Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha un plan para facilitar a extensión do 5G. O recordaba esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, durante a súa visita aos stands dos operadores Vodafone e Orange na Mobile World Congress Barcelona 2022. Ambos operadores destacan estes días na MWC as posibilidades do 5G en ámbitos como o turismo ou a xestión do tráfico, un aspecto clave das smart cities.
Consciente da importancia desta tecnoloxía de redes sen fíos de quinta xeración, Galicia quixo converterse desde o primeiro momento nun territorio facilitador da súa extensión e implantación.
A posta en marcha do Plan Galicia 5G permitiu á comunidade contar cun posicionamento e contribuíu a que o Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedese dúas subvencións ás propostas presentadas por Telefónica e Orange para realizar pilotos 5G en Galicia. Estas iniciativas, sumadas ás impulsadas polo Nodo do Plan Galicia 5G, desde a Xunta, no que participan estes operadores xunto con Vodafone, suman 30 casos de uso 5G por un importe de 22 millóns de euros.
A día de hoxe o 70% destes casos de uso están completados e o resto na recta final. Son usos innovadores desta tecnoloxía aplicados a ámbitos como a atención sanitaria, a educación, na xestión de incendios, a industria, na automoción no audiovisual ou o turismo, entre outros.
O seguinte paso será a avaliación destes 30 casos de uso para ver as posibilidades de incorporalos á dinámica dos servizos públicos e dos diferentes sectores produtivos.
En Galicia conformouse un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G e que permitiu, por exemplo, que foramos o territorio escollido para a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial ou que Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades de España en contar con redes 5G.
A Administración autonómica fixo unha forte aposta para que Galicia aproveite as posibilidades do 5G porque esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e polo tanto é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio como o noso caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica. Neste sentido, cómpre lembrar o compromiso do Estado, de acordo coas liñas establecidas pola UE, de lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.
A aula CeMIT do Concello de Ames celebra esta tempada os seus cinco primeiros cursos presenciais de 2022. A formación na aula comezará en Entroido e continuará ata finais de abril, con catro propostas para menores de idade e outra máis para adultos. Ademais, continúan os cursos en liña, cun ciclo de ofimática na suite LibreOffice, e o acceso á aula aberta, de luns a venres de 9:30 a 13:00, e os martes e xoves, tamén das 16:30 ás 19:00 horas.
Para anotarse nos cursos, limitados a 9 prazas, cómpre reservar praza chamando ao 682 373 753, ou ben enviar un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.
Volven os cursos presenciais á aula CeMIT de Ames neste 2022, despois dunha interrupción en xaneiro no que se aproveitou para realizar reformas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dende aquela xa retomou a súa actividade habitual, con accesos á aula aberta de luns a venres de 9:30 a 13:00, e tamén pola tarde os martes e xoves, das 16:30 ás 19:00 horas. Tanto os cursos como o uso da aula aberta van acompañados dunha serie de requisitos: hixiene de mans á entrada, máscara obrigatoria, spray hixienizante e distancia de seguridade, cos aforamentos limitados a 9 persoas, tanto nos cursos como neste acceso libre. O primeiro dos catro cursos ofertados para menores será Scratch en Entroido, que será o luns 28 de febreiro e o martes e mércores 1 e 2 de marzo, de 10:30 a 12:00 horas. Dirixido a maiores de 8 anos, os nenos e nenas aprenderán as bases desta ferramenta de programación.
Por outra banda, os martes dende o 8 de marzo ata o 26 de abril haberá un curso de iniciación á informática para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que terá lugar polas tardes, de 17:15 a 18:45. Ademais, todos os xoves dende o 10 de marzo ata o 28 de abril celebraranse dous cursos de mecanografía: un para menores de 10 anos, de 17:00 a 18:00, e outro para maiores de 10 anos, de 18:00 a 19:00 horas.
Por último, a proposta para o alumnado adulto consistirá en sacarlle o máximo partido aos nosos teléfonos móbiles, centrándose especialmente no sistema operativo Android. O curso celebrarase os martes e os xoves, de 10:30 a 12:00 horas, e dende o 15 de marzo ata o 28 de abril.
Dende o 7 de marzo ata o 6 de maio, todos os luns, mércores e venres, de 17:00 a 19:00 horas, a aula CeMIT desenvolverá cinco cursos a distancia relacionadas co uso da suite ofimática LibreOffice, co fin de que o alumnado poida usar con facilidade procesadores de texto, follas de cálculo ou creadores de presentacións. Comezarase coa alternativa ao Word, o LibreOffice Writer, do que haberá un curso introdutorio do 7 a o 18 de marzo, e outra proposta de nivel medio, do 21 de marzo ao 1 de abril. A formación continuará co Calc, a versión libre do Excel, cunha introdución do 4 ao 13 de abril e unha segunda parte máis avanzada do 20 ao 29 de abril. Por último, do 2 ao 6 de maio avanzarase co programa Impress, o equivalente a PowerPoint da suite LibreOffice, no que se ensinará a parte técnica para crear diapositivas e presentacións atractivas.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo) organiza a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022) o vindeiro 11 de marzo. O evento celebrarase de xeito presencial e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Ourense e Santiago (Facultade de Informática da UDC, Escola Superior de Enxeñaría en Informática da UVigo e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC).
A proba será en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas, aínda que os participantes deberán estar na sede escollida ás 16:00 horas. Poderán participar estudantes de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional de grao medio de calquera centro de Galicia, sempre que non se teñan superado os 20 anos de idade o 1 de xullo de 2022. A inscrición final dos participantes xa está aberta na web da olimpíada.
O CPEIG informa de que durante os meses previos, estivo aberta unha preinscrición que daba acceso a formación e adestramento en programación, en colaboración coa academia Leagues of Code.
O colexio engade que o certame galego consta de seis problemas que se deberán realizar nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Permítese o uso de C++, Python ou Java. Todos os retos describirán un escenario no que se pretende que un programa informático axude dalgunha maneira. Os desafíos da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. Os dous primeiros postos na clasificación da OIG 2022 accederán de xeito directo á fase final da Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará na primeira fin de semana de abril. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia. A OIG 2022 está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Abanca, Atos, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Extreme Networks, Google Cloud, Grupo Tesalia- Emetel, Minsait (Indra), NetApp e Sixtema. Para resolver dúbidas cómpre enviar un correo a informacion@cpeig.gal
A Universidade de Santiago vai desenvolver en marzo (días 4 e 5) a primeira edición do Hackathon Social. Farao baixo un epígrafe que fala ás claras dos obxectivos do evento, que pasan por atopar respostas nas novas ferramentas aos principais retos da actualidade: A chave para a innovación social.
Coordinado polo Laboratorio de Innovación e Economía Social de Galicia (LIES_GA), a súa finalidade concreta será “achegar solucións a retos diferentes relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nun período de tempo limitado, traballando en equipos multidisciplinares e cunha metodoloxía intensiva e presencial”. Trátase dunha iniciativa dirixida a calquera estudante da USC, sen que sexa preciso ter coñecemento específicos nin formar parte dun grupo previamente. Os equipos conformaranse o primeiro día do encontro, establecéndose un premio para os dous mellores proxectos. Os retos serán seleccionados polo alumnado nas sesións de presentación que se realizarán en diferentes centros. As solucións estarán encadradas no ámbito do emprendemento social, a sustentabilidade na Universidade e o potencial da tecnoloxía para resolver retos sociais. De entre todas as solucións presentadas, escollerase unha gañadora para cada un dos dous retos finais. Para asistir é preciso cubrir a inscrición antes das 23.59 horas do 25 de febreiro. O evento celebrarase o día 4 de marzo de 16.00 a 21.00 horas e o 5 de 9.00 a 13.00 horas no Edificio Emprendia en Campus Vida. A actividade está limitada a un máximo de 24 prazas. Co gallo de ilustrar o formato do evento, a USC lembra que o termo “hackathon” resulta da unión dos conceptos “maratón” e “hacker” e refírese a unha experiencia de innovación aberta que busca alcanzar unha meta común de forma colaborativa nun período breve de tempo.
Coincidindo coa celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o Campus de Vigo acollerá dúas mesas redondas centradas en mostrar e reivindicar o papel da muller en dous eidos concretos da enxeñaría: a automatización e a robótica, por unha banda, e a ciberseguridade por outra. O profesor José Ignacio Armesto, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, é o encargado de coordinar ambas actividades, que se desenvolverán a primeira delas en formato virtual o día 7 e en modalidade semipresencial e a segunda, o día 9 de marzo.
As convidadas falarán, entre outras cuestións, sobre as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido profesional. O día 7 terá lugar a terceira edición das Xornadas técnicas AER-UVigo, que tras centrarse na Industria 4.0 en 2020 e na robótica industrial en 2021, desta volta analizarán o papel das mulleres no sector da automatización e da robótica. Esta iniciativa, organizada pola Asociación Española de Robótica e Automatización e a Universidade de Vigo, será “100% dixital”, explica Armesto, e contará coa participación de “mulleres directivas de empresas asociadas a AER Automation”, como Mar Masulli, de Bitmetrics; Pepa Sedó, de Eurecat; Carolina López, de Infaimon; María Benítez, de Robotnik; e Rocío Lara, de Ro-Botica. Xunto con elas, participarán na mesa unha alumna da Universidade de Vigo, Ainoa Castro, do Grao en Electrónica Industrial e Automática, e outra de Formación Profesional, Noemí Rabasco, que cursa o Grao superior en Automatización e Robótica Industrial. A mesa redonda estará moderada por outra muller, directiva neste caso do centro tecnolóxico Gradiant, Antía Fernández, co-responsable da área de Sistemas Intelixentes. As xornada poderán seguirse a través da canle 2 de UVigoTV a partir das 11.30 h.
Nesa mesma semana, pero xa o día 9, o Campus de Vigo acollerá a Xornada Mulleres e Ciberseguridade, organizada por Ana Fernández Vilas, directora do Mestrado Interuniversitario en Ciberseguridade e polo profesor José Ignacio Armesto. Participarán en modalidade virtual Esther Mateo, directora xeral de seguridade en ADIF e Rosa Díaz, directora xeral de INCIBE. Acompañaranas dende a sala I do Edificio Miralles as relatoras Ana Fernández Vilas, coordinadora do Mestrado en Ciberseguridade; Belén Pérez, CISO do Grupo Nueva Pescanova e Susana Rey, da Oficina en R e tamén egresada da Universidade de Vigo.
Este evento nace da man do Máster MUNICS, o título de especialista ECSI e a cátedra R. A mesa redonda comezará, en formato híbrido, ás 11.00 horas na sala I do Edificio Miralles e emitirase pola canle 1 de UVigoTV.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, súmase ao acordo subscrito polas Comunidades de Castilla y León, Andalucía e Valencia para desenvolver contidos e compartir recursos orientados á capacitación dixital da sociedade. A adhesión formalizouse esta semana nunha comisión de seguimento, na que participou a directora da Axencia, Mar Pereira; e na que tamén se adheriron ao acordo as comunidades de Navarra e Extremadura.
Os seis gobernos autonómicos comprométense a coordinarse para fomentar a adquisición de competencias dixitais na sociedade, compartindo recursos formativos e tecnolóxicos e coñecementos de xeito que se poidan implementar nos seus territorios.
O acordo establece catro espazos de compartición entre as comunidades adheridas. Por unha banda, a compartición da plataforma de autodiagnóstico de competencias dixitais desenvolvida pola Junta de Andalucía así como os futuros desenvolvementos e contidos da mesma para evitar duplicidades. Por outra, a compartición de contidos de formación presencial e online para ampliar a oferta formativa na capacitación dixital. Ademais, o acordo tamén establece que se compartan os recursos relativos á certificación das competencias dixitais, cuxo contido será cedido pola plataforma de certificación de competencias dixitais de la Junta de Castilla y León.
As comunidades adheridas comprométense tamén a colaborar activamente na promoción e difusión das competencias dixitais, ben a través o intercambio de boas prácticas, eventos ou actividades divulgativas e de difusión.
Este acordo súmase ás liñas de actuación que está a desenvolver a Xunta de Galicia en materia de capacitación dixital. A Administración autonómica investirá 27,1 millóns de euros ata 2025 para impulsar a capacitación dixital dos galegos a través de dúas iniciativas, o Plan de Ampliación e Reforma da Rede de Aulas CeMIT e a o Marco Galego de Competencias Dixitais. Ambas son medidas esenciais para cumprir os obxectivos marcados na Estratexia Galicia Dixital 2030 de que en 2025 que o 70% dos galegos e galegas teña competencias dixitais básicas, fronte ao 52,1% actual; e o establecido polo Plan de Recuperación e Resiliencia de formar en competencias dixitais a 45.790 persoas nos vindeiros tres anos.
A Xunta vén de poñer en marcha o Plan de Ampliación e Reforma da Rede CeMIT para abordar de xeito progresivo ata 2025 a transformación física e arquitectónica dos centros; a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro; a ampliación de ata 30 novas aulas; a posta en marcha un novo servizo de aula móbil, o reforzo dos servizos dixitais e adaptar a estratexia formativa ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais.
Para abordar este proceso asinarase un novo convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no primeiro semestre do ano e se establecerá un mecanismo de adhesión para ata unha trintena de concellos que estean interesados en incorporarse á Rede.
A Xunta está a traballar no desenvolvemento dos plans de capacitación e acreditación e a as probas de avaliación e autoavaliación que permitirán o acceso á acreditación das competencias dixitais segundo recolle o Marco Galego de Competencias Dixitais, cuxo decreto foi publicado o pasado mes de setembro.
Este Decreto establece a creación dun comité especializado integrado por representantes dos departamentos autonómicos de educación, emprego e función pública para propoñer os criterios de homologación e recoñecementos de competencias Dixitais doutras administracións.
Nas vindeiras semanas está previsto que se publique o portal que recollerá a información relativa ao Marco Galego de Competencias Dixitais, https://competenciasdixitais.xunta.gal/.
O certificado galego en competencias dixitais validará 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Solución dos problemas.
Computador, teléfono, tablet... cuantos máis dispositivos acumulamos a máis perigos dixitais estamos expostos, xa que a rede ten moitas vantaxes pero tamén moi variados perigos. Non só basta con estar atentos e evitar navegar por páxinas sospeitosas ou abrir arquivos adxuntos non seguros; ademais destas precaucións básicas resulta fundamental ter protexidos os nosos dispositivos con algunha ferramenta de seguridade que poida detectar posibles intrusións.
Nesta actividade veremos cales son os sistemas de protección que podemos empregar nos diferentes dispositivos electrónicos da nosa contorna.
A medida que se desenvolven sistemas de seguridade para a nosa contorna dixital, multiplícanse tamén os riscos e ameazas que poden afectarnos. Todos coñecemos os virus informáticos pero os ciberdelincuentes teñen moitas outras alternativas para tentar atacar os nosos dispositivos e roubar os nosos datos.
Aproveitaremos esta sesión para repasar cales son os principais perigos na rede e como podemos identificalos para non caer na súa trampa.
A medida que imos abrindo contas en diversos espazos dixitais ou usando máis ferramentas, é frecuente que acumulemos contrasinais de acceso que logo nos resultan difíciles de lembrar. A propósito de que é necesario non establecer sempre a mesma contrasinal para todo, é bo aplicar algún sistema que nos permita lembrar facilmente as nosas claves e tamén pode resultar práctico utilizar algún xestor de contrasinais que nos axude a ter sempre seguras e a man as nosas credenciais.
Nesta sesión falaremos sobre como crear contrasinais seguros e cales son as ferramentas de xestión de claves máis útiles.
Cando temos que realizar calquera xestión telemática é habitual que nos soliciten o envío de documentación que temos impresa e iso suponnos ter que facer unha tarefa extra dixitalizando os nosos documentos dalgunha maneira. Agora grazas ás aplicacións móbiles e aos dispositivos intelixentes este labor simplificouse xa que co noso propio teléfono podemos escanear calquera documento e axilizar as nosas xestións.
Neste seminario repasaremos que son os arquivos pdf, como funcionan e que aplicacións móbiles nos poden axudar a converter o noso teléfono nun escáner.