O Concello de Ribeira informou de que este venres 20 de maio abre o prazo de inscrición para os tres cursos de balde sobre novas tecnoloxías da información que ofrece a Aula CeMIT local este mes de xuño: dous deles na súa sede principal no barrio de Cubeliños e un máis na Casa da Cultura de Castiñeiras.
Así, do 6 ao 10 de xuño, en horario de 9.30 a 11 horas celebrarase un curso sobre Móbil Android. Uso Básico. Hai oito prazas ofertadas.
Tamén haberá outro curso de Móbil Android. Uso Básico, do 7 ao 23 de xuño, na Casa de Cultura de Castiñeiras, en horario de 11.30 a 13 horas, con 8 prazas.
Por último, do 13 ao 23 de xuño na Aula CeMIT terá lugar unha acción formativa dedicada a Iniciación GIMP – Retoque de Imaxe. Será de 9.30 a 11 horas con 10 prazas vacantes.
O Concello engadiu que en todos os casos as inscricións pódense formalizar na propia Aula CeMIT de Ribeira (situada na rúa 1 Cubeliño), a través do teléfono 981 876 043 ou ben por medio do enderezo electrónico cemit.ribeira@xunta.gal. Tamén pode facerse vía web na páxina da aula.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asinaron hoxe o segundo convenio de colaboración co que o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega entra na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. Este novo acordo permitirá que os investigadores avancen co traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.
“A Xunta e a Universidade realizamos o ano pasado un traballo frutífero de colaboración que nos permitiu planificar as distintas fases deste proxecto pioneiro. Identificamos liñas estratéxicas a desenvolver nestes anos e tamén as iniciativas que sería preciso levar a cabo. Agora damos un paso máis facendo que o Proxecto Nós entre nunha nova fase na que poderemos comezar a visibilizar os primeiros avances”, expresou Román Rodríguez.
Deste xeito, o primeiro acordo asinado en 2021, dotado con 150.000 euros, permitiu definir tres liñas de traballo centradas na conversación oral e escrita con persoas, na calidade da lingua e xestión da información. Asociadas a elas identificáronse, ademais, oito subproxectos para desenvolver nos próximos anos. O acordo asinado hoxe permitirá levar a cabo os seis de maior impacto que se centrarán na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística. En paralelo, dará visibilidade ao traballo realizado na elaboración dos corpus lingüísticos e modelos de lingua e tamén se van implementar os prototipos de probas como o recoñecedor automático da fala, entre outros, e algúns deles presentaranse en congresos especializados.
Os investigadores do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), ambos dependentes da Universidade de Santiago, crearán tamén recursos textuais e de voz que se porán a disposición de todas as entidades interesadas en repositorios abertos con licenza libre. Concretamente, crearase un banco de voces da lingua galega, por medio dunha plataforma áxil e flexible que permitirá rexistrar voces que len texto controlado. A participación neste recurso promocionarase mediante unha campaña de difusión. Ao mesmo tempo se creará un corpus de voz, audio e texto aliñados, de utilidade para o recoñecemento da fala; un corpus de voz a escala web, de utilidade para todos os subproxectos textuais, e outros paralelos galego-castelán e galego-inglés, de utilidade para a tradución automática.
Como expresou Román Rodríguez, estas iniciativas non só serán de utilidade para acadar os obxectivos do Proxecto Nós, senón tamén “para implicar a toda a sociedade galega nun proxecto de país como este, que nos permitirá chegar a onde o mercado non chega e que situará ao galego nas contornas dixitais”, indicou. De feito, ao estar dispoñibles en aberto, poderán servir para xerar modelos de lingua integrables en sistemas e aplicacións de empresas interesadas en utilizar o galego nas súas tecnoloxías. Tanto os demostradores como os corpus lingüísticos non serán produtos finais, pois continuarán a mellorarse en anos sucesivos con novos desenvolvementos e axustes.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sinalou que o Proxecto Nós é un paso máis no camiño da Intelixencia Artificial, unha tecnoloxía de futuro que suporá o 16% do PIB ata o 2030 e milleiros de empregos. Neste sentido destacou que Galicia foi das primeiras Comunidades en contar cunha Estratexia Galega de Intelixencia Artificial apoiada polo Sistema Universitario Galego, os investigadores e os centros tecnolóxicos e que está a desenvolver un Plan de adopción temperá desta tecnoloxía no sector público. Ademais a implantación da IA debe ir acompañada dun marco ético adecuado para o que a Administración autonómica está a traballar coas tres universidades galegas na elaboración do Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes.
Por outra banda, Mar Pereira destacou que Galicia estase a postular para acoller a sede da futura Axencia Española de Supervisión da IA para o que xa remitiu a solicitude ao Ministerio e destacou que Galicia estase a posicionar para ter voz propia na Europa dixital.
Este acordo supón seguir dando pasos no Proxecto Nós, que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€, o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia. Con esta renovada colaboración, a Xunta e a USC pretenden acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que serán publicados en formato dixital baixo licenzas libres e a través de ferramentas con códigos abertos para ser empregados, libres e gratuitamente, en calquera tipo de soporte dixital polas diferentes institucións públicas, polos axentes que conforman o tecido económico empresarial e pola sociedade en xeral.
A Xunta puxo en valor o apoio e o traballo realizado pola Fundación Esplai ás persoas en risco de exclusión dixital. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do curso de alfabetización dixital dirixido a mulleres marroquíes realizado por esta entidade no centro sociocomunitario de Cangas.
O director xeral sinalou que o Goberno galego destina preto de 140.000 euros a esta fundación a través da orde de axudas de iniciativa social e con cargo á casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). A través destas axudas, a Xunta facilita a posta en marcha de programas destinados á formación adaptada, á inclusión sociolaboral ou á alfabetización dixital para persoas en risco de exclusión.
O curso realizado no centro sociocomunitario de Cangas iniciouse o pasado 6 de abril e tivo lugar cada mércores. Entre os contidos impartidos destacan o manexo de teléfonos intelixentes, navegación e comunicación por Internet, realización de xestións telemáticas e comercio online.
A transformación dixital e a innovación tecnolóxica avanzan a un ritmo sen precedentes, mellorando a calidade de vida das persoas e beneficiando transversalmente a todos os sectores da sociedade. Do mesmo xeito, presenta tamén novos desafíos, como a fenda dixital, que xera desigualdades entre aqueles colectivos máis vulnerables que teñen dificultades no acceso ou uso das tecnoloxías dixitais.
Nunha sociedade europea envellecida, o segmento das persoas maiores é cada vez máis numeroso. En España, nove millóns e medio de persoas son maiores, o que supón xa o 20% da poboación, unha porcentaxe que en Galicia é aínda maior e chega ao 25%.
O emprego das tecnoloxías dixitais por parte dos nosos maiores resulta cada vez máis relevante na súa vida diaria, axudándolles a participar de forma efectiva na sociedade, evitar a soidade e envellecer de forma saudable. Pero o proceso de transformación dixital marcha a gran velocidade, e os dispositivos, servizos e tecnoloxías requiren de adaptacións para este colectivo, facilitando así o seu uso e o exercicio dos seus dereitos en igualdade de condicións.
Nun esforzo por visibilizar esta coxuntura, este 2022 o Día de Internet céntrase na Internet e as tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable.
Nesta inquedanza compartida, Galicia continúa asumindo o compromiso e afronta o deber de facilitar o acceso e uso das tecnoloxías dixitais por parte destas persoas, e avanzar cara unha cidadanía plenamente integrada na sociedade dixital.
O Goberno galego leva máis de 10 anos apostando polo fortalezemento das políticas tecnolóxicas na nosa Comunidade, inicialmente coa Axenda 2014.gal e posteriormente, coa Axenda Dixital de Galicia 2020, que consolidaron as bases dunha sociedade máis inclusiva dixitalmente. Agora, a Estratexia Galicia Dixital 2030 toma o relevo e constitúe un punto de inflexión neste camiño, cunha nova folla de ruta orientada a non deixar a ninguén atrás no uso das novas tecnoloxías e reducir a así a fenda interxeracional.
Por iso, unha das metas para o ano 2025 é garantir que, cando menos, o 70% das persoas conten con competencias dixitais básicas e mellore ao mesmo tempo a seguridade de toda a cidadanía de Galicia no contexto dixital.
Neste contexto, a Xunta de Galicia súmase ás medidas do Manifesto do Día de Internet e comprométese a velar polo cumplimento deste decálogo para garantir a inclusión dos nosos maiores:
Nesta nova década, Galicia aposta firmemente polo impulso da alfabetización e capacitación dixitais e o aproveitamento do potencial tecnolóxico cun enfoque humanista, inclusivo e accesible, co obxectivo de consolidar un modelo de sociedade igualitaria que acompañe a todos os galegos e galegas no seu envellecemento e avance na súa inclusión e autonomía dixital.
Enmarcada nos actos de conmemoración do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, a xornada contará coa participación de representantes de PuntoGal e a Cruz Vermella Galicia, que nos achegarán a súa visión sobre a situación actual das persoas maiores ante a dixitalización e as tendencias futuras.
Acto organizado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) enmarcado no plan de accións de difusión de 2022, en virtude do convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a posta en marcha de actividades para o fomento da Sociedade da Información durante o ano 2022.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia organiza o encontro virtual "Maiores e dixitalización" en conmemoración do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022, coa participación de PuntoGal e a Cruz Vermella Galicia. Terá lugar o vindeiro 20 de maio ás 11.30 horas e consistirá nun coloquio no que os participantes achegarán a súa visión sobre a situación actual das persoas maiores ante a dixitalización e as tendencias futuras.
Acto organizado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) enmarcado no plan de accións de difusión de 2022, en virtude do convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a posta en marcha de actividades para o fomento da Sociedade da Información durante o ano 2022.
O Concello de Brión, en colaboración coa Fundación Mulleres, convoca nove cursos formativos gratuítos dirixidos a mulleres de 18 a 65 anos: nove actividades formativas que collerán corpo definitivo unha vez que haxa oito mulleres inscritas a través da web municipal, tendo preferencia as mulleres empadroadas en Brión.
Así, o Concello de Brión oferta seis cursos presenciais, de 6 horas cada un, sobre cuestións relacionadas coa busca activa de emprego: competencias dixitais, como preparar unha entrevista de traballo, como elaborar un currículo vitae e unha carta de presentación, manexo da rede social Linkedin, motivación ao emprendemento e educación financeira. Os outros tres cursos son de maior duración e terán lugar en liña: técnicas de busca de emprego (20 horas), procesos de selección (10 horas) e competencias persoais, que se desenvolverán ao longo de varias xornadas formativas. Máis información e inscricións na Casa da Cultura, no 981 50 99 08 (ext 32), empregobrion@gmail.com ou a web municipal (sección actividades-formación).
A Aula CeMIT do Concello de Ames continúa a súa actividade formativa neste 2022, un ano no que se retomou a presencialidade e foi obxecto de reformas para mellorar o espazo, situado no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns. Durante os meses de maio, xuño e xullo, continuará acompañando a súa oferta de obradoiros co acceso á aula aberta, de luns a venres de 9:30 a 13:00 horas. Ademais, manterase a atención telefónica de luns a venres, das 16:00 ás 18:30 horas. Para contactar coa Aula CeMIT, cómpre chamar ao 682 373 753, ou ben escribir ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.
Nos meses de verán, dende o 9 de xuño ata o 28 de xullo, a aula desenvolverá 4 cursos presenciais pensados para que a rapazada e o público adulto poida mellorar e traballar nas súas competencias dixitais. Todos os xoves dende o 9 de xuño ata o 28 de xullo, de 10:30 a 12:00 horas, celebrarase un curso de mecanografía para adultos e adultas, no que poderán inscribirse persoas de todos os niveis. O taller conta con 9 prazas. Do 27 de xuño ao 18 de xullo, todos os luns de 10 a 11h, será a quenda de aprender mecanografía para a rapazada amesá. Para poder participar, as persoas menores de idade deberán estar rexistradas na rede CeMIT.
Para completar a formación para nenos e nenas, do 28 de xuño ao 26 de xullo haberá un obradoiro de informática lúdica, pensado para crianzas dos 5 aos 10 anos. Todos os martes, de 10:30 a 12:00 horas, as nenas e nenos aprenderán a través de xogos a manexar o ordenador, o rato e o teclado. Por último, todos os mércores do 29 de xuño ao 27 de xullo, tamén de 10:30 a 12:00 horas, a rapazada de 8 a 12 anos gozará dun curso de Scratch, no que poderán mergullarse nas bases desta ferramenta de programación creando xogos e colaborando entre eles e elas.
No que respecta ás propostas a distancia, a aula ofrecerá tres obradoiros, sempre con sesións de 16:30 a 17:30 horas e dirixidos ao público adulto. En primeiro lugar, de 16 de maio ao 1 de xuño impartirase un obradoiro de GIMP, o software de edición de arquivos de imaxe, que se desenvolverá de luns a mércores. Xa en xuño, será primeiro a quenda dun taller de Inkscape, unha ferramenta de edición de gráficos vectoriais, que terá lugar do 6 ao 16 de xuño, de luns a xoves. Para rematar a oferta de actividades, do 20 ao 30 de xuño explicarase como empregar diferentes recursos para realizar buscas avanzadas en Internet, tamén de luns a xoves.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, visitou hoxe os expositores dos 23 centros educativos participante nos obradoiros do I Congreso de Innovación Educativa e Dixital, DixInnova 2022. No seu percorrido pola feira, o titular do departamento de ensino do Goberno galego anunciou que o número de centros participantes no programa de libro dixital da Xunta, E-Dixgal, se elevará o vindeiro curso a 600, ao abeiro da incorporación de 55 novos centros a esta iniciativa. “Deste xeito agardamos acadar os 60.000 alumnos estudando con libro electrónico de balde nas aulas galegas”, destacou.
O conselleiro, acompañado polo secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, sinalou que dos 55 novos centros en E-Dixgal que se poñen en marcha coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, 43 incorporan o programa na etapa de Primaria, 10 en ESO e 2 en Primaria e ESO á vez. Ademais, un centro que xa contaba co programa en Primaria incorpórao para o curso que vén en 1º de ESO.
Da totalidade de centros E-Dixgal o 94% son públicos. Por provincias, 216 deles están na da Coruña, 98 na de Lugo, 54 na de Ourense e 232 na de Pontevedra.
Tal e como explicou Román Rodríguez, “o ano pasado ampliouse este programa a 3º e 4º de ESO, o que permite que o alumnado poida estudar con este sistema durante seis cursos consecutivos”. “O curso 2022/23 traerá novidades, especialmente no referido aos contidos dispoñibles para o proxecto”, indicou.
Neste sentido, está en proceso a licitación de recursos editoriais adicionais para 3º e 4º da ESO. Así mesmo, amplíase o catálogo da contorna virtual Dixit, que xa conta con 37 contidos innovadores a disposición da comunidade educativa.
“Desde a súa posta en marcha no curso 2014/2015, este programa evolucionou e gañou peso, pasando de ser un proxecto experimental a converterse nunha iniciativa de referencia que beneficia a case a metade do alumnado de 5º de Primaria a 4º de ESO”, salientou o conselleiro.
Os centros e aulas Abalar contan cunha conexión de datos con velocidade nominal mínima de baixada de 100 Mbps e contan cun kit de aula dixital composto por pizarra dixital interactiva, proxector e equipo no posto do profesor e conexión á rede de datos do centro. Ademais, cada alumno conta cun ordenador ultraportátil en réxime de préstamo para o seu uso.
Os participantes no proxecto poden acceder a unha plataforma de Entorno Virtual de Aprendizaxe na que están dispoñibles tanto contidos editoriais diversos para as diferentes etapas como o repositorio de contidos do espazoAbalar que actualmente supera os 1674 recursos. A Xunta continúa traballando na ampliación deste material.
Durante o seu percorrido polos 23 expositores de Dixinnova 2022, Román Rodríguez tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo do alumnado coas novas tecnoloxías arredor do espazo virtual, a robótica ou a impresión 3D.
Entre os proxectos que o alumnado e os seus docentes están a presentar no marco do congreso, o conselleiro en funcións puido comprobar o funcionamento dunha bicicleta intelixente para a mellora da seguridade viaria, dun brazo robótico, de simuladores de voo e soldadura, así como dun escape room con realidade aumentada, dunha cidade sostible no metaverso e dunha ruta ciclista virtual.
Así mesmo, nos expositores pode contemplarse un xogo elaborado polos estudantes arredor do corpo humano e os hábitos de vida saudable, participar nun taller de drons, así como en dúas iniciativas de radio e televisión innovadoras na escola, entre outros proxectos.
O titular do departamento educativo da Xunta felicitou a profesorado e alumnado por estes traballos e sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para avanzar na consecución das prioridades estratéxicas da Estratexia de Educación Dixital 2030, “que pasan por fomentar o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital”, dixo.
A directora da a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, José Luis Mira, e a directora xeral da Fundación Vodafone, Gloria Placer, entregaron esta mañá os premios do Superreto DigiCraft a alumnado do CEIP Plurilingüe Javier Sensat de Vigo e do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero. A entrega dos galardóns enmarcouse no I Congreso de innovación educativa y digital DixInnova 2022, organizado pola Xunta.
O Superreto é un evento enmarcado no Programa DigiCraft de competencias dixitais de Fundación Vodafone dirixido a nenos e nenas das comunidades autónomas de Galicia, a primeira na que se iniciou o programa, Madrid e Andalucía. En Galicia xa participaron no programa 174 centros, 9.557 alumnos y 301 docentes.
Nesta segunda edición do Superreto DigiCraft recibíronse case 40 proxectos, todos vinculados a propostas do alumnado para solucionar problemas ambientais centrados na extinción das especies, a contaminación ou os incendios forestais. Un reto grupal no que os equipos de cada aula crearon de maneira colaborativa un invento que solucionase polo menos un dos tres problemas do planeta en formato de maqueta. Estes proxectos debían integrar o uso de polo menos un material tecnolóxico estudado durante o curso DigiCraft.
Na categoría de 6 a 9 anos, o xurado outorgou o premio ao equipo de 2º do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero polo seu proxecto “Animais en perigo mostras de sangue”. Pola súa banda, na categoría de 9 a 12 anos, o xurado decantouse polo equipo de 6ºB do CEIP Plurilingüe Javier Sensat de Vigo polo seu proxecto “Sementeiros na horta escolar”. Os dous equipos recibiron como premio, un kit tecnolóxico valorado en 300€, un trofeo conmemorativo para o centro e material promocional para a aula. Ambos os grupos participarán o próximo 14 de xuño na SuperFinal Nacional, que se celebrará na sede central de Vodafone en Madrid e á que acudirán os 10 equipos gañadores das diferentes Comunidades e, de entre eles, escolleranse aos dous equipos gañadores a nivel nacional.
Durante o acto de entrega dos premios, a directora da Amtega, Mar Pereira destacou a puxanza do sector tecnolóxico e a demanda de emprego de novos especialistas en tecnoloxías disruptivas. Neste sentido, destacou que só en 2021 o emprego no sector tecnolóxico galego creceu un 7,2% en 2021 o que supuxo a incorporación de preto de 1.400 traballadoras e traballadores. Ademais, lembrou que desde 2016 o empregou no sector tecnolóxico galego aumentou preto dun 30%.
A responsable da Axencia autonómica destacou o esforzo da Xunta en colaboración co sector para impulsar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos coas medidas Plan DigiTalent con actuacións dirixidas ao alumnado de Galicia, como os programas TechKids, Tecnólog@ por un día, ou o programa Girl STEAM para promover o talento feminino.
Pola súa banda, o secretario xeral de Educación de Formación Profesional, José Luis Mira subliñou o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa formación do alumnado en competencias dixitais, que hoxe en día son competencias básicas imprescindibles para desenvolverse no contorno social e laboral. Neste senso referiuse á Estratexia Educación Dixital 2030, dotada con 120M€ para os tres primeiros anos, e que se articula nun conxunto planificado de accións coordinadas enfocadas ao desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital nas aulas.
A directora xeral da Fundación Vodafone, Gloria Pracer, subliñou que “con esta iniciativa, reforzamos o noso compromiso para seguir traballando para favorecer a educación en competencias dixitais desde idades temperás, apoiando a transformación dixital que necesita a nosa sociedade. Buscamos, ademais, a sensibilización dos máis novos coa súa contorna, cos problemas do medioambiente e ofrecerlles a oportunidade de pensar que poderían facer para lograr un mundo mellor”.