main content

main content
16/02/202208:02
Tablet e muíño feito con Lego.
Santiago de Compostela

O CPEIG organiza un taller de robótica para nenas e nenos ingresados no CHUS

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou este martes 15 de febreiro un obradoiro de robótica para os nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) con cancro ou outras enfermidades, con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil e en colaboración coa Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG).

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado pola técnico de ASANOG, Merce Fernández Baleato. “A tecnoloxía supón para estes pequenos unha válvula de escape”, indicou.

O taller, dirixido a nenas e nenos de 6 a 14 anos, foi impartido por Pablo Novoa e Carlos Santodomingo da empresa Captioma Galicia. Ten unha orientación pedagóxica e un formato lúdico co obxecto de que os máis pequenos entren en contacto coa tecnoloxía. Empregáronse robots orientados a aprender a programar desde un punto de vista educativo, como os sistemas de aprendizaxe de Lego Education, mBot ou as placas electrónicas como Arduino.

16/02/202208:02
Mans de persoa maior sobre un teclado e un rato.
Boiro

Boiro acolle un obradoiro da Cruz Vermella para achegar as TIC ás persoas maiores

Boiro acolle esta semana unha actividade encadrada dentro do proxecto Enredando que leva a cabo a Asemblea Local da Cruz Vermella Española e co que se busca reducir a fenda dixital (agravada pola pandemia) e achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores. A actividade será este xoves 17 de febreiro en horario de 11.00 a 13.00 horas na praza de Galicia.

Con esta iniciativa Cruz Vermella de Boiro busca, mediante a capacitación dixital, evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade ou nivel educativo. Con ela as persoas maiores poderán coñecer máis sobre Internet, que é, as súas vantaxes e usos, como funciona o buscador ou como se desenvolve a comunicación mediante correo electrónico. O obradoiro conta tamén cun apartado sobre a instalación e emprego de Whatsapp e páxinas web de interese como pode ser a do SERGAS ou a banca electrónica. O Concello de Boiro e Cruz Vermella colaboran para levar a cabo actividades encamiñadas á integración social de persoas e colectivos vulnerables ou en risco de exclusión. Entre os programas que se levan a cabo durante todo o ano está a atención de necesidades básicas, apoio escolar e educativo, intervención familiar con nenez en risco ou prevención de condutas violentas na adolescencia.

15/02/202214:02
Momento da presentación do Kit Dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta difunde en Galicia o programa Kit-Dixital de Red.es, que se suma ás accións autonómicas, que destinaron en 2021 máis de 23 millóns de euros a apoiar á dixitalización das pemes

  • A Xunta colabora con Red.es na divulgación do programa para que empresas do sector tecnolóxico galego se sumen como dixitalizadores e as pemes galegas poidan beneficiarse da iniciativa
  • Máis de 70.000 pemes de Galicia poderán optar a estas axudas e as máis de 3.000 empresas do sector TIC da nosa Comunidade poden actuar como axentes dixitalizadores

A Xunta difundirá en Galicia o programa de axudas Kit Dixital impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e enmarcado no plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A primeira das actividades de difusión na nosa comunidade autónoma desenvolveuse hoxe na Cidade da Cultura coa participación de 133 persoas de xeito presencial e tivo máis de 1.000 inscricións para seguila en liña. Esta primeira presentación foi precedida dun acto no que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o director xeral de Red.es, Alberto Martínez.

Mar Pereira salientou na súa intervención a importancia de sumar esforzos entre as administracións para gañar en efectividade nos programas de dixitalización que se levan a cabo no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O programa Kit Dixital presentado hoxe complementará as accións que leva a cabo a Xunta para a dixitalización das pemes e será desenvolvido con fondos Next Generartion por Red.es. O programa conta cunha dotación de 3.000 millóns de euros para axudas a pemes.

A Xunta difundirá o programa Kit Dixital tanto en accións dirixidas a axentes dixitalizadores como ás propias pemes dos diferentes sectores de actividade. Farao a través de eventos específicos no GaiásTech, así como a través de enlaces á plataforma Acelera Pymes. Tamén puxo a disposición deste programa as oficinas locais de Acelera Pemes. Así mesmo, prestará soporte para a solicitude de axudas a través da rede de aulas CeMIT.

Máis de 70.000 pequenas e medianas empresas de Galicia poderán optar a recibir estas axudas. Ademais, as máis de 3.000 empresas do sector TIC galegas poderán optar a participar no Kit Dixital como axentes dixitalizadores. Neste sentido, hai xa 250 empresas tecnolóxicas galegas interesadas en participar.

Na presentación de hoxe, o director de Economía Dixital de Red.es, Luis Prieto, explicou o programa aos asistentes, que puideron coñecer de primeira man experiencias de éxito en sectores como a panadería, a medicina ou a viticultura.

Apoio ás pemes no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030

Este programa complementa as accións desenvolvidas pola Xunta de Galicia para apoiar a dixitalización das pemes, que permitiron que no ano 2021 se destinaran máis de 23 millóns de euros a axudas. Ademais das achegas por importe de 7,4 millóns de euros para a dixitalización e a realización de obradoiros, a Xunta puxo en marcha liñas específicas, como o programa Galicia Exporta Dixital, con 6 millóns de euros; o Cheque Dixital, con 4 millóns de euros, ou as axudas para a promoción dixital para a hostalería, con 6 millóns de euros.

A Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha o programa ReAcciona, con convocatorias abertas ata o mes de abril de 2022. Esta acción ten como obxectivo capacitar ás pemes ante os novos retos e acelerar os procesos de mellora e incorporación de coñecemento ás súas estruturas. Dispón dun total de 15 servizos ao redor de catro eixos de competitividade: a estratexia, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.

Estas actuacións enmárcanse na estratexia Galicia Dixital 2030, que no seu eixo sétimo “Economía Dixital e Sostible”, que promove o impulso e dixitalización empresarial para a competitividade.

Centro GaiásTech

A Xunta puxo en marcha en 2021 o Centro GaiásTech na Cidade da Cultura de Galicia como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas ao servizo do ecosistema dixital galego. O centro conta cun catálogo de servizos á disposición das empresas de Galicia. Ademais da axenda tecnolóxica con máis de 100 eventos anuais, o GaiásTech Cloud, pon á disposición das empresas aplicacións informáticas na nube para facilitar a súa proba e aprendizaxe, o que axuda á toma de decisións sobre a incorporación das aplicacións na empresa.

O GaiásTech puxo en marcha recentemente o xemelgo virtual, que permite coñecer as súas instalacións e coñecer o equipamento dispoñible, visualizar as últimas actividades realizadas ou reservar espazos. Tamén traballa no desenvolvemento dun Mapa de Capacidades, un directorio de entidades con competencias tecnolóxicas, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

Dixitalización das empresas de Galicia

A práctica totalidade das empresas con 10 ou máis persoas empregadas en Galicia teñen contratados servizos de internet. Entre as micro-empresas (menos de 10 empregados) son un 81 por cento as que dispoñen destes servizos. En 2021, un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contaba con perfís tecnolóxicos no cadro de persoal. Nese ano, o 45,3% das empresas de Galicia de 10 ou máis persoas empregadas contaba con persoal que teletraballaba.

En canto ao uso de tecnoloxías disruptivas, o 23,6% das empresas con 10 ou máis persoas empregadas utilizaban en 2021 dispositivos interconectados a través de internet, o que representou un incremento dun 41,7% con respecto ao ano anterior. Tamén subiu o uso do Big Data por parte das empresas galegas, así como o uso da intelixencia artificial.

13/02/202214:02
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta estrea un programa para capacitar a mulleres emprendedoras en habilidades dixitais

  • A iniciativa diríxese a mellorar a formación de 14 mulleres beneficiarias do programa Emega de emprendemento, para que acaden os coñecementos técnicos básicos que lles permitan abrir ou mellorar a súa idea de negocio
  • Emega contará este 2022 co orzamento máis alto da súa historia, 4,2M€, tras ter apoiado nos últimos 12 anos 1.134 empresas promovidas por mulleres
     

A Xunta estrea mañá un novo programa para mellorar a capacitación dixital de mulleres e axudalas a encamiñar as súas ideas empresariais ao mundo web. Un total de 14 emprendedoras, todas elas beneficiarias das liñas Emega -coas que a Xunta fomenta a iniciativa empresarial feminina-, recibirán clases en remoto para mellorar as súas habilidades tecnolóxicas.

Con esta iniciativa, Emegas XXI: Mulleres desenvolvedoras web, o Goberno galego espera que as emprendedoras poidan acceder a novos coñecementos que lles permitan ampliar as súas perspectivas e mesmo engadir propostas de valor ás súas ideas empresariais.

A formación arranca mañá e se desenvolverá ata o próximo 14 de maio. Consta de 160 horas lectivas nas que as alumnas recibirán unha introdución ao uso de ferramentas tecnolóxicas, ás linguaxes informáticas e de programación e a nocións de deseño gráfico.

A Xunta financia esta actividade con 18.000 euros, destinados aos custos do seu desenvolvemento, que correrá a cargo de expertos en enxeñaría técnica, formación e xestión documental.

Con esta medida, as mulleres participantes gañarán autonomía para poder xestionar a súa presenza web, deseñar ou cambiar as súas páxinas, ou deseñar blogs ou outros espazos partindo de coñecementos básicos das linguaxes, evitando depender para todo de servizos técnicos externos. Ademais adquirirán os coñecementos para poder comunicarse mellor con estes, de ser preciso.

O curso diríxese a mulleres de diferentes ramas de coñecemento: médicas, fisioterapeutas, dietistas e nutricionistas, veterinarias, arquitectas, avogadas, docentes, periodistas, filólogas... O Goberno galego traballa coa expectativa de que tras a formación poidan definir novas estratexias de negocio baseadas nos coñecementos adquiridos.

A formación terá un carácter eminentemente práctico, que permitirá ás participantes desenvolver o seu propio proxecto web unha vez rematada a actividade. Ofrécese en formato remoto, con clases gravadas e titorías individuais. Ademais as mulleres participantes contarán cun servizo inicial de mentorización.

Todas as mulleres participantes son beneficiarias do programa de emprendemento feminino Emega ao que a Xunta destinará este ano o seu maior orzamento da historia: 4,2 millóns de euros.

Nos últimos doce anos (2009-2021), a Xunta investiu neste programa máis de 14 millóns de euros para apoiar 1.134 iniciativas empresariais femininas, permitindo consolidar 2.113 postos de traballo ocupados por mulleres.

12/02/202211:02
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Alameda de Santiago acolleu a proba final do Dragal Challenge, primeira experiencia da plataforma de contidos interactivos impulsada pola Xunta

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG impulsan conxuntamente o sector dos contidos audiovisuais no marco do Plan DicoMindset, cun investimento de máis de 13 millóns de euros
  • A plataforma de contidos interactivos PetisGo! foi creada por unha UTE de empresas galegas de tecnoloxía e terá aplicacións educativas e en ámbitos como o turismo ou a cultura
  • A ferramenta combina o uso de dispositivos e tecnoloxías como sensores, contornas inmersivas, realidade aumentada ou realidade virtual
  • Os propios usuarios, así como profesores e profesionais do audiovisual poderán crear contidos interactivos, denominados “petiscos”, dun xeito sinxelo
  • O Dragal Challenge permitiu interactuar en 10 lugares de importancia histórica de Galicia e consistiu nunha ‘busca do tesouro’ que rematou hoxe na Alameda de Santiago

A Alameda de Santiago de Compostela converteuse hoxe nun escenario no que se mesturou a realidade con escenarios virtuais para acoller a proba final do Dragal Challenge, primeira experiencia da plataforma de contidos interactivos impulsada pola Xunta de Galicia e a CRTVG.

Esta plataforma enmárcase no Plan DicoMindset que leva a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración con entidades públicas, como o Igape, a CRTVG ou Agadic; e privadas, como o Clúster TIC, o Clúster Audiovisual e empresas tractoras. Este plan implica un investimento de máis de 13 millóns de euros para o impulso do sector de contidos dixitais.

O universo Dragal, creado pola escritora galega Elena Gallego Abad, protagonizou esta primeira experiencia demostradora da plataforma de contidos interactivos PetisGo!, desenvolvida por unha UTE de empresas tecnolóxicas galegas.

A plataforma PetisGo!, desenvolvida nos últimos dous anos, ten aplicacións como a creación de contidos para a TV interactiva, a educación, o turismo ou a difusión cultural. Foi creada por Xurelos-Petiscos, unha unión temporal de empresas formada por Cinfo, Sixtema, Xoia, Ficción Producciones, R Cable e Telecable Comunicaciones.

PetisGo! forma parte dun convenio de colaboración asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG. Permite xerar e difundir contidos interactivos avanzados para ser desfrutados en distintos escenarios como na natureza ou en visitas a monumentos históricos, e a través de múltiples dispositivos e tecnoloxías como sensores, contornas inmersivas, realidade aumentada ou realidade virtual.

A plataforma facilita que os propios usuarios, nenos, adolescentes, profesores ou profesionais do audiovisual creen experiencias interactivas, chamadas “petiscos”, que combinen estas tecnoloxías de xeito sinxelo.

Dragal Challenge

A primeira experiencia, que hoxe rematou, tivo como obxectivo demostrar o correcto funcionamento e as funcionalidades da plataforma PetisGO! e basease no universo Dragal, ben coñecido pola xuventude galega e cuxos personaxes serviron para dar coherencia o xogo.

O xogo tivo como obxectivo amosar 10 lugares de importancia histórica de Galicia, que se converteu, durante o seu desenvolvemento, nun gran taboleiro de xogo.

Dez equipos participantes competiron por premios consistentes en dispositivos móbiles e tiveron a oportunidade de crear tesouros escondidos con pistas (ovos de dragón) para desafiar aos demais equipos. Os tesouros tiveron como argumento historias esquecidas de Galicia e contiñan obxectos de realidade aumentada creados en PetisGo!

Os participantes tiveron que seguir as pistas para atopar os ovos de dragón espallados por toda a xeografía nunha competición por equipos que culminou na final de hoxe.

O 'Dragal Challenge' púidose seguir en directo a través da Plataforma PetisGo! en móbiles Android e iOS ou a través da versión para navegador.

Con este proxecto, cofinanciado no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 “Unha maneira de facer Europa”, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG pretenden dinamizar o uso de novas canles e medios e a creación de contidos interactivos innovadores acordes ás novas tendencias de consumo no ámbito da formación non regrada para nenas e nenos de entre 6 e 16 anos.

11/02/202212:02
Moza tecnóloga.
Santiago de Compostela

Declaración institucional da Xunta de Galicia co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia 2022

O 11 de febreiro é desde 2015 unha data que aposta polo futuro da ciencia en feminino. Así o estableceu a Asemblea das Nacións Unidas ao acordar designar esta data como o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia para reivindicar a importante achega realizada polas mulleres a prol da ciencia e polo tanto do progreso da sociedade na súa totalidade.

A conmemoración desta data fainos mirar cara atrás, cando as mulleres participaron de forma invisibilizada e discreta nos avances científicos da historia, pero tamén nos fai ollar ao futuro dunha maneira máis optimista, onde elas están chamadas a ocupar o verdadeiro lugar que lles corresponde, liderando o coñecemento e a investigación en todos os seus ámbitos, xa que a diversidade sempre achega novas perspectivas, talento e creatividade.

Pese aos avances rexistrados nos últimos anos en canto á participación das mulleres na ciencia, debemos ser fieis aos datos e lembrar que segundo se desprende do avance do informe europeo She figures 2021, na ciencia persiste a segregación horizontal, que se caracteriza pola existencia no mercado laboral dalgunhas actividades e/ou profesións con maior participación masculina e outras máis feminizadas, de tal modo que se corresponden con estereotipos de xénero aínda presentes na sociedade.

Son múltiples os estudos que evidencian a pervivencia e reprodución das fendas de xénero, tanto verticais coma horizontais, na ciencia e na investigación; discriminacións que resultan de se conxugaren, entre outros, dous fenómenos:

  • a) O glass ceiling ou «teito de vidro», segundo o cal as mulleres van avanzando posicións nas súas carreiras profesionais ata se atopar cun teito ou barreira invisible que impide o seu progreso ata a cima.
  • b) O leaky pipeline ou «tubaxe que pinga», polo cal as mulleres van desaparecendo progresivamente, pinga a pinga, das carreiras científicas ás que van accedendo, polos obstáculos e trabas que se atopan.

Pero cómpre sinalar que estamos avanzando, pasiño a pasiño, en mudar esta realidade. Así, Galicia é punta de lanza en garantir a igualdade no eido da investigación e na universidade, prestando atención e regulando por lei desde o pasado ano cuestións como que nas novas convocatorias de axudas neste ámbito -tanto de organismos públicos como privados-, se poida aplicar un factor corrector para compensar os períodos de inactividade (maternidade, paternidade ou permisos temporais por embarazo, lactación ou coidado de persoas dependentes), para que non supoñan unha discriminación nos procesos de avaliación destas mulleres. Un claro exemplo de consenso parlamentario en prol do avance femenino neste eido, un avance tamén colectivo.

Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia mantén un traballo constante no seo da Unidade de Muller e Ciencia co obxectivo de incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia e visibilizar as súas achegas, así como dar a coñecer as referentes galegas a través de distintos programas.

Deste compromiso derívanse un compendio de actuacións integradas no I e II Programas Galegos de Muller e Ciencia e tamén no III Programa, que está a punto de ver a luz.

O III Programa Galego Muller e Ciencia pretende lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de forma efectiva o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que priorice as necesidades das mulleres e sexa respectuoso coa diversidade; e así aproveite e reteña o talento tanto das mulleres como dos homes da nosa comunidade, para ser o motor do desenvolvemento tecnolóxico, económico e social sostible que queremos para Galicia.

Mellorar a visibilización e participación activa das nosas investigadoras, a súa calidade de vida profesional, as súas posibilidades de promoción e a capacidade de liderado son algúns dos obxectivos que se propón o Goberno galego á hora de deseñar a política científica centrada na achega das mulleres.

Así e todo tamén resulta fundamental poñer o acento en dotar de bos exemplos e referentes reais ás nenas galegas, que serán as científicas do futuro. Proveer de modelos a seguir que inspiren ao alumnado dos nosos centros educativos, e tamén ás familias, así como apoiar a traxectoria investigadora das mulleres, e fomentar vocacións innovadoras nas nenas, son algunhas das motivacións que nos levan a centrar o noso apoio e compromiso coas vindeiras xeracións de científicas de Galicia.

10/02/202207:02
Participantes na presentación do informe.
Santiago de Compostela

As tecnológas galegas reivindican accións positivas para rachar coa fenda de xénero STEM

A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) – Nodo Galicia (AMIT-Gal) presentou este 9 de febreiro o informe A presenza feminina na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 2008-2021Fíxoo en Santiago, no Pazo de San Roque (sede da RAGC) con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora este venres 11 de febreiro. Entre outros moitos datos de interese, no informe faise saber que aínda resta moito camiño que percorrer para rachar coa fenda de xénero no ámbito STEM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), un problema de desigualdade que se pon de manifesto no seguinte dato: as académicas representan na actualidade menos do 20% da entidade científica.

O documento conclúe cunha serie de recomendacións que pretenden “promover accións positivas” co obxectivo de permitir un maior recoñecemento social das contribucións das mulleres científicas, fomentar unha imaxe máis inclusiva da RAGC e incentivar a presentación de mulleres candidatas nos distintos premios, tanto de forma individual como pola comunidade científica ou institucións que representan. “Somos ben conscientes do desequilibrio de xénero nos recoñecementos do ámbito científico e traballamos por mellorar o balance. Nos últimos anos téñense tomado accións importantes, o que está resultando nunha evolución positiva. Convidamos á sociedade científica a presentar candidaturas femininas aos premios da RAGC”, dixo o presidente da RAGC, Juan Lema, lembrando que na súa constitución en 1978, a RAGC contaba coa doutora Mª del Pilar Fernández Otero e non foi ata o ano 2014 que tivo lugar o ingreso da seguinte académica. Desde entón, o presidente explicou que ingresaron na RAGC seis académicas numerarias que, por suposto, resultan “insuficientes”. Por outra banda, a RAGC anima á comunidade científica a presentar candidaturas lideradas por mulleres aos diferentes premios que outorga a Academia. Actualmente o número de candidaturas masculinas é moito máis elevado, dixo.

Novos impulsos

Segundo dixo o presidente, un exemplo da evolución positiva da RAGC para corrixir “este desequilibrio de xénero” é o ingreso previsto de cinco novas académicas en 2022. A presenza de mulleres académicas numerarias incrementarase coa incorporación de Carmen Isabel Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970), catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Tamén formará parte da entidade como académica numeraria da sección de Ciencias Económicas e Sociais María Loureiro García (A Pontenova, 1972), catedrática de Economía na Universidade de Santiago (USC). E finalmente ingresará como académica numeraria na sección de Ciencias Técnicas este ano Herminia Dominguez González (San Xoán de Río, Ourense, 1965), catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (Uvigo) no Campus de Ourense.  Como académicas correspondentes, ingresarán na RAGC este ano Marisol Soengas González (Agolada, 1968), investigadora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) en Madrid; e Ana Cebreiro Gómez (Ferrol, 1971), graduada en Economía pola Facultade de Ciencias Económicas da USC, e actualmente responsable de tributación internacional no Banco Mundial. Con toda seguridade a incorporación destas novas académicas axudará a fomentar o interese das nenas e mozas pola ciencia, aportándolles referentes femininos e eliminando os estereotipos e roles de xénero sobre a ciencia e a tecnoloxía, fortemente arraigados na sociedade.

Na presentación, celebrada no Pazo de San Roque en Santiago, participaron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio; a presidenta de AMIT-Gal, a profesora Ana Jesús López Díaz da Universidade da Coruña (UDC); e as autoras do traballo, a doutora e vogal de AMIT-Gal Joana Cristina Silva Magalhaes, investigadora da empresa Science for Change; e a doutora e socia de AMIT-Gal Vanessa Valdiglesias, investigadora do Grupo de Investigación Diagnóstico Conductual e Molecular Aplicado á Saúde da UDC. Asistiron tamén a profesora Alicia Estévez, vicepresidenta da Academia, vogal do Consello da Cultura Galega e membro da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia; e as directoras das unidades de igualdade das universidades galegas: María José Abad (UDC), Eva Aguayo da Universidade de Santiago (USC) e Águeda Gómez da Universidade de Vigo (UVigo).

09/02/202212:02
Mans dun neno sobre un teclado.
Madrid

A pandemia eleva ata o 98% o número de menores en España que empregan Internet a diario

Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), publicou este 8 de febreiro de 2022, o informe El uso de las tecnologías por menores en EspañaNel constátase que debido á situación derivada da crise do COVID-19 os hábitos dixitais dos menores cambiaron. As clases a distancia e as actividades educativas en liña, provocaron que se producise un aumento do uso dos ordenadores e dispositivos móbiles, así como a cantidade de usuarios e usuarias que empregan Internet.

Para facernos unha idea da universalidade no uso de Internet, no 2016 a porcentaxe de nenos e nenas de entre 10 e 15 anos que empregaban Internet non chegaba ao 93%; en cambio, entre o 2020 e 2021 aumentou este dato en tres puntos ata arredor do 98%. Ceuta, Cataluña e Madrid son as comunidades onde máis menores empregan Internet, e Cataluña e País Vasco onde máis menores empregan os ordenadores. A medida que baixa a idade, o emprego da rede é menor, así como tamén atopamos unha lixeira diferenza entre xéneros. As nenas (96%), empregan Internet arredor dun 2% máis que os nenos (94%), tendencia que se ven mantendo dende 2017. Nos últimos cinco anos non variou o número de menores con teléfonos móbiles (7 de cada 10). Neste ámbito, tamén son as nenas as que están por diante, 72% elas e 65% eles. As comunidades con máis menores con teléfono móbil son Extremadura e País Vasco; e as que menos Melilla e Galicia.

As variables sociodemográficas afectan ao uso

A idade, o lugar de residencia, a renda do fogar ou o número de membros da unidade familiar condicionan a dispoñibilidade do móbil e ordenador, e o uso de Internet.

En tema de idades, no salto dos 10 aos 11 anos, o porcentaxe no uso do ordenador aumenta do 90% ao 95%; os 13 anos adoita ser a idade na que se lles compra un móbil por primeira vez, polo que 9 de cada 10 nenos e nenas de 13 anos teñen móbil. Por lugar de residencia, os nenos e nenas que viven en poboacións con menos habitantes (10.000 ou menos) empregan máis o móbil e menos o ordenador que os habitantes de zonas máis poboadas. No que respecta aos ingresos das familias, canto maior sexa a renda familiar maior será o acceso á rede dos e das menores. Así tamén será se falamos do teléfono móbil, en familias con rendas superiores a 2.500 euros, un 67% dos nenos e nenas teñen móbil, fronte a un 57% nas familias con rendas menores de 900 euros. Os datos tamén reflicten que os fogares con só dous membros, o uso do móbil é maior que en familias con cinco ou máis integrantes.

Mundo dixital no ámbito escolar

A COVID-19 acelerou a adaptación e a transformación de moitos ámbitos ás novas tecnoloxías. Aínda que durante a pandemia, o 95% dos fogares estiveron preparados para facer fronte ás clases en liña, case o 5% dos nenos e nenas non tiveron os medios necesarios. Case o 17% das familias con ingresos inferiores a 900 euros non puideron facer fronte a esta situación. A raíz disto, o Goberno de España lanzou en xuño de 2020 o programa Educa Digital, dotado de 190 millóns de euros e co obxectivo de distribuír ata 500.000 equipos informáticos entre os centros educativos para afrontar tanto a docencia online como para mellorar a presencial.

09/02/202207:02
Momento da presentación do informe de Unicef.
Santiago de Compostela

Política Social asiste á presentación do informe de Unicef sobre o impacto das novas tecnoloxías na adolescencia en Galicia

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu esta tarde á presentación do informe Impacto das tecnoloxías na adolescencia en Galicia. Relacións, riscos e oportunidades, elaborado por Unicef. Durante o acto, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a entidade expuxo as principais conclusións do estudo de ámbito autonómico, que a Consellería de Política Social trasladará aos departamentos da Xunta de Galicia con competencias neste eido.

Entre outros datos, o estudo revela que un de cada catro adolescentes da Comunidade fai un uso problemático da Internet e as redes, así que como catro de cada cinco “podería ter un certo enganche aos videoxogos”. O documento ofrece recomendacións tanto ás familias como ás Administracións públicas, á industria e ás institucións para promover a protección dos dereitos da infancia e a adolescencia na contorna dixital. O informe, que recolle as opinións de máis de 3.000 adolescentes de 19 centros da ESO en Galicia, foi elaborado por Unicef en colaboración coa USC e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería en Informática.

09/02/202207:02
Mans tecleando.
Redondela

Redondela pon a disposición da cidadanía media ducia de obradoiros TIC

Concello de Redondela, a través da área municipal de Novas Tecnoloxías, achega neste primeiro semestre de 2022 media ducia de cursos de informática dirixidos a seguir avanzando na alfabetización dixital da cidadanía. Desenvolverase nas aulas CeMIT de Redondela e Chapela. Porase o foco no nivel básico de formación (haberá obradoiros para introducir á veciñanza no uso dos sistemas operativos de Internet, e tamén no emprego inicial de ferramentas de ofimática) e tamén nun ámbito de actividade máis avanzado (por exemplo o obradoiro sobre ofimática na nube).

Cursos da aula CeMIT de Redondela

  • Alfabetización dixital Windows 10 e Internet (24 horas) Luns e mércores de 9.30 h a 11.00 h. 
  • Mecanografía co computador (16 horas) Luns e mércores de 11 h a 12 h.
  • Tarefas de oficina con Writer e Calc (24 horas) Luns e mércores de 12 h a 13 h.

Cursos en Aula CeMIT Chapela

  • Aplicacións Google (24 h) Martes e xoves de 9.45 h a 11.15 h.
  • Internet e correo electrónico (16 h) Martes e xoves de 11.15 h a 12.15 h.
  • Drive ofimática na nube (24 h) 12.15 h a 13.45 h 

Ademais os venres celebrarase a Aula Aberta, con seminarios de subvencións co Concello e un obradoiro de informática para adultos (dúbidas, consultas de cidadáns e asociacións), un venres en Redondela e o outro en Chapela. As matrículas deste primeiro módulo de obradoiros están pendentes de data, segundo comunicou o Concello, que indica que as instancias para participar nos cursos poderanse recoller na páxina web de Redondela, no Centro de Formación A Marisma (ao carón da piscina municipal) e no edificio Multiusos da Xunqueira en Redondela. En Chapela poderanse solicitar nas Dependencias dos Servizos Sociais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS