora de acceder a un posto de traballo, pero tamén para aquelas persoas que non teñen discapacidade e que ademais contribúen ao desenvolvemento local”.
Pola súa banda, o director xeral de Fundación Vodafone manifestou que “o desenvolvemento desta aplicación móbil vai permitir acceder a todas as entidades que forman parte de Feacem e tamén vai contribuír á formación duns profesionais cada vez máis cualificados”.
Polo seu lado, o conselleiro de Emprego da Junta de Castilla y León indicou que “en Castela e León hai un forte compromiso cos Centros Especiais de Emprego, xa que impulsaron a actividade económica da rexión”. De feito, Carriedo destacou que nos últimos anos a comunidade autónoma pasou de ter 47 CEE a 195 centros, que xeraron 4.600 postos de traballo, “aínda que o noso obxectivo é chegar aos 5.000”.
FEACEM CORE
A 'app' Feacem Core conta cunha área pública que permite atopar información dos máis de 500 CEE asociados á federación a través de criterios sectoriais e territoriais. A ficha de cada un estes centros informa do tipo de actividade que desenvolve, da súa dirección web, do correo de contacto, da asociación empresarial á que está adscrita e da cualificación administrativa para contratar coa Administración Pública. Pola súa banda, a área privada, á que se accede cun usuario e contrasinal facilitados por Feacem, ofrece a posibilidade de compartir contactos xerenciais das diferentes CEE co fin de xerar unha rede de experiencias e de poñer en marcha proxectos conxuntos como as licitacións de envergadura. No recurso 'Xestión de licitacións' da área privada, o usuario pode atopar información sobre o organismo adxudicador, o obxecto do contrato, a tramitación, o orzamento, as garantías esixidas, os requisitos e as datas de participación das ofertas de licitación.
A aplicación, xa dispoñible para Android e iOS, está preparada para presentar a información en varios idiomas e é accesible para persoas con discapacidade. ILUNION desenvolveu a aplicación para cumprir cos requisitos de accesibilidade que fan a Feacem Core compatible con produtos de apoio a persoas con discapacidade.
O obxectivo da aplicación é construír un espazo de diálogo e cooperación entre CEE que permita xerar novas iniciativas.
Feacem Core nace do convenio marco subscrito o 15 de abril de 2015 entre a Fundación Vodafone España e Cermi. Feacem pretende poñer en valor unha forma de facer empresa na que priman criterios de responsabilidade social e sustentabilidade, cunha aposta clara pola súa competitividade e unha xestión de calidade.
Entre os días 23 e 25 de novembro vai celebrarse a I Semana Cultural Xaponesa en Galicia, con actividades en A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela que van dende exhibicións de judo, kendo e aikido, até charlas e obradoiros de cociña xaponesa, entre as que queremos destacar unha conferencia que terá lugar na sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) sobre a estratexia robótica no Xapón.
A este encontro acudirá Kenji Hirata, ministro da embaixada do Xapón, quen estará acompañado por Celestino Álvarez, CEO de Adele Robots, quen presentará a Nuka, un exemplo de robótica asistencial que consiste nun robot con forma de bebé foca desenvolvido no Instituto Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Industrial Avanzada do Xapón (AIST) e que ofrece uns beneficios semellantes aos da terapia animal suprimindo os riscos derivados desta.
O deseño do robot convérteno nunha criatura entrañable, indicada para ser utilizada en tratamentos con persoas con síntomas de demencia, persoas maiores, nenos hospitalizados ou persoas con algunha discapacidade psíquica, onde é preciso traballar a parte afectiva.
A conferencia está aberta ao público xeral, con entrada libre até completar aforo, e terá lugar o venres 25 ás 18:00 horas no salón de actos sito no terceiro andar do MUNCYT Coruña, dende onde tamén dan conta de que durante o sábado e o domingo desenvolverán obradoiros e diversas actividades sobre robótica dirixidas a toda a familia, o que facilitará que os visitantes coñezan a BeeBot, Primo, Dash, Kbot e mBot, creen videoxogos 3D con Kodu ou manexen un simulador de viaxe espacial no obradoiro de Kerbal.
Segundo unha boa parte dos usuarios críticos de tecnoloxía, unha porcentaxe importante dos aparellos electrónicos e informáticos do mercado actual teñen menores capacidades operativas ao longo do tempo cós aparellos equivalentes de hai décadas. Isto ten unha explicación e non é outra que a obsolescencia programada. Ou sexa, a funcionalidade máis ou menos explícita dun aparello para achegar unha vida útil premeditadamente curta, favorecendo deste xeito o seu máis ou menos inmediato recambio (en última instancia o exceso de consumo). Falar da existencia (ou non) desta funcionalidade, das súas implicacións e das posibles alternativas é un dos obxectivos da charla que organizan o vindeiro luns 28 en Vigo as organizacións Amigos da Terra e Enxeñaría Sen Fronteiras.
Será na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo e, ademais das devanditas, tentarase responder á seguinte pregunta: é realmente posible unha electrónica ética? Na xornada, María Fernández, de Amigos da Terra, achegará aos presentes ao devandito concepto da obsolescencia programada, así como ás súas implicacións sociais e ambientais no uso dos recursos naturais tanto no norte como no sur. Asemade, amosaranse na sesión as ligazóns da obsolescencia coa redución, o reemprego e a reciclaxe de refugallos electrónicos e informáticos. Por outra banda, Daniel Vila, de Enxeñería sen Fronteiras, falará de como afecta este concepto aos aparellos eléctricos “e se realmente é posible falar de electrónica ética”.
Na mesma liña de subministrar alternativas reais e viables, Amigos da Terra presentará o proxecto Alargascencia, así como medidas sinxelas e prácticas que todos e todas podemos levar a cabo.
A cita será como dixemos o 28 de novembro ás 18.00 horas na sala de graos da Escola Superior de Enxeñaría en Telecomunicacións, no Campus de Vigo. As charla é de balde pero para poder asistir será necesario inscribirse no correo electrónico, voluntariado.galicia@amigosdaterra.net.
Telefónica Open Future, o programa global para apoiar o talento dos emprendedores, NH Hotel Group e Acción contra a fame únense para levar adiante o Open Future VR Challenge, a primeira convocatoria para que emprendedores de todo o mundo elaboren solucións de realidade virtual para os sectores de turismo, industria e emprendemento social. A finalidade deste reto é continuar coa estratexia de fusionar o mundo dixital coa industria tradicional, axudando por unha banda ás grandes compañías a dixitalizar a súa actividade coas novas tendencias; e por outra, apoiar e colaborar cos emprendedores para que as súas ideas dixitais atopen saída comercial e financiamento.
Open Future VR Challenge está dirixido non só a startups senón tamén a emprendedores que estean interesados nesta tecnoloxía aínda que aínda non conten cun proxecto concreto. Os participantes seleccionados participarán nun hackathon de 3 días (do 25 ao 27 de novembro) que terá lugar no centro de Crowdworking Gran Vía (edificio Telefónica, Madrid). Durante o proceso, os elixidos coñecerán polo miúdo os retos e formarán equipos de traballo para desenvolver as súas propostas, ademais de recibir asesoramento e formación para que poidan desenvolver as súas solucións. Os equipos terán unha semana para seguir avanzando, logo seleccionaranse os gañadores por un xurado de expertos e representantes das empresas relacionadas co mesmo desafío.
Os gañadores obterán 4 meses de estancia (con posibilidade de renovar outros 4 adicionais) no Crowdworking Gran Vía, cun espazo de traballo de balde, acceso a networking e un programa completo de mentorización xunto a expertos en tecnoloxía, realidade virtual e desenvolvemento de negocio, poderán realizar unha proba piloto xunto ás empresas que colaboran neste reto e amosar o seu proxecto na flagship de Movistar.
A Tecnópole inaugura hoxe a décimo primeira edición de Galiciencia, a maior feira científica de Galicia que se prolongará ata o venres coa exposición de 75 proxectos procedentes de 35 colexios e institutos. Estímase que durante os tres días máis de 2.000 persoas achegaranse ás instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, situado no Concello de San Cibrao.
A representación ourensá conta cun total de 18 equipos, que se encargarán de defender as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 28 de Pontevedra, 18 da Coruña, seis de Lugo, tres de Biscaia, un de Barcelona e outro de Asturias.
Os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que logre a maior puntuación alzarase cun premio dotado con 1.000 euros para financiar a súa asistencia á maior feira científica estatal, a Exporecerca 2017.
De forma paralela, os visitantes poderán participar en obradoiros sobre a relación que existe entre as matemáticas e a natureza co fin de demostrar ata que punto os números están presentes na vida cotiá. Un eixo temático no que tamén se centrará o espectáculo científico e actividades para os máis pequenos, que terán a ocasión de descubrir as matemáticas experimentando con pezas de Lego.
Así mesmo, o público da Galiciencia visitará a exposición promovida polo Sergas sobre depresión infantil, que contempla información útil para detectar este trastorno en idades temperás. A mostra tamén inclúe fotografías realizadas por adolescentes que sofren esta enfermidade co obxectivo de concienciar á sociedade da súa doenza.
As conclusións do certame envorcaranse nunha revista oficial, deseñada polos estudantes previamente formados para cubrir o evento. A publicación será distribuída entre os asistentes durante a entrega de premios do último día.
A actividade, Galiciencia, conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.
Traballos pensados para resolver problemas reais
Un pastillero intelixente para pacientes crónicos ou unha aplicación móbil que alerta da presenza de avispa asiática son algúns dos proxectos cos que a Galiciencia celebra este ano a súa decimo primeira edición. Os traballos están deseñados para resolver problemas reais.
O recentemente nomeado director xeral do Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC), Juan Carlos Ramiro, que estes días se estrea no cargo coa celebración en Zaragoza do sétimo Congreso Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade, valorou para Servimedia o novo Estándar Europeo de Accesibilidade como “un gran avance no que respecta á unificación do mercado de compras públicas en todo o ámbito europeo” e destacou que será “algo moi positivo para as empresas, que terán que cumprir un só ámbito lexislativo en todos os países”.
En opinión de Juan Carlos Ramiro, a norma “unificou os criterios técnicos que deben cumprir un gran abanico de bens, produtos e servizos TIC” e puxo como exemplo que a partir da súa entrada en vigor “ordenadores, teléfonos, caixeiros automáticos ou outros produtos terán que seguir os mesmos requisitos de accesibilidade en calquera lugar da Unión Europea”, o que implica un garantía de que a calidade dos produtos será a mesma en todo o territorio.
Con todo, Ramiro tamén quixo pór de manifesto que “aínda quedan fóra de regulación outro tipo de tecnoloxías avanzadas, como os chamados dispositivos wearable – aqueles que van incorporados a pezas ou complementos de moda- ou os de realidade virtual”.
Unhas lagoas que non impiden que o novo responsable de CENTAC valore de forma moi positiva este novo vehículo lexislativo. “O maior logro é que esta norma estea xa dispoñible, á espera de que España aprobe a súa transposición para facer esta norma realmente aplicable por vía legal”, afirmou.
O poder movilizador das empresas
O director xeral de CENTAC quixo destacar, así mesmo, o papel movilizador xogado pola empresa privada para que a Unión Europea dispoña duns parámetros compartidos de accesibilidade para a adquisición de bens e servizos TIC por parte das Administracións Públicas de todos os países da Unión. “É certo que as empresas privadas móvense polo seu beneficio, pero tamén o é que sempre van un paso por diante da Administración Pública, porque entenden que este ámbito pode ser tamén un negocio para eles”, explicou.
“Con esta nova norma incrementamos o poder da accesibilidade, ao establecer unha soa regra para todos países e a súa poboación, e isto significa que a presión que se vai a exercer respecto diso destes parámetros na compra pública vai ser moito maior”, argumentou Juan Carlos Ramiro, que advertiu: “se esta norma non se cumpre, os cidadáns xa non teñen por que acudir aos tribunais españois, senón que poden ir aos tribunais de xustiza europeos a esixir o seu cumprimento”.
Para o responsable de CENTAC, o esencial agora é que o marco regulatorio proporcionado pola UE se cumpra en España. “Debemos esperar ao momento en que a contratación pública empece a funcionar. É entón cando poderemos ver se nos pregos se inclúen os criterios de accesibilidade e se se aplican”, comentou.
Por outra banda, Ramiro valorou que a Directiva Europea de Accesibilidade, que soporta xuridicamente o Estándar Europeo de Accesibilidade, permita tanto certificarse por medio dunha entidade externa como mediante un proceso de autocertificación, xa que, deste xeito “calquera empresa pode cumprimentar determinados datos que acrediten que os produtos que oferta cumpren coa normativa vixente”.
“O bo da norma técnica é que está suxeita a revisión e non é pechada”, recalcou, “e isto é bo, porque todos os anos xorden novas tecnoloxías e deste xeito é posible adaptar a norma”. “A evolución da tecnoloxía é tan rápida que non se pode encorsetar, polo que é positivo que quede suxeita a revisión, porque aínda hai campos que están a evolucionar”.