main content

main content
15/07/202208:07
Guía ciberseguridade.
Santiago de Compostela

INCIBE e Policía Nacional publican unha guía para impulsar as habilidades dixitais dos usuarios de máis de 60 anos

  • Está dirixida ao a público senior, pero é de utilidade para calquera usuario que necesite adquirir ou reforzar as súas competencias en materia de ciberseguridade.

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, publicou a guía "A ciberseguridade ao alcance de todos", en colaboración coa Policía Nacional, co obxectivo de impulsar e potenciar as habilidades dixitais dos usuarios maiores de 60 anos.

O documento, que se enmarca na campaña "Experiencia Senior" e será de utilidade para todos os públicos, utiliza unha linguaxe próxima e emprega contidos visuais que facilitan a súa comprensión. Así, proporciónanse as pautas básicas que calquera cidadán debe seguir para protexer os seus dispositivos persoais e garantir así a súa seguridade e privacidade cando navegue por Internet.

Esta guía describe a importancia de previr os riscos aos que se pode enfrontar calquera usuario da internet, e proporciona as ferramentas necesarias e as capacidades de ciberseguridade para minimizalos. Ademais, incide en que a ciberseguridade non require de grandes coñecementos informáticos, nin equipos tecnolóxicos avanzados e, a través dun contido didáctico, repasa diferentes habilidades básicas para usar a Rede de forma segura.

A guía desagrégase en sete grandes apartados: "Os teus dispositivos e a súa seguridade", "Protexe as túas contas e a túa información", "Acceder a Internet e navegar de forma segura", "Descobre e evita os principais tipos de fraude", "Gozando das redes sociais e as comunicacións por Internet sen riscos", "Checklist de seguridade" e "Recursos para ampliar".

Para máis información, pódese descargar o documento completo na páxina web da Oficina de Seguridade do Internauta de INCIBE.

Ademais, desde INCIBE lémbrase que, ante calquera dúbida, os usuarios poden chamar ao 017 ou contactar a través das canles de chat de WhatsApp ou Telegram da túa Axuda en Ciberseguridade, onde expertos na materia resolverán calquera problema, de maneira gratuíta e confidencial.

14/07/202220:07
Infografía bono dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha a convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación de banda larga a persoas vulnerables

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou na rolda de prensa do Consello que o Goberno galego autorizou hoxe a convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables, un servizo que na sociedade actual calificou de “esencial para a vida diaria” ao ser clave na inserción laboral ou na educación. 

Rueda explicou que esta liña de bonos vai contar “cun orzamento de máis de 1,3 millóns de euros” e busca “facilitar que máis de 5.700 familias vulnerables” poidan contratar servizos de internet de banda larga. Esta axuda forma parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea.
 
A iniciativa, enmarcada no programa estatal Único Bono Social, permitirá a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, cun máximo de ata os 240 euros. 

O Consello da Xunta aprobou hoxe a resolución para iniciar o proceso de inscrición das entidades colaboradoras, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de internet. Unha vez que se publique no DOG a lista de entidades colaboradoras poderanse solicitar os bonos. 

Con esta convocatoria a Xunta xa ten en marcha tres das catro medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a través do cal Galicia recibirá 19,1 millóns de euros para: reforzar a conectividade en áreas empresariais e centros loxísticos; a mellora da conectividade en centros públicos; axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia e a mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios. Esta última liña de axudas convocarase nas vindeiras semanas. 

En total, o Estado destinará ás comunidades un 9 % dos máis de 4.000 millóns de euros do plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital reserva, polo tanto, o 91 % dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100 % da poboación teña acceso á banda larga de polo menos 100 Mbps.

14/07/202212:07
Participantes na XGN R Encounter.
Silleda

Os seareiros da informática volven darse cita na XGN R Encounter do 7 ao 9 de outubro

A edición 2022 da histórica party informática galega XGN R Encounter celebrarase do 7 ao 9 de outubro, volvendo reunir a profesionais e seareiros da informática e as novas tecnoloxías nunha cita que alcanza xa a súa 22ª edición. O encontro, o maior de Galicia das súas características (unha xuntanza da mocidade para compartiren experiencias e coñecementos arredor das ferramentas dixitais) artellarase nas súas zonas habituais nos dous pavillóns principais da Feira Internacional de Galicia Abanca: a Intranet, orientada a inscritos, permitíndolles desfrutar dun posto con dereito a acampar e a participar en actividades exclusivas, e a Extranet, que ofrecerá un completo programa de propostas tanto para inscritos como para quen visite o recinto.

Segundo informa a organización, o evento desenvolverase de novo “no seu formato completo”, recuperando a súa área de acceso libre no recinto logo das celebracións online de 2020 e presencial (para inscritos en 2021).

A Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda irá deseñando nas vindeiras semanas esta edición, que é a sexta coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party. “XGN é unha cita que seguirá incorporando melloras na súa aposta por converterse na segunda lanparty de España”, sinalan dende as entidades organizadoras, poñendo o foco nos seus vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel, á que R pertence a través da súa Fundación e que inclúe desde hai máis de 25 anos as parties de Euskadi: Euskal Encounter, Gipuzkoa Encounter e Araba Encounter.

Propostas formativas e de lecer

Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita que contará cun amplo programa tanto para rexistrados como para as persoas que acudan á Extranet. A organización salientou “as interesantes novidades que pretenden sorprender como en cada edición aos participantes”, cun programa ateigado de competicións, obradoiros, conferencias, actividades de Realidade Virtual (RV) e tamén de xogos diversos.

14/07/202210:07
Fake news.
Rede CeMIT

Comezan as sesións de sensibilización contra os ciberataques "Vacínate contra os coronabulos" promovidas pola Amtega para a Rede CeMIT

Desde o pasado 6 de xullo, as aulas da Rede CeMIT acollen xornadas formativas que permiten recoñecer e previr as estafas en liña e os ciberataques. Trátase dun programa de charlas promovidas pola Amtega que, baixo o título “Vacínate contra os coronabulos: protéxete dos ciberataques”, están preferentemente orientadas ás persoas maiores, aínda que poden apuntarse persoas de todas as idades.

Estas sesións, para as que está aberta a inscrición, realizaranse de xeito presencial durante os meses de xullo, setembro e outubro nas aulas de Boiro, Brión, Abegondo, Leiro, Fisterra, Ponteareas, Cuntis, OrosoRiotorto e Ribadeo. Todas elas teñen unha hora e media de duración en horarios de mañá ou de tarde.

Durante as xornadas faise un repaso polos mecanismos de desinformación aos que nos vemos sometidos cada día. Desde a análise dun caso real, abórdanse os obxectivos que perseguen estas falsidades, así como os mecanismos necesarios para detectalas. Repásanse tamén as principais estafas ás que nos vemos expostos no mundo en liña e danse a coñecer os mecanismos para previlas.

A primeira das sesións aberta ao público desenvolveuse o pasado 6 de xullo na aula CeMIT de Ortigueira. Tivo un grande éxito tanto de participación como de valoración por parte dos asistentes, que trasladaron o grande interese dos contidos e resaltaron o bo facer do docente á hora de trasladar exemplos para axudar á comprensión e a aclaración de dúbidas en todo momento. Esta sesión celebrouse despois da organizada en liña o pasado 30 de xuño destinada aos axentes TIC das aulas.

As persoas interesadas en seguir calquera das actividades pode facer a súa inscrición a través da web de CeMIT ou poñéndose en contacto coa aula que lle resulte de máis interese.

Calendario de actividades

Aulas participantes Datas e horarios
Boiro 19 de xullo de 10.30 a 12:00 horas
Brión 21 de xullo de 10.00 a 11.30 horas
Abegondo 13 de setembro de 10:30 a 12:00 horas
Leiro 20 de setembro de 16.00 a 17:30 horas
Fisterra 21 de setembro de 16.30 a 18:00 horas
Ponteareas 27 de setembro de 16:00 a 17.30 horas
Cuntis 28 de setembro de 16.00 a 17:30 horas
Oroso 30 de setembro de 11:00 a 12:30 horas
Riotorto 19 de outubro de 16:00 a 17:30 horas
Ribadeo 20 de outubro de 11.00 a 12.30 horas

 

12/07/202211:07
Un portátil sobre unha mesa cunha taza ao carón.
Boiro

A Aula CeMIT do Concello de Boiro acolle o martes 19 unha xornada sobre ciberseguridade

A Aula CeMIT do Concello de Boiro acolle unha xornada sobre ciberseguridade nomeada Vacínate contra os coronabulos. O obxectivo é axudar á cidadanía a identificar a información falsa nas redes e poder desbotala. Celebrarase o vindeiro martes 19 de xullo entre as 10.30 e as 12.00 horas. As inscricións están xa abertas.

Ademais do devandito outra das finalidades desta xornada formativa é “dar a coñecer os riscos aos que nos sometemos cando compartimos datos na Rede e tamén abordar aspectos que debemos ter en conta para protexernos cando se realizan determinados trámites en liña”. En definitiva, saber identificar os bulos en Internet e recoñecer os riscos. As prazas son limitadas e requírese inscrición previa, que se pode facer mediante o correo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 ou no 629 769 139.

08/07/202210:07
Sinatura do acordo de colaboración para a implantación do máster dual.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o primeiro máster de FP dual en intelixencia artificial e big data en colaboración coa empresa NTT Data

A Xunta de Galicia en colaboración coa empresa NTT Data Spain SLU vai poñer en marcha a primeira especialización de FP Dual de Galicia e das primeiras de España en Intelixencia Artificial e Big Data, que se impartirá o próximo curso 2022-23 no instituto IES Fernando Wirtz Suárez, na Coruña.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e mais Sergi Biosca, CEO da compañía en España, asinaron o acordo de colaboración para a implantación deste máster dual, nun acto no que estiveron acompañados de Alberto Borrego, responsable de NTT Data en Galicia, e do director xeral de Formación Profesional, José Luis Mira.

Román Rodríguez salientou que a posta en marcha deste curso dual é “un paso adiante na oferta de FP” e responde á folla de ruta do Goberno galego de apostar por disciplinas “de alta especialización, alto valor engadido e alta empregabilidade” que son clave para o presente e o futuro da sociedade “e cada vez máis solicitadas non só polas empresas tecnolóxicas, senón polas firmas de todos os sectores”.

O conselleiro aproveitou a súa intervención para agradecer a implicación da empresa NTT Data neste proxecto, “unha compañía referente no eido das novas tecnoloxías que ten unha dimensión global con presenza en máis de 50 países e con sedes na Coruña e en Santiago”. “Grazas a empresas coma esta -engadiu- hoxe en Galicia temos unha FP dual plenamente consolidada e afincada no noso tecido produtivo”.

Pola súa banda, Sergi Biosca, CEO de NTT DATA España salientou que “a empresa está comprometida co desenvolvemento de emprego de calidade que contribúa a crear oportunidades para que todas aquelas persoas que queiran medrar profesionalmente poidan traballar aportando valor á sociedade nun marco de flexibilidade e benestar persoal. Ser pioneiros neste tipo de formación coa Xunta é un paso máis para conseguilo”.

800 empresas colaboradoras

A día de hoxe a Consellería conta coa colaboración de 800 empresas para desenvolver a modalidade de formación dual cun itinerario formativo completo que comeza na FP de grao básico e remata nos másteres de FP, estes últimos centrados en áreas de futuro como son a intelixencia artificial, o big data, a ciberseguridade, os drons ou a fabricación aditiva entre outros.

Os centros educativos galegos ofertarán o próximo curso un total de 35 másteres de FP, que suman 700 prazas (160 prazas e nove curso de especialización máis que este curso). No caso concreto da modalidade dual -con taxas de inserción laboral que superan o 96%- tamén se ve significativamente reforzada con 120 novos proxectos e un total de 1.896 prazas, unhas 460 máis.

Competencias en programación e sistemas intelixentes

O máster de FP Dual en Intelixencia artificial e big data disporá de 20 prazas e conta con 600 horas lectivas de formación curricular, 400 delas (o 67%) que se desenvolverán no centro educativo e as 200 restantes (o 33%) na empresa.

Durante a súa realización os alumnos capacitaranse en competencias como a programación e a aplicación de sistemas intelixentes que optimizan a xestión da información e a explotación de datos masivos, sempre respectando o acceso seguro así como os principios éticos e legais establecidos.

No período de formación na empresa os alumnos están dados de alta na Seguridade Social, cotizando e percibindo unha compensación económica pola actividade que realizan.

07/07/202217:07
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Xunta presenta o anteproxecto da obra do novo centro de procesamento de datos, que estará construido en 2025 e contará cunha inversión de máis de 25 millóns de euros

  • As novas instalacións ocuparán unha superficie de máis de 8.000 metros cadrados no parque empresarial da Sionlla
  • Contará con unha potencia IT mínima na primeira fase de 700kW, que se poderá ampliar no futuro a 1.5 MW
  • O novo CPD mellorará a eficiencia enerxética dos CPDs actuais
  • O CPD permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais
  • Será o único CPD das Administracións públicas españolas en cumprir coa máxima esixencia mundial de seguridade e dispoñer da certificación TIER 4
  • Esta nova infraestrutura aumentará a estabilidade e evitará posibles caídas de servizos críticos, como a sanidade ou a educación
  • O CPD será o elemento central na primeira fase de implantación da estratexia para o uso da tecnoloxía ‘Cloud’ no sector público autonómico

A Xunta de Galicia construirá un novo Centro de Procesamento de Datos no parque empresarial da Sionlla que garantirá a estabilidade na prestación dos servizos da administración dixital e permitirá afrontar a estratexia para o uso da tecnoloxía ‘Cloud’, segundo o informe presentado hoxe no Consello de Goberno.

A construción do edificio que albergará o novo CPD implicará un investimento de máis de 25 millóns de euros, e está previsto que estea rematado en 2025.

O novo proxecto unificará nunha mesma superficie o CPD, un centro loxístico conectado cos centros de provisión para a óptima xestión do equipamento tecnolóxico do sector público e salas para persoal técnico de administración dos sistemas e infraestruturas do CPD.

O centro loxístico terá unha superficie construída de case 900 m2.

O obxectivo do novo CPD é o de afrontar os retos derivados do aumento das tramitacións administrativas que se fan pola vía telemática, que son xa o 78% do total. A Xunta dispón actualmente dun Centro de Proceso de Datos Integral no Gaiás cunha superficie de 1.275 metros cadrados, que alberga 2.500 servidores cunha capacidade de almacenamento de 13 petabytes. A súa posta en marcha en 2012 supuxo un fito tecnolóxico na Comunidade que permitiu modernizar, racionalizar e homoxeneizar a prestación dos distintos servizos dixitais ós cidadáns.

O CPDI do Gaiás conta cun CPD de respaldo en San Caetano para permitir o mantemento de servizos críticos en caso de incidencias. Sen embargo este CPD de respaldo está ao límite da súa capacidade para albergar novos sistemas tecnolóxicos, carece de posibilidades de ampliación e a maioría das súas infraestruturas eléctricas e de climatización están próximas ao fin da súa vida útil. 

O novo Centro proporcionará estabilidade á prestación dos servizos públicos e de administración dixital e evitará caídas de servizos críticos como a sanidade, a educación ou a sede electrónica.

O Centro de Datos da Sionlla será o único dunha administración pública española en cumprir coas maiores esixencias mundiais de seguridade, que certifica o Uptime Institute coa cualificación Tier-4.

As certificacións do Uptime Institute están consideradas o estándar globalmente recoñecido para a fiabilidade e o desempeño xeral dos centros de datos. Actualmente hai máis de 2.012 certificacións emitidas en 109 países, que van dende o primeiro nivel (Tier-1) ata o máis esixente (Tier-4).

No caso da Certificación Tier-4, que é a que terá o novo Data Center da Xunta, a cualificación é de “Centro de datos tolerante aos fallos”, polo que pode soportar os fallos de calquera dos seus compoñentes que inhabilite a subministración eléctrica ou de refrixeración. A dispoñibilidade é dun 99,995% e o tempo de indispoñibilidade para o mantemento ao ano é de 52,56 minutos.

O Centro de Datos da Sionlla terá un PUE (Power Usage Effectiveness) inferior a 1,23.  O PUE dá unha medida da cantidade total de enerxía que necesita un centro de proceso de datos en relación coa enerxía que os equipos de TI aloxados no CPD utilizan directamente. Os sistemas de refrixeración, combinados coa enerxía necesaria para alimentar os equipos aloxados no CPD, son dous factores fundamentais que determinan, en gran parte, os custes do consumo enerxético nos centros de datos. A maioría dos centros de datos teñen valores de PUE próximos a 3.0. Coa optimización da infraestrutura, pódense alcanzar valores de ata 1.16 nos CPDs mais eficientes.

O novo edificio contará con placas solares na cuberta, o que permitirá xerar ata un 25% da potencia consumida mediante enerxía limpa, renovable e non contaminante.

O novo CPD ocupará unha superficie de máis de 8.000 metros cadrados no parque empresarial da Sionlla. Ademais de reforzar a Administración dixital, será a infraestrutura central na primeira fase da estratexia para o uso da tecnoloxía ‘Cloud’ no sector público autonómico.

Ao longo deste ano, a Xunta afrontará a posta en marcha da súa ‘Cloud’ privada, implantará un modelo de gobernanza ‘Cloud’ e un modelo de contratación de servizos de ‘Cloud’ pública. A aplicación desta tecnoloxía beneficiará á Administración cun maior aforro de custos, melloras na eficiencia da xestión das infraestruturas de tecnoloxías da información, na compartición de recursos entre os diferentes entes públicos ou na produtividade.

07/07/202216:07
Mans tecleando en dous portátiles.
Santiago de Compostela

Rueda anuncia que Galicia contará cun dos primeiros computadores cuánticos do sur de Europa

  • O presidente resalta que o obxectivo da Xunta é afianzar a Galicia “coma un referente neste tipo de tecnoloxía”
  • A licitación, que o Centro de Supercomputación de Galicia realizará este mesmo mes, conta cun investimento de 13,9 millóns de euros e enmárcase no convenio asinado pola Administración autonómica co Centro
  • Terá como elemento central un computador cuántico aberto á comunidade investigadora e aos sectores empresariais estratéxicos
  • Esta adquisición supón avanzar no Polo das Tecnoloxías Cuánticas, no que a Xunta xa está executando accións por máis de 30 M€

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe tras a reunión do Consello que Galicia “albergará un dos primeiros computadores cuánticos que haberá no sur de Europa” que se instalará no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e no que se investirán 13,9 millóns de euros. O obxectivo, resaltou, “é afianzar a Galicia coma un referente en tecnoloxía cuántica” cun equipamento que busca ser “un referente nacional e internacional”.

Rueda subliñou que este innovador computador estará aberto “a comunidade investigadora” como as universidades e centros tecnolóxicos e tamén estará dispoñible para sectores empresariais estratéxicos “que cada vez teñen máis necesidade” deste tipo de tecnoloxía. A través da adquisición deste novo computador cuántico, explicou, Galicia segue avanzando no seu Polo de Tecnoloxías Cuánticas, xa que se prevé licitar este contrato este mesmo mes de xullo co obxectivo de formalizalo no outono.

A adquisición ten como elemento central un computador cuántico flexible e integrado con outros elementos de computación para facer desta nova infraestrutura un referente nacional e internacional, aberto á comunidade investigadora -universidades, centros de investigación e centros tecnolóxicos- e aos sectores empresariais estratéxicos. Constará de catro elementos: un computador cuántico, un computador de altas prestacións para o desenvolvemento de software, un emulador de algoritmos cuánticos e un sistema de almacenamento onde aloxar os resultados dos novos algoritmos para a súa análise e validación. O obxectivo é que permita crear algoritmos cuánticos aplicables a necesidades tanto públicas como empresariais.

Tendo en conta que as tecnoloxías cuánticas actuarán como elemento tecnolóxico disruptivo para acelerar o desenvolvemento económico en todos os sectores, o obxectivo desta infraestrutura, en concreto, e do Polo das Tecnoloxías Cuánticas, en xeral, é posicionar a Galicia e mantela nos postos de cabeza neste ámbito. Permitirá facilitar a transición dixital e mellorar a competitividade empresarial grazas ao seu uso, así como atraer talento investigador. De feito, prevese que a computación cuántica supoña un salto tecnolóxico comparable ao que houbo coa chegada da informática.

O Polo conta cunha estimación de investimentos de máis de 150 millóns de euros e xirará arredor da excelencia científica e técnica, o emprego cualificado, a innovación e transferencia tecnolóxica e a aceptación social, ética e sustentable. Ademais, busca a participación de todos os axentes do ecosistema innovador e a coordinación de accións e, nese sentido, aspira a captar fondos europeos Next Generation.

Na actualidade xa se están executando accións que supoñen máis de 30 millóns de euros pois, xunto con esta licitación que forma parte do convenio co Cesga (15 millóns de euros), tamén se suman iniciativas como os convenios coas tres universidades (9,6M€).

07/07/202215:07
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Xunta aproba un investimento de 40 millóns de euros para avanzar nunha administración dixital do século XXI

  • O Consello da Xunta aproba o III Plan de Administración e Goberno Dixital de Galicia
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia aposta pola automatización e axilización dos procesos, a xestión intelixente do dato e a identidade dixital da cidadanía
  • A través de 7 eixos estratéxicos, o III Plan de Administración e Goberno Dixital implantará a identidade dixital da cidadanía, establecerá os sistemas para ofrecer unha atención proactiva e personalizada, e unha administración dixitalizada, automatizada, intelixente e accesible
  • Unha das iniciativas para incrementar a accesibilidade será a activación da aplicación móbil Xunta EU, que permitirá “levar a Xunta no móbil”, concentrando nun único punto todos os servizos transversais da Xunta
  • O novo plan busca transformar o xeito no que se desenvolven os servizos públicos grazas ao potencial das tecnoloxías innovadoras e tras acadar unha madurez dixital tras as medidas dos dous plans anteriores, nos que se investiron preto de 60 millóns

O Consello da Xunta aprobou hoxe o III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 para transformar a forma na que desenvolven os seus servizos apoiándose en dous elementos diferenciais, a xestión do dato e a intelixencia artificial. Cun investimento de 40 millóns de euros o plan establece a folla de ruta para deseñar uns servizos públicos centrados na cidadanía capaces de adiantarse ás súas necesidades, accesibles e confiables.

O Plan enmárcase na primeira liña estratéxica da Estratexia Galicia Dixital 2030 e integra os valores que promove a EGD para dar un paso adiante no servizo público promovendo a axilidade a través da automatización dos procesos; a inclusión, impulsando a universalización dos servizos públicos; a participación, afondando nas posibilidades da xestión intelixente do dato; a proactividade, a proximidade, a personalización dos servizos e o reforzo da seguridade para crear unha contorna confiable para a cidadanía

Identidade dixital

O plan estrutúrase en 7 liñas de traballo que comezan pola posta en marcha da identidade dixital do cidadán. Trátase de implantar unha identificación única de cada persoa que se relaciona coa administración, que inclúe tanto a simplificación da sinatura dixital como o desenvolvemento de servizos avanzados na carpeta cidadá, que cobrará especial importancia como punto no que se concentra toda a información e documentos en formato electrónico da relación da persoa coa administración.

Administración proactiva, personalizada

A segunda liña do Plan céntrase na Administración proactiva e personalizada para o que porá en marcha un modelo de atención omnicanle, especializado e proactivo para a atención co cidadán.

A aplicación da intelixencia Artificial permitirá a creación de asistentes virtuais, tanto dun primeiro nivel de atención para resolver as cuestións máis sinxelas e asistentes virtuais especializados para acompañar aos cidadáns nos ámbitos máis específicos.

Tamén se dotará as oficinas de atención á cidadanía e rexistro para que o persoal das mesmas poida prestar unha atención completa e personalizada, a posta en marcha do funcionario habilitado; facilitar o acceso aos servizos da oficina estendendo os servizos de xestión de citas e a videoatención e habilitar áreas de autoservizo.

Evolucionarase a sede electrónica creando canles especializadas e a canle Galicia Empresa para ofrecer un acompañamento especializado para a tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e as iniciativas empresariais prioritarias.

A Xunta no móbil

Unha das iniciativas destacadas para facilitar a accesiblidade aos servizos públicos é o desenvolvemento dunha aplicación de referencia que concentrará os servizos transversais da Xunta nun só punto. A app XuntaEU resposta ao compromiso recollido na EGD 2020 de levar a Xunta no móbil.

XuntaEU permitirá xestionar desde o móbil o acceso á carpeta do cidadán, notificacións electrónicas, queixas suxestións, avisos, ou descargas de certificados persoais, entre outros moitos servizos.

Administración dixitalizada e automatizada

Na terceira liña centrada na consecución dunha administración dixitalizada e automatizada aplicaranse tecnoloxías e automatización robótica de procesos (RPA), afondarase na interoperabilidade, ampliaranse novos servizos da plataforma Pasaxe!. Tamén se avanzará na sinatura dixital en mobilidade para que os empregados públicos poidan facer uso dela desde calquera dispositivo.  Ademais, nas oficinas de atención á cidadanía implantarase a sinatura manuscrita dixitalizada, que evitará a impresión e posterior dixitalización dun documento.

Administración Intelixente

A xestión do dato é un dos piares do plan, que contempla o deseño dun plan de xestión corporativa do dato para desenvolver produtos e servizos avanzados, convertendo o dato en coñecemento, aplicando tecnoloxías para a análise do que está a acontecer e facilitar a toma de decisións.

Nesta mesma liña abordarase a mellora continua dos espazos de transparencia, para o que afondará na automatización de información, a ampliación de contidos e a simplificación do acceso aos mesmos como nas canles de participación na planificación da acción pública.

Espazo dixital do emprego público

En liña co establecido na EGD2030 de evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, crearase unha canle dixital na xestión do emprego público, estenderse o expediente dixital do persoal empregado público, revisarse o modelo de acreditación dixital e consolidarase a actual intranet como un espazo de colaboración e comunicación integrada.

Administración Accesible

A consolidación dunha administración dixital require unha utilización ampla e axeitada por parte da cidadanía. Nesta liña cobra especial importancia o desenvolvemento do Marco Galego de Competencias Dixitais ademais doutras iniciativas como facer fincapé no deseño sinxelo e comprensible dos servizos públicos por parte da cidadanía. Tamén se incidirá na difusión dos servizos públicos dispoñibles e o seu aproveitamento.

Gobernanza e coordinación

Neste plan seguen vixentes instrumentos de coordinación como a comisión de Seguridade e Goberno electrónico, na que están representadas todas as consellerías da Xunta de Galicia. Darase continuidade ao modelo de cooperación interadministrativo tanto a nivel da comunidade como coa Administración Xeral do Estado. Outro instrumento chave nesta liña é o sistema de indicadores de administración que recolle o nivel de uso dos diferentes sistemas da Administración dixital o que permite a avaliación, análise e control das actuacións que se desenvolven. Aliñado co Marco Galego de Competencias Dixitais desenvolveranse os plans de capacitación do empregado público.

07/07/202212:07
Entrega dun robot LOLA a Aspace A Coruña.
A Coruña

O CITIC participa na posta en marcha dun robot para asistir a persoas con parálise cerebral

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña compartiu detalles dun proxecto no que está a colaborar e que consiste en crear un robot de baixo custe con Intelixencia Artificial para proporcionar asistencia a persoas con parálise cerebral. Trátase da plataforma LOLA, posta en marcha por un grupo de investigadores/as da Universidade de Alcalá. Este equipo visitou a semana pasada o CITIC para entregar un robot a ASPACE Coruña.

A plataforma desenvolveuse no marco do proxecto AIR4DP (Artificial Intelligence and Robotic Assistive Technology devices for Disabled People), no que colabora o CITIC xunto co grupo GRAM da Universidade de Alcalá e o grupo TAIS da Universidade de Sevilla.

Na dita visita o persoal investigador do grupo GRAM entregou o robot asistencial LOLA a ASPACE Coruña e ofreceu unha formación sobre a súa utilización tanto ao equipo de profesionais de ASPACE como ao do CITIC. Ademais, xunto co investigador Manuel Lagos, o equipo de investigación tivo oportunidade de coñecer as instalacións do CITIC e visitar o Demostrador Tecnolóxico, onde coñeceron varios proxectos de investigación desenvolvidos no centro. Durante estes primeiros días do mes de xullo darán comezo as sesións de intervención con LOLA cun grupo de usuarios/as de ASPACE Coruña, e o CITIC encargarase da avaliación da plataforma robótica como tecnoloxía de apoio na vida de persoas con diversidade funcional.

Máis detalles da plataforma

AIR4DP presenta un proxecto multidisciplinar e investigación transfronteiriza, onde o principal obxectivo consiste no desenvolvemento de solucións robóticas novas baseadas en IA e Visión Artificial con capacidades avanzadas de mobilidade e de interacción humano-robot, elementos destinados a “mellorar a independencia e estimulación de persoas con discapacidade”. O proxecto está dividido en tres subproxectos, un dos cales é MATCH, que ten a finalidade de obter a mellor evidencia sobre o impacto da tecnoloxía asistencial baseada en IA na vida das persoas con diversidade funcional, no cal está implicado o CITIC.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS