main content

main content
06/07/202212:07
Cartel da iniciativa.
Porto do Son

A Aula CeMIT de Porto do Son leva este verán a formación informática a todas as parroquias do concello

O Concello de Porto do Son, a través da súa Aula CeMIT (pertencente aos Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica impulsados pola axencia autonómica AMTEGA), vai poñer o foco na formación tecnolóxico-dixital durante esta tempada de vacacións. Farao a través dun novo programa de actividades (Informática no verán) para nenos e adultos en todas as parroquias do concello.

Ou sexa, nas parroquias de Porto do Son, Portosín, San Pedro de Muro, Miñortos, Xuño, Goiáns, Caamaño, Nebra, Ribasieira, Noal, Queiruga e Baroña. As persoas que precisen máis información ou formalizar as súas inscricións deberán chamar ao teléfono da Aula CeMIT, o 699 484 053.

05/07/202214:07
Acto de constitución do Nodo galicIA.
Santiago de Compostela

Xunta, universidades e Eurorrexión constitúen o Nodo Galicia para situar a comunidade á vangarda europea en intelixencia artificial

  • O Nodo promoverá a candidatura de Galicia para acoller a sede da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación presidiu hoxe a constitución da Comisión de Seguimento do Nodo galicIA
  • O Nodo aprobará o marco ético que elaboran conxuntamente a Xunta e as tres universidades públicas que permitirá facer os cambios necesarios para adaptar a lexislación de Galicia a esta nova realidade
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública clausurou o Foro no que participaron a eurodeputada e co-presidenta do Intergrupo de Intelixencia Artificial e Dixital do Parlamento Europeo, Pilar del Castillo e a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, inaugurou hoxe o acto de constitución do Nodo galicIA, a primeira estrutura de colaboración transfronteiriza para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O obxectivo do Nodo presentado hoxe é concentrar a todos os axentes públicos e privados relacionados con esta tecnoloxía e establecer as bases dunha Intelixencia Artificial ética e fiable para Galicia. Terá tamén como obxectivo situar á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un referente no ecosistema europeo e internacional de Intelixencia Artificial e actuar como un xerador de iniciativas e servizos innovadores desde unha perspectiva ética.

Ao longo da presentación realizada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, explicáronse os obxectivos deste nodo, así como as principais liñas de actuación. Así, dentro das primeiras actividades acordadas, o Nodo promoverá a presentación dunha candidatura de unidade para que Galicia acolla a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.

Esta estrutura de colaboración será tamén a encargada de aprobar o marco ético que están a elaborar a Xunta e as tres universidades públicas. Galicia é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá facer os cambios necesarios para adaptar a lexislación galega a esta nova realidade.

Por outra banda, o Nodo será o encargado de constituír o Comité de Expertos en Intelixencia Artificial, que proporcionará asesoramento e recomendacións independentes sobre as medidas a levar a cabo para garantir un uso ético destas tecnoloxías. Así mesmo, será o encargado de definir o Comité de Avaliación de Iniciativas de GovTech, para a aplicación da Intelixencia Artificial no sector público.

O convenio para a constitución do Nodo foi asinado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e polos conselleiros de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; e Sanidade, Julio García Comesaña; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e polo director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), Nuno Almeida.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, subliñou que esta iniciativa permitirá universalizar o uso da intelixencia artificial no ámbito sanitario, económico e dos servizos públicos. Así mesmo, engadiu que contribuirá a dar a prioridade necesaria a proxectos que aposten pola captación e a retención de talento e o crecemento sustentable do tecido empresarial.

Comisión de seguimento

Xunta, Universidades e GNP-AECT participaron esta mañá na primeira reunión da Comisión de Seguimento do Convenio, que continuou cunha sesión técnica sobre “As visións europea e estatal do futuro das tecnoloxías intelixentes”, clausurada polo conselleiro de Facenda e Administración Pública.

Durante a súa intervención, Miguel Corgos lembrou que o nodo galicIA é o elemento vertebrador da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que integra a vontade de camiñar cara a unha Galicia Intelixente, cun investimento público de máis de 330 millóns de euros e que xerará un importante impacto na creación de riqueza.

Así mesmo, incidiu en que este nodo nace co obxectivo de ser o espazo de encontro e de consenso de todas as iniciativas que xurdan ao redor das tecnoloxías intelixentes na Comunidade. Ademais, esta colaboración permitirá a posta en marcha de infraestruturas, servizos, ferramentas e aplicacións que permitan o seu despregue, a capacitación e formación da cidadanía, empresas e administracións públicas nestas tecnoloxías.

Na sesión participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e a eurodeputada e co-presidenta do Intergrupo de Intelixencia Artificial e Dixital do Parlamento Europeo, Pilar del Castillo. O acto contou tamén cun saúdo da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas.

04/07/202212:07
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Amtega arranca hoxe os obradoiros de verán para incentivar as vocacións STEAM entre a rapazada de entre 8 e 15 anos en colaboración con Agasol e a Rede CeMIT

  • As actividades desenvolveranse durante os meses de xullo, agosto e setembro nas aulas da Rede CeMIT de 16 concellos galegos.
  • Este ano búscase a proximidade ao alumnado principalmente dos concellos máis pequenos do rural galego.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), arranca hoxe o Programa Girl Steam en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) co obxectivo de motivar e favorecer un uso creativo da tecnoloxía así como igualitario entre rapazas e rapaces, derrubando os estereotipos.

As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de 16 concellos de toda Galicia. Este ano, búscase principalmente o achegamento a aqueles municipios máis pequenos e situados no rural galego. O programa comezou hoxe na aula CeMIT de Cuntis e durante esta primeira semana desenvolveranse xornadas tamén en Tomiño e Celanova ás que lle seguirán Carballedo, Fisterra, Guitiriz, Riotorto, Castrelo de Miño, Leiro, A Cañiza, Santa Comba, Ribadeo, Ortigueira, Betanzos, Arzúa, e adicionalmente este ano tamén celebrarase no Centro GaiásTech na Cidade da cultura.

Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. O aforo máximo por quenda será de 15 e as sesións dispoñibles poden consultarse a través da páxina web de CeMIT, desde onde se poderá reservar a praza e desde a web de DigiTalent.

Contido dos obradorios

O alumnado participante tomará contacto coa tecnoloxía de forma creativa e inspiradora, con actividades como a creación de circuítos en papel, programación de videoxogos propios con scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de “cómics” interactivos con makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch).

Ademais, as nenas e nenos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.

Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM

Amtega e Agasol buscan con este programa visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e empoderar ás rapazas para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC.

Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e Agasol a nas liñas de acción do Plan DigiTalent da Xunta de Galicia que entre outros obxectivos ten os de estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnolóxicas.

Calendario de realización dos obradoiros

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

 

04/07/202210:07
Pantalalzo do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia.
Santiago de Compostela

O Centro GaiásTech presenta o mapa de capacidades dixitais de Galicia que conta xa con máis de 250 entidades

  • O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar na súa web o Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos galegos con experiencia, coñecemento e competencias dixitais.

Con esta iniciativa potenciarase o mercado TIC galego, empresas e entidades tecnolóxicas que ofertan produtos, servizos e capacidades dixitais, como as empresas do resto de sectores económicos que demandan tecnoloxías no seu proceso de transformación dixital. O mapa tamén impulsará o propio ecosistema tecnolóxico, favorecendo o coñecemento e as relacións dentro do sector, e vai constituír un escaparate tecnolóxico de Galicia de cara ao exterior.

Trátase, pois, dun ambicioso proxecto que conta con datos de máis de 250 destas empresas que xa se poden consultar no directorio e que foron recollidos grazas ao traballo de recompilación de información levado a cabo polo Clúster TIC de Galicia. En concreto, inclúense na actualidade datos de 262 entidades que deron de alta 354 produtos, 811 servizos e 63 tecnoloxías, cifras que se verán aumentadas nas novas versións do Mapa de Capacidades, que irán engadindo novas funcionalidades e melloras. Ademais, calquera empresa que o desexe pode darse de alta neste directorio, o que posibilitará a consulta dunha completa radiografía da oferta tecnolóxica existente en Galicia, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

O Mapa permite localizar empresas, produtos, servizos, tecnoloxías e capacidades a través dun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve as entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Outra das súas vantaxes é a posibilidade de acceso desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia súmase así aos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.

GaiásTech

O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

04/07/202209:07
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Agasol e a Amtega celebrarán obradoiros de verán en dezaseis concellos galegos para incentivar as vocacións STEAM entre o alumnado feminino

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) desenvolverá, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Programa STEAM,  que, a través dos obradoiros de verán, procura motivar e favorcer un uso creativo da tecnoloxía así como igualitario entre rapazas e rapaces, derrubando estereotipos.

As xornadas celebraranse nos meses de xullo, agosto e setembro a través de obradoiros de carácter práctico e presencial en 16 concellos de toda Galicia. Este ano a organización busca achegar a formación principalmente a mozos e mozas de municipios máis pequenos e situados no rural galego. O programa comeza o 4 de xullo en Cuntis e nesa primeira semana de xullo tamén haberá obradoiros en Tomiño e Celanova.

En cada concello faranse dúas quendas por idades, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. A capacidade máxima por quenda será de 15 persoas nas aulas CeMIT e no centro GaiasTech da Xunta de Galicia. Os lugares definitivos e as datas de celebración dos obradoiros do Programa STEAM estarán dispoñibles na web CeMIT, desde onde se poderá reservar praza, e na web DigiTalent. Agasol apoiará a difusión da información sobre as xornadas nas súas redes sociais para animar á inscrición da rapazada.

Contido dos obradoiros

O alumnado participante tomará contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa, con actividades como a creación de circuítos en papel, programación de videoxogos propios con scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de “cómics” interactivos con makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch).

Ademais, as nenas e nenos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.

Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM

Con Girl STEAM, Agasol e a Amtega buscan visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e empoderar ás rapazas para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC.

Calendario

  • 4 e 5 de xullo: Cuntis (Pontevedra)
  • 6 e 7 de xullo: Tomiño (Pontevedra)
  • 8 de xullo e 5 de agosto: Celanova (Ourense)
  • 26 e 27 de xullo: Santiago de Compostela (A Coruña)
  • 28 de xullo: Carballedo (Lugo)
  • 3 e 4 de agosto: Fisterra (A Coruña)
  • 9 e 11 de agosto: Guitiriz (Lugo)
  • 10 de agosto: Riotorto (Lugo)
  • 16 e 17 de agosto: Castrelo de Miño (Ourense) e Leiro (Ourense)
  • 18 e 19 de agosto: A Cañiza (Pontevedra)
  • 22 e 29 de agosto: Santa Comba (A Coruña)
  • 23 e 24 de agosto: Ribadeo (Lugo)
  • 25 e 26 de agosto: Ortigueira (A Coruña)
  • 30 e 31 de agosto: Betanzos (A Coruña)
  • 1 e 2 de setembro: Arzúa (A Coruña)
01/07/202208:07
Presentación dos resultados dun proxecto piloto de 5G.
Santiago de Compostela

A directora da Amtega destaca a importancia de Galicia como campo de probas da tecnoloxía 5G tras acoller 30 experiencias piloto

  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) destaca como obxectivos que os operadores avancen no despregamento e os sectores produtivos poidan aplicar as solucións aportadas polos proxectos piloto
  • Orange presentou en Santiago os resultados dun dos dous proxectos piloto de 5G asignados a Galicia no Plan nacional para o desenvolvemento desta tecnoloxía

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou hoxe que Galicia foi “un excelente campo de probas do 5G” e destacou como obxectivos que as operadoras avancen no despregamento territorial desta tecnoloxía e que os casos de uso que foron un éxito se implanten como solucións reais nos diferentes ámbitos produtivos.

Mar Pereira fixo estas manifestación no acto no que Orange presentou en Santiago de Compostela os resultados dos 13 casos de uso que desenvolveu en Galicia no marco do seu proxecto do Plan Nacional 5G. A nosa comunidade foi o escenario de dous proxectos do Plan Nacional e un proxecto propio do Plan Galicia 5G. En total, desenvolvéronse 30 probas de uso de esta tecnoloxía en aspectos como a asistencia médica en calquera lugar, a loita contra os incendios, a banca en áreas rurais, a educación, o deporte, o turismo, o agro... Estas probas implicaron un investimento de máis de 22 millóns de euros e mobilizaron cerca de 40 entidades públicas e privadas.

Este posicionamento de Galicia como rexión de referencia cara ao despregamento desta tecnoloxía fixo que Galicia acollera a primeira experiencia mundial de roaming en 5G e Vigo e A Coruña están entre as primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.

A directora da Amtega indicou que, na última década, “os resultados das políticas de transformación dixital permitiron a Galicia avanzar na converxencia coas rexións máis avanzadas de Europa”. Estes resultados permiten agora “afrontar unha nova etapa e falar do desenvolvemento en Galicia do 5G, da Intelixencia Artificial, dos servicios na nube, da robótica e a automatización de procesos...”. Os proxectos pilotos de 5G mostran a importancia de aplicar estas tecnoloxías dende unha fase temperá do seu desenvolvemento. Segundo manifestou Mar Pereira, Galicia pode facelo “ao dispoñer dun sector tecnolóxico maduro e unha sociedade cada vez máis preparada”.

05/07/202210:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Museo Centro Gaiás e Streaming

Foro galicIA Intelixente: Constitución do nodo galego de intelixencia artificial

O obxectivo deste encontro é presentar o nodo galego de intelixencia artificial galicIA e conversar sobre a visión europea e estatal do futuro das tecnoloxías intelixentes.

29/06/202208:06
Home traxeado sentado usando un smartphone.
Santiago de Compostela

As empresas de Galicia están entre as que más utilizan en España tecnoloxías como internet das cousas ou intelixencia artificial

  • O uso da Intelixencia Artificial das empresas de 10 ou máis persoas empregadas acada o 10,2%, e supera a media estatal (8,3%) en case dous puntos porcentuais
  • Máis do 21% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora Intelixencia artificial aos seus produtos ou servizos
  • O 26,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas de Galicia emprega IoT

O uso das tecnoloxías disruptivas, como o Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial, por parte das empresas de Galicia supera a media estatal, segundo destaca o informe “Galicia Dixital. Tecnoloxías disruptivas nas empresas”. Este traballo vén de ser publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Trátase do primeiro estudo que analiza e revisa a situación actual das principais tecnoloxías disruptivas no tecido empresarial galego, con especial foco no sector TIC. O obxectivo principal desta análise é identificar o grao de adopción da Intelixencia Artificial, aprendizaxe automático a través do Big Data, Chatbots, Cloud computing, etc.

Este informe está enmarcado dentro dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), que inclúe entre os seus obxectivos, o impulso ás capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías disruptivas.

Intelixencia Artificial

As tendencias tecnolóxicas prevén un crecemento significativo da Intelixencia Artificial coa creación de ecosisistemas nos que, grazas aos datos compilados de dispositivos, que actúan como sensores, o mundo virtual interactúe con obxectos físicos. A súas aplicacións son múltiples: sanidade, educación, agricultura, transporte, fabricación, enerxía.

No 2021, o 7,6% das microempresas galegas utilizan Intelixencia Artificial, superando en 4 puntos porcentuais a media estatal (3,5%). No caso das empresas de 10 ou máis persoas empregadas, a porcentaxe sitúase no 10,2%, superando tamén a media estatal (8,3%).

Máis do 21% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Intelixencia artificial. O 16,6% das empresas TIC emprega a realidade virtual e o 13,8% a Impresión 3D.

A avaliación destes indicadores realízase a partir dos datos da Enquisa a Empresas TIC que realiza o propio OSIMGA e dos indicadores da Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas do INE, no marco do convenio de colaboración entre Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Internet das Cousas (IoT)

O Internet das Cousas (IoT) configúrase como unha tendencia tecnolóxica para acelerar o desenvolvemento e implantación de solucións que dean resposta aos novos retos da sociedade, permitindo conectar elementos físicos cotiás a Internet. Deste xeito, estes dispositivos interconectados poden ser monitorizados ou controlados a través de internet ou servir como instrumentos para recollida de información. Pode aplicarse a dispositivos comúns de control de enerxía, seguridade e mobilidade ou a elementos para atención e control da saúde, da produción, da calidade e a trazabilidade de produtos e procesos.

O 26,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas con sede e/ou actividade en Galicia emprega dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das cousas). Nas microempresas o uso desta tecnoloxía acada o 9,1% e supera a media estatal (8,1%).

No caso das empresas TIC galegas, o IoT é a tecnoloxía disruptiva con máis presenza neste sector empresarial (34,2%). Entre as empresas TIC que empregan IoT, os sensores, etiquetas RFID ou IP, cámaras para a mellora do servizo (54,2%) e os medidores, lámpadas, e termóstatos intelixentes (50,2%) son os sistemas ou dispositivos máis frecuentes.

Big Data

O Big Data é outra das tecnoloxías disruptivas analizadas neste informe que está a impulsar e xerar profundos cambios sociais e económicos así como novas oportunidades e modelos de negocio.

No 2021 increméntase a porcentaxe de empresas galegas que analizan Big Data. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados/as, onde a análise de Big Data sitúase no 13,8%, 2,7 puntos máis que a media estatal.

Esta porcentaxe elévase ata o 22,5% entre as empresas TIC galegas. Ademais, entre as empresas TIC que utilizaron Big Data, o 34,4% utilizou o método de aprendizaxe automática ou machine learning.

Cloud Computing, Intelixencia de Negocio, Chatbots e robótica

O Cloud Computing é unha das tecnoloxías disruptivas que máis rapidamente se incorporou á xestión empresarial. No 2021 a compra de servizos de Cloud Computing aumentou nun 66,6% nas empresas de 0 a 9 persoas asalariadas, e acadou o 12,3%, o que supera a media estatal (10,2%). No caso das grandes empresas, unha de cada tres comprou este servizo e o seu crecemento foi do 8,5%.

Cabe salientar que, entre o sector TIC galego, o 28,7% utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Bussiness Inteligence e o 24,2% emprega Chatbots, experimentando este último indicador un crecemento relativo do 44,9% pasando do 16,7% que acadou no 2020 ao 24,2% no 2021. A utilización de Robótica nas empresas TIC galegas aínda é incipiente. Só o 8,8% das mesmas utiliza robots, das cales o 62,9% utiliza robots industriais.

Os resultados detallados do informe “Galicia dixital. Tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia” poden ser consultados en www.osimga.gal.

24/06/202219:06
Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

As empresas colaboradoras de Ciber.gal poderán facer uso gratuíto dunha plataforma que facilita a incorporación de requisitos de ciberseguridade en proxectos industriais

  • Grazas a un acordo asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o CCI, as entidades adheridas ao Nodo Galego de Ciberseguridade poderán empregar esta plataforma en ata tres proxectos de xeito gratuíto
  • O Centro de Ciberseguridade Industrial é unha das entidades adheridas ao Nodo CIBER.gal
  • Con esta colaboración refórzanse as actuacións dirixidas ao tecido empresarial, que en Galicia rexistrou no primeiro trimestre do ano máis de 6.300 estafas telemáticas
  • Ciber.gal é a primeira estrutura de colaboración público – privada en materia de ciberseguridade en España, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade
  • Este ano iniciarase a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, cun investimento previsto duns 4,2 millóns de euros

 

As entidades adheridas ao Nodo de Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, dispoñen de novos recursos para reforzar a ciberseguridade no ámbito industrial. Así se recolle no acordo asinado esta semana entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Centro de Ciberseguridade industrial (CCI) que pon ao disposición do Nodo a súa plataforma RECIN, que facilita a incorporación de requisitos de ciberseguridade en proxectos industriais.

As entidades vinculadas ao nodo poderán empregar a plataforma do CCI en ata tres proxectos sen custe algún.

Grupo de traballo específico para o tecido empresarial

A ciberseguridade no tecido empresarial é crucial e con este acordo súmanse recursos para a liña de traballo que se desenvolve desde Ciber.gal para concienciar, previr e mellorar a ciberseguridade nas empresas galegas.

O camiño cara á dixitalización da industria xera grandes oportunidades, pero sen ir da man dunha aposta pola ciberseguridade pode xogar en contra. Así o reflicten os últimos datos oficiais que sinalan que no primeiro trimestre de 2022 rexistráronse en Galicia 6.345 estafas cometidas a través de medios telemáticos. Unha tendencia que vai á alza, xa que os delitos cometidos por esta vía nos tres primeiros meses do ano creceron un 50% respecto aos rexistrados no mesmo período en 2021.

De aí que o Nodo CIBER.gal faga fincapé na identificación, deseño e execución de iniciativas de valor para o tecido empresarial neste campo grazas á colaboración dos axentes vinculados ao seu ecosistema.

Así, en xuño de 2021 constituíuse un grupo de traballo específico nesta liña, englobando actividades destinadas a distintos perfís profesionais, sectores e tipos de empresa. Liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tamén participan neste grupo de traballo o Incibe, a Fegamp, as catro Deputacións e conta coa colaboración dunha vintena de empresas. Este grupo realizou nos primeiros seis meses de 2022 preto dunha vintena de actividades, entre xornadas, obradoiros e relatorios tanto presenciais como online nas catro provincias galegas. Este acordo de colaboración co CCI é unha iniciativa máis do grupo de traballo para fortalecer o nivel de ciberseguridade da industria galega.

Nodo Ciber.gal

A Xunta de Galicia lidera dende a súa creación en 2020 o nodo Ciber.gal, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade. Trátase da primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España. Ciber.gal ten como obxectivo dar resposta á cidadanía, empresas e sector público en materia de ciberseguridade así como o fomento do talento e a innovación neste eixo.

Ademais, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Centro de Excelencia de Ciberseguridade

Entre as medidas para impulsar a ciberseguridade en Galicia, este ano a Xunta iniciará a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 4,2 millóns de euros. O CECIGA ten como obxectivo desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación económica e social.

Terá como misión contribuír ao fortalecemento e potenciación da seguridade na Administración pública, as empresas e a cidadanía, así como apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. Potenciará, así mesmo, as relacións institucionais e a promoción do nodo Ciber.gal en España e Europa.

Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027, que se presentará este ano e que reforzará as liñas actuais de traballo e recollerá as accións e medidas precisas para executar os compromisos de gobernanza e cumprimento normativo do novo Esquema Nacional de Seguridade.

22/06/202212:06
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

As asociacións galegas de software libre realizarán este ano máis de 20 actuacións en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

  • Un ano máis promoverán a difusión e o fomento do software e hardware libre a través de encontros, charlas, obradoiros e publicacións
  • Ao abeiro deste acordo Galicia acolle os vindeiros 24 e 25 de xuño o congreso de referencia en software libre a nivel nacional, o congreso esLibre que terá lugar en Vigo
  • Todas estas accións están enmarcadas no Plan de Software Libre que vén realizando a Axencia autonómica con periodicidade anual

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) apoia un ano máis ás asociacións galegas que promocionan e fomentan o emprego de software e hardware libre, a través dun convenio de colaboración. Ao abeiro deste acordo as asociacións realizarán máis de 20 actividades de difusión por toda a comunidade, abertas a toda a cidadanía.

As actuacións deste ano abranguen desde actividades de difusión con charlas, obradoiros, organización de eventos ou colaboracións con outro tipo de asociacións ata a publicación de recursos educativos ou catálogos patrimoniais e culturais.

Dentro do mundo do hardware libre, cada vez máis presente na nosa sociedade, organizaránse talleres de robótica e impresión 3D especialmente dirixidos ás xeracións máis novas, e tamén as súas nais e pais, para que poidan compartir tempo argallando sobre estas novas tecnoloxías. Os movementos maker tamén estarán moi presentes, con Proxectos  sobre o Internet das Cousas (IoT) ou solucións de domótica con hardware e software libre que poden ser replicadas de xeito sinxelo.

Cómpre destacar que este ano, ao abeiro deste convenio, celebrarase en Galicia, na cidade de Vigo os días 24 e 25 de xuño, o congreso esLibre, o encontro nacional de software libre máis relevante nestes momentos que traerá á comunidade a empresas e persoas dende diversos puntos da xeografía española. Ademais, ofrécese unha bolsa de viaxe que permite financiar o desprazamento a persoas de diferentes colectivos, co fin de fomentar a diversidade na participación do mesmo.

Asociacións galegas de software libre

En Galicia existe un importante núcleo de asociacións que teñen por obxectivo a difusión, promoción e fomento do uso do software e tamén o hardware libre. Son coñecidas como as AGUSL (Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre) aínda que hoxe en día evolucionaron e temos en Galicia un ecosistema moi rico con asociacións que tamén se dedican á difusión do hardware libre, con iniciativas baseadas na robótica, a impresión 3D ou ao Internet das cousas (IoT). Estas asociacións, formadas por persoas voluntarias, tenta facer chegar as vantaxes e o espírito de colaboración do software libre a través de diferentes actividades.

Impulso das accións

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén colaborando con este ecosistema cun convenio de colaboración de carácter anual, este ano cun importe de 30.000 euros, que lles permite realizar actividades con maior impacto, mentres que a Xunta de Galicia reforza así o seu compromiso de difusión do software libre entre a cidadanía, un dos eixos principais do Plan Anual de Software Libre. O carácter local destas asociacións permite que se fagan actividades de difusión en diversos puntos da xeografía galega, adaptadas ás diferentes realidades e necesidades, facilitando que máis persoas poidan participar das mesmas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS