main content

main content
02/04/202211:04
XIV Asamblea da Asociación Somos Digital.
Santiago de Compostela

Galicia renova a súa presenza na Xunta Directiva da Asociación estatal Somos Digital asumindo a Secretaría da organización

  • A XIV Asemblea da entidade, celebrada onte en Madrid, renovou o seu equipo executivo, no que a Amtega reforza a súa colaboración
  • Na Asemblea, a Amtega presentou o Programa de actividades do Día de Internet, que este ano coordina Galicia para todas as redes de España

A XIV Asemblea da Asociación Somos Digital, celebrada esta semana en Madrid, renovou a súa Xunta Directiva, asumindo a Rede CeMIT da Amtega a Secretaría da organización. Deste xeito, a Rede CeMIT reforza a súa presenza nesta entidade que agrupa a 15 entidades de toda España que traballan co obxecto de acelerar e dar soporte á formación e certificación en competencias dixitais da cidadanía a través de Centros de Competencias Dixitais —en Galicia, a través das 91 aulas da Rede—, con especial atención ás zonas rurais e aos colectivos e persoas con maior risco de exclusión.

Con ocasión da asemblea, a Amtega presentou a extensa programación de actividades do #Día de Internet, que este ano coordina Galicia a través da Rede CeMIT, e que, ao longo dos vindeiros meses de abril e maio, encherá o calendario de eventos e seminarios online baixo a temática “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”.

No encontro de Madrid aprobouse o novo Plan Estratéxico 2022-2025 da asociación, en cuxa redacción participou a Rede CeMIT e no que a entidade aborda cinco liñas estratéxicas que apostan por impulsar e ser un referente no desenvolvemento das competencias dixitais segundo o marco Europeo DigComp —en sintonía coas liñas de traballo que desenvolven a Amtega e a Rede CeMIT—, por incrementar a súa incidencia institucional e política, por aumentar a xestión profesionalizada da entidade e o intercambio de coñecemento e experiencias en rede, así como por fortalecer a comunicación tanto interna como externa e facer un especial esforzo no acompañamento e reforzamento da figura dos dinamizadores dixitais, esenciais na actividade de Somos dixital e, dentro dela, da Rede CeMIT de Galicia.

Os Centros de Competencias Dixitais, espazos para o desenvolvemento da Sociedade dixital

Somos digital considera que son varias as circunstancias que convidan a ser ambiciosos neste novo período: a madurez das diferentes redes de centros de competencias dixitais en canto á súa xestión, as actividades que realizan no territorio enmarcadas nun período de transformación dixital, o intercambio de experiencias, a identificación de boas prácticas, a vixilancia respecto a modificacións do modelo de competencias e os seus posibles sistemas de homologación.

O papel dos Centros de Competencias Dixitais reforzouse na nova economía dixital, tanto no medio rural como no urbano, e sobre todo con aquelas persoas que necesitan un apoio para a aprendizaxe e a motivación. A relación e a xeración de sinerxias e intercambios entre os socios, fundamentadas no impulso do traballo colaborativo, fortaleceu as relacións de confianza entre as entidades e permitiu a adhesión de novos socios. De feito, acaba de incorporarse á entidade a Red Conecta “Ciudadanía Comprometida” ao tempo que novas redes —é o caso de Cruz Roja e a Red Vuela Guadalinfo de Andalucía— se incorporaron ás vogalías da Xunta Directiva.

Renovou a presidencia a Red de Espacios CyL Digital de Castilla y León, e figuran, na Vicepresidencia, a Fundación Esplai (de ámbito nacional); a Fundación Dédalo (Navarra), na Tesourería e a Rede CeMIT de Amtega na Secretaría.

A Asociación Somos Digital está conformada por máis de 1.500 Centros de competencias Dixitais, espazos públicos de acceso libre que poñen en marcha proxectos e iniciativas que conectan e capacitan ás persoas a través das TIC. Galicia, a través da Rede CeMIT, forma parte deste colectivo dende 2009.

1 mes 1 profesión dixital
Online

Webinars Servizos dixitais para a mellora da calidade de vida das persoas

Seminarios online de interese para as persoas maiores, organizados desde as Redes de Centros de Competencias Dixitais, co obxectivo de impulsar o uso da tecnoloxía entre as persoas maiores e fomentar unha vida saudable.

Temáticas:

  • A túa vida máis cómoda
  • De forma segura
  • Con saúde
  • Tramita desde a casa
  • Viaxar, coñecer...
1 mes 1 profesión dixital

Reto camiña en dixital para sumar anos saudablemente

Actividade lúdico-formativa para que os centros de competencias dixitais de toda España e as persoas maiores realicen conxuntamente formación no uso de tecnoloxía e compitan por ser o centro máis saudable, o que suba a imaxe que máis guste, ou o primeiro en saír dun Escape Room virtual.

As persoas participantes aprenderán a manexar, entre outras ferramentas, aplicacións que miden pasos e distancias para sumar km. e tentar completar o Camiño de Santiago. Os km. percorridos desde os seus lugares de orixe e roteiros sumaranse aos que fagan as outras persoas que se apunten ao reto no seu Centro de competencias dixitais e trasladaranse a un camiño virtual, que poderán seguir vía web.

Cronoloxía da actividade

  • En abril
    • Xoves 7. 11:00 a 13:00 horas. PRESENTACIÓN da iniciativa aos responsables dos centros de competencias dixitais e realización de formación.
    • Do 7 ao 29. Inscrición de centros participantes e formación ás persoas usuarias dos centros nas ferramentas que necesitan para participar no reto.
    • Venres 29. Comezamos a camiñar!. XORNADA DE LANZAMENTO do reto. Destinatarios: todos os centros e persoas participantes.
  • En maio
    • Do luns 2 de maio ao domingo 29 de maio. DINAMIZACIÓN CONTINUADA. Lanzamento progresivo de retos de pasos diarios, comunicación de clasificación dos centros máis activos, etc.
    • Venres 20 de maio XORNADA DE PECHE. Escape Room virtual sobre o Camiño de Santiago. Os centros de competencias dixitais poñerán a proba as súas capacidades dixitais en retos relacionados co Camiño de Santiago.
1 mes 1 profesión dixital
Online

Hackathon NextGov

A CE convida aos hackers éticos ao Hackathon NextGov con Nextcloud, do 25 de abril ao 10 de maio de 2022.

O NextGov Hackathon con Nextcloud é un hackathon en liña organizado pola Oficina do Programa de Código Aberto da Comisión Europea xunto con Nextcloud. Baséase en anteriores hackathóns de software libre organizados pola Comisión Europea para permitir a rápida creación de solucións innovadoras.

1 mes 1 profesión dixital
Online

Webinars TranformaTech Sessions - Profesional

O Programa de webinars TransformaTech Sessions consiste nun ciclo de encontros virtuais sobre tecnoloxías disruptivas para a sociedade dixital, impartidos polos/as profesionais das entidades colaboradoras adheridas á iniciativa. 

Baixo a modalidade Profesional, o programa estrutúrase nunha serie de sesións dirixidas a profesionais, estudantes e titulados STEAM e a grupos mixtos de todo tipo de profesionais, tecnolóxicos e non tecnolóxicos, en función da temática da xornada.

Durante as sesións, deseñadas nun formato breve e participativo, afondarase en temáticas de gran relevancia na sociedade como o Big Data, o 5G/6G, a ciberseguridade, os servizos na nube e as tecnoloxías Cloud, a Intelixencia Artificial, o Internet das Cousas (IoT), as tecnoloxías Smart City, a realidade virtual e aumentada, as tecnoloxías para a mellora da xestión ambiental e a eficiencia enerxética, entre outras.

Máis información no Programa da actividade.

As xornadas desenvolveranse en liña, previa inscrición individual para cada sesión.

31/03/202208:03
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia garante que todo o alumnado en risco de exclusión dixital dispoña dun ordenador e conexión a internet

  • O Goberno Autonómico estende o protocolo “Fenda Dixital”, que se activou con motivo da pandemia
  • As actuacións para reducir a fenda dixital na educación permiten atender todas as demandas de equipos comunicadas por todos os centros de Galicia
  • “Educa en Dixital” puxo a disposición do alumnado en risco de exclusión dixital máis de 14.500 ordenadores e kits de conexión, que se sumaron aos 3.500 equipos entregados pola Xunta dende o comezo da pandemia
  • O Goberno galego proporcionará tamén ordenadores con conexión a internet ás persoas refuxiadas de Ucrania acollidas en centros educativos de Galicia

A Xunta de Galicia manterá as actuacións que se puxeron en marcha con motivo da pandemia no protocolo “Fenda Dixital” para garantir que todo o alumnado en risco de exclusión poida dispoñer dun ordenador e unha conexión a internet.

A Xunta atendeu as necesidades urxentes dende os momentos iniciais da pandemia con 3.500 portátiles e kits de conexión que se repartiron xa en 2020. Posteriormente, o Goberno de Galicia puxo a disposición dos centros outros 14.500 ordenadores cun kit de conexión de seis meses correspondentes ao programa “Educa en Dixital”, proporcionados por Red.es nunha actuación co-financiada polo Goberno e as Administracións autonómicas.

Galicia foi das primeiras Comunidades en asinar o convenio con Red.es, e polo tanto, de adherirse á iniciativa estatal para dar resposta as necesidades das familias mais vulnerable. A Xunta entregou os equipos aos centros a medida que os foi recibindo por parte de Red.es, entidade autónoma adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que foi a encargada de compralos e distribuílos en todo o Estado.

Unha vez que as conexións proporcionadas por Red.es caducaran recentemente, ao ter pasado os seis meses dende a súa activación, a Xunta garante aos centros que poderán seguir proporcionado a todo o alumnado que o precise os equipos necesarios.

O Goberno galego dispón dos ordenadores e kits de conexión necesarios para atender todas as demandas dos centros educativos para o alumnado en risco de exclusión así como para os nenos e nenas que se encontran en situación de acollida en Galicia pola guerra de Ucrania.

29/03/202214:03
Muller nun videoxogo.
Santiago de Compostela

O polo de aceleración do sector dos videoxogos bota a andar ao abeiro do hub audiovisual da Xunta

  • Ábrese o proceso de selección da entidade colaboradora na xestión deste programa, que conta cun investimento de 360.000 euros para impulsar novas empresas e profesionais emprendedores
  • Trátase da primeira medida do Hub dirixida especificamente á industria galega dos videoxogos, destinataria de preto dun millón de euros a través de diferentes iniciativas

A Xunta de Galicia abre desde hoxe e ata o vindeiro 12 de abril o prazo de solicitude para a selección da entidade colaboradora que se encargará da xestión e organización do novo polo de aceleración do sector dos videoxogos, que bota a andar cunha dotación de 360.000 euros. A publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia supón, ademais, a posta en marcha da primeira das medidas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina especificamente á industria galega dos videoxogos dentro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural e para as que se reserva preto dun millón de euros.

A entidade seleccionada asinará un convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais para actuar como aceleradora dun grupo de entre 10 e 20 empresas e profesionais emprendedores, que será seleccionado a través dunha convocatoria pública da Xunta. A súa participación neste programa estará encamiñada a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos, así como á súa consolidación.

Para conseguilo, o polo desenvolverá unha etapa de aceleración intensiva con consultarías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Tamén está prevista a organización de diferentes xornadas de innovación, dun evento final de presentación de proxectos e dun programa para a xestión da mobilidade internacional, así como unha consultaría de seguimento.

Poderán optar a ser entidades colaboradoras entidades asociativas con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro, que conten con experiencia no ámbito dos videoxogos e, en concreto, na organización de actividades de difusión deste sector en Galicia.

Fondo de axudas ao desenvolvemento

A industria galega dos videoxogos é por vez primeira obxecto dun paquete integral de medidas para favorecer a súa vertebración e desenvolvemento grazas á posta en marcha do Hub Audiovisual da Industria Cultural. Xunto co devandito polo de aceleración, neste primeiro semestre do ano convocarase un fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotado con 500.000€. Poderán optar a el tanto propostas de certa envergadura como outras de carácter menos comercial e, para a súa concesión, valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.

Como medida complementaria para favorecer unha maior estruturación do sector, levarase a cabo un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, ao tempo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.

Estas tres liñas de traballo conforman o núcleo do apoio a este sector no marco Hub Audiovisual da Xunta, un programa extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

29/03/202207:03
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Intelixencia Artificial será un dos eixes temáticos da nova edición de Inspiraciencia

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten aberto até o 22 de maio o prazo de presentación de propostas para a XII edición do concurso de relatos Inspiraciencia, iniciativa que xunta ciencia e literatura. Os escritos poderán presentarse en castelán, catalán, galego ou éuscaro e poden estar encadrados nunha temática científica xeral ou na da Intelixencia Artificial.

O CSIC explicou que poden presentarse, a través da web do concurso, relatos curtos dun máximo de 800 palabras en dúas categorías: Joven (de 12 a 17 anos) e Adultos (a partir dos 18 anos).

O certame, promovido desde a Delegación do CSIC en Cataluña, ten a colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación e o apoio continuado dunha manchea de entidades culturais e científicas, entre as que cabe citar Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC; delegacións e institutos do CSIC en Andalucía, Aragón, Baleares, Canarias, Estremadura, Galicia, Euskadi e as comunidades de Madrid e Valencia, así como entidades culturais e científicas (Escola d'Escriptura de l'Ateneu Barcelonès; Escola de Escritores; Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Editorial Galaxia; Euskal Etxea - Centre Cultural Barcelona; Elhuyar Fundazioa; Mètode - Revista de Difusió da Investigació da Universitat de València; Associació d'Escriptors en Llengua Catalá; Investigación e Ciencia; Biblioteques de Barcelona; Efervesciencia - Radio Galega e Conexión AIHUB.CSIC).

Esta edición contará coa participación especial tanto da Delegación do CSIC na Comunitat Valenciana para a organización do acto de entrega de premios, previsto para setembro, como de Conexión AIHUB.CSIC, unha rede que aglutina ao persoal investigador desta institución dedicado á IA e que achegará financiamento e premios na temática de IA do concurso. Concederanse dous premios, un institucional, para cada categoría e idioma, e outro do público. Ademais, entregaranse dous premios especiais: o de Intelixencia Artificial, novidade deste ano, e o premio De ciencias e de letras, dirixido ao profesorado.

O xurado estará composto por persoas ligadas ao ámbito científico e literario como o galego Manuel Vicente, do programa Efervesciencia de Radio Galega; Conxi Ayala, investigadora no Instituto de Geociencias de Barcelona (CSIC); e Pura Salceda, representante da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, entre outros.

28/03/202207:03
Portátil nunha mesa de reunións.
Santiago de Compostela

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica porá en marcha en abril un ciclo de webinars sobre novas tendencias dixitais para profesionais

  • Esta iniciativa agrupa baixo a denominación TranformaTech Sessions ata 37 webinars nas categorías de Talento Xove e Profesional
  • Exploran diversas temáticas vinculadas ás tecnoloxías disruptivas e ao seu impacto na sociedade, e continuarán o seu desenvolvemento durante o segundo e terceiro trimestre do 2022
  • Esta iniciativa é unha das novidades do catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022, co que a Axencia segue a poñer o foco no impulso do talento dixital da comunidade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) iniciará en abril o novo programa de webinars TransformaTech Sessions dirixido a profesionais, nos que se exploran diversas temáticas vinculadas ás novas tendencias dixitais, ás tecnoloxías disruptivas e ao seu impacto na sociedade, como o Big Data, a intelixencia Artificial, a realidade virtual ou a ciberseguridade,

Estruturado en dúas categorías, Talento Xove e Profesional, o ciclo de webinars agrupa unha trintena de sesións virtuais. Esta iniciativa é unha das novidades do catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022, co que a Axencia segue a poñer o foco no impulso do talento dixital da comunidade ao longo do ciclo vital da cidadanía.

Categoría Profesional, webinars orientados aos novos perfís dixitais

Baixo a categoría Profesional, a partir do mes de abril desenvolveranse sesións virtuais do TransformaTech Sessions dirixidas a estudantes, titulados e profesionais STEAM, e a grupos mixtos de perfís científico-tecnolóxicos e non tecnolóxicos con interese en ampliar os seus coñecementos en materias relacionadas coas tecnoloxías disruptivas.

O obxectivo é favorecer a adaptación dos galegos e das galegas ás novas profesións vinculadas ás tendencias tecnolóxicas que requiren de talento especializado, ao tempo que se xeran espazos que fomentan a hibridación dos profesionais afíns a ramas de coñecemento tradicionais e dos vinculados ao ámbito dixital.

Talento xove, webinars dirixidos á infancia e a adolescencia

A principios de marzo xa se celebraron os primeiros webinars da categoría Talento Xove, enfocados en estimular as vocacións nas profesións STEAM entre os máis novos e novas e espertar o seu interese nos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.

A través de sesións virtuais con contidos adaptados a este grupo de idade, o programa achega tendencias tecnolóxicas de vangarda ás aulas dos centros educativos de Bacharelato e Formación Profesional e a rapaces e rapaces de ata 16 anos, ofrecéndolles unha oportunidade de entrar en contacto coas novas tecnoloxías da man de profesionais expertos

O talento dixital, compromiso compartido

O Plan DigiTalent busca reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital coa implicación dos axentes do tecido produtivo galego.

Neste senso, TransformaTech Sessions conta actualmente coa participación de empresas como Altia, Dinahosting, DXC Technology, Inetum, Forensic&Security, Minsait, NTT Data, R e Telefónica. A posta en marcha desta actuación conta ademais coa colaboración do GaiásTech como coordinador do ecosistema dixital galego.

Toda a información sobre esta e outras iniciativas recollidas no catálogo DigiTalent pode consultarse no espazo web Digitalent e do GaiásTech, que ofrecen as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.

25/03/202214:03
Mans tecleando sobre un portátil.
Santiago de Compostela

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica sinala que a atracción de talento dixital e a ciberseguridade son liñas de actuación prioritarias para o desenvolvemento dixital

  • Participou hoxe no I Encontro Ágora, no que sinalou que nun contexto no que Europa quere desenvolver a súa soberanía dixital, Galicia debe reforzar as súas capacidades tecnolóxicas para impulsar o desenvolvemento industrial
  • Destacou que garantir un contexto dixital seguro e confiable é un elemento esencial para o desenvolvemento dixital da economía
  • Lembrou que a Administración autonómica reforzará o Nodo de Colaboración Ciber.gal coa construción dun Centro de Ciberseguridade de Galicia
  • Sinalou que construír un proxecto dunha Galicia atractiva dixitalmente será primordial para atraer investimentos e xerar emprego cualificado
  • Recordou que Galicia conta coa Estratexia Dixital Galicia 2030, aliñada co compás dixital que marca Europa para esta década, para avanzar e reforzar as capacidades dixitais do territorio

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participou hoxe no I Encontro Ágora, organizado pola Cátedra Telefónica-Universidade de Vigo, para abordar os retos da innovación tecnolóxica e a súa importancia na competitividade na industria no actual contexto de transformación dixital e o pulo que supoñen os fondos Next Generation.

Na súa intervención a directora da Axencia destacou dous ámbitos esenciais para o desenvolvemento dixital da economía e que requiren un papel activos os gobernos: garantir unha contorna dixital segura e captación e retención de talento dixital.

Respecto do primeiro punto, Mar Pereira afirmou que é primordial reforzar unha fronte común público-privado contra as ciberameazas. Neste sentido, lembrou que Galicia reforzará o Nodo de colaboración ciber.gal coa construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia que incrementará as capacidades no noso territorio e como centro de excelencia será tamén un elemento relevante para a atracción e retención de talento.

Por outra banda, a directora da Axencia apuntou que atraer e reter talento dixital será clave para o desenvolvemento económico dos territorios e un dos aspectos que marque o nivel de competitividade a nivel rexional en Europa. Neste sentido, sinalou que é primordial construír un proxecto dunha Galicia atractiva dixitalmente para atraer investimentos e xerar emprego cualificado.

A responsable autonómica fixo tamén fincapé na importancia de que as administracións publicas sumen esforzos e complementen iniciativas para acadar a máxima efectividade na execución dos fondos europeos, que fan un foco na transición dixital e verde.

Respecto ás tecnoloxías emerxentes e o seu impacto no ámbito económico, a directora da Axencia sinalou que os novos modelos de adopción da tecnoloxía, a través de plataformas e sistemas en nube, a xestión de dato e a automatización dos procesos axilizarán a transformación dixital dos negocios, un proceso que deixa de ser unha opción para ser unha imperiosa necesidade.

Mar Pereira lembrou que Galicia ten unha folla de ruta para esta década, aliñada co compás dixital para a Estratexia Galicia Dixital 2030 que establece 4 eixos de acción: reforzar as infraestruturas dixitais, a dixitalización dos servizos públicos, a transformación tecnolóxica dos sectores produtivos e a mellora na capacitación dixital da sociedade.

Finalmente, a directora da Axencia afirmou que Europa quere desenvolver a súa soberanía dixital reforzar as súas capacidades tecnolóxicas, o que representa unha oportunidade para a Industria e para o desenvolvemento do sector tecnolóxico europeo e que Galicia tamén quere aproveitalo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS