A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia recalcou hoxe a importancia de integrar a tecnoloxía na estratexia empresarial e nas organizacións así como a implicación da dirección no seu impulso, xa que é desde onde se produce o cambio que ten como panca a dixitalización. Mar Pereira participou esta mañá en Santiago na inauguración do Foro APD de Tecnoloxía e Negocio, no que se abordaron os retos das organizacións e a súa adaptación á tecnoloxía do dato, a Intelixencia Artificial ou o Blockchain.
A responsable da axencia autonómica recordou que España conta con más de 20.000 millóns de euros dos Fondos Europeos Next Generation e que seu departamento está a executar 37 proxectos por importe de 200 millóns de euros destes fondos. Neste sentido Mar Pereira lembrou que Galicia conta con tres estratexias no ámbito da dixitalización, a Estratexia Galicia Dixital 2030 que mobilizará 4.000 millóns de euros; a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que mobilizará máis de 330 millóns de euros públicos da Xunta de Galicia no período 2021-2030; e o Marco Galego de Competencias Dixitais que ten como obxectivo que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas no 2025.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica destacou a importancia de coordinar a xestión dos fondos desde a cooperación entre administracións e co sector privado para configurar un contexto rexional dixital no que impulsemos a conectividade, a ciberseguridade, as competencias dixitais e a especialización tecnolóxica. En canto ao tecido empresarial sinalou que son fundamentais as axudas e o acompañamento para que as empresas adopten tecnoloxías de alto impacto como a Intelixencia Artificial, a tecnoloxía do dato ou o Blockchain.
Finalmente, Mar Pereira sinalou que é preciso perder o medo a competir nun mercado dixital e que para iso é chave contar cunha estratexia, a implicación da dirección, a capacitación do empregado e axudas para especialización en tecnoloxía.
A Rede CeMIT, liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), participou esta semana no III Encontro de Dinamizadores de centros de competencias dixitais de toda España que se celebrou en Barcelona no marco do Foro Derechos Digitales baixo a dirección da asociación Somos Dixital e en colaboración coa Plataforma Red Conecta , Fundación Esplai e All Digital.
No encontro os dinamizadores dos centros de competencias dixitais participaron en mesas redondas, debates compartidos con profesionais e expertos, talleres e marketplace onde axentes implicados na defensa dos Dereitos Dixitais e representantes das políticas de transformación dixital expuxeron os avances e metas definidos neste ámbito.
Abordáronse tamén temáticas como a fenda dixital e os colectivos máis afectados para poder propoñer solucións e iniciativas conxuntas, así como, a presentación de proxectos que contribúen a aplicar iniciativas que favorecen os Dereitos Dixitais da cidadanía.
Ademais, entregáronse os Premios Somos Dixital no que a iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Agasol Girl STEAM derrubando estereotipos foi finalista na categoría Inclusión Digital .
Durante a sesión de arranque, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou o “Plan de reforma e ampliación da Rede de aulas CeMIT. Cara a plena capacitación dixital da cidadanía galega” na xuntanza de responsables de Redes co obxectivo de compartir experiencias e ideas inspiradoras entre os diferentes representantes das comunidades autónomas e organizacións que forman parte da Asociación Somos Digital.
Ademais a Axencia autonómica foi a encargada de realizar o relatorio inaugural do Taller “Persoas maiores e protección da saúde” onde se deu a coñecer con datos estatísticos o uso que fan as persoas maiores da tecnoloxía así como a súa evolución nos últimos anos. Tamén reflexionouse sobre as barreiras e o gran abano de oportunidades que a tecnoloxía pode ofrecer ás persoas maiores para o que é esencial que exista un acompañamento e se desenvolvan solucións adaptadas a este colectivo para permitirlles desfrutar da sociedade dixital sen vulnerar os seus dereitos e aproveitando os beneficios da sociedade do benestar.
A Rede CeMIT tamén estivo presente neste taller compartindo como exemplo de boas prácticas no impulso do acceso universal e igualitario á contorna dixital o proxecto “Camina en Digital” levado a cabo no marco da celebración do Día de Internet e que contou coa participación de máis de 700 persoas dos centros de competencias dixitais de toda España. Con esta iniciativa, conseguiuse capacitar ás persoas maiores no manexo das ferramentas dixitais para medir pasos e kms. nas súas andainas, así como sacar fotografías e vídeos e subilos ás redes sociais acadando os obxectivos de fomentar o uso da tecnoloxía por parte dos maiores e impulsar hábitos saudables.
No marco deste Foro tamén confluíron outros eventos como a celebración da Asemblea da Plataforma Red Conecta e a Asamblea e Xunta Directiva da All Digital que amplían o seu potencial e posibilitan interrelacións a nivel europeo así como o intercambio enriquecedor de experiencias e o networking entre os seus participantes.
A asociación Somos Digital é unha entidade constituída no ano 2008 co fin de agrupar a institucións, entidades e colectivos que traballan na creación, dinamización e mantemento de espazos públicos destinados ao fomento da Sociedade da Información en España mediante a promoción do acceso da cidadanía á tecnoloxía.
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica https://cemit.xunta.gal, impulsada pola Amtega, está integrada por 97 aulas, presentes en 91 concellos. Ou seu obxectivo é promover o uso da tecnoloxía e a adquisición de competencias dixitais entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital.
Facilitar e ampliar o uso da Chave365 é un dos obxectivos da Xunta para estender o uso da Administración electrónica entre a cidadanía. Por iso a Administración autonómica modificará a orde que rexe este sistema de claves concertadas para facilitar a identificación por videoconferencia e posibilitar o seu uso por persoas non residentes España.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia publica hoxe no portal de transparencia o proxecto de orde que permitirá estas modificacións e que está aberto a suxestións ata o vindeiro 16 de xuño.
Unha das modificacións do sistema é habilitar a identificación do usuario de Chave365 a través de videoconferencia, evitando a identificación presencial nunha oficina de rexistro ou a través da sede electrónica cun DNI electrónico.
Por outra banda para facilitar o uso de Chave365 por parte de persoas non residentes en España que non dispoñan de NIF o sistema creará un identificador co que poderán acceder.
O Servizo Chave365 entrou en funcionamento no ano 2015 para simplificar a xestión telemática ante as dificultades de uso do certificado electrónico
Para empregar este sistema o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica. ben nunha oficina de rexistro da Xunta, ou, en breve, a través de videoconferencia.
Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibe no seu móbil unha clave de acceso, que emprega xunto co seu NIF, ou un identificador no caso de non residir en España e non dispoñer de NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introduce a clave de acceso, o NIF ou o identificador na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.
A dia de hoxe 1.428.556 persoas dispoñen de Chave365 rexistrando no 2021 un incremento de máis do 400% respecto ao ano anterior. Ademais o 85% dos galegos e galegas que tiveron que facer xestións coa Xunta en 2021 optaron por realizalas online. Son máis dun 8% respecto ao ano pasado e preto dun 60% respecto a 2019. Así o recolle o sistema de indicadores da Administración Dixital, accesible desde o Portal de Transparencia da Xunta, que reflicte a evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais da Administración autonómica.
As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 37% no último ano pasando de 888.000 en 2019 a máis de 1,2 millóns en 2021.
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ven de adherirse a un Acordo de Colaboración con outras 21 axencias gobernamentais e empresas europeas co obxectivo de crear un mercado único de novos modelos de innovación tecnolóxica aplicadas á administración.
Este consorcio, denominado Govtech4all, pretende abrir o mercado de tecnoloxía do sector público para garantir que os gobernos utilicen as mellores solucións, sen estar condicionados pola necesidade de axustarse mellor aos procesos de adquisición ou pola tendencia a adquirir tecnoloxía “autóctona”.
Segundo explican os promotores da iniciativa, “Govtech4all promoverá novos modelos de innovación do sector público” e permitirá que “os sectores público e privado, os organismos de investigación e as ONG traballen xuntos para aprender uns dos outros, ofrecer proxectos pilotos comúns e elevar o perfil de ‘govtech’ en cada país a un nivel que se poida considerar o da UE”.
O enfoque central do proxecto é a elaboración de entre catro e seis proxectos piloto conxunto nos que se aplique un amplo conxunto de metodoloxías de goberno intelixente. Neste contexto, “as incubadoras, os laboratorios de innovación e os equipos dixitais de ‘Govtech’ deseñarán os desafíos a través dun enfoque de creación conxunta”. Ademais, o consorcio terá tamén como obxectivo o de crear conciencia sobre os gobernos intelixentes, dispoñer dun mapa de situación sobre o desenvolvemento das administracións dixitais e compartir as leccións aprendidas entre os socios e outros actores da UE”.
No Acordo Marco de Asociación participan axencia e empresas de 15 países europeos: España, Bélxica, Portugal, Polonia, Países Baixos, Suecia, Grecia, Letonia, Luxemburgo, Alemaña, Estonia, Dinamarca, Lituania, Francia e Italia. Por parte de España, os asinantes ata este momento son o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid, a Lantik (sociedade participa en exclusiva pola Deputación Foral de Biscaia para a transformación dixital) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Galicia conta xa cun proxecto propio de Goberno intelixente (GobTech), do que forma parte un acordo marco por importe de 30 millóns de euros para a contratación por parte da Administración autonómica e entidades públicas de servizos para o impulso de tecnoloxías avanzadas.
A Estratexia Galicia 2030 e a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial establecen a folla de ruta para o desenvolvemento dunha administración dixital avanzada e que utilice todos os recursos dispoñibles das tecnoloxías intelixentes.
A Estratexia promovida pola Xunta para toda a transformación dixital baséase en esquemas de colaboración entre administracións públicas e cos sectores privados reflectida nos nodos. Neste sentido, está en proceso de constitución o Nodo GalicIA, que acollerá a todos os axentes relacionados co desenvolvemento da Intelixencia Artificial baixo criterios éticos.
Este modelo de colaboración funciona xa en convenios como o que a Xunta asinou coas tres universidades do Sistema Universitario Galego para e elaboración de un estudo para a configuración dun marco ético e normativo para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial.
Están tamén avanzados os traballos para avaliar e mellorar a eficiencia dos procedementos administrativos con tecnoloxías intelixentes, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. No marco deste convenio estase a desenvolver unha metodoloxía para a análise con técnicas de minería de procesos e a posta en marcha dun asistente virtual avanzado ao servizo da cidadanía.
Un dos resultados deste modelo de colaboración promovido pola Xunta en torno ás tecnoloxías intelixentes é o proceso en marcha para a presentación dunha candidatura galega para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. Neste sentido, este fin de semana poñerase en marcha un espazo na web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no que se reflectirá o proceso de configuración desta candidatura, así como as diferentes adhesión que se están a recibir dende ámbitos como as universidades, os colexios profesionais, os clústeres e asociacións sectoriais, os centros tecnolóxicos e de investigación. Esta información pode ser consultada en amtega.xunta.gal/AgencIAparaGalicIA
Neste sentido, o Goberno autonómico reiterou que agarda que Galicia poida acoller a Axencia Española para Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) no contexto desta aposta polo desenvolvemento das tecnoloxías intelixentes.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participa xunto aos máximos responsables en materia de dixitalización de diferentes comunidades autónomas nun encontro de traballo en Estonia. Ao longo de tres xornadas asistirán a diferentes encontros nos que coñecerán de primeira man as iniciativas de dixitalización de Estonia, un país pioneiro en Europa nesta materia que conseguiu configurar un ecosistema dixital, eficiente, seguro e transparente.
Estas xornadas de traballo, que comezaron onte e se prolongarán ata mañá, ofrecerán tamén a oportunidade de establecer liñas de colaboración en materia de innovación e tecnoloxía entre Estonia e as comunidades participantes. Nesta liña a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica avanzou que a Xunta incorporará ao seu novo Plan de Administración e Goberno Intelixente o desenvolvemento da identidade dixital da cidadanía, así como o impulso de mecanismos seguros de compartición de datos e a personalización dos servizos públicos.
O programa do encontro comezou onte cunha xornada centrada no eGoberno, na que explicaron as estratexias de Estonia para conseguir que o 99% dos servizos públicos do país sexan dixitais. A xestión do cambio e a formación en competencias son outra das claves da dixitalización de Estonia, que se abordará neste encontro.
Ademais, os representantes autonómicos coñecerán en detalle o sistema de identificación estonio, o máis avanzado do mundo, que facilita o acceso dixital a todos os servizos electrónicos que ofrece a Administración deste país. O seguinte encontro está centrado na interoperabilidade de datos, no que explicarán o funcionamento da plataforma X-Road, que permite que os diferentes sistemas de toda a Administración estonia se comuniquen entre sí.
Outro dos temas previstos no programa será a ciberseguridade, un aspecto no que Estonia ocupa unha posición de liderado en Europa. Ademais, a delegación de responsables de dixitalización das comunidades autónomas tamén coñecerá iniciativas e big data móbil aplicado ao transporte e o turismo e a iniciativa HK Unicorn Squad, un clube de tecnoloxía para rapazas, no que se forman en enxeñaría, programación, robótica ou multimedia.
A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a Carpeta Persoal de Saúde, unha plataforma onde a cidadanía pode xestionar datos sobre a súa saúde e compartilos cos profesionais sanitarios.
Deste xeito, as galegas e galegos poderán rexistrar na súa Carpeta Persoal, accesible dende É-saúde, datos introducidos manualmente ou recollidos automaticamente dende dispositivos ou aplicacións que o cidadá emprega para monitorizar a súa saúde, como por exemplo: pulsímetros, básculas, pulseiras de actividade, reloxos intelixentes, etc.
Tamén poderá rexistrar información sobre aspectos clave relacionados coa súa saúde, como poden ser alerxias, antecedentes familiares, tratamentos, etc.
Xunto ao anterior, poderá rexistrar outros documentos como imaxes ou informes e probas diagnósticas que o paciente puidese realizar en diferentes provedores de saúde.
A plataforma permite que a cidadanía decida a información que quere compartir cos profesionais sanitarios e facerlla accesible. O profesional pode acceder dende IANUS ao apartado de historia clínica persoal e consultar a información da Carpeta Persoal de Saúde do paciente que estea a compartir. Ademais, os documentos compartidos polo doente poden ser incorporados polo profesional á historia clínica.
É-saúde renova ademais a súa contorna gráfica adaptándoa aos novos dispositivos móbiles e facéndoa máis sinxela.
Actualmente, 1.412.741 cidadáns acreditáronse en É-saúde a través do acceso seguro da Chave365. Desde É-saúde acceden ao mes unha media de 300.000 cidadáns a consultar os datos da súa historia clínica. Ademais de acceder aos informes de alta, probas de laboratorio ou datos de vacinación, os cidadáns descargaron xa máis de 350.000 probas de imaxe, 60.000 no último trimestre.
Esta canle de comunicación coa cidadanía complétase coa APP SergasMobil, utilizada xa por 1.823.773 cidadáns para levar consigo a súa tarxeta virtual, solicitar unha cita co seu médico ou descargar os seus certificados de vacinación. Desde SergasMobil descargáronse xa máis de 2.600.000 certificados de vacinación.
O tecido empresarial galego investiu en 2021 un total de 545 millóns de euros en tecnoloxía, 88 millóns de euros máis que o ano anterior, o que representa un incremento porcentual do dun 19,4 %. As microempresas destinaron a maior parte do seu orzamento TIC a bens tecnolóxicos mentres o investimento principal das empresas de 10 ou máis empregados destinouse a servizos e consultas tecnolóxicas.
Son parte do datos recollidos no informe “Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2021, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no marco do convenio de colaboración, asinado entre a Axencia, o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE).
A implantación das tecnoloxías disruptivas increméntase no tecido empresarial galego. Así o 26,4 % das empresas galegas de 10 ou máis empregados emprega dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de IoT (o Internet das cousas). Nas microempresas, o uso desta tecnoloxía (9,1 %) supera a media estatal (8,1 %).
Galicia supera a media estatal no uso da intelixencia artificial. O 7,6 % das microempresas galegas utilizan IA, 4 puntos por riba da media estatal (3,5 %) e o 10,2 % das empresas de 10 ou máis empregados utilizan esta tecnoloxía, 2 puntos por encima da media do conxunto do Estado.
No 2021 increméntase lixeiramente a porcentaxe de empresas que analizan Big Data en Galicia. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados, onde acada o 13,8 %, 2,7 puntos porcentuais máis que a media estatal .
A compra de servizos de Cloud Computing aumentou nun 66,6 % nas empresas de 0 a 9 asalariados, acadando o 12,3 % e superando a media estatal (10,2 %). No caso das grandes empresas, unha de cada tres comprou este servizo e o seu crecemento foi do 8,5 %.
O uso das medidas de ciberseguridade están máis estendidas nas grandes empresas que entre as microempresas galegas. Se ben, cabe salientar que nas microempresas se rexistra un crecemento de máis do 30 % dende o ano 2018, acadando o 54,4 % en 2021. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores este indicador sitúase no 92,3 %, un 8,2 % máis respecto ao ano 2018.
As medidas de seguridade TIC empregadas con maior frecuencia polas empresas galegas de maior tamaño son a dispoñibilidade do Software actualizado e ter unha copia de seguridade de datos. No caso das microempresas, obsérvase que a medida máis estendida é a dispoñibilidade de Software actualizado, seguido da autenticación mediante contrasinal forte.
No último ano, un 21,9 % das empresas galegas de 10 ou máis empregados conta con perfís TIC entre o seu persoal, superando a media estatal (16,4 %) en 5,5 puntos porcentuais.
Das empresas galegas de 10 ou más empregados que contan con perfís dixitais, un 52,3 % emprega mulleres especialistas TIC e, no caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 41,7 %, ambos valores son superiores ás medias estatais (34,5 % e 26,1 % respectivamente).
Ademais, cabe salientar que o 53,6 % das empresas de 10 ou máis traballadores empregan o teletraballo.
No ano 2021, a porcentaxe de empresas galegas de 10 ou máis asalariados que posúen páxina web acada o 80,5 % e sitúase tamén por riba da media estatal (78,3 %). Tamén segue a consolidarse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas galegas e xa está no 28,3 %.
O uso de medios sociais con fins empresariais segue a súa liña de ascenso. O 40,3 % microempresas galegas ten presenza nas redes sociais, aumentando un 22,5 % no último ano e superando a media estatal (36,3 %). Entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores o incremento foi dun 1,2 % ata acadar o 67,8 % e superando tamén a media estatal (66,6 %).
O 9,4 % das microempresas galegas vende a través da Rede, cifra similar á media estatal. No caso das empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia, a porcentaxe elévase ao 24,2 %, un 10 % más que o ano anterior.
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis traballadores/as teñen contratado Internet. Entre as microempresas galegas incrementouse a contratación de Internet nun 2,7 % no último ano, acadando unha porcentaxe do 80,7 % en 2021.
Increméntanse notablemente a porcentaxe de empresas galegas que dispoñen de velocidade de conexión a Internet de máis de 100Mbps. Nas microempresas increméntase nun 12,7 % e pasan neste último ano do 54,3 % ao 61,2 %. Para as empresas de 10 e máis empregados/as, o incremento foi do 5,2 %, pasando do 63,7 % no ano 2020 ao 67 % no ano 2021.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.
Unha actividade lúdica de “escape room” previa á entrega de premios, foi o prato final do Reto #CaminaenDigital, un concurso desenvolvido en toda España no que se premiaba o saudable hábito de camiñar e se incentivaba o manexo e coñecemento de ferramentas dixitais por parte das persoas maiores. Ao longo de 20 días, e tras recibir a formación necesaria nos Centros de Competencias dixitais, os participantes camiñaron nas súas contornas, mediron as distancias percorridas con ferramentas tecnolóxicas, sacaron fotografías, gravaron vídeos e compartiron estas experiencias a través da páxina web https://caminaendigital.com/ e do espazo na rede social Facebook https://www.facebook.com/CaminaEnDigital/.
Foi, en moitos dos casos e para moitas destas persoas, a primeira vez na que fixeron uso de aplicacións de medición de pasos, ou mesmo a primeira ocasión en que sacaron unha imaxe ou unha captura de pantalla e a enviaron a través dunha rede social. Este era o principal obxectivo do Reto: aumentar a capacitación das persoas maiores e familiarizalas co uso das tecnoloxías dixitais. Mais o concurso tamén supuxo, segundo manifestaron algúns dos responsables dos centros de competencias dixitais, unha experiencia que animou a achegarse e a coñecer a actividade formativa destes espazos para a inclusión dixital a persoas que até agora nunca o fixeran. Cumpríronse así os propósitos principais desta iniciativa coordinada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través da Rede CeMIT, dentro da programación creada para celebrar este ano o Día de Internet, no seno da asociación de ámbito estatal Somos Digital.
Coa emisión online transmitida hoxe desde o GaiásTech para toda España, puido verse a alegría coa que recibiron o premio ao centro que percorreu máis quilómetros no Centro de Dinamización Tecnológica Local de El Franco, en Asturias, onde o seu equipo, formado por 45 persoas maiores, percorreu 5.050 km. desde o pasado 29 de abril. Tamén no espazo CyL Digital de Zamora recibiron con moita ilusión o galardón por ser o centro no que recorreron máis km. por persoa, unha media de 265 km. por participante ao longo de 20 días. Foron recoñecementos que se sumaron aos que recibiron Mercedes Maroto, de Calzada de Calatrava, por ser a participante que percorreu máis quilómetros, 598, e Julia Almeida e María José Camba, ambas de Zamora, por subir o vídeo e a imaxe con máis “Gústame” na conta de Facebook da iniciativa. Todos eles recibiron dispositivos tecnolóxicos cedidos polo Comité de Impulso del Día mundial de Internet.
A experiencia do reto adaptouse a todas as situacións, grazas ao traballo dos axentes dinamizadores dos centros de competencias dixitais. Houbo lugares, como Villanueva de Oscos, en Asturias, onde algunhas das persoas participantes facían as súas andainas dentro do polideportivo, xa que son usuarias do centro de día e da residencia de anciáns da vila e, polas súas características físicas, requirían un lugar cómodo para andar no que poder descansar cada pouco. Salientable é tamén o caso de San Benito, un municipio de Ciudad Real, onde interviron no reto 29 dos seus 185 habitantes, de xeito que o Reto foi o tema principal de conversa nestes días. Noutros casos, o “pique” san entre localidades cercanas animaba a realización de km., xa que a clasificación dos quilómetros percorridos por cada centro e mesmo por cada persoa podía verse día a día na páxina web da iniciativa, creada e dinamizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, que tamén construíu o Escape Room co que se puxeron en práctica, unha vez máis, as habilidades informáticas adquiridas polos participantes.
As dúas iniciativas forman parte da amplia programación posta en marcha pola Asociación Somos digital para celebrar o Día de Internet, que este ano se celebrou baixo o lema “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”.
O Porto de Vigo acolleu hoxe a demostración final do proxecto piloto desenvolvido por Orange, Gradiant e Ericsson para o uso de aeronaves non tripuladas, Intelixencia Artificial e tecnoloxía 5G para a vixilancia do ámbito portuario.
Este proxecto forma parte dos casos de uso coordinados por Red.es en todo o Estado e está enmarcado no Plan 5G de Galicia promovido pola Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O sistema mostrado hoxe aproveita as vantaxes da rede 5G para mellorar e estender a cobertura das comunicacións entre as aeronaves non tripuladas e o centro de control en terra, ademais de mellorar a transmisión de imaxes. O uso da intelixencia artificial para a análise de vídeo permite a este sistema de control detectar persoas non autorizadas e xerar avisos en tempo real que alerten ao centro de control de posibles intrusións.
A demostración foi seguida polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña; a directora xerente de Retegal, Pilar Chapela Villanueva, en representación da Xunta de Galicia; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García Vieira e a responsable do Plan Nacional 5G para Galicia, Lara Rubianes Escribano. Participaron tamén representantes das tres compañías que desenvolveron o proxecto.
A directora xerente de Retegal, Pilar Chapela, destacou a “enorme importancia que o 5G ten para Galicia” ao tratarse dunha tecnoloxía “esencial na extensión da transformación dixital en todos os ámbitos sociais e económicos, e sobre todo nos casos nos que poidan existir dificultades de despregamento por razóns xeográficas ou de dispersión da poboación”.
Lembrou, neste sentido, que a Xunta entendeu dende o primeiro momento esta importancia e por iso “apostou por un modelo de colaboración entre administracións públicas e co sector privado, que se reflectiu na creación do Nodo 5G de Galicia”.
A posición de Galicia como rexión de referencia cara ao despregamento desta tecnoloxía foi posible grazas a aprobación a mediados de 2018 do Plan Galicia 5G como ferramenta estratéxica para impulsar as aplicacións da última xeración de telecomunicacións na industria e a sociedade e o despregamento das redes na nosa Comunidade autónoma.
As primeiras probas de uso en Galicia remóntanse ao período 2018-2019. O adianto no impulso desta tecnoloxía fixo que Galicia fora o primeiro lugar do mundo no que se probou a roaming con 5G (entre España e Portugal); e que Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.
A planificación do 5G Galicia está aliñada coas estratexia do Estado e da Unión Europea e enmarcada na Estratexia Galicia Dixital 2030, e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.
Galicia acolle 13 casos de uso liderados por Orange e outros 12 liderados por Telefónica. Ademais destes dous proxectos asignados a Galicia e xestionados por red.es, na nosa comunidade lévanse a cabo outros 5 pilotos xestionados directamente polo Nodo 5G de Galicia. En total, 30 proxectos que implican investimentos que superan os 22 millóns de euros e que integran 39 entidades públicas e privadas entre participantes, axentes colaboradores e clientes.
Os proxectos desenvolvidos en Galicia abranguen ámbitos como a tele-medicina, a industria, a agricultura, a loita contra os incendios, o turismo ou a banca en zonas rurais, entre outros.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das novas axudas para a promoción de videoxogos, que a Xunta dota cun fondo de 500.000 euros a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural. Este investimento reverterá na realización dun mínimo de oito novos proxectos de videoxogos, que deberán ser desenvolvidos ata o 1 de xullo de 2023 por profesionais ou pemes con sede na nosa Comunidade.
Con esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, o Hub Audiovisual galego materializa outra das medidas especificamente deseñadas para a industria galega dos videoxogos, que recibirá unha inxección de preto dun millón de euros para favorecer a súa vertebración e competitividade. Esta é tamén a finalidade que persegue o Goberno galego coa posta en marcha do polo de aceleración empresarial xunto á Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos Videoxogo.gal, para o que conta cun orzamento de 360.000 euros, e dun estudo para a obtención dun mapa do sector na nosa Comunidade, que posibilite a identificación das principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego.
Precisamente hoxe ten lugar no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia unha sesión informativa sobre o novo Polo de aceleración do sector, que será impartida polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a presidenta de Videoxogo.gal, Luz Castro. Unha vintena de profesionais ten confirmada a súa asistencia ao encontro, no que se abordarán os requisitos e trámites para a candidatura de proxectos emprendedores a este programa de consultaría, titorización e proxección exterior para novos profesionais e empresas que estean a comezar a súa traxectoria nesta industria.
En canto á convocatoria publicada hoxe, cuxo prazo de solicitude estará aberto ata o 20 de xuño, os destinatarios son profesionais autónomos e pemes do sector para levar a cabo novas producións de videoxogos en todo o seu proceso de creación, deseño e programación, así como de comercialización, distribución e difusión, na fase de prototipo, sempre que sexan inéditas e non estean vinculadas á promoción ou publicidade dunha marca empresarial.
Establécense, así mesmo, dúas categorías de propostas en función do seu orzamento: modalidade A para proxectos de máis de 200.000 euros e modalidade B para os que se sitúen entre os 40.000 e os 200.000 euros. No primeiro dos casos, poderá financiarse ata o 25% do gasto subvencionable, cun límite de 100.000 euros por axuda, mentres que no segundo esta porcentaxe medra ata o 75% e a contía máxima se sitúa nos 50.000 euros. As subvencións adxudicadas deberán destinarse a custes de persoal ou servizos profesionais, de ferramentas de hardware e software ou a gastos derivados da presentación dos videoxogos en eventos, feiras e encontros profesionais
Entre as finalidades específicas destas novas axudas está a xeración de emprego e o fomento da profesionalización e vertebración deste ámbito, así como dunha maior presenza das mulleres como parte del. Búscase tamén favorecer a participación do sector privado e o mecenado cultural, desde o convencemento de que o seu maior desenvolvemento suporá unha gran oportunidade para o conxunto da industria cultural galega e para a súa proxección exterior.
De acordo con estas prioridades, os proxectos beneficiarios seleccionaranse aplicando un baremo de criterios técnicos, así como outros automáticos relacionados co interese cultural, a capacidade de emprego con especial atención á contratación feminina, a porcentaxe da axuda solicitada respecto do orzamento total e o público ao que se dirixe.
Este fondo de axudas para o desenvolvemento de videoxogos, o polo de aceleración e o “mapeo” do sector conforman o núcleo do apoio ao sector no marco Hub Audiovisual da Xunta, un programa extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros ata o vindeiro ano 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.